19 de xuño: Solemnidade do Corpo e Sangue de Cristo
1ª lectura: Xen 14, 18-20. Salmo 109: 1. 2. 3. 4.
2ª lectura: 1Cor 11, 23-26.
Evanxeo: Lc 9,11b-17
Unha vez Xesús empezou a falarlle á xente do reino de Deus e curaba a cantas persoas o necesitaban. E, como xa ía caendo o día, achegáronse os doce e dixéronlle:
—Despide a xente, para que vaian as vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e onde atopen algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.
Pero el contestoulles:
—Dádelles vós de comer.
Eles contestaron:
—Pero, se non temos máis ca cinco bolos de pan e dous peixes! A non ser que vaiamos mercar mantenza para toda esta xente.
Eran uns cinco mil homes. Pero el díxolles aos seus discípulos:
—Colocádeos en grupos e cincuenta.
Dixéronllelo e sentaron todos. El colleu os cinco pans e máis os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todo a fartar e coas sobras encheron aínda doce cestas.
Meditación
O evanxeo de hoxe non describe unha celebración eucarística, onde o Corpo e o Sangue de Cristo sexan expresamente mostrados e expresamente recoñecidos e comungados pola xente con agradecemento, pero ábrenos un moi interesante fondo desde o que poder comprender de forma conveniente o sentido, a orientación dunha celebración cristiá da Eucaristía, e polo tanto tamén o sentido do recoñecemento, acollida e adoración agradecida do Corpo e do Sangue de Cristo.
Xesús está coa xente, co pobo; fálalles da novidade do Reino de Deus, que, polo que ía mostrando coa súa palabra e cos seus feitos, era un movemento de renovación para as persoas e para o conxunto da sociedade, baseado na desbordante misericordia de Deus, e na inclinación especial por aquelas persoas e grupos sociais que máis especialmente estaban sendo marxinados, diminuídos por calquera clase de poder político ou relixioso, por calquera clase de abandono ético ou espiritual. Xesús falaba e curaba, atendía a saúde, os corpos e os espíritos da xente, o benestar total das persoas que o rodeaban. Xesús manda asumir a organización dunha comida de pan e peixe, para que a xente famenta non volva ás súas casas derreada, a base de compartir o pouco que había nas faldriqueiras dalgúns ou dalgunhas asistentes. Sobra comida cando non se amorea con egoísmo e cando se comparte con xenerosidade. Ninguén foi excluído daquel banquete solidario, porque, aínda que o evanxelista se encarga que sinalar de que os asistentes eran cinco mil homes, ben sabemos todos que onde había homes había tamén mulleres, e seguro que tanto ou máis devotas de compartir e repartir do que calquera outro. O de menos é saber se todo o contado polo evanxelista foi certo ou foi ficción, porque o interese do relato non está na súa historicidade, senón no seu dinamismo interior, no marco que ofrece dunha maneira nova de ser persoa relixiosa no medio do pobo, no soño de Deus no medio do pobo.
Sabemos que a celebración da Última Cea, berce de todas as Eucaristías cristiás, estivo precedida e anunciada en Xesús por unha serie de encontros de comida, uns máis multitudinarios, outros máis íntimos e familiares, nos que Xesús marcaba os sinais, as características desa comunidade nova, desa sociedade nova, que el chamaba o Reino de Deus no medio de nós. Nesas comidas Xesús marcaba tamén as características que había ter o culto, a celebración relixiosa dos seus seguidores e seguidoras. Abría camiños, sinalaba horizontes, marcaba insistencias. Xesús deu en ter fama pola súa afección ás comidas. Xesús empezou a chamar a atención por este estilo de facer comidas, que chocaban moito co rigor co que as persoas relixiosas do seu tempo entendían e vivían iso das comidas. A xente relixiosa contemporánea de Xesús rodeaba as comidas de moitos ritos de pureza, e, sobre todo, coidaba moito de mirar a ver con quen comía, desde logo non con persoas de mala reputación moral, porque entendían que comer con esa xente non indicaba ben a distancia que se debía manter con tales persoas. Xesús incumpría con estes criterios relixiosos do seu tempo. Por iso Xesús foi moi criticado polas autoridades relixiosas, e incluso se ten dito que Xesús foi matado pola maneira como comía, por comer coa xente coa que comía.
Co tempo as Misas, as Eucaristías cristiás foron evolucionando moito. Ata chegar ás nosas Misas de hoxe, moi ritualizadas, moi ordenadas, moi iguais unhas ás outras, moi frías en xeral, moi cheas de formas solemnes, que para algunhas persoas son condición imprescindible para achegarnos ao misterio de Deus, ao que nas Misas podemos acceder; Misas en xeral pouco vinculadas á realidade da xente que máis lle doía a Xesús, a xente que andaba derreada polo peso da vida. Misas abertas ao todo o mundo, si, ninguén é excluído, pero que no momento da comuñón, na hora precisa da comida no Corpo e co Corpo e o Sangue de Xesús pecha portas e nega o ofrecemento de Xesús a aquelas persoas polas que Xesús sentía especial predilección: pecadores e pecadoras, marxinados e marxinadas polos ben pensantes relixiosos de cada tempo.
A festa do Corpo e do Sangue de Cristo introduciuse na igrexa na Idade Media, cando os teólogos, e con eles o pobo cristián, empezaron a poñer a atención e o debate en si no Pan e no Viño santos das Misas estaba Xesús realmente presente ou non. Crearon a explicación da transustanciación, abriron un camiño novo de veneración ao Corpo de Cristo na súa forma eucarística, que ten aportado moitas cousas boas, pero que tamén ten contribuído a un distanciamento das formas primeiras de fondo carácter comunitario e social, de fondo servizo da misericordia, coas que Xesús gustaba de rodear aquelas comidas súas que puxeron as bases da Eucaristía, da Misa nosa.
Como persoas, como comunidades cristiás, todos, todas debemos cuestionarnos que temos feito coa celebración eucarística, que temos feito co Corpo e co Sangue de Cristo entregados por nós, e por todo o mundo, sen exclusión ningunha. Os evanxeos ofrécennos o marco axeitado para unha boa práctica da Eucaristía, da Misa. Caer na conta da identificación, como o mesmo Xesús dixo, do seu Corpo e do seu Sangue co Corpo e co Sangue de todo ser humano, e especialmente co das persoas máis abusadas, que máis o teñen lesionado, deteriorado, iso parece ser a clave para unha correcta integración da veneración do Corpo e do Sangue de Xesús o Cristo na celebración da Misa e en toda a vida cristiá.
Preces
DÁDELLES VÓS DE COMER
Vemos, Xesús, a tanta xente precisada de pan e de menciñas, no noso mesmo país e tamén polo mundo adiante, e acollemos con seriedade as palabras que nos dis:
Vemos tamén, Xesús, a xente precisada de acollida, de afecto, de acompañamento para as complexidades da vida, e, como persoas e como comunidade cristiá, escoitamos a túa voz urxente:
Vemos, Xesús, persoas famentas de espazos relixiosos sinxelos e fondos a un tempo, de celebracións vivas, sentidas, alentadoras, onde ninguén se sinta excluído, onde todos/todas teñamos un lugar, e escoitámoste dicirnos:
Vemos tamén, Xesús, como ti convertiches o teu corpo e o teu sangue en mantenza e vigor para cantas persoas se teñen achegado a ti, e invítasnos a que tamén nós fagamos do noso corpo e sangue mantenza para a xente máis fráxil e diminuída, e oímos que nos dis:
Vemos, Xesús, persoas tristes, apagadas, nas nosas parroquias, nos nosos pobos; xente precisada de encontros, de alegrías, de festas, de ilusións, de palabra quente e animadora, e escoitámoste dicirnos:
E aínda cando nós mesmos/as estamos tan precisados/as do teu Corpo e do teu Sangue, do teu vigor e da túa compaña, nunha fonda chamada á solidariedade que a todos/todas nos renova, oímos a túa voz alentadora dicindo:
Oración
Non me digas que non tes nada que aportarpara a vida, para a festa, para o gozo da comunidade!Faise comunidade coa graza de todos e todas.Faise parroquia cos brazos de todos e todas.Faise pobo cando todos e todas arrimamos o lombo.Faise Reino de Deus co Corpo e co Sangue de todos e todas.Busca, rebuscano teu peto, no teu bolso, no teu corazón.Mira para as túas mans,escoita as túas propias palabras,pon a man sobre o teu peito.Canto vales! Canto sabes! Canto podes!Xunta o teu pan aos cinco pans daquel veciño,xunta o teu peixe aos dous peixes daquela veciña,para facer posible o milagre da abundancia,o gozo da mantenza para a xente famenta,a alegría de sermos, sentirnos comunidade,en Deus, alento e vigor de todo canto une.Non teñas medo a perder, a quedar baleira/a;canto pos en servizo da comunidade—casa, cartos, afectos, tempos, ansias, gozos, soños...—-,multiplicarase nas túas mansen formas e maneiras inimaxinables,porque Deus non é Deus de escasezas, senón de abundancias,e ten para dar moito máis do que deixa dado.Experimenta con Xesús, ben achegada/o a el,a enorme liberdade e alegría de ser Pan e Viño,Corpo e Sangue santos,para a ledicia da xente,para a festa e liberación do pobo.E entrarás sinxelamente na rolda amorosa de Deus,que é e atopa gloria no resplandor da comunidade.
Acción
A festa do Corpo e Sangue de Cristo sempre nos invita a ver como está sendo o noso compromiso coa xente máis desfavorecida da nosa comunidade ou pobo. Que facemos por esa xente? Que poderiamos facer?
20 de xuño: Luns da 12 semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 12, 1-9. Salmo: 32, 12-13. 18-19. 20 e 22
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 17, 5-8. 13-15a. 18. Salmo: 59, 3. 4-5. 12-13
Evanxeo: Mt 7,1-5
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. Porque co xuízo co que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. ¿Por qué reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? E, ¿como lle vas dicir a teu irmán: “Deixa que che quite o lixo que tes no ollo”, tendo ti unha trabe no teu? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
Meditación
Canto necesitamos andar con total humildade pola vida! Todas, todos temos a tendencia a vernos a nós mesmas/os no certo, na verdade, con comportamentos correctos sempre coa familia, cos veciños e veciñas, nas cousas da fe cristiá. A todos e todas nos sae andar xulgando e criticando a uns e outros, subliñando os seus defectos e pecados, que os terán, para así quedar sempre nós máis por riba, como persoas boas, xustas, correctas en todo.
Xesús invítanos a ollar para nós mesmos. Invítanos a ser honestas e verdadeiras con nós mesmas. Invítanos a non deixarnos enganar, que é moi doado facelo. Invítanos a ollar os nosos feitos con obxectividade, sen trampas; invítanos a ollar as nosas intencións, o que nos move por dentro, aló no fondo, porque é aí onde nace o ben ou o mal, a bondade ou a malicia. Se nos miramos con calma, con verdade e a fondo, seguro que se nos quitarán as ganas de andar criticando a demais xente, teremos unha ollada moito máis humilde, máis comprensiva, máis agarimosa, e axudaremos mellor a facer comunidade, parroquia e pobo.
Oración
Que gran regalo, meu Deus,o de aprenderme a ollar para min mesmo!Que gran regalodescubrir con paz e humildade as miñas zonas escuras!Que gran regaloabrirme os ollos para ver o mal que fago, o ben que deixo de facer!Que gran regalopoder mergullarme nas miñas intencións de fondoe descubrir as trampas do meu ser, do meu actuar!Que gran regalopoder facerme así persoa comprensiva, amorosa, paciente,persoa comunitaria, persoa irmá.Que gran regaloa palabra próxima, amorosa, de quen me avisa e corrixe!Meu Deus, meu Deus,que saiba abrir o corazón para recibir ese teu regalo!Grazas.
Acción
¿Estamos facendo dalgún xeito, con algunha persoa, iso do que nos advirte Xesús? ¿Estámolo facendo tamén con algún grupo, algún sector da Igrexa, algún partido político? ¿Como podiamos cambialo? ¿Como corrixir e deixarnos corrixir con humildade, con amor?
21 de xuño: Martes da 12ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 13, 2. 5-18. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 19, 9b-11. 14-21. 31-35a. 36. Salmo: 47, 2-3a. 3b-4. 10-11.
Evanxeo: Mt 7, 6. 12-14
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non deades o sagrado aos cans nin lle botedes as vosas perlas aos porcos; non sexa que as esmaguen cos pés e, virándose, vos esnaquicen.
Así que tratade a xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e máis os Profetas. Entrade pola porta estreita, porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitas as persoas que entran por el. Pero ¡que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!
Meditación
Tres advertencias sinxelas por parte de Xesús. Cans e porcos eran animais impuros na cultura xudía; con este dito parece que Xesús nos invita a coidar o regalo de Deus que recibimos: sermos fillos e fillas del, sermos irmáns e irmás entre nós, querer estender a irmandade a toda a xente, sexa da raza, cor, país, cultura o relixión que sexa. Non xogar con isto, estimalo moito; é o noso tesouro cristián que temos que coidar con moito coidado. Se non o coidamos, a nosa falla de coherencia destrúenos a nós mesmos.
Tratar a xente como nos gustaría que a nós nos tratasen. Que cousa máis sinxela e necesaria. Canto cambiaría a nosa convivencia diaria se o fixésemos así!
Porta estreita e porta ancha: si, porque o ben que soñamos para nós e para a xente toda do mundo é un regalo de Deus, pero, ao tempo, é tamén froito do noso esforzo. Esforzo, constancia, capacidade de sacrificio ás veces, renuncia, resistencia, resiliencia, superar gustos e apetencias, etc., son cousas que parecen pasadas de moda, pero que, sabiamente vividas, son imprescindibles para calquera crecemento humano, espiritual, relixioso. A iso tamén nos invita Xesús, porque nos quere ver sans e robustos na vida.
Oración
Xesús,quero estar cabo tipara que me aprendasas cousas simples e fondas da vida.Gústame iso de non xogar coa vida, Xesús,de non xogar coa xente, coa convivencia,de coidar todo o que a agranda e favorece.Gústame tamén iso de non xogar coa fe,non xogar contigo, con Deus,non xogar coas cousas todas do teu Evanxeo:acollelo, amalo e, no que poida, vivilo.Estou disposto a traballar, a esforzarme,a non deixarme levar pola preguiza, polas apetencias.Apréndeme a facelo sabiamente, Xesús,para que en min, en todos e todas nós,resplandeza a vida, a ledicia, a paz e o ben;e así facer da vida un xogo gozosoe do trato coa xente e con Deus unha festa permanente.
Acción
Por nugalla ou preguiza, por abandono, por andar ao máis doado, ¿estamos quizais deixando de facer cousas que vemos proveitosas para nós, para a familia, para a comunidade, para a sociedade? ¿Non poderiamos cambiar algo?
22 de xuño: Mércores da 12ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 15, 1-12. 17-18. Salmo: 104, 1-2. 3-4. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 22, 8-13; 23, 1-3. Salmo: 118, 33. 34. 35. 36. 37. 40
Evanxeo: Mt 7, 15-20
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero no fondo non son máis ca lobos rapaces! Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos? Toda árbore boa produce froitos bos, e toda árbore mala produce froitos ruíns. Unha árbore boa non pode producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos bos. Toda árbore que non produce froitos bos córtase e bótase no lume. Así que polos seus froitos é como os coñeceredes.
Meditación
O falar non ten cancelas, afirma o dito popular galego. “Obras son amores y no buenas razones”, afirma tamén o dito castelán. Ambas as dúas resumen moi ben o que xa Xesús nos quixo dicir, e que todos entendemos perfectamente. Os feitos de vida son os que nos din a verdade sobre nós mesmas e sobre as demais persoas: o que somos e o que non somos, o que son e o que non son. Botar discursos, escribir é doado; fano moitos feirantes que hai no campo do consumo, da política, da mesma relixión. O sentido común débenos poñer en garda, sobre todo ante aquelas persoas que encobren a súa malicia debaixo dunha aparencia de mansedume, de verdade, de bos razoamentos.
Nos nosos tempos cómpre moito ter da man este criterio, porque constantemente estamos sendo bombardeados por palabras, imaxes, noticias, presuntas verdades e seguridades sobre todo, que nos chegan por medio dos moitos medios de comunicación. Para saber o que é bo e o que é malo as persoas cristiás ollamos con confianza os feitos de Xesús.
Oración
Veraz,coherente,transparente.Amiga da palabraconfirmada polos feitos.Amiga dos feitosque sustenten as palabras.Froita boa de árbore tamén boa,para solaz meu e de quen me rodee na vida.Cousa saborosa que te glorifique,meu Deus, fonte de todo ben;persoa de quen se fiar,para que medre a verdade,a honradez, a ledicia,e con elas a paz.Así me queres ti, Xesús,Así, por ti, me quero eu.Grazas.
Acción
Revisemos un pouco as nosas palabras de cada día ante diferentes persoas. ¿Son palabras sempre cheas de verdade, acompañadas de feitos? Algo poderemos facer para poñer máis verdade na nosa vida.
23 de xuño: Natividade de San Xoán Bautista
(trasládese a hoxe por celebrarse mañá a festa do Sagrado Corazón de Xesús)
1ª lectura: Is 49, 1-6. Salmo: 138, 1-3. 13-14. 15
2ª lectura: Feit 132, 22-26
Evanxeo: Lc 1, 57-66.80
Cando a Sabela se lle cumpriu o tempo, deu a luz un fillo. En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. Aos oito días levárono a circuncidar e queríanlle poñer o nome de Zacarías coma seu pai. Pero interveu a nai dicindo:
—Non, chamarase Xoán!
Eles replicaron:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
Preguntáronlle por xestos ao pai, como quería que se chamase. El pediu con que escribir e puxo:
—Xoán é o nome do meniño.
Todos ficaron sorprendidos. E se súpeto ceibóuselle a lingua e empezou a falar bendicindo a Deus. A xente veciña quedou toda abraiada e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa.Todos os que o oían dicían moi impresionados: “¿Qué vai ser deste neno?” Porque a man de Deus estaba con el.
O meniño medraba, robustecíase o seu espírito e vivía no deserto ata o día de se manifestar a Israel.
Meditación
Xoán e o froito da fraxilidade feminina de Sabela confiada en Deus. O mesmo que Xesús será o froito da fraxilidade feminina de María confiada en Deus. Zacarías estivo aí, Xosé estivo aí, acompañando e compartindo feitos e procesos. Ambos, Xoán e Xesús, teñen a mesma matriz: o regalo de Deus intervindo misteriosamente na historia das persoas, da humanidade, a través de circunstancias simples, normais: naceron coma uns de tantos, diría San Paulo.
Xoán foi unha persoa que chegou fondamente á alma de Xesús. Cando este andaba en busca, atopou en Xoán un ideal de vida e de tarefa; encantoulle a súa austeridade libre, como estaba absolutamente cimentado en Deus, como lle doía a relixiosidade baleira que se promovía desde a institución; encantáballe a súa liberdade para falar sen medos desde o que lle nacía no seu propio corazón, e tamén iso de entender que a relixión boa tiña moito que ver coa honradez, co non abuso, co respecto, co compartir. Como Xesús, Xoán foi forte ata dar a vida polo que entendía que era o mellor servizo a Deus e á xente. Xesús bebeu moito desta fonte, aínda que logo o desenvolvería con palabras e feitos moito máis aló do que Xoán podía imaxinar.
Xesús non naceu da nada. Todo o seu, que tanto nos marabilla, foi posible grazas a que antes ca el, xa houbera moitas persoas especialmente sensibles ás cousas do Espírito, que foran abrindo camiños, botando sementes, que logo frutificaron de forma tan potente na persoa de Xesús. Por iso dicimos con convencemento que Xesús foi froito do Espírito. Os nosos recorridos persoais e históricos están igualmente poboados de nomes e de influencias. Nós tamén podemos ser persoas significativas, importantes, mesmo imprescindibles, para que outra xente se achegue ao corazón de Deus, ao corazón da vida xusta e libre en Deus. Xoán é un referente.
Oración
Bendito, Xoán,no teu nacementono que se xuntou o amor duns pais crentesco Espírito de Deus que todo o fertiliza!Bendito, Xoán,porque a man de Deus sempre estivo contigoe te deixaches guiar sempre por ela,e nela buscaches apoio e seguridade!Bendito, Xoán,que puideches medrar e robustecerte no Espíritopoñendo da túa parte o que Deus che ía pedindo!Bendito, Xoán,que nos desvelas o que pasa con todas nós:tamén froitos do Espírito para a construción persoal,para a construción comunitaria!Bendito, Xoán,forte e dócil,seguro e humilde,libre a todos os xeitos e por iso mesmo crítico,aberto a todos os sinais de Deus,aberto a Xesús!Bendito, Xoán,primo de Xesús,mestre de Xesús,discípulo de Xesús!Admirámoste, agradecémoste.¡Bendita tamén a nai que te pariu e os peitos que te criaron!
Acción
Na festa de Xoán o Bautista podemos recoñecer e agradecer expresamente a algunha persoa que foi importante no noso crecemento humano e espiritual.
24 de xuño: Solemnidade do Sagrado Corazón de Xesús
Ano A: 1ª lectura: Dt 7, 6-11. Salmo 102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 10.
2ª lectura: 1 Xn 4, 7-16.
Evanxeo. Xn 19, 31-37
Naquel tempo os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado –pois era grande aquel día de sábado—, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
Viñeron, logo, os soldados e rompéronlle as pernas ao primeiro e máis ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren onda xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
Quen o viu dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: “Non lle crebarán óso ningún.” E noutro lugar di: “Han mirar para quen traspasaron.”
Ano B: 1ª lectura: Os 11, 1. 3-4. 8c-9. Salmo Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6.
2ª lectura: Ef 3, 8-12. 14-19. Evanxeo: Xn 19, 31-37.
Ano C: 1ª lectura: Ez 34, 11-16. Salmo 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
2ª lectura: Rom 5, 5b-11. Evanxeo: Lc 15, 3-7
Meditación
No sentir común o corazón é o seo dos sentimentos, dos amores, do apaixonamento, das decisións máis vitais e comprometidas. O corazón é o seo da solicitude pola demais xente: ten moi bo corazón –dicimos—, cando falamos dunha persoa moi dada a doerse de quen anda en debilidade.
¡Como de grande, de marabilloso, de ardente, de solidario, de entregado foi o corazón de Xesús! El que sempre andou facendo o ben, que se implicaba coas persoas que atopaba fráxiles, que as acompañaba en procesos de curación, de esperanza, de inclusión social e relixiosa, que perdoaba, que se cabreaba e enfrontaba con quen diminuía a xente con calquera escusa. Ese Xesús, apaixonado e amante ata a fin, é o que morre na cruz en acto de solidariedade extrema. Ese corazón de Xesús, roto pola lanzada, real ou simbólica, é o que segue aberto ofertando amores e solidariedades, garantindo compañías e alentos para facer deste mundo unha casa común, unha familia irmandada. Ese corazón, esa vida toda, é a que hoxe se pon gratuitamente ao noso dispor.
Oración
Douche grazas, Xesús querido,por seres onte e hoxe,para todas e todos nós,unha persoa de bo corazón,de grande corazón,de desfeito corazón.Douche grazas,porque fuches e segues sendosolidario e comprometido connosco,para compartir os nosos gozos.para acompañarnos nas nosas soidades e desesperos;para perdoarnos, acompañarnos, alentarnos.Douche grazasporque o teu non ir de indiferente,ante nada, ante ninguén,e menos ante a xente desamparada;tampouco ante min:coñécesme e implícaste comigo a fondo.Douche grazasporque es o rostro vivo de Deus,ante nós,na cruz do calvario,e nas infinitas cruces que enchen este mundo.Douche grazas, Xesús querido.
Acción
Podemos botar unha ollada sobre as nosas vidas. ¿Somos xente solidaria, ou pasamos indiferentes ante persoas que o están pasando mal? A nosa solidariedade e implicación mide en boa medida a verdade da nosa vida de crentes. ¿En que poderiamos avanzar?
25 de xuño: Memoria do Inmaculado Corazón de María
1ª lectura: Lam 2, 2. 20-14. Salmo 73.
Evanxeo: Lc 2, 41-51
Polas festas da Pascua os pais de Xesús ían todos os anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles regresaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para o buscar. E resulta que, ao cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. Ao velo, ficaron moi impresionados, e díxolle súa nai:
—Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e máis eu andamos cheos de angustia na túa procura.
El respondeu:
—¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu pai?
Pero eles non entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaré e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.
Meditación
María soubo de dificultades e bágoas na crianza do seu fillo, de Xesús. Os evanxeos non nos ofrecen moitas noticias, pero son abondas para nos poder decatar de como María se sentiu desbordada polo que na casa tiñan: un neno, mozo e home adulto que se deixaba levar polo espírito de Deus en todo; que rompía coa familia cando o cría oportuno, que lles fixo pensar ás veces que mesmo perdera a cabeza. Así ata quedar tamén marabillada polo que dicía e facía aquel seu fillo, Xesús, que ao tempo o era tamén de Deus. Así ata o momento último da súa existencia cando o ven morrer cravado nunha cruz, coa morte propia da xente máis marxinal e desprezada. E María –supoñemos que tamén Xosé— gardaba todas estas cousas no seu corazón de nai, dándolles voltas, intentando comprendelas á luz do Espírito que tamén a ela a animaba. E así foi madurando como muller, como esposa, como nai, ata se converter nun referente para moitas nais, para moitas persoas crentes, á hora de contemplar e comprender a fondura de vida agochada e manifestada en Xesús e en si mesma.
Oración
Bendita, Santa María,bendito o teu corazóncheo de grandes ledicias.Bendita no grande amorco que, á par que Xosé,coidaches o Salvador.Bendita si, abofé:nas horas mouras de angustiasoubeches manterte en pé.A túa fe non foi murcha,callou moi dentro de ti,colmoute por estar núa.Todo o pobo te bendí,que grande o teu corazón!mestra do non e do si.Con humilde admiración,por termos nai tan cumpridapor ser muller de tal tesón,bendita, Santa María!
Acción
As traballos e sufrimentos de moitas das nosas nais cos seus fillos ou fillas pódennos lembrar un pouco os traballos e sufrimentos de María co seu fillo Xesús. Igual podemos achegarnos a algunha destas mulleres, falar algo con elas, acollelas, admiralas, agradecelas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.