12 de xuño: Solemnidade da Santísima Trindade
1ª lectura: Prov 8, 22-31. Salmo: 8, 4-5. 6-7. 8-9
2ª lectura: Rom 5, 1-5.
Evanxeo: Xn 16, 12-15
Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o Espírito da verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de acontecer. El hame glorificar, pois recibirá do meu e proclamarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo manifestará.
Meditación
Pechando todo o tempo de Pascua, despois das celebracións finais da Ascensión e de Pentecoste, vivimos a solemnidade da Santísima Trindade. É unha maneira de dicir que todo o que no ano litúrxico vivimos, todo o que vivimos dentro e fóra do ano litúrxico, toda a nosa vida, toda a vida de todo canto é e existe, está dentro do marco simple e marabilloso, vivo e amante de Deus, a quen recoñecemos coma Pai/Nai que de forma permanente nos crea para a vida digna, completa, redonda, eterna; a quen recoñecemos coma Fillo, nun estoupido solidario de Deus, que en Xesús se nos amosou feito ser humano dunha maneira asombrosa; a quen recoñecemos coma ese potencial de forza e calor que é o Espírito. Se caésemos na conta de tanto don, de tanto privilexio! Quizabes afeitos/as a oír e dicir, a repetir isto con tanta rutina cada día, perdemos o sentido do asombro, e deixamos de vivir co inmenso gusto, forza e agradecemento que supón sabernos arroupados/as na vida por esta presenza viva de Deus.
Nós non somos uns espectadores do que a Trindade é e fai cara á vida. Somos receptores, con toda a humanidade, con toda a natureza, con todo o cosmos, desa forza para a vida que sae permanentemente do Deus trinitario, comuñón, familia, que estende ata nosoutros/as todo o dinamismo de unión e de solidariedade que constitúe a identidade limpa de Deus. Deus quíxonos meter, desde sempre, na roda amante, solidaria do seu ser. Está empeñando permanentemente nese servizo. Ata o punto de que nos quere un con el e entre todos e todas nós, nunha unidade misteriosa, fonda, real. Nós, que estamos sustentados permanentemente pola forza creadora de Deus, que somos fillos/as no Fillo, que, se nos deixamos, estamos regalados polo Espírito Santo de Deus, somos familia con Deus, somos comunidade con Deus, somos Trindade con Deus. Moito máis do que nós podemos pensar e imaxinar.
O evanxeo de hoxe, dentro da súa simplicidade, recórdanos que todo isto non é unha cuestión fría, morta, parada. Non son unhas teorías preciosas que, en realidade, nin nos van nin nos veñen. É algo vivo, no que están empeñados o Pai, o Fillo, o Espírito. Somos persoas vivas, somos comunidades vivas, somos unha sociedade viva, nas que están empeñados o Pai, o Fillo, o Espírito. O “invento” amante, solidario, comunitario, social, de Deus está en marcha na nosa historia persoal, social, eclesial. Realízase día a día nas mil circunstancias nas que, á luz ou á sombra de Deus, podemos poñer en funcionamento as moitas formas que pode e debe adoptar o amor, a solidariedade, o servizo. Cada día, momento a momento, se procuramos enredarnos coa xente en cousas de amor e de servizo, de respecto e de apoio, podemos desenvolver nas nosas vidas o feito marabilloso da Trindade; cada día tamén, se miramos para o noso proveito nada máis, como persoas ou como comunidade, podemos ir afogando ese invento marabilloso de Deus e convertemos as nosas vidas en desunións, en rivalidades, en abusos, en desamparos cara á xente máis débil que máis precisa o don do comunitario.
O Evanxeo advírtenos que estamos en camiño, que estamos en busca, que ninguén debería ter seguridades plenas, experiencias redondas de amor e de solidariedade, que nos queda moito por andar e por facer. Ben o vemos, nada máis con estender a nosa ollada sobre o corpo das parroquias, das comunidades cristiás, da sociedade, dos pobos. Canta solidariedade nos fai falla aínda! Canto respecto cara ás diferenzas, canta atención ás persoas máis débiles! Acertar nos camiños do amor e do servizo estaría ben que fose a nosa máis importante tarefa como persoas, como comunidades cristiás. Sabendo que o acerto non o temos nós, que o ten o Espírito de Deus; pero sabendo tamén que Xesús nos regala o Espírito, que quere encher as nosas vidas con ese precioso obsequio.
A Igrexa toda, as comunidades cristiás católicas estamos nun momento moi especial, moi esperanzado, coa presenza do novo Papa Francisco. Estamos nun tempo de graza. Estamos nun tempo do Espírito. Estamos nun tempo de reinventar que é iso de ser, á sombra de Deus, unha Igrexa comunidade, unha Igrexa que estea atenta aos retos que o momento presente nos presenta, unha Igrexa abundante en Espírito de Deus, abundante en amor, en misericordia, en pobreza, para mellor atender a xente pobre, e entre ela testemuñar o Deus Trindade, o Deus comuñón, o Deus solidariedade. Para gloria de Deus, para alivio e mellora de quen na vida sofre máis os efectos da soidade, do abandono, ata a amargura.
Preces
NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
Que coa forza que nos vén de Deus saibamos facer unión, comunidade, sociedade, achegándonos para iso especialmente ás persoas máis diminuídas. Oremos.
Que sexamos conscientes do gran regalo de sermos persoas amadas, acompañadas, sostidas por Deus, que sexamos agradecidas por iso, e que compartamos ese regalo amando, acompañando e sostendo a quen o precise. Oremos.
Que nos doian as persoas que máis padecen, e que coma Xesús nos baixemos ás súas vidas e nos solidaricemos a fondo cos seus sufrimentos. Oremos.
Que coa nosa honradez, coa defensa dos nosos dereitos, contribuamos a ter uns pobos máis vivos e libres en todo. Oremos.
Que a xente parada, que as familias sen recursos atopen en cada un de nós, e nas comunidades cristiás, apoios e esperanzas. Oremos.
Oración
Xuntemos ceo e terra,fagamos unidade,creador e criatura,vivamos a Trindade,cos laxos da xustiza,cos lazos do perdón,cos lazos do Espírito,cos lazos do amor.Se coa xente pobre somoscreadores de irmandade,na nosa Igrexa vivimoso regalo da Trindade.Cando coidamos da terranai, fogar de humanidade,nos nosos mimos vivimoso regalo da Trindade.Se coa xente compartimosledicias, penalidades,no que sentimos vivimoso regalo da Trindade.Na oración e no silencio,na pobreza, na humildade,con alegría vivimoso regalo da Trindade.No xenio e na tenrura,na protesta e na bondade,sinxelamente vivimoso regalo da Trindade.Descubrindo con Xesúsde Deus a libre vontade,na nosa busca vivimoso regalo da Trindade.Desde o Pai e con Xesúscamiño, luz e verdade,no Espírito vivimoso regalo da Trindade.Como don, como promesa,como xa realidade,no día a día vivimoso regalo da Trindade.
Acción
Busquemos hoxe a maneira de facer algo comunitario, un encontro, unha festa, a mesma Eucaristía prolongada en tempo de convivencia. Gocemos da comunidade, potenciemos a comunidade.
13 de xuño: Luns da 11ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 6, 1-0. Salmo 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 21, 1-16. Salmo: 5, 2-3. 5-6. 7
Evanxeo: Mt 5,38-42
Naquel tempo díxolles Xesús á xente:
—Tedes oído que se vos dixo: ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen che pida emprestado.
Meditación
Frecuentemente fanse bromas a conta destas palabras de Xesús. Cando se escoitan, aló por dentro moita xente dicimos: si, ho, estás ti bo! E damos por feito que o bo, o correcto, o xusto é responder ao mal con mal, tanto ou máis do que nos fixeron, para que aprenda.
O de “ollo por ollo e dente por dente” no tempo de Xesús era unha medida de contención, para non excederse en responder ao mal, cando non había leis coma hoxe e a xente tomaba a xustiza pola súa man. Xesús propoñía dar un paso adiante, para poder romper coa forza do mal: o mal non se acaba con máis mal, senón con ben. Pero parece que non estamos polo labor. Parécenos que iso é cousa de mexericas covardes, sendo que a proposta de Xesús é de persoas valentes, apaixonadas polo ben propio e o das outras persoas, que non quere que a roda do mal, das xenreiras, nos fira no máis fondo da vida e nos impida vivir co corazón solto, ledo, vendo sempre nos demais un irmán ou unha irmá, un amigo ou unha amiga. E iso non quita, claro, que chegado o caso teñamos que regular algunhas diferenzas a través de xuízos xustos.
Oración
Canto custa, Xesús,non devolver mal por mal,insulto por insulto,desprezo por desprezo,pasas de min por paso de ti,ata vivir multiplicando distancias e paredes,co corazón engurrado,coa alma no máis fondo ferida!E ves ti, Xesús,e rétasnos ao que parece imposible,e proposnos un remedio simple, eficaz,ousado, valente,e ofrécestenos como exemplo e camiño,e dásnos o bo Espírito para poder facelo.E eu dígoche:grazas, Xesús,fíome de ti,desde xa vou cambiar de chip na miña vida,velarei polas miñas emocións, polas miñas respostas,tentarei imitarte.Dáme a túa man para camiñar xuntas.
Acción
¿Estamos nalgunha cousa concreta, con algunha persoa concreta, reaccionando coa lóxica do mal por mal? ¿Poderiamos propoñernos facer un cambio, empezando polo que nos pareza máis sinxelo, máis ao noso alcance?
14 de xuño: Martes da 11ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 8, 1-9. Salmo: 145, 2. 5-6. 7. 8-9a
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 21, 17-29. Salmo: 50, 3-4. 5-6a. 11 e 16
Evanxeo: Mt 5, 43-48
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades os que vos aman, ¿qué recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E, se saudades soamente os vosos irmáns, ¿qué facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede completos en todo como completo en todo é o voso Pai celestial.
Meditación
Por tendencia natural tendemos a mostrar atencións e agarimos á xente que nos é próxima por parentesco, por amizade, por coincidir nos xeitos de ver a vida, de entender a política, nas afeccións deportivas etc. E ao resto de persoas deixámolas de lado. Sen deixar de valorar a parte de mérito que isto pode ter e ten, podémonos preguntar se con eses amores estamos realmente amando, é dicir, saíndo de nós para entregarnos libremente a outras persoas, ou estamos simplemente amando as prolongacións de nós mesmos que as outras persoas representan para nós. Amar, amar ben, non é doado.
Xesús invítanos a achegarnos á fonte de todo amor para aprender a amar. E esa fonte do amor, que é Deus, ama sen diferenzas nin distincións. Ama buscando non a propia compracencia, senón o ben e as medras da persoa amada. Deus a través de Xesús invítanos ao mesmo. E dinos que hai aí grande felicidade. Claro que o amor tampouco é cousa de andar sempre aloumiñando; ás veces amar pide palabras e xestos fortes, correccións, críticas, buscando con humildade e valentía axudarlle a outras persoas a pararse ante o que fala e fai. Sempre dispostas, por suposto, a que os demais poidan facer outro tanto connosco.
Oración
Como aprendiz do amor,así me achego hoxe ante ti, Xesús,e, contigo, ante o Deus do amor,o Deus do bo amor,o Deus de todo amor,o Deus do amor máis completo.Que lonxe estou de amar ben,esquecéndome de min,buscando sempre a compracencia da persoa amada!Que lonxe estou de amar sen distincións,superando parentescos familiares, relixiosos, políticos, ideolóxicos!Que lonxe estou do pequeno amor cotián,feito de pequenas palabras, xestos, mimos e atencións!Que lonxe estou do amor laico, secular,que se exerce desde a militancia social, política, ecolóxica!Como aprendiz do amor,así ante ti hoxe, Xesús,para que me aprendas,para aprender.Grazas!
Acción
Seguro que nos é doado sentirnos interpelados/as polas palabras de Xesús sobre o amor. ¿Podémonos propoñer dar un paso adiante nalgún campo concreto, con algunha persoa concreta?
15 de xuño: Mércores da 11ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 9, 6-11. Salmo: 111, 1-2. 3-4. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 2, 1. 6-14. Salmo: 30, 20. 21. 24
Evanxeo. Mt 6,1-6. 16-18
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Tede coidado de non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.
Cando deas unha esmola, non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados pola xente; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
Cando recedes, non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nas esquinas das prazas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, polo contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.
Cando xaxuedes, non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas, que desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non che se note ante a xente, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.
Meditación
Urxente e ben necesaria esa advertencia de Xesús de non practicar a nosa xustiza, calquera clase e forma de xustiza, para que nos vexa e aplauda a xente. É ben difícil escapar desta tentación. O coidado do ego, do propio valor, imaxe e recoñecemento, ten un poder inmenso sobre nós, e pode falsear ata as mellores accións, por moita aparencia que teñan de xenerosidade, de servizo, de amor. Sabémolo ben por experiencia. Cómpre que andemos ben alerta con iso. Se no fondo nos buscamos a nós mesmas, pouca recompensa imos ter, porque nos atoparemos unicamente con nós mesmas, coa nosa pouquidade.
A invitación de Xesús é a entrar no segredo, no oculto, no baleiro, no esquecemento de nós, na marabilla dun amor limpo, desinteresado a fondo; alí bateremos cara a cara co Pai-Nai, coa fonte de toda xenerosidade. Non quedaremos sen recompensa, pero por vías moi distintas das nosas torpes ganas de ser chufado e aplaudido. Polas vías que soamente Deus coñece. Que han ser boas. Confiámonos nel.
Oración
Ai, meu Deus,canto me pesa o que pensen e digan de min!Canto condiciona iso as miñas accións e omisións,as miñas palabras e os meus silencios!Canto busco torpemente, infantilmente,loas, aprecios, aloumiños!Canto me custa ser libre, desapegada,facer as cousas simplemente desde min,simplemente desde o amor,desde o servizo, cando cousas de servizo sexan!Quen me poderá curar deste cancro destrutor,desta metástase que o quere invadir todo?Cólleme da man,méteme onda ti,no segredo, no baleiro, no esquecemento,para aprender a gustar o gozo simple dos amores libres.Ai, meu Deus, meu Deus!
Acción
Podemos mirar que é o que realmente nos move cando emprendemos algunha acción, algún servizo, algunha actividade privada ou pública. Podemos mirar tamén se son as chufas as que nos alegran o día e as críticas as que nos fonden. Irémonos coñecendo por dentro e poderemos achegarnos ao que Xesús nos ofrece.
16 de xuño: Xoves da 11ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 cor 11, 1-11. Salmo:110, 1-2. 3-4. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Eclo 48, 1-15. Salmo: 96, 1-2. 3-4. 5-6. 7
Evanxeo: Mt 6, 7-15
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Cando vos poñades a rezar, non sexades laretas coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar. Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:
Noso Pai, que estás no ceo: santificado sexa o teu nome; veña o teu reino; fágase a túa vontade aquí na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día. E perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa os nosos debedores. E non nos sometas á tentación, mais líbramos do Malo.
Porque, se vós perdoades aos outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas; pero, se non perdoades aos outros, voso Pai celestial tampouco non perdoará as vosas ofensas.
Meditación
Moitas veces a nosa oración facémola consistir nunha chea de indicacións a Deus, nunha chea de presións, para que nos conceda aquilo que a nós nos parece que nos convén. Como se Deus non fose coñecedor abondo, como se Deus non fose misericordioso abondo, e tivésemos nós que informalo e arrequentarlle o corazón. Vállanos Deus!
Xesús invítanos ao silencio, a poucas palabras, a estar sinxelamente, confiadamente ante Deus, a abrirlle o noso corazón, a nosa vida, a abrirnos á súa presenza, ao seu amor que sempre está por nós a fondo, a deixarnos envolver polo seu Espírito de fraternidade, de solidariedade. A nosa vida é sempre fráxil no corpo e no espírito; Deus non é un curandeiro, pero si que nos pode dar alentos fortes que nos sosteñan nas horas boas e nas horas duras da vida. Pódenos curar certamente os ánimos e, con eles, ás veces mesmo os corpos. Con el ben ao noso lado as noites énchense de luz e os días fanse máis claros para descubrir o veciño ou veciña que necesita dos nosos apoios.
Oración
Noso Pai maternal,que nos queres sen medidaque te sentes honrado véndonos felices en irmandade:sexa respectado, querido e agradecido o teu nome!Que levemos adiante o teu proxecto fraternalsobre a xente, a natureza, o mundo, o cosmos todo.Que o teu querer, asentado en nós como matriz de vida,se desenvolva en nós ata a súa plenitude,nos grandes proxectos, nos pequenos feitos de cada día.Que a ninguén lle falte o pan de cada día,o pan, a casa, a saúde, a educación, a dignidade, a liberdade,…sen que ningunha persoa ou pobo quede excluído.Que saibamos ser humildes para recibir perdóns,os da xente e os teus,e ser valentes para saber ofreceloe non enredarnos nas destrutoras cordas dos resentimentos e vinganzas.Que as forzas do mal que aniñan no noso mesmo corazónnon nos poidan, por moito que se vistan de cores vistosas.E que, ben apoiadas en ti, poidamos co Mal, co Malo,que ameaza as nosas vidas e a casa comúncon proxectos dominadores, imperialistas, deshumanizados,que buscan triunfar á conta da saúde corporal e espiritual da xente.
Acción
¿Cómo oramos, cando oramos, de que maneira oramos? ¿Temos a Deus coma un gran señor a quen hai que gañar e convencer con enchufes, con obsequios, con cartos? Individualmente ou en grupo podemos pensar e falar algo sobre a nosa oración, para mellorala.
17 de xuño: Venres da 11ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 11, 18. 21b-30. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 11, 1-4. 9-18. 20. Salmo: 131, 11. 12. 13-14. 17.18
Evanxeo. Mt 6, 19-23
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non amoreedes tesouros na terra onde a traza e máis a ferruxe acaban con eles, e os ladróns asaltan as casas para roubalos. Amoreade tesouros no ceo, onde non hai traza nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben. Que onde está o teu tesouro está o teu corazón.
A luz do corpo é o ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado; pero, se o teu ollo está malo, todo o teu corpo está na escuridade. E se a luz que hai en ti é escuridade, ¡canta escuridade!
Meditación
Un pedaciño de Evanxeo para lelo con calma, e con calma deixar que nos entre ben dentro, porque el mesmo fai referencia a dimensións profundas da nosa existencia, e tamén dos nosos comportamentos normais de cada hora. Que importante é ter unha ollada sa, limpa, libre de prexuízos, de malicias, de egoísmos, de segundas intencións, reconciliada coa propia persoa e coas demais persoas! Que distinto se ve todo, cando a nosa ollada é sa e limpa abondo, está pacificada abondo, para se converter en canle de afectos e solidariedades que poden máis do que calquera outra diferenza! Esta luz da ollada é un dos máis grandes dons que Deus nos pode dar, el que é todo luz, todo esplendor, todo transparencia.
Se ollamos con esa ollada sa, purificada, libre, seguro que atinaremos con tesouros sólidos para a nosa vida; buscaremos loxicamente ter o necesario e suficiente para vivir con dignidade, pero o noso corazón estará aberto para andar en grupo, en comunidade, as rutas todas da solidariedade. O máximo pracer que salta ata a vida eterna.
Oración
¿Onde está o meu tesouro, meu Deus,onde está con el o meu corazón?¿Onde está o meu corazón, meu Deus,onde está con el a miña vida toda?¿Onde está a miña vida toda, meu Deus,onde está con ela o meu apego a ti?¿Onde está o meu apego a ti, meu Deus,onde está a miña consideración co próximo?¿Onde está a miña consideración co próximo, meu Deus,onde está con el o meu servizo á xente insignificante?¿Onde está o meu servizo á xente insignificante, meu Deus,onde está con el a miña acollida á xente refuxiada?¿Onde está o miña acollida á xente refuxiada, meu Deus,onde está iso de ser e sentirme irmán universal?¿Onde está iso de ser e sentirme irmá universal, meu Deus,onde está, logo, o meu tesouro, o meu corazón?
Acción
¿De que forma poderiamos sandar e limpar algo a nosa ollada? Igual podiamos empezar por non pensar nin actuar coas persoas desde clixés que delas nos temos feito: É de dereitas, é de esquerdas, é homosexual, é independentista, é españolista, é …
18 de xuño: Sábado da 11ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 12, 1-10. Salmo: 33, 8-9. 10-11.12-13
Ano 2: 1ª lectura: 2 Cro 24, 17-25. Salmo 88, 4-5. 29-30. 31-32. 33-34
Evanxeo: Mt 6, 24-34
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza a outro. Non podedes servir a Deus e máis o diñeiro.
Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida, pensando no que ides comer ou no que ides beber; nin polo voso corpo, pensando no que ides vestir. ¿Non vale máis a vosa vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido? Ollade para as aves do ceo: nin sementan nin seituran, nin recollen nas arcas e, con todo, o voso Pai celestial mantenas. ¿Non valedes vós máis ca elas? E ¿quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un minuto ao tempo da súa vida?
E polo vestido ¿Por qué vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran e non traballan nin fían. E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria se chegou a vestir coma un deles. Pois se a herba do campo, que hoxe verdea e mañá botarana ao forno, Deus así a viste, ¿canto máis non fará por vós, xente de pouca fe?
Non andedes angustiados, dicindo: “¿Qué imos comer ou que imos beber ou que imos vestir?” Por todas esas cousas andan angustiados as persoas que non cren. Ben sabe voso Pai celestial que as precisades. Procurade primeiro o Reino de Deus e máis a súa xustiza e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis. Así que non vos angustiedes polo de mañá, mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.
Meditación
Xesús non nos fala de non ocuparnos do pan, da mantenza, do vestido, da saúde, da vivenda, da educación. Xesús dinos que non nos angustiemos. A palabra angustia ou o verbo angustiarse aparece ata cinco veces no texto. Unha persoa angústiase cando entende que non é capaz de acadar o que pretende, e pensa que para a súa situación non hai valedor ou valedora posible. Xesús preséntanos e ofrécenos a Deus como alguén en que confiar, alguén que coñece o que precisamos, alguén implicado no noso esforzo, alguén que nos garante ese fondo de confianza que nos permite traballar con serenidade e eficacia; alguén tamén que abre a nosa perspectiva: a mellor maneira de acadar todo iso que consideramos básico para unha existencia digna é preocuparnos polo común, facer da nosa loita individual un proceso comunitario, do que ninguén quede arredado. Iso que el chama “reino ou reinado de Deus”. Non é o “sálvese quen poida” que tantas veces nos domina; senón o “salvémonos en fraternidade”. E niso andar no día a día, porque a cada día certamente lle chega a súa carga de esforzo e preocupación.
Oración
No meu hoxe, estás ti, meu Deus,como rocha firme,como fundamento certeiro,como aval absoluto.Cando as cousas nos van ben, meu Deus,e cando as cousas nos van mal,e os días amencen mourose os horizontes mingúan entre preocupacións.Na vida e na morte estás ti, meu Deus,na graza e na desgraza,no pranto e na risas.Estás ti especialmentecon quen loita e sofrepor non ter o pan de cada día,roupa coa que vestirse,casa onde gardarse,traballo co que sustentarse,amores nos que ampararse, …Estás tiacompañando pesares e fracasos,alentando esforzos,retirando angustias,espertando solidariedades,alentando esperanzas.Grazas, meu Deus, grazas.
Acción
É doado que descubramos nas nosas vidas algo que nos está levando á angustia, de forma persoal, ou familiar, ou asociativo, a calquera nivel. Podiamos coller esa anaco de angustia e ollala cos ollos de Xesús, a ver.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.