10 de xullo: Domingo 15º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Deut 30, 10-14. Salmo: 68, 14 e 17. 30-31. 33-34. 36ab e 37.
2ª lectura: Col 1, 15-20.
Evanxeo: Lc 10, 25-37
Unha vez achegouse a Xesús un xurista e preguntoulle para o poñer a proba:
—Mestre, ¿qué teño que facer para herdar a vida eterna?
El respondeulle:
—Que pon a Lei? Qué les?
Contestou o xurista:
—Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.
Xesús díxolle:
—Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.
Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
—¿E quen é o meu próximo?
Xesús contestoulle:
—Nunha ocasión un home baixaba de Xerusalén a Iericó e asaltárono uns bandidos que, despois de o roubaren e mallaren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodea e pasou de largo. Igual fixo un clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo. Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ao outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro e díxolle: “Coida del e, cando volva, xa che pagarei o que gastes de máis”.
E ¿quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
O xurista respondeu:
—O que practicou a misericordia con el.
Díxolle Xesús:
Meditación
Cando se fala de posibles cambios na vida dos cristiáns e cristiás, na vida das comunidades cristiás e do conxunto da Igrexa, fálase da necesidade de facernos persoas samaritanas, comunidades samaritanas, Igrexa samaritana. Por iso é tan importante achegarnos con ollos limpos, con corazón limpo, unha vez máis a este texto do evanxeo de Lucas, que podería ser un estupendo resume de todo o Evanxeo de Xesús; unha especie de Evanxeo do Evanxeo.
Unha Igrexa samaritana é unha Igrexa, son uns cristiás/ás que se preguntan constantemente “que teño que facer para herdar a vida eterna”; unha pregunta substancial, que poderiamos traducir así: que teño que facer para acertar na vida, para desenvolver a miña existencia dunha forma acertada, xusta e feliz, que cadre con esa chamada básica que Deus puxo no fondo do noso ser de criaturas? Pero esa pregunta básica poderíamos logo concretala en preguntas como: que podería facer para ser un bo cristián/á hoxe, para axudar a renovar a miña comunidade cristiá, a miña Igrexa, para acompañar ben os nosos fillos e fillas neste momento, para medrar en solidariedade, para reacción e actuar coma cristián/á nestes tempos de crise que vivimos, para vincularnos a Deus a fondo, para vincularnos cos nosos veciños e veciñas a fondo? Para ser comunidades cristiás samaritanas é importante deixar de lado a convicción de que temos respostas para todo, e deixar que as boas preguntas de humanidade nos crucen a vida.
Unha Igrexa samaritana é unha Igrexa que segue a Xesús, e que, polo tanto, coma el se constrúe diariamente a partir destas dúas vinculacións; unha vinculación a fondo con Deus; non unha vinculación de aparencias, que non daría case nada de si, senón unha vinculación a fondo, deixando que Deus nos colla por fóra e por dentro: pensamentos, afectos, accións, todo. Tal como Xesús o fixo; e unha vinculación a fondo coas persoas, e sobre todo coas que sofren, deixándose afectar, remover por elas. Tal como Xesús o fixo tamén.
Unha Igrexa samaritana é unha Igrexa que sabe que para comprobar se está fortemente vinculada con Deus o que ten que ver é como está vinculada coas persoas. Para Xesús a consideración polas persoas era a mellor medida indicadora da nosa consideración por Deus. E por iso unha Igrexa samaritana, unha comunidade cristiá samaritana, observa con todo detalle a parábola de Xesús que hoxe lemos. Xesús con frecuencia era provocador, pero non por meterse coa xente, senón para que ás persoas se lles abrisen os ollos e caesen na conta da razón ou do desatino das súas vidas. A provocación aquí está entre os comportamentos do sacerdote e do levita (ou sancristán), xente por suposto moi correcta no seu credo e na súa práctica relixiosa, e o samaritano, que era considerado coma un perdido a nivel relixioso.
Unha Igrexa non samaritana sería unha Igrexa moi coidadosa por unha boa teoría relixiosa e moi amante do culto, pero que, cando na vida bate con situacións humanas comprometidas, dá un rodeo, refúxiase no seu templo, e ignora a misericordia. O cura e o levita fan iso. Non quere dicir que hoxe os curas e frades fagan iso tamén. Teñen ese perigo certamente. Hai moitos homes e mulleres da Igrexa moi entregadas ao servizo É un aviso para todos, para todas, que con frecuencia pasamos máis tempo do debido discutindo sobre teorías de pureza relixiosa ou cultual, sobre ideas no fondo, sobre ideoloxías.
Unha Igrexa samaritana, en cambio, é unha Igrexa que, primeiro, anda os camiños da xente; como di o Papa Francisco, unha igrexa que sae dos seus “rollos” e vai á periferia, é dicir, alí onde a vida pasa deixando víctimas e marxinadas. Despois é unha Igrexa que abre os ollos e ve. Despois, a diferencia do sacerdote da parábola, non dá un rodeo, achégase, déixase afectar e conmover, preocúpase do caso, implícase, cura, coida, pon dos seus medios, fai un seguimento da situación... E todo isto faino un samaritano, un herexe daqueles tempos. Xesús aproba o comportamento do samaritano, o herexe, e non o do sacerdote e do levita, que eran moi correctos nas súas ideas e prácticas relixiosas.
Xesús coa súa vida abriunos o camiño, indicounos as liñas básicas para responder ás preguntas vitais que nos fagamos. El dános ese Espírito bo que garante o acerto. A nós quédanos loxicamente o traballo de ver como vivir iso ante as circunstancias humanas concretas que estamos vivindo. Só unha Igrexa samaritana reponde ao que Xesús quería dos seus seguidores e seguidoras. Teremos exemplos de cristiáns/ás que non responden a isto, e igual nós mesmos estamos nese grupo; pero tamén, grazas a Deus, coñecemos xente que, no Espírito de Xesús, nos segue indicando o camiño. Adiante, por aquí hai acerto e boa ventura.
Preces
POIS VAI TI E FAI OUTRO TANTO
Que teñamos pés ou coche de samaritano, para achegarnos ás persoas necesitadas, marxinais. Oremos.
Que teñamos ollos de samaritana, para ver as carencias da xente e entendelas a fondo. Oremos.
Que teñamos sentimentos de samaritana, para doernos do sufrimento alleo e para deixarnos afectar por el. Oremos.
Que teñamos carteira de samaritano, para compartir xenerosamente os nosos medios de vida con quen carece deles. Oremos.
Que teñamos intelixencia de samaritana, para ir ás causas da pobreza e marxinación, e superar a fondo as feridas da xente. Oremos
Oración
(Sobre a coñecida canción de Mercedes Sosa, que reproducimos ao final e que se pode baixar moi doadamente en internet)
Que nada na vida, meu Deus,nada,nada me sexa nunca indiferente!Que a inmigración non me sexa indiferentecos seus rostros curtidos en pobrezas,coa súa ollada esperanzada e fervente.Que a marxinación nosa non me sexa indiferente,nomes e vidas coñecidas, resignadas ou amargas,á espera dunha man alongada e quente.Que o gran drama da crise non me sexa indiferentecoas súas acedas consecuencias e ensinanzassobre o vivir e o non vivir da xente.Que África non me sexa indiferente,moreas de persoas, de bens e de promesas,afogadas, espoliadas descaradamente.Que Galicia non me sexa nunca indiferentecoa súa memoria histórica, coa súa fala,coa súa verdade fonda e silente.Que o cárcere non me sexa nunca indiferente,misterio de vidas en suspenso e en suspense,clamor de amor, de solidariedade creativa, ardente.Que a aldea non me sexa nunca indiferente,cruces e glorias en desconcertante mestura,o sinxelo, o humilde, o pequeno, gratuitamente.Que a Boa Nova, o Evanxeo de Xesús, non me sexa indiferente,co seu poder alternativo, humilde, servidor,para encher de vida a crentes e non crentesQue a natureza non me sexa indiferentecoa súa capacidade de vida e de mantenzaameazada polas teimas do mercado, friamente.Que a causa palestina non me sexa indiferente,co seu particular gulag de horror e espanto,ao abeiro do noso silencio compracente.Que ti mesmo, meu Deus, non me sexas nunca indiferente,a pesar da incoherencia de quen che canta,a pesar da miña propia cegueira impenitente.Que ningún rostro humano me sexa indiferente,co seu camiño propio, de po e lama, fráxil,que nada, meu Deus, nada, me sexa nunca indiferente,e que a morte non me colla sen ter feito o suficiente.
SÓLO LE PIDO A DIOS (Mercedes Sosa)
Sólo le pido a Diosque el dolor no me sea indiferente,ue la resecamuerta no me encuentrevacio y solo sin haber hecho lo suficiente.Sólo le pido a Diosque lo injusto no me sea indiferente,que no me abofeteen la otra mejilladespues que una garra me araño esta suerte.Sólo le pido a Diosque la guerra no me sea indiferente,es un monstruo grande y pisa fuertetoda la pobre inocencia de la gente.Sólo le pido a Diosque el engaño no me sea indiferentesi un traidor puede mas que unos cuantos,que esos cuantos no lo olviden facilmente.Sólo le pido a Diosque el futuro no me sea indiferente,desahuciado está el que tiene que marchara vivir una cultura diferente.
Acción
Máis ca nunca o evanxeo invítanos hoxe que revisemos cómo miramos pola xente fráxil que hai ao noso redor. ¿Qué facemos, qué deixamos de facer, que podiamos facer sos ou como grupo ou comunidade?
11 de xullo: Festa de San Bieito, patrón de Europa
1ª lectura: Prov 2, 1-9. Salmo 33, 2-3. 4 e 6. 9 e 12. 14-15
Evanxeo: Mt 19, 27-29
Unha vez díxolle Pedro a Xesús:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste. ¿Qué nos vai tocar?
Xesús respondeu:
—Asegúrovos que, cando cheguen os novos tempos e o fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.
Meditación
A Bieito de Nursia (480-547) tocoulle vivir nun momento convulso: o imperio romano desfacíase baixo a presión dos pobos centroeuropeos, e a Igrexa, que fora unha Igrexa de mártires ata o s. IV, pasara a ser unha Igrexa vinculada ao poder, na que se entraba e se vivía sen demasiado convencemento, e moito por rutina. Bieito, un laico “universitario”, reaccionou contra esta forma apagada de ser cristián e lanzouse á aventura dunha vida enganchada verdadeiramente ao camiño de Xesús, primeiro como monxe solitario, e logo como fundador de comunidades monásticas. O seu monacato influíu moito en todo o occidente. Tivo unha grande influencia na construción de Galicia desde os séculos XI-XII. Fundáronse moitos mosteiros entre nós; fundar un mosteiro era promover a fe, pero tamén a cultura, a agricultura, a organización social. Fundar un mosteiro era daquela como fundar hoxe unha boa empresa.
O alento monástico ten como base fundamental a pobreza, o abaixamento, o desapego, o baleiro exterior e interior, para deixar que a presenza de Deus o encha todo e se converta na referencia diaria, que nutre todas as actividades da vida. O silencio, a humildade e a dispoñibilidade nutren esta vida. Podemos agradecer a vida dos monxes; podemos tamén aprender deles.
Oración
Seguirte, Xesús,saír da rutina e seguirte.Sen deixarse envolverpolo balbordo do mundo,polos seus cantos de serea,polas súas promesas fofas.Seguirte, Xesús,simplemente seguirte,nun claustro ou na casa,de monxa ou de labrega,no mar ou en terra,coa familia, na empresa,sa ou enferma.Seguirte, Xesús,co silencio necesario,coa palabra amigableco berro de protesta,sempre con humildade,sempre con dispoñibilidade.Seguirte, Xesús,seguirte de cerca.
Acción
Sería un bo día para poder visitar algún dos mosteiros existentes en Galicia, que se seguen rexendo pola régoa de s. Bieito: Monxas cistercienses en Ferreira de Pantón (Lugo) e en Armenteira (Pontevedra); monxas beneditinas en Santiago (A Coruña) e en Trasmañó (Pontevedra). Monxes beneditinos en Samos (Lugo); monxes trapenses en Sobrado (A Coruña) e cistercienses en Oseira (Ourense). Visitalos e ver que é o que nos ofrecen ás persoas e comunidades cristiás para podermos vivir en maior fidelidade cristiá.
12 de xullo: Martes da 15ª semana do Tempo Ordinario.
Ano 1: 1ª lectura: Ex 2, 1-15a. Salmo: 68, 3. 30-31. 33-34
Ano 2: 1ª lectura: Is 7, 1-9. Salmo: 47, 2-3a. 3b-4. 5-6. 7-8
Evanxeo: Mt 11, 20-24
Nunha ocasión empezou Xesús a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres e que non se converteran.
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai tempo que facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. Por iso dígovos: O día do xuízo será moito máis suave para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste no abismo!” Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. Por iso dígovos que Sodoma terá un día do xuízo máis suave ca vós.
Meditación
Aínda que así nos soen, non son palabras de ameaza. Deus nunca nos ameaza. Xesús tampouco. Son palabras de advertencia. Xesús estáballes facendo un ofrecemento a aquela xente contemporánea súa, e moita dela pasaba de Xesús e das súas historias. E perdían a oportunidade que Deus lles ofrecía de darlle un impulso novo ás súas vidas, a base de incorporarse a fondo a esa forza de amor, de compaixón, de solidariedade, de xustiza que lles chegaba gratuitamente de parte de Deus.
A nós tamén nos pode pasar o mesmo. Sexa de parte de Deus, a través do Evanxeo de Xesús ou da comunidade cristiá que intenta vivilo, sexa de parte doutras persoas, crentes ou non crentes, pódennos chegar ofrecementos bos, que nos leven a implicarnos en tarefas de amor, de servizo, de solidariedade; con elas medraremos nós en humanidade e poderemos axudar a outras persoas a que medren tamén. Pero, como a xente contemporánea de Xesús, podemos facer caso ou dar as costas. Na nosa man está o ben ou o mal, o crecemento como persoas crentes ou o decaemento.
Oración
Porque nos queres ben, Xesús,disnos as cousas con claridade.Porque nos queres ben,advírtesnos da transcendencia de moitas cousas.Porque nos queres ben,cabréaste connosco.Porque nos queres ben,bótasnos en cara o noso desinterese.Porque nos queres ben,agardas que escoitemos e reaccionemos.Porque nos queres ben,tesnos sempre dentro das túas preocupacións.Grazas, Xesús.que saibamos escoitarte e cambiar.
Acción
¿Parámonos algunha vez a escoitar no noso interior as críticas e advertencias que nos veñen de Xesús, ou que nos veñen de calquera persoa coa que nos movemos na vida? Hoxe podemos dedicarlle polo menos 5 minutos a esta escoita.
13 de xullo: Mércores da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 3, 1-6. 9-12. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: Is 10, 5-16. Salmo: 93, 5-6. 7-8. 9-10. 14-15
Evanxeo: Mt 11, 25-27
Nunha ocasión exclamou Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o fillo agás o Pai, nin coñece o Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Meditación
De Xesús sabemos que era un home fondamente vinculado con Deus, amigo de facer en todo a súa vontade, amigo tamén de pasar tempos longos de oración en silencio, no segredo de Deus. Sen embargo conservamos poucas oracións de Xesús: a do Noso Pai, a oración no horto das oliveiras, a oración última na cruz, esta que recolle o evanxeo de hoxe, e pouco máis. Todas elas permítennos achegarnos ao talante vital, crente, de Xesús.
No caso de hoxe é unha oración de bendición e agradecemento a Deus porque Xesús observa que é a xente humilde a que máis aberta está a acoller as propostas de Deus que el lles ofrece. A sabedoría e a cautela ou desconfianza moitas veces levan a pecharse ante a novidade desconcertante de Deus. Deus sempre descoloca, e quen está demasiado asentado polo seu saber ou polo seu pretendido control de todo, é ben difícil que se abra a Deus, e que o escoite. Pero así é Deus, así era Xesús, e así é a nosa realidade. Non é que Deus teña un plan previo de só tocar no corazón de determinadas persoas; senón que hai determinados corazóns que, polo seu poder sabichón, están especialmente bloqueados como para que neles poida entrar o coñecemento de Deus. A sabedoría e o poder normalmente non queren saber de propostas de cambio solidario.
Oración
“Bendito sexas, meu Pai,Señor do ceo e máis da terra,porque lles escondiches estas cousasaos sabios e aos prudentese llas revelaches á xente humilde.Si, meu Pai,bendito sexas por che agradar isto así.”Bendito sexas, Pai noso,por teres escollido de sempreas persoas débiles, fráxiles, pequenas,para facelas partícipesdos teus soños de pan, perdón, xustiza e esperanza.Bendito sexas, Pai noso,porque no pequeno e irrelevante Xesús,aos ollos deste mundo,nos amosaches en corpo e almao teu rostro misericordioso e fiel.Bendito sexas, Pai noso,por che agradar isto así.
Acción
¿A quen nos arrimamos, como persoas, como comunidade cristiá? ¿Á xente sabia e poderosa do noso entorno, ou máis preferentemente á xente humilde? ¿Cómo poderiamos acomodarnos nisto aos gustos de Xesús e de Deus?
14 de xullo: Xoves da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 3, 13-20. Salmo: 104, 1 e 5. 8-9. 24-25. 26-27
Ano 2: 1ª lectura: Is 26, 7-9. 12. 16-19. Salmo: 101, 13-14ab e 15. 16-18. 19-21
Evanxeo: Mt 11, 28-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.
Meditación
Xesús invita agora a todas as persoas, sen excepción, que estean máis ou menos cansas e oprimidas. No seu tempo había moitas, cunha vida empobrecida, abusada, desalentada, case desesperada. Nos nosos tempos tamén as hai, aínda que quizais as nosas pobrezas, no noso entorno galego ou español, poidan ser doutro tipo. Xesús ofrécenos o que el é, o que el ten: un xugo, unha vinculación con el e coa comunidade doada de levar, non coma os xugos que as autoridades civís e relixiosas lles impoñían; ofrécenos tamén a súa mesma persoa boa e humilde de corazón, accesible para todas e todos nós, na que podemos atopar comprensión fonda, compaña quente, alentos vigorosos, e un exemplo de vida que nos motive, que nos permita manternos en pé, con dignidade, que nos permita soñar, que nos permitirá atopar unha maneira feliz, esperanzada de vivir, no medio das dificultades que poidamos ter. Ditosas, ditosos nós, se lle dámos creto á invitación de Xesús e nos achegamos a el nos camiños da vida!
Oración
Grazas, Xesús, pola túa invitación.Grazas por poñerte a ti mesmo ao noso dispor.Grazas por nos ofrecer todo o teu.sen reparo ningún,sen distingo ningún.Grazas polo teu xugo doado de levar,pola amizade que nos ofreces,poña ensinanza que nos prometes,pola compaña que nos garantes.Grazas polo teu ser humilde e accesible,polo acougo e forza que nos prometes.Intúo que nin sequera nos podemos facer unha ideado mundo de bendición que hai en ti para todos nós!Grazas no meu nome pequeno,no nome maior de toda a xente inmigrante e refuxiadaque escoita de ti palabras de invitación e acollida,que tamén lle gustaría escoitar de todos nós,gobernos e cidadanía.Grazas por monseñor Agrelo,altofalante internacional das túas ofertas e promesasá xente máis cansa e oprimida.
Acción
Todas, todos somos os que recibimos o ofrecemento de Xesús. Pero tamén todas, todos, individualmente e como comunidade cristiá, temos a tarefa de facer oír no noso tempo esa invitación de Xesús á xente cansa e oprimida. ¿Estámolo facendo? ¿Nas nosas comunidades cristiás ofertamos acougo, compaña, alentos, remedios a quen ande ferida pola vida? ¿En que poderiamos mellorar?
15 de xullo: Venres da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 11, 10—12, 14. Salmo: 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: Is 38, 1-6. 21-22. 7-8. Salmo: Is 38, 10. 11. 12abcd. 16
Evanxeo: Mt 12, 1-8
Un sábado pasaba Xesús por uns agros a trigo. Os seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e a comelas. Os fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:
—Mira que os teus discípulos fan o que non está permitido facer no sábado.
El contestoulles:
—¿Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e comeu pan do ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin aos seus acompañantes, senón só aos sacerdotes. ¿E non tedes lido na Lei que os sacerdotes no templo quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? Pois eu asegúrovos que aquí hai algo meirande ca o templo. Se entendésedes ben o que significa “misericordia quero e non sacrificios”, non condenabades a estes inocentes. Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.
Meditación
As prácticas relixiosas son boas cando nos axudan a recoñecer e agradecer na nosa vida a presenza servidora de Deus e nos motivan para coidar a nosa vida e a empeñarnos tamén no coidado da vida da demais xente. É dicir, todas as leis e prácticas relixiosas deberían estar ao servizo da xente, ao noso servizo, para axudarnos a medrar como persoas e como pobo cristián.
Hoxe entre nós o problema non é que teñamos moita obsesión polo cumprimento das normas relixiosas; pasamos bastante delas e quedamos tan tranquilos. O noso problema é que, por unha práctica trapalleira desas normas, acabamos non lle vendo sentido, mesmo nos parecen case unha parvada e desentendémonos delas. ¿Cómo recuperar o sentido das prácticas relixiosas e o seu cumprimento correcto? ¿Cómo aprender a integralas nunha visión da vida cristiá na que desde logo a misericordia, o respecto, o coidado da vida nosa e da xente máis necesitada estea sempre por riba de calquera outra esixencia?
Oración
“Misericordia quero e non sacrificios”,—iso nos recordas, Xesús.E disnos que, se o entendésemos ben,moi distintas habían ser as cousasna nosa vida persoal e comunitaria;moi distinto sería o aprecio da fe, da vida relixiosadentro da Igrexa e fóra dela.Apréndenos, logo, a entendelo ben,ao teu xeito,co atrevemento, simplicidade e fonduracon que ti o facías.Ollando para a nosa mesma debilidade,ollando para a debilidade de tanta xente do noso redor(xente da rúa, desafiuzada, refuxiada, soa…),“misericordia quero e non sacrificios”.
Acción
¿Qué importancia lle dámos na nosa vida cristiá a esas palabras que Xesús repite: “misericordia quero e non sacrificios”? Pensámolo, falámolo con outros compañeiros e compañeiras, e facemos o que o Espírito nos aconselle.
16 de xullo: Sábado da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 12, 37-42. Salmo: 135, 1. 23-24. 10-12. 13-15
Ano 2: 1ª lectura: Miq 2, 1-5. Salmo: 9, 1-2. 3-4. 7-8. 14
Evanxeo: Mt 12, 14-21
Naquel tempo, ao saír Xesús da sinagoga os fariseos empezaron a maquinar na maneira de acabar con el. Xesús, ao sabelo, decidiu ir para outro lado e seguírono moitos; curou a todos e mandoulles que non o descubrisen, para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:
“Velaquí o meu servo, o meu elixido, o meu amado, a miña regalía. Pousarei o meu Espírito sobre el, para que anuncie o dereito ás nacións. Non discutirá nin berrará, ninguén oirá a súa voz polos rueiros. Non crebará a canivela cascada, nin apagará a torcida que fumega ata que faga triunfar o dereito. El será a esperanza das nacións.
Meditación
Empezan os problemas para Xesús. Problemas serios. Había que acabar con el, porque el –iso pensaban— estaba atacando a base do sistema relixioso existente, que consistía en encher a vida de doutrinas, ritos e obrigas, que acababan distanciando a xente da compaña misericordiosa, fondamente solidaria, de Deus. E Xesús non facía grandes discursos, estaba alí a pé de rúa simplemente, acollendo homes e mulleres e compartindo con esas persoas a súa forza de vida, o seu alento, a súa esperanza, a súa vitalidade corporal e espiritual. Alí estaba Xesús actualizando a vella profecía de Isaías, enchéndoa de vida e de realismo.
Como xente relixiosa, podemos facer corpo cos fariseos, para guerrear contra a orixinalidade de Xesús. Ou podemos, coma Xesús, intentar desapegar a fe das vellas cadeas de doutrinas, ritos e obrigas (algo de todo isto fará falta seguramente), e intentar vivila, como raíz, desde a frescura dunha vida que acolle a xustiza e a misericordia de Deus e as practica con quen dela precise.
Oración
Canté, meu Deus,se con Xesús fose unha miguiña o teu servo/a,o teu elixido/a, o teu amado/a, a túa regalía!Canté, meu Deus,se soubese acoller o Espírito que pousas sobre min,para me facer persoa de paz e de xustiza en todo!Canté, meu Deus,se soubese evitar berros, discusións, palabras ocas,e me envolveses no teu silencio atento, solidario!Canté, meu Deus,se soubese acompañar e acariñar toda vida en risco de non ser,de apagarse, de desaparecerá espera viva do seu florecemento!Canté, meu Deus,poder ser contigo, un chisquiño a lo menos,un reflexo da túa esperanzapara quen bata comigo!Canté, meu Deus, canté!
Acción
Posiblemente no noso medio haxa algunha persoa innovadora nalgún aspecto da vida social, relixiosa, política. ¿Cómo reaccionamos ante ela? Acollemos e pensamos nas súas propostas de vida, ou combatémola porque nos rompe esquemas?
Santa María do Carme,Señora santa María.Santa María do Carme,Señora santa María,vimos para amosarcheo noso amor e ledicianesta xornada de festa,dándoche honras cumpridas.Por seres nai coidadoraque por nós con ansia miras,por mostrarnos a Xesúsna súa palabra e vida,por nos dar vigor e paz,bendita, Santa María.Ben sexa a xente do mar,ou da terra, nai querida,a que no gozo ou no apertona túa axuda confía,ante ti por un igualdámosche grazas, María.Nos tempos que nós vivimos,con tanto amor e avaricia,con cousas que nos arrastrancara ao ben, cara á malicia,connosco faro de luz,Santa María, camiña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.