14 xullo, 2022

Tempo Ordinario: 16ª semana



17 de xullo: Domingo 16º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xén 18, 1-10a. Salmo: 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5
2ª lecrura: Col 1, 24-28.

Evanxeo. Lc 19, 38-42

Unha vez, indo de camiño, entrou Xesús en certa aldea e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María que, sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa, e, achegándose a el, díxolle:
—Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.

Pero o Señor respondeulle:
—Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte e esa nunca se lle vai quitar.

Meditación

Chama unha vez máis a atención o lugar, o momento concreto no que suceden as cousas, nas que Xesús intervén. Xesús non era un sacerdote da súa relixión, era un laico, e, coma bo laico, os espazos tidos por sagrados non eran para el os máis apropiados para desenvolver a súa actividade de anunciador dunha Boa Nova por parte de Deus. Os espazos para el máis idóneos eran os da vida normal, profana, o mundo, as aldeas, o pobo, a xente, os camiños, os encontros, os comedores, as cociñas...; todo lle valía, todo lle daba pé para ir espallando, popularizando a novidade de Deus; todo se ía facendo para el espazo sagrado. Parémonos agora a ver cal é en concreto a proposta nova de Xesús neste encontro ocasional con dúas mulleres, Marta e María, na casa destas.

A primeira lección é a da acollida. Para a sensibilidade xudía, acoller era moi importante. Abrir a tenda, a casa, poñer enriba da mesa algo que alivie a quen chega, conversar, compartir, escoitar..., costume que vén de vello, tal como queda recollido na primeira lectura da liturxia de hoxe. As sociedades rurais son as que mellor manteñen este costume; nas aldeas de Galicia practícase isto con frecuencia e con emoción. No fondo está a importancia da acollida, da apertura a quen vén, do compartir, do gratificar e deixarse gratificar pola persoa que se achega á nosa casa, á nosa vida. E agradecer esas novas presenzas.

Acoller ten, pode ter, hoxe dimensións ben importantes: acoller a quen vén de fóra, e se distingue de nós na cor da pel, nas ideas, na relixión, nos costumes; acoller a quen ten ideas políticas diferentes das nosas, a quen na mesma Igrexa entende as cousas de modo moi diferente, ata o punto de case escandalizarnos; acoller a quen non cre, a quen entende a vida, a moral, o uso do tempo ou do diñeiro de maneira distinta de nós. Acoller, respectar, dialogar, transmitir vivamente tamén o que nós pensamos, sentimos e vivimos; escoitar con escoita vulnerable, é dicir, expoñendo a nosa forma de vida ao que de novo nos pode vir da persoa que temos diante. Canto necesitamos no momento presente da acollida! Canto nos perdemos pechando as portas, o corazón, as ideas, os sentimentos, ao distinto do noso! Como vivimos isto nas nosas comunidades cristiás?

O texto céntrase bastante en comentar dúas maneiras distintas de acoller a quen chega. Hai unha acollida máis activa, de preparar e dispoñer cousas, alimentos, bebidas, que seguramente son moi necesarias. E canto agradecemos eses detalles que nos ofrecen as persoas que nos acollen! Marta era unha muller moi disposta para iso, como tantas das nosas mulleres, que teñen unhas mans benditas para agasallarnos co mellor da casa. Pero Marta non acougaba, andaba nerviosa, axitada, non tiña tempo nin para falar, nin para escoitar. María, en cambio, “sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras”, como tantas tamén das nosas mulleres, que, ás veces mesmo desde a submisión indebida, aprenderon a calar á forza, a escoitar, a madurar dentro, a medrar en conciencia, en expectativas, en soños.

Xesús, que gustaba de comer e beber, valoraba sen dúbida os agasallos de Marta, pero, ao tempo, proponlle a escoita de María; así, entre doces e silencios, constrúese o espazo onde se realiza de verdade o encontro entre as persoas. Entre bocado e bocado, pódese falar, pódese escoitar, pódese meter no fondo da persoa o alimento do corpo e o alimento da alma, que nos permita vivir, renovarnos, pacificarnos, alentarnos, medrar coma persoas, soñar...

O Evanxeo, sen dúbida, sitúanos ante a urxencia de escoitar a Xesús, no que foi a súa vida e a súa ensinanza, no que domingo a domingo imos lendo del nos evanxeos. Escoitar a Xesús é o remedio da Igrexa, das comunidades cristiás, de todos e cada un dos seus seguidores e seguidoras. Escoitalo a fondo, coma María, que “sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras”. Escoitar sen prexuízos, sen fundamentalismos, sen ideoloxías por diante, cunha escoita vulnerable, sabendo que moitos dos nosos modos de ser, de pensar e de actuar serán seguramente sacudidos para a vida pola palabra viva de Xesús.

Estamos en tempos de vacacións. Viaxemos pouco ou moito, seguro que son tempos de encontros, de visitas, de conversas, de diálogos. Poderemos poñer moi en práctica esta ensinanza de Xesús, que responde a algo fondamente humano. Poderemos tamén poñernos á escoita de Xesús, de forma tranquila, aberta, dispoñible. Non fan falla cartos para facelo, nin viaxes, nin grandes medios. Simplemente a vontade de querer e deixar que a vida sexa alentada por alguén que, se en algo se caracterizou, foi en acoller as persoas, escoitalas a fondo, e transmitirlles unha enerxía nova, capaz de abrir as súas vidas a algo nunca antes pensado. Pero, iso si, se non acollemos, escoitamos, á xente, non estaremos capacitados/as para acoller e escoitar a Xesús, a Deus.

Preces

UNHA MULLER CHAMADA MARTA ACOLLEUNO NA SÚA CASA

Para que teñamos un corpo e un espírito acolledor con todas as persoas que se crucen na nosa vida, especialmente coas máis precisadas de acollida. Fagamos oración.

Para que nos esforcemos por compartir a fondo, falando e escoitando, abrindo o noso corazón, as nosas vidas, e aceptando a quen se confía con nosoutros/as. Fagamos oración.

Para que as comunidades cristiás, as parroquias todas, nos fagamos casas de acollida, fogares de vida e de convivencia para quen o precise. Fagamos oración.

Para que as nosas casas se abran a quen ande canso/a e necesitado/a nos camiños da vida, e gocemos compartindo con quen non ten. Fagamos oración.

Para que acollamos a voz de quen non ten voz, o clamor das persoas e familias que nestes tempos, en Galicia e fóra de Galicia, en calquera parte do mundo, máis sofren a avaricia dos mercados, dos poderosos. Fagamos oración.

Para que a acollida, o silencio, sexa en nós o espazo necesario para dispoñernos a actuar, a unirnos a outros/as na defensa de quen padece. Fagamos oración.

Oración
Escoller a mellor parte,
que é, Xesús, escoller a mellor parte,
esa que nunca nos será quitada?

Vale máis xantar pobre en harmonía
ca mesa fina en desconfianzas.

Vale máis achegarse ao corazón da xente
que asombrarse das lindezas dos seus bens.

Vale máis abrir con poucas palabras a propia vida
que esbardallar e esbardallar sen xeito nin medida.

Vale máis o silencio humilde e acolledor
ca todos os agasallos do mundo.

Vale máis unha aperta solidaria
ca centos de proclamas sobre a solidariedade.

Vale máis o bico dun neno, dunha nena,
ca todas as pomposas cerimonias sobre alfombra vermella.

Vale máis motivarse mutuamente polo que leva a humanizarse
que as discusións acaloradas sobre quen é xa máis humano/a.

Vale máis o silencio calmo dunha mañá labrega
ca todos os barullos nocturnos entre sexo, droga e borracheira.

Vale máis o perdón dado e recibido
que a incriminación e a violencia.

Vale máis a vida calada dunha velliña de aldea
que as biografías sonoras de tanto xerifalte.

Vale máis o corazón cálido, os sentimentos,
que a cabeza fría e calculadora.

Valen máis as bágoas dun orfo/a
ca todas as urxencias da xente acomodada.

Vale máis unha mazá traballada con mans respectuosas coa terra
que camións delas producidas con técnicas agresivas.

Vale máis o recendo natural dun atardecer labrego
ca todos os perfumes da Francia.

Vale máis un pouquiño de sexo entre coidados e afectos
que as máis grandes orxías a corazón baleiro.

Vale máis a pobreza digna
que a riqueza insolidaria.

Vale máis andar á túa sombra, Xesús,
que camiñar ao abeiro de ricos e potentados.

Xesús,
que ao teu lado, pouco a pouco,
vaiamos aprendendo
a discernir e valorar,
a decidirnos e escoller
sempre o mellor,
o que máis nos fai homes e mulleres de moito ben,
o que máis nos fai seguidores e seguidoras túas.
Acción

Podemos reparar nos nosos encontros de hoxe, a ver se os realizamos ao estilo de Xesús, dando paso a escoitar e compartir cousas algo fondas da nosa vida. Aproveitaranos.


18 de xullo: Luns da semana 16ª do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 14, 5-18. Salmo: Ex 15, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Miq 6, 1-4-6-8. Salmo: 49, 5-6. 8-9. 16bc-17. 21 e 23

Evanxeo: Mt 12, 38-42

Nunha ocasión algúns letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:
—Mestre, queremos ver un sinal teu.

Respondeulles el:
—Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal ca o de Xonás o profeta. Que así como estivo Xonás tres días e tres noites no ventre do peixe, así estará o Fillo do Home no seo da terra tres días e tres noites. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración para condenala, porque se converteron cando escoitaron a predicación de Xonás; pero aquí está quen é máis ca Xonás. A raíña do Sur enfrontarase no xuízo con esta xeración e fará que a condenen; porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón e aquí está quen é máis ca Salomón.

Meditación

Este anaquiño de Evanxeo remítenos á suposta historia, ou mellor parábola, do libro do profeta Xonás: mandado por Deus a predicar á cidade de Nínive para que se arrepentise das súas maldades, Xonás fai canto pode por non ir, porque consideraba que esa cidade, ao non pertencer ao pobo de Deus, non debía ser tratada con misericordia. Vai á forza, predica, Nínive convértese, e el enfurrúñase contra Deus, pola amplitude da súa misericordia.

A este relato fai referencia a contestación de Xesús, cando letrados e fariseos lle piden un sinal. O sinal que Xesús ofrece a todo o mundo sen distinción é o ofrecemento dun Deus achegado á xente, doído da fraxilidade humana, colaborador a tope para dignificar a vida de toda persoa. E este era o sinal que Xesús anunciou e defendeu coa súa vida, coa súa morte, coa súa resurrección. Nese ámbito estamos metidos todas e todos nós, sexa boa ou mala a disposición que teñamos para o ben na vida. Deus non renega de nós. Nunca. Non vaia ser que nós, por nos crer xente xusta e perfecta, reneguemos de entrar na onda misericordiosa e curadora de Deus!

Oración
Ti sempre coa man tendida,
meu Deus.
Ti sempre co corazón disposto,
coa ilusión a flor de pel,
para que nada se perda,
para que ninguén,
sexa quen sexa,
sexa como sexa,
estrague a súa vida,
deixe de ser a muller ou o home feliz
que ti soñaches.
Grazas.
Que saibamos vivirte así con sumo agradecemento
recoñecéndote capaz de acelerar en nós os cambios necesarios.
Que saibamos transmitirte tamén así
cun corazón espléndido coma o teu.
Acción

¿Dalgunha maneira somos persoas que excluímos a outras persoas dos bens da vida, do ben de Deus? ¿Dalgunha maneira sinalamos a algunha persoa, porque a consideramos mala, ruín, malvada, e arredámola da nosa vida, da nosa palabra, do noso afecto curador, como se nós fosemos xente perfecta? Pensémolo á luz da palabra de Xesús


19 de xullo: Martes da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 14, 21—15, 1. Salmo: Ex 15, 8-9. 10 e 12. 17
Ano 2: 1ª lectura: Miq 7, 14-15. 18-20. Salmo: 84, 2-4. 5-6. 7-8

Evanxeo: Mt 12, 46-50

Nunha ocasión, mentres Xesús lle estaba falando á xente, súa nai e máis os seus irmáns presentáronse fóra buscando o xeito de falaren con el. Díxolle un:
—Mira que túa nai e máis os teus irmáns están aí fóra, que te buscan para falaren contigo.

El respondeu ao que llo dicía:
—¿Quen é a miña nai e quen son os meus irmáns?

E, sinalando coa man os seus discípulos, dixo:
—Velaí a miña nai e máis os meus irmáns: o que cumpre a vontade do meu Pai celestial ese é o meu irmán, a miña irmá e máis a miña nai.

Meditación

Xesús non despreza a súa familia nin nos ensina a non apreciala. Canto lle debemos á familia! Debémoslle a existencia, a crianza, a formación, o arroupe afectivo, o acompañamento nas duras e nas maduras, os inicios na nosa sociabilidade, os coidados na enfermidade, ledicias, bágoas por nós… Agradecidas/os debiamos estar, normalmente, e moito, cara á nosa familia, aínda que ás veces as mesmas familias nos enredan tamén nas súas propias carencias.

Pero Xesús proponnos meter a familia propia dentro dun proxecto familiar máis soñador, máis fondo, universal. Os vínculos non son xa os da carne e o sangue, senón os do espírito; a nai, o pai, os irmáns e irmás non son xa os limitados á cada familia, senón os que se derivan de termos un Pai/Nai único que nos irmanda a todas e todos; o afán desa nova familia non é preservarnos como tal seguindo as pautas honestas dunha familia decente, senón descubrir en nós e en todas as cousas da vida o querer dese Pai/Nai apaixonada pola nosa boa ventura infinitamente máis do que nós o podemos estar por nós mesmas. Nesta familia universal entran incluso as persoas non crentes, porque aínda sen fe relixiosa podemos buscar vivir unha verdadeira fraternidade universal.

Oración
Cada día erguerme soñando contigo.
Cada día descubrir a túa presenza envolvéndoo todo
(“en todo estás e ti es todo,
para min e en min mesmo moras”).
Cada día escoitar cos oídos do corazón
a túa voz oculta en tantas palabras e silencios.
Cada día saberme fillo ou filla, irmán ou irmá
dunha familia inmensa e creadora.
Cada día ampliar un pouco máis o meu corazón
ata facelo universal coma o teu.
Cada día arrimar o lombo a outros lombos
na procura dunha inmensa casa común,
Cada día saberme acollida, abrazada por ti,
integrada por ti no teu soño humanitario.
Cada día agradecerche, meu Deus,
o que cada día me ofreces vivir.
Acción

¿Qué poderiamos facer hoxe, como persoa e/ou como comunidade cristiá para medrar un pouco nesta nova familia que Xesús nos propón? ¿Qué poderiamos facer se realmente pensamos que calquera refuxiado é irmán, irmá nosa, que o é tamén calquera veciño ou veciña ao que nos custa tratar?


20 de xullo: Mércores da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 16, 1-5. 9-15. Salmo: 77, 18-19. 23-24. 25-26. 27-28
Ano 2: 1ª lectura: Xer 1, 1. 4-10. Salmo: 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17

Evanxeo: Mt 13, 1-9

Un día Xesús saíu da casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo que subir e sentar nun bote, mentres a xente toda ficaba na beira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
—Unha vez saíu un labrego a sementar. E, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde apenas había terra; e naceu de contado porque a terra non tiña fondura, pero, non ben saíu o sol, queimouna e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. Quen teña oídos que escoite!

Meditación

Quen teña oídos que escoite. O primeiro que podemos escoitar é que o labrego sementa xenerosamente; non di: ui, igual me cae algunha semente no camiño, mellor non sementar; por aquí hai moita pedra, mellor non; por aquí hai moita silva, tampouco. Non escolle unicamente a terra boa, boa. Deus non é selectivo. A súa palabra non é selectiva. E menos é só para xente privilexiada. A súa presenza, a súa palabra é un regalo xeneroso para quen lle queira abrir as portas. Se somos terra ruín, a semente cae igual nos nosos corazóns, e quen sabe? Pero mellor é facernos terra traballada, coidada, para que a semente de Deus e da vida prenda, se desenvolva ben, medre e dea froitos. Iso é a gloria de Deus. Iso é a nosa bendición.

Oración
Eu quero ser terra boa, meu Deus.
Que a túa xenerosidade se vexa correspondida
coa miña mellor disposición.
Eu quero participar da túa abundancia,
para frutificar con ela,
para gozar dela,
para compartila.
Eu quero facerme contigo,
ao teu carón sempre,
sementador, sementadora,
para que o ben da vida
chegue a toda a xente por igual,
como regalo teu,
como froito dunha boa planificación social,
como mimo especial para coa xente máis vulnerable.
Asóciame, meu Deus,
ao teu labor de sementeira.
Acción

¿En algo somos terra dura, tripada, terra con moita pedra, terra con moitas silvas, terra pouco coidada para a semente da vida, a semente de Deus? ¿Qué podemos facer e cambiar para facernos terra boa?


21 de xullo: Xoves da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 19, 1-2. 9-11. 16-20b. Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56
Ano 2: 1ª lectura: Xer 2, 1-3. 7-8. 12-13. Salmo: 35, 6-7ab. 8-9. 10-11

Evanxeo: Mt 13, 10-17

Nunha ocasión achegáronse a Xesús os seus discípulos e dixéronlle:
—¿Por qué lles falas en parábolas?

El respondeulles:
—Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle, pero a quen non ten, aínda o que ten se lle quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando non ven e escoitando non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías, cando dicía:
“Oír oiredes, per non entenderedes; ollar ollaredes, pero non veredes.
Porque o corazón deste pobo está insensibilizado;
endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos,
para non veren cos ollos nin oíren cos oídos,
nin entenderen co seu corazón nin se converteren
para que eu os cure.”
Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e máis os vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.

Meditación

No fondo deste relato está o intento de explicar por que había moita xente que lle daba as costas ao que Xesús lles propoñía. Aínda que o poida parecer, non se afirma aquí que Xesús fale coas fermosas imaxes das súas parábolas para conseguir adrede que a xente non capte o que di. Ao revés, fala coas imaxes sinxelas, cotiás, das parábolas para que á xente lle sexa máis doado albiscar por onde vai o proxecto de Deus, que Xesús comparte e vive. “A quen ten daráselle ata sobrarlle”, non se refire a ter e dar cartos ou bens materiais; ese ter ou non ter refírese á actitude positiva, aberta que as persoas podemos adoptar ante algo que se nos propón; quen abra as portas do corazón e da vida, poderá verse colmada co que a vida, a xente, Deus mesmo nos ofrece.

O problema non está en que Xesús xogue coa xente, xogue connosco, senón en que a xente podemos xogar co que Xesús quere compartir. Podemos ver, oír, sen que o que vemos e oímos nos chegue ao corazón, nos mova, nos cambie, porque estamos como bloqueados; hai outras cousas, ansias, preocupacións que nos enchen a cabeza e o corazón, ofrecéndonos éxito e felicidade, e preferimos isto. Como persoa, como comunidade cristiá, ¿cales son as razóns polas que as palabras de Xesús esvaran pola nosa vida, sen entraren en nós, sen mobilizarnos?

Oración
Que poida oír e entender, Xesús,
que poida ollar e ver realmente,
cando ti me falas,
cando ti te me amosas
de calquera maneira na vida,
a través de calquera persoa ou situación.
Que sexa persoa de corazón sensible, libre,
de oído fino, de ollos abertos,
para poder ver, oír, entender, sentir,
para cambiar a gusto a miña vida,
para curala de toda indiferenza
e abrirme así contigo
a unha convivencia nova,
chea da dor e das ledicias da xente,
chea de Deus.
Eu só non podo;
éncheme co teu Espírito,
que ti nunca nos negas.
Grazas.
Acción

¿Podemos sinalar algún momento no que a través dalgunha persoa, dalgún suceso, dalgún momento de silencio e oración sentimos dentro de nós como unha voz maior chamándonos a algo, pero logo nos desentendemos diso? Podémolo retomar oír de verdade esa voz e deixarnos levar por ela.


22 de xullo: Festa de Santa María Magdalena, apóstola dos apóstolos.

1ª lectura: Cant 3, 1-4b. Salmo: 62, 2. 3-4. 5-6. 8-9.

Evanxeo: Xn 20, 1.11-18

O primeiro día da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada e quedou ao pé do sepulcro, fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús. Eles preguntáronlle:
—Muller, por que choras?

Ela respondeulles:
—Porque colleron o meu Señor e non sei onde o puxeron.

Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús preguntoulle:
—Muller, por que choras? A quen buscas?

Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:
—Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.

Xesús díxolle:
—María!

Ela, virándose, exclamou en hebreo:
—Rabbuni! (que quere dicir “Mestre”)

Xesús díxolle:
—Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.

María Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.

Meditación

Se dicimos que María Magdalena é apóstola dos apóstolos non o dicimos porque si. Foi apóstola, anunciadora, mensaxeira, si, porque lles foi aos apóstolos derrotados coa narración dunha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Pero, a máis diso, María Magdalena foi apóstola, anunciadora, mestra, polo mesmo proceso de vida que viviu en contacto con Xesús: unha vida rota de mil maneiras, polo que parece, que se engancha con Xesús, que o segue polos camiños de Galilea e cara a Xerusalén, que o acompaña na hora da paixón, que o chora morto e ausente, que o busca coa forza dun amor sen medida, que se reencontra con el nunha dimensión nova con evocacións vivas, que acepta a tarefa de contar a súa experiencia e de axudar a que outros, polo mesmo camiño, poidan experimentar a forza renovadora de Xesús, agora cunha vida nova en Deus.

E todo isto unha muller, que parte dunha vida desfeita e que, en Xesús, se reencontra a si mesma, para si, para a comunidade, para a Igrexa. Cantas mulleres houbo e hai así na Igrexa! Merecen o noso recoñecemento, que aínda non teñen como é debido, nin moito menos.

Oración
María, Magdalena,
irmá maior e mestra,
apréndeme os camiños do encontro vivo con Xesús.
Máis alá de teorías e doutrinas,
ensíname a agarrarme a el
amorosamente,
vitalmente.
Apréndeme a vincularme con el,
co seu estilo de vida,
cos seus fondísimos convencementos,
coa súa maneira de sentir e vivir a Deus,
coa súa maneira de sentir a vivir as persoas,
que, envoltas en fraxilidade,
se ían cruzando con el.
Ensíname a poñer as miñas nudeces,
coma ti, sen escusas,
á auga, á luz, ao clareo de Xesús.
Acción

Podemos reparar nas mulleres que nos acompañan na familia, na comunidade cristiá. Seguro que atopamos nelas motivos para o agradecemento. Dalgunha maneira podémoslles expresar o noso agradecemento.


23 de xullo: Festa de Santa Bríxida, patroa de Europa.

1ª lectura: Gal 2, 19-20. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9. 10-11

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A rama de vide que en min non leva froito arríncaa, e a que leva froito límpaa, para que leve máis froito aínda. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.

Así como a rama da vide non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na cepa, así tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide, vós as ramas. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. A quen non permanece en min, tírano fóra, coma as varas da vide, e secan; apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.

Meditación

Santa Bríxida (1303-1373) naceu en Suecia, foi muller casada e tivo oito fillos. Quedou viúva e optou por dedicarse á oración, ao servizo á xente, a vivir intensamente a súa paixón por Xesús que tanto padecera por nós. Foi unha muller que tivo grandes revelacións espirituais, recollidas en libros; foi, polo tanto, unha muller mística, teóloga, escritora. Viviu isto nun constante peregrinar (Santiago de Compostela dúas veces, Roma, Xerusalén, entre outros sitios), e nunha constante relación cos poderosos daqueles tempos, incluído o mesmo Papa, mediando sempre para conseguir paz e entendemento entre os pobos de Europa. Por todo isto no ano 1999 o Papa Xoán Paulo II nomeouna patroa de Europa xuntamente con Santa Catarina de Siena e Santa Tareixa Benedicta da Cruz.

Canto necesitamos persoas así nos nosos tempos, cando tantos parecen gozar encirrando persoas, comunidades e países! Xentes de paz, de sólida espiritualidade, que tezan respectos, vínculos, solidariedades no nome dun Deus apaixonado e dun Cristo sufrinte pola humanidade, como Bríxida, ou no nome do que cada quen sinta e queira!

Oración
Grazas por Bríxida, Deus noso;
Grazas pola súa condición de muller,
pola súa condición de esposa e nai.
Grazas pola súa vontade firme
de permanecer fondamente unida ao Cristo sufrinte,
para facerse así sensible ás dores do seu tempo.
Grazas polas súas mediacións, polas súas revelacións,
pola súa vontade firme de restaurar e pacificar,
respectando sempre a xente máis fráxil.
Grazas nela por todas as persoas
que queren facer de Europa e do mundo
un espazo fraterno,
a base de privilexiar as necesidades e dereitos da xente máis empobrecida.
Grazas por Bríxida, Deus noso,
que o se exemplo nos conforte e nos arrastre.
Acción

En Galicia, en España, tamén andamos enredados en conflitos, aínda que sexan conflitos menores. Por razóns relixiosas, por razóns políticas sobre todo (Cataluña, xente refuxiada, diferentes partidos políticos…). ¿Qué papel xogamos nós neses casos? ¿Mediamos para poñer cordura e respecto, ou encirramos buscando confrontacións estériles?




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.