08 setembro, 2022

Tempo Ordinario: 24ª semana



11 de setembro: Domingo 24º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Éx 32, 7-11. 13-14. Salmo: 50, 3-4. 12-13. 17 e 19.
2ª lectura: 1Tim 1, 12-17.

Evanxeo: Lc 15, 1-32 (breve Lc 15, 1-10)

Tamén os publicanos e outra xente pecadora se achegaban a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:
—Este acolle a xente pecadora e come con ela.

Entón Xesús contoulles esta parábola:
—¿Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E, cando a atopa, volve todo contento para a casa, con ela ao lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera”. Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.

E ¿qué muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E, cando a atopa, chama polas amigas e veciñas para lles dicir: “Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida”. Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.

E dixo tamén:
—Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde”. El repartiulles os seus bens. Días despois este fillo recibiu todo xunto e marchou para un lugar remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba. Recapacitando, pensou: “¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro”.

Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe, cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo”. Pero o pai díxolles aos seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade o cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a festa.

Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para a casa, oíu a música e máis o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: “É que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo”. Entón alporizouse moito e non quería entrar. Pero o pai saíu e intentouno convencer. El díxolle: “Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para festexar cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e mata o cuxo cebado”. O pai contestoulle: “Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu; pero cumpría celebrar unha festa cheos de ledicia, xa que este irmán teu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”.

Meditación

O Evanxeo de hoxe é moi coñecido, témolo escoitado ou lido moitas veces, e por iso corremos o risco de achegarnos a el como a algo moi sabido que non nos vai dicir nada novo que nos poida emocionar, conmocionar para a vida. Alerta, pois! As circunstancias persoais e as circunstancias da nosa comunidade cristiá, da Igrexa e da sociedade sempre son diferentes, como para que poidamos pensar tamén nun efecto diferente da Palabra de Deus nas nosas vidas. Ademais sempre está aberto un camiño de afondamento naquelas experiencias ás que este evanxeo nos teña levado noutras ocasións.

Para situarnos ben como receptores das palabras de Xesús, é importante ver cal é o arranque delas: os publicanos (cobradores de impostos que abusaban da pobreza e debilidade da xente) e pecadores en xeral achéganse a Xesús; Xesús acólleos, fala con eles, alterna con eles, incluso párase a comer con eles. Isto suscita murmuracións entre os relixiosos ben pensantes do momento: fariseos e letrados, expertos na piedade e na doutrina relixiosa. As tres parábolas que Xesús vai contar quérenlle dar unha resposta a estas murmuracións. Hai xente que se cre moi limpa, moi santa, moi relixiosa que mira con malos ollos a Xesús, e a súa proposta dun Deus achegado, misericordioso, perdoador, que dá incansablemente novas oportunidades a todo o mundo, en especial a quen máis anda perdido pola vida. De que lado nos situamos nós? Do de Xesús?

Así que o acento das tres parábolas non está posto na actitude do pecador, nin no seu pecado; nas dúas primeiras nin sequera se fala de alguén que poida pecar: é o pastor quen perde a ovella, é a muller quen perde a moeda. O fillo que abandona o pai e fai un uso toleirán dos bens recibidos claro que pode ser un exemplo espléndido dos procesos do pecado dentro de cada un de nós, e da nosa comunidade e da nosa sociedade, pero no relato el non é o centro de nada, senón o pai e o fillo cumpridor. O que Xesús quere resaltar é a actitude do pastor que vai en busca da perdida, a da muller que busca con coidadiño e a do pai que sae emocionado a recibir o fillo: busca, coidado, emoción retratan as palabras e o Deus de Xesús, retratan a súa experiencia relixiosa. Retratan tamén a nosa?

Na parábola o noso lugar natural é o de ser ovella e moeda perdidas, fillo/filla extraviada, que somos obxecto da busca, dos coidados, da emoción do mesmo Deus. E que así naza e abunde o agradecemento e a participación na festa realmente inmerecida, pero á que Deus desmesuradamente nos invita. E, se algunha vez o noso sentido de ser por Deus enviados/as a prolongar a súa presenza e a súa acción nos leva a facer de pastores, de muller ou de pai/nai, xa sabemos as formas, as actitudes, o espírito co que nos situar ante aqueles, aquelas, que poidamos considerar como xente pecadora, para que de nós perciban o que percibían de Xesús. Facémolo así na nosa actividade evanxelizadora? Reflectimos coa nosa palabra, coa nosa vida, este rostro de Deus? Nas nosas comunidades cristiás somos capaces de crear o ambiente relixioso que Xesús creaba ao redor de si?

O irmán maior representa cruamente a actitude relixiosa máis triste e decepcionada. Síntese decepcionado por Deus, e é incapaz de participar na súa festa, na festa da xente pecadora. Os seus argumentos non deixan de ter o seu aquel. É cumpridor, certo, pero reivindica a recompensa polo seu cumprimento, sen caer na conta da gran compensación que é estar sempre na compaña de Deus, (“ti sempre estás comigo”), sen máis, sen menos, e saber que todo o de Deus, todo, é del, porque Deus non pecha nunca ningunha porta, ningún cuarto, ningunha despensa. Entrar na onda de Deus, gozar da súa desmesura, feita de abundante busca, abundante coidado, abundante e emocionado perdón, sería normal que nos levase ao gozo de poder ver persoas e persoas, centos, miles, millóns, que poden participar das mesma satisfacción. Canto hai de irmán maior nos nosos corazóns?

E non é que o pecado non importe, claro que importa. Romper de mil maneiras posibles co Amor solidario que nos constrúe e co que podemos axudar a construción da nosa familia, parroquia, sociedade, é algo moi serio para as nosas vidas, para a nosa comunidade cristiá. Pero máis importante ca o pecado é a maneira de nos situar ante el e de abrir camiños para afrontalo dunha maneira realmente liberadora.

A celebración eucarística é un espazo de festa, que actualiza a festa de Deus polo achado da xente máis débil, e que nos lanza cara a unha actividade viva en favor de quen máis padece a dureza da vida, con pecado ou sen pecado na súa conta.

Preces

TI SEMPRE ESTÁS COMIGO E TODO O MEU É TEU

Recordemos as palabras de Xesús para andar en honradez e xustiza en todo momento e sabernos agrazados/as sempre por Deus que tanto nos quere. Oremos.

Recordemos as palabras de Xesús para alegrarnos por quen, sendo pecador ou pecadora, ten sempre abertas as portas do corazón de Deus. Oremos.

Recordemos as palabras de Xesús para abrir a nosa comunidade cristiá á xente máis débil, e facelo sen prepotencia, sentíndonos todos, todas, necesitadas dos coidados de Deus. Oremos.

Recordemos as palabras de Xesús para tomar en serio o noso pecado, para deixarnos abrazar pola forza vigorosa do perdón cando é autenticamente vivido. Oremos.

Recordemos as palabras de Xesús para darlle cara ao moito mal que hai no mundo, e sermos coma Xesús belixerantes contra o mal coas armas mesmas de Deus. Oremos.

Oración
Que gozo, Deus, que festa, que alegría,
saber que, cando torcen os meus pasos
ou se enchen de po turbo os meus abrazos,
axiña ves, Señor, en busca miña!

E faste para min pastor de mimos,
buscador do meu ben, da miña vida,
no lombo teu me levas cheo de estima,
á festa que organizas cos veciños.

Que gozo, Deus, que festa, que alegría,
saber que, se me perdo cal moeda,
o meu valor o teu amor enreda
e móveste, Señor, en busca miña!

E faste para min muller esperta,
que ama, busca, limpa, frega, varre,
buscando sen parar ata atoparme
e logo coas veciñas me celebra.

Que gozo, Deus, que festa, que alegría
saber que, se me estrago, peco ou erro,
non botas cara a min ollada en ferro,
senón que a miña volta ti vixías!

E faste para min mai, pai amante,
que espera, aperta, bica e se emociona,
que todo o que hai de mal en min perdoa
e vístesme de gloria, exultante.

Fagamos festa en Deus, que en nós se mostra
pastor, muller, pai, nai rica en coidados
e colma as nosas vidas de regalo
abrindo co perdón as súas portas.
Acción

Podemos agasallar hoxe as nosas nais, pois seguro que por nós pasaron moitos momentos de dores. Podemos falar con algunha muller, escoitar as súas particulares dores por ser tal. Podemos facer algo por apoiar a presenza da muller na igrexa en condición de igualdade.


12 de setembro: Luns da 24ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 2, 1-8. Salmo: 27, 2. 7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 11, 17-26. 33. Salmo 39, 7-8a. 8b-9. 10. 17

Evanxeo: Lc 7,1-10

Nunha ocasión, cando Xesús acabou de lle falar á xente, entrou en Cafarnaum. Había alí un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte. Ao oír falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose curar o criado. Eles presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:
—Merece que lle fagas isto, pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu unha sinagoga.

Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa, o centurión mandou unhas persoas amigas a lle dicir:
—Señor, non te molestes, pois non son merecente de que entres baixo o meu teito; por iso coidei que non era digno de ir eu ao teu encontro. Abonda cunha palabra túa e o meu criado quedará curado. Pois eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “vai”, e vai; ao outro: “ven”, e vén; e ao meu criado: “fai isto”, e faino.

Oíndo isto, Xesús ficou abraiado e, virándose cara á xente que o seguía, díxolle:
—Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.

E, ao volveren á casa, as persoas mandadas atoparon san o criado.

Meditación

Podemos considerar a figura do centurión. O centurión era un oficial do exército romano que ocupaba Palestina. Este centurión parecía un home ben especial: tiña un criado que estimaba moito; preocúpase pola súa saúde e búscalle un remedio. Aínda que seguro que non era ben visto polos xudeus por formar parte do exército ocupador, el amaba o pobo xudeu; e, aínda que seguramente practicaría calquera relixión do imperio, construíralles unha sinagoga. Ao que se ve, era un home humano, colaborador, aberto. O seu corazón estaba aberto, a súa mente tamén. Oe falar de Xesús e aló vai contactar con aquela fonte de vida e de ben. Era un home de confianzas humanas, de confianzas espirituais. Á súa maneira cre en Xesús, e con que fe! Ata o punto de que o mesmo Xesús queda sorprendido de atopar tanta fe nun oficial do exército ocupador.

Ben é que esteamos alerta coas nosas actitudes relixiosas. Pode haber xente aparentemente moi crente, pero que no fondo é moi cerrada, cun corazón e cunha mente pechada, á defensiva, mesmo agresiva. Para esta xente crer é unha arma de ataque máis ca un espazo de encontro, de respecto, de convivencia con quen cre e con quen non cre, ou con quen cre con sensibilidades diferentes. E pode haber xente con fe relixiosa diferente á nosa, ou mesmo sen fe relixiosa, que se cadra, está máis aberta ao de Deus do que nos podemos imaxinar.

Oración
Bendito centurión,
chufado por ti, Xesús.
Bendito centurión,
que non se deixa condicionar polo ambiente negativo.
Bendito centurión,
aberto ao distinto, ao novo, ao descoñecido.
Bendito centurión,
atento ao que pasa, distinguindo e valorando.
Bendito centurión,
que se deixa cativar pola túa presenza, Xesús.
Bendito centurión,
que acode a ti, á túa forza de ben.
Bendito centurión,
exemplo de fe simple e fonda, razoada.
Bendito centurión,
que nos regalou unha humildísima confesión de fe:
“non son merecente de que entres baixo o meu teito”,
“abonda cunha palabra túa para que cure”.
Bendito ti, Xesús,
que tal fe promoves e sostés.
Acción

¿Somos ou non somos mulleres e homes de fe? ¿Somos homes e mulleres dadas xa a unha fe que lle poderiamos chamar humana, ou somos xente de entrada desconfiada de todo, ante todo, sen crer nas posibilidades da vida? Seguro que poderiamos medrar algo na nosa fe.


13 de setembro: Martes da 24ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 3, 1-13. Salmo: 100, 1-2ab. 2cd-3ab. 5. 6
Ano 2: 1ª lectura:1 Cor, 12, 12-14. 27-31a. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5

Evanxeo: Lc 7, 11-17

Un día foi Xesús a unha vila chamada Naín, co grupo que o acompañaba máis de cerca e con outra moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; esta ía acompañada por moita xente da vila. Ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
—Non chores.

E achegándose, tocou o cadaleito –os que o levaban pararon— e dixo:
—Rapaz, falo contigo, érguete!

O morto incorporouse e empezou a falar, e Xesús entregoullo á súa nai. Toda a xente quedou impresionada e loaba a Deus dicindo:
—Un grande profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.

E a noticia do feito correu por toda aquela comarca e pola Xudea enteira.

Meditación

Noutros casos é a xente en aperto a que acode a Xesús, a que berra, a que pide. Aquí non. A desgraza está alí, ben representada nesa muller viúva, cando a viuvez era xa en si mesma unha desgraza grande, enterrando o seu fillo único aínda ben novo. A xente doída acompañaba a muller. Xesús ve o cadro e actúa. El dá o primeiro paso. Soamente o evanxelista Lucas narra este suceso, que se suma ás moitas intervencións de Xesús a favor da xente vulnerable. Podemos discutir o que hai de milagre ou non; non dubidamos da paixón de Xesús pola debilidade e a súa vontade firme e eficaz de actuar sempre levando alivio e abrindo camiños e esperanzas. Como persoas, como comunidades cristiás, ¿somos das que dan o primeiro paso, das que non agardan na súa casa a que as noticias cheguen, se chegan? Como di o Papa Francisco, ¿primereamos?

Oración
Andar os camiños,
coma ti, Xesús.
Ter os ollos sempre abertos,
coma ti, Xesús.
Levar o corazón sempre na man,
coma ti, Xesús.
Doerse a fondo das dores alleas,
coma ti, Xesús.
Achegarse e tocar os sinais da dor,
coma ti, Xesús.
Ter palabras de consolo e de alento,
coma ti, Xesús.
Facer o posible e o imposible por remediar a situación,
coma ti, Xesús.
Agradecer e celebrar os progresos da xente, do pobo,
coma ti, Xesús.
Gozar do teu ben.
Espallar o teu ben!
Quen mo dera, Xesús, quen mo dera!
Acción

É ben que non nos pechemos na casa, coa TV, co que sexa. É mellor saír, bater coa xente, visitar veciños e veciñas. E facelo cos ollos e co corazón aberto. Ao estilo de Xesús. Seguro que algo novo nacerá en nós, de nós. Probemos, a ver.


14 de setembro: Festa da Exaltación da Santa Cruz

1ª lectura: Núm 21, 4b-9. Salmo 77, 1-2. 34-35. 36-37. 38

Evanxeo: Xn 3, 13-17

Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
—Ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home. Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que o mundo se salve por el.

Meditación

As cruces non son, non deberían ser, un simple adorno nos nosos peitos, sobre do noso leito, nos nosos camiños e prazas, nos nosos centros de estudo, nas nosas igrexas e outeiros. En ningunha parte. A cruz é un recordatorio, unha memoria. Un recordatorio e unha memoria por unha parte doloroso, por outra parte feliz, esperanzador. Doloroso porque recorda a agresividade dos poderes relixiosos e civís que se cebaron naquel home xusto, humanísimo, que pasou pola vida facendo o ben, porque estaba cheo do Espírito de Deus; doloroso tamén porque recorda a tanta xente que de mil maneiras sofre na vida, sobre todo a que sofre pola ruindade doutras persoas; e sabemos que isto pasa, e moito.

É un recordatorio feliz, esperanzador, porque na cruz asumida desde o amor e desde o servizo o fillo de Deus Xesús rompeu as forzas do mal que aparentemente acabaran con el, e converteuse no camiño para o seu triunfo, para a súa gloria. A cruz fálanos do moito amor que Deus nos ten, da súa fonda paixón por nós, manifestada no Cristo que nela morreu por manterse firme na súa fidelidade a Deus e a nós.

Desde aí é difícil entender a trivialidade coa que tratamos a cruz as mesmas persoas cristiás; pero tamén é difícil entender o noxo ante a cruz de persoas e grupos humanos que parecen querer rebelarse contra calquera forma de dominio e explotación da xente. ¿Quizais porque a xente cristiá, a Igrexa, lle quitamos á cruz a súa verdade histórica de solidariedade coa xente marxinal, de enfrontamento ao poder abusón?

Oración
Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.
Sinal de empeño no amor,
proba do gran Servidor.
Quen nela por nós morreu
ante o abuso non cedeu.
Sufriu, berrou e rezou:
cheo de amor se entregou.
A cruz, rebelde paixón
que reborda o corazón.
Fervente facho de gloria
que enche de luz a historia.
No desespero, esperanza
de quen baila amarga danza.
Camiño recio do pobo
que en Deus soña tempos novos.
A cruz dos grandes momentos,
a cruz dos pequenos tempos.
Por min tanta dor e amor,
tamén polo mundo enteiro,
na cruz do noso Señor.
Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.
Acción

Repararemos nalgunha cruz pola que estea pasando algunha xente amiga, coñecida. Reparemos tamén nalgunha cruz pola que nós esteamos pasando. ¿Podemos aprender a vivir as nosas cruces algo como Xesús a viviu? ¿Podemos botarlle unha man a quen está pasando por horas malas, por horas de cruz?


15 de setembro: Memoria de Santa María das Dores.

1ª lectura: Heb 5, 7-9; Salmo 30, 2-6. 15-16. 20

Evanxeo: Xn 19, 25-27

Naquela hora, ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e onda ela o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo.

Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí a túa nai.

E dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.

Meditación

María, a nai, ao pé da cruz, encaixando o momento da derrota dos soños do seu fillo. Pero alí, ao pé da cruz. Envolvendo ese momento coa tenrura da nai, coa dor da nai, coa esperanza da nai, que nunca dá por acabadas as posibilidades dun fillo, a capacidade de sobrepoñerse ás maiores adversidades. Ao pé da cruz, desbordada polos acontecementos, que poñían a proba unha vez máis a súa firme fe, coa que iniciara aquel recorrido de nai todo cheo de graza e de misterio.

María aprende en carne propia o que Xesús aprendía tan dolorosamente na súa: a resistencia do mal, do poder, ante calquera proposta que poida poñer en cuestión o seu dominio, o seu control, o seu sometemento dos corpos e dos espíritos da xente, a súa liberdade, a súa verdade. Mai e fillo unidos na mesma ilusión, na mesma amargura, na mesma fe, na mesma cruz, na mesma esperanza. E o fillo querendo que nos introduzamos nesa sociedade histórica e mística a un tempo. Que nos metamos neses espazos de silencio que encaixa o mal e o sitúa nas zonas de esperanza, para que o mal non teña a última palabra.

Cada persoa temos as nosas particulares batallas e cruces. En cada momento o conxunto da Igrexa ten tamén os seus; nesta hora concretada no ataque vergoñento ao Papa Francisco que pretende sanear a Igrexa desde o Evanxeo de Xesús.

Oración
Santa María das Dores,
nai de Xesús e nai nosa,
lévanos da túa man
polos camiños da historia.
Contigo queremos ser
de Xesús fieis seguidoras,
mulleres e homes de fe,
na cruz da presente hora.
A cruz de males e abusos
que desde dentro ou de fóra
revolven o corazón,
e estragan a vida toda.
A cruz de tantas mulleres
vivindo ou morrendo á sombra
de mans e de relacións
amargas, abusadoras.
Nas cruces da nosa vida
por nai te temos, xaora,
consolo, forza e alento
de quen sofre, de quen loita.
Con Xesús do berce á cruz,
en paciencia vigorosa,
día a día, en noite ou luz,
fidelidade amorosa.
Acción

Podemos agasallar hoxe as nosas nais, pois seguro que por nós pasaron moitos momentos de dores. Podemos falar con algunha muller, escoitar as súas particulares dores por ser tal. Podemos facer algo por apoiar a presenza da muller na igrexa en condición de igualdade.


16 de setemro: Venres da 24ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 6, 2c-12. Salmo: 48, 6-7. 8-10. 17-18. 19-20
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 12-20. Salmo: 16, 1. 6-7. 8b e 15

Evanxeo: Lc 8, 1-3

Xesús púxose a camiñar por vilas e aldeas, predicando e anunciando a boa nova do reino de Deus. Ían canda el os Doce e máis algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Magdalena, curada de sete demos; Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes; Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.

Meditación

Lucas refírese á gran camiñada de Xesús, que o levaría de Galilea a Xerusalén, para confrontar alí cos líderes relixiosos do seu tempo, cos que mantiña serias diferenzas. Unha viaxe chea de riscos, que remataría na súa morte en cruz. E van canda el os Doce e con eles un grupo significativo de mulleres, algunhas das cales citadas expresamente polo seu nome e, seguro, tamén polo significado que tiveron no grupo: María a Magdalena, Xoana, Susana. Todo o mundo está de acordo en admirar esta incorporación de mulleres no fato misioneiro, en tempos nos que estaban absolutamente anuladas na visibilidade social e relixiosa. ¡Que non faría hoxe Xesús, cando a cultura reclama unha absoluta igualdade, dentro do ser de cada persoa ou grupo social! ¡Canta da liberdade de Xesús nos fai falla á Igrexa predominantemente masculina para vivir de preto o Evanxeo!

Oración
Grazas polas mulleres,
na súa historia amarga, sufrida,
fóra e dentro da Igrexa.
Grazas polo testemuño da súa fe,
do seu seguimento de Xesús,
a pesar de todo.
Grazas polas súas voces reivindicativas,
clamando polo seu recoñecemento
dentro e fóra das nosas comunidades.
Grazas polos seus soños
de seren o que están chamadas a ser,
como revolución no mundo e na Igrexa.
Grazas a ti, Xesús,
por abrires a porta a tanta normalidade.
Acción

Se somos homes, reparamos como estamos tratando as mulleres dentro e fóra da comunidade cristiá. Se somos mulleres, reparamos se nos encollemos ou non ante prácticas eclesiais que intentan rebaixarnos e agocharnos. Nos dous casos, pensamos en como dar pasos no espírito do Evanxeo.


17 de setembro: Sábado da 24ª semana do Tempo Ordinario.

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 6, 13-16. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 35-37. 42-49. Salmo: 55, 10. 11-12. 13-14

Evanxeo: Lc 8, 4-15

Unha vez, xuntouse onda Xesús moita xente chegada de moitas vilas e el propúxolles esta parábola:
—Saíu un labrego a sementar. E ao botar a semente, parte dela foi caendo polo beira do camiño; a xente pisouna e os paxaros comérona. Outra caeu en terreo pedregoso, pero, aínda que xermolou, secou por non ter lentura. Outra caeu entre silvas, pero ao medrar o silveiral, afogouna. Outra caeu en boa terra, xermolou e deu o cento por un.

A continuación exclamou:
—Quen teña oídos para oír, que escoite.

Entón a xente que o acompañaba de cerca preguntoulle que significaba aquela parábola. El respondeu:
—A vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino de Deus, pero aos outros unicamente en parábolas, de xeito que vendo non vexan e escoitando non entendan.

A parábola significa isto: a semente é a palabra de Deus. As do camiños son as persoas que, tan pronto como oen a palabra, vén o Satán e arrapáñallela do seu corazón, non vaia ser que crean e se salven. As do terreo pedregoso son aquelas persoas que, cando oen a palabra, acóllena con alegría, pero, como non teñen raíz, cren por certo tempo, máis, cando vén a tentación, abandonan. As das silvas son as persoas que escoitan a palabra, pero por mor das preocupacións, riquezas e praceres da vida, afogan e non chegan a madurecer. As da terra boa, son aquelas que con bo e xeneroso corazón escoitan a palabra, retéñena e producen froito coa súa perseveranza.

Meditación

O que a parábola nos vai aclarando con precisión é que todas as persoas recibimos a diario moitas achegas boas, que nos veñen de Deus como palabra súa, frecuentemente a través da normalidade da vida. Agora ben, non chega con que esa semente caia en nós, para que prenda en nós e se converta en nós nun froito madurecido. Cómpre atendela, coidala, traballala, deixar que colla fondura e lentura en nós, pelexar por ela, dedicarlle tempo, perseveranza. Sábeo moi ben a xente do campo: non chega con botar a semente na terra. Canto hai que esforzarse e suar para poder recoller froitos dela! Pois co ben de Deus en nós pasa outro tanto.

Ao mellor, por exemplo, gustaríame ser un bo home para a miña muller, ou unha boa muller para o meu home; ese desexo bo é xa unha palabra de Deus dentro de min. Pero a este desexo teño logo que lle ir dando corpo; ver como lle falo á miña parella, como colaboro con ela na casa, como me preocupo por como lle vai no traballo, como a respecto no seu xeito particular de ser, como a perdoo cando erra, como comparto con ela momentos felices etc, etc. Facer todo isto supón atención, esforzo, sacrificio, perseveranza. Pero é así como o desexo bo inicial se converte nun froito gustoso dunha convivencia feliz. E como este hai mil exemplos máis na vida.

Oración
Que a túa palabra, falada con mil linguas,
se faga en min semente produtiva.
Que atope en min terra branda, traballada,
e non a beira dura dun camiño,
onde un paxaro calquera a lavará no peteiro.
Que a túa palabra, dita de mil xeitos,
atope en min terra con lentura
onde enraizar e medrar
a proba de tentacións e contratempos.
Que a túa palabra, abundante e gratuíta,
non morra en min
tristemente afogada
no medio de afáns, riquezas e praceres.
Que a túa palabra, fonte de toda abundancia,
atope en min terra boa, preparada, regada,
con coidado traballada,
e me faga abundante en froitos,
onde o próximo poida vir, coller e fartarse.
Acción

Podemos reparar a ver se en algo nos está pasando o que anuncia a parábola: que a palabra de Deus, que case sempre ten rostros moi humanos, estea chegando a nós e polo que sexa non lle deixemos frutificar en nós. Nese caso, podémolo corrixir. E se vemos que lle estamos prestando atención e facendo todo o posible para que dea froitos en nós, daquela podémolo agradecer e gozarnos con iso.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.