02 setembro, 2022

Tempo Ordinario: 23ª semana



4 de setembro: Domingo 23º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Sab 9, 13-19. Salmo: 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17.
2ª lectura: Flm 9b-10. 12-17.

Evanxeo: Lc 14, 25-33

Nunha ocasión en que o seguía moita xente, volveuse cara a eles e díxolles:
—Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper co seu pai e coa súa nai, coa muller e máis cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu. O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.

Pois ¿quén de vós, se quere construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga risa del, dicindo: “Este empezou a construír e non deu rematado”.

Ou ¿que rei, que sae á guerra contra outro, non senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.

Meditación

Xesús observa a moita xente que o ía seguindo, posiblemente movida por intencións pouco consistentes. Moitas persoas ás que lles atraía o de Xesús, a súa persoa, a súa maneira de se situar na vida; moitas persoas atraídas pola súa valentía, pola súa liberdade, pola súa proximidade, polo seu afecto, pola súa compaixón desmesurada e arriscada, comprometida... Moitas persoas así, é certo, pero ás que Xesús nos lles vía moita disposición para entrar polos camiños da vida polos que el andaba. Seguramente que tamén nós nos podemos colocar dentro desa xente inconsistente. Como persoas e como comunidade cristiá, deixémonos cuestionar e conmover polas palabras que Xesús lles dirixiu.

A Xesús podemos velo e vivilo coma o mellor amigo do mundo; podemos gozar coa súa amizade e cultivala de mil maneiras cada día. A Xesús podemos consideralo coma o irmán maior, e estar sumamente orgullosos del, e intentar imitalo como fai o irmán menor co irmán maior ao que admira, e falar del con emoción a quen nos visita, rememorando as súas palabras e os seus feitos conmovedores, revolucionarios. Tamén podemos consideralo coma un mestre e situarnos ante el coma discípulos/as que nos achegamos a el con moitas pobrezas na vida, con moita necesidade e ganas de aprender, porque a vida é complexa: coidar a nosa persoa en crecemento é complexo, atender a familia para aproximarnos nela ao espírito de Xesús é complexo, situarnos na parroquia, na sociedade, intentando vivir e transmitir os convencementos de Xesús é complexo. E por iso necesitamos un mestre, un guieiro, e témolo, e por iso necesitamos tamén andar na vida como seguidores, coma discípulos de Xesús. Iso é que máis importante dunha persoa, dunha comunidade que queira ser cristiá: recuperar a humildade, o esforzo, o traballo, a confianza, o sacrificio de quen quere aprender e ser nalgunha cousa polo menos coma o seu mestre Xesús.

O que hoxe nos ensina Xesús pódenos parecer algo forte. Comenta unhas condicións imprescindibles para poder ser un bo seguidor/ra del. A primeira condición é estar disposto a romper con que haxa que romper, así sexa o mesmo pai, nai, muller, home, fillos, fillas, irmáns, irmás ou propia vida –é dicir os máis grandes afectos que poidamos ter—, para poder ser discípula del. Dicimos que nos pode parecer algo forte. E certo que o é. Xesús proponnos entrar por un camiño longo e fondo de liberdade: libres para amar e servir máis e mellor. En principio a familia non ten por que ser un obstáculo para esa liberdade, e mesmo pode ser unha estupenda axuda para iniciarnos e medrar nela. Pero tamén é certo que a familia, o mesmo ca outras cousas coma o diñeiro, a imaxe social, os medos e covardías, a falla de humildade para recoñecer erros e pasos mal dados, impídennos sermos libres para vivir como quen quere seguir a Xesús. Romper cadeas, ser libres, pero selo non por chufarnos de selo, senón para amar mellor, servir mellor, estar máis dispoñible para toda clase de ben, e gozar mellor unha vez metidas/os nesa onda de solidariedades na que Xesús sempre anda metido.

A segunda condición que Xesús pon tamén ten o seu aquel para quen pense que o máis bonito do mundo é non sufrir nada, non padecer nada, non ter que sacrificarse en nada e para nada. Xesús dinos que esa é ter unha idea equivocada da vida, pois nada se consegue sen loita, sen sufrimento, sen cavilacións, sen chorar bágoas, sen cruz, sobre todo se entendemos a vida coma un camiño de solidariedades, no medio e ao pé da xente pequena e marxinal coa que Xesús quixo e quere estar preferentemente. Sofre o neno que estuda para capacitarse para a vida; sofre a parella que tenta facer forte e consistente o seu amor; sofre a xente amiga de unións e asociacións que tentan mellorar a vida dos pobos; sofre a xente solidaria que ve como os seus esforzos chegan a pouco para remediar situacións dolorosas na sociedade; sofre quen se enfronta a quen abusa, explota, rouba o pan e a liberdade da xente; sofre quen asume o conflito coma condición imprescindible para que a propia persoa e o mundo todo avance e mellore. E, claro, quen non estea disposto a cargar coa cruz, coa súa cruz, simplemente non vale para ser seguidor/ra de Xesús; non é que Xesús lle peche as portas, é que non entenderá nada do de Xesús e acabará abandonando ou simulando un seguimento que non é tal. Pero tamén aquí non se abraza o sufrimento polo sufrimento, senón coma unha maneira de lle buscar saída ao amor, coma unha maneira de amar máis e máis limpamente, de comprometerse co amor con todas as consecuencias. O amor, chegado o caso, pon alegría no mesmo sufrimento.

A cousa pode parecer dura. Xesús é mestre non só porque nos ensina o que podemos facer, senón, sobre todo, porque introdúcenos e acompáñanos na onda do amor, onde é posible o imposible, porque o amor pódeo todo. A celebración da Eucaristía, ben vivida, pode cargarnos as pilas. A experiencia de amor e servizo ao lado da xente débil cárganos diariamente as pilas.

Preces

COS OLLOS SEMPRE POSTOS NO NOSO MESTRE E IRMÁN

Presentémoslle a Deus as persoas que queren ser discípulas e seguidoras de Xesús, para que nel atopen luz e forza. Oremos.

Presentémoslle a Deus as vidas das nosas familias, para que nelas atopemos sempre alentos para o ben, para a honradez, para a fidelidade cristiá. Oremos.

Presentémoslle a Deus as persoas que traballan, loitan, sofren por defender o pan e a dignidade da xente máis marxinal, para que se manteñan firmes no seu servizo solidario, na súa cruz. Oremos.

Presentémoslle a Deus todas as persoas que empezan o seu curso escolar e a toda a comunidade escolar, para que entre todos acertemos a formas a xente nova en coñecementos e en humanidade. Oremos.

Oración
Ser de Igrexa
non vale para nada,
se non levas o Evanxeo nas mans, no corazón.

Ser católico, católica,
non vale para nada,
se non te deixas arroubar por Deus, pola súa presenza.

Saber o catecismo, a doutrina,
non vale para nada,
se o corazón non se che abranda ante a xente marxinal.

Ir á Misa os domingos
non vale para nada,
se non pactas cos veciños/as paz e misericordia.

Recibir a comuñón
non vale para nada,
se non che doen os abusos e inxustizas.

Rezar, ler os evanxeos
non vale para nada,
se non te enredas no cambio da sociedade.

Declararte discípulo/a de Xesús
non vale para nada,
se acomodas o evanxeo ao teu gusto e comenencia.

Querer ser seguidor, seguidora de Xesús
non vale para nada,
se non estás disposta a iniciar un camiño longo de liberdade.

Soñar con amar e servir
non vale para nada,
se non estás disposto ao conflito, ao sufrimento, á cruz.

Dicho Xesús,
que pode iluminar as túas confusións
e fortalecerte nas túas covardías.
Acción

Posiblemente, se nos paramos a pensar, descubrimos en nós a chamada do Espírito a que rompamos algunhas atumes que nos impiden avanzar no seguimento de Xesús, da súa persoa, da súa causa. Hoxe é bo día para comprometernos a facelo así.


5 de setembro: Luns da 23ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 24—2,3. Salmo: 61, 6-7. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 5, 1-8. Salmo: 5, 5-6. 7. 12

Evanxeo: Lc 6, 6-11

Un sábado entrou Xesús na sinagoga a ensinar. Había alí un home que tiña impedida a man dereita. Os letrados e máis os fariseos estaban ao axexo, a ver se ousaba curalo en sábado, para o poderen acusar. Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ao home que tiña a man tolleita:
—Érguete e ponte no medio.

El ergueuse e púxose no medio. Entón Xesús díxolles:
—Fágovos unha pregunta: ¿Qué está permitido no sábado: facer o ben ou o mal, salvar unha vida ou deixar que se perda?

E, ollando a todas as persoas que o rodeaban, díxolle ao home:
—Estende a túa man.

El fíxoo e a man quedoulle curada. Pero eles, todo enrabechados, discutían entre si o que poderían facer con Xesús.

Meditación

Claro que Xesús podería dicirlle ao home aquel: vémonos mañá e a ver o que podo facer, hoxe non, que é sábado. Pero Xesús neste caso, coma noutros moitos, é provocador, para que quede máis en claro aquilo que el consideraba un error: nas prácticas relixiosas do seu tempo era máis importante o requisito da lei que a saúde, o benestar da xente; e Xesús tiña moi claro que tiña que ser ao revés: o ben, a dignidade, o respecto da xente por riba de todo. Nisto xogábase algo que era esencial no pensamento e práctica relixiosa que o Espírito de Deus alimentaba diariamente nel. ¿É así de claro tamén o noso pensamento e a nosa práctica relixiosa?

É curiosa a actitude pechada dos letrados e fariseos ante quen lles poñía diante un error evidente. Pero non é cousa que só a eles lles pasase. É frecuente que reaccionemos así, cando nos deixamos levar por prexuízos, por ideoloxías establecidas en nós, por sentimentos. É unha mágoa, porque esta actitude impídenos avanzar, mellorar, como persoas e como comunidade cristiá.

Oración
A xente,
a xente é o que importa,
por riba de todo,
por riba de calquera lei civil ou relixiosa.
A xente,
esa persoa descoñecida que se cruza contigo,
esa traballadora de hotel que demanda melloras,
ese velliño ou velliña que morre de soidades cada día e cada noite,
ese mozo ou moza que intenta abrir camiño na vida,
esas persoas refuxiadas deixadas na man de Deus,
ese neno ou nena violada por un clérigo,
ti mesma, eu mesmo.
Non hai relixión máis santa e máis perfecta,
non hai relixión que máis honre a Deus,
e máis nos complete como persoas
que tratar a xente con humanidade.
Simplemente.
Así de claro.
(Dínolo Xesús como irmán maior e mestre.)
Acción

Nós pasamos bastante das leis relixiosas. Aínda así, cando pretendemos cumprir algo coa nosa vida cristiá, ¿poñemos en primeiro lugar a atención á xente que nos rodea, sobre todo se é xente vulnerable por calquera razón? Podémolo revisar e cambiar, se é do caso.


6 de setembro: Martes da 23ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Cor 2, 6-15. Salmo: 144, 1-2. 8-9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor, 6, 1-11. Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b

Evanxeo: Lc 6, 12-19

Unha vez Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou a xente que o acompañaba e escolleu doce, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e Andrés seu irmán; Santiago, Xoán, Felipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.

Despois baixou con eles e detívose nunha chaeira cun bo grupo de persoas que o acompañaban e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. As persoas atormentadas por espíritos inmundos quedaban curadas e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.

Meditación

Xesús entendeu que debía compartir con outras persoas a tarefa do anuncio da boa nova de Deus, consistente en alentar coa palabra e cos feitos de curación, de reinserción social e relixiosa, cara a unha vida fraterna. Escolleu un grupo de homes, ao que sabemos que tamén se uniu un bo grupo de mulleres. Da nada, de seren uns homes e mulleres normais, fixo persoas implicadas a fondo. Curiosamente Xesús pasou a noite anterior orando a Deus, como para que a súa chamada puidese ter forza abonda de atracción e de encantamento.

Na Igrexa de hoxe sentimos unha aguda necesidade da implicación da xente normal, o laicado, nas variadas tarefas da comunidade cristiá. Os clérigos din que custa moito que o laicado se implique. Pode ser. Pero ¿pasan eles noites en oración para atraer e implicar a homes e mulleres do común? ¿Enchen de afecto e paixón a súa palabra para mobilizarnos? E, se non o fan, ¿temos que agardar a que sexan os clérigos os que nos mobilicen? ¿Xesús mesmo non é quen de tocarnos o corazón, espelirnos e converternos en persoas asentadas nel para o ben propio e o alleo?

Oración
“Foi orar ao monte
e pasou a noite orando a Deus”.
¿Como orarías, Xesús?
¿Cómo lle falarías ao teu Deus querido?
¿Cómo abrirías ante el o teu corazón?
¿Cómo poñerías nas súas mans
os mesmos soños que el espertara en ti?
¿Cómo deixarías que todo o teu ser
se enchoupase de Deus e do seu Espírito?
Tíñalo moi claro, Xesús:
rezábaslle ao teu Pai no segredo,
confiado en que quen ve o segredo te había recompensar;
rezábaslle ao teu Pai con poucas palabras,
porque sabe o Pai o que precisamos antes de llo pedir.
O teu orar, Xesús,
sería simplemente estar e amar,
estar e confiar,
estar e ofrecerse.
Así, Xesús, ensínasnos a orar.
Grazas, Xesús.
Acción

Podemos reparar en que lugar ocupa a oración na nosa vida cristiá. E tamén en como oramos. ¿Por comenencia, intentando convencer a Deus, con moitas palabras, ou con confianza, no silencio amoroso, con dispoñibilidade? Podemos reparar tamén en que implicación temos nas variadas tarefas da comunidade cristiá parroquial? Seguro que poderemos mellorar en calquera dos dous campos.


7 de setembro: Mércores da 23ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 3, 1-11. Salmo: 144, 2-3. 10-11. 12-13ab
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 7, 25-31. Salmo: 44, 11-12. 14-15. 16-17

Evanxeo: Lc 6, 20-26

Nunha ocasión, Xesús coa ollada posta na xente que o acompañaba, dixo:
—Ditosa a xente pobre,
porque voso é o reino de Deus.
Ditosas as persoas que agora pasades fame,
porque Deus vos ha fartar.
Ditosas as que agora chorades,
porque riredes.
Ditosas todas e todos vós, cando a xente vos aborreza,
vos expulse e vos aldraxe,
cando poñan nas listas negras o voso nome
por causa do Fillo do Home;
alegrádevos nese día brincando de gozo,
porque a vosa recompensa no ceo será grande,
pois o mesmo fixeron os vosos ascendentes cos profetas.
Pero, aí de vós, a xente rica,
porque xa acadastes a vosa recompensa!
Ai de vós, as persoas que agora estades fartas,
xa pasaredes fame!
Ai de vós, as que agora rides,
xa choraredes e xa laiaredes!
Ai, cando todo o mundo fale ben de vós,
O mesmo fixeron os vosos ascendentes cos falsos profetas!
Meditación

Estamos ante as benaventuranzas do evanxelista Lucas. Soamente pon catro benaventuranzas ou felicidades (pobreza, fame, choros e rexeite social), completadas polas súas correspondentes “malaventuranzas” (riqueza, fartura, risas e aceptación social). Custa aceptar esta proposta de Xesús. Non é doado entendela. Ben sabemos que a proposta de Xesús non é reducirnos a ser un grupo humano empobrecido, famento, triste e rexeitado. Todo ao contrario. Xesús con estas palabras ponse do lado da xente que tal cousas padece, implicándose nun proceso de cambio que leve a unhas vidas dignas para todo o mundo. Deus está do lado desa xente, Xesús tamén o está e invítanos á confianza activa se somos desa xente, e á implicación se non o somos, pero nos doemos da súa situación.

A “malaventuranza” ou desgraza da xente rica, farta, riseira e ben vista socialmente débese, parece, á súa indiferenza cara ao grupo anterior, e posiblemente a seren en parte causantes da súa situación. Xesús soñaba sempre un soño de irmandade, no que non collía a abundancia dunhas persoas montada sobre a carencia doutras. Algo que segue pasando, e moito, na sociedade actual.

Oración
Queremos entenderte, Xesús,
porque nos fiamos de ti,
da limpeza e fondura das túas palabras,
da coherencia absoluta dos teus comportamentos.
Queremos entender as túas benaventuranzas
e apegarnos a elas de todo corazón.
Queremos entender tamén as túas “malaventuranzas”
e fuxir delas coma do demo.
Fuxir da riqueza, da fartura, da risa insolidaria,
por moito que teñan o aplauso social.
Arrimarnos solidariamente á pobreza, á fame, ás bágoas,
por moito que socialmente sexa mal visto.
E, se as sufrimos,
loitar, confiar, esperar,
porque o teu Deus está do noso lado.
Coma ti, Xesús,
sempre coma ti.
Acción

¿Cómo nos situamos na vida ante a riqueza e a pobreza, ante a fame e a fartura, ante as risas e as bágoas? ¿Qué sentimentos nos dominan? ¿En que accións nos implicamos? ¿Estamos ante todo isto co espírito de Xesús?


8 de setembro: Festa da Natividade de Santa María

1ª lectura: Miq 5, 1-4a. salmo 12, 6ab. 6cd

Evanxeo: Mt 1, 1-16. 18-23 (Breve: Mt 1,18-23)

Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac, Isaac xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xudá e máis os seus irmáns. Xudá, de Tamar, xerou a Peres e máis a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou o rei David.

David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. Ozías xerou a Iotán. Iotán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e máis os seus irmáns en tempos da deportación a Babilonia.

Despois da deportación a Babilonia, Ieconías xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Asor. Asor xerou a Sadoc. Sadoc xerou a Aquim. Aquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazar xerou a Matán. Matán xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.

Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
“Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Enmanuel
(que quere dicir “Deus connosco)”.
Meditación

A historia é lenta e solidaria. Cómpren séculos e séculos, cómpre xente e xente para que a humanidade avance, progrese. Cumpriu tamén o exercicio relixioso de moitas persoas, de moitas xeracións, ben empuxado e amparado silandeiramente polo Espírito de Deus, para que a cousa chegase a María e Xosé, para que a cousa chegase a Xesús; para que se dese o estoupido de luz e de vida que en Xesús de Nazaré se deu para proveito de todas as persoas que agora o gozamos. Ver as cousas así –e así pensamos que hai que velas— lévanos a ser persoas fondamente agradecidas, fondamente humildes; todo o que somos e temos debémosllo en boa medida a persoas e xeracións anteriores a nós.

María estivo aí no seu momento, cumprindo o seu papel, deixándose moldear en todo polo Espírito de Deus, facilitando a nacenza e a crianza humana e relixiosa dun neno que chegaría a ser o que foi grazas tamén á contribución de millóns de criaturas. Foi así fillo do Espírito dunha maneira moito máis humana e fonda –e por isto tamén divina— do que vulgarmente pensamos. ¿Saberemos estar cada un, cada unha de nós, no noso lugar, non lle fallando á demanda do Espírito, para que nada do ben de Deus morra en nós, para que o seu proxecto de irmandade total atope en nós humilde e fiel colaboración?

Oración
Bendita ti, María,
no teu nacemento, na túa natividade.
Cando naciches ti,
naceu a criatura máis guapa e santa do mundo.
Nove meses concibida por Ana,
coma unha de tantas,
froito dos amores de Ana con Xoaquín.
Nove meses alentada polo Espírito de Deus
que te facía filla de Deus,
como o somos cantas persoas vimos a este mundo.
Bendita ti, María,
tan humana, tan humilde,
tan entrañablemente querida por Deus,
como polo demais o somos todas as súas criaturas.
En ti achegábase a este mundo
a luz, a paz, o consolo de Deus ,
que no teu fillo Xesús tería rostro humano.
Bendita ti, María,
na túa natividade
todos, todas nos sentimos benditas e agraciadas.
Acción

Son moitos os pobos de Galicia que no día de hoxe honran a Santa María. Podemos participar nalgunha desas celebracións, honrando a María, agradecéndoa, comprometéndonos a andar tamén polos seus camiños de humilde fidelidade a Deus.


9 de setembro: Venres 23ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 1, 1-2. 12-14. Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 9, 16-19. 22b-27. Salmo: 83, 3. 4. 5-6. 12

Evanxeo: Lc 6, 39-42

Unha vez púxolles Xesús unha comparanza:
—¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por qué reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.

Meditación

Dúas recomendacións de Xesús que teñen que ver co ver ou non ver. Unha persoa cega non pode guiar a outra que sexa cega; para guiar a quen non vexa cómpre poder ver. Para transmitir experiencia relixiosa cómpre tela primeiro. Moito do noso falar de Deus, de evanxelizar, vólvese inútil, porque igual falamos do que non vimos e experimentamos, e acabamos falando de ideas, de supostos. E iso non conmove a ninguén.

A outra recomendación é aínda máis elemental, pero non por iso menos necesaria. Todas, todos tendemos a ser moi hábiles en ollar para os demais, en descubrir e analizar os seus fallos, en criticar…, sen reparar no que nós somos e facemos, nas nosas carencias e pecados. Limpar a propia ollada, limpar o propio corazón, unha tarefa á que paga a pena dedicarlle esforzo e paixón. Permitiranos mirar a xente doutra maneira, relacionarnos con ela con outra sensibilidade e comprensión.

Oración
Canto desexo, meu Deus,
poder percibirte e verte,
dalgunha maneira,
experimentarte na miña vida
coma compañeiro de camiño,
e poderte dicir así,
compartirte con quen cadre!
Canto desexo tamén, meu Deus,
limpar a miña ollada nas túas augas,
nas augas da verdade e da humildade,
para poder ollar a quen me rodea
con ollos limpos de irmá,
con ollos acolledores, comprensivos,
para facer camiño xuntos ,
sen competencias,
desde a solicitude compartida!
Acción

Revisamos a ver se estamos facendo algunhas das dúas cousas das que nos advirte o Evanxeo: falar de Deus sen vivilo, ou censurar a outras sen ollar para nós. E miramos de cambiar.


10 de setembro: Sábado da 23 semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 1, 15-17. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5a e 6-7
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 10, 14-22. Salmo: 115, 12-13. 17-18

Evanxeo: Lc 6, 43-49

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca.

¿Por qué me chamades Señor, Señor!, e non facedes o que vos eu digo? Todo aquel que, achegándose a min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos dicir a quen se parece. Parécese a un home que, ao edificar unha casa, cavou fondo e puxo os alicerces sobre rocha. Cando o río desbordou, bateu a enchente contra aquela casa, pero non a puido abanear, porque estaba ben construída. Pero quen escoita as miñas palabras e non as pon en práctica é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen cimentos; ao romper contra ela a enchente, xa se derrubou e converteuse nunha grande ruína.

Meditación

¿Realmente queremos coñecernos ben a nós mesmos, o noso propio corazón, o noso íntimo máis íntimo? ¿Levamos dentro de nós a ansia por atinar co que nos pode construír coma persoas, coma crentes, ou non? Temos unha grande capacidade de burlarnos a nós mesmas, de enganarnos, de montar aparencias de cousas que non son, de simular ser moi crentes, moi devotos, moi de Xesús, moi da Igrexa, pero logo a realidade non se corresponde con esas nosas aparencias.

Non se trata de andar obsesionados pola nosa perfección, senón de que, con humildade e verdade, coñezamos o noso corazón para non diluírnos en aparencias estériles. Xesús ofrécenos un criterio de observación: ver os froitos que damos. Se a nosa vida abonda en froitos de bondade, é que o noso corazón é bo. Se abundamos en maldade, o noso corazón está envolto en escuridades. E tamén nos ofrece un criterio moi sinxelo para construírnos na verdade: escoitar a súa palabra e poñer en práctica.

Oración
Ai, o meu corazón, Xesús!
O meu íntimo,
ese fondo do meu ser
onde aniña a fonte do mal e do ben!
O meu corazón,
onde aniña o noso Deus queridiño,
alumando escuridades,
para atinar na vida
e poder facer dela un fogar de paz,
un lugar de encontro e de convite!
Ai, o meu corazón, Xesús,
que pouso confiadamente na túas mans!
Acción

¿Cómo andamos co escoitar e facer ou non facer? Se o pensamos, seguro que atopamos algunha cousa onde se nos faga máis evidente iso de escoitar e non facer, falar e quedarnos na palabra. Seguro que podemos dar algún paso na boa dirección.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.