25 de setembro: Domingo 26º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Am 6, 1a. 4-7. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10.
2ª lectura: 1 Tim 6, 11-16.
Evanxeo: Lc 16, 19-31
Nunha ocasión díxolles Xesús aos fariseos:
—Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes. Ao pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa do rico, e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
Resulta que morreu o pobre e levárono os anxos ao seo de Abraham. Morreu tamén o rico e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abraham e máis a Lázaro no seu seo. Entón suplicoulle dicindo: “Ai, pai Abraham, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume”. Pero Abraham contestoulle: “Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. Ademais, entre nos e vós hai un abismo insuperable, de xeito que dende aquí non se pode pasar onda vós, nin dende aí se pode vir onda nós”. Entón el insistiu: “Daquela, pai Abraham, suplícoche que o mandes á casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos”. Pero Abraham respondeulle: “Xa teñen a Moisés e os Profetas, que lles fagan caso a eles”. El volveu insistir: “Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; mentres que se un morto vai onda eles, seguro que se converterán”. Pero Abraham replicoulle: “Se a Moisés e máis aos Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado”.
Meditación
O evanxeo de hoxe podémolo ver coma un complemento do evanxeo do domingo pasado. O evanxeo do domingo pasado ensinábanos a non pretender servir a Deus e ao diñeiro, e indicábanos que un bo uso do diñeiro era “facer amigos coas riquezas inxustas”. O evanxeo de hoxe ponnos un exemplo moi claro de como non se fan amigos coas riquezas, de como se poden empregar o diñeiro, as riquezas, para arredarnos da xente, sobre todo da xente necesitada, e polo tanto para arredarnos moi seriamente de Deus.
O home rico da parábola, de quen non se di o nome, pode representar a todas as persoas e países que teñen bens en máis ou menos abundancia, que gozan con eses bens, que se permiten o que boa parte da xente veciña, boa parte dos países do mundo, non se poden permitir; que ven como á súa porta, no seu barrio ou no barrio do lado, nas súas fronteiras, ao pé dos valos ou aramados de división, xacen homes e mulleres carentes do máis elemental, e seguen gozando tan tranquilas dos seus bens, sen facerse ningunha pregunta, sen darlle ningunha resposta a quen carece do elemental. Coa crise poida que moitas persoas e familias que estabamos do lado dos ricos teñamos pasado para o lado da xente marxinada, pero aínda así, moitos, moitas de nós, podémonos ver retratadas no home rico da parábola, aínda que nos moleste que nos coloquen aí. Por suposto que, a maior riqueza insolidaria, non compartida, maior identificación con ese personaxe pletórico, que posiblemente era admirado por moitos, pero, por insolidario, estaba estragando o seu presente e o seu futuro.
O pobre Lázaro (Lázaro quere dicir “Deus auxilia”) representa hoxe a persoa parada que cada día sae á rúa na busca do traballo que sabe que non vai atopar; ou a familia desafiuzada que sabe que mañá ou pasado mañá ten que deixar a casa e non sabe moito a onde ir; ou os nenos e nenas, que na casa non teñen moito que comer, gozan coa comida do colexio, e choran cando no colexio non lla dan polos malditos recortes; ou o negro ou negra subsahariana que intentou e intentou entrar no portal do país dos opulento norte e non o deu conseguido, ou, se o conseguiu, anda agochada canto pode, e disimula a súa manta, non sexa que a detecte a policía e a remita ao país da sombra e da morte; ou a persoa marxinal que cada día vemos pola rúa, por drogata, por enfermo mental desafiuzado, por puta, e ante a que torcemos a cara e apartamos o paso, non sexa que nos cadre bater cara a cara con ela. O evanxeo di que Deus está alí, facéndose voz e chamada de auxilio. Atender a esas persoas é como atender a Deus; desatendelas é desatender a Deus, por moito que pretendamos conquistalo cos nosos rezos ou as nosas teorías relixiosas.
O evanxeo debuxa as consecuencias da falla de solidariedade cun cadro simbólico do máis alá, que non hai que tomar ao pé da letra na descrición do ceo e do inferno, pero si na claridade coa que anuncia as consecuencias destrutivas para a vida da persoa que é capaz de pasar mañá e noite por diante do famento (famento de calquera fame) que xace á súa porta, e nin se lle conmoven as entrañas, nin se lle alonga a man, nin a imaxinación se lle acelera para ver como pode facer para que deixe de pasar o que ve que está pasando. Todo isto ten un nome dramático: indolencia, que é xustamente o contrario do que caracteriza a Deus: a “dolencia”, a condolencia, a misericordia entrañable. Por iso a indolencia nos arreda tan a fondo de Deus, máis que calquera falta contra a relixión, moito máis ca calquera xuramento ou cousas tales.
Para ver, logo, se como persoas ou como comunidades andamos na onda de Deus, na onda de Xesús, un test elemental, básico, simple, é este: dóenos a xente? Dóenos a xente fráxil concreta coa que batemos na vida? Facemos algo por ela? Facemos algunha caridade? Ademais da caridade, intentamos facer xustiza, colaborando para que os sistemas sociais cambien, de xeito que cada vez haxa menos pobres, cada vez haxa un reparto mellor dos bens da terra? Xa coñecemos o dito famoso de Herder Cámara: “Se dou comida a un pobre, chámanme santo; pero, se pregunto por que é pobre, chámanme comunista”. Ante as urxencias, é necesario facer caridade; pero a caridade mesmo pode ser un insulto para Deus e para a xente pobre, se vale para frearnos na participación social, política, que permita cambiar as formas inxustas da sociedade, que causan as pobrezas.
A Eucaristía, o encontro con Xesús e coa comunidade cristiá, estaría ben que fose un lugar onde quentar os corazóns para implicarnos mellor, en corpo e alma, coa dor e coas carencias de quen pasa necesidade.
Preces
QUE NOS DOAMOS DO POBRE, SEÑOR,
QUE NOS DOAMOS DO POBRE.
Que non evitemos a súa presenza, a súa ollada, que nos deixemos conmover polo clamor da xente pobre, moitas veces clamor calado. Oremos.
Que descubramos nel a túa mesma presenza, e que o atendamos e adoremos e coidemos como dicimos atenderte, adorarte e coidarte a ti. Oremos.
Que descubramos a liberdade e a alegría grande que hai en compartir os nosos bens con quen non ten, para que se enxuguen as bágoas de tantos ollos. Oremos.
Que participemos con forza e honradez na vida política e social, buscando sempre por riba de todo a mellora da xente máis marxinada. Oremos.
Agora que sentimos a crise de cerca, que caiamos na conta do moito que sofren países que levan toda a vida metidos en crises moito máis agudas aínda do que a nosa, e nos fagamos solidarios/as. Oremos.
Oración
Bendito Lázaro,benditos todos os Lázaros,toda a xente pobre,toda a xente marxinada ao pé da abundancia e o gasto alegre,non por ser pobre,senón por ser obxecto da túa ollada entrañablee por telos convertido, Deus,en xuíces do mundo, da historia,nos nosos mesmos xuíces!Maldita a riqueza, a abundancia e o gasto alegreque pecha os ollos e o corazón,que non sabe alongar a man e compartir,que pretende festa e esmorga,mentres tres cuartos da humanidade morre de fameao pé mesmo da súa porta pechada!Benditas as persoas que son coma o can de Lázaro,que lamben e curan as súas feridas—as túas feridas, Deus—,que acompañan as súas soidades,que calman os seus desalentos,que se fan voz da súa protesta calada!Maldita en cambio a indolencia,o pasotismo, a indiferenzade quen pasa, ve, e segue ao seu.ignorando a dor humana que se esgota,ignorando a Deus, que nela se fai carne rota!Bendita a dor, a condolencia,benditos os corazóns brandos e os petos abertos,benditos os amores responsables,que dan coa man e pensan coa cabeza,buscando cousas e remedios dignos,que coloquen a cada quen no seu sitio:de irmán a irmán, de irmá a irmá,no corazón de Deus,e na rúa de cada aldea, vila ou cidade,no corazón do mundo!
Acción
¿Temos dalgunha maneira a alguén ao pé da porta da nosa casa, da nosa vida, demandando de nós atencións, afectos, servizos de calquera clase? Seguro que podemos facer algo por atendelos.
26 de setembro: Luns da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Zac 8, 1-8. Salmo: 101, 16-18. 19-21. 29 e 22-23
Ano 2: 1ª lectura: Xob 1, 6-22. Salmo: 16, 1. 2-3. 6-7.
Evanxeo: Lc 9, 46-50
Unha vez as persoas que seguían a Xesús de cerca empezaron a discutir sobre quen delas era a persoa máis importante. Xesús, léndolles o pensamento, colleu pola man unha criatura, achegouna a si e díxolles:
—Quen acolle a esta criaturiña no meu nome, acólleme a min, e quen me acolle a min acolle a quen me enviou; porque a persoa máis pequena entre vós esa é a máis importante.
Tomando entón a palabra Xoán, dixo:
—Mestre, vimos a alguén que botaba demos fóra no teu nome e tratamos de llo impedir, porque non é do noso grupo.
Xesús contestoulle:
—Pois non llo impidades, que quen non está contra vós, está convosco.
Meditación
Querer ser a persoa máis importante; que alguén sexa ou non sexa do noso grupo, do noso país, da nosa raza ou cor, do noso credo, do noso pensamento político: velaquí dúas realidades que condicionan moito os nosos comportamentos, a nosa busca de benestar, nos tempos de Xesús e nos nosos, pois responden a un aquel humano que permanece no tempo. Xesús sitúase, como moitas veces máis, contra corrente: a obsesión por ser a persoa máis importante é absurda, pois rompe de raíz coa chamada humana máis auténtica, polo tanto tamén divina, a vivir en fraternidade; ante iso Xesús invítanos a vivir envolvéndonos no pequeno, no fráxil, como o noso lugar natural. E ante o desexo de querer excluír a quen non é do noso grupo, a proposta de Xesús, como tantas veces, é remitirnos aos feitos de vida: o importante é que a xente sexa querida, atendida, coidada, veña de onde veña a forza que anima a quen tal fai.
Oración
Apréndeme, Xesús,a descubrir contigoa importancia do pequeno,do fráxil, do vulnerable,e a atopar aío lugar privilexiado de encontro con Deus.Apréndeme a obsesionarmepor esa experiencia elementalque marcou a túa existencia,e que ti nos ofrecescomo camiño de autenticidade cristiá.Grazas, Xesús.
Acción
Se nos paramos un pouco, non nos resultará difícil descubrir como moitas veces aspiramos ao grande, a ser dos grandes, a intimar cos grandes. Tamén nos será doado descubrir como tendemos a excluír do noso mundo a quen é distinto, non cre coma nós, non pensa coma nós, non é do noso país ou raza… Collamos algún detalle concreto e vexamos como cambiar niso o noso comportamento.
27 de setembro: Martes da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Zac 8,20-23. Salmo: 86, 1-3. 4-5. 6-7.
Ano 2: 1ª lectura: Xob 3, 1-3. 11-17. 20-23. Salmo: 87, 2-3. 4-5. 6. 7-8
Evanxeo: Lc 9, 51-56
Daquela, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante.
Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
—Señor, ¿queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.
Meditación
Cousas miúdas como as que a calquera de nós nos poden pasar cada día. Pero cousas miúdas a través das cales se nos ofrece poder vivir ao estilo de Xesús ou ao estilo de Deus sabe quen. Xesús emprende unha viaxe cara a Xerusalén, onde ben sabía o que lle agardaba: o conflito aberto coas autoridades relixiosas; outras persoas ante iso posiblemente recuaríamos polo que puidese pasar. Xesús non. Decide en firme ir. Un trazo máis da admirable e humilde valentía que sempre distinguiu a Xesús.
Van a unha aldea, onde non os acollen ben por seren xudeus e non samaritanos, pois non se levaban ben. Hai que asumir ese conflito menor, esa desconsideración, integrala dentro da propia condición humana. Dous dos discípulos falan de pedir que os parta un raio. Por iso se lles ha chamar “fillos do trono”, porque permitían que a violencia guiase a súa conduta e acelerase os procesos. Xesús non está de acoro. Rífalles. E simplemente van para outra aldea. Ditosos nós que podemos gozar sempre da compaña alentadora, clarificadora de Xesús.
Oración
Si, Xesús,Ti diario ao meu lado,diario ao noso lado.Compartindoos teus íntimos convencementos,as túas firmes decisións.Sempre ao carón nosoinvitándonos a encaixara lentitude dos procesos persoaise grupais,sen violentalos con remedios absurdos.É a semente miudiñaque precisa tempos e atencións,sacrificios,ata a hora dos froitos.Bendito sexas, Xesús.
Acción
¿Estámonos vendo ante a necesidade de ter que tomar algunha decisión necesaria e encollémonos por medo? Estamos afrontando algunha dificultade con algunha persoa ou grupo, e sáenos a violencia como remedio? Contemplémonos á luz de Xesús.
28 de setembro: Mércores da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Neh 2, 1-8. Salmo: 136, 1-2. 3. 4-5. 6
Ano 2: 1ª lectura: Xob 9, 1-12. 14-16. Salmo: 87, 10bc-11. 12-13. 14-15
Evanxeo: Lc 9, 57-62
Indo de camiño cara a Xerusalén, díxolle un:
—Seguireite, vaias onde vaias.
Respondeulle Xesús:
—As raposas teñen tobeiras e os paxaros teñen niños, pero o fillo do home non ten onde pousar a cabeza.
Díxolle a outro:
—Sígueme.
Pero el contestoulle:
—Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
Respondeulle:
—Deixa que os mortos enterren os seus mortos, ti vai anunciar o Reino de Deus.
Outro díxolle tamén:
—Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
Contestoulle:
—Quen despois de por a man no arado, mira para atrás, non é apto para o reino de Deus.
Meditación
Todo ao redor da palabra seguir. Todo ao redor do que supón seguir a Xesús. Todo ao redor da vontade, firme ou non, de realmente seguilo. Aquí xógase que a nosa vida cristiá sexa tal ou non. Parece que Xesús nos quere desenganar. Seguilo supón ás veces non ter onde pousar a cabeza, é dicir, pasar por horas de baleiro, de inseguridade, de falla de agarradoiros, de non ter a quen botar a man, de confianza en Deus e punto. Seguilo supón estar disposta a romper ás veces con pautas sociais, con pautas familiares, que parecen imprescindibles, como o é o feito de enterrar o propio pai, e expoñerse á murmuración popular. Seguir a Xesús supón decisión firme, sen andar envolto en vacilacións, un paso adiante e outro atrás. Xesús tamén falará noutras ocasión de que o seguimento é coma un tesouro que un adquire con enorme ledicia; pero, claro, para adquirilo antes un ten que vender todo canto ten.
Oración
Contáxiame a túa fortaleza, Xesús.para ser humilde e forte no teu seguimento.Sen ti, sen o teu Espírito,serame imposible.Sucumbirei nas horas crúas, extremas,cederei ante ao que dirán,relembrarei con señardade o deixado atrás,andarei envolta no si e no non,porque ben me coñezoe o teño experimentado moitas veces.Contáxiame a túa fortaleza, Xesús.
Acción
¿Hai algunha cousa no noso seguimento de Xesús que nos estea custando moito? Poñémoslle nome. Oramos ante Deus, ante Xesús, para que o seu Espírito nos fortaleza. Podo compartir esta dificultade con algunha persoa que me poida comprender e axudar.
29 de setembro: festa dos santos arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael
1ª lectura: Dan 7, 9-10. 13-14. Salmo: 137, 1-2a. 2b-3. 4-5. 7c-8
Evanxeo: Xn 1, 47-51
Unha vez viu Xesús a Natanael, que se achegaba, e dixo del:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
—¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Felipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
—Rabí (mestre), ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do home.
Meditación
Case sempre pasa así. Accedemos a Xesús, porque alguén nos falou del, ben coa súa palabra, ben sobre todo co seu xeito de vivir. A maneira de vivir atrae e engancha máis do que a mesma palabra. Achegándonos a Xesús, entrando na roda dos seus seguidores e seguidoras, recibimos del a promesa de que se nos agrandará a ollada e o corazón, as esperanzas e as ilusións para algo novo, nunca visto, que desborda as nosas expectativas. Xesús nunca decepciona. “Vin o ceo aberto”, dicimos, cando nos atopamos con algo case inesperado, que ten a capacidade de aclarar escuridades, de desbloquear situacións persoais ou comunitarias, sociais, que semellaban sen saída. Os anxos simbolizan esa claridade e esa forza que nos chega de Deus en horas e con maneiras insospeitadas. Os anxos son coma dicir a compaña benévola, alentadora que Deus permanentemente os garante.
Oración
Miguel, e quen coma Deus?Potente, marabilloso,abnegado servidor,do noso ben moi celoso.Gabriel, forza de Deusque nos fai recias e fortes,para a paz, para a xustizaincuestionable soporte.Rafael, o Deus que curatodas as nosas feridas,e nos unxe con tenrurapara alegrarnos a vida.
Acción
¿Falámoslle de Xesús algunha vez a algunha persoa que nos parece que o descoñece? ¿Compartimos con alguén a nosa fe relixiosa, os nosos convencementos cristiás? ¿E si hoxe probáramos a facelo?
30 de setembro: Venres da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Bar 1, 15-22. Salmo: 78, 1-2. 3-5. 8. 9
Ano 2: 1ª lectura: Xob 38, 1. 12-21; 40, 3-5. Salmo: 138, 1-3. 7-8. 9-10. 13-14ab
Evanxeo: Lc 10, 13-16
Nunha ocasión dixo Xesús:
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai ben tempo que farían penitencia, cubertos de saco e de cinsa. Pero o día do xuízo será moito máis doado de levar para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensar que vas chegar ata o ceo? ¡Afundiraste no abismo!
Quen vos escoita a vós, escóitame a min, e quen vos rexeita a vós, rexéitame a min; pero o que me rexeita a min, rexeita a quen me mandou.
Meditación
Palabras de crítica amarga contra as cidades de Corozaín, Betsaida e Cafarnaúm, onde Xesús se amosara como profeta de palabra viva e de feitos contundentes a prol do pobo, da xente máis envolta en debilidade social ou moral. Palabras hoxe para nós, para alertarnos, porque tamén nós podemos estar diario ao pé de Xesús, escoitando as súas palabras, participando nos sacramentos que o fan presente no medio de nós, e, non obstante, facer de xeito que pouco se nos note que o escoitamos de veras e que o seguimos de corazón. Este pode ser incluso o gran drama das comunidades cristiás dos nosos tempos.
Oxalá que as nosas palabras e as nosas actuacións coma crentes remitan sen ambigüidades a Xesús, como Xesús remitía sen ambigüidade ningunha ao Deus da vida no que tiña a súa fonte!
Oración
Que non me peche nuncaá túa crítica, Xesús.Que non negue as evidencias,que falan da miña inconsistencia cristiá.Se oio, non escoito;se escoito, non asinto;se asinto, non actúoe non deixo que o meu vivirfale ás claras de tidos soños de Deusdos que ti fuches sementador.Grazas pola túa corrección.Axúdame a cambiar.
Acción
Igual non nos resulta difícil ver en nós algún tipo de comportamento que estea claramente en contra do que Xesús ensinaba ou facía. ¿Será ten difícil cambialo? Xesús está sempre disposto a botarnos unha man.
1 de outubro: Sábado da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Bar 4, 5-12. 27-19. Salmo: 68, 33-35. 36-27
Ano 2: 1ª lectura: Xob 42, 1-3. 5-6. 12-16. Salmo: 118, 66. 71. 75. 91. 125. 130
Evanxeo: Lc 10, 17-24
Daquela os setenta e dous volveron moi contentos, dicindo:
—Señor, mesmo os demos tamén se nos someten no teu nome.
El replicou:
—Eu vin a Satán caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e máis alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan; alegrádevos máis ben de que os vosos nomes estean escritos no ceo.
E naquel momento exclamou cheo de gozo do Espírito Santo:
—Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles agachaches estas cousas aos sabios e prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.
Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo a non ser o Pai, nin coñece ninguén o Pai a non ser o Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
E, volvéndose aos discípulos, díxolles a parte:
—Benia os ollos que ven o que vós vedes. Porque é ben certo que moitos profetas e reis desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.
Meditación
Satán para arriba, Satán para abaixo; pisar cobras e alacráns sen sufrir dano ningún; euforia dos discípulos… Debaixo deste xeito de falar propio dunha cultura daqueles tempos, amósasenos un convencemento moi firme: en Xesús hai unha forza de ben que non hai quen a tombe. Forza para a liberación persoal, para xerar espírito de servizo, para non se apoucar ante calquera clase de poder, forza para a resistencia, ou a resiliencia, como dicimos hoxe; forza para o amor, para verse e amarse a si mesmo coma fillo de Deus, forza para dar a vida antes ca deixar de seguir a chamada de Deus que bulía a diario no seu corazón e que o empuxaba a amar a xente co mesmo amor co que se amaba a si mesmo.
E Xesús ofrécenos participar deste poder. Pero non para que empecemos a chufarnos dos nosos éxitos, senón nada máis e nada menos para que percibamos que andamos humildemente na onda de Deus, que os nosos nomes gratuitamente están escritos no corazón de Deus. Todo isto aprendeunos o fillo do Pai e todo isto llo amosa a quen queira deixarse ensinar por Deus.
Oración
Benia os nosos ollos, si, Xesús,por poder ver o que tanta xente de fedurante séculos agardou con esperanza!Benia os nosos oídos, Xesús,porque aos nosos oídos chegou a túa palabra,para nos falar ás claras de Deus!Benia os nosos corazóns, Xesús,porque poden vibrarcoa túa mesma paixón por Deus e pola xente toda,sen distingo ningún!Benia todas e todos nós, Xesús,que, se nos deixamos querer,podemos acceder ao teu humildísimo poder,que no servizo se fai e manifesta!Grazas porque todo isto nolo dása prezo de simplicidade agradecida!Grazas, Xesús!
Acción
¿Andámonos chuleando de sermos crentes? ¿Desprezamos dalgunha maneira as persoas que non teñen fe, ou que a teñen á súa maneira? ¿Somos da “xente humilde” que tanto a Xesús lle compracía? Parámonos a ver. E, se tal, cambiamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.