2 de outubro: Domingo 27º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Hab 1, 2-3; 2, 2-4. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9.
2ª lectura: 2 tim 1, 6-8. 13-14.
Evanxeo: Lc 17, 5-10
Nunha ocasión rogáronlle os apóstolos ao Señor:
—Auméntanos a fe!
O Señor respondeulles:
—Se tivésedes unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía. E ¿quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da leira: "Entra axiña e ponte á mesa". ¿Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" ¿Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ao criado por facer o que lle manda? Así tamén vós, cando fagades todo o que vos mande, dicide: "Somos simples servidores; non fixemos máis do que tiñamos que facer".
Meditación
Estamos en moitos casos, de moitas maneiras diversas, empezando un curso novo. Coma persoas cristiás, coma comunidades cristiás, estamos tamén ante un novo curso; diría máis, coa novidade do Papa Francisco, e co entusiasmo que está espertando no conxunto da Igrexa, estamos ante unha nova xeira eclesial. E, para acompañar este novo curso, esta nova xeira eclesial, o evanxelista Lucas ofrécenos dous recursos sinxelos pero fundamentais: a fe e a dispoñibilidade absoluta, o servizo a tempo completo, para desenvolver en nós, na sociedade, aquilo que nos foi dado polo Pai/Nai do ceo: o amor, a solidariedade, coma don e coma tarefa, para convertelo en motor e meta das nosas comunidades, do noso mundo todo.
Xesús, a través do evanxelista, ofrécenos –sempre fai así— o que el mesmo viviu a fondo primeiro; máis ca palabras, ofrécenos o testemuño da súa vida que foi así, como logo as palabras anuncian e recomendan. E o primeiro é a fe. O poderío da fe!, que Xesús recalca con esa comparanza provocativa: “Se tivésedes fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: `Arríncate e plántate no mar”; é difícil que se arrinque, pero mira que plantarse no mar! É dicir, coa fe acádase aínda todo aquilo que pode parecer imposible. E cales poden ser os desexos imposibles que se nos pasen pola cabeza, polo corazón, neste momento? Poder superar ese defecto, ese pecado, que tanto me dana e tanto dana a quen me rodea? Poder ter unha comunidade cristiá viva, acolledora, implicada na vida, alegre, namorada de Xesús e do de Xesús? Unha sociedade nova, con políticos saneados, co afán común por construírnos dando prioridade sempre ás persoas e grupos máis débiles? Atoparlle saída á relación de parella bloqueada por sabe Deus qué historias? Poderme construír coma persoa, coma comunidade, desde o amor, desde a solidariedade real? A fe non ten solucións para nada, non é un consultorio político, comunitario, sentimental, non; pero dános un xeito de ser, un marco de referencia, unha postura de fondo desde a que se poden recorrer camiños insospeitados?
Pero, que é a fe? Crer nunha chea de verdades, de dogmas, e recitalos de cando en vez, sen máis? Non. A fe cristiá é un convencemento fondo de sermos persoas amadas sen medida por Deus Pai/Nai; na vida e na morte, nas duras e nas maduras, ese é o noso ámbito vital, así é a nosa existencia. A fe cristiá é, ademais, o fondo convencemento de que esa solidariedade desmedida de Deus se fixo un de nós na persoa e na vida de Xesús de Nazaré. A fe cristiá é o fondo convencemento de que, se nos deixamos, podemos ser persoas traídas e levadas, empuxadas, iluminadas polo Espírito constantemente para realizarmos a nosa vida persoal e comunitariamente no amor, na solidariedade. A fe así é inevitable que non sexa agradecemento, admiración, loanza, festa. A fe é adhesión vital. A fe é implicación. A fe é confianza. A fe e forza, empoderamento, como se di agora.
E como medrar na fe? Sentindo o propio baleiro e cativeza; desexando medrar nela; acudindo a fonte da fe viva no amor, na práctica solidaria, que é Deus, como cando temos frío nos achegamos á fonte do lume para quecer. Deus é a fonte da calor, do amor, que provoca a fe. Achegándonos ás persoas crentes, eclesiásticas ou non, que levan a calor de Deus, a calor da solidariedade no corazón, na vida. Dando pasos reais, concretos, de exercicio da fe no amor, cada día.
E aquí vén a conto a segunda parte do evanxeo de hoxe; o exemplo que pon Xesús igual non nos gusta moito, porque parece que normaliza unhas relacións laborais nada xustas, e xa estamos fartos/as de que o nosos Goberno xogue canto queira cos nosos dereitos laborais. Xesús bota man dunha práctica laboral normal naquel tempo, na que o criado era criado para todo, as 24 horas do día. E de aí saca a súa ensinanza: nisto da solidariedade, nisto de facer do amor real e verdadeiro marco e forza da nosa vida, non vale andar a cachos: pola mañá si, pola noite non; no sindicato moi democrático, pero na casa son un déspota; na comunidade cristiá digo marabillas, pero cando teño que defender cousas xustas na xuntanza do partido, encóllome; moita moral privadas, sexual, pero de alcance político, social, da ética nada; ou ao revés, moita ética social, pero son un trampulleiro no traballo e coa afectividade déixome levar polo sol que máis quenta, etc. Non, un é cristián, cristiá, a tempo completo, porque é a única maneira de nos sentir a gusto no camiño da fidelidade.
Sen fe e sen compromiso, a celebración eucarística é algo baleiro, sen sentido; pero a celebración eucarística, porque nela batemos con Xesús en comunidade, tamén alimenta e fortalece a nosa fe e o noso compromiso.
Preces
QUE NAS TÚAS MANS, SEÑOR, MEDRE A NOSA FE
Para acoller a Deus vivamente na nosa vida, e facer da súa presenza en nós unha fonte de alento e de esperanza. Oremos.
Para ter forza e decisión para facerlle fronte a todo o que nos impida vivir coma irmáns e irmás nas cousas miúdas de cada día. Oremos.
Para seguir soñando cada día coa mellora da nosa Terra, sen nos deixar levar por quen desespera e abandona a loita. Oremos.
Para implicarnos na solución da crise que padecemos, buscando camiños honrados e xustos de facer vida e de compartila con quen non teña. Oremos.
Para vivir con confianza, agradecidos/as, alegres, sabendo en boas mans o noso presente e o noso futuro. Oremos.
Para que nas comunidades cristiás teñamos unha experiencia viva de Deus e saibamos transmitila a quen nos rodee. Oremos.
Oración
Sen chufarme, Señor, sen nunca chufarme,porque non son eu amo de nadae en todo caso levo feito soamenteaquilo que o teu amor en min deitara.Descentrado, Señor, de min descentrado,para inserir en ti as miñas ramase dar e levar froito humildementeco vigor e o frescor da túa graza.Entregada, Señor, sempre entregada,en ti, por ti, cada solpor, cada alborada,co espido afán de que en min medrea semente por ti nas miñas mans pousada.Confiado, Señor, confiado a tope,porque as cousas nas túas mans descansan:a saúde, o traballo, o mundo enteiro,os fillos/as, a muller, os amigos, a Terra amada.Alegre, Señor, alegre sen reservas,a pesar de que o mal das súas fagae dentro o corazón se me escurezae o poder ensombreza as nosas caras.A ti, Señor, a ti todo me douen libre compromiso coa túa causa:a túa, a miña, a do pobo humilde,na túa luz, en cruz, unificadas.
Acción
Podemos preguntarnos como medrar algo na fe, na confianza en Deus, xa que é tamén algo tan fundamental. Abrirlle o corazón a Deus que nola ofrece a través da pregaria, a través dalgunha lectura atinada, a través do trato con xente que nos chame a atención pola súa fe forte, vivindo día a día como quen ten fe. Escollemos aquilo ao que máis nos sintamos chamados para medrar na fe.
3 de outubro: Luns da 27ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1ª: 1ª lectura: Xon 1, 1—2, 1. 11. Salmo: Xn 2, 2. 3. 4. 5. 8
Ano 2ª: 1ª lectura: Gál 1, 6-12. Salmo: 110, 1-2. 7-8. 9 e 10c
Evanxeo: Lc 10, 25-37
Unha vez ergueuse un letrado e preguntoulle a Xesús para o poñer a proba:
—Mestre, ¿qué teño que facer para herdar a vida eterna?
El respondeu:
—¿Qué pon a Lei? ¿Qué les?
Contestou:
—Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo como a ti mesmo.
E díxolle Xesús:
—Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.
Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
—E ¿quen é o meu próximo?
Xesús contestoulle:
—Unha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó e asaltárono un bandidos, que, despois de o roubaren e mallaren nel, deixárono medio morto. Cadrou de baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo e pasou de largo. Pero unha persoa de Samaría, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ao outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro e díxolle: “Coida del e, cando volva, xa che pagarei o que gastes de máis”.
—¿Quen desas tres persoas che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
El respondeu:
—A que practicou a misericordia con el.
Díxolle Xesús:
—Pois ti vai e fai outro tanto.
Meditación
É ben raro que só o evanxelista Lucas nos conte esta parábola, co fermosa que é e co ben que nos mostra a orixinalidade de Xesús, a súa maneira particular de entender a vida relixiosa, a fidelidade a Deus, como se pode amar e servir a Deus, como se pode acceder á vida xa mentres vivimos e mesmo despois da morte. Xesús non era absolutamente orixinal, porque na tradición profética do Antigo Testamento xa lemos mensaxes semellantes. O que chama aquí a atención é a diferenza de comportamentos entre os dous clérigos (sacerdote e levita) e a persoa de Samaría, porque a xente de Samaría tiñan fama de xente desalmada, xa que se arredaran das prácticas relixiosas xudías no templo de Xerusalén. E curiosamente foi aquela persoa samaritana e non os clérigos a que de verdade honrou a Deus.
Todo o debuxa Xesús á perfección para que nos quede ben claro que, por riba de calquera práctica relixiosa, o cerne do culto e amor a Deus xógase na vida, na maneira como tratamos á xente ferida, coa que imos batendo na vida. Hai pouco o Papa Francisco felicitaba as ONGs que se dedican a recoller persoas que naufragan no Mediterráneo, dicíndolles que eran a xente samaritana de hoxe. Pero, sen ter que ir ao Mediterráneo, todo o mundo podemos vivir o noso amor a Deus atendendo moita xente vulnerable que vive ao noso redor.
Oración
Oio a Deus que me di:Non me preguntes como quererme,como servirme, como reverenciarme,como darme o mellor culto;sábelo de sobra.Sae aos camiños da vida,non poñas escusas, por moi sagradas que che parezan,para evitar bater coa xente marxinada,con grupos marxinados,con pobos e continentes marxinados,achégate, déixate conmover,le,coñece,toca,ama,coida,inviste tempo, cartos, ansias, memorias,e a vida xermolará en ti na mellor primavera.E logo vén ao templo e falemos,e abracémonos.A pregaria do templo será eco dos feitos da rúa.Os feitos da rúa porán verdade nos rezos do templo.
Acción
Se somos xente preocupada por mellor amar a Deus, podemos preguntarnos se na nosa vida concreta estamos pasando de largo ante algunha situación de xente ferida; podemos preguntarnos como sos ou co apoio doutras persoas podemos dar apoio a quen padece, persoas, grupos sociais, países enteiros. A caridade ás veces demanda reclamar xustiza, dereitos; demanda tamén movida social, política.
4 de outubro: Martes da 27 semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xon 3, 1-10. Salmo: 129, 1-2. 3-4ab. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Gál 1, 13-24. Salmo: 138, 1-3. 13-14ab. 14c-15
Evanxeo: Lc 10, 38-42
Un día entrou Xesús nunha aldea e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que, sentada aos pés de Xesús, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa, e, achegándose, dixo:
—Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min soa servindo? Dille que me bote unha man.
Pero o Señor respondeulle:
—Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas; pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.
Meditación
Todo o mundo lle dariamos a razón a Marta, que ademais fora a que invitara e acollera a Xesús na súa casa. ¿Qué nos pasaría, sen a xente que se preocupa polas mil cousas miúdas, pero imprescindibles, das que se compón a vida, o benestar diario? Polo tanto Xesús non nos invita a pasar deses servizos miúdos que fan agradable a vida.
Xesús invítanos a non contentarnos con iso. Podémonos ver, acollernos, obsequiarnos con cousas, mesmo dicirnos palabras durante horas enteiras, sen nos comunicar a un nivel fondo: nin falamos do que na vida nos doe ou nos aleda, nin nos facemos capaces de escoitar o que a outras persoas lles doe ou lle dá ledicia na vida. Xesús invítamos, logo, a unha relación de corazón a corazón. Relacionarnos así coa xente vainos habilitando para relacionarnos con Deus, que lle gusta andar agachado alí onde as persoas vibran, onde sofren e festexan.
Oración
Sentar,acougar,pararme ao lado da xente,pararme no paso da vida,pararme onda ti, meu Deus.Sentar,acougar,escoitar,afiar os oídos do corpo e do corazón,os oídos do espírito,para percibir a vidana súa presenza ou na súa ausencia,para acoller os gozos da vida,as queixas e dores da vida.Sentar,acougar,escoitar,enchouparme da vida,enchouparme de ti, meu Deus,e logo vivir,vivir a tope,vivir ao ritmo da vida,vivir ao ritmo de Deus.Coma ti, Xesús.
Acción
Podemos facer o esforzo por parar hoxe un momento, 15, 20 minutos, escoitando as voces que resoan no noso interior, escoitando a vida que xorde en nós. Ou, se alguén nos visita, podemos esforzarnos por escoitalo a fondo, con atención ao que di, ao que hai no fondo do que di. Facéndoo, escoitamos a vida, escoitamos a Deus.
5 de outubro: Témporas de agradecemento e de apertura aos dons de Deus.
1ª lectura: Dt 8, 17-18. Salmo 1 cro 29, 10-12. 2ª lectura: 2 Cor 5, 17-21
Evanxeo: Mt 7,7-11
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Porque quen pide recibe, quen busca atopa e a quen peta abriráselle.
¿Ou hai alguén entre vós que, se o seu fillo ou filla lle pide pan, lle dá unha pedra? ¿Ou se lle pide un peixe lle dá unha cobra? Pois se vós, que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza, canto máis voso Pai celestial lla dará á xente que llas pida!
Meditación
Iso das “témporas” pódenos soar hoxe a cousas raras. Na Igrexa do pasado tivo bastante importancia. Nunha sociedade eminentemente rural era unha festa poder celebrar ao final do verán o traballo feito e as colleitas que garantían fartura para todo o ano. Nunha sociedade eminentemente relixiosa vivíase e celebrábase iso ollando con agradecemento para Deus, de quen se consideraba que viñan todos os bens.
Hoxe somos menos directamente rurais, menos crentes e cústanos entender que dependan de Deus as cousas que imos producindo, no campo ou na cidade, co noso esforzo persoal e colectivo. ¿Qué pinta, logo, Deus nas nosas vidas? As persoas crentes seguímolo vendo como a fonte de todo canto ben podemos gozar. Vémolo tamén como a enerxía que nos empuxa a organizar o noso traballo para poder vivir do producido.Vémolo como quen nos empuxa a ver o mundo como unha casa común e os homes e mulleres que o habitan como unha gran fraternidade, para que ninguén lle negue a ninguén o seu dereito a traballar e a vivir do seu traballo.
Orar nas Témporas e sempre significa abrirnos con agradecemento e atención a este Deus que nos quere felices traballando e compartindo os bens da terra.
Oración
Que ben que poida medrar ao teu carón, Xesús,guiada e empuxada por ti,en ser persoa permanentemente aberta.Aberta a ti, á xente, á vida,ao teu Deus e noso Deus.Que ben aprender ao teu lado, Xesús,levada polo teu espírito,a pedir, a buscar, a petar,sabéndome carente, necesitada en tantas cousas,pero confiada nas mans xenerosas que mas ofrecen.As mans ben concretas de moitas persoas,as mans casuais da vida,as mans sorprendentes de Deusque guía e sostén todas as nosas mans.Que ben, Xesús, poder gozar contigo, en comunidade,neste outono de froitos e bendicións,coa esperanza de que a ninguén lle falte pan e irmáns con quen comelo.Grazas por tanto ben!
Acción
Cando hoxe xantemos ou cenemos, podemos facer un breve recoñecemento á xente rural que produciu os nosos alimentos, e ao Deus da vida que está detrás de todo canto existe.
6 de outubro: Xoves da 27ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Mal 3, 13-20a. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Ano 2: 1ª lectura: Gál 3, 1-5. Salmo: Lc 1, 69-70. 71-72. 73-75
Evanxeo: Lc 11, 5-13
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Supoñede que calquera de vós ten un amigo ou amiga, que vos presentades na súa casa pola noite, e desde fóra lle dicides: “Amigo, amiga, déixame tres bolos de pan, que me veu outro amigo de viaxe e non teño nada que lle poñer diante”. E ese amigo ou amiga desde dentro responde: “Non me amoles; está a porta pechada, eu e máis a miña crianza estamos na cama; non me podo erguer agora para chos dar”. Desde logo que, se non se ergue para llos dar por se tratar dunha persoa amiga, polo menos pola túa insistencia erguerase e hallos dar.
Por iso dígovos: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Que todo o que pide recibe, o que busca atopa e a quen peta abriráselle”. Ou logo ¿qué pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra; ou se lle pide un ovo, lle dá un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas aos vosos fillos e fillas, ¡canto máis o Pai celestial lle dará o Espírito Santo a quen llelo pida!
Meditación
Este pedaciño de Evanxeo é continuación do Evanxeo de onte sobre a oración. Xesús segue aprendendo a rezar ás persoas que lle dixeran: “apréndenos a rezar”. Dentro desas persoas que tal desexan estamos, xaora, tamén nós. E Xesús nesta ocasión insístenos en dúas cousas: primeira, ser constantes na nosa pregaria; pedir, buscar, petar son actitudes propias de quen de verdade ansía algo e se dispón por todos os medios posibles para poder conseguilo. Pedir, buscar, petar é algo propio de quen anda pola vida co corazón aberto, buscando darlle entrada na súa vida a todo canto ben nos vén da mesma vida, das persoas coas que nela batemos, do Deus que de mil maneiras se achega a nós cos seus dons. Se andamos pola vida como persoas pechadas á graza e aos dons da vida, da xente, nunca acertaremos a rezar ben.
E a segunda cousa na que insiste Xesús é que recemos sempre con moita confianza. Diante de nós non temos un Deus cutre, agarrado, avarento, senón un Pai ou Nai espléndida que goza compartindo os seus dons. Os regalos de Deus non son cousas materiais, como se fose o señor da lotería; Deus é abundante no Espírito Santo, que é paz, forza, alento, perdón, berro cara a xustiza, foco de unión, frescura na fogaxe, resistencia…, todo iso que precisamos para ir conseguindo o que na vida nos pode dar unha dignidade feliz.
Os dons de Deus non suplen o noso esforzo. Os dons de Deus axudan a que o noso esforzo frutifique en toda clase de bens, espirituais e mesmo materiais. Os dons de Deus superan os nosos esforzos por moi grandes que estes sexan.
Oración
Quéresme, meu Deus, tan persistente,como se todo dependese das miñas forzas;e tan confiada e entregada,como se todo dependese absolutamente de ti.Quéresme revolvendo ceo e terra,coma quen todo o necesita e non ten nada;pero tamén abandonada e libre,coma quen non necesita nada para vivir.Quéresme buscadora, emprendedora,coma o home de negocios máis infatigable;e tan felizmente desinteresada,coma o meu canciño deitado ao sol do mediodía.Quéresme inqueda e espelida,coma as laparadas de lume no silveiral;máis tamén docemente sosegada,como as horas mainas dun atardecer de outono.E quéresme así, meu Deus,quéresme así, porque me queres.Grazas!
Acción
¿Angustiámonos con facilidade ante determinadas situacións da vida persoal, social, política? ¿Qué papel pode xogar a nosa fe cristiá, a nosa oración neses momentos? Neses casos podiamos rezar insistentemente así: Confío en ti, meu Deus; con Xesús confío en ti.
7 de outubro: Venres da 27ª semana do Tempo Ordinario.
Ano 1: 1ª lectura: Xl 1, 13-15; 2, 1-2. Salmo: 9, 2-3. 6 e 16. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: Gál 3, 7-14. Salmo: 110, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Lc 11, 15-26
Unha vez, despois de que Xesús botase un demo, algunha persoas presentes dixeron:;
—Este bota fóra dos demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.
Outras persoas, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban, díxolles:
—Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. Pois ben, se Satanás está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul. Pero, se eu boto os demos co poder de Belcebul, ¿co poder de quen os botan os vosos fillos? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. Pero, se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. pero se chega un máis forte e o vence, quitándolle as armas nas que confía, repartirá o botín. Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo, derrama.
Cando o espírito malo sae dunha persoa, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa, di: "Volverei á miña casa de onde saín;" e, ao chegar, atopa a casa varrida e ordenada. Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando todos, establécense alí, e resulta que o final daquel home acaba peor que o principio.
Meditación
Demos para arriba e demos para abaixo. Non fai falla imaxinar personaxes horrendos para decatarse de que o mal anda entre nós, na nosa sociedade, nos nosos pobos, na nosa propia persoa, no noso corazón. É algo que incluso repetimos con insistencia: que mal anda o mundo. Quizais o dicimos menos referido a nós, no sentido de ver que tamén nós, se non nos coidamos, podemos ser axentes de mal, de malicia.
No evanxeo tampouco non se dubidaba diso. A pregunta era quen e como se lle podía facer fronte ao mal, con que forzas. Xesús amósasenos coma unha persoa en conflito permanente con todo o que podería roubarlle a paz, a dignidade, o benestar físico e espiritual a calquera persoa. E con enerxías para facelo. Os evanxeos son un indicador claro de como facelo, desde que bases, con que métodos. Se lemos, meditamos, interiorizamos o que día a día nos evanxeos imos vendo, acabaremos sendo tamén nós, coas nosas limitacións, persoas empoderadas contra o mal.
Oración
O poder de Deus,a forza de Deus:iso era, Xesús, o que a ti te facía forte,e esa é a fortaleza que ti queres compartir connosco.Grazas.Así,só así,poderei ser forte contra o mal,arrincándoo do meu corazón,das miñas palabras,dos meus feitos.Só asípoderei sercoma unha man túano esforzo comúnpor reparar este mundo,por facelo limpo e luminoso.Éncheme, Xesús, co poder de Deus.
Acción
Estamos hoxe especialmente atentos/as a calquera mal, que, na forma que sexa, rolde as portas da nosa vida. E miramos de lle dar cara coa forza que de Deus nos vén, co apoio de xente amiga coa que podemos compartir esas situacións.
8 de outubro: Sábado da 27ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xl 4, 12-21. Salmo: 96, 1-2. 5-6. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: Gál 3, 22-29. Salmo: 104, 2-3. 4-5. 6-7
Evanxeo: Lc 11, 27-28
Nunha ocasión, cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo berrando:
—¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!
Pero Xesús replicoulle:
—Ditosas máis ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.
Meditación
Reparamos na admiración que Xesús provocou naquela muller do pobo, que acabou proclamando ditosa á nai que o concibira e que o parira. A admiración en si é unha das grandes actitudes humanas que nos pode levar da man a unha vivencia relixiosa auténtica. Admirar é estar aberto ao fermoso, ao sorprendente, ao marabilloso que nos rodea, sexa isto algo grande ou algo pequeno; pero tamén é estar aberto ao feo, á desgraza, á desfeita da natureza, á desfeita de tanta xente fráxil (pobre e rica) que hai polo mundo. Admirar é estar aberto a ese mundo interior noso, que nunca comprendemos abondo, misterioso, que nos introduce no mundo do misterio, no mundo do descoñecido que nos desborda. Admirar vólvese case imprescindible para crer, para vincularse a Xesús, para vincularse a Deus. Admirar leva a agradecer, a adorar, a amar, a implicar a propia vida, á dispoñibilidade. E para admirar necesitamos poder contemplar as cousas, as vidas, as persoas, a propia persoa; necesitamos espazos e tempos de silencio na vida.
O evanxeo de hoxe invítanos a admirar a Xesús, a Deus nel; invítanos a que, como persoas seguidoras del, coa nosa vida cristiá provoquemos tamén a admiración por el. Que, véndonos a nos, a xente poida dicir: que marabilloso debe ser o Deus que os sostén, para viviren eles coa humanidade coa que viven.
Oración
Que grande te nos mostras, meu Deus,no cosmos, na natureza saída das túas mans!Que singular e creativo te aparecesen cada home ou muller, orixinal, irrepetible!Que misteriosamente próximo te presentasno teu fillo Xesús, un de tantos, un excepcionalmente teu!Que íntimo e familiar te me ofreces,acompañándome coma un amigo fiel que me comprende!Que grande es no Espírito co que nos agasallas,para afirmarnos en ti, para sustentarnos na dor!Que sinxelo e marabilloso te nos fasen quen aprendeu de ti a honra de convivir coa xente pequena!Que marxinal e esixente te nos mostrasna metade dos seres humanos que escasamente son!Meu Deus, admírote e adórote,agradézote e entrégome a ti.
Acción
Podemos ser e manifestarnos como persoas relixiosas en moitas circunstancias da nosa vida, fóra da igrexa e do que na igrexa celebramos, porque Deus está en todo. ¿Descubrímolo así na vida? ¿Poderíamos estar máis atentos dalgunha maneira a esta súa presenza na vida?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.