04 novembro, 2022

Tempo Ordinario: 32ª semana



6 de novembro: Domingo 32º do Tempo Ordinario

1ª lectura: 2 Mac 7, 1-2. 9-14. Salmo: 16, 1. 5-6. 8b e 15.
2ª lectura: 2 Tes 2, 16—3, 5.

Evanxeo: Lc 20, 27-38

Unha vez chegaron onda Xesús algúns saduceos, eses que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:
—Mestre, Moisés deixou escrito: “Se lle morre a alguén seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia”. Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos. Despois casou coa súa muller o segundo; e logo o terceiro, e así os sete foron casando coa viúva, e todos morreron sen deixar fillos. Ao cabo, morreu tamén a muller. Ora ben, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?

Xesús contestoulles:
—Neste mundo os homes e máis as mulleres casan entre eles. Pero as persoas que sexan dignas da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos e son fillos de Deus por naceren na resurrección.

E que resucitan os mortos ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor no episodio da silveira: “O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe”. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todas as persoas están vivas.

E nisto algúns dos letrados dixéronlle:
—Ben falado, Mestre.

E xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.

Meditación

Houbo tempos nos que a morte, o máis alá, a posible salvación ou condena eterna, eran o centro da actividade evanxelizadora das comunidades cristiás, e era tamén, polo tanto, o centro da ansia espiritual de quen se esforzaba por ser unha boa persoa cristiá. En moito casos, incluso, se promovía o medo á posible condenación cos conseguintes suplicios eternos, coma unha maneira de activar a fidelidade a Deus, á Igrexa, á rectitude moral. Hoxe maioritariamente estamos noutro mundo. Ante a morte procuramos disimular, pasar en silencio, disimulala tamén, case como se non existise, silenciala; e ante o máis alá, abunda a incredulidade, incluso entre moitísimas persoas que nos dicimos crentes cristiás e que cumprimos máis ou menos fielmente. Se os saduceos do tempo de Xesús tiñan os seus argumentos, que pretendían levar a fe na resurrección case ata o ridículo, nos tempos de hoxe os argumentos adoitan ser moi simples e aparentemente convincentes: nunca ninguén de aló volveu, o corpo á terra e acabouse todo, é o negocio dos curas, etc. En todo caso, levados pola indiferenza e o desinterese ou por unha fe algo renovada, que nos fala dun Deus que nunca, nunca renega dos seus fillos e fillas, ollamos cara a outra vida, con certa indiferenza e frialdade, sen paixón, sen ver aí ningún motivo que nos encante, que nos console, que nos alente. Aféctanos a morte máis, moito máis, pola vida que deixamos, ca non pola vida prometida que nos agarda.

Que facer ante todo isto? Como nos situamos coma persoas, coma comunidade cristiá ante esta realidade da morte, e ante esta maneira de vivila que se estende incluso dentro das nosas comunidades? Que criterios, que convencementos nos ofrece Xesús no evanxeo de hoxe para situarnos ante a realidade da nosa morte, ante a fe na resurrección? A proposta de Xesús é simple, é un acto de fe, sen demasiadas argumentacións: hai un Deus de vida e por iso hai un Deus de xente viva; e porque hai un Deus de xente viva, hai vida prolongada a fondo, hai resurrección. Se vivimos a Deus coma un Deus de vida, non nos custará tanto entender que esa vida se prolongue para sempre, non en base ao noso poderío, xa que somos ben pouca cousa, corruptible, po, lama, nada; senón en base ao poderío de vida que hai en Deus e que, gustoso, quere compartir con todos os seres humanos e incluso con toda a realidade mundana, cósmica.

Se vivimos a Deus coma un Deus de vida, non nos custará tanto asumir a nosa condición mortal, porque esperamos que quede desbordada pola súa esplendidez: “Non hai pecado nin crime que poida borrar do corazón de Deus a un só dos seus fillos e fillas”, dicía o Papa a semana pasada, para alegría de moitas persoas, e para cabreo de algunhas ás que lles gusta máis falar dun Deus de morte, por moito que o pinten con cores de xustiza. Se vivimos a Deus coma un Deus de vida, incluso podemos soñar con pracer e cobizar con esperanza esa vida nova, abundante, plena, non ao nivel das nosas cativezas, desamores e pecados, que quedarán definitivamente desarmados en Deus, senón ao nivel dese mesmo Deus que é fonte de vida e de amor rexenerador, no que todos e todas quedaremos eternamente integradas.

Polo tanto a cuestión básica para unha persoa crente é ver, experimentar, como podemos vivir a Deus coma un Deus de vida. Como podemos deixalo ser en nós un Deus de vida, un promotor de vida, un defensor de vida, un alentador de vida. Se ollamos para Xesús, se lembramos a súa maneira de vivir, de se relacionar coas persoas, de tratar coa xente máis débil e pecadora, máis marxinada, máis acabada, máis sen vida, encontramos camiños abertos para introducirnos no Deus da vida, para deixar que o Deus da vida se introduza en nós, e meta en nós unha dinámica que leve ata a vida eterna, aquela auga viva que salta ata a vida eterna, como dicía o evanxelista Xoán. A maiores dixo, e tendo iso por fundamental, nos tempos de hoxe vanse descubrindo formas claras de ampliar esa opción pola vida, desde o máis débil, desde o máis carente de vida: a consideración cos fondos mundos psicolóxicos das persoas, o respecto pola natureza, o coidado do medio ambiente, a atención primordial polos pobos que viven en miseria e abandono, a aposta pola paz por riba de todo, a protesta polo dominio excluínte, de morte, dos grandes poderes económicos, financeiros, que xogan cos gobernos e coas poboacións como queren, a vergonza polos inmigrantes afogados nos nosos mares, etc.

Desde aí, desde unha aposta pola vida, que ás veces, como lle pasou a Xesús, leva consigo morte e sufrimento, é desde onde ten solidez a nosa fe nun Deus de vida, que nos agarda máis aló da morte, coa súa aperta de vida. Qué pasará, qué non pasará, cómo han ser as cousas ao detalle, iso non nos importa nada. Abóndanos saber que estamos en boas mans, nas mans de Deus, que é, que será, un Deus de vida. Cremos que iso é o que nos agarda; non cousas de medo, senón de bendición.

Cada Eucaristía é un encontro, unha comuñón, na memoria, na palabra, no pan santo, con Xesús que experimentou en si, a tope, a forza do Deus vivo que o chamou a unha vida resucitada.

Preces

TI ES, SEÑOR, UN DEUS DE VIDA E NON DE MORTE

Por iso poñemos nas túas mans a nosa existencia toda, mentres vivimos e cando morremos. Dicímosche con confianza.

Por iso acollemos a túa chamada a implicarnos en cousas de vida alí onde vivimos, apoiando a vida, a paz, a dignidade, o pan, o futuro das persoas máis débiles. Dicímosche con confianza.

Por iso consolidamos a nosa esperanza nunha vida eterna que nos agarda, na que ti, co teu amor desmedido, serás o centro de todo e de todos e todas. Dicímosche con confianza.

Por iso vixiamos, coidamos a nosa traxectoria persoal, as nosas decisións, o noso trato coa xente, para facelo sempre o máis próximo posible ao que nos ensinas ti, Deus da vida. Dicímosche con confianza.

Por iso nos comprometemos a vivirte a ti, a falar de ti, coma un Deus de vida, non creador de medos, senón de esperanzas e alegrías. Dicímosche con confianza.

Oración
Cóidame a vida, meu fillo,
cóidame a vida, miña filla!

Cóidame a vida, toda vida,
que eu son Deus de vida e non de morte,
Deus para a vida e non para a morte.

Cóidame a vida
en todos os seus ínfimos detalles,
coas decisións máis miúdas e cotiás.

Cóidame a vida,
a terra, o ar, as augas,
as árbores, os animais, as persoas,
cada home ou muller
que por calquera razón cruce os seus camiños cos teus.

Cóidame a vida,
vixía cada bágoa e cada risa,
cada amago de angustia ou de esperanza
de calquera persoa que coñezas,
porque a xente, cando vive, ten pracer,
e o pracer da xente é a miña gloria.

Cóidame a vida
con todos os teus recursos,
persoais e comunitarios,
sociais e políticos,
ao longo de toda a túa vida,
con todas as túas forzas, con toda a túa alma.

E a vida florecerá nas túas mans coidadosas
coma un froito teu,
coma un regalo de Deus
sen medida, total, eterno.

—No que saiba, valla e poida, meu Deus,
conta comigo.
Acción

Podiamos hoxe coidar especialmente a vida coa xente, coa natureza, nalgún aspecto no que a vexamos algo deteriorada. Podiamos tamén gozar a vida estando con algunha persoa especialmente viva, contemplando algún espazo natural cheo de vida.


7 de novembro: Luns da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 1, 1-7. Salmo: 138, 1-3. 4-6. 7-8. 9-10
Ano 2: 1ª lectura: Tit 1, 1-9. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 17, 1-6

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban máis de cerca:
—É irremediable que haxa escándalos, pero ai de quen os provoca! A quen escandalice a unha destas criaturiñas, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ao mar. Andade con coidado. Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. E, se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao.

Rogáronlle os apóstolos ao Señor:
—Auméntanos a fe!

O Señor respondeulles:
—Se tivésedes unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: “Arríncate e plántate no mar”, e seguro que vos obedecería.

Meditación

Somos persoas que, por regalo de Deus, gustamos de acompañar a Xesús máis de cerca. E Xesús sinálanos hoxe tres maneiras propias de quen queira andar ao seu redor. A primeira ten que ver con ese convencemento seu de poñer sempre no centro das nosas ansias e coidados as persoas máis fráxiles, evitando facer calquera cousa que deteriore o seu corpo, o seu espírito, os seus soños e lles impida levar unha vida digna ante a xente, ante Deus. A segunda ten que ver coa necesidade do perdón entre nós, se queremos facer boa comunidade cristiá, boa sociedade tamén. Perdón sen límites. Non coma un xesto de fuxida ante o mal, senón como aposta esperanzada polas persoas máis fráxiles tamén, máis abocadas ao mal polas razóns que sexan. E a terceira ten que ver coa fe, como soporte que fai posible todo o anterior. A fe non como simple asentimento doutrinal ao que dicimos crer, senón como actitude vital confiada en Deus e en que o seu poder de ben, de cambio, de transformación, chega máis aló do que podemos esperar das nosas forzas. Coma sempre Xesús situándose contracorrente de moitos criterios normais, e invitándonos a nós a andar con el tamén contracorrente.

Oración
Auméntanos a fe, Xesús,
pedíanche daquela as persoas que te acompañaban.
E o mesmo desexo che presentamos nós.
Moitas son as cousas que nos desalentan,
que nos fan perder a esperanza,
que nos fan desconfiar de todo:
de nós, da demais xente,
do futuro das aldeas,
do recoñecemento da xente máis vulnerable,
de ti mesmo, Xesús,
do Deus no que ti tanto confiabas.
Que se nos abran os ollos,
para descubrir a forza do ben,
a túa mesma forza,
tirando por todo cara a arriba
e arrastrándonos cara á fe e á esperanza.
Canto o necesitamos, Xesús!
Acción

Podemos mirar se en algo desde a propia persoa ou desde a comunidade cristiá estamos sendo razón de tropezo para algunha persoa débil, nas cousas normais da vida, nas cousas da fe. Podemos mirar se en algo nos estamos negando ao perdón cara a algunha persoa concreta. Podemos mirar que cousas nos están achicando a fe. Mirar, para detectar, para dar algún paso, para cambiar. Xesús apóianos. Deus tamén con el.


8 de novembro: Martes da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 2, 23—3, 9. Salmo: 33, 2-3. 16-17. 18-19
Ano 2: 1ª lectura: Tit 2, 1-8. 11-14. Salmo: 36, 3-4. 18 e 23. 27 e 29

Evanxeo: Lc 17, 7-10

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o seguían de cerca:
—¿Quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da terra: “Entra axiña e ponte á mesa”? ¿Non lle dirá máis ben: “Prepara a cea, viste a roupa de traballo e sírveme mentres eu como e bebo; despois comerás e beberás ti?” ¿Ou é que aínda lle vai ter que agradecer ao criado que lle faga o mandado? Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: “Somos uns pobres servidores ou servidoras; non fixemos máis có que tiñamos que facer”.

Meditación

A pequeniña comparanza que emprega Xesús responde a unha práctica que se daba daquela e que, con formas máis modernas, se dá tamén nos nosos tempos. Parece como se Xesús vise ben ese funcionamento abusivo con quen serve. Polo que sabemos doutras partes do Evanxeo, non é ese o estilo de Xesús, non é ese o estilo do Deus de Xesús. Usa esa comparanza Xesús para recalcar unha cousa moi concreta na nosa relación con Deus, no noso servizo a Deus e á súa tarefa de irmandade connosco: fagamos o que fagamos, o noso servizo ante a esplendidez de Deus sempre será algo pequeno, e o normal será que o vivamos coa conciencia de sermos simplemente uns pobres servidores ou servidoras. E vaia se nos está Deus agradecido polos nosos servizos! Nisto si que Deus non casa co amo que dicía Xesús. Xesús está compartindo connosco a vivencia que el tiña ante Deus: son un pobre servo!

Oración
Son un pobre servo
—palabra de Xesús—,
son un simple servo,
que non fixen máis có que tiña que facer.
De Deus recibín o ser e a tarefa,
de Deus recibín a forza e a idea,
de Deus recibín o acompañamento diario,
sempre á miña porta,
sempre, a toda hora,
de día e de noite,
nos amenceres e solpores.
Que lle vou dicir?
De que me vou chufar?
Si,
pobre servo,
feliz de poder selo,
feliz de desfacerme en servizo
pola gloria de Deus na xente máis vulnerable.
Este, e non outro, é o meu gozo, a miña festa.
Grazas, meu Deus.
Acción

Normalmente non nos gustan as persoas que se andan chuleando do que fan ou deixan de facer. Hai que se chulea abertamente, e quen o fai de forma máis raposeira. Podemos mirar se en algo entramos neste tipo de comportamentos tan pouco construtivos. E cambiar, claro.


9 de novembro: Festa da dedicación da basílica de Letrán

1ª lectura: Ez 47, 1-2. 8-9. 12. Salmo: 45, 2-3. 5-6. 8-9

Evanxeo: Xn 2, 13-22

Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os vendedores de bois, ovellas e pombas, e máis os cambiadores de cartos, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordeis, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; e aos cambiadores guindoulles os cartos e arreboloulles as mesas; e aos que vendían pombas díxolles:
—Arredade isto de aquí, non convertades nun negocio a casa do meu Pai.

Os seus discípulos lembráronse de que estaban escrito: O celo da túa casa devórame. Pola súa parte os xudeus preguntáronlle:
—¿Qué sinal nos amosas para faceres estes feitos?

Respondeulles Xesús:
—Derrubade este templo e erguereino en tres días.

Replicáronlle os xudeus:
—Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?

Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, os seus discípulos lembraron o que dixera e creron na Escritura e na palabra que dixera Xesús.

Meditación

A basílica de Letrán, dedicada ao Salvador e a san Xoán Bautista e san Xoán evanxelista, data do ano 324, pero foi refeita en diferentes momentos da historia. É a catedral do bispo de Roma, é dicir, do mesmo Papa, e por iso está considerada como nai e cabeza de todas as igrexas do mundo. Festexar a súa existencia quere dicir sobre todo sentirnos parte dunha Igrexa universal, que no Papa ten a alguén que potencia a súa unidade e a súa diversidade ao mesmo tempo. O verdadeiro centro da comunidade cristiá universal nin o é o Papa, nin menos aínda unha construción, por moi fermosa que esta sexa; o verdadeiro centro da Igrexa éo Xesús, o Cristo, o seu corpo morto de amor e resucitado, fielmente representado nos corpos rotos de tanta xente vulnerable como hai polo mundo adiante. Pesa sobre a Igrexa de Letrán, e sobre calquera das nosas catedrais e igrexas pequenas, a severa advertencia de Xesús: “Non convertades nun negocio a casa do meu Pai”. Convertédea non nun negocio, senón nun espazo de ocio, de gratuidade, de gozo, de acollida, onde calquera debilidade atope no posible remedio e conforto.

Oración
Perdón, meu Deus,
polas veces que construímos templos
sobre a suor e o sangue dun pobo enfraquecido.
Perdón, tamén
polo boato de tantas grandes cerimonias
exentas de tenrura cara á xente aflixida.
Perdón, meu Deus,
por ter negociado tantas veces coa piedade da xente,
vendéndolle o que ti gratuitamente donas.
Perdón, meu Deus,
por termos templos e non frecuentalos,
para honrar comunitariamente o teu santo nome.
Perdón por mirar, se miramos, polos templos de pedra
e despreocuparnos da vida da comunidade
reunida ao redor do corpo morto e resucitado de Xesús.
Acción

¿Cómo vivimos a nosa pertenza á Igrexa? ¿Participamos nas celebracións dominicais para vivir en comunidade cristiá? ¿En algo entramos niso de negociar coas cousas da fe, con cura ou sen cura polo medio, intentando mercar con cartos os agarimos de Deus? Seguro que haberá cousas nas que podemos mellorar.


10 de novembro: Xoves da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 7, 22—8, 1. Salmo: 118, 89. 90. 91. 130. 135. 175
Ano 2: 1ª lectura: Flm 7-20. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10

Evanxeo: Lc 17, 20-25

Unha vez uns fariseos preguntáronlle a Xesús cando chegaría o reino de Deus, e el respondeulles:
—O reino de Deus chegará sen facerse sentir, de tal xeito que non se dirá: “Velaquí ou velaí está”, porque a verdade é que o reino de Deus xa está entre vós.

E díxolles ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Virán tempos nos que cobizaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. E diranvos: “Mirádeo aí ou aquí”, pero vós non vaiades nin corrades detrás. Porque como o lóstrego brilla refulxente dende un extremo ao outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día. Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite.

Meditación

As primeiras xeracións cristiás estaban moi dominadas polo sentimento de que axiña, moi axiña, ía chegar o reino de Deus na forma dunha irrupción poderosa por parte de Deus que amañaría o mundo e inauguraría unha nova época de xustiza e paz. Pouco a pouco fóronse decatando de que as cousas non eran así, e foron chegando ao convencemento simple, pero ben cativador, de que o reino de Deus xa está entre nós, e nós somos, con Deus, quen o facemos presente e quen del podemos gozar. O mundo é tarefa de Deus e máis nosa; e o mesmo a familia na que estamos, o pobo no que vivimos, a comunidade cristiá da que formamos parte, o estado, España, no que estamos integrados, as relacións que mantemos día a día con homes e mulleres diversas,… todo, todo é o espazo do reino de Deus, e ante el temos unha responsabilidade, e dentro desa responsabilidade podemos percibir tamén a Deus mesmo como compaña maior que nos alenta e que nos promete un final feliz, aínda que sexa despois de pasar por loitas e padecementos, como a Xesús mesmo lle pasou.

Oración
Non á angustia que encolle e que destrúe
e si á paz máis fonda en nós, en ti, meu Deus.
Non á desesperación ante o mal que van as cousas
e si á confianza segura de que para todo hai final feliz.
Non aos medos polo que nos pode vir enriba
e si á tranquilidade de quen se sabe en boas mans.
Non ao desinterese e á nugalla (preguiza)
e si á implicación humilde na tarefa da vida.
Non ao “sálvese quen poida” egoísta
e si aos soños comunitarios solidarios.
Non a un mundo machucado en mans duns poucos
e si a un mundo coidado, libre para ben de todas as criaturas.
No teu nome, meu Deus,
coa túa paz, coa túa forza.
Acción

Podemos vivir este día coa conciencia de que, a través do que falamos e facemos, dunha maneira humilde estamos construíndo, ou non, o reino de Deus, os soños de Deus para toda a humanidade.


11 de novembro: Venres da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 13, 1-9. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: 2 Xn 4-9. Salmo: 118, 1. 2. 10. 11. 17. 18

Evanxeo: Lc 17, 26-37

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. Comían, bebían e casaban, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todo o mundo. O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían; pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo e acabou con todo o mundo. O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home.

Aquel día quen estea na azotea e teña as cousas dentro da casa non baixe por elas; e quen estea na leira tampouco non volva atrás. Lembrade o caso da muller de Lot. Quen intente salvar a súa vida, perderaa, e quen a perda salvaraa. Asegúrovos que nesa noite estarán dúas persoas nunha mesma cama; levarán a unha e deixarán a outra; estarán dúas persoas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra.

Eles preguntáronlle:
—¿Onde, Señor?

Respondeulles:
—Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres.

Meditación

Na Igrexa durante anos, séculos, empuxóusenos a ser boas persoas cristiás coa presión de dous medos: o medo social, o ambiente, o que dirán, que nos levaba a facer o que había que facer máis por temor ca non por convencemento; e o medo interior, sobre todo o medo a vivir e morrer en pecado, cousa que derivaría en condena eterna e en mil castigos eternos. Hoxe estes medos, grazas a Deus, impórtannos moito menos. Podemos quedar aí, liberándonos deses medos e nada máis. Ou podemos liberarnos deses medos e como persoas cristiás ver o que realmente nos constrúe como persoas, como cidadás ou cidadáns, como membros dunha comunidade cristiá; e facer o que fagamos por convencemento. Por suposto que sempre estamos abocados a ese momento final, tanto de cada unha das nosas persoas, como do conxunto do mundo. Forma parte da condición caduca de todo o creado; pero coma crentes nun Deus de vida e non de morte e acabamento, podemos sintonizar con ese momento apostando pola vida limpa, honrada, digna en todo, para nós e para quen nos rodea. Así poderemos chegar ao final da nosa existencia con paz e con esperanza. Daquela comeza unha nova vida, e que vida!

Oración
Cando queiras, meu Deus,
peta á miña porta e entra.
Pero, que digo?
Se estás petando e petando,
día si e día tamén!
Se o teu é provocar encontros,
soster amizades,
garantir eternidades.
Cando queiras, meu Deus.
Acepto ser pouca cousa, caduca,
chamada a desaparecer aos ollos deste mundo,
pero, grazas a ti, aberta ao inimaxinable,
como ante o inimaxinable está
a criaturiña no ventre da súa nai.
Cando queiras, meu Deus,
sei que, cando iso sexa,
estarás aí coas mans abertas,
co corazón aberto,
como parteira de comunidade eterna,
acolléndome no teu colo de Pai maternal
no fogar dos amores absolutos.
Cando queiras, meu Deus,
cando queiras.
Acción

Andamos para arriba e para abaixo, sen concedernos apenas tempos para estar a soas con nos mesmas, simplemente para tomar conciencia da nosa existencia, do que somos, daquilo polo que loitamos, das nosas esperanzas, dos nosos soños. Para tomar conciencia tamén da fonda vinculación que Deus quere establecer connosco. Hoxe podémonos conceder media horiña para contactar co noso propia ser, ante nós, ante Deus.


12 de novembro: Sábado da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 18, 14-16; 19, 6-9. Salmo: 104, 2-3. 36-37. 42-43
Ano 2: 1ª lectura: 3 Xn 5-8. Salmo: 111, 1-2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Lc 18, 1-8.

Nunha ocasión Xesús, para ensinarlles ás persoas que o acompañaban de cerca a necesidade de orar sempre, sen cansar, propúxolles esta parábola:
—Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba a xente. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ao meu adversario”. El durante moito tempo non lle fixo caso ningún, pero despois cavilou:”Aínda que non temo a Deus nin respecto a xente, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida”.

E o Señor continuou:
—Fixádevos no que di o xuíz inxusto. ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ás persoas que el mesmo elixiu, que chaman por el día e noite?; ¿ou tardará en atendelas? Asegúrovos que lles fará xustiza sen demora. Pero cando chegue o Fillo do Home, ¿el atopará fe sobre a terra?

Meditación

Orar sen cansar. Que non quere dicir importunar e importunar a Deus, ata que, canso de nós, nos acabe dando o que de primeiras se resistía a dar. Iso era o que facía o xuíz inxusto, precisamente porque era inxusto, porque non se doía da debilidade da viúva, porque andaba ao seu e ás súas comenencias. Pero Deus non é así. Deus escoita sen demora, atende sen demora, fai xustiza sen demora, porque non é un xuíz inxusto e desinteresado de nós, senón un Pai maternal que devece máis ca nós mesmas polo noso ben.

Orar sen cansar. Que quere dicir estar co corazón permanentemente aberto ante Deus, dispoñibles a acoller os seus ofrecementos, cunha confianza absoluta en que el si está totalmente da nosa parte, e co seu espírito bo nos quere acompañar en todos os momentos da nosa vida: nos malos momentos dándonos paz e forza para levalos con esperanza, nos bos momentos dándonos serenidade e contento para vivir con agradecemento, en disposición de ser para a demais xente unha persoa atenta e considerada, como Deus o é connosco.

Oración
Non me fan xustiza, meu Deus!,
oraba o labrego pobre de Castelao,
en representación dun mundo rural castigado
que nin na mesma Igrexa atopaba atención.
Non me fan xustiza, meu Deus!,
din hoxe os milleiros de persoas refuxiadas,
que cruzan África ou Centroamérica
na procura de traballo, teito e dignidade.
Non me fan xustiza, meu Deus!,
rezan hoxe os meniños e meniñas abusadas
por clérigos dominantes, por señores da guerra
ou polos amigos da trata máis desapiadada.
Non me fan xustiza, meu Deus!,
berran hoxe con berros colectivos
persoas desafiuzadas, vellas, pobres, abandonadas,
que deben dobregarse aos intereses do capital.
Non me fan xustiza, meu Deus,
berra a xente que de nós espera atención e consideración
e atopa en nós portas pechadas,
desinterese e abandono.
Acción

É moi posible que coñezamos o caso dalgunha persoa que estea sufrindo algún tipo de soidade, de desamparo, de abuso, de inxustiza. Podemos visitar esa persoa, escoitala, animala, a Deus e acompañándoa no que vexamos oportuno facer.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.