20 de novembro: Solemnidade de Xesús Cristo, rei do universo
1ª lectura: 2 Sam 5, 1-3. Salmo: 121, 1-2. 4-5.
2ª lectura: Col 1, 12-20.
Evanxeo: Lc 23, 35-43
Cando Xesús estaba cravado na cruz, a xente estaba mirando e os xefes moqueábanse del dicindo:
—A outros salvounos. Pois que se salve agora a si mesmo, se é o Cristo de Deus, o elixido.
Tamén os soldados se burlaban del e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
—Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
E había un letreiro enriba del: “Este é o rei dos xudeus”.
Un dos bandidos que estaban crucificados insultábao tamén:
—¿Non es ti o Cristo? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
—¿Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
E dicíalle:
—Xesús, lémbrate de min cando chegues ao teu reino.
Xesús respondeulle:
Meditación
É o último domingo do tempo ordinario na liturxia. Pechamos o ano litúrxico actual coa solemnidade de Xesús Cristo Rei. Esta festa instituíuna o Papa Pío XI no ano 1925 para conmemorar o 16 centenario do concilio de Nicea, no que Cristo foi considerado consubstancial ao Pai; desde ese momento dise no Credo que recitamos tantas veces “o seu reinado non terá fin”.
Segue sendo moi necesario desvincular a persoa de Xesús e a celebración de hoxe de calquera imaxe, sentimento ou práctica que nos leve a entender a Xesús e a súa misión entre nós como a dun rei; dicir rei é coma dicir distancia, poder, privilexio, moitas veces paternalismo, outras moitas abuso. Xesús mesmo se distanciou do que de primeiras esa imaxe de rei pode espertar en nós, cando lles dixo aos seus discípulos: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así” (Mt 20,25b-26). Xesús ten poder, claro que o ten, pero o seu poder é un poder de servizo, para o servizo. O poder de Xesús é o poder da cruz. Por iso a festa de hoxe ben podería titularse con máis atino “Solemnidade de Xesús Cristo Servidor”.
Está moi ben que na liturxia de hoxe, para nos falar de Xesús Cristo Rei, o evanxeo nos traia unha escena de Xesús na cruz. O trono de Xesús Cristo Rei é a cruz. A cruz á que chegou coma nun exceso de amor e de servizo. Tanto se puxo do lado da xente máis marxinada, que acabou coma ela, padecendo o tipo de morte que naquela sociedade se lle daba ás persoas máis marxinadas. Estamos tan afeitos a ver a Cristo na cruz, a levar esa cruz no noso peito, a decorar con ela moitos dos nosos espazos, que non caemos na conta do que veneramos: a un servidor absoluto, que é axustizado inxustamente, “sen facer mal ningún”, por non deixar de amar e de servir. E nese servizo absoluto está o absoluto poder de Xesús. No servizo está o poder. O servizo solidario é o único que ten poder para cambiarnos, para cambiar o mundo. Crémolo así? Vivímolo así coma Xesús?
Os xefes do pobo e os soldados búrlanse de Xesús porque non é capaz de salvarse a si mesmo. Un dos ladróns tamén o fai dicíndolle que nin se salva a si mesmo nin salva a quen está crucificado con eles. Non eran capaces de ver o exercicio de poder e de salvación que Xesús estaba desenvolvendo na cruz: non mirar por si e para si, descoidarse de si mesmo, arrastrado pola paixón que o levaba a ser considerado coa xente máis débil da sociedade, collido totalmente pola forza de amor de Deus. Xesús inauguraba unha maneira nova de estar como salvador ao lado da xente. Se nós entramos tamén nela, de canta salvación seremos capaces! Para nós e para quen nos rodea! Seguro que todos coñecemos persoas que, levadas por este poder de servizo de Xesús, fan grandes cousas de liberdade para a xente. É hoxe un día para dar grazas por elas e para imitalas.Esa será unha excelente maneira de celebrar coma bos cristiáns/ás a festa de Xesús Cristo Rei.
Na Igrexa, nas comunidades cristiás, moitas veces por xuntar a Xesús Cristo Rei coa idea de poder e señorío, pasámoslle despois as formas de señorío a todas aquelas persoas que dicimos que o representan entre nós: Papá, Cardeais, Bispos, e mesmo curas. Iso fixo que nos arredásemos moito da maneira de ser de Xesús, que dunha forma provocativa lles dicía aos seus discípulos e discípulas na última cea: “Quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve” (Lc 22, 27). Outra cousa é o cariño, o afecto, a consideración coas persoas que nos axudan a ser comunidade cristiá con gozo e verdade. A Eucaristía que celebramos recórdanos esta disposición de Xesús. O pan que comemos, o viño que bebemos na Misa é a comuñón co que anda entre nós coma quen serve. El cóllenos da man para que con el andemos da mesma maneira no medio da comunidade, no medio da sociedade.
Preces
XESÚS CRISTO, MEU MESTRE, MEU REI!
Que saibamos acollerte, amarte, servirte, sobre todo servirte na carne máis rota e necesitada de quen padece por calquera razón. Oremos.
Que gocemos cada día coa túa presenza, coa túa compaña, co teu alento. Oremos.
Que nos deixemos modelar por ti, para ser tamén nós, coma ti, fillos/as de Deus, irmáns/ás solidarias, con verdade. Oremos.
Que nos impliquemos contigo no cambio da comunidade, do mundo, para facelo un reflexo mellor do que Deus soñou para todos e todas. Oremos.
Que ao remate de cada xornada saibamos acougar en ti; que no momento da nosa morte te vivamos coma fonte de promesas e bendicións. Oremos.
Oración
“Hoxe estarás comigo no Paraíso”.Co ladrón axustizado contigoacollo Xesús a túa promesa:“hoxe estarás comigo no Paraíso”.E esténdoa no teu nomea tantas persoas marxinais,inocentes de todo ou non,ás que ti acompañas na vida e máis na morte.Estarán contigo no Paraísoos africanos/as afogadas nas cunetas do mar,ante as que todos nos lavamos as mansporque acollelos sería imprudencia e delito.Estarán contigo no Paraísoas mulleres asasinadas en vida e mortepor unha cultura machista,lume ao que todos arrimamos a nos estela.Estarán contigo no Paraísotodos os nenos e nenasmortas polo natural ou indebidamente,que non puideron rir a gargalladascoa luz e a frescura da vida.Estarán contigo no Paraísotodos os homes e mulleres que morrenco corpo vulnerado e a alma rota,cos soños esgotados ou mesmo sen estrear,esperando, ou sen esperar, un bico e unha aperta.Estaremos contigo no Paraíso,todos, todascantas queiramos –e quen non?—abrirnos ao perdón que liberae ao amor que unifica o mundo e quen o habita.“Hoxe estarás comigo no Paraíso”.
Acción
A Xesús, morto inxustamente na cruz, témolo por un vencedor. Nel a solidariedade máis completa trunfou sobre todo abuso. Na nosa propia vida, na vida de persoas que nos rodean, ¿atopamos exemplos deste tipo de vitorias, que aparentemente son derrotas?
21 de novembro: Luns da 34ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dn 1, 1-6. 8-20. Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56
Ano 2: 1ª lectura: Ap 14, 1-3. 4b-5. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
Evanxeo: Lc 21, 1-4
Nunha ocasión Xesús ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do tesouro. E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha pouca cousa. Entón dixo:
—Asegúrovos unha cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos. Porque todos estes botaron do que lles sobra, pera ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir.
Meditación
Este evanxeo, tan curto el tamén en palabras, quere ser en si mesmo como un símbolo da importancia, do valor de todo o curto, de todo o pequeno nas nosas vidas, cando o sabemos encher de corazón, de vida. En realidade a vida está toda ela composta de pequenísimas achegas que, sumadas unhas ás outras, fan posible moitas grandes cousas. A moeda insignificante da viúva desvalida e pobre podémola converter nunha palabra amable de ánimo, ou nunha breve conversa coa que envolvemos en tenrura a unha persoa algo desalentada, ou nunha visita a unha persoa enferma, ou no acompañamento a aquel par de velliñas que envellecen soas na aldea, ou no sinxelo servizo de voluntariado en tal institucións benéfica, ou en apoiar coa miña firma, coa miña presenza a unha asociación veciñal, a un partido político que considero que está do lado tamén da xente máis pequena etc. Estas cousas, na medida en que lles damos entrada nas nosas vidas e as enchemos de afecto gratuíto, son a máis grande revolución da vida, o que permite que a esperanza se multiplique ao noso redor cada día.
Oración
Grazas, meu Deus,por todas as cousas pequenasque a xente máis pequena é capaz de facer,buscando vida para a familia,para a comunidade, para o pobo.Grazas porque grazas a tiaprendemos a valorar o pequenoe a facer do pequenoa forza que move o mundo.Grazas polo gran pequenoque foi Xesús,que tanto nos abriu os ollospara descubrirmos no pequenoo camiño que levaá maior verdade,á maior paz,á maior revolución.Grazas, meu Deus!
Acción
Podémonos esforzar hoxe por estar atentas ás pequenas cousas coas que facer máis agradable a vida á xente que nos rodea. Fixámonos nas cousas que nos fan a nós e tamén nas que nós facemos ou podemos facer a outras persoas.
22 de novembro: Martes da 34ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dn 2, 31-45. Salmo: Dn 3, 57. 58. 59. 60. 61
Ano 2: 1ª lectura: Ap 14, 14-19. Salmo: 95, 10. 11-12. 13.
Evanxeo: Lc 21, 5-11
Nunha ocasión comentaban algunhas persoas a fermosa cantería con que estaba construído o templo e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
—Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.
Eles preguntáronlle:
—Mestre, ¿cando van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder?
El díxolles:
—Andade con coidado, para que ninguén vos engane. Porque ha vir moita xente no meu nome, dicindo: “son eu” e tamén “está a chegar o momento”, pero non sigades a esas persoas. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes, porque iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
Entón díxolles:
—Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares, cousas espantosas e grandes sinais no ceo.
Meditación
A historia, a vida, o bo sentido cristián foinos apartando desa especie de obsesión pola fin do mundo na que viviron moitas xeracións de persoas crentes e non crentes. Preocúpanos o mundo, o seu presente e a súa posible fin, porque entendemos que nós mesmos, e non a suposta ira de Deus, o podemos destruír cos nosos comportamentos egoístas, irresponsables. Polo demais, todos vemos cómo cousas, edificios, institucións, que noutros tempos tiveron moito brillo, están agora desaparecendo, empezando por moitos mosteiros, institutos relixiosos, obras de relixión. Estamos vendo tamén como, para moita xente polo menos, para moitos países, están pasando cousas espantosas, que lles afogan a vida. O que permanece e permanecerá, o que ten solidez indestrutible, máis aló de calquera desgraza ou acontecemento negativo, o que lle dará sentido e futuro a calquera situación, por moura e fatal que sexa, é o amor, a solidariedade, a decisión compartida de andarmos con afán unhas persoas velando polo ben das outras, polo ben de todo o mundo. Isto non pasará. Isto é Deus.
Oración
Que bo que nos aprendas, meu Deus,a temer,pero non a ti,que es todo solicitude servidora!Que bo que nos aprendas, meu Deus,a coidarnos,pero non de ti,que tes oficio de coidador universal!Que bo que nos aprendas, meu Deus,a velar por nós,a coidarnos a nós,para que nunca o afán de riquezanos peche no egoísmo sen solidariedade,para que nunca a ansia de dominionos leve a desfacer o mundo,esta casa común que nos deches!Que bo que esteas ao noso lado, meu Deus,educándonos para a vida grande e feliz!Aquí estou meu, Deus,quero aprender de ti.
Acción
Unha maneira de coidar a vida, de coidar o mundo, é saber como van as cousas do mundo. Podiamos hoxe dedicar algún tempo a saber do mundo, das situacións dolorosa dalgúns pobos, dalgunha xente emigrante ou refuxiada que ande preto de nós. Coñecer de cerca axudaranos a ser xente máis solidaria.
23 de novembro: Mércores da 34ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dn 5, 1-6. 13-14. 16-17. 23-28. Salmo: 3, 62. 63. 64. 65. 66. 67
Ano 2: 1ª lectura: Ap 15, 1-4. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 7-8. 9
Evanxeo: Lc 21, 12-19
Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Botaranse sobre vós e perseguiranvos; levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, pois eu heivos dar unhas palabras e unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios. Hanvos entregar os vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós e aborreceravos todo o mundo por causa miña, pero nin un pelo da vosa cabeza se perderá. Coa vosa perseveranza salvaredes as vosas vidas.
Meditación
Non era doado soster a fe, a esperanza daqueles homes e mulleres cristiás que empezaban a ser perseguidas e matadas por seren seguidoras de Xesús. Por iso o evanxelista recolle e reforza as palabras de Xesús para dar ánimos. Nós, aquí en Galicia, non vivimos hoxe nesa situación extrema. Si que a viven moitos cristiáns en Oriente Medio, por exemplo, onde están sendo literalmente aniquilados. Acabo de ler un testemuño estarrecedor dun sacerdote sirio narrando a triste sorte de moitas persoas cristiás, de moitas comunidades cristiás que están sendo esquilmadas criminalmente. E os seus cregos con eles. E todo por seguir a Xesús, pola súa causa, por dar coa vida testemuño de Xesús! Quen nos vería a nós nunha situación así! ¿Que importancia ten para a vida cristiá que nós levamos dar testemuño de Xesús, coa palabra, cos feitos? ¿Qué estamos dispostos a loitar, a sufrir, pola causa de Xesús, que en teoría dicimos que é tamén a nosa causa? Que frouxos e vendidos estamos sendo!
Oración
Perdón, meu Deus,por ter renunciado tantas veces a dar testemuño de ti.Perdón por velar coidadosamentede non pasar por ningún conflitopola mor túa,pola mor do teu nome, da túa causa.Perdón polos nosos medos,pola nosa covardía,por carecer de palabra e sabedoríacoa que facer valer ante o mundoa nosa condición de seguidores/as túas.Perdón por non nos fiar de ti,e das túas seguridades.Perdón pola nosa cativa perseveranza,que non garante nada bonin para a gloria do teu nomenin para a consistencia das nosas vidas.Que o teu perdón nos refaga, meu Deus,que o teu perdón nos renove!
Acción
É moi posible que nalgunha ocasión, ante algunhas persoas, teñamos agachado a nosa condición de persoas que sentimos agarimo e admiración por Xesús e polo seu estilo de vida. Facémonos conscientes diso e miramos de non ser tan covardes cando se nos volva dar o caso.
24 de novembro: Xoves da 34ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dn 6, 12-28. Salmo: Dn 3, 68. 69. 70. 71. 72. 73. 74
Ano 2: 1ª lectura: Ap 18, 1-2. 21-23; 19, 1-3. 9a. salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Evanxeo: Lc 21, 20-28
Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Cando vexades a Xerusalén asediada polos exércitos, sabede que está a chegar a súa destrución. Entón as persoas que estean en Xudea, que fuxan para os montes; as que estean en Xerusalén, que se afasten, e as que estean no campo, que non entren nela; porque estes son días de escarmento, nos que se cumprirá canto está escrito. Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! Porque haberá unha grande calamidade no país e un terrible xuízo para este pobo. Caerán baixo a espada, levaranos presos a todos os países do mundo e os pagáns esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que aos pagáns lles chegue o seu momento.
Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas, e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; a xente morrerá chea de medo e de desacougo polo que vén enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria. Cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.
Meditación
As comunidades cristiás, que coñeceron a destrución de Xerusalén por parte do exército do imperio romano, fixeron deste feito unha lectura tremenda: foi o castigo, o escarmento que Deus lles deu por non ter acollido a Xesús. E parece que invitan a que sigamos facendo esa lectura tremenda das desgrazas e desventuras que nos poden pasar no mundo. Pero Deus non é un Deus de castigos e escarmentos. Deus é sempre un Deus de perdón, de acompañamento, de alentos para axudarnos a encarar os males que nos poden chegar; Deus é un Deus preventivo tamén, un Deus que, coma calquera nai ou pai bo, e moito máis aínda, nos advirte de que hai camiños de abuso, de egoísmo, de soberbia, de andar ao vaiche boa, de abandono moral, que nunca levan a nada bo. Pero máis aló de todo iso, el sempre estará acollendo, ofrecendo o que sabe ofrecer: vida, liberación.
Oración
Non sei, meu Deus, non sei,pero eu imaxinaríate triste por como vai o mundo.Andamos rotos,pobos do norte e pobos do suruns a cabalo dos outros,e entremediasregueiros de bágoas e de sangue.Non é para aledarse, verdade?Un pano de tristura nos envolve,por moito que multipliquemos xantares e romarías.Un aquel de desesperanza nos nubra o corazón,a pesar de tanta palabra pomposa.Que mal o estamos facendo, meu Deus,que mal o estamos facendo!E ti, incansable no teu:poñédevos de pé,erguede ben a cabeza,chega o día da gran liberación!
Acción
¿Cómo entendemos normalmente as desgrazas que nos poden pasar a nós ou a calquera persoa ou pobo? ¿Cómo as poderiamos entender á luz de Xesús, do Deus de Xesús?
25 de novembro: Venres da 34ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dn 7, 2-14. Salmo: Dn 3, 75. 76. 77. 78. 79. 80. 81
Ano 2: 1ª lectura: Ap 20, 1-4. 11—21,2. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a
Evanxeo: Lc 21, 29-33
Unha vez propúxolles Xesús esta parábola aos seus discípulos:
—Reparade na figueira e nas demais árbores; cando as vedes agromar, sabedes por vós mesmos que está vindo o verán. Pois vós igual; cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que xa está preto o reino de Deus. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes aconteza todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
Meditación
Pídenos Xesús que nós mesmos esteamos atentos para valorar o que vai pasando nas nosas vidas, nos nosos días. Soamente así poderemos dicir con criterio: mirade por onde asoma o reino de Deus. É dicir: mirade as cousas que o ocultan e as que o fan presente no medio da barafunda que sempre é o mundo no que nos movemos. O reino de Deus, aquilo que a Deus lle reina, sempre anda envolto en sinxeleza, non busca altofalantes, móvese áxil entre o respecto ao vulnerable, é gratuíto, gózase no comunitario, é fondamente alegre. Certamente entre nós está acontecendo xa o reino de Deus.
Oración
As miñas palabras non pasarán.Prométovolo.O mundo está enchoupado das bendicións de Deus,por riba, por baixo, polo medio do rebumbioque ameaza revolvelo todo,engulilo todo.Abride os oídos, a mente, o corazón;estade atentos/as, reparade.Esa é a vosa tarefa:detectar, vivir e compartircanto no seu seo leva gravado a Espíritoos trazos invisibles de Deus..
Acción
Hoxe, ao longo do día, podemos estar atentos ao que imos vendo e vivindo, para poder descubrir detalles da vida nos que o reino de Deus se está amosando xa no medio de nós. Se o podemos compartir con alguén, mellor.
26 de novembro: Sábado da 34ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dn 7, 15-27. Salmo: Dn 3, 82. 83. 84. 85. 86. 87
Ano 2: 1ª lectura: Ap 22, 1-7. Salmo: 94, 1-2. 3-5. 6-7
Evanxeo: Lc 21, 34-36
Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Andade con coidado, non sexa que se vos atorde o corazón coa bebida, os vicios e as preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os habitantes da terra. Vós vixiade sempre e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir e mantervos en pé diante do Fillo do Home.
Meditación
Este texto, coma outros que estivemos lendo estes días pasados, é para contemplar á sombra dese convencemento fondo que sempre nos debe acompañar: Deus non é para meter medo, o evanxeo de Xesús non é nunca unha escola de xente medrosa. Ao contrario, Deus, o evanxeo de Xesús son sempre para axudarnos a quitar de enriba de nós os medos que paralizan; son para espelirnos cara á vida, cara á audacia, cara á esperanza. Si, é certo, unha vida atoleirada sexa coa bebida, co xogo, con calquera comportamento dependente non nos trae nada bo; unha preocupación obsesiva polas cousas da vida tamén nos pode bloquear a existencia, e nos pode levar a non gozar do que cada día a vida mesma nos vai dando. Claro que podemos errar na vida; claro que é bo que esteamos alerta para non rebaixar o potencial de vida que levamos dentro de nós por graza de Deus; claro que é bo coidarnos a nós e coidar este mundo. Pero nunca desde o medo, sempre desde a seguridade de que Deus anda sempre ao noso lado como compañeiro que nos coñece ben e que nunca nos vai fallar.
Oración
Creo en ti, meu Deus,confío en ti,espero en ti.Síntote ao meu ladoen todos os momentos da miña existencia,nas duras e nas maduras.Grazas por nunca me fallares,grazas pola túa compaña fiel,grazas polas túas correccións e aloumiños,grazas polo inmenso agarimo que me tés,que nunca, nunca,poderei sopesar abondo.Amo a vida,pero, por iso mesmo, tárdame verte cara a cara.Amo e gozo este precioso mundo que nos deches,esta terra galega que tanto me namora,pero, por iso mesmo,tárdame achegarme a fonte de tanto bene beber nelaata a fartura total.Grazas!
Acción
¿Hai algunha cousa que nos estea obsesionando, que nos estea envolvendo en medos e desesperanzas? Podemos identificala, para poder vivila á luz de Xesús.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.