09 decembro, 2022

Tempo de Advento: 3ª semana



12 de decembro: Domingo 3º de Advento

1ª lectura: Sof 3, 14-18a. Sal Is 12, 2-6.
2ª lectura: Flp 4, 4-7

Evanxeo: Lc 3,10-18

Cando Xoán Bautista percorría todo a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión), a xente preguntáballe:
—¿E logo, que temos que facer?

El respondíalles:
—Quen teña dúas túnicas, que comparta con quen non teña ningunha, e que fago o mesmo quen teña comida.

Foron tamén uns recadadores de impostos a se bautizar, e preguntáronlle:
—Mestre, ¿qué temos que facer?

El contestoulles:
—Non esixades máis do que vos teñen disposto.

Tamén uns soldados lle preguntaron:
—E nós, ¿qué temos que facer?

El contestoulles:
—Non vos aproveitedes de ninguén con denuncias falsas, e contentádevos coas vosas pagas.

Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todo o mundo:
—Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e lume. Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira, recoller na hucha o seu trigo e queimar a palla no lume que nunca amortece.

Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa nova á xente.

Meditación

Xoán Bautista foi un personaxe moi querido polo noso Señor Xesús. Xesús sentiuse chamado por Xoán e acudiu onda el, coma quen acude onda a un mestre. Isto di moito de Xesús e di moito tamén de Xoán. Xesús integrouse no grupo de Xoán, aprendeu moito del, onda el se bautizou, coma el fíxose tamén bautizador de xente como maneira de prepararse para a chegada do Reino. Posteriormente o Espírito levou a Xesús por outro camiño, non oposto ao de Xoán, pero si un camiño no que se acentúan aspectos que Xoán parece que non chegara a descubrir; aspectos que teñen que ver coas entrañas de misericordia de Deus, coa proximidade incondicional mesmo aos pecadores/as, e que teñen que ver tamén cos “métodos” de evanxelización de Xesús: non esperar a que a xente veña, senón saír, andar os camiños á procura do pobo pobre, débil, oprimido, pecador. Os primeiros cristiáns tiveron verdadeiras dificultades para ensamblar a Xesús con Xoán Bautista, por non considerar razoable que Xesús fose aprender onda Xoán coma discípulo. Destas dificultades fanse eco os evanxelistas nalgunhas reflexións que fan comparando a Xesús con Xoán.

O Evanxeo de hoxe sitúanos ante a actividade de Xoán Bautista, actividade da que Xesús tamén foi testemuña. Xoán entendeu a súa misión como un prepararlle os camiños ao Deus que chega, como invitar á xente a que se dispuxese ben para poder recibir con proveito a visita de Deus. Estaría ben que neste tempo de Advento tamén nós lle preguntemos a Xoán, nos preguntemos uns aos outros/as, nos preguntemos a nós mesmos/as qué temos que facer para facilitar a entrada de Deus nas nosas vidas, na vida da nosa comunidades, da nosa sociedade nos tempos de hoxe. Se preguntamos con humildade e con dispoñibilidade, seguro que atoparemos cousas de proveito para facer. Por se acaso, non está de máis reparar nas contestacións de Xoán Bautista.

O Evanxeo fálanos de “xente” que lle pregunta, pero tamén fala dun recadador (os recadadores eran considerados coma ladróns manifestos), e duns militares. É dicir, teñamos o oficio que teñamos, podemos contribuír a que o de Deus entre nas nosas vidas. Nós estamos metidos nunha crise moi fonda, pero esteamos como esteamos, seguro que podemos facer cousas que sirvan para que a liberación de Deus nos chegue a todos nós. As respostas de Xoán valían para o seu tempo, parece, e valen, e moito, tamén para o noso: non acumular, compartir; non abusar do cargo para encher os petos, ser serios e honestos no desempeño da función pública que se teña; non aproveitar a situación de poder para abusar da xente, para esquilmala, para oprimila. Cousas estas que, por desgraza, tamén se dan entre nós. Pero seguro que atoparemos máis maneiras aínda de abrirlle camiños a Deus.

Fose cal fose a idea que Xoán tiña de Xesús, parece que Xoán tiña moi clara a súa función de servidor da presenza de Deus; non se buscaba a si mesmo, o seu era abrir camiños, facilitar entradas, encontros, axudar a que a xente experimentase por si mesma a presenza e a forza do mesmo Deus. Isto foi precisamente o servizo que fixo co mesmo Xesús. E iso é o que quere facer con nosoutros/as hoxe. Parece esta unha boa actitude para unha evanxelización creadora de adultos/as na fe, cousa que tanto nos fai falla.

Con Xoán e/ou co evanxelista Lucas, podemos reparar no que pensan, no que cren do Deus de Xesús e do Xesús de Deus: é forte, “o que é máis forte ca min”; bautiza con Espírito Santo e lume, é dicir, ten capacidade de chegar ao fondo das persoas, de subvertelas, de revolucionalas, de pacificalas, de acendelas, de apaixonalas; trae na man os instrumentos de aclaración, para axudarnos a poñer a un lado e ao outro o que nos constrúe como persoas, como comunidades, como sociedade, e o que non.

Nunha sociedade en crise, nunha Igrexa tamén en crise, é urxente achegarnos coma discípulos/as con Xesús onda Xoán, con Xoán onda Xesús, para que a súa forza subversiva nos colla e nos faga capaces do novo para nós mesmos, para a nosa sociedade que tanto está precisando de verdadeiros revulsivos.

Oración
Eu, Señor, coma Xoán Bautista,
moito máis ca Xoán Bautista,
son pouca cousa,
indigno/a de che desatar o calzado.

Pero coma el suspiro
polo lume do teu Espírito,
que me aclare o corazón,
que me renove as forzas,
que me aviveza para a solidariedade.

Que suscite en min
formas lúcidas e audaces
de vivir a crise na que estamos,
liberándome para compartir,
alentándome para sentir a todos coma irmáns,
sen ningún tipo de abuso nin dominación.

Eu, Señor, coma Xoán Bautista,
espero e ansío a túa presenza,
que abra tempos novos na miña vida,
que me faga colaborador do novo
ao pé da xente máis humilde e soñadora.

Que o teu mesmo Espírito
fortaleza as miñas debilidades,
e me axude a chegar
alí onde eu só me asomo nos meus soños.

Amén.
Acción

Podemos dedicar algún tempo a contestar esa pregunta: ¿qué podo facer eu para facilitar a presenza de Deus na miña vida e na familia e sociedade da que formo parte? ¿En algo son inxusto coa xente, aprovéitome dela? ¿En algo son persoa corrupta? Seguro que saíran cousas ben concretas e ben interesantes.


13 de decembro: Luns 3ª semana de Advento

1ª lectura: Núm 24, 2-7. 15-17a
Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

Evanxeo: Mt 21, 23-27

Nunha ocasión entrou Xesús no templo e, mentres ensinaba, acercáronselle os sumos sacerdotes e máis os senadores do pobo para lle preguntar:
—¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?

Xesús respondeulles:
—Vouvos facer tamén eu a vós unha pregunta; e, se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas: o bautismo de Xoán ¿de onde era? ¿Era cousa de Deus ou dos homes?

Eles razoaban entre si dicindo:
—Se respondemos que de Deus, preguntaranos: ¿entón por que non crestes nel? Pero se respondemos que dos homes, temémoslle ao pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta.

E contestáronlle a Xesús:
—Non sabemos.

Xesús replicou:
—Pois tampouco non vos vou dicir eu con que autoridade fago estas cousas.

Meditación

No Advento cobizamos, lembramos, preparamos, a chegada de Xesús, o seu nacemento, a súa presenza viva entre nós. Coñecemos datos, cousas, efectos da súa chegada histórica hai máis de dous mil anos. Pero temos tamén a conciencia de que o Xesús total, o seu espírito, a súa fondura humana e espiritual, divina, está sempre por chegar ás nosas vidas dunha maneira completa. Somos crentes, ou non crentes, en espera, en busca, en preparación, en disposición cara a iso. Nesa busca o talante dos sumos sacerdotes e máis dos senadores do pobo non nos pode valer. Estaban moi montados no seu, e ante a pregunta de Xesús, que os podía iluminar, calan, escóndense, por medo a ter que recoñecer errores e trampas propias. Así non hai quen descubra a transcendencia de Xesús para as nosas vidas. ¿Canto diso podemos ter tamén nós? ¿Cantas veces evitamos escoitar voces alleas ou a mesma voz do noso interior, porque esas voces nos invitarían a facer cambios nas nosas vidas?

Oración
Quero ser honesto contigo, Xesús.
Honesto contigo,
honesto con toda a xente que me rodee,
honesto comigo mesmo.
Quero escoitar limpamente a túa voz,
que resoa, pode resoar,
en múltiples voces do meu entorno,
que resoa no meu propio corazón.
Quero buscarte con verdade,
sen me facer trampas a min mesmo.
Disposto a todo.
Que a túa luz inunde de luz a miña vida.
Acción

¿Moi posiblemente máis dunha vez nos temos visto envoltos/as en situacións algo similares ás que conta o evanxeo de hoxe. Algunha persoa ou circunstancia que nos ilumina, e nós que tapamos os ollos para non ver, polo que nos supón. Retomamos algunha situación desas e sacamos conclusións.


14 de decembro: martes 3ª semana de Advento

1ª lectura: Sof 3, 1-2. 9-13
Salmo: 33, 2-3. 6-7. 17-18. 19 e 23

Evanxeo: Mt 21, 28-32

Nunha ocasión díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—¿Qué vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro e díxolle: “Meu fillo, vai traballar hoxe na viña”. El respondeu. “Non quero”; pero despois, arrepentido, foi. Foi onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: “Vou, señor; pero non foi. ¿Quen dos dous fixo a vontade do pai?

Respondéronlle:
—O primeiro.

Entón díxolles Xesús:
—Asegúrovos que os recadadores e máis as prostitutas entrarán no reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza e non lle fixestes caso; en cambio os recadadores e máis as prostitutas si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.

Meditación

Esta pequeniña parábola contada por Xesús vai hoxe dirixida a nós, que estamos preparándonos para rememorar o nacemento de Xesús e dalgunha maneira actualizar a súa presenza entre nós, e así deixarnos coller polo espírito novo que el nos veu ofrecer. Tamén hoxe, coma onte, podemos facer trampa na nosa espera. Dicimos estar dispoñibles, pero logo desentendémonos.

Seguen sendo un reto, tamén para nós, as palabras de Xesús: os recadadores (funcionarios de facenda daquela corruptos) e as prostitutas entrarán no reino de Deus, no meu mundo, na miña amizade, antes ca vós, por moito que figuredes como xente moi de Igrexa, incluso con cargos de responsabilidade nela. Podedes caer en autosuficiencia, en falsas seguridades, que vos pechen o acceso ao recoñecemento da vosa fraxilidade, e que vos leven a considerar innecesaria a presenza, a compaña de Deus, de Xesús. E iso por moito que digades, recedes, cantedes como que desexades a súa chegada.

Oración
¡Canta incoherencia nas nosas vidas, Xesús!
¡Canto moito dicir: si, si, vou, vou,
nas horas plácidas da pregaria,
pero logo, na hora da vida,
dámosche as costas
para dicir cos feitos que non!
E non imos,
e non movemos un dedo o propio corazón,
e non deixamos de mirar o irmán fráxil
cos mesmos ollos indiferentes,
e non suamos nada a camiseta
na tarefa da vida, na tarefa de Deus.
E así non hai Nadal posible.
¡Que mágoa!, ¿verdade?
¡Que acollamos hoxe a túa palabra de corrección!
Acción

Seguro que hai algunha cousa moi concreta, que ten que ver coa nosa maduración cristiá, persoal ou social, que estamos deixando de encarar. Deamos un paso adiante, para que o Nadal poida ser Nadal para nós.


15 de decembro: mércores 3ª semana de Advento

1ª lectura: Is 45, 6b-8. 18. 21b-25
Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

Evanxeo: Lc 7, 19-23.

Nunha ocasión chamou Xoán a dous dos seus discípulos e mandounos onda o Señor a lle preguntar:
—¿Es ti o que ten que vir ou esperaremos por outro?

Presentáronse, logo, onda el os dous homes e dixeron:
—Xoán Bautista mándanos a ti, para preguntarche: ¿Es ti quen ten que vir ou esperaremos por outro?

Naquela mesma hora curou a moitos de doenzas, padecementos e malos espíritos, e devolveulles a vista a moitos cegos. E logo deulles a resposta:
—Ide e contádelle a Xoán o que acabades de ver e oír: os cegos ven, os coxos andan, os gafos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. E ditoso quen non se escandalice de min.

Meditación

O ser de Xesús, a súa identidade máis limpa e fonda, a súa condición de movido e enviado por Deus, maniféstase na súa práctica solidaria, no seu amor concreto a persoas concretas que padecían males moi concretos tamén. Hai quen o pode entender e agradecerlle a Deus que as cousas sexan así; hai tamén quen por iso mesmo se pode sentir escandalizado, porque esperarían de Deus non sei qué cousas e historias sublimes. Pero Deus é así. Xesús é así.

Isto pódenos axudar a abrir os ollos e o corazón, para que poidamos preparar e celebrar con acerto o encontro con Xesús polo Nadal. Coñecemos cales son os camiños, as prácticas polas que el se manifesta; sabemos tamén os lugares, as prácticas onde de verdade nos poderemos atopar con el. E, se nós somos desas persoas malferidas da vida, daquela ditosas nós, porque a nosa propia vida converterase nun espazo directo de encontro con Xesús e coa súa acción humanitaria, divina. Nós seremos o berce do Nadal.

Oración
Ai, Señor, Señor,
que me deixe levar por ti!
Que me deixe sorprender
e conmover
polas túas prácticas solidarias!
Que sexa aí,
no silencio dos coidados,
onde te descubra,
te acolla,
te sirva!
E así,
vulnerable eu coa xente vulnerable,
poida celebrar con gozo o teu Nadal.
Acción

Se podemos, acheguémonos a algunha persoa, a algunha situación social marcada pola fraxilidade. Acheguémonos no nome de Xesús, no propio nome das persoas concretas que así viven. E vaiamos practicando xa o Nadal.


16 de decembro: xoves da 3ª semana de Advento

1ª lectura:Is 54, 1-10
Salmo: 29, 2 e 4. 5-6. 11-12a e 13b

Evanxeo: Lc 7, 24-30

Nunha ocasión, ao que se foron os mensaxeiros de Xoán, comezou Xesús a falarlle de Xoán á xente:
—¿Qué fostes ver no deserto? ¿Unha canivela abaneada polo vento? ¿Ou que fostes ver, logo? ¿Un home vestido con roupas finas? Pero os que visten elegantemente e con luxo están nos pazos reais. Pois logo, ¿Qué fostes ver? ¿Un profeta? Si, e asegúrovos que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:

“Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o camiño ante ti.”

E dígovos: aínda non naceu de muller ninguén meirande do que Xoán Bautista, aínda que o máis pequeno no reino de Deus é meirande ca el.

A xente toda escoitábao e mesmo os recadadores de impostos recoñecían a graza de Deus, facéndose bautizar co bautismo de Xoán. En troques os fariseos e máis os xuristas frustraron o plan de Deus ao refugaren o seu bautismo.

Meditación

A figura de Xoán foi sempre moi significativa para o mesmo Xesús. Como a moitos máis compatriotas seus, atraeulle moito a personalidade de Xoán Bautista, o seu xeito de vida pobre, humilde, pero por iso mesmo cheo dunha enorme enerxía para vivir e anunciar a verdade de Deus fronte ás trampas, sobre todo as trampas dos xerarcas relixiosos do seu tempo. Era un verdadeiro profeta. Xesús uniuse ao seu movemento durante un tempo; cabo del tivo unha intensa experiencia relixiosa, descubríndose fondamente querido por Deus coma fillo.

Xoán foi un home realmente excepcional, que, emporiso, quedou ás portas da grande novidade relixiosa de Xesús. O Deus do severo xuízo de Xoán quedou superado polo Deus de excesiva misericordia de Xesús. Pero o honestísimo Xoán deu con moita seriedade os pasos que soubo e puido dar para que a experiencia relixiosa non fose unha vaidade, unha trangallada, e valese para preparar camiños, para abrir portas ao que había de chegar, máis coma regalo de Deus ca coma cousa gañada polo cumprimento humano.

Oración
Bendito, ti, Xoán Bautista!
Na túa vida austera e coherente.
Nas túas palabras sempre acompañadas
por unha vida que lles daba consistencia.
No teu silencio e soidade do deserto,
que che permitiron albiscar
a chegada inminente do novo de Deus.
Na túa palabra clara e contundente
coa que combatías as trampulladas relixiosas dos teus contemporáneos.
No teu corazón sempre aberto e en busca,
que che permitiron poder descubrir en Xesús
a rostro de Deus que te desbordaba.
Bendito, ti, Xoán Bautista,
mestre do Advento,
guieiro imprescindible ata as portas do Nadal.
Acción

A figura de Xoán Bautista invítanos a que revisemos que hai no noso camiñar cristián de vaidoso, de aparencia fofa, de frouxidade estéril, de falta de nervio, de palabras incoherentes, de espera apagada, desilusionada, morta. O seu ton vital desapegado, firme e recio amósanos o carreiro que leva ao Nadal.


17 de decembro: venres 3ª semana de Advento

1ª lectura: Xén 49, 2. 8-10
Salmo: 71, 2. 3-4ab. 7-8. 17

Evanxeo: Mt 1, 1-17

Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac. Isaac xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xudá e máis os seus irmáns. Xudá, de Tamar, xerou a Peres e máis a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou o rei David.

David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. Ozías xerou a Iotán. Iotán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e máis os seus irmáns, en tempos da deportación a Babilonia.

Despois da deportación a Babilonia, Ieconías, xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazas xerou a Matán. Matán xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.

Foron, logo, catorce as xeracións dende Abraham ata David, catorce tamén dende David ata a deportación de Babilonia, e catorce dende a deportación de Babilonia ata Cristo.

Meditación

Con esta cadea humana, certamente artificial, o evanxelista Mateo fálanos de Xesús como formando parte de dúas realidades: é humano, totalmente humano, tras del hai toda unha cadea ascendente que se remonta ao principio dos tempos; tal como nos pasa a calquera de nós. E ademais forma parte dunha longa tradición relixiosa, que paso a paso, con moitas fidelidades e infidelidades polo medio, foi avanzando e se fixo manifesta e lúcida no mesmo Xesús; tal como nos pasa tamén a calquera de nós, aínda que en nós, a lucidez non sexa tanta, e deixemos en escuridade o que para Xesús foi luz e transparencia plena. No material e no espiritual, na totalidade do noso ser, somos o froito de moita busca, de moito sacrificio, de moito gozo, de moito amor, que tanta xente, empezando polos nosos pais, nais, avós, avoas, foron poñendo ao noso servizo. No principio e no final deste recorrido histórico está Deus. Por iso o normal é que sexamos persoas moi, moi humildes, e moi, moi agradecidas.

Oración
Grazas, meu Deus,
por seres a fonte disto marabilloso
que somos;
por ser a forza que nos lanza
e o colo que nos acolle.
Grazas por todos os homes e mulleres,
que deron sangue e vida por nós.
Grazas por Xesús,
o máis humilde, o máis excelente.
Sempre así, meu Deus,
absolutamente humilde,
absolutamente agradecida.
Acción

Podemos repasar no que poidamos a lista dos nosos ascendentes, homes e mulleres que nos permitiron ser o que somos. Ver as súas fotos, recordar os seus feitos, adiviñar os seus soños e amores, dos que nós somos herdeiros/as. Agradecer as súas vidas.


18 de decembro: sábado da 3ª semana de Advento

1ª lectura: Xer 23, 5-8
Salmo: 71, 1-2. 12-13. 18-19

Evanxeo: Mt 1,18-24

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.

Todos isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
Mirade, a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Emmanuel
(que quere dicir "Deus connosco").
Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor e levou consigo a súa prometida.

Meditación

Os primeiros homes e mulleres cristiás quedaron moi impresionadas pola figura de Xesús, pola súa palabra, pola súa vida totalmente fiel a Deus, totalmente entregada en servizo á xente, e preguntáronse como sería posible que un home así dese aparecido entre nós, que normalmente somos tan fráxiles, tan inconsistentes, tan atentos ao noso e punto. E chegaron á acertada conclusión de que Xesús non podía ser froito máis ca do Espírito Santo de Deus, que obra a través da normalidade humilde da vida: María, Xosé, os soños...

Este evanxeo ademais pode animarnos a non desesperar ante situacións complicadas que poidamos ter na vida. Invítanos a non acelerarnos, a escoitar o noso corazón, a acoller a palabra doutras persoas amigas que poden facer para nós como de anxos de Deus, a confiar en Deus, e por onde menos se espera xurdirá a luz. Porque é certo que Deus é sempre un Deus con nosoutros.

Oración
Grazas, meu Deus,
por teres acompañado a Xosé, a María,
e a tantos homes e mulleres ao longo da historia.
Grazas por seres un "Deus connosco",
alguén sempre achegado a nós,
sempre preocupado por nós,
sempre disposto a acompañarnos,
a abrir camiños,
a anunciar auroras,
a abrir esperanzas.
Grazas, meu Deus, grazas.
Acción

Se tes algunha dúbida sobre que facer ou non facer acerca de algo de certa importancia, non deixes de compartilo con alguén que che ofreza confianza. A luz de Deus chéganos con frecuencia a través de persoas que nos acompañan na vida.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.