15 decembro, 2022

Tempo de Advento: 4ª semana

 



18 de decembro: Domingo 4º de Advento

1ª lectura: Is 7,10-14. Salmo:23, 1-2. 3-4ab. 5-6
2ª lectura: Rom1, 1-7

Evanxeo: Mt 1,18-24

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé, e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo.

Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.

Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
—Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo, e poñeranlle de nome Emmanuel, que quere dicir “Deus connosco”.

Acordou Xosé do seu soño e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo a sú8a prometida.

Meditación

Pasou hai poucos días. Estabamos facendo oración ao remate dun encontro do Movemento Rural Cristián de Galicia. Leramos o mesmo evanxeo deste domingo. De repente dúas persoas, labregas ambas, sinxelas ambas, unha tras doutra, dixeron con sentimento e firmeza que elas non crían que as cousas fosen así, que Xesús nacese desa maneira. Unha destas persoas incluso chegou a dicir: se Deus baixou para facer cousas coma esa do nacemento de Xesús, por qué no baixa tamén para frear moitas maldades e calamidades que hai polo mundo? Segundo fai un milagre, por qué non fai o outro? Aínda que non se diga ás claras, por medo, por vergonza, por non protestarlle ao cura, ou porque, ao fin e ao cabo, é algo que nos pode traer sen coidado na vida, hai moita, moita xente cristiá, católica, que ten este mesmo pensamento, e, canto ten ocasión ao xeito, dío.

Claro que tamén houbo quen dixo que ao redor de Deus hai cousas de moito misterio, e, se un non cre en Deus, vaille ser moi difícil aceptar moitas cousas que se din del. (As dúas persoas que falaran antes dicían crer en Deus) E aínda unha participante manifestou o moito que lle gustaran as palabras do evanxeo que din: “Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María como muller, pois o que ela concibiu é obra do Espírito Santo”, xa que nesas palabras vía unha invitación á confianza nas cousas, nas maneiras de Deus, e tamén unha invitación a ser aberto, a non ser cativeiro, de corazón e de mente pequena, senón amplo, espléndido e xeneroso como Deus é.

Outra persoa falou que estaba de acordo con quen dicía que se Deus se mete a furgar na concepción dun neno, aínda que sexa Xesús, por que non se preocupa de tanta desgraza como hai polo mundo. Esta persoa recordou unhas palabras que lle oíra a unha muller moi entendida en cousas da Biblia, Dolores Aleixandre, que se queixaba de que uns e outros na Igrexa, tanto conservadores coma progresistas –por dicilo dalgunha maneiras—, debiamos deixar en paz a María e a Xosé coa súa intimidade, coa súa vida de parella, coa súa sexualidade; e reparar en que o importante deste relato non é ver ata onde chegaron ou non chegaron as relacións de María con Xosé, senón invitarnos á admiración por unha persoa tan feita, tan redonda, tan humana, tan forte, tan valente, tan misericordiosa, tan doída da xente débil, tan salvadora, como foi Xesús de Nazaré. Foi, e él, algo tan marabilloso, que non hai poder humano que o poida facer tal. Xesús é cousa do Espírito de Deus, regalo de Deus a todos os homes e mulleres do mundo, para curación de todas as persoas que o queiran acoller, que lle queiran abrir a casa, o corazón, a vida.

A isto se sumou outra participante dicindo que esas cousas da concepción de Xesús non lle preocupaban nada, que o seus sentimentos estaban máis ben colocados naquel neno pobre, espido, que participaba nas dificultades e mesmo miserias de tanta xente como hai así no mundo; que durante a súa vida así o seguiu facendo de mil maneiras e que, despois, acabou co seu corpo espido nunha cruz, sendo obxecto de risas e desprezos. Este é o Xesús que nos representa a Deus, que nos fala del. Unha persoa normal en todo, e que desde a normalidade da súa vida tivo a graza de nos abrir e ofrecer o corazón de Deus.

Alguén preguntou polos pecados do mundo, dos que nos viña a librar Xesús. Habíaos no seu tempo e hainos hoxe, por que? Por que non é Xesús ou Deus potente para acabar con tanto mal? Houbo quen lle respondeu que Xesús lle plantou cara ao mal, deixou ao descuberto a quen o realizaba, venceuno en si mesmo, abriu camiños de loita e de resistencia, sementou unha esperanza fonda no mundo, e, despois, a cousa tamén está nas nosas mans: podemos apegarnos ás posibilidades que Xesús nos ofrece ou podemos seguir coa teima de andar en abusos, en maldades, en pisarnos uns aos outros, sen reparar en como e nos vai empezoñando o corazón e a vida, cómo a imos achicando, entristecendo, perdendo.

Como nos pasa a todas as persoas, tamén para que Xesús chegase a este mundo, coa súa forza de vida e de ben, fixeron falla moitas persoas anteriores a el; fixeron falla avós e avoas, pai e nai, e, polo medio de todo iso, o misterio de Deus que co seu Espírito vai creando convencementos e decisións, persoas que van modelando o seu corazón, a súa vida toda, ao xeito de Deus. E Xesús foi unha desas persoas. Excepcional. Única. O Fillo de Deus, aínda que nacera “como un de tantos”, en palabras de San Paulo.

Na Eucaristía poñémonos sempre en contacto coa Palabra de Deus, coa súa forza misteriosa que fai do pan e do viño presenza viva de Xesús, co que podemos vincularnos a fondo, para sermos coma el feitura do Espírito en todo.

Preces

DEUS É DEUS CONNOSCO.
BENDITO SEXA DEUS!

Que o convencemento de que Deus nos acompaña e alenta na vida, nos faga sempre alegres e vigorosas/as. Oremos.

Para que con humildade lle abramos as portas da nosa vida apostando pola tenrura e polo amor solidario en todo momento. Oremos.

Para que nos deixemos traer e levar por Deus en todo, confiando en que levará as nosas vidas por camiños de paz e de ben sempre. Oremos.

Para que con Deus ao noso lado contribuamos a mellorar as nosas comunidades cristiás, a nosa Igrexa, facéndoa cada vez máis fiel ao estilo de vida de Xesús. Oremos.

Que sexamos xente de paz, que traballemos pola paz, que clamemos pola paz sobre todo para os países coma Siria ou República Centroafricana, que viven coa desgraza da guerra sobre os seus habitantes todos. Oremos.

Oración
Meu Deus, meu Deus,
o misterio conmovedor da túa presenza en min,
dentro de min,
intentando configurar a diario a miña vida toda,
ata facerme,
por obra do Espírito Santo,
testemuño vivente de ti
entre a xente, entre o pobo que me rodea!

Meu Deus, meu Deus,
as miñas preguntas,
os meus medos,
as miñas ganas de fuxir,
de arredarme de ti,
da túa presenza,
da túa voz,
da túa chamada,
por evitar verme enredado por ti
nas tarefas miúdas, pero firmes,
do amor concreto,
do servizo concreto!

Meu Deus, meu Deus,
a miña entrega nas túas mans,
sen reparar en nada,
aberto totalmente
ás máis pequenas insinuacións
que poidan saír da túa boca
ou da boca de quen mellor te representa:
as persoas máis débiles!

Meu Deus, meu Deus,
con María e o seu si,
con Xosé e o seu si,
aquí estou,
todo para ti,
todo para a causa da xente máis marxinal,
sen reparar en nada,
superando desconfianzas razoables,
e deixándome ir
coa palabra,
coa vida axeonllada no aire,
por ti en min e na debilidade,
por min en ti e na debilidade!

Meu Deus, meu Deus,
fágase a túa vontade!
Acción

De aquí ao Nadal, durante toda esta semana, podemos ir facendo cada día unha pequena cousa que nos prepare e aproxime algo á celebración do nacemento de Xesús: Unha breve oración diaria, algunha decoración que nos recorde o ese nacemento, a visita a algunha persoa soa, escoitar algunha panxoliña de Nadal, preparar un encontro veciñal, colaborar nalgunha acción solidaria firme, etc.


19 de decembro: Luns da 4ª semana de Advento

1ª lectura: Xuí 13, 2-7. 24-25a
Salmo: 70, 3-4a. 5-6ab. 16-17

Evanxeo: Lc 1, 5-25

Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Sabela. Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos. Non tiñan fillos, por ser Sabela estéril e estaren os dous moi entrados en anos.

E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio cos da súa quenda diante de Deus, tocoulle entrar no Santuario do Señor para ofrecer o incenso de acordo co ritual, mentres a xente do pobo facía oración fóra. Nisto, aparecéuselle de pé un anxo ado Señor á dereita do altar do incenso. Ao velo, Zacarías turbouse todo e encheuse de temor. Mais o anxo díxolle:
—Non teñas medo, Zacarías, que foi escoitada a túa petición, e Sabela, a túa muller, vaiche dar un fillo e vaslle chamar Xoán. Será para ti gozo e alegría e moita xente se alegrará polo seu nacemento. Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. Converterá a moitos fillos e fillas de Israel ao Señor, o seu Deus. Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais e fillos, para ensinarlles aos rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor.

Preguntoulle Zacarías ao anxo:
—E que probas diso me dás a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos?

O anxo respondeu:
—Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus; el envioume para falar contigo e darche esta boa nova. E fíxate ben, vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo.

E, mentres, o pobo agardaba por Zacarías e estaba sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario. Cando por fin saíu, non podía falar, e a xente comprendeu que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles señas, pero non falaba.

Cando rematou o tempo do seu servizo, foi para a súa casa. Días despois concibiu a súa muller Sabela, que durante cinco meses estivo escondida, dicindo para si:
—Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta miña vergonza pública.

Meditación

Se Xesús non podía senón ser cousa do Espírito, algo semellante pasou con Xoán o Bautista; tampouco aquel home xusto, que tanto tivo que ver na madureza humana e espiritual de Xesús, podía ser tal sen que a forza do Espírito andase polo medio. E o evanxeo cóntanolo así, con tanta graza, imaxinación e fondura a un tempo.

Este evanxeo invítanos a implicar toda a nosa vida en todo o que sexa xusto. Invítanos tamén a fiarnos de Deus sen medida, poñendo nas súas mans todas as nosas aflicións e vergonzas. Invítanos a crer que por debaixo da normalidade e do peso diario da vida podemos palpar e vivir unha presenza do Espírito de Deus, dando paz, dando forza, abrindo camiños onde todo parecía estar completamente pecho. Ese Espírito con frecuencia ten nome de persoas moi concretas que nolo fan evidente. Isto é o que fai posible que o Nadal exista.

Oración
Grazas, Pai noso, Nai nosa,
porque nos acompañas coa túa forza
nas horas de angustia e debilidade.
Grazas porque nunca nos deixas da túa man,
por moi mouras que se poñan as cousas.
Nesta hora de incerteza
para a xente que queremos vivir e crer na aldea,
que saibamos acoller o teu Espírito
e colaborar con el.
Acción

Se sabes dalgunha persoa que estea pasando por un mal momento, achégate a ela e, como mellor poidas, dálle o teu apoio e invítaa a confiar tamén no que Deus mesmo lle dá.


20 de decembro: martes da 4ª semana de Advento

1ª lectura: Is 7, 10-14
Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?

O anxo contestoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.

María contestou:
—Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.

Meditación

É algo moi fermoso ver que as grandes cousas de Deus se desenvolven moi especialmente en persoas humildes, en medios humildes. María era unha simple muller de aldea, ignorante en moitísimas cousas, pero sabia en levar a vida adiante, sabia en traballar, en amar o seu mozo Xosé, sabia en atender as fonduras do seu propio corazón e en telo aberto ás sorpresas de Deus.

O que María viviu é o que dalgunha maneira vivimos todos, todas nós. Coma ela somos persoas que gozamos do agarimo total de Deus, porque Deus non sabe querer soamente a anaquiños poucos. Coma ela somos persoas invitadas a deixar que Deus tome carne en nós, que as cousas de Deus enchan as nosas vidas, os nosos pensamentos, as nosas accións. Coma ela contamos coa garantía do Espírito de Deus. Coma ela podemos dicir si ou non á proposta de Deus. Oxalá a saibamos imitar e poidamos dicir desde o fondo da nosa vida: aquí está tamén unha persoa disposta a que estas cousas fondas de Deus tomen corpo na miña vida.

Oración
Recoñezo que che teño algo de medo, meu Deus,
que a miña fe é cativa,
que dubido
á hora de darche entrada no meu corazón,
na miña vida toda.
Que o teu Espírito me aclare e me fortaleza,
para poderche dicir sempre “si”,
coa humilde convicción coa que cho dixo Santa María.
Acción

Observa a túa vida. Deus preséntasenos moitas veces na voz, nas propostas de diferentes persoas ou realidades que nos falan de cousas que saben a Deus: acompañar a alguén, participar en algo comunitario, sumarse a algunha protesta digna, rexeitar unha chamada ao odio, á vinganza, etc. Case sen nos decatar, a diario estamos practicando iso do “si” e do “non” a Deus. Repara en como vives isto no día de hoxe.


21 de decembro: mércores da 4ª semana de Advento

1ª lectura: Sof 3, 14-18a
Salmo: 32, 2-3. 11-12. 20-21

Evanxeo: Lc 1, 39-45

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Meditación

É ben fermosa esa solicitude, esas présas de María por ir compartir coa súa parente Sabela o que estaba acontecendo na súa vida. É ben fermoso ver como tamén a Sabela se lle revolven as entrañas ao entrar en contacto coas cousas do Espírito. E de fondo está todo o que o Espírito é capaz de facer en nós, connosco, cando lle abrimos de par en par as portas do corazón, da vida.

Todas, todos estamos chamados a vivir e compartir cousas semellantes. Por Deus non queda. Polo Espírito non queda. De nós depende acoller ou non a proposta de Deus de deixar que as cousas do Espírito de Deus —todo o que ula a coidados e solidariedades— tomen corpo, collan carne, na nosa existencia diaria. De nós depende gozar ou non compartindo entre nós o que o Espírito vai facendo florecer nas nosas vidas.

Oración
Bendita ti entre as mulleres, María visitadora,
e bendito o froito do teu ventre, Xesús!
Bendita ti, Sabela acolledora,
por saberes captar e espallar os ecos do Espírito!
Bendita a inmensidade de mulleres
que xeraron e pariron vida de mil maneiras!
Benditos todos nós,
invitados a facer que a vida floreza nas nosas mans
para ben, sobre todo, de quen de menos vida goce!
Acción

Visita a alguén que necesite ser visitada. Comparte bens materiais e espirituais que a vida che foi poñendo nas mans. E cantade algo xunt@s.


22 de decembro: Xoves 4ª semana de Advento

1ª lectura: 1 Sam 1, 24-28
Salmo: 1 Sam 2, 1. 4-5. 6-7

Evanxeo: Lc 1, 46-56

Entón María exclamou:
A miña alma proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña.
Velaí, desde agora todas as xeracións me van felicitar, porque o Poderoso fixo en min marabillas. Santo é o seu nome! A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.
Manifesta todo o seu poder desbaratando os plans dos soberbios. Derruba os poderosos do seu trono e fai subir os humildes; enche de ben os famentos e despide baleiros os ricos.
Ampara a Israel, o seu servo, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela (Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.

Meditación

Estamos invitados todos, todas, a participar na ledicia de María. A ledicia de María nace da súa conciencia de ser pequeniña cousa diante de Deus, pero pequeniña cousa querida e agraciada. Pequeniña cousa disposta toda ela para acoller as propostas liberadoras de Deus en favor de todo o seu pobo.

María ve que se realiza nela o que en verdade Deus viña realizando con todo o seu pobo, con toda a humanidade, ao longo dos séculos: unha ondada de paixón amorosa que o envolve todo, e que se manifesta expresamente na vontade de Deus de remediar a humanidade desde unha atención preferente polas necesidades e dereitos da xente máis débil. A salvación no vén desde o poder, desde a riqueza, senón desde a debilidade.

María vive e celebra este xeito de ser do Deus do seu pobo. Estamos invitados a participar, ben desde dentro de nós mesmas, desta ledicia de María.

Oración
Quen me dese pequeniño diante túa, meu Deus,
asombrado pola humilde marabilla da túa forza
que non para de amosarse nos feitos miúdos
da xente miúda que confía cegamente en ti!
Quen me dese facerme música das túas fazañas,
cantora en todos os escenarios da vida
onde o máis pequeno e humilde é valorado
e o máis poderoso e soberbio, rebaixado!
Quen me dese levar no meu corazón a túa festa, Deus,
e poder contribuír con ela á festa e ledicia do meu pobo!
Quen me dese, Deus, quen me dese!
Que ti me deas, que Santa María me dea!
Acción

Apúntate a algún festexo do Nadal, onde se poidan cantar, con voz crente ou non, as marabillas de Deus no medio do seu pobo.


23 de decembro: Venres da 4ª semana de Advento

Mal 3, 1-4. 23-24
Salmo: 24, 4bc-5ab. 8-9. 10 e 14

Evanxeo: Lc 1, 57-66

Cando se lle cumpriron os meses a Sabela, deu a luz un fillo. E oíron dicir os seus veciños e parentes con canta misericordia o Señor a favorecera, e compartían a súa alegría.

Aos oito días, foron circuncidar o meniño e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma seu pai. Pero interveu a nai, dicindo:
—Non, chamarase Xoán!

Eles replicáronlle:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!

Entón con acenos preguntáronlle ao pai do meniño como quería que se chamase. El pediu unha taboíña na que escribir e puxo:

Xoán é o seu nome.

Todos ficaron sorprendidos. E no intre a el ceibáronselle os labios e a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños quedaron todos abraiados e por toda a montaña de Xudea difundiuse a noticia destes feitos. E cantos oíron gardábanos no corazón e dicían:
—¿Qué virá a ser este neno?

Porque a man de Deus estaba con el.

O meniño medraba e facíase forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.

Meditación

Os nomes tiñan un significado especial na vida das persoas e familias xudías. Con eles sempre se quería dicir algo, revelar algo do xa sucedido, do pasado que se quería manter vivo, ou expresar algún desexo, algunha ilusión, algunha esperanza cara ao futuro. Case sempre en clave relixiosa. Zacarías é un nome composto de dúas raíces: lembranza e Deus, Deus lémbrase, un nome moi acaído para a criatura nacida, porque Deus lembrárase da esterilidade de Sabela para remediala. Pero a nai preferiu o nome de Xoán, tamén de dúas raíces: Deus e misericordia. Todo o acontecido quedaba envolto na presenza misericordiosa de Deus, que en Xoán, o precursor de Xesús, iniciaba unha etapa nova, final, na que a misericordia de Deus había ser o feito máis sorprendente.

E iso é o que Lucas nos quere transmitir con este relato todo el orientado a nos ir preparando para o encontro coa presenza de Deus entre nós. Preparádevos para entrar en clave de misericordia. Preparádevos para lle abrir as portas a un Deus a quen lle doedes vós, a quen lle doen as persoas, a historia, os acontecementos, sobre todo cando polo medio hai pobrezas de todo tipo e marxinación. Preparádevos para acoller e practicar a misericordia, a solidariedade máis ampla e máis fonda, con vos mesmos, coa demais xente.

Oración
Grazas, Deus noso queridiño,
por te lembrares de nós.
Se un pai ou unha nai
son incapaces de esquecer a súa crianza,
como te ías esquecer ti de nós,
de cada un, de cada unha de nós,
coa nosa particular graza e desgraza,
co noso particular mérito e demérito!
Grazas, Deus noso queridiño,
por ser un Deus doído da túa creación toda,
sempre disposto a acompañarnos con solicitude extrema
para que nada da nosa rica humanidade se perda,
para que a semente de divindade que inseriches en nós
frutifique nunha vida inocente, xusta, colmada, feliz.
Deus da lembranza,
Deus da misericordia,
si, pon entre nós a túa tenda!
Acción

A parte de preparar as cousas materiais para o encontro e a celebración do Nadal, podemos dispoñernos tamén a esta celebración facendo memoria de persoas e grupos sociais significativos para nós, por proximidade, por fraxilidade, e dispoñernos tamén a entrar en feitos de solidariedade, recibida e dada.


24 de decembro (Misa da mañá)

1ª lectura: 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16
Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29

Evanxeo: Lc 1, 67-79

Zacarías, o pai de Xoán Bautista, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:
—Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, porque veu visitar e redimir o seu pobo, suscitando para nós unha forza de salvación na casa de David, o seu servo, conforme prometera dende antigo por boca dos seus santos profetas: que nos salvaría dos nosos inimigos e das mans dos que nos teñen odio; que tería misericordia dos nosos pais, tendo presente a súa Santa Alianza e a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai, para concedernos que, libres das mans dos inimigos, o sirvamos con santidade e xustiza, na súa presenza, todos os días da nosa vida.

E a ti, meu meniño, hante chamar profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor, preparando os seus camiños, anunciándolle a salvación ao seu pobo mediante o perdón dos pecados E así, pola misericordia entrañable do noso Deus amencerá dende o ceo un sol para nós: luz para os que viven nas tebras e xacen entre as sombras da morte, para guiar os nosos pasos polos camiños da paz.

Meditación

O que Zacarías, movido polo Espírito Santo, anuncia como inmediato para o pobo de Israel, ofrécesenos tamén a todos nós, a todos os pobos do mundo, na persoa de Xesús. O mundo todo, os pobos todos, as persoas todas, ti e máis eu entre elas, estamos metidos nesa rede amorosa, solidaria de Deus; un Deus que se preocupa pola súa creación, que xera dinamismos de coidados, de solidariedade, de xustiza, de santidade, para que con eses dinamismos vivamos e construamos día a día a nosa existencia, ante el, na luz, na paz. Deus xa está aquí, á porta, disposto a nacer para as nosas vidas, coma o sol que cada día, sen fallar, se ergue ante nós coa súa luz, coa súa calor. É o Nadal xa.

Oración
Bendito sexas, Deus noso,
porque nos queres e nos visitas,
porque non te esqueces de nós,
porque es sempre pura misericordia.
Bendito sexas, Deus noso,
porque na persoa humildísima de Xesús
nos regalas unha potente forza de salvación:
unha luz que mata as nosas escuridades,
unha xustiza que afoga os nosos abusos,
unha paz que anula as nosas violencias.
Bendito sexas, Deus noso,
porque ti nunca fallas ás palabras dadas,
porque sempre estás aí,
cando de ti precisamos.
Que con Xoán Bautista
saibamos ir preparando os teus camiños.
Acción

No Nadal con frecuencia vemos propostas solidarias, cara á xustiza, cara á paz. Podemos participar nalgunha delas, que vexamos xeitosa e eficiente.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.