09 febreiro, 2023

Tempo Ordinario: 6ª semana



12 de febreiro: Domingo 6 do Tempo Ordinario

1ª lectura: Eclo 15, 16-21. Salmo: 118, 1-2. 4-5. 17-18. 33-34.
2ªlectura 1Cor 2, 6-10.

Evanxeo: Mt 5,17-37 (breve: 5, 20-22a. 27-18. 33-34a. 37

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—“Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra.E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer aos outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e así o ensine, será declarado grande no Reino dos Ceos.

Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.

Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: “Non matarás”, e quen mate será reo perante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo perante o tribunal; quen o alcume será reo perante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.

Se ao presentares a túa ofrenda no altar, alí te acordas de que teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve para presentar a túa ofrenda.

Ponte de acordo canto antes co teu preiteante, mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.

Tedes oído que foi dito: “Non cometerás adulterio.” Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.

Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.

Ténsevos dito: “Quen repudie a súa muller, déballe acta de repudio.” Pero eu dígovos: Todo o que repudia a súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.

Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: “Non xurarás en falso”, e “cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor”. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar brando ou negro un só pelo.

Falade, logo, deste xeito: “Si”, cando é si; “Non”, cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.”

Meditación

O texto do Evanxeo de hoxe forma parte do que se chama o "Sermón do monte" de Mateu, un sermón no que se adiantan xa unhas liñas orientadoras de por onde ía o de Xesús, a súa doutrina, o seu estilo de vida, a proposta que el facía para responder desde a fe en Deus Pai á realidade das persoas e da sociedade na que se encontraba Xesús e, despois de el, as primeiras comunidades cristiás. Despois o Evanxeo de Mateu irá ofrecendo palabras e feitos de Xesús, que completarán e concretarán na vida, na historia real, o que estas primeiras ensinanzas xa adiantaban.

En concreto o evanxeo de hoxe co evanxeo do domingo que vén compoñen unha parte significativa dese Sermón do monte, na que se contrasta a maneira de entender certas "prácticas" da tradición relixiosa xudía, coa maneira como Xesús e os seus seguidores e seguidoras foron entendendo esas mesmas prácticas. Percíbese ben isto no texto coas entradas: "Tendes oído que se ten dito...", acompañadas sempre das contraposicións: "Pero eu dígovos...". Despois dunhas palabras nas que se afirma a postura xeral de Xesús fronte á tradición relixiosa xudía, concretada na Lei e nos Profetas ("non vin para derrogar, senón para levar á súa plenitude"), abórdanse seis cuestións candentes nos tempos de Xesús; destas seis cuestións, catro coméntanse no evanxeo de hoxe, e dúas quedan para o evanxeo do domingo que vén. Pararnos a ver como Xesús se sitúa antes estas cuestións concretas pódenos axudar a situarnos nós, co espírito de Xesús, a calquera cuestión que a vida nos vaia poñendo diante nos nosos tempos.

En xeral, o estilo de Xesús consiste en non limitarse a un cumprimento simple da norma, co que quedar xa moi tranquilos/as, senón en introducirse na fondura do sentido da norma, para descubrir e vivir a súa riqueza; non é tan doado, pero é moito máis gratificante, máis enriquecedor, introdúcenos con fondura no precioso mundo do propio corazón, da propia persoa, das relacións entre as persoas, das relacións co funcionamento social, e polo tanto tamén no mundo da experiencia de Deus na nosa vida.

Así matar pode ser simplemente matar, quitarlle a vida a outra persoa, o cal non se nega; pero, por exemplo, matar é tamén insultar, violentarse co irmán/á, denigrar, ningunear, achicalo, fundilo, quitarlle o gusto pola vida, metelo en espazos de marxinación económica ou social, privalo de alegría, de esperanza, etc... Cantas veces cos nosos comportamentos entramos nestas cousas! Non era o mesmo Papa Francisco o que nos dicía que este sistema capitalista, tal como se está instalando entre nós, é asasino, mata a xente? Todas estas cousas entran dentro do non respectar a vida da xente; para Xesús a honra e o culto debido a Deus debe empezar por un exquisito coidado das nosas relacións co próximo; senón, o culto non vale para nada, e mesmo se pode converter nun insulto a Deus.

Outro exemplo desta fondura á que Xesús nos invita: o adulterio dáse cando unha persoa ten relacións sexuais con alguén que non é a súa parella. Pero Xesús advírtenos que se pode adulterar co corazón, co pensamento; que no interior de cada un, de cada unha, pode ir asentando o mal de maneira severa, ata o punto de introducirnos en mundos de infidelidades familiares ou doutro tipo, aínda que non se dea o feito concreto de deitarse con outra parella. Algo semellante a aquilo de ser limpos de corazón, de ter a ollada iluminada e limpa, deixando que a transparencia de Deus penetre toda a nosa vida, as nosas palabras, as nosas accións.

Nos tempos de Xesús era moi doado romper as relacións de parella; simplemente se pedía cumprir co requisito de darlle á muller un acta de repudio; algo denigrante para as mulleres, que as deixaba socialmente nunha condición de verdadeira marxinación. Xesús revélase contra esa práctica discriminatoria, e esixe tomarse moi en serio a vinculación que un home tiña establecida coa súa muller. Que diría Xesús da facilidade coa que hoxe, tanto homes coma mulleres, rompemos os vínculos de parella? Andar no espírito de Xesús seguro que nos axudará a non tomar as cousas á "chirigota", e a ter suma consideración coa persoa que temos diante; e desde aí as solucións que tomemos serán sen dúbida de moita calidade humana e cristiá.

Por último o de xurar ou non xurar en falso; nos tempos de Xesús era unha práctica frecuente e nada edificante, que mesmo intentaba xustificar en Deus as trapalladas humanas. Xesús rebélase contra iso; a conduta dos seus seguidores e seguidoras é o Si-Si, e o Non-Non, é dicir, a palabra franca, honrada, honesta. Só así se pode construír unha boa convivencia familias, social. Vémolo ben nos nosos tempos, cando palpamos as consecuencias de tanta mentira e corrupcións sociais, políticas.

Na Eucaristía celebramos, agradecemos o Espírito co que Xesús desenvolveu a súa vida toda, e así alentámonos para orientar e dinamizar co seu Espírito todas as circunstancias da nosa vida.

Preces

QUE O TEU ESPÍRITO, SEÑOR, GUÍE SEMPRE AS NOSAS DECISIÓNS

Para facernos valentes e humildes defensores da vida e de todo o que a favorece e expande nas persoas, nos animais, na natureza, no medio ambiente. Oremos.

Para vivir con gozo e fondura a nosa realidade sexual, sexamos xente casada ou non, respectando a fondo as nosas parellas, movéndonos sempre con ollada e corazón limpo e transparente. Oremos.

Para non participar en ningunha discriminación de xénero, e non permitirnos ningunha práctica que ofenda, rebaixe, lesione a dignidade da muller, en todas as institucións sociais, por suposto tamén e especialmente dentro das nosas comunidades cristiás, dentro da Igrexa. Oremos.

Para sermos sempre xente de palabra franca e honrada, que non enganemos a ninguén nin coa palabra nin coa nosa vida, amigos da transparencia e da verdade sempre, en todo. Oremos.

Para afrontar todas as decisións da nosa vida, deixando que a autenticidade, a sinxeleza, envolva as nosas vidas, e nos permita crear unha convivencia social nova para unha sociedade nova tamén. Oremos.

Oración
Non, non,
a lei non chega,
o seu estrito cumprimento non é a medida.

Debaixo do mandado,
máis aló do mandado,
cumprido ou non cumprido,
ás veces, tantas veces!,
está a vida,
está un ser humano
co seu misterio de vida e morte,
de excelencia e de miseria,
que cómpre escoitar e respectar,
valorar,
sen condenar.

Non, non,
a lei non chega,
nin o seu exquisito cumprimento.

Máis aló da lei
e das súas pautas precisas
case sempre, sempre,
está o mellor, o mellorciño,
o máis nobre do mundo;
está cada un, cada unha de nós,
cos seus repregues íntimos,
coas súas capacidades ilimitadas,
co seu corazón alerta ou enconicado,
onde se xoga a fermosura da vida,
o encontro coa inocencia,
a comuñón limpa co propio ser,
aberto ao próximo sen lindeiros,
asentado en Deus,
con paz,
sen medo.

Non, non,
a lei non chega,
mesmo pode afogarte, destruírte.

Das mans da lei, da pura lei,
podes entrar no tenebroso mundo da autocompracencia,
créndote persoa xusta, cabal, perfecta,
ollando de esguello aos incompetentes;
deberías saber a estas alturas
que o cumprimento da lei non vale para nada
se non nace nas fontes limpas do amor,
se non te deixas levar polos fascinantes carreiros da tenrura
cara á xustiza redonda, total,
cara á fraternidade que cura e que libera.

Non, non,
a lei non chega.
Dínolo Xesús,
sabedoría de Deus,
que nos ensancha a vida e nola aleda.
Acción

¿Cómo nos deberiamos relacionar coas persoas á luz do que no evanxeo de hoxe se nós di? Por exemplo, non de matar ou non matar. Matamos dalgún xeito a alguén, polo menos para nós, cando por rabia, por vinganza, por estar fartos, o excluímos do noso mundo. “Para min acabaches”, adoitamos dicir. Podemos ver a cantas persoas temos así mortas para nós. ¿Cómo vivir esas situacións ao estilo de Xesús?


13 de febreiro: Luns da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 4, 1-15. 25. Salmo: 49, 1 e 8. 16bc-17. 20-21
Ano 2: 1º1 lectura: Sant 1, 1-11. Salmo: 118, 67. 68. 71. 75. 76

Evanxeo: Mc 8, 11-13

Unha vez uns fariseos saíronlle ao paso e metéronse a discutir con el. Para probalo, pedíronlle un sinal do ceo. El deu un profundo suspiro e dixo:
—Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se lle dará sinal ningún.

Así deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda do lago.

Meditación

A todo o mundo nos gustan moito as cousas evidentes, ter probas de todo, que todo estea garantido, asegurado, para podermos dar un paso cara a diante. E haberá cousas nas que sexa necesario que isto sexa así. Pero hai cousas moi importantes para as persoas, quizais as máis importantes, nas que temos que andar, vivir sen probas. Polo menos sen esas probas do dous máis dous son catro. E non queda outra que arriscarnos, aventurarnos, fiarnos de nós mesmos e das persoas coas que se nos propón levar a cabo algo.

Pásanos cando nos namoramos e decidimos compartir a vida cunha persoa. Pásanos cando optamos por unha profesión e non por outra. Pásanos cando eliximos amigas e amigos. Pásanos cando pensamos en ter un, dous, tres fillos ou fillas. Pásanos tamén, sobre todo, cando comprometemos a nosa vida con Deus, con Xesús, nunha comunidade cristiá. Non é que non haxa sinais da bondade, da verdade diso que escollemos, pero é necesaria tamén a fe, a confianza, o aventurarnos cunha proposta de vida que en principio nos enche e ilusiona. Isto pode ser o máis duro dun home ou dunha muller libre, ter que escoller cun aquel de inseguridade, pero é tamén o máis fermoso que temos. Por iso Xesús suspiraba, entre canso e aleuto, pola insistencia daquela xente relixiosa que todo o quería resolver a base de probas. E a proba éraa el mesmo, a proba tíñana diante dos ollos.

Oración
Grazas, Xesús, porque me invitas
a ser persoa humilde
que non pretende controlalo todo;
a ser persoa arriscada
que se fía da vida, da xente, de ti;
a ser persoa espelida, de fe,
capaz de descubrir nas cousas todas da vida
sinais da túa presenza calada e vigorosa.
Grazas, Xesús,
que sexa algo bo discípulo teu.
Acción

Pensa nalgún aspecto da túa vida no que tiveses que aventurarte sen ter probas contundentes. Que supuxo para ti, en que te fixo medrar?


14 de febreiro: Festa dos santos Cirilo e Metodio

1ª lectura: Feit 13, 46-49. Salmo: 116, 1. 2

Evanxeo: Lc 10, 1-9

Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes unha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.

Meditación

Amósasenos o primeiro plan de evanxelización levado a cabo polas primeiras comunidades cristiás seguindo as palabras e o estilo de Xesús. Moito bo hai en Deus para a xente, que merece atención; moita xente hai precisada desa abundancia de Deus. Oxalá se multiplicasen os homes e mulleres dispostas a facer florecer tanto ben! Andar en pobreza total, que evanxelizar non pareza nunca un negocio en nada. Saír, andar os camiños, bater coa xente, establecer vínculos fraternos, dando e recibindo paz, anunciando o ben de Deus, non as nosas ideas, implicándose nos problemas da veciñanza, aceptando que haxa quen nos desprece.

Cirilo e Metodio foron dous irmáns gregos do s. IX que se converteron en apóstolos dos pobos eslavos, cando estes entraban en contacto co mundo cristián oriental; mesmo chegaron a crear o alfabeto glagolítico, o primeiro que se empregou para escribir o antigo eslavo eclesiástico. No ano 1980 o Papa Xoán Paulo II declarounos copatróns de Europa xuntamente con Bieito de Nursia. Cirilo e Metodio, para nós ben descoñecidos, pódennos meter no corpo a creatividade para a evanxelización que tanta falla nos fai nos ambiente descristianizado no que vivimos.

Oración
Señor, Señor,
amo, sementador
e das colleitas da vida
absoluto coidador!
Velaquí as miñas mans,
o meu empeño e amor;
velaquí o meu desexo
de estar contigo, a carón
nas loitas nas que ti loitas
por un mundo máis mellor:
Que a vida abunde e floreza
onde a vida é escaso don.
E que abunden as obreiras
que a traballen con paixón.
Acción

Fan falla xornaleiros xornaleiras para espallar o ben de Deus nos nosos pobos e aldeas. ¿Estamos colaborando nalgunha acción que axude a isto? ¿Poderiamos dar un paso adiante e colaborar algo máis?


15 de febreiro: Mércores da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 8, 6-13. 20-22. Salmo 115, 12-13. 14-15. 18-19
Ano 2: 1ª lectura: Sant 1, 19-27. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5

Evanxeo: Mc 8, 22-26

Nunha ocasión Xesús e as persoas que canda el andaban chegaron a Betania. Trouxéronlle un cego e pedíanlle que o tocase. El, collendo o cego pola man, sacouna para fóra da aldea; botoulle cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el e preguntoulle:
—¿Ti ves algo?

El, que comezaba a albiscar algo, dixo:
—Vexo xente, aínda que me parecen árbores que andan.

Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben; estaba curado e vía todo claramente. Logo mandouno para a casa dicíndolle:
—Nin tan sequera entre na aldea.

Meditación

En si o relato é unha sinxela e excelente parábola dos procesos de cambio que se poden dar nas nosas vidas, cando nos aproximamos a Xesús e nos deixamos tocar polo seu espírito, nós que agora non podemos ser tocados polo seu mesmo corpo. Achegarse a Xesús, frecuentemente co apoio doutras persoas que teñen experimentado a súa fonda humanidade afincada en Deus, deixar que te colla pola man, deixarse acompañar por el; deixar que che toque coa súa palabra, co seu espírito; ver como os ollos se che abren, como te vas vendo a ti mesmo e a demais xente doutra maneira: todo o mundo como algo amable, digno de ser amado e coidado; ver como a vista se che ilumina, para verte a ti mesma a fondo, na túa humildísima dignidade en Deus, para ver tamén así a toda a creación, a toda a xente; sen disimular sombras e carencias, pero todo iluminado polo agarimo, a forza e a esperanza de Deus. E vivilo todo coa máxima humildade, non atopando nunca razón para verte por enriba de ninguén. Simplemente irmán, irmá absoluta.

Oración
Grazas, Xesús,
polas persoas e circunstancias da vida
que me permitiron achegarme a ti.
Grazas pola túa presenza en min,
pola túa palabra, polo teu espírito,
que pouco a pouco me foron abrindo
os ollos do corpo e da alma,
para verme e ver a realidade toda
con ollos humildes de irmán.
Grazas porque non desistes
e segues ao meu carón
para completar a túa obra.
Grazas, Xesús,
ti es a man de Deus na miña vida.
Acción

Podemos reparar hoxe nas nosas propias mans. ¡A cantidade de cousas boas, animadoras, alentadoras, que podemos facer con elas! Témolo en conta, sobre todo cando estamos coa xente.


16 de febreiro: Xoves da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 9, 1-13. Salmo 101, 16-18. 19-21. 29 e 22-23
Ano 2: 1ª lectura: Sant 2, 1-9. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7

Evanxeo: Mc 8, 27-33

Unha vez ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:
—¿Quen di a xente que son eu?

Eles responderon:
—Algunhas persoas din que es Xoán Bautista; outras, que Elías; e outras, que algún dos profetas.

El preguntoulles a eles:
—E vós ¿quén dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías.

E prohibiulles dicir nada a ninguén.

Entón empezou a adoutrinalos con toda claridade acerca de que era preciso que o Fillo do home padecese moito e que o rexeitasen os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os letrados; que o ían matar e que aos tres días había resucitar.. explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle. Pero Xesús, volvéndose cara aos discípulos, reprendeuno:
—¡Arreda de min Satanás, que ti non te me deixar guiar por Deus, senón polos criterios humanos!

Meditación

Cantas veces nos pasa a riquezas normalmente arriman a quen xa as ten, daquela chegamos á conclusión perversa de que é a xente rica a que ten acceso a Deus e goza das súas bendicións. Nós non temos costume de despedirnos con esa palabra e con esas intencións, pero no fondo ¿non estamos tocados, feridos, polo mesmo espírito mundano?

Oración
Que o teu Espírito, Xesús,
me limpe a mente e o corazón,
me abra os ollos do corpo e do espírito
para ver as cousas como ti as ves;
e guíe a miña fe, a miña vida relixiosa
polos mesmos camiños de servizo
polos que ti andaches.
Que o teu xeito de ser e de vivir
prenda firme na nosa comunidade cristiá,
na nosa Igrexa toda.
Acción

Para non facer como Pedro, sempre que nos dispoñamos a levar a cabo algo como persoas cristiás ou como comunidade cristiá, podiámonos preguntar: ¿e isto cadra coas maneiras que Xesús tiña de pensar e de actuar?


17 de febreiro: Venres da 6ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 34—9,1

Nunha ocasión Xesús chamou a xente onda os seus discípulos e díxolles a todos:
—Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. Pois, ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿qué pode dar un ser humano por recobrar a súa vida? Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o fillo do Home se avergonzará del, cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos.

E engadiu:
—Tende por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chegar o reino de Deus con gran poder.

Meditación

Ter vida ou non ter vida. Salvar a vida ou perder a vida. ¿En que consiste iso? ¿Cómo se consegue iso? O primeiro instinto lévanos a pensar que un ten e conserva a vida na medida en que se enche de medios e recursos, para poder gozar, para ter múltiples satisfaccións, desentendéndose do que aconteza ao seu redor. Descansa e a vivir, como dicía o home rico da parábola. Ese primeiro instinto é cativador, porque ten algo de verdade. Pero, a lo menos para quen olle a vida con algo de fondura –e Xesús sempre así o facía—, ese primeiro instinto leva moita trampa consigo. Somos feitura de familia, de grupo, de pobo, de comunidade, e soamente cando respondemos á chamada da comunidade, do común, nos atopamos realmente coas fontes da nosa felicidade, da nosa vida. Así, dar, compartir a vida e todo o que a enriquece é a principal maneira de ter vida.

Oración
Grazas, Xesús,
por me dar sentido común,
por me levar da man
ata as fontes da vida feliz.
Que nunca me avergonce de ti.
Que me fíe de ti, Xesús,
que saiba apostar diariamente
por esa maneira túa sorprendente
de encherme de vida
compartindo vida.
Así, ata a vida eterna.
Acción

Hoxe podemos facer expresamente algunha práctica de compartir vida con alguén: palabra, tempo, convencementos, cartos, alegrías, esperanzas, penas… Para ir experimentando en propia carne a verdade do que Xesús propón.


18 de febreiro: Sábado da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 11, 1-7. Salmo: 144, 2-3. 4-5. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: Sant 3, 1-10. Salmo: 11, 2-3. 4-5. 7-8

Evanxeo: Mc 9, 2-13

Nunha ocasión colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sos ao coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e máis Moisés e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
—Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e outra para Moisés.

Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, e saíu dela unha voz:
—Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.

E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir con aquilo de “cando resucite de entre os mortos”. E preguntáronlle:
—¿Cómo é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?

El contestoulles:
—Elías virá primeiro e restablecerao todo. Agora ben, ¿cómo é que está escrito que o Fillo do home ten que padecer moito e ser aldraxado? O que vos digo é que Elías xa veu e que fixeron con el canto lles petou, como estaba escrito del.

Meditación

Somos persoas creadas a imaxe e semellanza de Deus. Deus sostenos. Estamos en Deus, vivimos en Deus, somos en Deus. Coma Xesús, pero nunha leve semellanza nada máis. O evanxeo de hoxe, con formas e imaxes simbólicas, fálanos deste Xesús Cristo total, espléndido, na súa humanidade humildísima, potentísima para toda clase de ben; resistente a tope ante toda clase de mal e de perversión dos poderosos; é o Xesús, o Cristo, collido de pés a cabeza, no corpo e no espírito, pola mesma inmensa fermosura de Deus. O Fillo benquerido que Deus nos ofrece, para que o escoitemos, para que o acollamos, para que lle deixemos entrar a fondo na nosa existencia diaria.

Oración
Que ben, meu Deus, que ben!
Canto che agradecemos o teu don, o teu regalo!
O teu Fillo benquerido,
feito irmán noso!
Un irmán noso
que se nos amosa como Fillo benquerido teu!
Igual non sabemos moito
o que estas mesmas palabras queiran dicir.
Pero, dun xeito ou doutro,
que fermoso é
verte enredado connosco,
buscando tempos e maneiras
para encher as nosas vidas
de ben, de forza e bendición!
Acción

Hoxe, que é sábado, podiamos facer un pouco coma Xesús: sos ou acompañados/as, subir a algún monte, e alí marabillarse ante a fermosura da natureza, pensar na nosa mesma grandeza como criaturas de Deus, e contemplarnos á luz de Deus. E logo volver con forza para a vida.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.