29 marzo, 2023

Semana Santa 2023




SEMANA SANTA

Desde as orixes do cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.

Desde o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o misterio da súa resurrección.

Non é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.

A vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á xente.

Quizais estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.

2 de abril: Domingo de Ramos

Evanxeo para a procesión dos ramos: Mt 21, 1-11.
Misa: 1ª lectura: Is 50, 4-7. Salmo: 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
2ª lectura: Filp 2, 6-11.

Evanxeo: Mt 26, 14— 27, 66
(forma breve: Mt 27, 11-54)

Naquel tempo compareceu Xesús diante o gobernador, que lle preguntou:
—Es ti o rei dos xudeus?

Xesús contestou:
—Ti o dis.

E aos cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle Pilato:
—Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?

Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ao gobernador moi estrañado.

Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Barrabás. Pilato dirixiuse ao pobo reunido:
—A quen queredes que vos solte, a Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?

Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.

Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir:
—Deixa en paz ea ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.

Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente,para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. O gobernador insistiu:
—A quen queredes que vos libere?

Eles dixeron:
—A Barrabás-

Díxolles Pilato:
—E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?

E responderon todos:
—Que o crucifiquen!

El replicou:
—Pero, que mal fixo?

Pero eles berraban máis forte dicindo:
—Que o crucifiquen!

Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis,tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:
—Alá vós, eu non son responsable deste sangue.

Todo o pobo respondeu dicindo:
—Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre os nosos fillos.

Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

Os soldados do gobernador levaron a Xesús ao Pretorio e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose dinte del, dicíanlle moqueándose:
—Saúde, rei dos xudeus!

Cuspíanlle e coa canivela dábanlle vergalladas na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.

Ao saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón, e obrigárono a levar a cruz de Xesús.

Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, é dicir, lugar da Caveira, a Xesús déronlle de beber viño mesturado con fel; el probouno, pero non o quixo beber. Despois de que o crucificaron, repartiron os seus vestidos botándoos a sorteo e, estando alí sentados, vixiábano. Enriba da súa cabeza puxeron escrito o motivo da súa condena: “Este é Xesús, o Rei dos Xudeus.”

Crucificaron tamén con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

Os que pasaban por alí insultábano, abaneando a cabeza e dicindo:
—Ti que destrúes o templo e o reconstrúes en tres días, sálvate a ti mesmo; se es Fillo de Deus, baixa da cruz.

Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, cos letrados e cos senadores, burlándose del dicíanlle:
—Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo. É rei de Israel; que baixe agora da cruz e creremos nel. Confía en Deus, pois que Deus o salve agora, se tanto lle quere, xa que dixo: “Son Fillo de Deus”.

Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el. Desde o mediodía a escuridade cubriu todo aquela terra ata as tres da tarde. E ao redor desta hora, clamou Xesús e, con voz resoante, dixo:
—Elí, Elí, lemá sabactaní?

Isto é:
—Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?

Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
—Ese está chamando por Elías.

Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa, enchoupouna de vinagre, espetouna nunha cana, e dáballe de beber.

Pero os demais dicían:
—Deixa, a ver se vén Elías salvalo.

Entón o veo do Santuario rachou en dous de arriba abaixo.Tremeu a terra, as rochas fenderon e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois que le resucitou8 saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.

O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
—Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.

Meditación

O que Xesús fixo na súa entrada "triunfal" en Xerusalén foi un xesto profético, ao estilo dos xestos proféticos dos antigos profetas; é dicir, algo que chame moito a atención da xente, que pete na súa conciencia e que a faga pensar. Xesús neste caso fai unha parodia, unha burla dos poderes imperiais, que adoitaban organizar este tipo de entradas triunfais (desfiles, tropas, inimigos encadeados, aplausos, loanzas...) para deixar en claro o seu poderío, a súa capacidade de oprimir e de impoñer silencio e pavor ás vítimas. Xesús pretende ridiculizar ese poder, que para el era o poder dos xefes dos pobos que tiranizan e asoballan (cf. Mt 20,25), e presenta a súa opción por outro tipo de relación social, non baseada no poder esmagador, inhumano, senón no respecto, na consideración coa xente máis débil, no servizo a ese tipo de persoas.

E para iso, no canto de cabalos engalanados, pide unha burra que cobre con mantos, un animal humilde, popular, vinculado ao traballo, á carga, ao servizo; no canto de tropas, hai uns grupos de homes, mulleres, nenos e nenas do campo que viñan tamén de peregrinación a Xerusalén; no canto de discursos laudatorios, hai os berros de persoas que anuncian ao que vén no nome do Señor; e, no canto de rengues de prisioneiros sobre os que montar o seu dominio, hai no ánimo de Xesús unha vontade firme de facerse servidor de todos e todas, ata a mesma morte. Ridiculiza un estilo de vida, e propón outro, avalado polo mesmo Deus. A Paixón, que pouco máis adiante, describirá o evanxelista, narra a confrontación entre estes dous modelos de vida. Que no domingo de Ramos reproduzamos na nosa celebración esta entrada de Xesús en Xerusalén non é só algo simpático, festivo, case de xogo, senón que nos provoca a tomar partido entre un modo e outro de ser persoa, de establecer relacións sociais, de construír as nosas comunidades e parroquias, os nosos pobos e cidades. Moito que aprender, desde logo, moito no que reflexionar e cambiar. A quen lle damos vivas nós, a quen chufamos, a quen votamos, a quen seguimos? Tras de quen van os nosos corazóns, as nosas vidas?

Isto pódenos valer moito para entrar con bo pé cristián e con proveito na Semana Santa. Entrar da man de Xesús. Desde aí podemos ler hoxe a Paixón segundo san Mateu, un relato moi denso, con diferentes escenas, con diferentes personaxes, con diferentes fraxilidades humanas, con diferentes trazos de dura falta de humanidade, e ao tempo cunha fortísima figura de Xesús, persistente na súa vontade de fidelidade a Deus entendida como servizo total á xente máis débil e pecadora, con amargura, con dor, con sufrimento extremo; cousas todas que nos van levando cara ao acto central de todo o acontecido: o axustizamento, a morte matada, inxusta, de Xesús na cruz, ao xeito das persoas axustizadas por marxinais, por indesexables, por rebeldes, por opoñerse ao sistema de poder romano. Somos seguidores dun axustizado polo poderes políticos e relixiosos daqueles tempos! Nese home así axustizado, nese Xesús de Nazaré, está para nós que o veneramos o rostro e a chamada de Deus!

Así que logo, no relato da Paixón a fidelidade dolorosa e amante de Xesús vaise contrastando cos abandonos e trampas humanas que o van rodeando e empuxando cara ao desenlace final. A morte de Xesús non é algo querido nin por Deus nin polo mesmo Xesús; é aceptada, iso si, como punto final dun proceso de compromiso cun estilo de vida de servizo, que os poderes do momento viviron coma unha verdadeira ameaza. Aceptada e valorada. Esa morte, así vivida, abrirá camiños de vida, para Xesús e para quen se queira asociar a el.

Un bo exercicio de piedade cristiá pode ser ler durante estes días a Paixón de Xesús, un anaquiño cada día, deixándose cuestionar polo pecado das persoas que o foron abandonando ou empuxando á morte, e deixándonos coller pola entrega humildísima e chea de fortaleza de Xesús. E ler e meditar todo isto en clave actual. Moito do vivido por Xesús segue sucedendo agora. Segue en pé o conflito entre o servizo e o poder, entre quen aposta por unha cousa e pola outra. Segue en pé o poderío esmagador dos grandes deste mundo. Segue en pé o pecado e a maldade da xente, e, grazas a Deus, seguen en pé tamén moitas persoas que, coma Xesús poñen a súa vida a disposición da xente máis débil seguindo nisto o querer de Deus. E nós aí no medio, formando parte dese drama vital, sobre o que se constrúen os nosos días, o noso presente, o noso futuro. A carne da xente máis débil e desesperada é a carne, o corpo crucificado de Cristo, como repetidamente nos recorda o Papa Francisco.

Podemos implicarnos nunhas celebracións sinxelas, fondas, calmosas para esta Semana Santa. Así poderemos revivir nas nosas vidas, con Xesús, o que Xesús no seu momento viviu en favor de toda a humanidade.

Preces

MORRO DE TRISTURA, QUEDADE AQUÍ E VIXIADE COMIGO

Quedemos e vixiemos con Xesús, acompañándoo e deixándonos acompañar por el na fidelidade a Deus, na aposta por unha vida de servizo á xente máis desprezada polo conxunto da sociedade, pola relixión tamén. Unámonos de corazón a Xesús.

Quedemos e vixiemos coa xente que sofre por non ter fogar, por non ter traballo, por non poder atenderse na súa saúde, por non ter que comer. Unámonos de corazón a Xesús.

Quedemos e vixiemos coa xente inmigrante, a que está á espera de poder entrar no seu paraíso soñado, que é España, Europa, e a que xa está entre nós malvivindo de moitas maneiras. Unámonos de corazón a Xesús.

Quedemos e vixiemos coas mulleres marxinadas, abusadas, maltratadas, matadas, apostando firme por un futuro mellor en igualdade e respecto absoluto. Unámonos de corazón a Xesús.

Quedemos e vixiemos con aquelas persoas concretas que cada un, cada unha de nós vemos como especialmente vulneradas ou vulnerables, comprometendo con elas, algo polo menos, as nosas vidas. Unámonos de corazón a Xesús.

Oración
Bendito o que vén
no nome do Señor!

Bendito quen se achega
cal manso servidor.
Bendito quen se move
tan só que polo amor.

Bendito quen alenta
o pobo loitador.
Bendito quen defende
as causas do menor.

Bendito quen camiña
cos pobres a carón.
Bendito quen critica
o grande abusador.

Bendito quen se opón
á discriminación.
Bendito quen abraza
calquera igualación.

Bendito quen avanza
con paz e con vigor.
Bendito aquel que abre
carreiros de ilusión.

Bendito quen se goza
con todo o que é unión.
Bendito quen fai pobo
sen medos, con ardor.

Bendito quen non busca
as chufas do arredor.
Bendito quen ignora
a voz do criticón.

Bendito quen non teme
pasar por perdedor.
Bendito quen en Deus
terá consolación.

Bendito o que vén
no nome do Señor.
Acción

Bo día para participar, por suposto, na celebración de Ramos (procesión e Eucaristía). Bo día para empezar a ler con calma, meditándoa, orándoa, a Paixón toda de Xesús, para a seguir lendo durante o resto da Semana Santa. Bo día tamén para achegarse fisicamente ou a través dalgunha lectura, a persoas tamén machucadas polo poder, por calquera poder.


3 de abril: Luns da Semana Santa

1ª lectura: Is 42, 1-7. Salmo: 26, 1. 2. 3. 13-14

Evanxeo: Xn 12, 1-11

Seis días antes da Pascua foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.

Daquela María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume. Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había entregar, dixo:
—Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron aos pobres?

Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela.

Pero Xesús replicou:
—Déixaa estar, que o tiña gardado para o día do meu enterro; pois os pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.

Moitísimos xudeus souberon entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.

Meditación

Seguimos camiñando pola Semana Santa. Un encontro de amizade. Un xantar de festa e de agradecemento, como tanto lle gustaba a Xesús. Un xesto excepcional dunha muller, María, que non sabe como lle mostrar a Xesús o seu agarimo, o seu agradecemento, botando a casa pola ventá. A protesta interesada de Xudas. O presentimento dunha morte próxima, que había que acompañar.

Estas poden ser tamén as claves destes días que nos levarán á morte e a resurrección de Xesús: Estar con Xesús, acompañalo, envolvelo no recendo dun amor sincero, agradecido, coherente. Coa diferenza importante de que agora podemos xuntar os intereses de Xudas e máis os de María: non temos a Xesús fisicamente no medio de nós, pero temos a xente pobre, débil, con calquera clase de debilidade, á que podemos visitar, obsequiar, coidar, por si mesmas, por seren imaxe viva do noso Señor.

Oración
Grazas, meu Deus, por Marta,
a servidora, a que atendía a mesa,
a que satisfacía as necesidades da xente.
Grazas, meu Deus, por María,
a amante agarimosa,
que adiviñaba penas e glorias,
e se poñía en todo ao servizo do amado.
Grazas, meu Deus, tamén por Xudas,
que, sen decatarse da densidade daquela hora,
nos recorda o lugar central
que os pobres deben ter na vida cristiá.
Grazas polas Martas, Marías e Xudas do presente.
Acción

Pensando en Xesús, neste día ben podiamos visitar a algunha persoa pobre, enferma, abandonada, e obsequiala con algo, sen escatimar medidas. Por aquilo de meternos nese mundo do gratuíto que tanto ía con Xesús.


4 de abril: Martes da Semana Santa

1ª lectura: Is 49, 1-6. Salmo: 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15 e 17

Evanxeo: Xn 13, 21-33. 36-38

Naquel tempo, estando Xesús na cea cos seus discípulos, turbouse no seu interior e declarou abertamente:
—Con toda verdade volo digo, un de vós hame de entregar.

Os discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba. Estaba recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba. Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía. Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle:
—Señor, quen é?

Xesús respondeulle:
—É aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado.

E, mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote. E naquel instante, xunto co pan entrou nel Satanás. Entón díxolle Xesús:
—O que vas facer, faino axiña.

Ningún dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto. Algúns coidaban que, ao ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: merca o que precisamos para a festa, ou que lles dese algo aos pobres. El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.

Cando saíu, dixo Xesús:
—Agora queda glorificado o fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos, só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen aos xudeus, dígovolo a vós agora: onde vou eu vós non podedes vir.

Simón Pedro preguntoulle:
—Señor, onde vas?

Xesús respondeulle:
—Onde eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.

Pedro replicoulle:
—Por que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.

Xesús respondeulle:
—Que ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me negues tres veces.

Meditación

O evanxeo de hoxe vai de traizóns e abandonos. Aproxímase a cruz e con ela a morte, e con ela a hora da glorificación de Deus, da glorificación do seu fillo, porque era o momento do máximo amor, do máximo servizo, da máxima entrega. E xustamente aí, no momento crucial, anúncianse traizóns e abandonos: Xudas desde o seu particular mundo interior, que nunca coñeceremos ben, e Pedro desde unha suposta valentía aínda non confrontada cos momentos de aperto. O resto dos discípulos, incluído o amado, seguirían os mesmos pasos.

E nós que? Cales son as nosas covardías, os nosos abandonos? A cantos momentos de intimidade con Xesús lle teñen seguido pola nosa parte momentos, decisións, formas de vida que manifestan un distanciamento claro con Xesús! Canto, seguro, nos temos arredado del, do seu camiño de servizo, da súa confianza absoluta en Deus, do seu apego á xente máis débil, na que a diario se nos ofrece!

Oración
Que non me chufe, Xesús,
cando non debo.
Que aprenda a andar con paso humilde,
como ben me corresponde.
Que polo menos saiba recoñecer
os meus erros e pecados,
as miñas covardías,
as miñas traizóns,
contigo, coa xente.
Que saiba poñelas
á calor da túa comprensión,
do teu perdón,
da túa forza,
da túa capacidade de abrir camiños novos.
Acción

Podemos mirar se nalgunha cousa concreta, nalgunha promesa, nalgún compromiso lle estamos fallando á xente, á comunidade, á sociedade. Se restituímos coa xente, restituiremos con Deus.


5 de abril: Mércores da Semana Santa

1ª lectura: Is 50, 4-9a. Salmo: 68, 8-10. 21bcd-22. 31 e 33-34

Evanxeo: Mt 26, 14-25

Entón un dos doce, chamado Xudas Iscariote, foi onda os sumos sacerdotes e díxolles:
—Canto me dades se volo entrego?

Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. E dende aquela andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.

No primeiro día dos Ázimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
—Onde queres que che preparemos a cea pascual?

El respondeu:
—Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: “O Mestre di: o meu tempo está preto, vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa”.

Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.

Chegado o solpor, púxose á mesa cos doce. E mentres ceaban díxolles:
—Asegúrovos que un de vós me vai entregar.

Moi tristes empezaron a preguntarlle un por un:
—Non serei eu, Señor?

El respondeu:
—Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ai daquel que entrega o Fillo do Home! Máis lle valía non ter nacido.

Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:
—Non serei eu, Mestre?

Respondeulle:
—Ti o dixeches.

Meditación

“Un que meteu comigo a man no prato”, é dicir, un dos nosos, un dos íntimos, un co que tiña compartido todo, un que puido coñecer e ter experimentado de que ía todo isto, que ía de ser gratuítos, de ser solidarios, de iniciar e respectar procesos de cambio nas persoas e na sociedade, … Pero que, polo que fose, non se namorou a fondo das propostas de Xesús, ou lle asustaron, ou as acabou vendo unha parvada que non levaban a nada.

En Xudas acabou mandando o seu interese, económico ou non económico, a súa particular visión das cousas, e a distancia con Xesús e todo o de Xesús fíxose infinita. O evanxeo propónsenos, neste caso, para que nós nos vexamos no espello de Xudas. ¿Canto hai en nós de pasar polas propostas de Xesús sen entrar a fondo nelas? ¿Canto hai en nós de darlle prioridade na nosa vida aos nosos intereses económicos, de poder, de imaxe, do que sexa? ¿Con cantas persoas, en cantas ocasións podemos actuar así, esquecendo fidelidades e deixándonos levar por intereses?

Pero tamén nos podemos mirar no espello de Xesús, que afrontou infidelidades e perseverou ata a fin.

Oración
Cantas veces, Xesús,
me obsequiaches coa túa amizade,
coa túa palabra, co teu espírito!
Cantas veces me invitaches
para comer no teu mesmo prato,
intimando contigo,
intimando cos teus íntimos
no mundo da debilidade!
Cantas veces me tes proposto
vivir como persoa cristiá,
a fondo,
e ser testemuña túa
no medio desta sociedade
potente e empobrecida a un tempo!
Cantas veces!
E cantas veces eu, coma Xudas,
che dei as costas
e busquei as miñas comenencias!
Acción

As imaxes de Xesús que paseamos polas nosas rúas nestes días de Semana Santa non son a súa mellor imaxe. E mellor imaxe de Xesús no medio de nós sono as persoas máis empobrecidas e marxinadas. ¿A algunha delas lle dei as costas? ¿Podo reparar eses meus abandonos?


6 de abril: Xoves Santo

1ª lectura: Éx 12, 1-8. 11-14. Salmo: 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
2ª lectura: 1Cor 11, 23-26.

Evanxeo: Xn 13, 1-15

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.

E, mentres ceaban –xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase—, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois botou auga nunha almofía e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida.

Pero, cando chegou oda Simón Pedro, este díxolle:
—Señor, vasme ti lavar os pés a min?

Xesús respondeulle:
—O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.

Pedro replicoulle:
—Ti no me lavarás os pés a min endexamais.

Xesús respondeulle:
—Se non te lavo, non terás parte comigo.

Exclamou Simón Pedro:
—Señor, daquela os pés, as mans e mais a cabeza.

Dille Xesús:
—Quen se bañou non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.

Sabía quen o había de entregar; por iso dixo: “Non todos estades limpos.”

Despois de que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa t´nica, sentou outra vez e preguntoulles:
—Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme “Mestre” e “Señor” e dicides ben porque o son. Logo, seu eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros.

Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós”.

Meditación

Todas, todos gozamos moito cando vemos unha persoa que se distingue pola súa capacidade de servizo á xente, sen buscar as súas comenencias. Recentemente puidemos ver a película de Vicente Ferrer, o xesuíta, logo casado, que na India levou a cabo unha inxente labor de promoción humana desde unha actitude de servizo, e a todos nos gustou moito a traxectoria desa persoa. Hai pouco case España enteira se enchía de agradecementos por Adolfo Suárez, pola súa capacidade para poñer harmonía, entendemento entre os políticos e porque non buscou o enriquecemento aproveitándose do seu cargo, como si fixeron antes e despois del moitos outros. E, sen pensar xa en xente tan destacada, canto nos sorprende e nos alegra tamén ver que na nosa parroquia, na nosa comunidade cristiá, na nosa vila, tal ou cal persoa se significa pola súa disposición a colaborar, a servir, a gastar tempo, preocupación, cartos, en ben de algo comunitario. Seguro que todos, todas, saberiamos dicir o nome dalgunhas destas persoas que tanto nos compracen e animan. Con eles, con elas ao noso lado, parece que a vida se nos fai máis doce, as dificultades achícanse e o futuro colle outra cor.

De Xesús de Nazaré sabemos que desenvolveu a súa vida pensando na demais xente e pola demais xente entregando a súa vida toda; non foi el o que botou a andar esta estupenda roda do amor convertido en servizo ás demais persoas, pero podemos dicir con toda a seguridade do mundo que a partir de Xesús, alentados/as por el, moitas persoas ao longo dos séculos entenderon e viviron felizmente a vida pensando nas demais persoas e servíndoas o mellor que souberon e puideron. Fixéronlle caso a Xesús niso que Xesús dixera: "Vós chamádesme Mestre e Señor e dicides ben, porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros/as." Fixéronlle caso e, polo que se ve e se sabe, foron moi felices facéndoo así. Como andamos nós con isto do amor feito servizo a quen nos rodea? Como anda a nosa comunidade cristiá? Por isto podemos medir a calidade, a quentura da nosa vida cristiá. Unha persoa está unida, fai corpo con Xesús, e a través de Xesús con Deus, na medida en que descobre e práctica iso tan sinxelo e tan fermoso de amar servindo. Felices nós se así o descubrimos e así o vivimos. Teremos unha vida nova! Seguro!

Pero, aínda que é tan fermoso e tan atraínte, tamén é certo que non sempre é doado vivir así. O mesmo evanxeo de hoxe, ao lado de Xesús, ponnos outros dous personaxes aos que tamén lles debemos prestar atención para abrir os ollos e aprender. Son Xudas e Pedro. De Xudas sabemos pouco. Era discípulo de Xesús, e, non se sabe por que entendeuse coas autoridades relixiosas xudías para poder prender e logo matar a Xesús. Despois colgouse. Un traidor desesperado. Pero por que? Os evanxeos non son claros ao respecto e enténdese que Xudas, que era un xudeu apaixonado contra os dominadores romanos, viuse decepcionado por Xesús, pola súa maneira de querer resolver as cousas a base de amar a xente débil, de servila, de querer gañar así os corazón das persoas, e facer un cambio fondo na sociedade. Xudas quería guerra, armas, solucionar as cousas pola violencia. Xesús pensaba noutra violencia: a do amor servidor a fondo. Dous modelos de vida. Dúas formas de estar na sociedade e de cambiala. Onde nos situamos nós? Como intentamos resolver os moitos problemas que, por exemplo, estamos vivindo nestes tempos de crise? Como resolvemos as dificultades de convivencia que cada día podemos ter coa xente da casa, coa xente veciña, ou na mesma comunidade cristiá?

O outro personaxe é Pedro. Pedro estaba totalmente collido por Xesús. Desde aquela mañá en que Xesús o chamara estando el na pesca co seu irmán Andrés, enganchárase a Xesús dunha forma apaixonada. Pero custáballe entender moitas cousas de Xesús. E en especial algo que para Xesús era case o máis importante: que o poder máis grande é o do servizo, e que, por iso mesmo, quen ten autoridade debe sobresaír pola súa capacidade de servir. Pero Pedro pensaba, como a maioría de nós, no señorío: quen manda debe non servir, senón ser servido coma un señor. E por iso non quería por nada do mundo que Xesús lle lavase os pés, que era cousa de criados e criadas. Xesús púxoo entre a espada e a parede: pois ou deixas que che lave os pés ou ti e máis eu non temos nada que ver un co outro. Pedro cedeu. Nós somos bastante coma Pedro. Iso de que quen manda teña que servir máis parécennos unhas palabras bonitas que ninguén cumpre, porque quen manda, manda, e acabouse. E así nos vai. Empézase por servilos, logo por ofrecerlle regalos, logo por querer sacar algún proveito deses regalos, e acabamos no que todos e todas ben sabemos. Nunca coma nos tempos de hoxe nos fai tanta falla deixarnos coller pola proposta de Xesús: o amor convertido en servizo, a autoridade convertida en servizo é o único que pode abrir camiños novos na escuridade que poida enredar as nosas vidas. Só o servizo á xente máis débil salva, libera.

Nunca como na celebración de hoxe poderemos chegar tanto ás fontes do amor e do servizo, con Xesús, en comunidade como ten que ser.

Preces

LAVÉMONOS OS PÉS UNS AOS OUTROS

Xesús, grazas por nos amares ata o extremo. Que saibamos corresponderche como mereces co noso amor e paixón por ti e polo teu estilo de vida. Oremos.

Xesús, grazas por te faceres criado e servidor noso. Que saibamos aprender de ti e facernos servidores uns dos outros/as, e nunca persoas de abuso e chulería. Oremos.

Xesús, grazas por nos teres ensinado co exemplo como se serve e axuda. Que saibamos ser persoas de axuda e colaboración en todo, con todos e todas. Oremos.

Xesús, grazas por ternos ensinado que a relixión verdadeira se realiza no coidado coa xente máis débil. Que saibamos compartir o noso tempo, os nosos coidados, os nosos cartos con quen o preciso para vivir. Oremos.

Oración
O Xoves Santo
naquela cea cos teus discípulos e discípulas
abríchesnos as fontes do amor.
Grazas, Xesús.

Viñeras amando e servindo,
porque así o aprenderas de Deus, a quen tanto querías,
e o teu amor daquela chegou ata o extremo.
Grazas, Xesús.

Durante a cea,
que con tanta intensidade celebrabas coa túa xente,
quitas o manto, colles a toalla,
e poste a lavarlles os pés aos teus amigos e amigas.
Grazas, Xesús.

Laváchesllos a Xoán, o discípulo amado,
pero tamén a Pedro, o de cabeza dura,
e a Xudas, o traidor,
a todas e a todos.
Nós estabamos tamén alí dalgunha maneira.
Tamén a todas, a todos nós nos lavaches os pés.
Grazas, Xesús.

Non excluíches a ninguén,
que ti non sabes de exclusións:
nin o/a divorciada volta a casar,
nin o/a alcohólica de quen todo o mundo se sente ou burla,
nin o/a gay que se avergonzaba de selo,
nin o rico financeiro insolidario,
nin a musulmá medio agachada nos seus habitelos,
nin o violador do ensanche,
nin a min.
Grazas, Xesús.

Inauguraches uns tempos novos.
Abríronse as fontes do amor
para que nelas bebese quen ben quixer,
gratuitamente.
O servizo sen fronteiras empezou a ser o sinal de identidade
de quen quixese andar os teus camiños.
Grazas, Xesús.

Déchelo todo,
décheste todo, sen reservas,
exemplo de servizo e de coidados
para o día do amor revolucionario que quedaba para sempre inaugurado.
Grazas, Xesús.
Acción:

Día da Caridade, do amor fraterno, da solidariedade. A mellor maneira de celebrar o amor fraterno, que brillou tanto en Xesús, pode ser buscar ou reforzar en nós algunha forma concreta de solidariedade con persoas ou grupos sociais débiles.


LAVAR OS PÉS

"Logo, se eu o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros" (Xn 13,14).

Lavar os pés é amar o veciño, a veciña.
Lavar os pés é acoller e respectar, coa palabra, cos feitos.
Lavar os pés é pensar nos demais con ideas de ben.
Lavar os pés é comprender e perdoar.
Lavar os pés é facer nosas as penas e bágoas da xente que nos rodea.
Lavar os pés é servir, axudar, colaborar.
Lavar os pés é dar do que é dun para que medre o que é común.
Lavar os pés é visitar o obsequiar o veciño, a veciña.
Lavar os pés é xuntarse, unirse, organizarse, asociarse, para solucionar mellor os problemas do pobo.
Lavar os pés é falar, compartir as ideas, a vida, os traballos, as ilusións.
Lavar os pés é dar da propia alegría para que medre a alegría de todos e todas.
Lavar os pés é renunciar á propia comodidade para aliviar o cansazo alleo.
Lavar os pés é coñecer e recordar os nomes da xente e envolver no amor os seus pasos todos.
Lavar os pés é gravar a vida do irmán ou irmá no propio corazón.
Lavar os pés é dicirlle a quen nos acompaña: quérote, quérote ata a fin.
Lavar os pés é inclinarse humilde e reverente ante a súa sucidade e, sen máis, simplemente, lavarlle os pés.

"Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós" (Xn 13, 15).


DEIXARSE LAVAR OS PÉS

"Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
—Señor, vasme lavar os pés ti a min?

Xesús respondeulle:
—O que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender despois.

Pedro replicoulle:
—Ti non me lavaras os pés a min endexamais". (Xn 15,6-8a).
—Deixarte lavar os pés por Xesús, pola xente, é deixarte aloumiñar e querer por Deus, pola xente.
—Deixarte lavar os pés é deixarte coidar por Deus, pola xente.
—Deixarte lavar os pés é ter conciencia da túa sucidade, do teu pecado, da túa debilidade.
—Deixarte lavar os pés é aceptar agradecido/a as críticas e correccións dos demais.
—Deixarte lavar os pés é querer medrar no ben, na bondade, na liberdade.
—Deixarte lavar os pés é aceptar que todos/as precisamos de todos/as.
—Deixarte lavar os pés é participar na alegría da xente pobre e débil.
—Deixarte lavar os pés é gozar sentíndote digna/o da atención dos demais.
—Deixarte lavar os pés é entender que o mellor da vida é o servizo.
—Deixarte lavar os pés é tomar conciencia, con humildade, da propia dignidade.
—Deixarte lavar os pés é ver o moito que vales aos ollos de Deus e da xente.
—Deixarte lavar os pés é admitir a irmandade como sistema de vida.
—Deixarte lavar os pés é dar e recibir confianza.
—Deixarte lavar os pés é admitir que somos familia, comunidade.
—Deixarte lavar os pés é vivir en constante agradecemento.
—Deixarte lavar os pés é algo revolucionario.
—Deixarte lavar os pés é o primeiro mandamento dunha relación sá con Deus.
—Deixarte lavar os pés é máis difícil que lavarlle os pés á demais xente.

"Xesús respondeulle:
—Se non te lavo, non terás parte comigo.

Exclamou Simón Pedro:
—Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza" (Xn 13, 8b-9).


HORA SANTA

Oración da noite, acompañando a Xesús

Signos: Os da Última Cea: un mantel, un pan, unha xerra das de viño, unha toalla, unha almofía (palangana), un mandil.

Breve explicación do que imos facer:
Coméntanse os signos, que nos recordan a Última Cea e os signos que Xesús fixo nela. Queremos acompañar a Xesús, como un amigo/a acompaña a un amigo/a cando o ve pasando por unha situación tensa. Acompañar, para deixarnos arrastrar por el nas súas opcións de vida, no seu estilo de vida, na súa decisión firme de chegar ata a morte, se fixese falla, antes de renunciar a ser persoa de amor e de servizo. Entrar no mundo de sentimentos de Xesús, asociarnos a el, deixarlle a el que conmova a nosa existencia toda. Imos facer iso parándonos en cinco momentos especiais que Xesús viviu con especial intensidade, antes, durante e despois da Última Cea.

Actualizar este momento. Xesús está vivo no rostro da persoa pobre, marxinal, débil... Escollemos cada un unha persoa destas, ou un grupo de persoas, un grupo social, para identificala con Xesús e introducila tamén; oramos con ela, con ese grupo, escoitámola tamén a ela, adoramos nela a presenza de Xesús, dispoñémonos a servila...

Canto:
Nesta tarde de gloria e de festa
recordamos o amigo Xesús,
na súa cea cos seus compañeiros,
pouco antes de morrer por nós.

Cos seus feitos, coas súas palabras,
ensinounos a todas Xesús
que servindo e amando os veciños
faise aquí a vontade de Deus.

Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer” (Lc 22,15).

Dínolo tamén hoxe a cada un de nós. Dínolo Xesús e dínolo esa persoa débil, oculta, que temos no corazón con Xesús. Acollemos a fondo este sentimento de Xesús. Coñéceme ben, e por iso mo di. É unha proposta de amor, de amizade; é unha busca de afecto, de apoio, de axuda. É a súa ansia por estar na comunidade nova, de irmáns e irmás, ao redor da mesa do pan compartido, dos dereitos compartidos tamén. Xesús necesitado de min, de nós, da comunidade. O amigo/a oculta necesitada de min, da comunidade.

Acollo e oro. Contesto en privado ou en público o que lle queira contestar a Xesús que me di iso.

Canto: Déixate querer, déixate querer, déixate querer por Deus. (por Xesús, pola persoa oculta)

Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.(...) Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós” (Lc 22,19b.20b).

Comer xuntos/as como sinal de fonda intimidade, compenetración, comuñón de sentimentos e de vida: entregarse, pensar nos demais, desfacerse para que outros/as tivesen vida, medrasen, recuperasen dignidade, ganas de vivir, alento, paz, alegría. Que forte ser comensal con Xesús e co amigo/a oculta que o acompaña. Que lle tes que dicir a Xesús por iso? Estás disposto a acoller tanto don? Asústate iso? Dillo a Xesús, dillo ao amigo/a invisible que o representa.

Ora. Se queres, comparte algo do que ores. Podes erguerte e bicar o cáliz, o copón.

Canto: Xuntiños o pan dos amigos hemos comer. Xuntiños o viño do encontro hemos beber.

Pois, quen é máis importante, quen está sentado á mesa ou quen o serve? Acaso non é quen está sentado á mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.” (Lc 22,27). E por iso, durante a cea, “botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés aos discípulos/as e a secarllelos coa toalla que levaba cinguida” (Xn 13,5).

Imaxínome a Xesús diante de min, lavándome os pés. Así era Xesús, así é Xesús, así é Deus. Deus ao meu servizo. “Tamén vós debedes larvarbos os pés uns a outros/as.”(Xn 13,14b). Ser servido, servida por Xesús, por Deus, de tantas maneiras. Asústame servir? No servizo está a túa liberación. No servizo está a liberación da sociedade, do mundo; non no poder, no mando. Cres isto? Pregúntacho tamén o amigo/a oculta que acompaña a Xesús, en representación dos centos de persoas que esperan algo de ti.

Ora. Comparte. Podes erguerte e bicar o mandil, a toalla, os pés dun compañeiro/as...

Canto: Douvos un novo mandato(2), que vos amedes (2), como eu vos teño amado.

Xudas, cun bico entregas o Fillo do home?”

Todos/as levamos dentro de nós un Xudas, un covarde, un violento que non cre na forza do servizo, un desilusionado que abandona o camiño, a tarefa común. Un inconsecuente, que semella andar en amizade, pero que non se deixa conmocionar pola túa vida, pola vida da túa xente máis querida: a xente que por calquera razón non conta. Igual queres bicar a Xesús, pero sen bicar ao amigo/a invisible que o acompaña. Que fácil é ás veces bicar a Deus, cando nos desentendemos da xente débil. Eses son bicos de traizón. “Ten por seguro –dicíalle tamén Xesús a Pedro—que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces”. Que pena, cando os máis amigos, as máis amigas, dan as costas!

Ora. Comparte.

Canto: Levanto os meus ollos cara os montes / na procura da túa axuda, meu Deus, pois de ti vaime vir a miña axuda ( de ti que fixeches o ceo e máis a terra.

Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa. E, cheo de angustia, pregaba con máis intensidade aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan” (Lc 22,42.44)
camiño de Xesús non foi un camiño de rosas. Angustiado, abandonado, cheo de pavor, buscou axuda nos máis amigos, buscouna tamén en Deus. Xesús na hora do aperto busca axuda en ti, na comunidade. O amigo invisible busca axuda en ti. Os apóstolos quedaron durmidos. Non caeron na conta do drama que alguén vivía ao seu redor. Estás viva, esperta, para acompañar a Xesús e á xente máis débil nas súas angustias?

Xesús totalmente disposto a cumprir a vontade do Pai, que coincidía co seu empeño por estar cheo de valentía e de tenrura do lado de quen tiña a vida máis hipotecada. Deus non lle fallou, deulle conforto. Deus tamén che ofrece a ti todo o conforto do mundo. Fíaste del algo polo menos coma Xesús?

Ora, comparte.

Canto: Aquí estou, Señor, pra facer a túa vontade, veño renovar diante de ti a fidelidade.

Final

Coas mans unidas, rezamos o Noso Pai con Xesús, que nolo ensinou, e con esas persoas débiles que levamos escondidas no corazón, con todas as persoas máis débiles do mundo, que hoxe prolongan na historia a Paixón de Cristo e tamén son obxecto da súa solicitude extrema.

Despedímonos de Xesús. En silencio ou mediante unha palabra agarimosa, como cando nos despedimos dun amigo, dunha amiga.


7 de abril: Venres Santo

1º lectura: Is 52, 13—53,12. Salmo: 30, 2 e 6. 12-13. 15-16. 17 e 25.
2ª lectura: Heb 4, 14-16; 5, 7-9.

Evanxeo: Paixón segundo san Xoán: Xn 18,1-19,42
(Breve: Xn 19,16b-41)

Crucifixión de Xesús

Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado e Xesús no medio.

Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o rei dos xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
—Non escribas “O rei dos xudeus”, senón que el dixo “Son rei dos xudeus”.

Pilato respondeu:
—O escrito, escrito está.

Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado, e máis a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron entre eles:
—Non a rachemos, sorteémola a ver a quen lle toca.

Así cumpriuse a Escritura que di:
—Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.

Tal fixeron os soldados.

Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo.

Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí a túa nai.

E dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.

Morte de Xesús

Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
—Teño sede.

Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre, dixo:
—Está cumprido.

E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.

Entón os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado –pois era grande aquel día de sábado—, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen. Viñeron, logo, os soldados e rompéronlle as pernas ao primeiro e máis ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza, e no instante saíu sangue e auga.

Quen o viu dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: “Non lle crebarán óso ningún.” E noutro lugar di: “Han mirar para quen traspasaron”.

Sepultura de Xesús

Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús –aínda que ás agachadas, por medo aos xudeus—, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo –aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite—, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras. Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaron a Xesús había un xardín e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.

Meditación

Pódenos parecer que a vida de Xesús foi un fracaso, porque acabou impoñéndose a xente de poder que se opoñía ao estilo de Xesús que buscaba crear irmandade desde abaixo, dando preferencia sempre ás persoas máis fráxiles e pecadoras. Pódenos parecer que na historia sempre se repetiu o mesmo: homes e mulleres que quixeron acabar coas situacións de abuso, no corpo e no espírito, e que acabaron esmagadas polo poder. Pódenos parecer, daquela, que é inútil vivir en honradez, en solidariedade, buscando unha comunidade cristiá e unha sociedade digna, construídas desde a irmandade.

Non. A morte de Xesús dinos outra cousa. Porque nos fala da fortaleza da xente débil, que non se prega a quen a quere facer calar. Porque estas mortes sempre acaban sendo semente da que xermolan persoas, comunidades renovadas, valentes, arriscadas: a persoa así morta prolóngase no tempo, ata a eternidade, nas persoas que admiran, agradecen e procuran imitar o seu exemplo. Curiosamente estas mortes, a de Xesús a primeira, son as que sosteñen a dignidade da humanidade enteira, e nos permiten soñar que o amor, a solidariedade fonda e real, acabe conducindo os nosos corazóns, as nosas vidas. Contemplar a Xesús morto na cruz non deprime, ao contrario, pacifica, reforza, alerta os ánimos, anima á resistencia, consolida a vontade de ser homes e mulleres consistentes, fieis. Deus está totalmente da nosa parte. Ata a morte. Deus non é inútil.

Oración
Adórote, Xesús,
cravado na cruz.
Adórote, Xesús,
sedento na cruz.
Adórote, Xesús,
todo paixón.
Adórote, Xesús,
machucado, espido.
Adórote, Xesús,
entregado, cumprido.
Adórote, Xesús,
morto por amor.
Adórote, Xesús,
refugallo humano,
gloria de Deus.
E contigo adoro
a todos os homes e mulleres,
individuos e pobos
que sofren cruz e escarnio,
humillación e esquecemento.
Adórote, Xesús,
no silencio da cruz.
Acción

A parte de que dediquemos un tempo a contemplar a paixón de Xesús, o Cristo, podemos aproximarnos hoxe a algunha persoa ou grupo humano ou pobo que estea sendo na historia unha prolongación da morte de Cristo. Se podemos facelo persoalmente, mellor. Senón, podemos valernos de calquera medio de comunicación que nos permita esa aproximación e coñecemento.


8 de abril: Sábado Santo.Vixilia Pascual

Evanxeo: Mt 28, 1-10

Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Madalena e mais a outra María foron visitar o sepulcro.

Entón produciuse un gran terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles ás mulleres:
—Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ver o sitio onde estaba. E ide axiña dicirlles aos seus discípulos: “Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes.” Iso é o que vos tiña que dicir.”

Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren aos seus discípulos.

Entón Xesús saíulles ao encontro dicindo:
—Alegrádevos.

Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. Xesús díxolles:
—Non teñades medo; ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.”.

Meditación

É un día de moito silencio. Cristo está calado no sepulcro. O seu evanxeo non resoa nas palabras. Resoa misteriosamente naquel corpo silenciado, que no silencio de Deus pasa da morte á vida. Un corpo morto que recende ao amor que, coa palabra e cos feitos, foi compartindo con cantos homes e mulleres se atoparon con el na vida. Un corpo morto ao que ninguén ousaría negarlle a vida. Un corpo que zumega vida.

Así é un milagre natural, normal, que poidamos falar de Xesús, o Cristo, resucitado. Que o adiviñemos arredando lousas, saltando os lindeiros da morte, para reencontrarse nas fontes da vida, en Deus, e seguir pensando en cousas de vida neste mundo, empuxando para iso os seus discípulos e discípulas de sempre, de onte e de hoxe. Xesús, o Cristo, resucitado. Vivo entre nós, para nós. Vivo para crear vida nos nosos corazóns, nas nosas comunidades, nos nosos pobos. Invitándonos á vida, que dunha vez sexa digna, sa, irmandada, feliz.

Un día de moito silencio, de moita espera. Ao pé de quen agarda en silencio e amargura que o sol alume a súa vida.

Oración
Aplaudímoste coas nosas mans, meu Deus,
polo inmenso caudal de vida que ti es.
Aplaudímoste cos nosos corazóns, meu Deus,
polo prodixio de Xesús
na súa vida, na súa morte, na súa resurrección.
Aplaudímoste co noso silencio, meu Deus,
porque caladamente revolucionas o mundo
e o convertes en terra de esperanza.
Aplaudímoste coas nosas vidas, meu Deus,
asentada felizmente en ti, fonte de vida.
Aplaudímoste coa xente máis fráxil deste mundo, meu Deus,
porque en ti teñen porvir asegurado
e en nós, no que poidamos e saibamos, unha man amiga,
unha man crucificada, unha man pascual.
Acción

Festexemos a Pascua. Celebremos, comamos, bebamos, bailemos en comunidade. Botémoslle o ollo a algunha persoa ou situación social apoucada e vaiamos cara a ela compartindo vida.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.