07 abril, 2023

Tempo de Pascua: 1ª semana



P A S C U A

Empezamos o tempo de Pascua, que desde a celebración da Vixilia Pascual nos vai levar durante seis semanas á solemnidade da Ascensión, logo á de Pentecoste, na que celebraremos a presenza do Espírito Santo nas nosas vidas cristiás, na vida de todas as persoas e realidades que hai no mundo.

Durante a oitava de Pascua o Evanxeo de cada día permite aproximarnos á experiencia daquelas persoas que dun xeito sorprendente tiveron a experiencia de que Cristo estaba vivo no medio delas, no medio da comunidade, no medio do mundo. Morrera, pero a morte non lle arrebatara a capacidade de estar no medio dos seus –todo o mundo é seu—, iso si, dunha forma nova, que se percibe cunha sensibilidade nova.

Durante o tempo da Pascua invitarásenos a realizar nos mesmos esa experiencia de encontro con Cristo resucitado; cousa que non é cuestión de ningún tipo de maxia, senón cuestión de estar moi atentas/os á vida de cada día, pois é na vida de cada día onde Xesús se nos amosará a través de pequenos sinais que falan del, que nolo fan presente. Por exemplo, se eu levo tempo sen lle falar a unha persoa veciña, percibo que iso é un atranco para a nosa felicidade, e me dispoño a retomar esa relación, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min, ou eu nel. Ou se estaba deixando de participar en algo comunitario, e vexo que non podo deixar de lado os intereses comunitarios, e me dispoño a volver a botar unha man, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min ou eu en Xesús.

A Pascua é un clamor de vida, un clamor pola vida. A nosa Pascua sempre será unha Pascua parcial, en camiño. Pero é Pascua, porque é gustar xa o fermoso que é vivir, o fermoso que é compartir vida, o fermoso que é traballar para que a vida o envolva todo: natureza, animais, xente. A Pascua realízase sobre todo cando todo o máis fráxil da natureza, dos animais, das persoas, por fóra ou por dentro, é especialmente atendido, e recupera o gozo de vivir e de celebrar a vida. No nome do Deus da vida, que para a vida nos creou e para a vida nos recompuxo en Cristo Xesús.


9 de abril: Domingo de Pascua

1ª lectura: Feit 10, 34a. 37-43. Salmo:117, 1-2. 16ab-17. 22-23
2ª lectura: 1Cor 5, 6b-8.

Evanxeo: Xn 20,1-9

No día primeiro da semana María a Madalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.

Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles:
—Colleron do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.

Pedro e máis o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao sepulcro.

Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou.Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaa cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.

Entón entrou tamén ao sepulcro o outro discípulo, que chegara primeiro; viu e creu. (Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era precisa que resucitase de entre os mortos.).

Meditación

Seguro que a maioría de nós temos a cabeza e o corazón cheos de moitas palabras, de moitas mensaxes, de moitas chamadas, de moitas urxencias. O día de hoxe, a Pascua do Señor, préstase para que con tranquilidade, con serenidade, con alegría, nos paremos a acoller con afecto e agradecemento o remate de tanta cousa densa, fonda e fermosa, que nestes días fomos vivindo na medida en que acompañamos ao Señor no seu camiño de Paixón que rematou en gloria, na medida en que acompañamos tamén, no Señor Xesús e co Señor Xesús, a cantas persoas que nestes nosos tempos están, estamos, envoltas en procesos de debilidade, de escuridade, de menosprezo, á espera de atopar camiños de recoñecemento, de dignidade, de vida, de gloria. Un día, logo, de tranquilidade, de alegría, para repasar o acontecido con María Magdalena, con Pedro e Xoán, cos membros da nosa comunidade cristiá. Un día para entrar no gozo de Xesús e no gozo das persoas que van vendo luz nas súas vidas. Un día para tomar en conta a convida de Xesús a vernos de novo na nosa especial Galilea, é dicir, na vida máis ou menos vulgar de cada día, que a partir de hoxe pode ser unha vida iluminada, fortalecida pola presenza máis sentida de Xesús resucitado cabo de nós.

Cando falamos de Resurrección, da de Xesús e da nosa, váisenos a cabeza con frecuencia á resurrección que, se Deus quere —e sempre quere—, poñerá fin á nosa existencia neste mundo. Tárdanos, é certo, o día da reconciliación total, o día da irmandade vivida sen pegas ni golpes baixos, o día da dignificación total de todo ser humano, home ou muller, que teña pisado este mundo, o día onde os choros, a dor, as trampas, as ruindades, as mentiras, as corrupcións, os abusos, as vergonzas, as ansias, as angustias, os autodesprezos teñan desaparecido para sempre. O día no que vivamos con simplicidade e alegría o que somos, o que estamos chamados/as a ser en Deus: unha roda inmensa de irmandade, unha comunidade de ben e de paz sen fin.

E, mentres, que? Iso que soñamos témolo que esperar simplemente coma un regalo de Deus, ou poderemos ir abrindo camiños, ir deixando que ese soño de vida nos configure por dentro e por fóra, e configure tamén os nosos espazos todos de convivencia: na familia, no traballo, nas diversións, nas relacións sociais, políticas, sindicais, na esixencia dos nosos dereitos e no exercicio dos nosos deberes? Todo é regalado, é certo, pero, ao mesmo tempo, todo vai sendo froito dos pasos, dos esforzos, da firmeza coa que collamos cada día a vida que se vai pousando nas nosas vidas. A Pascua para todos e todas nós, como tamén o foi para Xesús, é un don que se conquista.

Penso que foron as comunidades cristiás de América Latina as que, levadas nos seus soños polo Espírito mesmo de Xesús, por primeira vez empezaron a falar diso de que "Outro mundo é posible". Despois todos, todas fomos copiando, non sei se coa mesma intensidade, convencemento e compromiso. E hoxe, fartos/as de que as cousas vaian tan mal sobre todo para as persoas, familias e pobos máis débiles, por todos os lados oímos dicir e tamén dicimos: "Outra sanidade é posible", "Outra economía é posible", "Outras formas políticas son posibles", "Outro mundo rural é posible", "Outra Igrexa é posible". A resurrección de Xesús é o aval de que outra vida é posible, non só cando morramos e Deus nos recolla nas súa mans de Nai agarimosa, senón agora mesmo, cando nos temos que enfrontar coa pesadume das cousas, e as nosas vidas se amargan a forza de tanta insensatez, propia e allea, e desexamos que as cousas poidan cambiar para mellor. Coa Pascua fresca nas mans, nos nosos corazóns resoa con especial densidade esa chamada a renovar, a facer novas todas as cousas, empezando polo propio corazón, pola propia vida. Temos un guieiro, Xesús de Nazaré; temos unha forza persistente, o seu propio Espírito que el nos regala sen medida; e temos a urxencia por facelo, porque hai moito corazón desfeito e moita bágoa perdida polo mundo adiante.

Hai pouco lin este poemiña de Díaz Castro e di así:
¡Cruel, cruel, cruel
realidade! ¡Ai laio
sobre o escombro dun soño
que non se erguerá máis!

Pra aló do mundo, un sol
sen noite nin historia
busca a ruína esquencida
e énchea toda de gloria.
Pareceume un perfecto pregón pascual. Polos momentos, máis ou menos longos, nos que para nós ou para quen sexa a vida é un "escombro dun soño que non se erguerá máis" ou unha "ruína esquencida", a promesa, a convicción de que "un sol sen noite nin historia" pode enchelo todo de vida, de esperanza, de gloria. E, como xa dixemos, todo sen esperar ao outro mundo, onde as cousas descansan sen problemas nas mans de Deus. Neste mundo, onde as cousas andan como andan nas nosas mans fráxiles e pecadoras.

Preces

BENDITO SEXAS TI, XESÚS RESUCITADO

Bendito sexas na luz do sol, no vigor da natureza en primavera, nas augas limpas que alimentan a vida, no canto dos paxaros buscando e facendo vida, nos froitos que empezan a agromar nas nosas terras. Proclamamos.

Bendito sexas nos ánimos da xente que busca o pan de cada día honradamente, que se une en amores e solidariedades, que fai casa e familia, que mira polo ben e o progreso da parroquia con xenerosidade. Proclamamos.

Bendito sexas na xente ousada que, algo coma ti, Xesús, se lanza á aventura de deixalo todo e crear vínculos novos para unha familia nova, onde as persoas máis débiles, fráxiles, marxinadas, ocupen sempre os primeiros postos reciban as primeiras atencións. Proclamamos.

Bendito sexas nos políticos e sindicalistas honrados, que se negan a poñer a sociedade nas mans de banqueiros e financeiros, e soñan cada día cunha humanidade nova, onde homes e mulleres en irmandade estean no centro de todos os soños e de todas as tarefas. Proclamamos.

Bendito sexas nos nenos e nenas que este ano estrearon vida e esperan vivila con paz e alegría, ben integrados/as, aprendendo a gozar e a coidar a vida todo canto poidan. Proclamamos.

Oración
Non sei que dicirche, Señor,
non sei que dicirche,
máis que agradecer, agradecer e agradecer,
e expoñer a miña vida toda
aos aires novos da túa vida nova,
da túa Pascua,
que queres facer miña.

Non sei que dicirche, Señor,
sáeme cantar, rir, festexar, bailar,
sáeme darche a man
e ofrecerme a andar contigo
polos camiños novos
que acabas de debuxar
na miña vida renovada.

Non sei que dicirche, Señor,
máis que saír aos camiños,
ir ás casas dos meus veciños e veciñas
e abrazalas e bicalas
da miña parte, da túa parte,
e convidalos/as á festa da irmandade,
á tarefa da irmandade.

Non sei que dicirche, Señor,
non sei que dicirche,
pídeme o corpo poñerme á espreita
nos sepulcros da vida,
chorar ausencias e baleiros,
arrimar o lombo ata o sangue
e gozar vendo como os soños se erguen,
e como as ruínas se reparan.

Non sei que dicirche, Señor,
máis que facerme, algo coma ti,
persoa de alentos e esperanzas,
acendedora de lumes,
recuncho de apertas,
provocadora de amenceres.
Pero, quen son eu para tales cousas!

Non sei que dicirche, Señor,
non sei que dicirche,
máis que celebrar contigo a túa Pascua,
a miña Pascua, a nosa Pascua,
a Pascua do pobo.
Acción

Festexemos a Pascua. Celebremos, comamos, bebamos, bailemos en comunidade. Botémoslle o ollo a algunha persoa ou situación social apoucada e vaiamos cara a ela compartindo vida.


10 de abril: Luns da Oitava de Pascua

1ª lectura: Feit 2, 14. 22-23
Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11

Evanxeo: Mt 28, 8-15

As mulleres (María Magdalena e máis a outra María) marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor, pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren aos seus discípulos.

Entón Xesús saíulles ao encontro dicindo:
—Alegrádevos.

Elas achegáronse a el, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. Xesús díxolles:
—Non teñades medo; ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.

Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren aos sumos sacerdotes de canto acontecera. Eles reuníronse cos senadores e acordaron darlles unha boa presa de cartos aos soldados, encargándolles:
—Vós dicide: “os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos”. E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro.

Eles colleron os cartos e fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe.

Meditación

Durante este semana contemplaremos a resurrección de Xesús vista e vivida por diferentes persoas ou grupos. Estas experiencias serán coma unha incitación para que tamén nós teñamos a nosa particular experiencia de Cristo resucitado. Serán experiencias distintas, pero seguro que coincidirán no fundamental. E o fundamental está moi ben recollido no relato de hoxe: Un certo temor, que sabe máis a asombro e admiración que a outra cousa; unha alegría moi grande porque os mellores soños seguen vivos, unha vontade de compartir o visto e oído con outras persoas; un reeencontro con Xesús, para o que Xesús dá sempre o primeiro paso, e unha invitación a retomar no noso lugar de vida o estilo de vida de Xesús, a seguir soñando os seus mesmos soños.

E así espelir os ánimos para saber descubrir e realizar a vida resucitada que pode ir xurdindo nas nosas vidas, no noso entorno. Cousas pequenas nas que se amose o triunfo da vida sobre da morte, da verdade sobre a mentira, da bondade sobre a maldade, do comunitario sobre o individualismo, etc. Descubrilo e celebralo á sombra de Cristo resucitado.

Oración
Que saiba ter os ollos e o corazón ben abertos, meu Deus,
para descubrir a vida gañándolle a partida á morte:
cando noutras persoas ou en min mesma
os amores poidan máis ca os rancores;
cando non quedemos indiferentes ante as dores alleas;
cando nos alegremos coas alegrías da xente débil;
cando gañen a paz sobre a guerra,
e os dereitos da xente humilde sobre os privilexios dos grandes.
E así mil cousas máis,
nas que a vida se me pode facer coma da casa.
E que nos saibamos alegrar con ela,
e que a festexemos en comunidade,
e que a compartamos para maior gloria túa
e maior gozo e irmandade nosa.
Acción

Podémonos esforzar un pouco por ver cousas da nosa vida persoal, familiar, comunitaria, social, nas que a vida estea podendo máis que a morte. E estaría ben que o celebrásemos dalgunha maneira coa xente que tales cousas realiza.


11 de abril: Martes da Oitava de Pascua

1ª lectura: Feit 2, 36-41
Salmo: 32, 4-5. 18-19. 20 e 22

Evanxeo: Xn 20, 11-18

Mentres tanto María Magdalena quedara ao pé do sepulcro, fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús. Eles preguntáronlle:
—Muller, por que choras?

Ela respondeulles:
—Porque colleron o meu Señor e non sei onde o puxeron.

Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús preguntoulle:
—Muller, por que choras? A quen buscas?

Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:
—Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.

Xesús díxolle:
—María!

Ela, virándose, exclamou en hebreo:
—Rabbuni! (que quere dicir “Mestre”)

Xesús díxolle:
—Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.

María Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.

Meditación

Volvemos atoparnos con María Magdalena. Coa súa constancia: os demais marchan, pero ela queda alí, ao pé do sepulcro. Coa súa dor: chora e chora a ausencia do Xesús querido. Coa súa busca: entra e mira, observa. Cos seus amores en ausencias: “leváronme o meu Señor, non sei onde o puxeron”. Coa súa capacidade de percibir as chamadas cando oe o seu nome. Cos súa dispoñibilidade comunitaria, renunciando á apetencia de se quedar apegadiña a Xesús.

Por todo isto, María a Magdalena é unha referencia para nós, cando buscamos ter unha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Nunca se realizará de forma corporal, nin cos sentidos corporais; pero si se pode sentir co corazón, cos sentidos espirituais, con esa forma especial de oír, ver, gustar, tocar da que os seres humanos somos capaces cando nos deixamos levar polo espírito de Deus. Os lugares onde hoxe podemos atoparnos co Cristo resucitado non é xa un sepulcro, senón o campo todo da vida, onde se vive e dramatiza a nosa existencia, con toda clase de circunstancias e sentimentos. Xesús está aí, á espera de nós.

Oración
Quen me dera, como a Magdalena,
amor e ansias para atoparme contigo, Xesús!
Quen me dera busca, paixón, coma a dela,
para descubrirte vivo
no traballo da vida, na loita da vida de cada día,
ben ao noso lado,
alentando os nosos esforzos por unha vida digna!
Quen me dera ser sensible coma ela
para pronunciar o teu nome con agarimo e admiración,
para seguir os teus pasos rebeldes
neste meu mundo apoucado e prepotente a un tempo!
Quen me dera sentirte dentro, alá no fondo,
conmocionando a miña vida,
converténdoa nunha humilde fervenza de gozos e de loitas,
de soños e de encontros!
Quen, senón ti, Xesús,
quen, senón o teu Espírito, Xesús!
Acción

Podemos volver á nosa vida de cada día, e intentar ver nela algún sinal de vida, que nos manifeste que Xesús está vivo no medio de nós. Comentámolo. Agradecémolo. Celebrámolo incluso cun sinxelo brinde.


12 de abril: Mércores da Oitava de Pascua

1ª lectura: Feit 3, 1-10
Salmo: 104, 1-2. 3-4. 6-7. 8-9

Evanxeo: Lc 24, 13-35

Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
—De que ides falando polo camiño?

Eles pararon cunha cara moi tristeira e Cleofás, un deles, respondeulle:
—Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?

El preguntou:
—De que, logo?

Eles contestaron:
—Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de cómo os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días dende que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres da nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro e atopárono todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.

Entón díxolles Xesús:
—Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?

E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.

Ao entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
—Queda connosco, porque se fai tarde e a noite bótase enriba.

Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
—Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?

E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
—É certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.

Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan.

Meditación

Estamos ante un relato intensísimo, emocionante. Recolle o estado de ánimo dos seguidores e seguidoras de Xesús despois da súa morte violenta, e o proceso externa e interno que foron seguindo ata chegar ao convencemento de que Xesús estaba vivo no medio deles, sosténdoos nas súas amarguras, alentándoos a proseguir o estilo de vida que cabo del experimentaran. Relendo as Escrituras, decatándose dos xeitos de actuación de Deus, que nunca son de poder, senón de servizo, lembrando os xestos de Xesús, a súa maneira de desenvolverse, de falar, de tratar a xente, de partir o pan en comunidade, caeron na conta de que Xesús permanecía con eles; dunha maneira nova, pero permanecía con eles, e con que intensidade!

E nós estamos invitad@s a ter unha experiencia semellante. A morte non pode co amor. A morte non borra presenzas fondas. Ao contrario, pode avivecelas. Non se trata en ningún caso de pensar en aparicións raras. Trátase de ver cos ollos do corazón, do espírito, e poder percibir presenzas, forzas, alentos que sosteñen a vida e a volven fresca e vigorosa. Así somos, así podemos ser as persoas cristiás co noso Cristo no corazón, apostando vigorosamente pola vida.

Oración
Desexo, Xesús,
que se me abran os ollos para verte
ben vivo e presente
nas cousas todas da vida.
No rostro da miña parella, dos meu fillo ou filla,
nas historias da xente veciña,
amargas ou ledas,
nos tempos de traballo,
nos tempos de lecer,
cando penso nos meus problemas,
cando me asomo aos problemas alleos,
e vexo aquí e acolá
o gozo e a dor que hai polo mundo,
nas horas de ledicia e esperanza,
nas horas de tristura e desespero…
Desexo, Xesús, canto o desexo,
que se me abran os ollos para verte,
para ver que me ollas
e me falas con palabras de alento.
Que o teu Espírito me limpe os olliños
e sempre os manteña espertos.
Acción

Igual estamos pasando por algún momento de desesperanza; podemos buscar a alguén con quen compartir o noso desánimo. Igual sabemos doutras persoas que o están pasando mal; podemos achegarnos a elas para as animar.


13 de abril: Xoves da Oitava de Pascua

1ª lectura: Feit 3, 11-25
Salmo: 8, 2a e 5. 6-7. 8-9

Evanxeo: Lc 24, 35-48

Naquel tempo contaban eles (os dos discípulos de Emaús) o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan. Estando eles comentando estas cousas, presentouse Xesús no medio e díxolles:
—A paz sexa convosco!

Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:
—Por que estades asustados e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.

E dicindo isto, mostroulles as mans e máis os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
—Tedes por aí algo que comer?

Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:
—A isto me refería eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e máis nos Salmos acerca de min.

E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E engadiu:
—Así esta escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e máis o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto.

Meditación

Os primeiros discípulos de Xesús, uns e outros, mulleres e homes, van vivindo a experiencia de que Deus está vivo no medio deles. E vana contando, vana compartindo, vana facendo comunitaria. Len as Escrituras santas e van vendo que hai unha corrente fonda de unidade que explica o sentido dunha morte que parecía carecer de sentido, e que mesmo semellaba ser consecuencia dun abandono de Deus.

Así, coa súa palabra e sobre todo coa súa vida, aquelas mulleres e homes vanse converter en testemuñas do que Xesús foi e viviu. Testemuñas daquelas mans furadas, tan afeitas a dar apoios e alentos; testemuñas daqueles pés, tamén agora furados, tan afeitos a andar camiños, para atoparse coa xente, coas súas vidas, ledicias e pesares; testemuñas de Xesús comendo peixe en grupo, aquel Xesús tan amante das comidas compartidas, onde vía sempre un adianto dun futuro feliz, en irmandade, en festa, en paz. Testemuñas dun Xesús morto por amor, por solidariedade, pero vivo no seo de Deus, no seo da comunidade, no seo do mundo. Vivo e dando vida. Vivo e alentando contra todo mal, contra toda desgraza, contra toda indignidade.

Oración
E dinos Xesús:
Mira a miñas mans furadas,
meu amigo, miña amiga,
douchas como mostra da miña amizade comprometida
contigo.
Mira os meus pés furados,
meu amigo, miña amiga,
dispostos a seguir facendo camiño
contigo.
Mira o peixe que como,
a fame inmensa de todos as famentas/os
que quero compartir e matar
contigo.
Mira a miña vontade de seguir vivo entre vós,
ofrecéndolle ao mundo,
á xente máis fráxil sobre todo,
a posibilidade de ter vida e tela digna e tela en abundancia,
contigo.
Acción

Podemos recordar e celebrar hoxe as feridas, ou mesmo mortes, dalgunhas persoas, que acabaron converténdose en causa de vida para outra xente, para o mundo. Empezamos mirando para as nosas mesmas vidas, aínda que nos parezan moi pequenas.


14 de abril: Venres da Oitava de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 1-12
Salmo: 117, 1-2 e 4. 22-24. 25-27a.

Evanxeo: Xn 21, 1-14

Máis adiante Xesús aparecéuselles outra vez aos seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xémeo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e máis outros dous discípulos seus. Simón Pedro díxolles:
—Vou pescar.

Eles contestaron:
—Imos tamén nós contigo.

Saíron e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
—Rapaces, tedes algo que comer?

Eles responderon:
—Non.

Díxolles entón:
—Largade o aparello por estribor e atoparedes.

Eles largárono e xa non podían alzalo a bordo, de tanto peixe. Entón aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
—É o Señor.

Daquela Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido –pois estaba espido— e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e máis pan.

Xesús díxolles_
—Traede deses peixes que acabades de coller.

Simón Perdo subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.

Xesús díxolles:
—Vinde comer.

Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle “ti quen es”, sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.

Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os mortos.

Meditación

Este relato ten un encanto especial. Xesús resucitado é como un amigo que se reencontra cos seus amigos e convídaos a tomar algo. Neste caso, no canto dunhas copas, un café ou un vaso de viño, algo máis saudable: un anaco de pan e un pouco de peixe asado. Que simple, que humano, que precioso iso de Xesús de preguntarlles se teñen algo que comer, de acender lume e preparar un pique de pan con peixe, e logo dicirlles: “vide comer”!

Ao ir contando o sucedido, o evanxelista vai soltando certos convencementos: sen Xesús a pesca non dá froito; as persoas que o queren son as que máis axiña descobren a súa presenza; os máis botados para adiante, como Pedro, son resolutivos en todas as cousas; os 153 peixes, e grandes, fala de abundancias compartidas, como cando comeran o pan multiplicado, que coas sobras encheran 7cestas; aquel pan con peixe sabía a eucaristía, porque, en realidade, o cerne da eucaristía non está sometido ao pan e ao viño, senón ao corazón con que Xesús o comparte, con que nós o compartimos.

Pero todo nunha normalidade, nunha familiaridade sorprendente. A nosa vida relixiosa carece moitas veces desta normalidade humana, destes momentos de estar compartindo, gozando; desta grandeza de vida amosada en xestos humildes, en solicitudes por cousas simples, que tanto contribúen a sentirnos ben, a gusto, dentro do noso grupo de fe e de vida.

Oración
Sinto que te preocupas por nós, Xesús:
se temos ou non que comer,
se temos ou non de que vivir,
se a nosa vida é boa, feliz, completa…
Sinto que para min, para nós,
preparas o pan con peixe,
como un detalle de amizade,
porque tes ansia de nós,
e queres matar as nosas fames,
as fames de todos,
todas as fames.
Imaxínote dándonos o pan con peixe,
como noutrora nos dás pan con viño,
signos da vida, do traballo, dos soños compartidos.
Imaxínote preguntando amigablemente
como nos vai,
na casa, na comunidade, no pobo, en Galicia, no mundo,
acollendo as nosas ansias,
compartindo tamén as túas.
E desta forma tan sinxela,
amosándote vivo, resucitado,
no medio da nosa comunidade,
das nosas vidas.
Grazas, Xesús.
Acción

Seguro que temos algunha persoa ou grupo co que nos xuntar, para tomar algo xuntas, para falar como nos vai na vida, para compartir algo do que vai sucedendo no fondo das nosas vidas. É unha forma de vivir ao estilo de Xesús resucitado.


15 de abril: Sábado da Oitava de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 13-21
Salmo: 117, 1 e 14-15. 16ab-18. 19-21

Evanxeo: Mc 16, 9-15

Xesús resucitou no abrente do primeiro día da semana e aparecéuselle en primeiro lugar a María Magdalena, da que botara sete demos. Ela fóillelo dicir aos compañeiros del, que estaban chorosos e tristeiros. Pero estes, oíndolle dicir que estaba vivo e que ela o vira, non llo creron.

Despois disto, aparecéuselles en figura diferente a dous que ían de camiño a un lugar. Estes fóronllelo contar tamén aos demais, pero nin a eles os creron.

Por último aparecéuselles aos once mentres estaban á mesa e botoulles na cara a súa incredulidade e a dureza de corazón por non creren a aqueles que o viran resucitado de entre os mortos. E díxolles:
—Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación.

Meditación

Neste pedaciño de Evanxeo Marcos fai como un resume de varios encontros de Xesús resucitado con diferentes persoas. Xa os fomos vendo en días pasados. Chama a atención neste resume a incredulidade dos discípulos, que o mesmo Xesús lles bota en cara nun encontro co grupo. Quizais tamén nós dubidemos. Resucitar non é crer que Xesús recuperou o seu corpo e anda por aí como ás agachadas. Resucitar quere dicir que Xesús está en Deus, totalmente en Deus, dunha maneira nova, inimaxinable para nós. E que polo tanto forma parte deste mundo de ben, de amor, de solidariedade no que nos movemos tamén os humanos todos.

Pode estar ben crer porque nolo contan. Pero realmente un cre de veras cando fai a experiencia daquilo no que cre. Non podo crer que Deus é un Deus de amor, se non me sinto realmente amado por el. Non podo crer que Xesús resucitou e está vivo na miña vida, no medio da comunidade, no medio do mundo, se realmente non o experimento vivo en min. As nosas comunidades cristiás deberían axudarnos a experimentar isto.

Oración
Que podo facer, meu Deus,
para sentir vivo dentro de min,
o teu Cristo,
a Xesús de Nazaré?
Cavilar e cavilar,
debater e debater,
rezar e rezar,
ou simplemente amar e servir,
seguindo de cerca as súas pegadas?
Ti acompáñasme na miña incredulidade:
que non se me endureza o corazón, meu Deus.
Acción

Sería ben bonito xuntarnos as persoas cristiás un día para compartir como estamos crendo nós en Xesús resucitado, como apostamos por el. Tamén sería ben bonito xuntarse xente diferente para compartir como estamos crendo no porvir das nosas vidas no campo ou na cidade, e como apostamos por ese futuro.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.