02 marzo, 2023

Tempo de Coresma: 2ª semana




5 de marzo: Domingo 2º de Coresma

1ª lectura: Xén 12, 1-4a. Salmo: 32, 4-5. 198-19. 20 e 22
2ª lectura 2Tim 1, 8b-10.

Evanxeo: Mt 17, 1-9

Unha vez Xesús levou consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sos a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol; e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto aparecéuselles Moisés e tamén Elías, que estaban falando con el. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
—“Señor, que bo sería ficamos aquí! Queres que faga aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías?”!

Aínda estaba el falando, cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e oíuse unha voz que dende a nube dicía:
—“Este é o meu Fillo benquerido, o que me comprace; escoitádeo.”

Ao escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús, achegándose, tocounos e díxolles:
—Erguédevos, non teñades medo!”

Levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.

Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
—“Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.”.

Meditación

Na Coresma estamos invitados/as a facer un camiño de acompañamento a Xesús nas súas opcións, nas súas experiencias de vida, no seu estilo de vida, que o foron levando cara a unha situación de conflito coas autoridades relixiosas e civís do seu tempo; e este conflito acabou na morte violenta de Xesús por parte desas autoridades: era evidente que Xesús molestaba para quen quería montar o seu poder sobre o abuso da xente, desinteresándose do respecto polas persoas, deixando de lado aos máis débiles, pobres e pecadores/as da sociedade. Xesús mantívose fiel, ata a morte; amou ata o extremo, non recuou, por fidelidade a Deus e por fidelidade ao pobo a quen Deus tanto amaba. E Deus sentiuse compracido nesta fidelidade de Xesús, aínda que non lle fixese ningunha graza a morte do seu Fillo, como non lle fai ningunha graza a morte, o encollemento, o desprezo de ningún dos seus fillos e fillas que somos nós.

O relato de hoxe fálanos precisamente destas cousas, invítanos a entendelas e a vivilas. Coma Pedro, Santiago e Xoán, todos, todas nós somos invitadas por Xesús a acompañalo nesas experiencias que pasaron polo corazón, pola vida de Xesús. O monte alto é o símbolo da manifestación e da experiencia de Deus. Todo o que Xesús vivía, loitaba, defendía, provocaba, tiña a súa raíz nunha experiencia clara, limpa de Deus. Iso era o motor que o impulsaba, que lle permitía ter a mansedume que demostrou na paixón e a valentía, a audacia que tamén demostrou. Buscamos, traballamos nós, como persoas, como comunidade esa experiencia limpa de Deus nas nosas vidas, para que as sosteña na liña de Xesús?

O relato fálanos tamén dun Xesús espléndido, cheo de luz e transparencia, acompañado por dous grandes líderes espirituais do pobo de Israel, Moisés e Elías; o primeiro, Moisés, encabezara un movemento de rebeldía e de liberdade co pobo de Deus explotado por un poder faraónico abusivo; Xesús afondou nesa mesma rebeldía e liberdade; o segundo, Elías, foi o defensor dunha práctica relixiosa confiada en Deus, purificada de trampas e enganos, cousa que tamén Xesús levou ata o extremo. O relato, construído dunha forma simbólica —que non sexa histórica non quere dicir que non nos estea dicindo cousas moi certas sobre Xesús e o que Xesús significa para a nosa vida cristiá—, dinos que Pedro atopábase tan a gusto, que quería montar alí unhas tendas para Xesús, Moisés e Elías, con tal de seguir gozando de todo o que estaba vendo. Pero faltaba o máis importante: caer na conta a fondo de que Xesús era o fillo benquerido de Deus, en quen Deus se compracía, ao que había que escoitar. Non se trata, como pretendía Pedro, de quedar alí ao quente, mentres a vida dos fillos e fillas de Deus anda sabe Deus como. E os apóstolos entenden: hai que escoitar a este Xesús, hai que seguilo, hai que imitalo, hai que acompañalo, hai que vivir nos nosos días como nos seus viviu Xesús. Como vivimos nós a nosa relixiosidade: cara a dentro, moi tranquiliños/as cos nosos rezos e celebracións, cos nosos grupos e debates, ou cara a fóra, saíndo cara a onde a vida se xoga, se aprecia ou se despreza, como tamén nos di con tanta frecuencia o Papa Francisco?

Xesús quérelles quitar o medo do corpo. Deus non é para meter medos. O camiño de Xesús tampouco non é para poñer medos. Non é unha broma o que el nos propón; supón esforzo, valentía, loita, sufrimento ás veces, morte algunha vez, como lle pasou a Xesús, pero o camiño de Xesús é un camiño de satisfaccións, de contentos fondos que chegan para cubrir con paz e gloria esas horas tensas, que son inevitables cando unha persoa intenta ser limpamente filla ou fillo de Deus. Non viron máis que a Xesús, e vían abondo. Víano no camiño valente que emprendía e vírono no remate feliz que xa se adiviñaba. Baixaron do monte, saíron desa experiencia relixiosa profunda que tiveran, e entenderon que era hora de darlle cara á vida coma seguidores de Xesús. Levaban as pilas ben cargadas para todo o que tiñan que afrontar.

A celebración da Eucaristía é unha experiencia deste Cristo loitador, morto por amor e por odio, e tamén dese Cristo glorioso, triunfador, que pode cargar neste día de hoxe as nosas pilas para a vida cristiá nos tempos de hoxe. Cres que pode ser así para ti, para a túa comunidade?

Preces

ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO

Señor Xesús, que non nos envolva o medo nestes tempos de crise, senón a túa audacia e valentía, para andar en todo no teu Espírito, con honradez e solidariedade. Oremos.

Señor Xesús, que non nos asuste a cruz, imprescindible para medrar como persoas, como comunidade cristiá, como pobo; que a saibamos encher de amor solidario para que dea froitos de vida. Oremos.

Señor Xesús, que contigo saibamos estar a carón de quen leva a cruz do abandono, da marxinación, da depresión, ou da entrega ao alcohol ou outras drogas. Oremos.

Señor Xesús, que neste tempo de Coresma nos aventuremos contigo nunha busca espiritual intensa, para gozar da presenza e compaña de Deus e apuntarnos coma ti á súa escoita e seguimento na vida. Oremos

Señor Xesús, que na nosa comunidade cristiá superemos a tentación de reducilo todo a oracións, doutrinas e celebracións, e saiamos contigo á rúa, onde facer pobo ao lado da xente máis orfa e necesitada. Oremos.

Oración
Quero ir contigo, Xesús, seguirte preto,
con Pedro, Santiago e Xoán, os teus amigos,
subir convosco al monte alto,
convosco gustar o gozo de Deus na vida, na xente.

Verte, Xesús, entrar na túa vida,
descubrir a luz radiante do teu rostro,
a brancura abraiante de quen serve e ama,
porque se sabe por Deus fondamente amado.

Compartir nomes e historias
de xente que foi e é vida para o pobo,
quentar o corazón co seu recordo,
saberse herdeiro de tanto don e gloria.

Contemplar, gustar, saborear,
abrir a tenda, facer lume e fogar,
sabéndose no ollo desa fonte
que mana e corre ata a vida plena.

Oír a voz do Pai, constante, certa,
chamándonos á escoita, ao seguimento
do Fillo ben amado, o se retrato
máis limpo e fiel: consolo, luz alento.

E logo deixar de lado as covardías,
cargado o corazón, perder os medos,
baixar do monte, saír á rúa,
buscar, amar, servir a toda hora
os rostros máis rotos, desprezados,
nos que a túa luz, Xesús, oculta brilla
chamándonos ao encontro solidario,
ao amor que non sabe de lindeiros,
aínda que a cruz se asome no horizonte:
o amor pode coa dor,
o amor na dor se ensancha e multiplica.
Acción

A coresma é un bo tempo para xuntarnos en grupo unha mañá, unha tarde, un día enteiro, para estar entre nós con Deus, con Xesús, co seu proxecto de vida, co seu evanxeo.


6 de marzo: Luns da 2ª semana de Coresma

1ª lectura Dn 9, 4b-10
Salmo: 78, 8. 9. 11 e 13

Evanxeo: Lc 6, 36-38

Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Sede compasivos como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes e non seredes xulgados; non condenedes e non seredes condenados; perdoade e seredes perdoados. Dade e darásevos a vós; verteranvos unha boa medida, acugulada, rebordante, apertada; pois coa medida que midades hanvos medir a vós.

Meditación

A Coresma é un tempo que nos pode valer, entre outras cousas, para recompoñer as nosas relacións interpersoais, nas que tantas veces nos xogamos a nosa paz, o noso benestar, a nosa ledicia de cada día; novas relacións persoais que inevitablemente modificarán tamén o funcionamento social. Con este fin, ben paga a pena que neste tempo coresmal reparemos nesas catro propostas de Xesús, simples e fondas —como todo o de Xesús—, que tanta aplicación teñen na nosa vida cotiá: non xulgar as persoas, sabendo que detrás de cada persoa —de cada un de nós tamén— hai un mundo de circunstancias que ignoramos; non condenar, porque o oficio de alguén que se considera irmán ou irmá nunca é pechar portas e oportunidades; perdoar, que supón crer no cambio das persoas, que supón unha vontade de lles botar unha man para axudar a ese cambio; e dar, dar sempre, vencendo esa manía egoísta que todos levamos dentro de nós, que tende teimosamente a querer recibir, amorear: bens materiais, recoñecementos, afectos, servizos etc. É aplicar simplemente aquilo que tanto nos gusta e valoramos: tratar como nos gustaría ser tratados.

Oración
Gustaríame ser, Xesús, un pouquiño coma ti:
no canto de xulgar, comprender, acompañar;
no canto de condenar, perdoar, alentar cambios,
no canto de recibir ata encherme, dar ata baleirarme,
con abundancia, sen medida, ata o extremo.
Como Deus me trata, Xesús,
(sempre comprendendo, acompañando, perdoando, alentando...),
así me gustaría tratar eu tamén a quen a min se achegue.
Que saiba ser fiel ao teu Espírito, Xesús,
que en min clama por esta forma de ser.
Acción

Tendo en conta o que Xesús nos di no Evanxeo de hoxe, podemos revisar como nos desenvolvemos coa xente que conviven connosco, coa xente que tratamos na vida. Seguro que todas, todos, atoparemos moito no que cambiar. Non se fai unha sociedade nova sen cambio persoal, sen cambios nas relacións entre as persoas.


7 de marzo: Martes da 2ª semana de Coresma

1ª lectura: Is 1, 10. 16-20
Salmo: 48, 8-9. 16bc-17. 21 e 23

Evanxeo: Mt 23, 1-12

Unha vez Xesús dirixiuse aos discípulos e máis á xente dicindo:
—Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e máis os fariseos. Facede, logo, e cumprido canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta, porque falan pero non cumpren. Atan fardos pesados e cánganos ao lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para os mover. Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, agrandan as filacterias e anchean as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas, que lles fagan reverencias polas rúas e que os chamen mestres.

Pero vós non vos deixedes chamar mestre, pois un só é o voso mestre, e todos vós sodes irmáns. E a ninguén chamedes pai na terra, porque un só é o voso Pai, o do ceo. Nin tampouco vos deixedes chamar dirixentes, porque un só é o voso dirixente, Cristo. O máis importante entre vós debe ser o voso servidor. Porque quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será enaltecido.

Meditación

Se nós lemos hoxe este Evanxeo non é para que aprendamos como de bos ou de malos eran aqueles letrados e fariseos criticados por Xesús. Lémolo pensando en nós, como palabras dirixidas a nós. Canto de aparencia baleira hai nas nosas vidas? Canto de ir dando o bombo por aí, no falar, no vestir, no chufarse, no aparentar, tentando simular pobrezas, miserias, limitacións de todo tipo que ben coñecemos. Non nos iría mellor se andásemos con máis verdade, deixando ver o que somos con humildade? Este mundo noso, do que formamos parte, está moi cheo destas aparencias enganosas que a nada levan.

Tamén podemos ler este evanxeo pensando en como son e funcionan as nosas parroquias, as nosas comunidades cristiás. Escoitando as palabras de Xesús é difícil non pensar que moitos dos nosos dirixentes relixiosos, e nós con eles, caemos nas trampas que o noso Señor tanto criticaba. Está ben asentada a nosa comunidade cristiá, a nosa parroquia, no convencemento de que todas, todos, somos irmáns e irmás, e que iso é o máis fermoso que temos? Estamos todos, todas á escoita agradecida do noso único mestre, que é Cristo? Vivimos todos, incluído por suposto o clero, sabendo nos debemos unicamente ao noso Pai, pois só el é a nosa fonte de vida, quen lle dá sentido e forza ás nosas vidas? Moitos temos que cambiar tamén nas nosas comunidades cristiás, tan feridas tamén polas aparencias deste mundo.

Oración
Xesús,
irmán Xesús,
como a ti che gustaría ser chamado sempre,
ti amósasnos a grandeza e fermosura
de ser irmáns, irmás entre nós.
Xesús,
o humildísimo Xesús,
ti amósasnos a grande revolución da humildade,
que acaba coa vaidade deste mundo,
tan asentada nos nosos corazóns,
nas nosas vidas,
na nosa sociedade,
nas nosas mesmas comunidades cristiás.
Xesús,
irmán maior Xesús,
mestre Xesús,
deixarémonos aprender por ti?
Acción

Podemos mirar un chisco como nos amosamos nas nosas relacións sociais. Simulamos, aparentamos, andamos buscando chufas, loanzas, vaidades, mentíndonos a nós mesmos? Podemos mirar un chisco para a nosa comunidade cristiá. Deixamos que haxa curas ou outras persoas que o fagan todo, que o manden todo, que o adoutrinen todo como se fosen Xesús, como se fosen deuses?


8 de marzo: Mércores da 2ª semana de Coresma

1º lectura: Xer 18, 18-20
Salmo: 30, 5-6. 14. 15-16

Evanxeo: Mt 20, 17-28

Unha vez, segundo ían subindo a Xerusalén, chamou Xesús a un lado aos doce polo camiño e díxolles:
—Vede que subimos a Xerusalén e o Fillo do Home vai ser entregado aos sumos sacerdotes e máis aos letrados; condenarano a morte e entregarano aos pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen, pero ao terceiro día resucitará.

Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos prostrándose para pedirlle algo. El preguntoulles:
—Que queres?

Respondeulle:
—Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outra á túa esquerda no teu Reino.

Respondeulle Xesús:
—Non sabedes o que pedides. Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber?

Respondéronlle:
—Podemos.

Xesús replicou:
—O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo, é para quen o meu Pai o ten preparado.

Ao escoitaren isto, os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. Entón Xesús chamou por eles e díxolles:
—Xa sabedes que os xefes dos pobos tiranízanos e os poderosos asobállanos. Pero entre vós non pode ser así, nin moito menos. Quen queira ser importante, que sirva aos demais, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servidor; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.

Meditación

Día a día, evanxeo a evanxeo, Xesús vainos ofertando campos e perspectivas aos que aplicar a nosa vontade de cambio. Que torpes eran aqueles discípulos, seguidores de Xesús! Xesús fálalles de como por ser unha persoa totalmente dedicada a Deus, totalmente dedicada á xente máis desamparada, ía encontrar incomprensión, persecución e morte, e os discípulos pensan en postos de honra. Xesús fálalles de baleirarse de si mesmo, baleirarse de toda clase de poder, e os discípulos soñan con medrar en poder. Dúas maneiras de entender a vida totalmente distintas.

Igual nos estraña que os discípulos, despois de pasar uns dous anos con Xesús, non desen comprendido o seu proxecto de vida persoal e comunitaria, a súa maneira de entender a vida e de se desenvolver nela. Pero, se o pensamos ben, non nos parecemos tamén nós aos discípulos? E iso que levamos, como Igrexa, non dous anos, senón dous séculos lendo os evanxeos, meditando neles.

Se Xesús veu para servir, non para ser servido, as persoas, as comunidades cristiás que queremos ser discípulos e discípulas súas sería ben que fósemos aprendendo algo polo menos iso de servir e non ser servidas, iso de ir dando algo da vida para que o pobo medre. E se alguén entre nós quere chulearse de ser o primeiro, xa sabe o consello de Xesús: fágase o máis grande servidor dos demais.

Oración
Que ao teu lado, Xesús,
aprenda o gozo maior
de servir antes ca ser servido,
de ansiar os últimos postos antes que os primeiros,
de dar algo do meu para que a comunidade medre,
pois tamén a comunidade me obsequia
con innumerables achegas,
sen as que eu non sería nada na vida.
Que ao teu lado, Xesús,
aprenda ese xeito teu de vivir contracorrente,
e faga del o motor da miña vida.
Que ao teu lado, Xesús,
saiba vivir con asento e mesmo alegría
os momentos dolorosos e conflitivos
que me sobreveñan por ser algo coma ti.
Acción

Podemos mirar en que cousas estamos sendo xente servidora como Xesús, e agradecer esa cousa boa que forma parte da nosa vida. Podemos pensar tamén en como dar algún paso máis cara abaixo na vida, cara aos lugares de máis servizo.


9 de marzo: Xoves da 2ª semana de Coresma

1ª lectura: 17, 5-10
Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6

Evanxeo: Lc 16, 19-31

Unha vez dixo Xesús:
—Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes. Ao pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.

Resulta que morreu o pobre e levárono os anxos ao seo de Abraham. Morreu tamén o rico e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, ergueu os ollos e viu a Abraham e máis a Lázaro no seu seo. Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abraham, ten pena de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume." Pero Abraham contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. Ademais, entre nós e vós hai un grandísimo abismo, de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós". Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abraham, que o mandes á casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". Pero Abraham respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os profetas, que lles fagan caso a eles".

El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; se un morto, vai onda eles, seguro que se converterán". Pero Abraham replicoulle: "Se a Moisés e máis aos profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado."

Meditación

Este conto ou parábola de Xesús ten un realismo impresionante. Nela con facilidade nos podemos ver retratados a maioría de todos e todas nós. ¿Quen nos representará mellor a nós, o pobre Lázaro ou o ricachón sen nome que pasaba do pobre, aínda que diante dos seus ollos o tiña cada mañá cando saía da súa casa?

Nos tempos de hoxe segue habendo diferenzas inxustas, aínda que os mecanismos cos que se desenvolven entre nós sexan diferentes. Nos tempos de hoxe tamén hai países e persoas moi empobrecidas, moi marxinais, que non teñen pan que levar á boca, casa onde gardarse, traballos cos que gañar a vida, menciñas para curarse, escolas onde formarse, cariños cos que medrar agarimados. Son xentes e países que claman xustiza. En España mesmo disque estamos saíndo da crise, pero as diferenzas entre as persoas e familias van moito a máis. Que facemos nós? Quedámonos de brazos cruzados? Que estamos dispostos a facer para que todo o mundo poida vivir dignamente co necesario? A que estamos dispostos a renunciar para que isto poida pasar?

Xesús conta esta parábola non para meternos medo sobre o máis alá, senón para urxirnos a facer do máis acá, deste mundo, unha terra de irmáns e irmás, e non de xente insolidaria e aproveitada. Vivir ignorando a miseria da xente é algo tremendamente inhumano que acaba desfacendo tamén a vida de quen así vive.

Oración
Oxalá a xente empobrecida me quite o sono, e algúns cartos.
Oxalá a diferenza entre o Norte rico e o Sur pobre me revolva as entrañas.
Oxalá os nenos e nenas mal nutridas me inciten á compaixón.
Oxalá quen vive en soidades e orfandades me atope como amiga e compañeira.
Oxalá que calquera inxustiza se volva en min un clamor pola xustiza.
No teu nome, Xesús.
No nome de Deus.
No nome da xente pobre de Deus.
Acción

Persoal ou comunitariamente podemos buscarlle remedio a algunha pobreza que se estea dando ao redor noso. Seguro que desde aí se nos abrirán os ollos para ver mellor as grandes inxustizas que nos rodean e arrimaremos máis o lombo para ilas reducindo.


10 de marzo: Venres da 2ª semana de Coresma

1ª lectura: Xén 37, 3-4. 12-13a. 17b-28

Evanxeo: Mt 21, 33-43.45-46

Díxolles Xesús aos Sumos Sacerdotes e aos anciáns do pobo:
— Escoitade esta parábola:

Dunha vez había un propietario que plantou unha viña, rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.

Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados onda os viñateiros para cobrar as rendas. Pero os viñateiros agardáronos e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outros apedrárono. De novo mandou outros criados en maior número, pero tratáronos do mesmo xeito.

Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: “Ao meu fillo hano respectar.” Pero os viñateiros, ao veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro, veña, matémolo e a herdanza será nosa” E agarrárono, botárono fóra da viña e matárono.

Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?

Respondéronlle:
—A eses malvados faraos morrer de mala morte e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.

Díxolles entón Xesús:
—Seica non lestes nunca na Escritura:
“A pedra que desbotaron os canteiros
é agora o esquinal;
esa pedra colocouna o Señor,
qué regalía para nós”?
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus e daráselle a un pobo que produza bos froitos.

Oíndo as súas parábolas, os Sumos Sacerdotes e máis os fariseos decatáronse de que ían por eles. Quixérono prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta.

Meditación

Os bens da terra —esa viña plantada polo propietario da parábola—son para que todo o mundo participemos deles e con eles cubramos as nosas necesidades. Tanto as necesidades materiais como os espirituais. Pero, onte coma hoxe, hai xente que pretende facerse dono exclusivo deses bens. A manía de acumular, que estraga a harmonía da irmandade. A manía de dispoñer todo, nas cousas do corpo, nas cousas do espírito; manía que mata a orixinalidade de cada persoa.

Cando Xesús lles pon isto diante a aqueles que no seu tempo tal facían, en vez de o escoitaren e modificar os seus comportamentos, aínda se pechan máis na súa actitude e nos seus feitos, e mesmo pretenden matar a voz que os denunciaba. E aqueles tales, curiosamente, eran os xefes relixiosos do pobo, que pretendían así facer como se eles fosen máis ca Deus.

Aínda que é unha parábola especialmente dirixida ás persoas que teñen autoridade na Igrexa e no pobo, vale para todo o mundo. A todos nos gusta acaparar, a todos nos gusta facernos pequenos deuses, pequenos amos e señores, a todos nos doe cando alguén nos chama a atención, e con frecuencia queremos matar a voz de quen estas cousas nos pon diante.

Oración
Quero ser humilde, Xesús,
para aceptar a crítica,
cando alguén me poña algo diante.
Para aceptala e agradecela.
Porque soamente así,
aproveitándonos do servizo da corrección
que mutuamente nos podemos prestar,
soamente así
medraremos como persoas e como crentes.
Quero ser humilde, Xesús,
só ti mes podes axudar a selo a fondo.
Confío en ti.
Acción

Xesús púñalles cousas diante aos seus líderes relixiosos. As veces nós queixámonos dos comportamentos dos nosos curas na súa función de curas. Se temos algunhas queixas deles, non sería mellor dicírllelo á cara con vontade de axudalos a eles e ao conxunto da comunidade? E moito mellor ca andar murmurando por detrás. Miremos a ver.


11 de marzo: sábado da 2ª semana de Coresma

1ª lectura: Miq 7, 14-15. 18-20
Salmo: 102, 1-2. 3-4. 9-10. 11-12

Evanxeo: Lc 15, 1-3.11-32

Tamén os recadadores de impostos e os pecadores se achegaban a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:
—Este acolle os pecadores e come con eles.

Entón Xesús contoulles esta parábola:
—Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde”. El repartiulles os seus bens. Días despois este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

Despois de o gastar todo, houbo unha grande fame naquela terra e empezou a pasar necesidade. Entón, acudiu a un natural do país e entrou a servir; e mandouno a unha granxa a coidar porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

Recapacitando, pensou: “Hai que ver, cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame! Si, vou volver á casa de meu pai e voulle dicir: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates como un fillo, trátame como un xornaleiro”.

Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este albiscouno e saíu emocionado a recibilo; abrazouno e bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo.”

Pero o pai díxolles aos seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un becerro cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morte e volve á vida, estaba perdido e atopámolo.” E empezou a festa.

Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para a casa oíu a música e máis o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: “Éche que volveu teu irmán e teu pai mandou matar o becerro cebado por recuperalo san e salvo.” Entón alporizouse moito e non quería entrar.

Pero o pai saíu e intentouno convencer. El díxolle: “Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para pasalo ben cos meus amigos, e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o becerro cebado.”

O pai contestoulle: “Meu fillo , ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morte e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?”

Meditación

Pode resultar ben proveitoso entrar na alma de cada un dos personaxes principais desta parábola: o pai, o fillo menor e o fillo maior. No pai, que para Xesús representaría a Deus mesmo, destaca o seu respecto pola liberdade do fillo menor; destaca tamén nel o amor convertido en ansiedade coa que agardaba a volta do seu fillo, que lle permite velo ao lonxe deseguida, e a abrazalo e enchelo de bicos cando o ten cabo si; destaca nel a falta de reproches, e a festa que organiza, na que non falta detalle ningún, celebrando o proceso libre dun fillo que volve á casa. Deus é así con todos e todas nós. Así o viviu Xesús e así nolo transmite. Que Deus tan marabilloso temos!

No fillo menor destaca a súa busca persoal, a súa capacidade de ruptura co cómodo vivir, as súas ganas de aventura, aínda que logo desen en cousa negativa para el. Destaca que soubese recoñecer o seu error, o seu fracaso, aínda que quen o move a iso é a situación desgraciada na que se atopa; non bota as culpas a ninguén. Destaca o seu arrepentimento; recoñece non ser digno daquel pai que tan respectuosamente o tratara. Posiblemente todos, todas nós nos poidamos sentir identificadas co fillo menor. No pecado, máis ou menos, seguro. Oxalá que no demais tamén.

No fillo maior destaca a súa rectitude, o ter estado sempre ao pé do canón, sen se permitir o máis mínimo abandono. Pero esa rectitude tan firme endurecéralle o corazón, e non era capaz de comprender o error dos outros. E polo tanto tampouco era capaz de comprender o corazón do pai, a súa ledicia, a súa festa. Estando tan apegado a el, sempre, sen embargo non fora quen de meterse no mundo do pai, no seu amor, na súa ansia polo fillo que faltaba. Cantas veces na vida facemos de fillo maior, endurecendo o corazón, non admitindo a fraxilidade dos demais, resolvéndoo todo con condenas, encabuxándonos se a quen fai mal se lle acolle e se lle dan novas oportunidades!

Oración
Perdón, meu Deus,
por andar ao tolo
coa herdanza de ben que pousaches no meu corazón;
por empregar a miña liberdade
non para ser libre,
senón para escravizarme con mil cousas,
para empobrecerme de mil maneiras.
Perdón, meu Deus,
por non ter sabido nin imaxinado
a inmensidade da túa ansia por min,
por máis que en ti está o meu asento desde o meu nacemento.
Perdón, meu Deus,
porque aínda así,
cando os demais permiten que o mal os envolva,
teño olladas severas,
palabras despectivas,
aires de condenación.
Perdón, meu Deus, perdón,
cando entrarei no teu corazón!
Acción

Igual non nos ven mal que neste tempo de Coresma nos paremos a ver en que cousas estamos estragando a nosa vida e a vida da xente que nos rodea, a xente da parroquia; con que cousas contribuímos a que nesta nosa sociedade siga habendo tanta desigualdade, tanto abuso.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.