09 marzo, 2023

Tempo de Coresma: 3ª semana



12 de marzo: Domingo 3º de Coresma

1ª lectura: Éx 17, 3-7. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9.
2ª lectura: 5, 1-2. 5-8.

Evanxeo: Xn 4, 5-42 (breve: 4, 5-15. 19b-26. 39a. 40-42)

Nunha ocasión chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
—Dáme de beber.
(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida.)

Preguntoulle entón a muller samaritana:
—Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber?
(Porque os xudeus non se levan cos samaritanos.)

Respondeulle Xesús:
—Se coñeceses o don de Deus e quen che di “dáme de beber”, ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.

Replicoulle a muller:
—Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensar quitar esa auga viva? Seica es ti máis ca o noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mais o seu gando?

Xesús contestoulle:
—Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o q8ue beba da auga que eu lle darei nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.

A muller suplicou:
—Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.

Vexo, Señor, que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.

Xesús díxolle:
—Faime caso, muller; chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora –e xa é agora—en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran o adoren en espírito e verdade.

Respondeu a muller:
—Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.

Díxolle Xesús:
—Son eu, o que está falando contigo.

Moitos samaritanos daquela vila creron nel. Por iso os samaritanos chegados onda el rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
—Xa non cremos polo que ti nos contaches; nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.

Meditación

Lemos hoxe o evanxeo chamado da Samaritana, porque narra un encontro de Xesús cunha muller de Samaria a carón dun pozo a onde Xesús, canso e sedento, se achegara para beber algo. Tradicionalmente foi un relato moi apreciado polas comunidades cristiás. Durante a Coresma, por exemplo, os catecúmenos (homes e mulleres adultas que se preparaban para o bautismo na noite de Pascua) ían recibindo catequeses sobre a presenza e significado de Xesús para as súas vidas. Neste Ciclo A, no que estamos, recupérase algo esa tradición, e durante estes tres domingos antes do domingo de Ramos, lemos os textos do evanxelista Xoán, que servían de base para esas catequeses: o evanxeo da Samaritana (Xesús coma auga que mata a sede das nosas vidas), o evanxeo do cego de nacemento (Xesús coma luz que alumea as nosas vidas) e o evanxeo de Lázaro (Xesús coma vida que nos colma de vida). Todos tres son relatos figurados, non exactamente históricos, construídos coma catequeses para explicar o significado que para as nosas vidas ten, pode ter, atoparnos con Xesús e deixarnos afectar e conmover por el.

O evanxelista Xoán é moi dado a xogar co dobre significado que poden ter as palabras e as accións, e sobre ese dobre significado monta el a súa ensinanza, pasando do significado primeiro, normal, ao significado segundo, que abre mundos novos da vida das persoas. Así, hai sedes e sedes, hai augas e augas, hai fontes e fontes, hai maneiras e maneiras de matar as sedes, hai comidas e comidas (tamén o evanxeo fala disto). A auga normal dá vida ás plantas, aos animais, ás persoas; é fundamental para a vida; a auga mata a sede da xente; ademais a auga vale para limpar, a auga é transparente e dá transparencia. Pero tamén é certo que, se hai a sede do corpo, que matamos con auga, hai igualmente sedes fondas das persoas: ansias, aspiracións, desexos de autenticidade, de transparencia, de inocencia, de afectos fondos, de valoración, sermos nós mesmas de maneira limpa, nunha palabra sedes de felicidade; e estas sedes non se matan con auga, senón desenvolvendo en nós a verdade, a fermosura, a autenticidade, a inocencia coa que Deus mesmo nos fixo como seres humanos que somos. O evanxelista Xoán transmítenos o que as primeiras comunidades cristiás tiñan moi experimentado: para estas sedes humanas fondas Xesús é a auga. É dicir, Xesús coa súa palabra, pero sobre todo co seu estilo de vida, ensínanos a ir facendo das nosas vidas unhas vidas frescas, vizosas, loitadoras, alegres, máis ou menos satisfeitas, máis ou menos felices, dentro do que cabe. Somos persoas cristiás, somos unha comunidade cristiá: Xesús está sendo todo isto para nós?

Estamos metidos nunha crise a causa da cal moita xente carece de cousas básicas para atender as necesidades básicas: bebida, mantenza, vivenda, sanidade, educación ..., é polo tanto importante que individualmente e colectivamente traballemos por estas cousas e esixamos aos nosos gobernos que nos atendan nestas cousas no que lles corresponde, sobre todo pensando nos casos máis necesitados. Xesús foi o primeiro en dicirnos que debíamos pedir o pan de cada día, loitar polo pan de cada día, para nós e para a demais xente, e facer diso un xeito de ser fiel a Deus; pero tamén nos dicía hai dous domingos que non só de pan vivimos os homes e mulleres; non só con pan se constrúe unha persoa, unha familia, unha sociedade; non só habendo pan, auga, se matan as fames e sedes fondas que temos as persoas polo feito de ser persoas que nos estamos construíndo pouco a pouco durante a vida. Temos unha sorte: para ter o pan, a auga, os bens que matan a fame e a sede primeira, case sempre fan falla cartos, algúns polo menos; para matar esoutras fames e sedes fondas que levamos dentro, normalmente non fan falla cartos, só deixar que o noso corazón se achegue a outros corazóns, só que as nosas vidas se abran a outras vidas, só que apostemos pola honradez, pola inocencia, polo amor, pola solidariedade, pola xustiza, cousas todas elas que, grazas a Deus, non se mercan con cartos. Co pouco, co imprescindible, co necesario, podemos ser felices. Como estamos vivindo isto? Na nosa comunidade cristiá invítasenos, empúxasenos a que fagamos esta experiencia tan sinxela e fonda?

Todo isto tan fermoso, tan marabilloso, que mesmo nos pode parecer un soño, para unha persoa cristiá ten un punto de partida imprescindible: atoparse con Xesús. Calquera circunstancia é boa para este encontro. A Samaritana fíxoo ao pé dun pozo onde ía sacar auga. Pódenos axudar ler e meditar este mesmo relato; pode axudarnos ler con espírito famento e sedento os Evanxeos; pode axudarnos relacionarnos con xente que faga a súa vida ao xeito de Xesús; pode axudarnos ir probando pouco a pouco as augas que Xesús nos vai ofrecendo. O fundamental en todo caso é admitir que temos sedes fondas, e non enganarnos a nós mesmos/as tentando matalas con calquera cousa material; e somos todos, todas, moi dadas a iso. Na nosa comunidade cristiá, na nosa parroquia, ofrécesenos, ofrecemos esta posibilidade real de encontro con Xesús?

A Eucaristía é un momento especialmente apropiado para encontrarnos con Xesús, na comunidade, para aprender a matar nel, no seu Pan Bendito, as fames e sedes que nos aflixen. Felices nós se así o experimentamos!

Preces

QUE COA TÚA AUGA, XESÚS,
MATEMOS AS NOSAS SEDES

Que, levados/as da túa man, fagamos das nosas comunidades, das nosas parroquias un lugar de encontro vivo e persoal contigo. Oremos.

Que saibamos atender, como ti queres, as necesidades de quen precisa do elemental para vivir con dignidade. Oremos

Que aprendamos de ti, Xesús, a adorar a Deus en espírito e en verdade, vinculando a nosa fe co coidado apaixonado pola xente a todos os niveis. Oremos.

Que saibamos agradecer a auga, o vento, a terra, as plantas, todo canto vai enchendo de vida a terra nesta primavera e a vai convertendo en sacramento das túas bendicións. Oremos.

Que nos atrevamos a compartir con outras persoas o que nós imos experimentando e gozando arredor de Xesús na comunidade cristiá, na parroquia. Oremos.

Oración
Sedentos, sedentas,
como a Samaritana na procura de augas,
para calmar a sede do corpo,
a sede do espírito,
a sede da vida.

Sedentos, sedentas,
ao teu carón, Xesús,
ao pé do pozo fondo de augas limpas,
ao pé da túa palabra próxima, provocativa,
augas que van brotando aos poucos
ao ritmo da conversa sinxela,
onde se fala das vidas e das súas complicidades.

Sedentos, sedentas,
sen se contentar coas catro pingas imprescindibles,
abrindo a gorxa, o corazón, a vida
á altura e á fondura do teu don, Xesús.

Sedentos, sedentas,
coa vida aberta de par en par,
coma unha terra aberta en sucos á bendición de choiva,
para que ma coñezas, Xesús,
para que ti ma limpes, ma sandes,
ma nutras, ma fartes,
para que ti ma fecundes.

Sedentos, sedentas,
de xustizas, de inocencias,
de amores e fidelidades,
de augas vivas para unha vida viva.

Sedentos, sedentas,
gozando coa túa abundancia
ata me converter tamén eu
—quen o dixera!—
en pozo, fonte e rego,
en persoa de encontro, de conversa e luz,
para que outros poidan saciar algo a súa sede.

As túas augas, Xesús,
fecundando a terra.
Acción

Seriamos capaces de lle poñer nome ás sedes que van connosco, no noso mesmo corazón? Que podiamos facer por matar esas sedes? A Coresma é bo tempo para presentarnos ante Xesús con esas sedes, para que nos axude a calmalas.


13 de marzo: Luns da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: 2 Re 5, 1-15a
Salmo: 41, 2. 3; Salmo 42, 3. 4

Evanxeo: Lc 4, 24-30

Unha vez foi Xesús a Nazaré e díxolle á xente na sinagoga:
—Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas foi enviado Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos leprosos había en Israel no tempo do profeta Eliseo, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o Sirio.

Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; así que erguéronse, botaron a Xesús fóra da vila e levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

Meditación

Cando oímos falar de profetas, case sempre pensamos en persoas máis ou menos extraordinarias que con voz enérxica e dura nos poñen a caldo pola falsidade na que vivimos. Pode ser que teñamos batido con algunha persoa así. Pero o máis frecuente é que os profetas peten á nosa porta na persoa dun veciño ou veciña, un familiar calquera, un amigo ou amiga, unha compañeira de traballo, de comunidade ou de sindicato ou partido político, que nos falan con convencemento de cousas da vida, e deixan en evidencia a frouxidade dos nosos comportamentos. Persoas así hainas dentro e fóra da comunidade cristiá da que formamos parte.

E neses casos, que facemos? Agradecemos as súas palabras e vidas, como se Deus nos estivese falando a través delas, recapacitamos, cambiamos algo, ou revirámonos contra esas persoas porque tocan onde nos doe? Así fixeron con Xesús. Así podemos facer tamén nós hoxe. Que sexamos persoas cristiás non garante que teñamos o corazón ben disposto para escoitar o que Deus suxire.

Oración
Se aguzase, meu Deus, o oído do corazón,
para escoitar con agrado a túa voz!
Se estivese libre e dispoñible, meu Deus,
para actuar seguindo os mensaxeiros teus!
Se toda eu fose ben esperta, ben humilde,
para atoparte, meu Deus, nas falas que corrixen!
Se andase, meu Deus, os camiños todos da vida,
en silencio obediente ao que en min mesmo suscitas!
Se aguzase, meu Deus, o oído do corazón…
Acción

É posible que haxa persoas, dentro ou fóra dos ámbitos relixiosos, que, dunha forma ou doutra, están iluminando algo o camiño da nosa vida. Como reaccionamos ante elas?


14 de marzo: Martes da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Dn 3, 25. 34-43
Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

Evanxeo: Mt 18, 21-35

Unha vez Pedro achegouse a Xesús e preguntoulle:
—Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?

Respondeulle Xesús:
—Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

Por iso o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. E, como non atiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el coa muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:
—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo!

O señor tivo compaixón daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
—Paga o que me debes.

Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:
—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
—Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo, non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecera de ti?

E, todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

Así tamén fará convosco meu Pai celestial se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.

Meditación

O perdón non ten entre nós nin bo nome nin boa práctica. Non nos sentimos necesitados de perdón, porque con dificultade nos sentimos culpables de algo, nin ante Deus, nin ante as persoas que conviven connosco, coas que seguramente máis dunha vez se nos vai a palabra, o xesto, o abuso, o desprezo, a falla de solidariedade. Pero pasamos de recoñecer errores que feren os demais. Así, sen experiencia agradecida de sermos persoas perdoadas en algo, é difícil que teñamos boa disposición para perdoar aos demais. Porque perdoar é admitir que todos estamos feitos dunha carne fráxil, que rompe, e que precisamos de palabras compadecidas que aloumiñen, que curen, que alenten para recuperar paz e alentos.

O evanxeo vai máis aló, e sitúanos ante o caso de quen si experimentou con forza a graza de ser persoa perdoada, pero, aínda así, non se lle abriu o corazón para entrar na novidade de Deus, que non se farta de darnos oportunidades.

Oración
Señor, meu Deus,
que se me abran os ollos,
aló ben ao fondo,
para descubrirme a miña moita indiferenza,
que me leva a necesitar o teu perdón.
Porque o certo é
que paso moito
de moita xente,
que precisa de min
coma o orfo da súa nai.
Señor, meu Deus,
que se me abra o corazón,
aló ben ao fondo,
para sentirme suficientemente compasivo
para ofrecer perdón.
Porque o certo é
que hai moita xente
suplicando apertas,
simplemente apertas,
para retomar o camiño
e vivir con alegría.
Acción

¿Perdoamos, pedimos perdón? ¿Gardamos rancores que nos amargan a vida e nos arredan doutras persoas? ¿Negamos a palabra, como se outras persoas xa non existisen para nós? ¿Cansamos de perdoar á primeira, á segunda, á terceira? ¿E onde quedan as setenta e sete do Evanxeo? Pode ser unha boa práctica coresmal revisar como andamos con estas cousas na nosa vida.


15 de marzo: Mércores da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Dt 4, 1. 5-9
Salmo: 147, 12-13. 15-16. 19-20

Evanxeo: Mt 5, 17-19

Unha vez dixo Xesús:
—Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro que antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de se cumprir a última letra ou til da Lei. E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer a outras persoas, será declarado o máis pequeno no Reino do Ceo. Pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceo.

Meditación

Nestes nosos tempos non somos xente moi amiga de leis, de que nos obriguen a cumprir isto ou aquilo. Na vida civil cumprímolas moitas veces porque senón chega a multa. Na vida da Igrexa, como non hai multas, pasamos bastante de todo. Pero sen leis, sen normas, pensadas para reforzar as debilidades que todos temos, para facilitar o crecemento das persoas, para fomentar unha convivencia harmoniosa e xusta, sen leis sería un desastre; no canto de máis libres fariámonos moito máis dependentes, porque os fortes acabarían sometendo os débiles, e a nosa debilidade faríase dona de toda a nosa persoa.

Pero a lei necesita calor; as normas necesitan corazón, as esixencias necesitan amor, as obrigas necesitan razóns e convencemento, para non nos ver afogados polo que facemos. Iso podería ser o cumprimento ao que se refería Xesús, home por outra banda que non tiña reparo ningún en saltarse a práctica da lei cando vía que pechaba portas no canto de abrilas, que oprimía as persoas e a convivencia.

Oración
Douche grazas, meu Deus,
douche grazas, Xesús,
douche grazas, Espírito Santo,
porque non queres que sexa un cumpridor rutineiro,
porque me ensinas a entender o que fago
para darlle calor e vida.
Que saiba así vivir e valorar
calquera pequeno compromiso
que asuma na casa, na parroquia, na sociedade.
Home, muller con fondura,
para gozar con fondura
todo o que a vida me ofrece.
Acción

Podemos revisar, tamén como práctica coresmal, como andamos coas normas da comunidade cristiá, da Igrexa, por que as cumprimos, por que non as cumprimos. Igual debamos reforzar os nosos compromisos. Igual debamos protestar para que certas normas se cambien e así nos axuden mellor a medrar coma persoas crentes. E o mesmo podemos dicir de moitas leis que hai na vida civil.


16 de marzo: Xoves da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Xer 7, 23-28
Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9

Evanxeo: Lc 11, 14-23

Estaba Xesús botando un demo mudo, e, cando saíu o demo, falou o mudo. A xente quedou abraiada, pero algúns deles dixeron:
—Este bota fóra os demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.

Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban, díxolles:
—Todo reino dividido entre si vai á ruína e cae casa sobre casa. Pois ben, se Satanás está dividido contra si mesmo, como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul; pero, se eu boto os demos co poder de Belcebul, co poder de quen o botan os vosos fillos? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. Pero se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o Reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. Pero se chega un máis forte e o vence, quítalle as armas nas que confía e reparte o seu botín. Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo derrama.

Meditación

O que lles pasaba aos contemporáneos de Xesús pódenos pasar tamén a nós hoxe. Máis dunha vez sucede que temos clasificada á xente, porque non nos cae ben, porque non é do noso grupo, do noso credo relixioso, do noso partido político. Daquela todo o que vemos nela nos parece fatal; estamos especialmente cegos para ver as súas bondades, e non digamos se as súas palabras ou os seus feitos cuestionan a nosa maneira de proceder, daquela a nosa resposta pode ser tan tola coma a dos contemporáneos de Xesús con Xesús.

O Evanxeo invítanos a andar coa ollada e co corazón limpo pola vida, acollendo con alegría calquera mostra de bondade, de solidariedade, de forza ante o mal, veña de onde veña. O Evanxeo invítanos a descubrir a Xesús e alegrarnos con el por ser o Forte, con maiúscula, capaz de axudarnos a vencer todo espírito de mal que ameace as nosas vidas.

Oración
Ante ti, Xesús, o Forte de Deus,
poñemos a nosa enorme debilidade.
Ante ti, Xesús, o Santo de Deus,
poñemos todas as nosas olladas escuras.
Ante ti, Xesús, a Iluminación de Deus,
poñemos os nosos autoenganos e simulacións.
Ante ti, Xesús, o Humilde de Deus,
poñemos as nosas vanas arrogancias.
Acción

Temos clasificada a algunha persoa, de xeito que todo o que sae dela nos chega mal? Miremos como cambiar; nesa persoa estamos perdendo un don que Deus nos dá, estamos perdendo a Deus mesmo.


17 de marzo: venres da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Os 14, 2-10
Salmo: 80, 6c-8a. 8bc-9. 10-11ab. 14 e 17

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Unha vez un letrado preguntoulle a Xesús:
—Cal é o máis importante de todos os mandamentos?

Xesús respondeulle:
—O primeiro é: "Escoita, Israel, o Señor, o noso Deus, é o único Señor, e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas." O segundo é: "Amarás o teu próximo como a ti mesmo". Non hai mandamentos máis importantes ca estes.

O letrado replicou:
—Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que o Señor é único e que non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e ao próximo como a un mesmo, é máis importante do que todos os sacrificios e holocaustos.

Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
—Non estás lonxe do Reino de Deus.

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

Meditación

Igual que o letrado do Evanxeo, tamén todos nós sabemos que o máis importante para unha persoa cristiá é quererlle moito a Deus, estar apegado a el en todas as cousas e accións da vida, e, ao tempo, respectar, coidar, quererlle moito á xente, como a un mesmo. No fondo a vida dunha persoa crente cristiá é ben simple, ben clara. Pero posiblemente o saibamos de memoria, con moito rutina, sen poñer en práctica iso que dicimos.

Aínda que, se cadra, estamos nun momento, fóra e mesmo dentro da Igrexa, das comunidades cristiás, no que case nin nos preguntamos que é o importante para ser unha boa persoa cristiá. E isto si que sería moi serio, porque demostraría que no fondo realmente é un tema que non nos importa; significaría que Deus vai desaparecendo dos nosos proxectos de vida.

Oración
Ai, se estivese ben atento ao teu Espírito, meu Deus,
ese Espírito que esperta desexos,
que suscita preguntas,
que ansía camiños vivos,
que busca sen descanso maiores fidelidades!
Ai, se soubese ser minimamente coherente
coa máxima honestidade,
coa máxima humildade,
para querer e servir
simplemente, intelixentemente
a cada persoa, en cada momento,
e avanzar por vieiros solidarios
ata o teu propio corazón!
Para iso, meu Deus,
que o teu Espírito me colla ata o máis fondo!
Acción

Somos xente amiga de ler, de formarnos, de asistir a encontros, de dialogar coas persoas sobre cousas de fondo? Facemos isto con desexos de aclararnos de verdade, con ganas de ir mellorando a nosa resposta a Deus e á xente? Podémolo revisar e actuar en consecuencia.


18 de marzo: Sábado da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Os 6, 1-6
Salmo: 50, 3-4. 18-19. 20-21ab

Evanxeo: Lc 18, 9-14

Propúxolles Xesús tamén esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:
—Dous homes subiron ao templo a orar; un era fariseo; o outro, recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son como os demais: ladróns, inxustos e adúlteros; nin como ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño.”

O recadador, en troques, quedouse atrás e non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador.”

Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa, en cambio o outro, non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.

Meditación

Visto así, parece que todos nos decatamos sen dificultade da maneira equivocada de rezar que tiña o fariseo: resúltanos repugnante o seu xeito de compararse co pecador que alí tamén rezaba, para poñerse por riba e chufarse ante o mesmo Deus. Tiña ollos para contemplar as miserias alleas, pero non os tiña, seguro, para mirar as súas, pois todo nel parecía perfecto.

Sen embargo, coidado, non é doado liberarse da tentación de crernos xustos e de poñernos por riba das demais persoas. Cando con sinceridade miramos para nós, para a nosa vida, para o moito que temos feito ao revés, para o moito que nos desentendemos das necesidades da demais xente, para o moito que puidemos ter avanzado como persoas, como crentes, e non o fixemos, o normal é que desexemos quedarnos ao fondo, agachar a cabeza, bater no peito e, con voz que sae do fondo do corazón, dicir: perdón, son tamén persoa pecadora. Entón é cando nos reconciliamos, cando poñemos verdade e gozo na nosa vida.

Oración
Perdón, Señor,
que son pecador/a.
Perdón, Señor,
que estou moi necesitado/a da túa misericordia.
Perdón, Señor,
que son un máis na rengue de pecadores/as
precisados/as da túa curación.
Perdón, Señor,
porque peco e volvo pecar,
xogando así co teu perdón,
estragando a miña vida
e a vida de persoas que me acompañan.
Perdón, Señor,
renóvame co teu perdón.
Acción

A mellor maneira de superar o vicio de rebaixar e desprezar os demais, é ollar con sinceridade para a propia vida. Podémolo empezar a facer, preparándonos xa para algunha celebración do perdón na que pense participar nesta Coresma.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.