03 maio, 2023

Tempo de Pascua: 5ª semana



7 de maio: Domingo 5 de Pascua

1ª lectura: Feit 6, 1-7. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 18-19.
2ª lectura: 1Pe 2, 4-9.

Evanxeo: Xn 14, 1-12

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—“Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar?

E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades tamén vós. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.”

Dille Tomé:
—“Señor, se non sabemos onde vas, como imos saber o camiño?”

Xesús respondeulle:
—“Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.”

Filipe díxolle:
—“Señor, móstranos o Pai e abóndanos.”

Xesús replicoulle:
—“Pero, Filipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón: “Móstranos os Pai”?

Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, que fai as súas obras.

Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras.

Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai.”

Meditación

Os nosos maiores galegos, os homes e mulleres que nos precederon nesta Terra nosa, tiveron sempre unha ilusión moi grande: ter casa de seu, ter casa propia. Eran xente que vivía en moita pobreza, xente case sempre dependente dos seus amos, ou dos amos das súas terras; xentes que vivían malamente, que se acomodaban nunha casoupa de mala maneira, onde se tiñan que acubillar os avós e avoas, os pais e nais, os fillos e fillas; e mesmo moitas veces estas casas tan pobriñas non lles pertencían. Por iso ter casa de seu era un grande soño, como o era tamén iso de ter terra de seu, terras de seu, onde poder traballar e gañar a vida, terras das que sacar para comer, coidarse, criar os fillos e fillas. Aínda hoxe hai moita xente que suspira por ter casa de seu, un pisiño de seu. E que diremos das familias que o tiñan, e que, por avaricia dos bancos, se viron obrigadas a ter que abandonalo con moito sufrimento, con moita dor, con moitas bágoas! Ben o sabemos.

Ter casa de seu, ter piso de seu significa moito. Quere dicir ter un espazo tranquilo, seguro, onde vivir, onde convivir, sen ter que andar á intemperie; ter un lugar onde comer, comer xuntos, xuntas, onde facer familia, onde descansar e durmir, onde comunicarse con confianza, onda amar e ser amados/as, onde escoitarnos, onde consolarnos, onde animarnos, onde prepararnos para a vida, onde compartir sufrimentos e desilusións, onde morrer rodeados/as de agarimo e atencións, onde nacer e abrirnos á fermosura da vida, rodeados/as tamén de agarimos e atencións. Con piso propio, con casa propia, ou con piso e/ou casa arrendada, pero con renda asegurada, que fermoso é ter morada de seu onde vivir con humanidade! E canta xente polo mundo carece disto tan elemental aínda!

Xesús fálanos hoxe de que nos ofrece esa morada aló onde el vai, onde el está, aló onda o Pai/Nai do ceo. Estanos Xesús falando do máis aló, que veremos e gozaremos cando morramos? Si, pero tamén nos está falando do máis acó, algo que podemos ver e gozar xa, un pouco polo menos, mentres vivimos. Pero como é a casa de Xesús? Somos moi amigos de comentar como é a miña casa, de preguntar como é a túa casa, de falarmos do que nela temos e non temos. Como é a morada que Xesús nos ofrece xa neste mundo e, por suposto, no máis aló na morada eterna de Deus? Como é a morada soñada por Xesús, que el mesmo, connosco, nos está xa preparando e ofrecendo?

No soño de Xesús hai casa para todas e todos; ninguén queda excluído/a. E, se o quere así para o máis aló, tamén o quere así para agora xa. Ninguén excluído, ninguén sen casa, ninguén tirada polas rúas, ninguén na marxinación. Aínda máis, polo que sabemos de Xesús, os mellores lugares da casa, a habitación máis cómoda, quente e soleada, van ser sempre para a xente máis débil, máis enferma, máis necesitada de mimos e atencións. Facéndoo así, xa adiantamos a casa e o gozo do ceo.

Xesús fálanos ademais de estar con el, de estar co Pai/Nai, de estar en unión, en familia. A casa é convivencia, é o gozo da convivencia. A casa é o respecto, o admitirnos a cada un, cada unha, coa nosa maneira de ser e de pensar: homes e mulleres, nenos e nenas, vellos e vellas. A casa é harmonía na diferenza. A casa é comunicación, é escoita, é palabra, é aprendizaxe mutua, é alegría, pero tamén é dor, é tolerancia, é resistencia, é paciencia, é esforzo, é loita. Cando nas nosas casas, nos nosos pisos, e tamén na nosa comunidade cristiá e na nosa sociedade, imos aprendendo a facer as cousas así, estámonos xa abrindo as portas da morada do ceo, estamos con Xesús arranxando o lugar da nosa felicidade eterna, en Deus.

É isto imposible? Non. Como facelo, como chegar a iso, quen nos pode levar da man para entrar polas portas desa casiña preciosa que Xesús nos quere poñer nas mans? Xesús ofrécesenos como camiño, verdade e vida, para chegar aí; se, algo polo menos, nos imos achegando á súa maneira de pensar e de vivir, iremos entrando xa na morada de Xesús, na morada feliz do ceo.

Todo isto, sabémolo ben, pasa pola tensión, pola conflitividade da vida. Estamos ás portas dunhas eleccións municipais. Ofrécensenos diferentes maneiras de entender a vida, a maneira de organizarnos na vida, as relacións sociais; os partidos políticos que se presentan ás eleccións prométennos de diferentes maneiras (con máis ou menos verdade, con máis ou menos trampa) como imos ter casa, traballo, saúde, educación, servizos sociais, liberdade, respecto pola terra, pola medio ambiente; é dicir, como imos ter morada neste mundo. A quen escolleremos? Xesús diranos: a quen defenda mellor a casa común, a quen defenda especialmente a casa do pobre, do pequeno; a quen defenda mellor a igualdade na vida, na convivencia; a quen defenda mellor esta terra como casa común, onde todos e todas poidamos vivir e convivir. E a rapina do capital non é o mellor camiño para iso; e as persoas e grupos políticos que están entregados á rapina do capital tampouco van ser a mellor man que nos leve cara ao que a xente máis humilde soña.

Cada celebración eucarística é, pode ser, un pequeno adianto desa convivencia na morada que Xesús nos prepara. Un lugar, un tempo de convivencia densa, de comunicación, de mantenza para despois saír, e facer da parroquia, do pobo, da vida, do mundo, unha casa grande, común, un fogar universal.

Preces

EU SON O CAMIÑO, A VERDADE E A VIDA

Que todas, todos, na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia nos deixemos acompañar e guiar por ti, Xesús. Oremos.

Que te busquemos de corazón, que nos esforcemos por ter unha fe limpa e fonda, unha fe que nos cure e nos libere, que nos dea alegría e alento, paz e paixón para a vida. Oremos.

Que amemos a nosa Terra, a nosa lingua, que a falemos e coidemos, como un grande regalo de Deus e dos nosos maiores para nós e para todo o mundo .Oremos.

Que contigo, Xesús, busquemos casa e fogar, traballo e vida para todas as persoas, sobre todo para as máis necesitadas, e para iso que votemos nas próximas eleccións con liberdade e mirando sempre polo ben da xente máis débil. Oremos.

Xesús, que as persoas que sofren co cancro ou con outras enfermidades duras de levar, te sintan ben ao seu lado, teñan cumprida atención médica e conten co noso apoio e compaña. Oremos.

Oración
(Con Díaz Castro, o poeta de Guitiriz)
“Ai os xeonllos doridos a carón deste mundo,
as mans xuntas que arrexuntan nun intre a alma toda,
os beizos que agurgullan oracións coma fontes
na noite pecha, copas de sangue que fumega!!
(“Nimbos”)

Grazas, Pai/Nai do ceo,
pola vida e polos poemas de Díaz Castro.
Grazas porque o Espírito iluminouno
para te sentir e vivir
coma luz que iluminas nas nosas tebras,
coma sustento da nosa fraxilidade,
coma auga que matas todas as nosas sedes.

Grazas porque viviu e amou Galicia,
a nosa Terra,
porque viviu e amou o galego,
a nosa fala,
porque viviu e amou a aldea,
a nosa matriz natural espléndida.

Grazas pola graza dos seus versos,
cos que nos falou con tenrura e paixón
da fondura das cousas, dos tempos, das vidas,
da fondura do corazón humano, universal
e da fondura de Galicia e dos galegos e galegas.

Grazas, Pai/Nai do ceo,
porque por ti non sentía medo, senón atracción,
porque en Xesús viu o amor extremo que libera de todas as escuridades,
porque descubriu na morte unha amiga agarimosa
que leva da man ata a soleira da túa casa eterna,
o noso fogar eterno.

Grazas por Díaz Castro,
co quen nos incitas a vivir e a gozar,
a amar e a implicarnos na vida,
a gozar coas cousas pequenas,
a loitar contra toda clase de escuridade, abuso e opresión
e a soñar así coas cousas grandes que ti nos preparas.

Grazas por este cristián laico,
por este crente iluminado,
por este guía humilde e consistente
que nos deches coma un regalo xeneroso teu
para conforto e alento das nosas vidas.

Grazas sempre.
Acción

Están próximas as eleccións municipais. Como cidadáns ou cidadás, como cristiáns ou cristiás, debemos tomar en serio o asunto de votar. Do noso voto, do voto da xente, de quen saia elixido para rexer o noso Concello, van depender moitas cousas moi importantes para a nosa vida. É moi importante votar con liberdade, sen lle facer caso a presións que nos poidan chegar de calquera lado. Votar por quen mellor defenda a vida do conxunto da comunidade sen preferir os máis poderosos, senón, en todo caso, preferindo os intereses da xente máis fráxil. Será ben que nos informemos ben, para votar con proveito.


8 de maio: Luns da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 5-18
Salmo: 113B, 1-2. 3-4. 15-16

Evanxeo: Xn 14, 21-26

Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:
—Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; e a quen me ama amarao o meu Pai e amareino eu e manifestareime a el.

Xudas, o outro, non o Iscariote, preguntoulle:
—¿Qué pasou, para que ti vaias manifestarte a nós e non ao mundo?

Xesús respondeulle:
—Se alguén me ama, gardará a miña palabra e meu Pai amarao e viremos onda el e faremos vida con el. O que non me ama non garda as miñas palabras; e a palabra que escoitades de min non é miña, é do Pai que me mandou.

Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen.

Meditación

Deus non lle nega nunca o seu amor a ninguén; Xesús tampouco. O interese de Deus, que Xesús defendeu ata a morte, é que a xente, toda a xente, sexa da raza, da relixión, da condición social, da fala, do sexo que sexa, realice día a día o soño da unidade. Iso supón coñecerse, respectarse, valorarse na diferenza, sabernos a todas e todos parte dun proxecto común; supón deixar que as cordas da solidariedade vaian tecendo as nosas vidas; supón romperse a cabeza e o corazón e as mans para que ninguén quede fóra, á marxe desta dignidade imprescindible. E así, queréndoo ou sen querelo, estamos pronunciando o nome de Deus, estámolo honrando, estamos deixando que o seu Espírito de vida se multiplique entre nós. Deus vivirá na nosa vida e nós na del; con Xesús faremos vida en Deus.

Deus non lle nega a ninguén este soño humanitario, divino. Nós, sendo crentes ou sen selo, si que podemos arredarnos del e montarnos as nosas historias, sempre, case sempre, con aires de prepotencia e de indiferenza. E así nos irá. Así nos vai.

Oración
Cáusame moito iso que nos dis, Xesús,
de que ti co Pai estades dispostos a vir onda min
e a facer vida comigo.
E éncheseme o corazón pensando:
Deus facendo vida comigo!
Deus invitándome a unha compenetración absoluta
coa natureza, cos animais, coa xente,
coas persoas máis débiles,
con Deus mesmo,
e Xesús polo medio
enchéndoo todo de luz e de sentido!
Como será iso, Xesús,
como será posible vivilo día a día?
Que o teu Espírito me anime a experimentalo
con humildade, con ousadía!
Acción

¿Estamos enredad@s con Xesús, con Deus, nesta súa proposta de unidade a todos os xeitos, ou estamos enredad@s en historias de confrontación, de dominio, de desprezo pola razón que sexa? ¿Como poderiamos mellorar á hora de vivir o soño de Xesús?


9 de maio: Martes da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 19-28
Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 21

Evanxeo: Xn 14, 27-31a.

Na conversa de despois da derradeira cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Déixovos a paz, douvos a miña paz; eu non vola dou como a dá o mundo. Non vos angustiedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen voume e logo volvo onda vós. Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.

Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. Xa non falarei moito convosco, pois está a vir o príncipe deste mundo. Sobre min non ten nada, máis é para que saiba o mundo que eu amo o Pai, e que eu fago o que o Pai me mandou.

Meditación

Xesús tivo unha vida moi complexa. Bateu coa incomprensión de moita xente, co rexeitamento de moitas persoas, co odio radical de algúns, que buscaron a maneira de acabar con el; o que o evanxelista Xoán chama “o príncipe deste mundo”, ese misterioso fondo de mal que a todos nos fire, nos reclama e mesmo nos emboba ás veces. E Xesús, con todo, fala de paz, da paz que el dá, que non a dá como vulgarmente a podemos dar nós, pero que é paz substancial, fonda, auténtica, que pode medrar mesmo nos corazóns azoutados por situacións tan complexas como as que Xesús viviu.

¡Ai, quen puidese ter esa paz! Pois Xesús ofrécenola, compártea connosco, dánola.

Oración
Grazas, Xesús, pola paz que nos ofreces.
Canto a necesito,
para serenar os meus ánimos,
para encarar as complexidades do día a día,
para asumir contrariedades, fracasos e derrotas,
para durmir en paz, na túa paz,
a pesar de todo,
para erguerme de novo ao día seguinte
e volver á tarefa,
pacificado,
confiado,
esperanzado!
Si, Xesús,
dáme a túa paz como ti sabes dála.
Acción

Igual podiamos pensar hoxe nas cousas que normalmente nos quitan a paz, o humor, a forza para o bo da vida. Que bo sería que o falásemos en grupo, que en grupo descubrísemos o xeito de nos facer máis xente de paz ao estilo de Xesús!


10 de maio: Mércores da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 1-6
Salmo: 121, 1-2. 3-4a. 4b-5

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A vara que en min non leva froito arríncaa; e a que leva froito límpaa, para que leva máis froito aínda. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vos.

Así como a vara non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós, as varas. Quen permanece en min e eu nel ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, tírano fóra, como as varas, e seca; apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedido o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.

Meditación

As persoas cristiás somos as varas da cepa, que é Xesús, do viñateiro, que é Deus. Podemos gozarnos e chufarnos de que as cousas sexan así, de que Deus quixese ter esta vinculación tan fonda connosco, que frutifica en nós, que a través de nós pode ofrecer ao mundo tantas cousas boas. Unha gozada e unha responsabilidade. Porque hai varas na cepa que non dan froito, que non valen para nada, que o labrego corta e bota ao lume. Como hai homes e mulleres cristiás que desmerecemos a nosa condición cristiá e a reducimos a nada, a un título de bautizados que non significa case nada para nós. E non é que Deus sexa quen corte a vara e nos arrede del; non, Deus nunca fai iso. Somos nós os que cortamos as veas polas que a “savia” de Deus chega ata nós e quedámonos estériles no mundo, para nós mesmos, para os demais.

Ao lado das varas que o labrego corta e tira están as outras varas que poda, para que dean froito, porque curiosamente a vara longa, que medra e medra, que pode parecer espléndida, se non se lle cortan os voos, tampouco non dará froito; ao máis, uns cangallos de nada que á hora da vendima pouco renden. É esa sabedoría de darse, de baleirarse, de desentenderse de si mesmo, para facerse en Deus abundante para os demais e tamén para unha mesma.

Oración
O que eu quero, Xesús,
ben ti o sabes:
poder pasmarme ante Deus
que en todo está e que o é todo;
poder pasmarme ante a xente débil,
na que Deus me fala e clama;
poder liberarme do ego que me escraviza
e me arreda da comunidade;
poder romper con iso de “fichar” a xente,
que me distancia de millóns de persoas;
poder vivir no silencio, na humildade, na dispoñibilidade
como forma revolucionaria de vida.
Pero ti que sabes o que eu quero
sabes tamén o pobre que son para poder acadalo.
Conto contigo.
Acción

Hoxe podemos reparar nalgún froito bo que estamos dando por permanecer unidas a Xesús, a Deus. Agradecemos esa vinculación entre Deus e nós que nos permite frutificar e animámonos a seguir dando froitos.


11 de maio: Xoves da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: 15, 7-21
Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 10

Evanxeo: Xn 15, 9-11

Díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Como me amou o Pai, así vos amei eu; permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós e a vosa alegría sexa plena.

Meditación

Xesús estamos ofrecendo cousas ben substanciais para a vida de calquera persoa; hai uns días falábanos de paz, da súa paz, que pode ser que non coincida co que vulgarmente entendemos por paz. Hoxe fálanos de amor e de alegría; calquera das dúas cousas, amor e alegría, entendidas ao estilo de Xesús. Un amor, que non é brandura sentimental sen máis, senón que se amosa no feito de estar e vivir no amor-servizo de forma permanente, para entrar no posible na medida sen medida que Deus Pai/Nai lle dá sempre ao amor. E a alegría como unha realidade redonda, plena na nosa vida, non coma unha banalidade de paso: que a alegría de Xesús asente en nós.

Oración
Paz, amor, alegría,
que ben podelas vivir
onda ti, contigo, en ti,
Xesús!
Que ben poder encher con elas
cada mañá,
cada mediodía,
cada solpor e noite!
Que ben podelas compartir
con quen delas precise,
como ti as compartes comigo,
connosco.
Grazas, Xesús.
Éncheme da túa paz,
do teu amor,
da túa ledicia.
Acción

Podemos buscar a maneira de levar hoxe algo de paz, de amor e de alegría a calquera persoa que dela precise, e coas formas materiais ou espirituais que nos parezan máis oportunas.


12 de maio: Venres da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 15, 22-31
Salmo: 56, 8-9. 10-12

Evanxeo: Xn 15, 12-17

Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:

Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se fadedes canto eu vos mando. Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor; a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza, de xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome volo conceda. Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.

Meditación

As normas, as leis, os regulamentos pódense facer necesarios para o bo funcionamento dun grupo, dunha comunidade, dun pobo. Pero o esencial é o amor. O máis importante é poder mirar sempre á persoa que temos diante con sumo respecto, con afecto, con entrañas de misericordia, con tenrura, tanto cando coincida connosco no seu ideal de vida coma cando non. Antes de nada e por riba de todo é un irmán, unha irmá.

Sería normal que nisto as persoas cristiás fósemos verdadeiras especialistas. A nosa fe aséntase no convencemento de que Deus é para toda a humanidade, para toda a creación, coma un Pai, coma unha Nai que nos quere sen distincións, sexamos bos ou non, cumpramos ou non cumpramos canto el nos manda. A nosa fe cristiá céntrase na confianza íntima que temos con Xesús, que nos amou ata o punto de non recear afrontar a morte por manterse no amor.

O amor é o primeiro. Certo, pode ser maltratado, manipulado, vivido comenenciudamente. Cómpre coidalo, para non convertelo nun xogo barato que a nada nos leva. Xesús soubo e sabe de amores. Intimando con el, aprenderemos a amar ben.

Oración
Non me queres como escrava, Xesús,
quéresme como amiga.
Grazas.
Viviches a túa vida envolta en servizo
pensando en todos,
pensando en min.
Grazas.
Trátasme como a persoa amiga,
como a persoa escollida,
compartes comigo as túas ansias e praceres.
Grazas.
Quéresme viva e exuberante,
cargada de amores e solidariedades.
Grazas.
¿Saberei estar no meu sitio,
corresponder con amor a tanto amor,
con solicitude polos demais
a tanta solicitude como ti tes por min?
Xesús,
apréndeme o amor,
apréndeme o servizo,
apréndeme a amizade.
Acción

Para revisar a nosa amizade con Xesús, con Deus, podemos empezar por revisar as amizades que temos coa xente. ¿Cómo as coidamos? ¿Cómo medramos nelas? ¿Cómo as gozamos?


13 de maio: Sábado da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 16, 1-10
Salmo: 99, 2. 3. 5

Evanxeo: Xn 15, 18-21

Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se o mundo vos aborrece, sabede que me aborreceu a min antes que a vós. Se fosedes do mundo, o mundo amaríavos como cousa propia; pero, como eu vos escollín do mundo, por iso o mundo aborrécevos. Lembrádevos da palabra que vos dixen: non hai servo maior có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa. Todo isto hánvolo facer por causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou.

Meditación

As persoas cristiás estamos no mundo, somos do mundo; o mundo está formado por un número inmenso de criaturas, entre as que se atopan os homes e mulleres todos do mundo. A eles nos debemos as comunidades cristiás. O mundo é a nosa casa común; co mundo todo únennos lazos fondos de codependencia, de irmandade. É unha mágoa que entremos en conflito co mundo. O noso é simplemente vivir ao estilo de Xesús, e compartir humildemente cos nosos contemporáneos ese estilo de vida, porque nos parece un tesouro que pode axudar moito a levar unhas vidas dignas, sas, solidarias, felices. Que nos ridiculizan por iso? Ben, que lle imos facer. Que mesmo chegan a desprezarnos, a perseguirnos, a matarnos? Vale, alá eles.

Pero tamén está ben que nos preguntemos o porqué ás veces de tanta rabia, de tanto problema connosco. Pode ser que a inocencia moleste, que a verdade moleste, que os berros de solidariedade molesten. Foi o que lle pasou a Xesús. Pero tamén pode ser que nos arrimemos ao poder, que defendamos privilexios, que nos guste impoñer o noso. O amor, o servizo, a solidariedade coa xente máis débil é a gran chave que pode abrir todas as portas. Aí é onde mellor poderemos entendernos e convivir.

Oración
Señor, Señor,
polo teu amor…
que saibamos amar o mundo
e todo o que o embelece e compón.
Que saibamos ollarnos
con ollos de fraternidade sempre.
Que nos movamos sempre
por razóns de servizo e de xustiza.
Que aprendamos de ti a soportar incomprensións
como parte non pequena da nosa fidelidade.
Que nunca vaiamos de vítimas,
senón de humildes servidores no teu nome.
Acción

Podemos mirar se como persoas ou comunidade cristiá estamos tendo algún tipo de conflito co “mundo”. Por que é? ¿Por sermos fieis a Xesús, ou por outras historias? Podemos mirar tamén se non nos estaremos acomodando demais ao funcionamento do “mundo”, sen dar a cara pola verdade, pola xustiza, pola solidariedade. Todo pode ser.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.