01 maio, 2023

5º Encontro curso 2022 - 2023

 



COAS FERIDAS DA MORTE, DA VIDA E DO AMOR

Llegó con tres heridas de Miguel Hernández (Cancionero y romenacero de ausencias)

Llegó con tres heridas,
la del amor,
la de la muerte,
la de la vida.

Con tres heridas viene:
a de la vida,
la del amor,
la de la muerte.

Con tres heridas yo:
la de la vida,
la de la muerte,
la del amor.
Silencio

Lectura: Evanxeo: Xn 20, 11-18.

Meditación

Volvemos atoparnos con María Magdalena. Coa súa constancia: os demais marchan, pero ela queda alí, ao pé do sepulcro. Coa súa dor: chora e chora a ausencia do Xesús querido. Coa súa busca: entra e mira, observa. Cos seus amores en ausencias: “leváronme o meu Señor, non sei onde o puxeron”. Coa súa capacidade de percibir as chamadas cando oe o seu nome. Cos súa dispoñibilidade comunitaria, renunciando á apetencia de se quedar apegadiña a Xesús.

Por todo isto, María a Magdalena é unha referencia para nós, cando buscamos ter unha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Nunca se realizará de forma corporal, nin cos sentidos corporais; pero si se pode sentir co corazón, cos sentidos espirituais, con esa forma especial de oír, ver, gustar, tocar da que os seres humanos somos capaces cando nos deixamos levar polo Espírito de Deus. Os lugares onde hoxe podemos atoparnos co Cristo resucitado non é xa un sepulcro, senón o campo todo da vida, onde se vive e dramatiza a nosa existencia, con toda clase de circunstancias e sentimentos. Xesús está aí, á espera de nós.

Oración
Quen me dera, como a Magdalena,
amor e ansias para atoparme contigo, Xesús!

Quen me dera busca, paixón, coma a dela,
para descubrirte vivo
no traballo da vida, na loita da vida de cada día,
ben ao noso lado,
alentando os nosos esforzos por unha vida digna!

Quen me dera ser sensible coma ela
para pronunciar o teu nome con agarimo e admiración,
para seguir os teus pasos rebeldes
neste meu mundo apoucado e prepotente a un tempo!

Quen me dera sentirte dentro, alá no fondo,
conmocionando a miña vida,
converténdoa nunha humilde fervenza de gozos e de loitas,
de soños e de encontros!

Quen, senón ti, Xesús,
quen, senón o teu Espírito, Xesús!
Silencio

Compartimos algo

Abrimos mans e corazón a outra xente coas feridas da vida, da morte, do amor.

Abrimos mans e corazón sabéndonos fillas, fillos, irmáns, irmás en Deus en quen somo e vivimos as nosas vidas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.