17 maio, 2023

Tempo de Pascua: 7ª semana



21 de maio: Ascensión do Señor

1ª lectura: Feit 1, 1-11. Salmo: 46, 2-3. 6-7. 8-9.
2ª lectura: Ef 1, 17-23.

Evanxeo: Mt 28, 16-20

Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.

Entón acercouse Xesús a díxolles:
—“Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.”

Meditación

Os evanxeos converten en relatos históricos, en entrañables narracións, o recorrido espiritual que os seguidores e seguidoras de Xesús foron facendo desde a morte do seu mestre ata o momento en que se deciden a prolongar no tempo, na historia o seu seguimento de Xesús; isto significaba vincularse á fe de Xesús, o estilo de vida que el tiña, a súa maneira de tratar a Deus, de tratar con Deus, a súa maneira de relacionarse coa xente, pobre ou rica, vinculada ou non aos diferentes grupos relixiosos que había no seu tempo.

Os discípulos e discípulas de Xesús tiveron experiencias moi fondas; algunhas ben dolorosas, como foi o ver que o seu mestre querido era condenado e axustizado polo poder político e relixioso do seu tempo, cousa nada doada de asimilar; outras experiencias, en cambio, foron ben gratificantes: ver, experimentar que Xesús seguía vivo no medio deles, ata o punto de poder case palpar a súa presenza; e tamén sentir que unha nova forza, un novo Espírito os enchía de vida, de paz, de forza, de ousadía; e retomar o seu encanto por Xesús, e o desexo fondo de seguir vivindo co seu mesmo estilo de vida, que agora, máis ca nunca, lles parecía algo realmente atraínte, capaz de revolucionar as vidas das persoas, das comunidades, da sociedade enteira.

O relato de hoxe é o relato final; o relato da despedida, que non é tal, porque Xesús segue presente no medio da comunidade cunha presenza nova: a súa palabra, a súa memoria, o seu Espírito, a súa comunidade, o rostro dos irmáns e irmás, o rostro sobre todo da xente máis débil e marxinal, coa que Xesús expresamente se quixo identificar. É a hora da adultez, da responsabilidade. É a hora de sabernos depositarios/as dun precioso tesouro, levado en vaixelas de barro certamente, que é a memoria de Xesús, a lembranza da súa vida e da súa morte, que son as súas palabras, os seus feitos. É a hora de asumir o compromiso de ser testemuñas de todo iso, coas palabras e coa vida, para que a novidade humanizadora, liberadora, de Xesús se lle ofreza ao mundo enteiro, e non haxa home ou muller no mundo que non poida gozar da súa forza de vida, de curación, de liberdade. Na festa da Ascensión todos, todas, nos vemos ante esta hora de adultez e de responsabilidade, ante esta encomenda de ser testemuñas vivas de Xesús e de todo o de Xesús. Somos así persoas e comunidades cristiás adultas, que nos responsabilizamos da encomenda de Xesús?

Se o queremos facer, estaría ben que nos fixásemos nos pasos que no evanxeo de hoxe se nos van indicando. Non podemos ser boas testemuñas de Xesús, se antes non nos prostramos ante el, é dicir, se antes no fondo do noso corazón, da nosa vida, non descubrimos a Xesús coma o camiño que Deus nos ofrece para avanzar no seu coñecemento, no seu servizo, no servizo da xente que nos rodea. O evanxeo di que “algúns dubidaban”; quizabes nós tamén somos desas persoas fráxiles na fe. Quizabes a nosa debilidade coma testemuñas de Xesús dependa xa dunha falla de encantamento por Xesús e polo que el nos transmitiu coa súa vida toda. Atráenos Xesús?

A tarefa da comunidade cristiá é sinxela, clara: axudar a calquera persoa a que tamén descubra esa persoa marabillosa que é Xesús, ata o punto de que, querendo, poida vincularse ao grupo de Xesús, á comunidade de Xesús, coma un aprendiz de Xesús. Estamos facendo isto nas nosas comunidades cristiás? Que lle ofrecemos ás persoas que na infancia, na mocidade, acoden ás nosas catequeses? Que lle ofrecemos a calquera persoa adulta, non bautizada ou bautizada pero arredada da Igrexa, cando se achega ás nosas comunidades? Poden ver en nós a forza e a frescura de Xesús, da súa persoa, da súa vida? Que lle ofrecemos especialmente á xente máis abandonada, máis desprezada, máis marxinada?

Para facilitar este camiños de aprendices, de discípulos/as, o evanxeo fálanos de dúas prácticas: bautizar no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo, e ensinar a gardar canto Xesús nos mandou. Bautizar no nome do Pai, é dicir, axudar a que as nosas vidas estean ben enraizadas en Deus coma Pai/Nai, e non coma alguén desinteresado de nós e das nosas vidas, ou coma un tirano caprichoso e vingativo. Bautizar no nome do Fillo, é dicir, facer del o camiño de todos os nosos andares pola vida. Bautizar no nome do Espírito Santo, é dicir, experimentar que somos acompañados/as, impulsados/as por unha forza maior que nos sostén nas tarefas da vida. E logo gardar todo canto Xesús nos mandou. Isto podémolo descubrir pouco a pouco lendo os evanxeos con agarimo, léndoo en grupo, en comunidade, e preguntándonos honestamente como levar a cabo as cousas de Xesús nos tempos que nos toca vivir hoxe. Hoxe estase fomentando a práctica de crear grupos de lectura comunitaria do Evanxeo; seguro que farán moito ben. Poderiámolo facer na nosa comunidade?

Ás veces as comunidades cristiás parecémonos a esas ONGs deficientes –hainas tamén moi boas—, que gastan boa parte dos seus recursos económicos e humanos en manterse a si mesmas, e só unha pequena parte para a actividade benéfica que pretenden atender. Tamén nós dedicamos moitos recursos e esforzos a cousas do funcionamento interno, e esquecémonos do máis importante: ofrecer a Xesús, non como palabra morta do pasado, senón coma forza de vida e de ilusión para as realidades de cada día coas que hoxe nos temos que estar enfrontando. E quizabes por iso as igrexas van quedando baleiras, e os corazóns tamén.

Na celebración da Eucaristía podemos revivir o encontro con Xesús, a súa despedida, e recibir del a súa encomenda e a forza e mantenza para levala a cabo.

Preces
EU ESTAREI SEMPRE CONVOSCO
Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando queremos vivir coma boas persoas cristiás a nosa vida de familia, coas súas alegrías e dificultades. Oremos.

Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando buscamos facer unha comunidade cristiá, unha parroquia, máis viva, máis animadora, máis vinculada a ti e ao teu xeito de vivir, máis preocupada pola xente débil. Oremos.

Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando participamos no traballo político, sindical, social, para facelo coma persoas honradas que miran especialmente polas persoas que peor o están pasando. Oremos.

Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando defendemos os inmigrantes e soñamos cunha sociedade igualitaria, fraterna, humana, na que os cartos non teñan sempre a última palabra. Oremos.

Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando humildemente pretendemos ser testemuñas túas no mundo de hoxe, alí onde vivimos e nos movemos. Oremos.

Oración
Gloria e loanza a ti,
Xesús resucitado,
Xesús recoñecido e enxalzado!

GLORIA E LOANZA A TI!

Gloria e loanza ti,
humildísimo dentro da historia,
abaixado ata a morte, e morte de cruz,
en amor ata o extremo!

Gloria e loanza a ti,
o Xesús das longas camiñadas polos camiños do pobo,
que desde o acougo eterno segues camiñando ao noso lado!

Gloria e loanza a ti,
o Xesús dos encontros, xantares e conversas,
que nos segues convocando á túa mesa, ao teu pan, á túa palabra!

Gloria e loanza a ti,
Xesús apaixonado pola felicidade de cada ser humano que batía contigo,
que nos segues transmitindo os teus soños e ilusións!

Gloria e loanza a ti,
que compartiches coa xente que te tratou o coñecemento fiel e amoroso do Pai/Nai,
o alento pacificador e rebelde do Espírito,
e séguelo facendo con todos nós, que te admiramos!

Gloria e loanza a ti,
porque se che revolvían as entrañas
cada vez que vías un desprezo, un abuso a persoas envoltas en calquera debilidade,
e quéresnos contaxiar a túa indignación!

Gloria e loanza a ti,
que te fuches, pero segues entre nós
sobre todo desde os corpos e as almas feridas
das persoas que viven en amargura!

Gloria e loanza a ti,
amigo dos reencontros, dos perdóns, da festa e da alegría,
que ris na risa de quen goza e comparte a vida!

Gloria e loanza a ti,
vivamente presente nas persoas servidoras, coidadoras
que, admirándote e agradecéndote,
entenden que servir é a mellor maneira de ser humano/a!

Gloria e loanza a ti,
Xesús morto e resucitado,
Xesús glorificado,
a túa memoria, o teu recendo enche o mundo de gozo e esperanza!
Acción

Hoxe podémonos preguntar: en que se concreta o esforzo, persoal e comunitario, que facemos para compartir con outras persoas o noso coñecemento de Xesús, a nosa experiencia de amizade con el? Se nos facemos en grupo esta pregunta, seguro que todos lle sacaremos proveito.


22 de maio: Luns da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 19, 1-8.Salmo: 67, 2-3. 4-5ac. 6-7ab

Evanxeo: Xn 16, 29-33

Nunha ocasión dixéronlle a Xesús as persoas que o acompañaban de cerca:
—Mira, agora falas claro, sen andar con voltas. Agora sabemos que o sabes todo e non precisas que ninguén che pregunte; por iso cremos que saíches de Deus.

Xesús respondeulles:
—¿Agora credes? Mirade, vai chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda e a min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo o Pai. Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo haberedes ter apertos; pero tede ánimo, eu vencín o mundo.

Meditación

As persoas que acompañaban a Xesús transmiten satisfacción: todo está claro, entendémolo todo, ningunha dúbida nos invade o corazón e a vida. Pero Xesús devólveos á realidade: ¿Pensades crer? Deixarédesme só! Porque crer non é ter unhas ideas máis ou menos razoadas sobre quen é ou non é Xesús. Crer é vincularse vitalmente ao seu estilo de vida. E iso leva consigo inseguridade, conflito, loita, apertos. Iso si, Xesús asegúralles que iso pode convivir perfectamente cunha grande paz. Paz ao estilo de Xesús, ao estilo das persoas fondamente comprometidas co Deus da vida, da dignidade. Canto podemos aprender daqueles primeiros discípulos e, por suposto, do mesmo Xesús!

Oración
Apréndeme, Xesús,
os camiños da vida,
os camiños da xente desvalida,
os camiños de Deus.
Apréndeme a andar por eles
sen aforrar esforzos,
pero con fonda paz.
Apréndeme a ser humilde,
agradecendo o recibido,
ofrecendo xenerosamente
o que foi madurando en min.
Así ata a hora final,
sen renuncios nin abandonos.
Acción

Podemos decatarnos dalgún aperto polo que esteamos pasando na vida: físico ou espiritual, persoal ou comunitario, social. ¿Cómo o estamos xestionando? ¿Desde a paz e a confianza, ou desde a axitación e o desespero? ¿Cómo nos podería axudar Xesús a afrontalo?


23 de maio: Martes da 7ª semana de Pascua.

1ª lectura: Feit 20, 17-27. Salmo: 67, 10-11. 20-21

Evanxeo: Xn 17, 1-11a

Unha vez Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, dixo:
—Pai, chegou a hora; glorifica o teu fillo, de xeito que o teu fillo te glorifique a ti; conforme lle deches poder sobre todo ser humano, para que outorgue vida a todas as persoas que ti lle deches. E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo. Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me encargaches facer. E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti antes de que o mundo existira.

Eu manifesteite aos seres humanos do mundo que ti me deches. Eran teus e déchesmos e gardaron a túa palabra. Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, pois entregueilles as palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de onda ti e creron que ti me mandaches. Eu rógoche por eles; non che rogo polo mundo, senón polas persoas que me deches, pois perténcenche; todo o meu é teu, e o teu, meu; e neles quedo eu glorificado. Eu xa non vou estar no mundo; pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda ti.

Meditación

A vida, que importante é a vida, todo o que é e dá vida! E tamén, á inversa, que dramático é tamén todo o que resta vida, o que mata vida. Deus é vida e está ao servizo da vida, para a natureza, para os animais, para a xente. Xesús veu ser testemuña viva de todo isto, e por iso el estivo sempre ao servizo da vida, e ¡con que forza e fondura!, e contra todo o que a afogaba, ata dar a súa vida para que a vida triunfase na xente, no mundo, en todo o mundo. A súa gloria consiste precisamente niso mesmo: que a xente teña vida!. E dentro de todo ese movemento de vida estamos metidas nós, como persoas que recibimos vida e como persoas que a podemos espallar, incrementar, ou, se cadra, apagar, afogar, matar. Aquí está a nosa derrota humana ou a nosa gloria.

Oración
Que saiba estar atento á vida, Xesús,
algo coma ti polo menos.
Para saber percibila ao meu redor,
para saber agradecela,
para saber coidada,
para facela medrar.
para saber compartila,.
Que a chore ausente,
en min ou en calquera outra persoa;
que a reconstrúa,
cando a vexa esboroada.
Vida limpa, vida digna,
vida solidaria,
vida humanizada á altura do mesmo Deus.
Aléntame.
Acción

Podemos mirar en que estamos contribuíndo a que a vida vaia a máis en nós, na xente que nos rodea. Con que accións, con que formas o estamos facendo. E así participar un chisco na gloria do mesmo Xesús de Nazaré.


24 de maio: Mércores da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 20, 28-38. Salmo: 67, 29-30. 33-35a. 35b-36c

Evanxeo: Xn 17, 11b-19

Naquel tempo xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
—Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós. Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos, eu agarimeinos e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a Escritura. Mais agora estou indo a ti e falo estas cousas no mundo, para que teñan eles a plenitude do meu gozo. Eu deilles a túa palabra e o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son do mundo. Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo. Eles non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo. Conságraos na verdade; a túa palabra é verdade. Como ti me mandaches ao mundo, así os mando eu a eles, e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.

Meditación

O mundo é a casa común habitada por millóns de homes e mulleres, entre os que nos contamos. No mundo, na xente, hai cousas marabillosas que nos levan á admiración e ao agradecemento. No mundo hai tamén cousas malas, mala xente, malas ideas, moitos abusos, moita explotación, moito dominio dos poderosos sobre a xente máis humilde, moitas guerras sempre interesadas nas que morren miles de inocentes. Calquera de nós levamos no noso corazón parte desas cousas marabillosas que hai no mundo e, moi posiblemente tamén, parte desa maldade que ensucia o mundo.

Como habitantes do planeta, como persoas cristiás o mundo é o noso lugar. Non queremos nin debemos fuxir del. Cara a onde? Xesús invítanos a estar no mundo, pero a estar dunha maneira inocente, xusta, responsable, agradecida, loitadora, solidaria, deixándonos conducir pola súa palabra, polo seu estilo de vida, pola súa ilusión de facer deste mundo unha casa de irmás e irmáns en todo. Custe o que custe.

Oración
Ti apréndesme, Xesús,
a gozar coas cousas boas todas que hai no mundo,
a gozar con tanta xente boa que o habita,
a alegrarme polo ben que descubro na miña propia vida.
Grazas, Xesús.
Pero ti apréndesme tamén, Xesús,
a fuxir das cousas malas do mundo
que se achegan á porta do meu corazón tentándome:
o desprezo polo que non é nin pensa coma min,
a avaricia, o afán desmedido de posuír e consumir,
o machismo, o dominio, o querer estar sempre por riba,
a indiferenza polos abusos que sofren tantas persoas débiles,
o clasificar a xente, condenala, non lle dar oportunidades,
a lingua lixeira para criticar e preguiceira para alentar,
… e moito máis.
Grazas, Xesús, polo que me aprendes.
Estarei en vela.
Acción

Intentemos ver en nós algunha cousa boa pola que nos sentir ben agradecidas. Pero intentemos ver tamén en nós algo dese mundo malo, co que contribuímos a afear a nosa convivencia no mundo.


25 de maio: Xoves da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: 22, 30; 23. 6-11. Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11

Evanxeo: Xn 17, 20-26

Naquel tempo Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
—E non che rogo só por estes, senón tamén polos que han crer en min pola palabra deles; que todos sexan un, como ti, Pai, en min, e eu en ti, que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches déillela a eles, para que sexan un como nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.

Pai, eu quero que os que me deches estean tamén comigo onde eu estou, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles e tamén eu estea neles.

Meditación

A chamada final de Xesús é unha chamada á unidade. Unha unidade nutrida, sostida polo amor, pola solidariedade. Unha unidade que respecte as diferenzas de xeitos de ser e de pensar, de culturas, de sexo, de linguas, mesmo de credos. Deus é moito máis que os mellores intentos de calquera relixión. O que máis manifesta a Deus é a unidade, a aperta, a comuñón, o compartir, a consideración, a compaixón, a compenetración, o común. E curiosamente iso mesmo é o que mellor nos vai e nos expresa aos seres humanos, por moito que moitas veces nos rebelemos contra esas cousas e fagamos as contrarias. O cal, por certo, sempre nos acaba traendo moitas amarguras. Na unidade respectuosa coa diferenza está a maior gloria de Deus. Na unidade respectuosa coa diferenza esta a maior gloria da xente.

Quizais porque descoñecemos moito a este Deus que clama pola unidade na diferenza, quizais porque quen dicimos crer nun Deus así pouco o testemuñamos coa nosa vida, quizais porque a chamada da unión é unha chamada fonda e esixente, quizais por todo iso teñamos que afirmar con Xesús: “o mundo non te coñeceu”; pero quizais por todo iso tamén debamos dicir tamén con Xesús: “eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando”.

Oración
Que todos, todas sexamos un, unha.
atopando o noso oco nesa unidade total
que es ti, Pai, Nai nosa.
Que todos, todas, sexamos un, unha
na realidade da vida cotiá,
sen diferenzas agraviantes,
compenetrándonos sempre,
agradecéndonos sempre.
Que todos, todas sexamos un, unha
tamén na Igrexa
en todas as súas áreas e funcións.
Se o mundo está ferido pola diferenza,
pola discriminación, polo abuso,
pola prepotencia de tantas cores,
que saibamos curalo
a base de respectos e igualdades,
de reconciliacións e apertas.
Acción

Miremos ata que punto na nosa vida cotiá, no noso espazo laboral, en calquera área da nosa vida, somos persoas de unidade ou persoas de discriminación. Seguro que poderemos cambiar comportamentos e esixir que outros os cambien tamén.


26 de maio: Venres da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 25, 13b-21. Salmo: 102. 1-2. 11-12. 19-20ab

Evanxeo: Xn 21, 15-19

Cando Xesús se apareceu aos seus discípulos, despois de comer preguntoulle a Simón Pedro:
—Simón de Xoán, ¿ámasme máis ca estes?

El contestoulle:
—Si, Señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:
—Apacenta os meus años.

E de novo preguntoulle por segunda vez:
—Simón de Xoán, ámasme?

El respondeulle:
—Si, señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:
—Apacenta as miñas ovellas.

E preguntoulle por terceira vez:
—Simón de Xoán, quéresme?

Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez “quéresme?”, e respondeulle:
—Señor, ti sabelo todo, ti ben sabes que te quero.

Xesús díxolle:
—Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo, vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderas as túas mans e vestirate outro e levarate onde non queres.

Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
—Sígueme.

Meditación

Pedro tivo que facer un recorrido persoal na súa relación con Xesús: desde o seguimento rápido do primeiro momento, pasando polos momentos nos que non entendía a proposta de Xesús de vivir servindo ata a morte, se fixese falla; pasando tamén pola tiple negación cando unha criada o puxo entre a espada e a parede; e así ata este momento último no que manifesta a súa vinculación fonda con Xesús, en ideas, proxectos e afectos. Así estaba el capacitado para acompañar o camiño de fe das persoas que querían seguir tamén a Xesús en comunidade, en Igrexa.

O camiño de Pedro pódenos levar a preguntarnos polo noso propio camiño en relación con Xesús. ¿En que momento nos atopamos? ¿No momento de decidirnos a seguilo, no momento de disentir da súa estratexia servidora a favor da comunidade, no momento de renegar del coa palabra ou cos feitos, no momento de sentirnos fondamente atraíd@s por el ata vincularnos a el con todo o corazón, con toda a mente, con todo o noso ser? ¿Qué lugar ocupa Xesús nas nosas vidas?

Oración
Señor, ti sabes que te quero.
Ti sabes que, polo menos, quero quererte.
Cos meus quereres brandos, seguro,
pero sabes que te quero.
Cos meus quereres necesitados de maduración e avance,
pero sabes que te quero.
Cos meus quereres tramposos tantas veces,
porque esquezo que quererte é querer tamén a xente,
a xente máis tirada, ou a máis empoleirada,
a que máis custa querer,
pero ti sabes que te quero.
Cos meus quereres enganosos,
que agachan no fondo moito mirar por min,
pero ti sabes que te quero.
Sabes que te quero,
e gustaríame que me chamases para seguirte
e facer de min un servidor/a da comunidade cristiá, do pobo.
Acción

Podemos preguntarnos como estamos colaborando á vida da nosa comunidade cristiá coas nosas particulares habilidades, para que faga ben o labor de amosarlle á sociedade a forza liberadora de Xesús.


27 de maio: Sábado da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 28, 16-20. 30-31. Salmo: 10, 4. 5 e 7

Evanxeo: Xn 21, 20-25

Naquel tempo Pedro volveuse e viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara no seu peito na cea e lle preguntara: “Señor, ¿quen é o que te ha entregar?”. Ao velo, preguntoulle Pedro a Xesús:
—E este, que?

Xesús contestoulle:
—Se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa? Ti sígueme.

Espallouse entón entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera Xesús que non había de morrer, senón: “se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa?”

Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu, e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús que, de escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conter os libros que se habían escribir.

Meditación

Pedro e Xoán, personalidades distintas, funcións distintas na primeira comunidade cristiá. Da orixinalidade de cada un deles, da súa maneira particular de ver, tratar e seguir a Xesús beneficiáronse as persoas contemporáneas deles e beneficiámonos nós tamén. O evanxeo de Xoán, do que hoxe lemos o seu final, foi unha das grandes achegas ao cristianismo dese seguidor de Xesús sensible, fiel, amante, que quixo entrar a fondo no mundo de Xesús ao longo da súa longa vida.

Tamén cada un, cada unha de nós temos a nosa particular historia de fe, de amor, de seguimento con Xesús. Somos únicas no mundo. Nin houbo nin haberá ninguén coma calquera de nós. Temos un oco especial no ser, no pensamento, no corazón de Deus e do seu Cristo. Cada un, cada unha de nós estamos chamados a un desenvolvemento persoal auténtico, fiel ao noso ser particular, fiel a esas raíces fondas que nos enganchan con Deus, fiel ao momento histórico que nos toca vivir, co noso traballo, coas nosas familias, cos nosos pobos, coas nosas comunidades cristiás. No marco desa singularidade propia, no noso corazón inigualable resoa a chamada de Xesús: Ti sígueme. E con el tócanos ir construíndo a nosa vida. Oxalá que de forma satisfactoria.

Oración
Grazas, Xesús, por todas as persoas
que coa súa fe foron sostendo a nosa;
as que co seu seguimento
facilitaron que nós te seguiramos tamén.
Tantas mulleres, tantos homes ao longo de séculos
que foron tecendo a fermosa manta multicolor das comunidades cristiás.
Grazas sobre todo, Xesús,
polas persoas que uniron a súa sorte á túa,
e amaron e serviron ata o martirio incluso,
onte e hoxe.
Grazas por cada historia particular,
entre elas a de cada un, cada unha de nós,
que ti ben coñeces e na que te implicas sempre a fondo.
Grazas por formar parte
desta longa ringleira de persoas chamadas, amantes e seguidoras.
Acción

É frecuente ver que hoxe, véspera de Pentecoste, se celebren vixilias de oración para dispoñerse a recibir o don do Espírito. Pódenos vir ben participar nalgunha delas para reavivar o noso seguimento de Xesús.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.