24 maio, 2023

Tempo Ordinario: 8ª semana



28 de maio: Pascua de Pentecoste

1ª lectura: Feit 2, 1-11. Salmo: 103, 1ab e 24ac. 29bc-30. 31 e 34.
2ª lectura: 1Cor 12, 3b-7. 12-13.

Evanxeo: Xn 7, 37-39

Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
—“Paz convosco.”

Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.

El díxolles outra fez:
—“Paz convosco: como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.”

E dito isto, alentou sobre eles e díxolles:
—“Recibido o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos rete3ñades, quedaranlles retidos.”.

Meditación

Diciamos o domingo pasado que coa Ascensión do Señor quedaba aberto o tempo da adultez, da responsabilidade cristiá, persoal e comunitaria. No domingo de hoxe insistimos un pouco máis neste aspecto da nosa condición cristián. Hoxe é o domingo de Pentecoste. Pentecoste é unha palabra que vén do grego e quere dicir cincuenta. Chamámoslle así a este domingo, porque aos 50 días da Pascua, segundo o evanxelista Lucas, foi cando os seguidores e seguidoras de Xesús recibiron del o Espírito Santo. Lucas no relato do libro dos Feitos dos Apóstolos representa os discípulos reunidos nun local, e fálanos de ruídos, de vento, de linguas de lume que baixan sobre as súas cabezas, para concluír que así quedaron cheos do Espírito Santo. Ben vemos que é unha maneira de falar moi imaxinativa. O certo é que aqueles seguidores e seguidoras de Xesús, despois de pasar pola amargura da morte inxusta de Xesús, se viron alentados/as pola súa memoria, polo seu Espírito, dun xeito inexplicable, que lles causaba admiración a eles mesmos e a cantas persoas batían con eles. E a isto estamos todos, todas, chamados tamén no día de hoxe.

Do evanxeo de Xoán que lemos hoxe podemos aprender moito. Empeza dicindo que os membros daquela primeira comunidade cristiá son persoas que están pechadas, teñen medo, están apagadas, acovardadas, desconfiadas, non ousan saír á rúa, a alternar cos veciños e veciñas e compartir con eles a memoria de Xesús e do seu estilo de vida, que a elas tanto lles enchera. É unha comunidade derrotada, resignada, que non se atreve a soñar, a pensar que as cousas poidan cambiar, para mellor, claro. Non vemos acaso este estado de ánimo moi presente entre nós, fóra e dentro das nosas comunidades cristiás? O alento do Papa Francisco, a súa pequena revolución, estanos sacudindo; tamén nos están sacudindo, se cadra, certos movementos sociais e políticos, que se atreven a soñar co que parece imposible; pero con que facilidade o desalento prende nas nosas vidas, na nosa Igrexa, na nosa sociedade!

O evanxeo, despois disto, fálanos da irrupción de Xesús no medio desa comunidade medrosa e apagada; o primeiro que transmite é paz. Non calquera paz, a súa paz, que non é despreocupación nin desinterese polo que pase dentro de nós e ao noso redor; paz que é conciencia de que non estamos sos, está el e están moitas persoas, cristiás e non cristiás, crentes e non crentes, ao noso redor, termando de nós e dos nosos ánimos. Paz, porque temos connosco todo o poderío de Deus, que é capaz de poñer vida onde todo apunta a morte. Paz, porque nin a máis pequena aposta de inocencia, de xustiza, de fraternidade que levemos a cabo vai quedar sen froitos, sen recompensa. Paz, paz grande e fonda, que é a mellor condición para a loita máis valente e arriscada. Xesús é quen de darnos desta paz. Seremos nós quen de achegarnos humildemente a el para que a poña nos nosos corazóns, nas nosas vidas?

A continuación –di o relato—Xesús amosoulles as mans furadas e o corazón ferido. Non só para facer máis evidente a súa presenza e identidade, senón sobre todo para indicar cales son os seus procedementos, cales sería ben que fosen os procedementos das persoas que queiramos seguilo, e con el contribuír a poñer algo de graza neste mundo no que vivimos: as mans furadas, as mans dun “manirroto”, dunha persoa tan afeita a dar e compartir que se lle gastan as mans de tanto facelo, ata quedar sen nada. E o costado, o peito, o corazón ferido, a forza de amar e amar. Hai nisto gusto e pracer, senón ninguén o faría, pero tamén hai sufrimento, e Xesús advírtenos diso, e quérenos acompañar nese camiño del que sempre acaba en vida para nós e para quen nos rodea. Só na medida en que teñamos mans furadas e corazóns feridos de tanto querer e servir, seremos construtores dunhas comunidades novas, dunha sociedade nova.

De seguido Xesús pídenos continuar a súa tarefa, a de ser algo polo menos coma el, a de soñar cunha vida de persoas crentes como el o foi, a de soñar tamén cunha sociedade nova como a que el soñou e practicou, todo iso ao que Xesús lle gustaba chamar o “reinado” de Deus, que é un reinado de poder para o servizo da xente máis débil sobre todo. O poder que el comparte connosco é o poder para perdoar pecados, é dicir, para recompoñer vidas, propias e alleas, poder para recompoñer a convivencia familiar e social, poder para refacer as maneiras de organizarnos socialmente, de xeito que se acabe con calquera exclusión, con calquera marxinación, de xeito que os últimos sexan os primeiros e máis considerados e atendidos.

Xesús pídenos colaboración e dános recursos. Pon nas nosas mans o Espírito Santo, para que nos acompañe e nos sosteña. Hai Espírito Santo, ben o vimos en Xesús, e ben o vemos en tantas persoas que atenden, aman, serven, coidan, loitan, festexan, e fano basicamente coma unha natural expresión do ben, da paz, da enerxía que levan dentro de si. Así son as cousas de Deus. Así son as cousas de Xesús.

Na celebración de hoxe podemos revivir o que os discípulos/as de Xesús viviron naquel primeiro domingo da era cristiá con Xesús no medio deles.

Preces

COMO O PAI ME MANDOU A MIN, TAMÉN EU VOS MANDO A VÓS

Que sexamos fieis, Xesús, á misión que a cada un de nós, a cada unha de nós nos encomendas. Recordamos as túas palabras.

Que coa nosa forza, ilusión, creatividade contribuamos co Papa Francisco a renovar o rostro da Igrexa na nosa comunidade, no mundo enteiro. Recordamos as túa palabras.

Que sexamos, algo coma ti, Xesús, persoas defensoras do perdón e da xustiza, da paz e dos dereitos da xente máis humilde. Recordamos as túas palabras.

Que participemos nas asociacións, nos sindicatos, nos partidos políticos, nos movementos cidadáns con honradez, con espírito de servizo, para que nos nosos pobos haxa pan, traballo, dereitos e xustiza para todos e todas por igual. Recordamos as túas palabras.

Que nos deixemos renovar a fondo polo teu Espírito, para que todo o que saia de nós sexa limpo e verdadeiro, construtivo. Recordamos as túas palabras.

Oración
Déixate levar polo Espírito!
Por que pos tantas pegas e resistencias?
Por que tes tantos medos e covardías?
Por que andas sempre con escusas e xustificacións?

Déixate levar polo Espírito!
Pon o teu corpo á súa disposición.
Pon o teu espírito á súa disposición.
Pon a túa vida toda á súa disposición.
Irache ben, xa o verás!

Xa! –dirásme—, pero onde está o Espírito?
Escoita, síntete a ti mesmo,
sinte as persoas que te rodean.
Non o oes clamando a fondo pola paz e a inocencia,
pola saúde e o recoñecemento,
pola xustiza e a fermosura?

Escoita a vida, escoita o pobo.
Non o oes berrando contra todo o que deshumaniza,
contra as institucións secas, mortas,
que envolven a xente na súa propia esterilidade,
e apostando pola vida e a transparencia?

Pousa os ollos nas cousas, nas persoas miúdas.
Non o ves no bichiño que afanoso busca vida,
na mai, no pai, que con suma dor e gozo
apostan polo fillo tan limitado,
na persoa encarcerada que aínda soña?

Abre os ollos, ábreos canto poidas.
No o ves no sol, no vento, na auga,
nas sementes que xa asoman os xermolos?
Non o ves nos mozos e mozas que namoran
nos xogos e risas dos cativos/as,
nas enrugas preciosas dos máis vellos?

Déixate levar polo Espírito.
Darache liberdades que ninguén poderá coutar.
Darache vínculos que ninguén poderá violentar.
(Dicho Xesús, froito do Espírito,
ao que nunca lle deu as costas).
Acción

Es capaz de ver, de sentir en ti a presenza do Espírito que Xesús nos dá? En que cousas o percibes? Pódelo ver tamén en persoas que te acompañan na comunidade cristiá? En que cousas llelo notas? Pódelo ver tamén en persoas que non son crentes, que non son cristiás? Dálle grazas ao Espírito pola súa presenza en ti. Dálle grazas a esoutras persoas polo Espírito ao que lle deron acollida e atención.


29 de maio: Santa María, nai da Igrexa

1ª lectura: Xén 3, 9-15.20. Salmo 86.

Evanxeo: Xn 19, 25-34

Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo!

Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí túa nai!

E, desde aquela hora, o discípulo acolleuna con el.

Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
—Teño sede!

Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo:
—Está cumprido!

E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.

Entón os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado –pois era grande aquel día de sábado—, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen. Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza, e no instante saíu sangue e auga.

Meditación

Xesús dixera, referíndose a si mesmo en primeiro lugar, que o fillo do home non tiña onde reclinar a cabeza. Sería así, seguro, durante moitos momentos da súa vida, pero especialmente na hora da súa morte. Unha fría cruz de madeira, símbolo do final fatal dos excluídos, serviulle de cabeceira.

Pero non por iso Xesús careceu de vida afectiva, para dar e para recibir agarimos. E alí estaban en corpo e alma as mulleres, a súa mamá María, e a súa benquerida María Magdalena, entre outras. Alí estaban tamén os seus amigos, nunha representación máis simbólica ca real, co nome do “discípulo amado”.

Ese mundo de afectos deberían estar vivos nas comunidades cristiás das que formamos parte. Afectos por María, a mamá de Xesús, mamá tamén nosa dalgunha maneira, no espírito, pero tamén no corpo. Afectos por Xesús, para que en nós teña onde repousar a cabeza e o corazón, dalgunha maneira tamén, no espírito, pero tamén no corpo, que nós sen corpo non sabemos ser, non podemos ser.E, por suposto, afectos entre nós, no corpo tamén e no espírito. E afectos sobre todo para a mellor imaxe de Xesús crucificado, que o son as persoas de calquera maneira empobrecidas.

E así, unidos por fondos vínculos de afecto participar nas sedes de Xesús, axudar a calmar esas sedes, saber beber con el o viño acedo da paixón, para, chegada a hora, podermos dicir tamén con el: “Está cumprido”.

Oración
Sangue e auga: ti, Xesús.
Auga e sangue: ti, Xesús.
Auga que fecunda,
que da vida,
e que a dá en abundancia
(pois para iso viñeras).
Auga que a verte xenerosamente
quen dicía que tiña sede.
Só os sedentos son quen de calmar sedes!
Simple sabedoría espiritual simple:
no baleiro está a plenitude.

Sangue e auga: ti, Xesús,
que a auga é fecunda
só cando a cobre o amor apaixonado,
que é vermello tal que o sangue,
fermoso como as papoulas.

Así es ti de fermoso, Xesús,
no máximo acabamento, a máxima fermosura.
Grazas.

Ao pé da cruz,
coa mamá María,
coa amadora María Magdalena,
estamos tamén nós,
discípulas amantes, discípulas amadas.
Acción

Un bo día hoxe para recordar, visitar, acompañas as nosas mamás. Para agradecerlles a súa maternidade que nos fixo, os seus agarimos, os seus bicos, as súas correccións, as súas ansias infinitas por nós. E corresponder con dilixencia. Que amor só con amor se paga.


30 de maio: Martes da 8ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo 35, 1-15. Salmo: 49, 5-6. 7-8. 14 e 23
Ano 2: 1ª lectura: 1 Pe 1, 10-16. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3c-4

Evanxeo: Mc 10, 28-31

Nunha ocasión Pedro púxose a dicirlle a Xesús:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste.

Dixo Xesús:
—Tende por seguro que non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás, ou nai ou pai, ou fillo ou leiras por causa miña e polo Evanxeo, que pase sen recibir agora cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras, aínda que con persecución, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna. E moitos que son os primeiros serán os últimos e moitos que son os últimos serán os primeiros.

Meditación

O evanxeo de hoxe é continuación do de onte. Ante a proposta de Xesús de deixalo todo para seguilo, Pedro afirma que o grupo de seguidores e seguidoras de Xesús deixárono todo e seguírono. Pensamos que a resposta de Xesús non hai que tomala ao pé da letra, como se quen deixe algo por seguilo vaia recibir unha chea de cousas. Baleirarse para encherse de máis cousas do mesmo tipo non tería sentido ningún.

Quen pola causa de Xesús se desprende de todas esas seguridades, ás que normalmente estamos tan atados, acaba atopando unha seguridade máis fonda que sustenta toda a súa vida; quen pola causa de Xesús enuncia a esas ofertas de benestar e felicidade, acaba atopando un benestar e unha felicidade maior, que non fraquea nin que teñamos que pasar por momentos de aperto. É esta unha fonda sabedoría de vida, que podemos aprender a vivir seguindo a Xesús.

Oración
Xesús, teño tanto que aprender de ti!
Hai tantas cousas túas que me descolocan!
Aquí estou en silencio ao teu carón.
Como todo home ou muller buscando fontes.
Como todo home ou muller soñando felicidades.
Xesús, teño tanto que experimentar contigo!
Aquí estou ao teu carón co corazón aberto.
Disposta a camiñar ao teu lado,
comprometido a amar e servir no que poida,
sentada a gusto entre as últimas.
Xesús, fai de min un instrumento dos teus soños.
Acción

Seguro que entre nós hai algunhas persoas desas que, para a opinión xeral, son das últimas. Fai o que poidas por pasar hoxe algún tempo con algunha delas. Faino co pensamento, co corazón de Xesús.


31 de maio: Festa da Visitación de Santa María

1ª lectura: Sof 3, 14-18. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

Evanxeo: Lc 1, 39-56

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Entón María exclamou:

A miña alma proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña.

Velaí, desde agora todas as xeracións me van felicitar, porque o Poderoso fixo en min marabillas. Santo é o seu nome! A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.

Manifesta todo o seu poder desbaratando os plans dos soberbios. Derruba os poderosos do seu trono e fai subir os humildes; enche de ben os famentos e despide baleiros os ricos.

Ampara a Israel, o seu servo, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.

María permaneceu con ela (Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.

Meditación

Todo se move entre visitas, saúdos, alegrías, bendicións e agradecementos. Todo é así por parte de dúas mulleres, María e Sabela, que entraron na roda misteriosa de Deus e se fixeron servidoras dela. Unha roda que repara sempre no humilde, que o escolle con preferencia para facer del o berce dun futuro novo para as persoas, para as comunidades, para os pobos. É o estilo permanente de Deus, que na visitación de María queda tanto de manifesto.

¿Andamos nós así enredados no estilo de Deus? ¿É o noso estilo andar de visitas, de coidados, de compartir experiencias, de motivarnos mutuamente, de empuxarnos á ledicia e á esperanza, de cantar e bailar doadamente as sortes da xente desherdada da terra, de levar a Deus como fonte de todo no fondo de todos e cada un dos nosos movementos? ¿É o noso estilo contaxiar isto a quen nos vexa, a quen nos trate, na familia, na comunidade cristiá, no mundo laico no que nos movamos?

Oración
Bendita sexas, María,
pola présa que levabas
para ver a túa prima!
Bendita sexas, María,
polo neno que no ventre
anunciaba xa ledicias.
Bendita sexas, María,
que a todos nos contaxias
a túa fe sen medida.
Bendita sexas, María,
señora de canto e baile
en honor do Deus da vida.
Bendita sexas, María,
falándonos do Deus grande
que a humilde prefería.
Bendita sexas, María,
o mundo cheo de esperanza,
da que ti es profecía.
Acción

Hoxe podemos imitar algo a María, indo visitar a algunha persoa para compartir algo do máis fermoso que levemos dentro de nós, polo que alegrarnos e festexar algo xuntas.


1 de xuño: Xesús Cristo sumo e eterno sacerdote

1ª lectura: Xen 22, 9-18. Salmo: 39, 7-8a. 8b-9. 10-11ab. 17

Evanxeo: Lc 22, 14-20

Cando chegou a hora, Xesús púxose á mesa cos seus discípulos. Díxolles:
—Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no reino de Deus.

E collendo unha copa, deu grazas e dixo:
—Tomade e repartídea entre vós, pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o reino de Deus.

E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
—Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.

E despois de cear fixo o mesmo coa copa, dicindo:
—Esta copa é a Nova Alianza sellada co meu sangue, que se verte por vós.

Meditación

Nunca Xesús se deu a si mesmo o título de sacerdote; nunca as persoas que o seguían de cerca nin os seus contemporáneos o tiveron por tal. Foi algo que posteriormente lle atribuíron por aquilo de ser o gran reconciliador das persoas consigo mesmas, entre si, con toda a creación e con Deus. Pero ese oficio así chamado sacerdotal non o exerceu en igrexas con determinados ritos, senón na vida, tratando coa xente, poñéndose do lado da súa dignidade total de parte de Deus. Unicamente ao final da súa existencia selou a súa traxectoria vital repleta de solidariedade con aquel xesto profético de partir e entregar o pan e o viño como sinais da súa vida convertida en servizo desde o nacemento ata a morte.

Benditos todas e todos nós, que recibimos os efectos positivos da vida de Xesús feita servizo. Benditos todas e todos nós, chamados a seguir os pasos de Xesús, honrando a Deus no altar da vida como o honraba Xesús. Benditos todos e todas nós, invitadas por Xesús a participar no seu rito eucarístico, facendo das nosas vidas pan santo e viño de bendición para gloria de Deus e o ben de quen nos rodea.

Oración
Grazas, Xesús,
por toda a túa vida
feita pan e viño
para mantenza nosa,
para ledicia nosa,
para liberación nosa.
Grazas, Xesús,
polo teu empeño incesante
por envolvernos sedutoramente
nas redes do servizo,
e facernos así
verdadeiramente libres,
verdadeiramente felices.
Grazas, Xesús,
por ti,
que te nos dás sen reservas
cada vez que comungamos contigo no corpo da pobreza,
ou no teu corpo empobrecido por nós.
Grazas.
Acción

Hoxe podemos reparar en que cousas estamos nós practicando con Xesús ese sacerdocio da vida, que el tanto nos aprendeu. ¿Con que palabras ou feitos fomos hoxe persoas de reconciliación?


2 de xuño: Venres da 8ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo 44, 1. 9-13. Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Ano 2: 1ª lectura: 1 Pe 4, 7-13. Salmo: 95, 10. 11-12. 13

Evanxeo: Mc 11, 11-26

Despois que a xente o aclamara, entrou Xesús en Xerusalén e foi ao templo. E logo de reparar en todo, como xa ía sendo tarde, saíu cos Doce para Betania.

Ao outro día, despois de saír de Betania, sentiu fame. Vendo de lonxe unha figueira cuberta de follas, achegouse por se acaso atopaba algo; pero non atopou nada fóra de follas, por non ser tempo de figos. Entón dixo:
—Nunca máis ninguén coma os teus froitos.

E os discípulos escoitárono.

Chegaron a Xerusalén, entraron no templo e empezou a botar de alí os tendeiros e compradores, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas. E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas. E púxose a ensinar dicindo:
—¿Non está escrito: a miña casa será a casa de oración para todos os pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos.

Ao que o souberon os sumos sacerdotes e máis os letrados, buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba. E á tardiña saíu da cidade.

Ao pasaren pola mañá cedo, viron a figueira seca dende a raíz. Pedro acordouse e díxolle a Xesús:
—Mestre, mira para aí, a figueira que maldiciches, está seca.

Xesús respondeu:
—Tede fe en Deus. Pois asegúrovos que se alguén lle di a este monte “arríncate de aí e bótate no mar” sen dubidar no seu corazón, senón crendo que se cumprirá o que di, así se fará. Por iso dígovos: canto pidades na oración, crede que o conseguiredes e darásevos. E cando esteades de pé facendo oración, perdoade, se algo tedes contra outros, para que tamén o voso Pai que está no ceo vos perdoe as vosas culpas.

Meditación

Non sabemos ben o que pasou coa ditosa figueira. Custa crer nun capricho de Xesús secando unha figueira que non daba froitos porque non era tempo de dalos. Poida que esteamos ante unha construción literaria simbólica: a figueira cuberta de follas, pero que non dá froitos, parécese a aquel sistema relixioso que tiñan os contemporáneos de Xesús, cheo tamén de moito rebumbio, de comercio, de compra e venda de animais sacrificados, de sacrificios estériles, porque na maioría dos casos non ían acompañados dunha vinculación limpa con Deus; todo era aparencia, fume, vaidade, e, no fondo, case unha burla de Deus. E Xesús cabreouse con todo aquilo e mesmo se puxo violento, porque estaba en xogo a honra do Deus a quen el tanto quería, e estaba tamén en xogo o acerto da xente á hora de ter unha experiencia relixiosa sa, positiva, liberadora.

¿Cabrearíase tamén Xesús connosco contemplando moitas das nosas movidas relixiosas: enterros, santuarios, misa das festas? ¿Miramos a maneira de ter unha experiencia relixiosa acertada, curadora, que honre a Deus e que realmente nos faga libres e solidarios en todo?

Oración
Xesús, mestre noso,
canto nos terás que corrixir,
canto nos terás que ensinar,
para atender a tratar a Deus coma un Pai ou Nai,
a tratar a xente coma irmá!
Xesús, mestre noso,
perdón polas moitas veces nas que tamén nós
xogamos coa honra de Deus,
xogamos coa honra da xente.
Xesús, mestre noso,
contáxianos o teu celo,
a túa rabia, a túa indignación
ante todo o que menospreza a Deus
menosprezando a vida da xente máis humilde
na que o mesmo Deus asenta coma nun templo.
Acción

Pensamos no que nos invitan a facer e facemos cando acudimos ás igrexas para algunha función. ¿Hai cousas chocantes, algunha clase de negocio, que, ao noso parecer, non honran a Deus? Con respecto, podemos protestar por iso ante quen corresponda.


3 de xuño: Sábado da 8ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo 51, 17-27. Salmo: 18, 8. 9. 10. 11
Ano 2: 1ª lectura: Xds 17, 20b-25. Salmo: 62, 2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Mc 11, 27-33

Naquel tempo cando Xesús e os seus discípulos chegaron de novo a Xerusalén e mentres andaba polo templo, foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores e preguntáronlle:
—¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?

Xesús respondeulles:
—Vouvos facer unha pregunta nada máis e, se ma respondedes, dígovos eu con que autoridade fago estas cousas. O bautismo de Xoán ¿era cousa de Deus ou dos homes? Respondede.

Eles razoaban entre si, dicindo: se respondemos que é de Deus, vainos dicir: ¿e por que, logo, non o crestes? Pero ¿cómo imos responder que é dos homes? (Porque tíñanlle medo ao pobo, porque todo o mundo tiña a Xoán por profeta.) E respondéronlle a Xesús:
—Non sabemos.

Xesús replicoulles:
—Pois eu tampouco non vos digo con que autoridade fago estas cousas.

Meditación

Cando lle preguntan a Xesús “¿con que autoridade fas esas cousas?”, refírense neste caso ao comportamento de Xesús do día anterior tirando mesas, berrándolle aos tendeiros, reclamando respecto pola casa de Deus como casa de oración e non de negocio. ¿Quen lle daba realmente autoridade a Xesús para facer tales cousas? Pois non outra cousa, creemos, que ser un home fondamente libre, porque era un home fondamente asentado en Deus e no seu Espírito. Onde hai amor, hai liberdade. Por iso os homes e mulleres que son fondamente de Deus desconcértannos moitas veces con palabras e con decisións que rompen moito coas rutinas ás que estamos afeitos; que rompen moito tamén, sobre todo, con abusos, excesos, desprezos de todo tipo, cos que convivimos case se nos decatar.

Todas, todos estamos invitados por Xesús a participar nesta súa autoridade; a sermos persoas ben asentadas en Deus, e desde aí ser libres, superar medos, ousar falar, protestar, defender a verdade das cousas, da vida, dos feitos relixiosos, de todo.

Oración
Quéresnos libres, Xesús,
persoas libres e ousadas.
Pero canto medo hai dentro de nós
a ser verdadeiramente libres,
verdadeiramente nós!
Quéresnos libres, Xesús,
cunha identidade cimentada
na nosa máis fonda e limpa verdade,
no Deus maior que nos quere simples como somos,
pero amplas e expansivas como tamén somos.
Quéresnos libres, Xesús,
para falar e actuar en verdade,
de acordo co que sentimos,
de acordo co que queremos,
sen medos,
sen covardías,
a proba de críticas e desprezos.
Quéresnos libres, Xesús,
pero ben ves que receamos selo,
que preferimos vivir na cómoda escravitude,
na cómoda docilidade.
Pobres de nós!
Acción

Seguramente hai cousas nas que non nos sentimos libres, nas que actuamos pola presión social, polo que dirán. Podemos pensar nalgunha cousa desas e decidirnos a dar un paso adiante na nosa liberdade, actuando sen lle ter medo ao que diga a xente.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.