01 xullo, 2023

Tempo Ordinario: 13ª semana



2 de xullo: Domingo 13 do tempo ordinario

1ª lectura: 2 Re 4, 8-11. 14-16a. Salmo 88, 2-3. 16-17. 18-19.
2ª lectura: Rom 6, 3-4. 8-11.

Evanxeo: Mt 10, 37-42

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—“Quen ama a seu pai ou a súa nai más ca a min, non é digno de min; e quen ama a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min e quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen encontre a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa.

Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe o que me mandou. Quen recibe un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto.

E quen dea de beber a un destes pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.”

Meditación

Recordemos que estas palabras de Xesús forman parte dunha serie de instrucións, que segundo o evanxelista Mateu, Xesús lles dá aos seus seguidores e seguidoras cando os manda a ser no mundo testemuñas do vivido e aprendido con el, ao seu lado. Cousa que lles causaba penalidades, persecucións e mesmo a morte. Ser cristián naqueles tempos non era un xogo, era un risco moi duro, nada doado de afrontar. Xesús, o evanxelista Mateu, quería darlles razóns, convencementos cos que poder vivir con éxito esas situacións extremas.

Estas palabras tamén se nos din a nós, que nos tempos de hoxe somos os continuadores daqueles homes e mulleres que empezaron a espallar polo mundo adiante as palabras e os feitos de Xesús, o seu estilo de vida. Parecen palabras duras, que non encaixan co que normalmente nós pensamos e vivimos. Apuntan ao feito de que Xesús ocupe nas nosas vidas un centro, unha importancia tan grande, que nos é difícil de comprender e de vivir. De feito, se somos sinceros, a maioría das persoas cristiás nas nosas vidas non vivimos conforme a esta ensinanza de Xesús. Pasamos dela. Pero cremos que o Evanxeo é sempre palabra de vida para nós, por iso será ben que nos preguntemos como estas palabras, aparentemente duras de oír e de vivir, poden ser para nós palabras de vida.

“Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min; e quen ama a seu fillo ou a súa filla máis ca a min, non é digno de min”. Xesús non nega amores, quere fundamentalos ben. Xesús non nos pide que deixemos de lado a pais, nais, fillos, fillas, irmáns, irmáns, calquera clase de parentes e xente amiga; invítanos a asentar eses amores, a ordenalos no conxunto do noso diario vivir; ofrécenos unha grande fonte de amores e fidelidades, abundante, completa, onde acudir para manter todos os nosos amores, facelos fortes, sans, libres, creativos, creadores, alegres. Ofrécese el mesmo coma fonte deses amores todos que tanta importancia teñen na nosa vida. Ofrécenos a Deus mesmo coma fonte inesgotable de amor para soster diariamente eses nosos amores. Podémonos desentender de Xesús e amar ao noso xeito; podemos fiarnos de Xesús e ir á escola de amores e solidariedades nos que el é un verdadeiro mestre.

“Quen encontre a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa”. Palabras claras e esperanzadas para quen estaba no transo de ser matado por non renunciar a ser seguidor, seguidora, de Xesús. A vida podémola baleirar de graza, de sentido, de alegría, de vida, podémola perder precisamente cando nos volvemos tolos querendo protexela para nós, egoistamente, rodeándoa de todo tipo de comodidades, sen estar nada dispostos a sacrificarnos nisto ou naquilo para que a vida chegue a todos, para compartila con quen nos rodea. O máis fermoso da vida é a súa condición de cousa compartida. Canto máis a compartamos, máis é vida para nós. Canto máis a introduzamos no xogo da comunidade, no servizo da comunidade, dando e recibindo, máis feliz se nos fai. Quen “perde” así a vida, no xogo das solidariedades, encontraraa. Esta é a promesa fonda de Xesús. Quen perde así a vida por Xesús, encontraraa. Hai aquí unha fonda sabedoría de vida, que as persoas cristiás podemos experimentar e logo ofrecer a quen nos rodee. Xesús quere a nosa felicidade e ábrenos camiños para que cara a ela avancemos con pé firme. Fiémonos del.

“Quen dea de beber a un destes pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo ou discípula miña, asegúrovos que non perderá a súa recompensa”. Sempre ese aprecio especial de Xesús pola xente máis pequena, polas cousas máis pequenas.. Sempre esa importancia grande de ser discípulo, discípula de Xesús. Sempre a importancia grande do mesmo Xesús, que é o verdadeiro centro das nosas persoas e comunidades cristiás, a nosa referencia primeira e última. Nada, por pequeniño que sexa, que estea feito na clave de Xesús, quedará sen recompensa; e a clave de Xesús é unha clave de amor, de consideración, de coidado do débil, de protesta contra calquera abuso, de inocencia, de transparencia, de irmandade.

Na Eucaristía atopámonos con este Xesús recio, forte, valente que entregou a súa vida, que nola entrega sacramentalmente, simbólicamente, no Pan e no Viño santos que comemos. Atopámonos con este Xesús humilde, próximo, familiar, que se nos regala no bocadiño de pan, no groliño de viño, e que nos invita a unha aventura existencial insospeitada. Sempre desde o pequeno, o contracultural, o chocante, o desconcertante. Pero aí está Deus, aí está a vida.

Preces

QUEN PERDA A SÚA VIDA POR MIN, ENCONTRARAA

Xesús, que te levemos no medio e medio do noso corazóns, das nosas vidas, sempre, alentando os nosos pasos, acompañando todas as nosas decisións. Oremos.

Xesús, que aprendamos a levar canda ti a nosa cruz, os traballos que nos poidan vir por estar contigo do lado da honradez, da solidariedade,da vida para toda a xente do mundo. Oremos.

Xesús, que saibamos valorar a vida na súa xusta medida, que saibamos coidala, ofrecela, entregala, algo coma ti, polo ben da comunidade, polo ben da xente máis fráxil. Oremos.

Xesús, que coma discípulos e discípulas túas nos sintamos orgullosas de ti, da túa persoa, do teu evanxeo, do teu estilo de vida, e te compartamos con moita verdade e emoción sempre. Oremos.

Xesús, que te saibamos ver e acoller na xente que, sen se dicir cristiá, nos ofrece testemuños de honradez e solidariedade. Oremos.

Oración
Quero ser persoa digna de ti, Xesús,
un pouquiño polo menos.

Quero pronunciar o teu nome cada día
con respecto, con agarimo, con verdade.

Quero poñerte no centro do meu corazón,
da miña vida, das miñas decisións.

Quero recibir o teu alento cada mañá,
o teu recoñecemento ou perdón cada tarde.

Quero gozar da túa compaña cada día
e sentirte ao meu lado na hora da miña morte.

Quero terte por mestre no coñecemento e servizo de Deus,
no coñecemento e servizo da xente, do pobo.

Quero entrar no misterio fondo das túas propostas de vida
e podelas experimentar ao teu lado.

Quero andar o camiño da confianza en ti
e superar as resistencias que me impiden tela.

Quero amar, servir, levar a cruz contigo, coma ti, algo coma ti,
e vivir no orgullo de ser discípulo, discípula túa.

Quero quererte, Xesús,
e facerme un contigo, en Deus, na comunidade, no pobo.
Acción

Podemos tomar nota e valorar as cousas pequenas –igual moitas— coas que obsequiamos á xente que nos rodea. Podemos tomar nota tamén e valorar e agradecer as cousas pequenas –igual moitas tamén— coas que moita xente nos agasalla cada día. Ser ben bonito que lles expresemos claramente o noso agradecemento a quen nolo merece.


3 de xullo: festa de Santo Tomé apóstolo

1ª lectura: Ef 2, 19-22. Salmo: 116, 1. 2

Evanxeo: Xn 20, 24-29

Tomé, un dos doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
—Vimos o Señor.

Pero el contestoulles:
—Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
—Paz convosco

Despois díxolle a Tomé:
—Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

Tomé respondeulle:
—Meu Señor e meu Deus!

Xesús díxolle:
—Tes fe porque me viches? Benia as persoas que creron sen me veren!

Meditación

Somos moitas as persoas ás que nos custa crer moitas cousas do noso credo, en concreto iso de que Xesús resucitase, iso de que tamén nós resucitaremos para participar en Deus dunha existencia perdoada e feliz. Ninguén volveu de aló para nolo contar, dicimos ás veces. Tamén nos custa crer que Xesús crucificado, morto e resucitado poida estar ben representado pola xente máis fráxil deste mundo, a máis empobrecida, a máis machucada polo mal, pola dor, polo abuso. Cústanos crer que tocando a esta xente tocamos a Cristo, que servindo a esta xente servimos a Cristo, que coidando desta xente coidamos de Cristo e practicamos a mellor vida relixiosa. Temos fe frouxa. Dubidamos. Gustaríanos tocar para crer.

Pero a vida humana é así. Moitas cousas das máis fermosas da vida humana están sempre no aire, no campo da fe. Vivímolas na incerteza, na inseguridade. Aí está a súa fraxilidade e a súa maior fermosura: O amor da parella coa que convivo, as amizades que sosteñen a miña vida, as compañeiras de traballo que me facilitan o meu, mesmo os animais domésticos que utilizo para o traballo, para a produción ou para o lecer. Crer é substancialmente humano. A fe relixiosa é substancialmente humana tamén.

Oración
Meu Señor e meu Deus!
Meu Pai en quen confiar,
miña Nai en quen acougar!
Meu Amigo con quen compartir,
miña Irmá na que me apoiar!
Meu Compañeiro no que me recrear,
miña Mestra coa que madurar!
Miña Confidente que me comprende,
meu Guieiro que me encamiña!
Miña Criada que me atende en todo,
Meu Gardián que coida de min!
Meu Respecto que sempre me desborda,
Meu Agarimo que sempre me acubilla!
Meu Señor e meu Deus!
Acción

Podemos achegarnos a algunhas persoas maltratadas pola vida ou polos abusos doutros. Tocamos as súas feridas. Practicamos a fe de que nesas chagas están as chagas do mesmo Cristo. E facemos o que a nosa fe nos pida facer.


4 de xullo: Martes da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 19, 15-29. Salmo: 25, 2-3. 9-10. 11-12
Ano 2: 2! Lectura: Am 3, 1-8; 4, 11-12. Salmo: 5, 5-6. 7. 8

Evanxeo: Mt 8, 23-27

Unha vez subiu Xesús a unha barca e os seus discípulos seguírono. De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. Os discípulos fórono espertar, exclamando:
—Señor, sálvanos que afogamos!

El díxolles:
- ¿Por qué vos acovardades, homes de pouca fe?

E, poñéndose de pé, increpou os ventos e máis o mar e veu unha grande calma. Os homes, abraiados, dicían:
—¿Quen será este que mesmo os ventos e máis o mar lle fan caso?

Meditación

Na vida persoal pasamos ás veces por situacións extremas, que nos desbordan, que nos fan dubidar de nós mesmas, da nosa capacidade de saír adiante; invádenos o medo, que nunca é bo conselleiro. E na vida familiar, ou na vida da comunidade da parroquia, ou na vida social, política, tamén pasan cousas así. É doado poñerlle nomes ás grandes ondas que ameazan a barca e a quen nela estamos. Os sentimentos, as palabras saen de nós solicitando axuda da xente ou do mesmo Deus. E está ben facelo. Na xente e en Deus podemos atopar apoios, tranquilidade, acougo para discernir ben a situación, para ver o que cómpre facer, para nunca nos sentir sos ante o perigo, para adiviñar presenzas fondas que nos pacifican e alentan a fondo, que nos garanten que nunca a vida está abocada ao fracaso, nin sequera coa mesma morte polo medio. Sen milagres raros, podemos vivir asentadas nesta fe, nesta calma, nesta esperanza.

Oración
Señor, Señor,
que afogamos!
Que non temos respiro na vida:
o paro, a crianza, o fracaso amoroso,
a miña adición,
o avó e avoa que non dámos atendido!
A parroquia que non vai,
a sociedade escindida,
unha parte grande do mundo afogada
por culpa de políticas deshumanizadas!
O corazón, o máis íntimo de nós
que anda á intemperie,
sen saber onde apoiarse
para poder vivir
en paz, en liberdade!
Señor, Señor,
que afogamos!
Acción

Podemos identificar algún dos medos que nos están afogando a vida. Podemos compartilo con outras persoas, con Deus mesmo tamén na oración. Seguro que colleremos forzas para manexar mellor eses medos.


5 de xullo: Mércores da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 21, 5. 8-20. Salmo: 33, 7-8. 10-11. 12-13
Ano 2: 1ª lectura: Am 5, 14-15. 21-24. Salmo: 49, 7. 8-9. 10-11. 12-13. 16bc-17

Evanxeo: Mt 8, 28-34

Naquel tempo, en chegando Xesús á outra bando do lago, ao país de Gadara, saíronlle ao camiño dende uns sepulcros dous endemoñados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí. E berrando dicían:
—¿Qué temos que ver contigo, Fillo de Deus? ¿Seica vés para atormentáresnos antes de tempo?

Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando e os demos rogáronlle:
—Se nos botas, mándanos para o rabaño de porcos.

El díxolles:
—Ide.

Saíron e fóronse para os porcos que, guindándose polo barranco abaixo, foron dar ao lago, onde morreron afogados. Os porqueiros fuxiron, chegaron á vila e contaron todo, incluso o dos endemoñados. E toda a vila saíu ao encontro de Xesús. E, cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.

Meditación

Posiblemente esteamos ante un relato fantasioso, digno de formar parte dalgún evanxeo apócrifo. Pero está aquí. E, dentro da súa fantasía, transmítenos algúns convencementos sobre Xesús e sobre a súa maneira de estar coa xente que o rodeaba. Xesús andaba os camiños, andaba polas periferias, como dicimos agora, e por iso frecuentemente batía coa xente que nas periferias había, xente desfeita pola vida. Atribuíase aos “demoños” calquera cousa que alterase a estabilidade psíquica dunha persoa. Xesús plantáballe cara a eses “demoños”, é dicir, a todo o que facía que a xente non puidese vivir con humanidade, con dignidade. Era forte para iso. E moitas veces a xente que batía con el quedaba recuperada para a vida dunha forma definitiva. O mal quedaba completamente superado, afogado, como afogados quedaban nesta historia fantasiosa os porcos que foran caer ao lago.

Oración
Xesús, veño onda ti,
para que me aprendas o teu estilo de vida.
Non eras home de libros e ordenadores,
eras home de prazas e camiños,
para bater coa xente,
para que a xente batese contigo.
Con tempos de moito silencio,
con horas de moita palabra.
E non pasabas nunca de largo,
implicábaste en cada caso,
poñendo a túa forza de vida
ao servizo de quen dela precisaba.
Iso era o cerne da túa relixión, do teu credo,
iso era o que mamabas cada día do Deus a quen tanto querías.
Así de simple.
Apréndeme, Xesús, a ser coma ti, algo polo menos.
Acción

En case todos os pobos e aldeas hai algunhas persoas desestabilizadas, desintegradas da convivencia veciñal. ¿Cal é a nosa relación con esas persoas? ¿Qué lle aportamos?


6 de xullo: Xoves da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 22, 1-19. Salmo: 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: Am 7, 10-17. Salmo: 18, 8. 9. 10. 11

Evanxeo: Mt 9, 1-8

Naquel tempo subiu Xesús a unha barca, cruzou para a outra banda do lago e chegou á súa vila. Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
—Ánimo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.

Entón algúns letrados dixeron para si:
—Este home blasfema.

Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles:
—¿Qué cavilades nos vosos adentros? ¿Qué é máis fácil dicir: “perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “érguete e anda?” Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito—: “érguete, colle a padiola e vai para a casa”.

E erguéndose foise para a súa casa. Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder á xente.

Meditación

O corpo e o espírito. A sanidade física e a espiritual. O coidado dunha e o coidado da outra. Xesús, tan dado a curar todo canto vía e podía, resalta neste caso a importancia de que unha persoa estea a fondo reconciliada consigo mesma, coa xente veciña, con Deus, a través do perdón demandado e recibido. Por moito que pareza outra cousa, é máis doado ás veces acadar a saúde física ca non a espiritual. Entre nós –isto non pasa en moitas partes do mundo, por desgraza—, con bastante boa atención médica universal, podemos dicir que a saúde física está máis ou menos buscada e atendida. Non así a espiritual, no sentido tan amplo que esta palabra pode ter. ¿Non son os antidepresivos as menciñas máis consumidas entre nós? Unha boa experiencia relixiosa é sen dúbida un elemento importante de estabilización das persoas, porque accede a niveis fondos das persoas, onde con frecuencia se cocen moitos dos nosos benestares e frustracións. Accede ao noso ser máis verdadeiro. Pero, ¿vivimos e axudamos a vivir unha experiencia relixiosa sa, liberadora?

Oración
Que poder máis grande tiñas, Xesús!
Que poder máis grande recibías de Deus!
Sandar os corpos e máis os espíritos,
asentar corazóns,
recompoñer e vigorizar vidas,
enchéndoas coa seguridade do perdón,
das mans dun Deus que nos quere sen medida.
Grazas, Xesús,
porque dese ben teu recibimos todas, todos nós.
Grazas ademais, Xesús,
porque compartes connosco os teus poderes,
e nos fas capaces de dar alentos,
de estender perdóns,
de acompañar vidas,
de sementar esperanzas alá por onde imos.
Grazas, Xesús, grazas.
Acción

Podemos visitar hoxe algunha persoa enferma e compartir con ela ánimos, alentos, fe.


7 de xullo: Venres da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 23, 1-4. 19; 24, 1-8. 62-67. Salmo: 105, 1-2. 3-4a. 4b-5
Ano 2: 1ª lectura: Am 8, 4-6. 9-12. Salmo: 118, 2. 10. 20. 30. 40. 131

Evanxeo: Mt 9, 9-13

Unha vez, ao pasar Xesús por un lugar, viu un home chamado Mateu, sentado ao mostrador da contribución, e díxolle:
—Sígueme.

El ergueuse e seguiuno.

E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e máis os seus discípulos. Cando tal viron os fariseos, dixéronlle aos discípulos del:
—¿Cómo é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?

Xesús oíuno e dixo:
—Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de “misericordia quero e non sacrificios”. Porque non vin chamar pola xente xusta, senón pola pecadora.

Meditación

Mala xente os recadadores de impostos naqueles tempos, porque eran os representantes do poder romano que espremían a xente máis necesitada sobre todo. Neles concentrábase moita rabia e moito odio por parte do pobo. E vas ti, Xesús, e escolles a un deles para o teu grupo, e déixaste invitar e fas xantar como de festa cun grupo deles ao que se ameceron outras persoas de semellante catadura. Que libre e orixinal eras, Xesús! Como sabías ollar e ler e entender o que podía pasar polo fondo das persoas! Como sabías romper con rutinas e cousas que parecían sagradas e abrir portas para que todo tipo de xente puidese entrar na sociedade nova que ti soñabas; entrar tamén na nova relación con Deus que ti ofrecías. Contra o que era hábito e doutrina no teu tempo, xusto a xente máis arredada de Deus foi a túa preferida. Dá case gusto ser persoa pecadora, para sentirte ao pé dun exercendo misericordia.

Oración
Misericordia quero e non sacrificios.
Achegamento á xente débil e non xuízos.
Comprensión cordial e non condenas.
Acompañamentos humildes e non críticas de lonxe.
Mestura coa xente pecadora e non grupiños selectos.
Crítica agarimosa e non burlas e desprezos.
Constancia na presenza e non abandonos á primeira.
Pregaria doída e non apelacións doutrinais.
Amor, amor, amor e non relixión baleira.
Acción

¿Hai entre nós algunha persoa máis ou menos perdida, coa que nos esteamos comportando desde a distancia, desde a crítica sen misericordia? ¿En que podiamos facer algo cristiá a nosa relación con esas persoas?


8 de xullo: Sábado da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 27, 1-5. 15-29. Salmo: 134, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Am 9, 11-15. Salmo: 84, 9. 11-12. 13-14

Evanxeo: Mt 9, 14-17

Naquel tempo achegáronse a Xesús os discípulos de Xoán alegando:
—Nós e máis os fariseos gardamos moito o xaxún. ¿Por qué non o gardan os teus discípulos?

Respondeulles Xesús:
—¿Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres teñen con eles o esposo? Xa chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.

Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco se lle ocorre a ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos para que ambos os dous se conserven.

Meditación

Na cultura relixiosa dos tempos de Xesús dábanlle moita importancia ao tema do xaxún; cando se facía na verdade, expresaba arrepentimento por cousas mal feitas e desexos de andar en maior fidelidade con Deus e coa xente. Claro que moitas veces acababa sendo un rito baleiro, que non conmovía nada. Hoxe, en ambientes de abundancia, gústanos vivir o xaxún como unha maneira de adelgazar, de desapegarnos do material, de poder compartir con quen careza de bens para vivir.

Pero Xesús non entra no debate sobre o si ou o non do xaxún. Vai máis ao fondo. A súa proposta de vida crente, de relación con Deus e de relación entre a xente, é algo novo que non encaixaba na montaxe relixiosa dominante; era o pano novo que racharía máis o vestido vello, era o viño novo que estragaría o pelello vello. ¿Onde estaba a novidade de Xesús? Na fonda conciencia común de sermos fillos e fillas de Deus en verdade, con acceso directo ao corazón de Deus; e a conciencia de sermos familia por querenza de Deus, de sermos sociedade de iguais, na que a xente fráxil é a máis considerada. ¿Vivimos hoxe as persoas e comunidades cristiás nesta novidade de Xesús? ¿Ou somos tamén o vestido vello, o pelello vello, nos que non é posible acoller a novidade de Xesús?

Oración
Que nunca nos chufemos, Xesús,
de andar fielmente polos teus camiños.
Que nunca sinalemos aos demais
como os errados e arredados de ti.
Que sexamos suficientemente humildes
como para ver que todos temos as mans sucias
e o corazón encollido.
Que nos renovemos á luz da túa vida,
para que as nosas comunidades falen de ti con verdade
e sirvan o pobo como ti o servías.
Purifícanos o corazón e a vida, Xesús,
para que a túa fermosa novidade nos seduza,
e renove a fondo as nosas vidas.
Acción

Todos formamos parte dunha comunidade, dunha parroquia. ¿Somos comunidades e parroquias que vivimos e transmitimos a frescura de Xesús, si, non? ¿En que poderiamos mellorar?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.