25 de xuño: Domingo 12 do tempo ordinario
1ª lectura: Xer 20, 10-12. Salmo 68, 8-10. 14 e 17.33-35.
2ª lectura: Rom 5, 12-15.
Evanxeo: Mt 10, 26-33
Unha vez díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—“Non lle teñades medo á xente, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade, faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas, pregoádeo desde as azoteas.
Non teñades medo aos que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno.
Non se venden un par de pardais por un as? Con todo, nin sequera un deles cae na chan sen o consentimento do voso Pai. E en canto a vós, mesmo os cabelos da vosa cabeza están todos contados. Así que non teñades medo, vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
Todo o que volva por min diante da xente, tamén eu hei volver por el diante de meu Pai, que está nos ceos; pero quen me negue diante da xente, eu negareino a el diante de meu Pai, que está nos ceos.”
Meditación
Xesús, o evanxelista Mateu, fálalle neste Evanxeo a unhas comunidades cristiás que están tendo dificultades serias por pretender vivir neste mundo co estilo de vida de Xesús, coa súa fe inquebrantable en Deus, coa súa aposta decidida pola honradez en toda hora, coa súa firme disposición de se situar sempre do lado da xente máis pequena e humillada. Estas palabras tamén se nos dirixen a nós hoxe, porque nós formamos unha comunidade cristiá que, en principio, temos que afrontar as dificultades de vivir coma cristiáns no medio de moita outra xente á que non lle importa nada ser cristiá. Pero podiamos empezar preguntándonos isto: estamos tendo algún tipo de dificultade, de conflito no medio do mundo no que vivimos, por sermos persoas cristiás e actuar coma tales? Ou é que estamos tan adaptados en todo aos criterios deste mundo, que non desentoamos en nada, que non cuestionamos nada, que non entramos en conflito con nada, con ninguén, que por nada sufrimos ningún tipo de desprezo ou persecución? Como somos nós, como é a nosa comunidade cristiá? Sufrimos algún tipo de persecución por causa do Evanxeo de Xesús? Como nos manexamos con eses conflitos?
As dificultades, as persecucións, os conflitos, poden vir por moitos lados, se somos xente que nos afianzamos no noso estilo de vida cristián. Seguindo a Xesús, tendo en conta o tipo de conflitos que el tivo no seu momento, podiamos tamén nós pensar no tipo de conflitos polos que poderiamos pasar se actuásemos vivamente coma xente cristiá, coma seguidores de Xesús. Xesús tivo conflitos coas autoridades relixiosas, porque para el a persoa humana estaba por riba dos intereses relixiosos, fosen os que fosen, e non ao revés. Tivo conflitos con quen lle botaba en cara ao seu apego pola xente débil, pecadora, marxinal, cousa que para el era algo realmente sagrado. Tivo conflitos coas autoridades relixiosas que facían do culto un negocio e non un espazo de encontro libre e curador con Deus. Tivo conflitos con quen entendía que triunfar na vida era ter poder, mando, dominio, e non ser servidor, o máis servidor de todos. Tivo conflitos con quen nin se deixaba perdoar nin perdoaba, pechando portas ao redor de si, sobre todo á xente máis débil. Tivo conflitos con quen lle pedía postos, privilexios, enchufes, e nos entendían que ese é precisamente o estilo do mundo. Tivo conflitos con quen facía da comunidade un lugar de diferenzas, que fala de pais, mestres, dirixentes, xerarquías, e non un lugar de pura e dura fraternidade. Tivo conflito cos poderes políticos, porque formaban parte do sistema que explotaba a xente débil. Estes e outros campos de conflito vividos por Xesús poden iluminar os nosos conflitos actuais, pódennos axudar a estar neste mundo coa conciencia de Xesús.
O evanxeo de hoxe pon á nosa disposición algúns criterios, algunhas actitudes, coas que enfrontarnos a esas dificultades ou conflitos. A primeira sería dicir con franqueza, con afouteza, a plena luz o que no silencio persoal e comunitario fomos aprendendo de Xesús e dos seus seguidores e seguidoras. Sen medo, con humildade, pero sen medo, non tanto baseados na nosa propia sabedoría, senón baseados na luz do Espírito que nos acompaña sempre. Iso si, sen querer substituír o Espírito polas nosas propias ideas, polos nosos propios manías.
Outro criterio sería o de saber diferenciar ben entre o que mata o corpo e o que mata o espírito, é dicir, o que acaba co conxunto da persoa e fai dela un farrapo. Normalmente estamos sempre moi atentos ao que nos fai mal no corpo: os cartos, a posición, a aparencia social, pero deixamos máis de lado o que prexudica o espírito: a formación, a integración social, a igualdade de oportunidades e valoracións, a sensibilidade polo débil, a solidariedade, a falla de honradez, o desinterese pola propia coherencia, etc. Estas cousas pódennos meter nun verdadeiro inferno, xa nesta vida.
Outro criterio para nos manexar ben coma cristiás no medio das dificultades desta vida sería o da confianza máis absoluta en Deus. Seremos pouca cousa, pero estamos nas mans de Deus. Cústanos abrirnos a esta confianza total en Deus. Enchémola de tantas reservas, que Deus acaba quedando aí a un lado, como algo que en teoría dicimos que conta, pero en realidade facemos todo como se Deus non existise, contando soamente coas cartas que nós mesmos temos na man. E Deus non falla, cando nel poñemos todas as nosas confianzas. E incluso, así o podemos dicir baseados no mesmo Xesús, tampouco nos falla el, cando nós nos esquecemos del.
A Eucaristía é o momento de asolagarnos no Corpo e no Sangue de Xesús, no seu estilo de vida, no seu Espírito; un lugar onde sacar forzas para desenvolvernos logo na vida con humildade e valentía, sen ir de chulos polo mundo, pero tampouco sen nos encoller, como se o de Xesús non valese para nada.
Preces
NON TEÑAMOS MEDO, NON TEÑADES MEDO
Que non nos encollamos ante os poderosos que queren facer deste mundo a súa finca particular, xogando coas nosas vidas. Oremos.
Que vivamos co convencemento de que Deus vai sempre connosco poñendo paz e alento nas nosas vidas. Oremos.
Que non nos encollamos ante as dificultades por atopar unha saída para o mundo rural e a xente que nel quere facer vida digna. Oremos.
Que sexamos valentes ante os problemas concretos polos que podemos estar pasando, que saibamos rezar e aconsellarnos para vivilos e resolvelos ao estilo de Xesús. Oremos.
Que saibamos coidar o corpo e o espírito, buscar medios de vida e aprender a compartilos con quen carece deles. Oremos.
Oración
Quero confiar en ti, meu Deus,como dicía Xesús,como facía Xesús.Quero vivir na seguridadede que nada cae nin se erguesen o consentimento do Pai,sen a súa olla atenta,sen o seu corazón solidario,sen a súa oferta de total esperanza.Quero vivir na confianza plenade que todo o meu,todo o de cada un dos meus irmáns e irmás,todo o da comunidade,todo o do mundoestá en moi boas mans,está nas túas mans, Pai.Nin o paxariño máis cativocae ao chan sen o acompañamento amoroso de Deus!E como non vai mirar Deuscon amor comprometidopor quen somos os seus fillos e fillas!Ata os pelos todos das nosas cabezasestán contados solicitamente—dicía Xesús de forma ben gráfica!Quero vivir na confianza, meu Deus,na confianza que só ti es capaz de xerar.Quero vivir sen medos,na valentía humilde que só ti es quen de facer xurdir.Señor, Señor,polo teu amor!
Acción
Estamos vivindo algunha situación de conflito con algunha persoa, con algún grupo? Parécense en algo aos conflitos que Xesús viviu? A nosa maneira de encaralos e ver de resolvelos parécese en algo ás maneiras de Xesús?
26 de xuño: Luns da 12 semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 12, 1-9. Salmo: 32, 12-13. 18-19. 20 e 22
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 17, 5-8. 13-15a. 18. Salmo: 59, 3. 4-5. 12-13
Evanxeo: Mt 7,1-5
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. Porque co xuízo co que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. ¿Por qué reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? E, ¿cómo lle vas dicir a teu irmán: “Deixa que che quite o lixo que tes no ollo”, tendo ti unha trabe no teu? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
Meditación
Canto necesitamos andar con total humildade pola vida! Todas, todos temos a tendencia a vernos a nós mesmas/os no certo, na verdade, con comportamentos correctos sempre coa familia, cos veciños e veciñas, nas cousas da fe cristiá. A todos e todas nos sae andar xulgando e criticando a uns e outros, subliñando os seus defectos e pecados, que os terán, para así quedar sempre nós máis por riba, como persoas boas, xustas, correctas en todo.
Xesús invítanos a ollar para nós mesmos. Invítanos a ser honestas e verdadeiras con nós mesmas. Invítanos a non deixarnos enganar, que é moi doado facelo. Invítanos a ollar os nosos feitos con obxectividade, sen trampas; invítanos a ollar as nosas intencións, o que nos move por dentro, aló no fondo, porque é aí onde nace o ben ou o mal, a bondade ou a malicia. Se nos miramos con calma, con verdade e a fondo, seguro que se nos quitarán as ganas de andar criticando a demais xente, teremos unha ollada moito máis humilde, máis comprensiva, máis agarimosa, e axudaremos mellor a facer comunidade, parroquia e pobo.
Oración
Que gran regalo, meu Deus,o de aprenderme a ollar para min mesmo!Que gran regalodescubrir con paz e humildade as miñas zonas escuras!Que gran regaloabrirme os ollos para ver o mal que fago, o ben que deixo de facer!Que gran regalopoder mergullarme nas miñas intencións de fondoe descubrir as trampas do meu ser, do meu actuar!Que gran regalopoder facerme así persoa comprensiva, amorosa, paciente,persoa comunitaria, persoa irmá.Que gran regaloa palabra próxima, amorosa, de quen me avisa e corrixe!Meu Deus, meu Deus,que saiba abrir o corazón para recibir ese teu regalo!Grazas.
Acción
¿Estamos facendo dalgún xeito, con algunha persoa, iso do que nos advirte Xesús? ¿Estámolo facendo tamén con algún grupo, algún sector da Igrexa, algún partido político? ¿Cómo podiamos cambialo? ¿Cómo corrixir e deixarnos corrixir con humildade, con amor?
27 de xuño: Martes da 12ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 13, 2. 5-18. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 19, 9b-11. 14-21. 31-35a. 36. Salmo: 47, 2-3a. 3b-4. 10-11.
Evanxeo: Mt 7, 6. 12-14
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non deades o sagrado aos cans nin lle botedes as vosas perlas aos porcos; non sexa que as esmaguen cos pés e, virándose, vos esnaquicen.
Así que tratade a xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e máis os Profetas. Entrade pola porta estreita, porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitas as persoas que entran por el. Pero ¡que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!
Meditación
Tres advertencias sinxelas por parte de Xesús. Cans e porcos eran animais impuros na cultura xudía; con este dito parece que Xesús nos invita a coidar o regalo de Deus que recibimos: sermos fillos e fillas del, sermos irmáns e irmás entre nós, querer estender a irmandade a toda a xente, sexa da raza, cor, país, cultura o relixión que sexa. Non xogar con isto, estimalo moito; é o noso tesouro cristián que temos que coidar con moito coidado. Se non o coidamos, a nosa falla de coherencia destrúenos a nós mesmos.
Tratar a xente como nos gustaría que a nós nos tratasen. Que cousa máis sinxela e necesaria. Canto cambiaría a nosa convivencia diaria se o fixésemos así!
Porta estreita e porta ancha: si, porque o ben que soñamos para nós e para a xente toda do mundo é un regalo de Deus, pero, ao tempo, é tamén froito do noso esforzo. Esforzo, constancia, capacidade de sacrificio ás veces, renuncia, resistencia, resiliencia, superar gustos e apetencias, etc., son cousas que parecen pasadas de moda, pero que, sabiamente vividas, son imprescindibles para calquera crecemento humano, espiritual, relixioso. A iso tamén nos invita Xesús, porque nos quere ver sans e robustos na vida.
Oración
Xesús,quero estar cabo tipara que me aprendasas cousas simples e fondas da vida.Gústame iso de non xogar coa vida, Xesús,de non xogar coa xente, coa convivencia,de coidar todo o que a agranda e favorece.Gústame tamén iso de non xogar coa fe,non xogar contigo, con Deus,non xogar coas cousas todas do teu Evanxeo:acollelo, amalo e, no que poida, vivilo.Estou disposto a traballar, a esforzarme,a non deixarme levar pola preguiza, polas apetencias.Apréndeme a facelo sabiamente, Xesús,para que en min, en todos e todas nós,resplandeza a vida, a ledicia, a paz e o ben;e así facer da vida un xogo gozosoe do trato coa xente e con Deus unha festa permanente.
Acción
Por nugalla ou preguiza, por abandono, por andar ao máis doado, ¿estamos quizais deixando de facer cousas que vemos proveitosas para nós, para a familia, para a comunidade, para a sociedade? ¿Non poderiamos cambiar algo?
28 de xuño: Mércores da 12ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 15, 1-12. 17-18. Salmo: 104, 1-2. 3-4. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 22, 8-13; 23, 1-3. Salmo: 118, 33. 34. 35. 36. 37. 40
Evanxeo: Mt 7, 15-20
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero no fondo non son máis ca lobos rapaces! Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos? Toda árbore boa produce froitos bos, e toda árbore mala produce froitos ruíns. Unha árbore boa non pode producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos bos. Toda árbore que non produce froitos bos córtase e bótase no lume. Así que polos seus froitos é como os coñeceredes.
Meditación
O falar non ten cancelas, afirma o dito popular galego. “Obras son amores y no buenas razones”, afirma tamén o dito castelán. Ambas as dúas resumen moi ben o que xa Xesús nos quixo dicir, e que todos entendemos perfectamente. Os feitos de vida son os que nos din a verdade sobre nós mesmas e sobre as demais persoas: o que somos e o que non somos, o que son e o que non son. Botar discursos, escribir é doado; fano moitos feirantes que hai no campo do consumo, da política, da mesma relixión. O sentido común débenos poñer en garda, sobre todo ante aquelas persoas que encobren a súa malicia debaixo dunha aparencia de mansedume, de verdade, de bos razoamentos.
Nos nosos tempos cómpre moito ter da man este criterio, porque constantemente estamos sendo bombardeados por palabras, imaxes, noticias, presuntas verdades e seguridades sobre todo, que nos chegan por medio dos moitos medios de comunicación. Para saber o que é bo e o que é malo as persoas cristiás ollamos con confianza os feitos de Xesús.
Oración
Veraz,coherente,transparente.Amiga da palabraconfirmada polos feitos.Amiga dos feitosque sustenten as palabras.Froita boa de árbore tamén boa,para solaz meu e de quen me rodee na vida.Cousa saborosa que te glorifique,meu Deus, fonte de todo ben;persoa de quen se fiar,para que medre a verdade,a honradez, a ledicia,e con elas a paz.Así me queres ti, Xesús,Así, por ti, me quero eu.Grazas.
Acción
Revisemos un pouco as nosas palabras de cada día ante diferentes persoas. ¿Son palabras sempre cheas de verdade, acompañadas de feitos? Algo poderemos facer para poñer máis verdade na nosa vida.
29 de xuño: Solemnidade dos santos Pedro e Paulo
1ª lectura: Heb 12, 1-11. Salmo: 32, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
2ª lectura: 2 Tim 4, 6-8. 17-18
Evanxeo: Mt 16, 13-19
Naquel tempo, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
Eles responderon:
—Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quén dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a vencerá. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que desates na terra ficará desatado nos ceos.
Meditación
Celebramos a festa dos santos Pedro e Paulo. Ambos foron persoas ben significativas dos comezos do cristianismo, do comezo, logo, na nosa mesma historia relixiosa. Os seus perfís foron moi distintos. Pedro, un pescador, un home do mar, simple, impetuoso, apaixonado, duro de cabeza ás veces, forte e fráxil a un tempo; coñeceu a Xesús, encantoulle Xesús, seguiuno de corazón, pero practicamente non deu entendido a Xesús durante todo o tempo que viviu con el; despois foi caendo na conta da extraordinaria existencia daquel aldeán de Nazaré, que un día aparecera polas praias de Cafarnaum. De maneira sorprendente sobre esta persoa apaixonada e fráxil, moi querido por Xesús, caeu a responsabilidade de alentar o grupo de xente que se foi decidindo por Xesús. Todo un sinal. Non é unha Igrexa forte e perfecta, cauta e medrosa, a que lle interesa a Xesús; senón unha igrexa apaixonada, arriscada, fráxil, pecadora, que necesita e demanda perdóns. Así, só así, manexaremos chaves dedicadas maiormente para abrir, pois qué van pechar aqueles, aquelas, ás que tantas veces inmerecidamente se lles abriron tantas portas!
Paulo foi ben distinto de Pedro. Home urbano, estudado, coñecedor dos detalles da lei xudía, contrario acérrimo do grupo de Xesús, pero, ao que se ve, buscador honesto da verdade; un día decatouse de que en Xesús, a quen non coñeceu en vida, había un ofrecemento gratuíto de Deus para toda a humanidade. Namorouse do de Xesús, fíxoo a vida da súa vida. Entrou nos grupos de Xesús, animou comunidades, escribiu moito sobre a novidade de Xesús, sobre como se habían desenvolver as comunidades cristiás no mundo do imperio romano. Como a Pedro, matárono por defender o que defendía.
Nós somos persoas ben diferentes entre nós. Cada un, cada unha é como é, ten a procedencia que ten, a formación que ten, a dedicación que ten. Para todos e todas nós Xesús é, pode ser, unha persoa significativa. O seu ofrecemento pode satisfacer moitas buscas persoais que están petando á porta do noso corazón.
Oración
Grazas, meu Deus, por Pedro e Paulo,cada un á súa maneira animadores do camiño cristián.Grazas polo don, polo mérito, polo regalo de cada un deles.Grazas pola comunidade cristiáque a partir deles se foi estendendo polo mundo enteiro,ata os nosos días.Grazas polos homes e mulleresque a foron enchendo de vida e de servizos.Grazas polas súas fortalezas e debilidades,que son as nosas fortalezas e debilidades tamén,que nos quitan chulerías e prepotencias.Grazas pola xente que segue atraída por Xesús,e nos acompaña e arrastra no seu seguimento.Grazas pola xente audaz que na Igrexa abre camiñosde maior fidelidade, de maior liberdade.Grazas polas mulleres que fan Igrexa,e a queren pobre, respectuosa, libre, igualitaria,como sempre soñaba Xesús.
Acción
Podemos pensar que papel estamos desempeñando na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia da que formo parte. ¿De que maneira somos homes e mulleres de comunidade, de Igrexa? ¿Poderiamos avanzar neste camiño?
30 de xuño: Venres da 12 semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 17, 1. 9-10. 15-22. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 25, 1-12. Salmo 136, 1-2. 3. 4-5. 6
Evanxeo: Mt 8, 1-4
Cando Xesús baixou do monte, foino seguindo moita xente. E nestas achegouse a el un gafo, que, prostrándose ante el, díxolle:
—Señor, so con que queiras pódesme limpar.
Xesús estendeu a man e tocouno, dicindo:
—Quero, queda limpo.
E, coa mesma, quedou limpo da lepra. E díxolle Xesús:
—Mira, non digas nada; pero vai, preséntate ao sacerdote e ofrece o donativo que prescribiu Moisés para que lles sirva de testemuño.
Meditación
Un gafo, un leproso, era naqueles tempos unha persoa completamente excluída da vida social e relixiosa. Era opinión común que, se tiñan tal desgraza, era porque algo mal tiñan feito; é dicir, pensábase que eran persoas excluídas polo mesmo Deus, como castigo. O medo ao contaxio e enfermar coma eles, o medo á impureza relixiosa na que un incorría só con tocalos, obrigábaos a vivir fóra das aldeas e vilas, á intemperie total.
Un destes achégase a Xesús, solicitando curación con moita confianza. Xesús tócao, saltándose a norma que prohibía totalmente tocarlles, cúrao, intégrao na vida social e relixiosa e mándalle facer o requisito que os leprosos tiñan que facer para recibir como o certificado de curación que os devolvese á normalidade.
Este é o noso Xesús. Tantas veces batendo con xente marxinal, tantas veces apostando pola súa integración total. Esa era unha das liñas claras da súa forte conciencia relixiosa.
Oración
Bendito, Xesús,na túa fonda humanidade,na túa atrevida liberdade!Bendito, Xesús,no apego entrañableco que atendías a quen a ti se achegaba!Bendito, Xesús,na forza de ben e de vidaque saía das túas mans solidarias!Bendito, Xesús,na xente que hoxe te imitaofrecendo servizo humanitario.E benditos, benditas nós,se nos sabemos achegar a ti con confianza,para sermos persoas curadas e integradas a fondo,para aprender tamén a curar e integrar.
Acción
Abonda a xente deixada de lado nos nosos tempos, dentro e fóra do noso país. Seguro que algo poderemos facer, ao estilo de Xesús, para que ninguén se sinta excluído en nada.
1 de xullo: Sábado da 12 semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 18, 1-15. Salmo: Lc 1, 46-47. 48-49. 50 e 53. 54-55
Ano 2: 1ª lectura: Lam 2, 2. 10-14. 18-19. Salmo: 73, 1-2. 3-5a. 5b-7. 20-21
Evanxeo: Mt 8, 5-17
Un día, ao entrar Xesús en Cafarnaum, achegóuselle un centurión que lle suplicou dicindo:
—Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito.
Díxolle Xesús:
—Eu irei e curareino.
Replicoulle o centurión:
—Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito; abonda cunha palabra túa para que o meu criado cure. Que eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “vai” e vai; a aqueloutro: “ven” e vén; e ao meu criado: “fai isto”, e faino.
A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo e díxolles aos que o seguían:
—Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. E dígovos que moitos de Oriente e máis de Occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacobe, no reino dos ceos. Pero aos fillos do reino botaranos para fóra, á escuridade; alí será o pranto e o triscar os dentes.
E Xesús díxolle ao centurión:
—Vaite, que se cumpra segundo a túa fe.
E naquela hora curou o criado.
En chegando Xesús á casa de Pedro, atopou a sogra deste deitada con febre. Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo. Contra a tardiña leváronlle moitos endemoñados e coa súa palabra botoulles fóra os espíritos e curou os enfermos todos. Así cumpriuse o que deixara dito o profeta Isaías: “Apandou coas nosas doenzas e cargou coas nosas enfermidades”.
Meditación
Se onte era o leproso, hoxe é o centurión quen mostra unha extrema confianza en que Xesús é quen de curar o seu criado enfermo. Como ao mesmo Xesús, tamén a nós nos pode desconcertar esa fe do centurión, un oficial do exercito invasor que tiña dobregado ao pobo de Israel; unha persoa nada ben vista polo tanto, pero que emporiso creu en Xesús, abriuse á súa forza de curación e de reintegración social, e converteuse nunha referencia de apertura relixiosa.
Este oficial do exército invasor deixaba así co cu ao aire a tantas persoas relixiosas do mesmo Israel, que non tiveron ollos nin corazón para descubrir que naquel Xesús, veciño seu, facíase Deus presente para eles iniciando un momento espiritual e social novo. Este mesmo oficial tamén a nós nos pode deixar co cu ao aire, por moi católicos que nos consideremos, se a nosa fe en Xesús palidece nas nosas mans e, en verdade, pouco significa para a nosa maneira de vivir e de construír parroquia, sociedade.
Oración
Sen trapalladas,sen meiguerías,quero confiar en ti, Xesús.Coma o anónimo leproso,coma o anónimo centurión,quero confiar en ti, Xesús.Co meu corpo,coa miña intelixencia,cos meus sentimentos,con todo o meu ser,quero confiar en ti, Xesús.Nas horas brandas,nas horas duras,quero confiar en ti, Xesús.Xa sei que o fasporque iso é o teu,pero esperta e confirma a miña fe, Xesús.
Acción
Seguro que temos reparado en como moitas veces xente que di non crer nos sorprende con comportamentos excelentes. Recordamos algún caso deses e aprendemos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.