16 de xullo: Domingo 15 do tempo ordinario.
1ª lectura: Is 55, 10-11. Salmo: 64 10abcd. 10e-11. 12-13. 14
2ª lectura: Rom 8, 18-23.
Evanxeo: Mt 13, 1-23 (lectura breve: Mt 13, 1-9)
Un día Xesús saíu da casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao redor del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na ribeira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
—“O sementador saíu a sementar. E ao espallar as sementes, algunhas foron caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e coméronas. Outras caeron en terreo pedroso, onde a penas había terra; e naceron de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimounas, e, como non tiñan raíz, secaron. Outras caeron entre silvas e as silvas, ao medraren, afogáronas. As outras caeron en terra boa e deron froito: Unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta.
Meditación
Durante tres domingos leremos o capítulo 13 do evanxeo de Mateu, que contén unha serie de parábolas, moi relacionadas coa vida e as prácticas do campo; con estas parábolas Xesús intentaba facer que a xente que o escoitaba se parase ante as cousas que compoñían a vida máis ou menos normal de cada día, e que soubese ver nesas cousas coma unha comparanza das realidades fondas que todas as persoas vivimos ou podemos vivir. Esas realidades fondas teñen que ver sempre coa boa construción das nosas persoas, familias e sociedades, coas atinadas relacións sociais, coas fontes da nosa satisfacción, da nosa ledicia, da nosa felicidade, co noso éxito ou fracaso como persoas; por iso mesmo, estas realidades fondas teñen moito que ver coa presenza ou ausencia de Deus nas nosas vidas, e teñen que ver coa proposta de Xesús, o “Reinado de Deus”.
Xesús contaba a parábola ou conto, e adoitaba rematar dicindo: “Quen teña oídos que escoite”. É dicir, que escoite, que pense, que medite, que revise, que valore, que tome decisións, que cambie, se o considera oportuno. Porque nos xogamos a vida, a nosa vida, a vida das persoas que conviven connosco en círculos máis estreitos e máis amplos. No verán adoitamos ter algo máis tempo libre. Adoitamos gustar o campo como lugar de descanso e de reparación. Igual é un tempo apropiado para escoitar, meditar estes contos ou parábolas de Xesús con serenidade, con confianza, nada malo nos vai pasar por facelo, ao contrario, seguro que algo bo nos acontecerá.
A parábola do sementador dicíalles moito aos oíntes de Xesús. Sementar, poder recoller ou non, era algo vital para unha sociedade de xente labrega pobre, que debería pagar as rendas. Se non había produción ou había moi pouca, iso significaba pasar fame, ter enfermidades, ter que endebedarse, ter incluso que venderse, escravizarse. Isto era moi frecuente daquela, como o foi durante séculos en Galicia. Eran as consecuencias do dominio do imperio romano e do dominio dos señores do pobo, que o explotaban. Así era o modelo social. Que a semente producise era cuestión de vida ou morte. Ante ese drama estaba situada diariamente a xente que escoitaba a Xesús. A reacción normal da xente era a angustia, o medo, o afán por ter e xuntar, a envexa por quen tiña en abundancia, a desesperación..., todo, por outra parte, moi lóxico en quen tiña a súa vida permanentemente ameazada.
Hoxe non se trata para moita xente de terras que produzan froitos, pero si, por exemplo, de ter un posto de traballo digno. Se non o hai –estámolo vendo—, aparecen as mesmas consecuencias que padecían os contemporáneos de Xesús: privación, fames, ter que abandonar pisos, bágoas, desesperos, rabias contra quen tal cousas produce, afán por ter e xuntar...
Xesús ve, observa, dóelle a xente e fai unha proposta nova que afecta aos corazóns de cada persoa, que afecta ás relacións entre as persoas, á sociedade. As súas palabras son palabras de confianza, pero non porque espere novidades de quen rexe o mundo con poder e abuso (daquela o imperio romano, hoxe a imperio financeiro e os seus representantes). A xente pobre, non a rica, é a que curiosamente ten iniciativa e poder para cambiar as cousas. As palabras de Xesús son palabras de renuncia á acumulación, son palabras de reparto e compartir; son palabras de aposta e loita pola xustiza, a xustiza de Deus que é máis limpa e espléndida que a da xente máis xusta. Son palabras de pensar nos demais, nos intereses de todos e todas, da comunidade. As súas palabras son palabras de verdade, non de trampa; son palabras de honradez, non de corrupción; son palabras de mimo pola xente máis débil, non de menosprezo e marxinación cara aos máis débiles. O conxunto do Evanxeo é a proposta de Xesús, que se chama Evanxeo, Boa Nova, precisamente por iso, porque trae remedio á situación desesperada da xente. Algo que nos pode parecer un soño, pero niso vainos a vida.
Xesús non cansa de nos facer a súa proposta. Non cansa de sementar, de sementala, igual que o labrego galileo botaba as sementes cada ano con esperanza e medo. Xesús coñece as dificultades coas que se pode encontrar a xente que pensa en facerlle caso. Por iso nos fala na parábola non de colleitas fáciles, senón de sementes que as comen os paxaros, de sementes que caen entre pedras e parece que tiran para arriba, pero logo se achican, de sementes no medio dos silveirais, que se ven afogadas pola maleza. Así pasa na vida da xente: a proposta de Xesús pódenos parecer preciosa, iso da irmandade, de pensar nos outros, de non acumular, de non trampear, pero que difícil se nos fai ás veces; e faise difícil, porque temos un corazón infectado cos vicios dos poderosos, criticámolos a eles, pero non fondo que envexa nos dan; faise difícil, porque as propostas de Xesús hai que loitalas, cómpre sensibilidade solidaria, aguante; a tentación está sempre á porta; a idea de que no enriquecemento egoísta está a felicidade é algo que peta a diario nos nosos corazóns, nas nosas casas.
Canta palabra de Xesús, canta semente de Xesús se perde! Pero tamén canta semente dá froitos abundantes. Non saen nas primeiras páxinas dos periódicos, pero houbo e hai moitas persoas e grupos en Galicia, en España, polo mundo adiante que se fían da proposta de Xesús, ou de propostas semellantes ás de Xesús. Nesas persoas, crentes ou non, cristiás ou non, nesas persoas, no Deus que as sustenta e dinamiza, descansa o futuro da humanidade. Esas persoas, das que Xesús foi o gran promotor, son as que nos enchen o ollo, as que nos conmoven o corazón, as que nos embarcan en soños de paz, de ben e de xustiza verdadeira. Con quen nos queremos apuntar nós? A quen lle queremos facer caso?
Na celebración eucarística acollemos a semente de Xesús e alimentámonos del para ser constantes e deixar que a súa semente chegue a dar froito en nós.
Preces
QUEN TEÑA OÍDOS QUE ESCOITE
Que o mesmo que a xente labrega traballa e prepara a terra para facela producir, que así traballemos nós e preparemos o noso corpo e o noso espírito para sermos abundantes en froitos de ben, de honradez e de xustiza. Oremos.
Que teñamos oído aberto á voz do Espírito que clama con urxencia nas cousas todas da vida, e sobre todo nas vidas da xente máis maltratada. Oremos.
Que saibamos escoitarnos uns aos outros/as con respecto, con desexo de aprender, con honestidade, dispostos a cambiar á luz do que outras persoas nos poidan advertir. Oremos.
Que sexamos humildes e honestos/as con Deus, con Xesús, que o escoitemos sen prexuízos, non dando nunca por sabido o que nos quere dicir, o que nos quere pedir. Oremos.
Que sexamos humildes e valentes para vivir en solidariedade máxima, coma irmáns e irmás, segundo Xesús nos ensinou e non nos deixemos comer a cabeza polos criterios egoístas que poden rexer no mundo. Oremos.
Oración
Señor, meu Deus,que vexa, que oia, que entenda,as cousas, as persoas, a sociedade,para poder sentir, amar e servirpara te poder sentir, amar e servir.Que se me abrande o corazón,que se me faga sensible,que o amor mo amoleza,para poder ver, oír e entenderpara poder verte, oírte e entenderte.Señor, meu Deus,que o corazón se me amoleza ao teu carón,para que coa forza dun corazón sensible,coa luz dun corazón intelixentepoida acoller a túa proposta de maduración persoal e comunitaria.Os señores deste mundo(que teñen espazo no meu corazón)incítanme ao medo e á acumulación egoísta,e ti empúxasme á confianza, ao necesario, ao reparto e ao compartir.Os señores deste mundo(que encontran ecos no meu corazón)incítanme ao éxito fácil, inmediato, sen conflito,e ti fálasme do gozo amasado na lentitude,da alegría que brota da loita gañada ou mesmo perdida,da resistencia, da constancia, da perseveranza.Terra tripada,terra pedregosa,terra silvestre,terra boa ...Ti ensínasme a coidar a miña leira, a miña vida,para facela fecunda para min, para a comunidade.Que me deixe aprender de ti,e así a miña vida sexa toda ela terra de bendición.
Acción
Podemos ser, e somos, terra, que recibe a semente de Deus de moitas maneiras, case sempre a través de persoas que nos rodean na vida, porque a xente somos as mans de Deus. Estamos ao tanto para acoller tanta semente boa que nos chega? Pero tamén facemos a tarefa de sementador ou sementadora. Facémolo ben? De que maneiras me estou vendo como sementador de irmandade? ¿Cómo podo mellorar ese trahallo?
17de xullo: Luns da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 1, 8-14. 22. Salmo: 123, 1-3. 4-6. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Is 1, 10-17. Salmo: 49, 8-9. 16bc-17. 21 e 23
Evanxeo: Mt 10, 34—11,1
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus Apóstolos:
—Non vaiades pensar que vin traer paz á terra; non vin traer paz, senón espada. Porque vin enfrontar o home co seu pai, a filla coa súa nai, á nora coa súa sogra e os inimigos de cada un serán os da propia familia. Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen trate de conservar a vida perderaa; pero quen a perda por min ese conservaraa.
Quen vos recibe a vós recíbeme a min; e quen me recibe a min recibe ao que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto terá recompensa de xusto. E quen dea de beber aínda que soamente sexa un vaso da auga fresca a un destes pequenos, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.
En rematando de lles dar estas instrucións aos doce discípulos, partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.
Meditación
Palabras duras estas de Xesús. Parece que botan para atrás. Palabras que nos falan dun ambiente de persecución, cando a xente cristiá por ser cristiá era denunciada, acusada, condenada, axustizada. Eran horas de tomar posición incluso ante a mesma familia. Eran horas de ir a aquilo central, fundamental, sobre o que se monta a propia existencia e apostar por iso a fondo.
Son frecuentes entre nós os conflitos: na familia, na comunidade cristiá, na sociedade. É importante ver que é o que motiva o conflito. Poden ser os cartos, a ansia de poder, as maneiras de ser de cada quen, algunhas decisións políticas interesadas, … Se como Xesús, optamos por un estilo de vida solidario, respectuoso e coidador da xente débil, se non nos acomodamos ás mentiras e aos abusos, se queremos chegar ás fontes do mal para podelo superar, o normal é que nos vexamos en situacións apuradas, nas que temos que tomar decisións. E igual a familia anda tamén polo medio, e ante a mesma familia teñamos que marcar distancias. Xesús avísanos desta posibilidade. Xesús invítanos a ser fieis a aquilo que vexamos xusto, coherente, aínda que nos doia e causemos algunha dor.
Oración
Apréndeme, Xesús,a vivir os conflitos, os enfrontamentos,como ti os vivías:desde o que consideramos xusto,desde a liberdade,desde o amor,desde a coherencia,desde a busca do mellor para a xente máis débil,pero tamén para toda a xente,mesmo para aquelaque nos pode quebrar a cabezae quentar o xenio.Apréndeme a non fuxir dos conflitos,a vivilos como oportunidades de crecemento.
Acción
Á luz deste evanxeo, podemos revisar como estamos vivindo nós os conflitos. ¿Por qué cousas entramos en conflitos: por parvadas ou por cousas de peso, que inflúen no benestar ou malestar da xente? ¿Escapamos deles, afrontámolos con serenidade, escoitamos a quen nos provoca o conflito por se ten razón, sabemos ceder cando cómpre, sabemos manternos no que cremos xusto?
18 de xullo: Martes da 15ª semana do Tempo Ordinario.
Ano 1: 1ª lectura: Ex 2, 1-15a. Salmo: 68, 3. 30-31. 33-34
Ano 2: 1ª lectura: Is 7, 1-9. Salmo: 47, 2-3a. 3b-4. 5-6. 7-8
Evanxeo: Mt 11, 20-24
Nunha ocasión empezou Xesús a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres e que non se converteran.
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai tempo que facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. Por iso dígovos: O día do xuízo será moito máis suave para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste no abismo!” Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. Por iso dígovos que Sodoma terá un día do xuízo máis suave ca vós.
Meditación
Aínda que así nos soen, non son palabras de ameaza. Deus nunca nos ameaza. Xesús tampouco. Son palabras de advertencia. Xesús estáballes facendo un ofrecemento a aquela xente contemporánea súa, e moita dela pasaba de Xesús e das súas historias. E perdían a oportunidade que Deus lles ofrecía de darlle un impulso novo ás súas vidas, a base de incorporarse a fondo a esa forza de amor, de compaixón, de solidariedade, de xustiza que lles chegaba gratuitamente de parte de Deus.
A nós tamén nos pode pasar o mesmo. Sexa de parte de Deus, a través do Evanxeo de Xesús ou da comunidade cristiá que intenta vivilo, sexa de parte doutras persoas, crentes ou non crentes, pódennos chegar ofrecementos bos, que nos leven a implicarnos en tarefas de amor, de servizo, de solidariedade; con elas medraremos nós en humanidade e poderemos axudar a outras persoas a que medren tamén. Pero, como a xente contemporánea de Xesús, podemos facer caso ou dar as costas. Na nosa man está o ben ou o mal, o crecemento como persoas crentes ou o decaemento.
Oración
Porque nos queres ben, Xesús,disnos as cousas con claridade.Porque nos queres ben,advírtesnos da transcendencia de moitas cousas.Porque nos queres ben,cabréaste connosco.Porque nos queres ben,bótasnos en cara o noso desinterese.Porque nos queres ben,agardas que escoitemos e reaccionemos.Porque nos queres ben,tesnos sempre dentro das túas preocupacións.Grazas, Xesús.que saibamos escoitarte e cambiar.
Acción
¿Parámonos algunha vez a escoitar no noso interior as críticas e advertencias que nos veñen de Xesús, ou que nos veñen de calquera persoa coa que nos movemos na vida? Hoxe podemos dedicarlle polo menos 5 minutos a esta escoita.
19 de xullo: Mércores da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 3, 1-6. 9-12. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: Is 10, 5-16. Salmo: 93, 5-6. 7-8. 9-10. 14-15
Evanxeo: Mt 11, 25-27
Nunha ocasión exclamou Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o fillo agás o Pai, nin coñece o Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Meditación
De Xesús sabemos que era un home fondamente vinculado con Deus, amigo de facer en todo a súa vontade, amigo tamén de pasar tempos longos de oración en silencio, no segredo de Deus. Sen embargo conservamos poucas oracións de Xesús: a do Noso Pai, a oración no horto das oliveiras, a oración última na cruz, esta que recolle o evanxeo de hoxe, e pouco máis. Todas elas permítennos achegarnos ao talante vital, crente, de Xesús.
No caso de hoxe é unha oración de bendición e agradecemento a Deus porque Xesús observa que é a xente humilde a que máis aberta está a acoller as propostas de Deus que el lles ofrece. A sabedoría e a cautela ou desconfianza moitas veces levan a pecharse ante a novidade desconcertante de Deus. Deus sempre descoloca, e quen está demasiado asentado polo seu saber ou polo seu pretendido control de todo, é ben difícil que se abra a Deus, e que o escoite. Pero así é Deus, así era Xesús, e así é a nosa realidade. Non é que Deus teña un plan previo de só tocar no corazón de determinadas persoas; senón que hai determinados corazóns que, polo seu poder sabichón, están especialmente bloqueados como para que neles poida entrar o coñecemento de Deus. A sabedoría e o poder normalmente non queren saber de propostas de cambio solidario.
Oración
“Bendito sexas, meu Pai,Señor do ceo e máis da terra,porque lles escondiches estas cousasaos sabios e aos prudentese llas revelaches á xente humilde.Si, meu Pai,bendito sexas por che agradar isto así.”Bendito sexas, Pai noso,por teres escollido de sempreas persoas débiles, fráxiles, pequenas,para facelas partícipesdos teus soños de pan, perdón, xustiza e esperanza.Bendito sexas, Pai noso,porque no pequeno e irrelevante Xesús,aos ollos deste mundo,nos amosaches en corpo e almao teu rostro misericordioso e fiel.Bendito sexas, Pai noso,por che agradar isto así.
Acción
¿A quen nos arrimamos, como persoas, como comunidade cristiá? ¿Á xente sabia e poderosa do noso entorno, ou máis preferentemente á xente humilde? ¿Cómo poderiamos acomodarnos nisto aos gustos de Xesús e de Deus?
20 de xullo: Xoves da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 3, 13-20. Salmo: 104, 1 e 5. 8-9. 24-25. 26-27
Ano 2: 1ª lectura: Is 26, 7-9. 12. 16-19. Salmo: 101, 13-14ab e 15. 16-18. 19-21
Evanxeo: Mt 11, 28-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.
Meditación
Xesús invita agora a todas as persoas, sen excepción, que estean máis ou menos cansas e oprimidas. No seu tempo había moitas, cunha vida empobrecida, abusada, desalentada, case desesperada. Nos nosos tempos tamén as hai, aínda que quizais as nosas pobrezas, no noso entorno galego ou español, poidan ser doutro tipo. Xesús ofrécenos o que el é, o que el ten: un xugo, unha vinculación con el e coa comunidade doada de levar, non coma os xugos que as autoridades civís e relixiosas lles impoñían; ofrécenos tamén a súa mesma persoa boa e humilde de corazón, accesible para todas e todos nós, na que podemos atopar comprensión fonda, compaña quente, alentos vigorosos, e un exemplo de vida que nos motive, que nos permita manternos en pé, con dignidade, que nos permita soñar, que nos permitirá atopar unha maneira feliz, esperanzada de vivir, no medio das dificultades que poidamos ter. Ditosas, ditosos nós, se lle dámos creto á invitación de Xesús e nos achegamos a el nos camiños da vida!
Oración
Grazas, Xesús, pola túa invitación.Grazas por poñerte a ti mesmo ao noso dispor.Grazas por nos ofrecer todo o teu.sen reparo ningún,sen distingo ningún.Grazas polo teu xugo doado de levar,34pola amizade que nos ofreces,poña ensinanza que nos prometes,pola compaña que nos garantes.Grazas polo teu ser humilde e accesible,polo acougo e forza que nos prometes.Intúo que nin sequera nos podemos facer unha ideado mundo de bendición que hai en ti para todos nós!Grazas no meu nome pequeno,no nome maior de toda a xente inmigrante e refuxiadaque escoita de ti palabras de invitación e acollida,que tamén lle gustaría escoitar de todos nós,gobernos e cidadanía.Grazas por monseñor Agrelo,altofalante internacional das túas ofertas e promesasá xente máis cansa e oprimida.
Acción
Todas, todos somos os que recibimos o ofrecemento de Xesús. Pero tamén todas, todos, individualmente e como comunidade cristiá, temos a tarefa de facer oír no noso tempo esa invitación de Xesús á xente cansa e oprimida. ¿Estámolo facendo? ¿Nas nosas comunidades cristiás ofertamos acougo, compaña, alentos, remedios a quen ande ferida pola vida? ¿En que poderiamos mellorar?
Acción
Se podemos, seguro que gozaremos moito participando nalgunha romaría dedicada á Santa María do Carme. Podemos quedarnos co que vexamos acertado da celebración, e esquecer o que non nos pareza moi oportuno.
21 de xullo: Venres da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 11, 10—12, 14. Salmo: 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: Is 38, 1-6. 21-22. 7-8. Salmo: Is 38, 10. 11. 12abcd. 16
Evanxeo: Mt 12, 1-8
Un sábado pasaba Xesús por uns agros a trigo. Os seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e a comelas. Os fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:
—Mira que os teus discípulos fan o que non está permitido facer no sábado.
El contestoulles:
—¿Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e comeu pan do ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin aos seus acompañantes, senón só aos sacerdotes. ¿E non tedes lido na Lei que os sacerdotes no templo quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? Pois eu asegúrovos que aquí hai algo meirande ca o templo. Se entendésedes ben o que significa “misericordia quero e non sacrificios”, non condenabades a estes inocentes. Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.
Meditación
As prácticas relixiosas son boas cando nos axudan a recoñecer e agradecer na nosa vida a presenza servidora de Deus e nos motivan para coidar a nosa vida e a empeñarnos tamén no coidado da vida da demais xente. É dicir, todas as leis e prácticas relixiosas deberían estar ao servizo da xente, ao noso servizo, para axudarnos a medrar como persoas e como pobo cristián.
Hoxe entre nós o problema non é que teñamos moita obsesión polo cumprimento das normas relixiosas; pasamos bastante delas e quedamos tan tranquilos. O noso problema é que, por unha práctica trapalleira desas normas, acabamos non lle vendo sentido, mesmo nos parecen case unha parvada e desentendémonos delas. ¿Cómo recuperar o sentido das prácticas relixiosas e o seu cumprimento correcto? ¿Cómo aprender a integralas nunha visión da vida cristiá na que desde logo a misericordia, o respecto, o coidado da vida nosa e da xente máis necesitada estea sempre por riba de calquera outra esixencia?
Oración
“Misericordia quero e non sacrificios”,—iso nos recordas, Xesús.E disnos que, se o entendésemos ben,moi distintas habían ser as cousasna nosa vida persoal e comunitaria;moi distinto sería o aprecio da fe, da vida relixiosadentro da Igrexa e fóra dela.Apréndenos, logo, a entendelo ben,ao teu xeito,co atrevemento, simplicidade e fonduracon que ti o facías.Ollando para a nosa mesma debilidade,ollando para a debilidade de tanta xente do noso redor(xente da rúa, desafiuzada, refuxiada, soa…),“misericordia quero e non sacrificios”.
Acción
¿Qué importancia lle dámos na nosa vida cristiá a esas palabras que Xesús repite: “misericordia quero e non sacrificios”? Pensámolo, falámolo con outros compañeiros e compañeiras, e facemos o que o Espírito nos aconselle.
22 de xullo: Festa de Santa María Magdalena, apóstola dos apóstolos
1ª lectura: Cant 3, 1-4b. salmo: 62, 2. 3-4. 5-6. 8-9
Evanxeo: Xn 20, 1.11-18
O primeiro día da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada e quedou ao pé do sepulcro, fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús. Eles preguntáronlle:
—Muller, por que choras?
Ela respondeulles:
—Porque colleron o meu Señor e non sei onde o puxeron.
Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús preguntoulle:
—Muller, por que choras? A quen buscas?
Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:
—Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.
Xesús díxolle:
—María!
Ela, virándose, exclamou en hebreo:
—Rabbuni! (que quere dicir “Mestre”)
Xesús díxolle:
—Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.
María Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.
Meditación
Se dicimos que María Magdalena é apóstola dos apóstolos non o dicimos porque si. Foi apóstola, anunciadora, mensaxeira, si, porque lles foi aos apóstolos derrotados coa narración dunha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Pero, a máis diso, María Magdalena foi apóstola, anunciadora, mestra, polo mesmo proceso de vida que viviu en contacto con Xesús: unha vida rota de mil maneiras, polo que parece, que se engancha con Xesús, que o segue polos camiños de Galilea e cara a Xerusalén, que o acompaña na hora da paixón, que o chora morto e ausente, que o busca coa forza dun amor sen medida, que se reencontra con el nunha dimensión nova con evocacións vivas, que acepta a tarefa de contar a súa experiencia e de axudar a que outros, polo mesmo camiño, poidan experimentar a forza renovadora de Xesús, agora cunha vida nova en Deus.
E todo isto unha muller, que parte dunha vida desfeita e que, en Xesús, se reencontra a si mesma, para si, para a comunidade, para a Igrexa. Cantas mulleres houbo e hai así na Igrexa! Merecen o noso recoñecemento, que aínda non teñen como é debido, nin moito menos.
Oración
María, Magdalena,irmá maior e mestra,apréndeme os camiños do encontro vivo con Xesús.Máis alá de teorías e doutrinas,ensíname a agarrarme a elamorosamente,vitalmente.Apréndeme a vincularme con el,co seu estilo de vida,cos seus fondísimos convencementos,coa súa maneira de sentir e vivir a Deus,coa súa maneira de sentir a vivir as persoas,que, envoltas en fraxilidade,se ían cruzando con el.Ensíname a poñer as miñas nudeces,coma ti, sen escusas,á auga, á luz, ao clareo de Xesús.
Acción
Podemos reparar nas mulleres que nos acompañan na familia, na comunidade cristiá. Seguro que atopamos nelas motivos para o agradecemento. Dalgunha maneira podémoslles expresar o noso agradecemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.