23 de xullo: Domingo 16 do tempo ordinario.
1ª lectura: Sab 12, 13. 16-19. Salmo: 85, 5-6. 9-10. 15-16a.
2ª lectura: Rom 8, 26-27.
Evanxeo: Mt 13, 24-43 (ou breve: Mt 13, 24-30)
Unha vez contoulles Xesús outra parábola:
—“Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
Os criados do dono fóronlle dicir: “Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio? el contestoulles: “Isto é obra dun inimigo.”.
Os criados preguntáronlle: “Queres que o vaiamos arrincar?” El respondeulles: “Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: “Apañade primeiro o xoio e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca.”.
Comentario
O evanxeo de hoxe forma parte do capítulo 13 de Mateu, dedicado case todo el a contarnos parábolas de Xesús, para axudarnos a comprender cales son as condicións de fondo coas que normalmente se atopan as persoas que se apuntan con Xesús ao seu proxecto de vida, tanto a nivel persoal como social; iso que el chamaba o reinado de Deus.
Así hoxe lemos a parábola do trigo e o xoio (cizaña), a parábola da semente de mostaza e a parábola do fermento. Podemos ler as tres desde unha perspectiva común: con que posibilidades, con que dificultades tamén, nos podemos encontrar as persoas cristiás, cando queremos vivir coma cristiás, cando queremos facer comunidades cristiás, cando queremos colaborar na construción social das nosas parroquias, vilas e cidades. Como somos comunidades cristiá no medio do mundo? Cada unha destas tres parábolas ten os seus matices particulares, que nos poden aproveitar moito. Poñámonos diante destas narracións con oídos de discípulos/as, dispostas a escoitar, a aprender, a levar á vida, aínda que sexa pouco a pouco, lentamente, ao ritmo que nos suxiren estas mesmas parábolas.
O mal é o compango normal, amargo, das nosas vidas de cada día. Levámolo connosco, asentado a carón das mellores intencións e, sen dúbida, de moitas bondades que nos caracterizan. Cada un, cada unha, se é honesta/o, saberá darlle nome concreto a esas maldades. E tamén está presente nos nosos veciños, na nosa sociedade; estas maldades cústanos menos detectalas. A masacre que o actual goberno xudeu está cometendo co pobo palestino é un bo exemplo. E a corrupción de moitos políticos, e a indiferenza que practicamos ante quen sofre por calquera razón, e o afán de cartos, mando e poder que levamos dentro? Que facer ante esas maldades e outras moitas? Pechar os ollos, despreocuparnos? Non será mellor identificalas, ser conscientes da súa presenza, implicarnos na súa erradicación, ser pacientes e resistentes na colaboración, na loita, para que o seu influxo perverso diminúa? Non será mellor confiar na bondade radical que levamos inserida cada persoa, cada pobo, como herdanza da condición divina que nos caracteriza, e confiar no estalido de luz que chegará, algún día chegará?
Frecuentemente temos que convivir con grandes problemas, con grandes poderes, con grandes retos. Agora mesmo preguntámonos como librar as vidas do pobo humilde das garras das grandes finanzas que nos estrullan e que nos queren fieis servidores/as do seu enriquecemento. Preguntámonos tamén como virar a cara da Igrexa, e a de cada un, cada unha, de nós dentro dela, para facela Igrexa pobre ao servizo da xente pobre, como a quería Xesús. E cada un coñece ben as grandes batallas que debe librar diariamente para ser humildemente feliz integrado/a na comunidade, na sociedade con aire de irmán, de irmá: dificultades cos propios vicios ou preguizas, dificultades coa convivencia familiar, dificultades na militancia política ou sindical, etc. Sentímonos tan pequena cousa, tan desconfiados de que de nós poida saír algo capaz de facer que as cousas cambien! Daquela Xesús recórdanos que o noso, o do Reinado de Deus no que queremos estar metidos/as, parécese a unha semente pequerrechiña de mostaza, que logo non se ve, pero que pouco a pouco faise un arbusto grande, case unha árbore, no que atopan acubillo paxaros. Contentámonos coa proposta de Xesús de sermos pequerrecho gran de semente, fiado da enerxía de Deus, ou pretendemos ser forte castelo amurallado, que ninguén conquista, pero no que ninguén tampouco non atopa refuxio e fogar? A Igrexa en moitos momentos da súa historia desconfiou do gran de mostaza e do seu lento desenvolvemento, e xogou o xogo do poder, da potencia, do asombro, do imperio, do asoballo. Quizabes por iso mesmo agora está recollendo o desprezo de moita xente. Que facemos nós, que fai a comunidade cristiá da que formo parte. Somos traballadores/as humildes que día a día construímos con fe, con esperanza, con amor, o arbusto da casa común, da integración, do coidado exquisito da xente máis débil?
Resistir como semente pequecha fronte ao que temos por diante non é doado. De onde nos van vir as forzas? Xesús remítenos ao fermento da muller que fai que toda a masa levede e se poida converter en pan. A comparanza invítanos a pensar en fortes enerxías que non dependen de nós, que actúan mesmo cando nós estamos parados, que fan que as cousas fecunden, e cheguen a madurar. As persoas, o mundo todo está servido por esta enerxía de Deus, este Espírito vigoroso de Deus, do que nós, as persoas cristiás, somos, podemos ser, testemuña humilde, pero convincente. Canto nos axuda ver unha persoa que persiste no seu empeño de ser humana e de poñer humanidade en todo! Como nos preguntamos de onde lle virá tanta forza a esa persoa para ser como é! Empezando polo mesmo Xesús que tanto vigor tiña para defender a dignidade o presente e o futuro da xente pequena, pecadora, marxinal. Cremos, vivimos nós que ao noso servizo está ese humilde poderío de Deus grazas ao cal todos os problemas atopan un camiño de solución?
A Eucaristía ofrécenos entrar en contacto coa mantenza, coa fraxilidade e coa enerxía de Deus, simbolizada no pan e no sangue de Cristo, viático de camiñantes e loitadores/as.
Preces
CONFIAMOS EN TI, XESÚS,
CONFIAMOS NOS TEUS PROXECTOS
Pero necesitamos a túa resistencia paciente para convivir respectuosamente, combativamente, co mal que levamos dentro de nós mesmos e que vemos na nosa sociedade. Por iso rezamos.
Pero necesitamos a túa fe no pequeno, no humilde, no que non conta, nas pequenas experiencias de fraternidade alternativa. Por iso rezamos.
Pero necesitamos da túa seguridade de que Deus actúa na sombra, de que a xustiza, a solidariedade, a verdade, van levedando o mundo silenciosamente, e así manternos na esperanza. Por iso rezamos.
Pero necesitamos de ti para preguntarnos en cada momento que é o que podemos facer e ofrecer, para que a túa novidade abra camiño nas nosas comunidades, na nosa sociedade. Por iso rezamos.
Pero necesitamos o teu desexo de luz e de verdade para deixarnos acompañar pola xente que, sen grandes teorías, sabe estar cada día ao lado de quen sofre. Por iso rezamos.
Oración
Xesús,trigo e xoio (cizaña),no propio corazón,na propia vida,no entorno social,na mesma Igrexa.Asombro, estupor, tentación, dor,loita paciente,soño que non morre,aventura garantida pola túa presenza,polo teu Espírito,polo teu Deus.E eu aí, por graza túa,vivo/a,a gusto,incitado/a por ti,perdoado/a por ti.sostido/a por ti.GrazasXesús,gran de mostaza,orgullo do pequeno,de todo o que prende, xermola, medrana túa terra,na terra da fraternidadee que se fai árbore vizosa,onde pousan paxaros voadores,niño de soños,refuxio de cansas e oprimidas,achega divina, humana,a un mundo necesitado de luces e de sombras.E eu aí, por graza túasemente, árbore e paxaro,incorporado/a á túa humanísima aventura.Grazas.Xesús,fermento de muller,feitura calada,presenza silenciosa,forza invisiblena masa que fai pan,o pan, sempre o pan,o pan insubstituíble, substancial,nas mesas máis pobres do mundo.E eu aí, por graza túa,muller, fermento e pan,para a mesa da abundancia comedidada que nunca ninguén será excluído.Grazas.
Acción
Somo comprensibles co mal que prende en nós e empana as nosas vidas? Aceptámolo para nos poder rebelar pacientemente con el? Como nos situamos ante o mal que poidamos ver nas persoas que nos rodean? Sabemos tamén comprendelo, para poder axudar a que o supere quen o fai?
24 de xullo: Luns da semana 16ª do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 14, 5-18. Salmo: Ex 15, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Miq 6, 1-4-6-8. Salmo: 49, 5-6. 8-9. 16bc-17. 21 e 23
Evanxeo: Mt 12, 38-42
Nunha ocasión algúns letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:
—Mestre, queremos ver un sinal teu.
Respondeulles el:
—Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal ca o de Xonás o profeta. Que así como estivo Xonás tres días e tres noites no ventre do peixe, así estará o Fillo do Home no seo da terra tres días e tres noites. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración para condenala, porque se converteron cando escoitaron a predicación de Xonás; pero aquí está quen é máis ca Xonás. A raíña do Sur enfrontarase no xuízo con esta xeración e fará que a condenen; porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón e aquí está quen é máis ca Salomón.
Meditación
Este anaquiño de Evanxeo remítenos á suposta historia, ou mellor parábola, do libro do profeta Xonás: mandado por Deus a predicar á cidade de Nínive para que se arrepentise das súas maldades, Xonás fai canto pode por non ir, porque consideraba que esa cidade, ao non pertencer ao pobo de Deus, non debía ser tratada con misericordia. Vai á forza, predica, Nínive convértese, e el enfurrúñase contra Deus, pola amplitude da súa misericordia.
A este relato fai referencia a contestación de Xesús, cando letrados e fariseos lle piden un sinal. O sinal que Xesús ofrece a todo o mundo sen distinción é o ofrecemento dun Deus achegado á xente, doído da fraxilidade humana, colaborador a tope para dignificar a vida de toda persoa. E este era o sinal que Xesús anunciou e defendeu coa súa vida, coa súa morte, coa súa resurrección. Nese ámbito estamos metidos todas e todos nós, sexa boa ou mala a disposición que teñamos para o ben na vida. Deus non renega de nós. Nunca. Non vaia ser que nós, por nos crer xente xusta e perfecta, reneguemos de entrar na onda misericordiosa e curadora de Deus!
Oración
Ti sempre coa man tendida,meu Deus.Ti sempre co corazón disposto,coa ilusión a flor de pel,para que nada se perda,para que ninguén,sexa quen sexa,sexa como sexa,estrague a súa vida,deixe de ser a muller ou o home felizque ti soñaches.Grazas.Que saibamos vivirte así con sumo agradecementorecoñecéndote capaz de acelerar en nós os cambios necesarios.Que saibamos transmitirte tamén asícun corazón espléndido coma o teu.
Acción
¿Dalgunha maneira somos persoas que excluímos a outras persoas dos bens da vida, do ben de Deus? ¿Dalgunha maneira sinalamos a algunha persoa, porque a consideramos mala, ruín, malvada, e arredámola da nosa vida, da nosa palabra, do noso afecto curador, como se nós fósemos xente perfecta? Pensémolo á luz da palabra de Xesús
25 de xullo: solemnidade do apóstolo Santiago, patrón de Galicia e de España. Día de Galicia.
1ª lectura: Feit 4, 33; 5, 12. 27-33; 12, 2. Salmo: 66, 2-3. 5. 7-8.
2ª lectura: 2 Cor 4, 7-15
Evanxeo: Mt 20, 20-28
Nunha ocasión achegouse a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos e prostrouse para lle pedir algo. El preguntoulle:
—Que queres?
Respondeulle:
—Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
Respondeulle Xesús:
—Non sabedes o que pedides. ¿Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
—Podemos.
Xesús replicou:
—O meu cáliz beberédelo, pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo, é para quen o meu Pai o teña reservado.
Ao escoitaren isto os outros dez, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos e díxolles:
—Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así: quen queira ser importante, que sexa o voso servidor, e quen queira ser o primeiro que sexa o voso escravo; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Meditación
Dúas maneiras de entender a vida, dentro e fóra da comunidade cristiá. Dúas maneiras de construír a propia persoa, a comunidade cristiá e tamén as relacións sociais, o tecido social, unha familia, un país, unha patria, o mundo enteiro. A aspiración dos fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, compartida ao que se ve polos demais discípulos, era ser mandando. Esa aspiración é compartida tamén por moitísima xente dos nosos tempos, entre a que posiblemente nos vexamos incluídos. É ben difícil superar esa tentación. Cólasenos no corpo e no espírito de mil maneiras.
Xesús, nesta ocasión coma en tantas outras, é alternativo. Soña, vive, comparte outra maneira de sermos, de realizármonos, de acadar satisfaccións e felicidades: no canto de mandar, servir; no canto de soñar con acadar os primeiros postos, soñar con estar na cola, oficiando de servidores/as, mesmo de escravos/as. É algo que bota para atrás de primeiras. O soño de Xesús é unha comunidade de xente afanada en servir, unha comunidade de servidores e servidoras, todos, todas, homes e mulleres por igual. O mundo non funciona así, e por iso vai como vai, por iso abunda en abusos e atropelos de todo tipo.
A Santiago, o noso patrón, custoulle, pero acabou aprendendo o oficio de servidor, ata a morte. Non vale telo por patrón no escaparate, sen deixar que o espírito do servizo ata as últimas nos colla a vida e nos empuxe a facer comunidade relixiosa e civil desde o servizo e non desde o poder. O soño de Xesús para Galicia: unha terra limpa de xente aproveitada, unha patria de xente servidora, na que medramos todos, cando todo o mundo se fai servidor, e cando todo o mundo se sente servido e atendido.
Oración
Óllote, Galicia,cun corazón agradecido.Gózote na túa xeografía marabillosa,na túa rica e variada cultura,na túa harmoniosa fala tan pouco valorada,nos homes e mulleresque te senten, te queren, falan de ti con orgullo,e te constrúen cada día con esforzo.Ámote, Galicia,como unha matria nutriz,capaz de darnos pan e sentimentos,xeradora de enerxías e de acougos.Sóñote, Galicia,anaquiño de terra e de ceo,aberta a todos os pobos,a todas as razas e culturas,xenerosa en darse e derramarse,sen perderse no camiño,sen desaparecer entre sombras e vaidades.Penso e implícome no teu porvirno nome do Deus da vida que te creou,no nome do Xesús que se fixo servidor teu,no nome do Espírito que te alenta,no nome de todos os nosos devanceiros,home e mulleres,que amaron, gozaron, sufriron e construíron a nosa Terracara á xustiza, cara á paz,cara ao encontro, cara á unión;coa xente de fe relixiosa ou atea,que queira tamén ollarte, gozarte, amarte, soñarte e servirte.en cada persoa, aldea, vila e cidadeque che dan rostro e calor.
Acción
Podemos visitar algunha zona de Galicia que non coñezamos. Podemos participar nalgunha festa do patrón Santiago, buscando facernos persoa servidora. Podemos participa en encontros e manifestacións políticas segundo a nosa maneira particular de entender Galicia. Desde o respecto, desde a vontade de servizo real.
26 de xullo: Mércores da 16ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 16, 1-5. 9-15. Salmo: 77, 18-19. 23-24. 25-26. 27-28
Ano 2: 1ª lectura: Xer 1, 1. 4-10. Salmo: 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17
Evanxeo: Mt 13, 1-9
Un día Xesús saíu da casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo que subir e sentar nun bote, mentres a xente toda ficaba na beira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
—Unha vez saíu un labrego a sementar. E, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde apenas había terra; e naceu de contado porque a terra non tiña fondura, pero, non ben saíu o sol, queimouna e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. Quen teña oídos que escoite!
Meditación
Quen teña oídos que escoite. O primeiro que podemos escoitar é que o labrego sementa xenerosamente; non di: aquí, igual me cae algunha semente no camiño, mellor non sementar; por aquí hai moita pedra, mellor non; por aquí hai moita silva, tampouco. Non escolle unicamente a terra boa, boa. Deus non é selectivo. A súa palabra non é selectiva. E menos é só para xente privilexiada. A súa presenza, a súa palabra é un regalo xeneroso para quen lle queira abrir as portas. Se somos terra ruín, a semente cae igual nos nosos corazóns, e quen sabe? Pero mellor é facernos terra traballada, coidada, para que a semente de Deus e da vida prenda, se desenvolva ben, medre e dea froitos. Iso é a gloria de Deus. Iso é a nosa bendición.
Oración
Eu quero ser terra boa, meu Deus.Que a túa xenerosidade se vexa correspondidacoa miña mellor disposición.Eu quero participar da túa abundancia,para frutificar con ela,para gozar dela,para compartila.Eu quero facerme contigo,ao teu carón sempre,sementador, sementadora,para que o ben da vidachegue a toda a xente por igual,como regalo teu,como froito dunha boa planificación social,como mimo especial para coa xente máis vulnerable.Asóciame, meu Deus,ao teu labor de sementeira.
Acción
¿En algo somos terra dura, tripada, terra con moita pedra, terra con moitas silvas, terra pouco coidada para a semente da vida, a semente de Deus? ¿Que podemos facer e cambiar para facernos terra boa?
27 de xullo: Xoves da 16ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 19, 1-2. 9-11. 16-20b. Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56
Ano 2: 1ª lectura: Xer 2, 1-3. 7-8. 12-13. Salmo: 35, 6-7ab. 8-9. 10-11
Evanxeo: Mt 13, 10-17
Nunha ocasión achegáronse a Xesús os seus discípulos e dixéronlle:
—¿Por que lles falas en parábolas?
El respondeulles:
—Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle, pero a quen non ten, aínda o que ten se lle quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando non ven e escoitando non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías, cando dicía:
“Oír oiredes, pero non entenderedes; ollar ollaredes, pero non veredes.Porque o corazón deste pobo está insensibilizado;endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos,para non veren cos ollos nin oíren cos oídos,nin entenderen co seu corazón nin se converterenpara que eu os cure.”
Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e máis os vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.
Meditación
No fondo deste relato está o intento de explicar por que había moita xente que lle daba as costas ao que Xesús lles propoñía. Aínda que o poida parecer, non se afirma aquí que Xesús fale coas fermosas imaxes das súas parábolas para conseguir adrede que a xente non capte o que di. Ao revés, fala coas imaxes sinxelas, cotiás, das parábolas para que á xente lle sexa máis doado albiscar por onde vai o proxecto de Deus, que Xesús comparte e vive. “A quen ten daráselle ata sobrarlle”, non se refire a ter e dar cartos ou bens materiais; ese ter ou non ter refírese á actitude positiva, aberta que as persoas podemos adoptar ante algo que se nos propón; quen abra as portas do corazón e da vida, poderá verse colmada co que a vida, a xente, Deus mesmo nos ofrece.
O problema non está en que Xesús xogue coa xente, xogue connosco, senón en que a xente podemos xogar co que Xesús quere compartir. Podemos ver, oír, sen que o que vemos e oímos nos chegue ao corazón, nos mova, nos cambie, porque estamos como bloqueados; hai outras cousas, ansias, preocupacións que nos enchen a cabeza e o corazón, ofrecéndonos éxito e felicidade, e preferimos isto. Como persoa, como comunidade cristiá, ¿cales son as razóns polas que as palabras de Xesús esvaran pola nosa vida, sen entraren en nós, sen mobilizarnos?
Oración
Que poida oír e entender, Xesús,que poida ollar e ver realmente,cando ti me falas,cando ti te me amosasde calquera maneira na vida,a través de calquera persoa ou situación.Que sexa persoa de corazón sensible, libre,de oído fino, de ollos abertos,para poder ver, oír, entender, sentir,para cambiar a gusto a miña vida,para curala de toda indiferenzae abrirme así contigoa unha convivencia nova,chea da dor e das ledicias da xente,chea de Deus.Eu só non podo;éncheme co teu Espírito,que ti nunca nos negas.Grazas.
Acción
¿Podemos sinalar algún momento no que a través dalgunha persoa, dalgún suceso, dalgún momento de silencio e oración sentimos dentro de nós como unha voz maior chamándonos a algo, pero logo nos desentendemos diso? Podémolo retomar oír de verdade esa voz e deixarnos levar por ela.
28 de xullo: Venres da 16ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 20, 1-17. Salmo 18, 8. 9. 10. 11
Ano 2: 1ª lectura: Xer 3, 14-17. Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13
Evanxeo: Mt 13, 18-23
Unha vez díxolles Xesús:
—Escoitade, logo, vós o que significa a parábola do sementador. Sempre que unha persoa escoita a palabra do reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón; esa é a semente que caeu no camiño. O sementado entre as pedras vén ser aquela persoa que, ao escoitar a palabra, deseguida a recibe con alegría; pero, ao non ter raíces e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da palabra, deseguida abandona. O gran que cae na silveira vén ser aquela persoa que escoita a palabra, pero as preocupacións da vida e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. Pero o gran que foi sementado en boa terra vén ser aquela persoa que escoita a palabra e a entende; esta si que dá froito e produce cen, sesenta ou trinta por un.
Meditación
A sementeira da que fala Xesús faise en calquera época do ano, en calquera época das nosas vidas. Hoxe mesmo. Sementa Deus, pero a súa semente chéganos a través de moitas palabras, feitos, circunstancias, persoas que nos rodean a diario. No noso mesmo interior hai sempre semente de Deus. Non todas as palabras son semente boa. Xesús fala de “palabra do reino”, é dicir, palabras, feitos, persoas que van no camiño dunha proposta de vida digna, fraterna, respectuosa coa xente máis débil, solidaria, aberta ao común, aberta a Deus; realidades que nos poden chegar desde persoas crentes, pero tamén desde persoas non crentes. Xesús fala de oír e entender, é dicir, caer na conta da súa fonda importancia para as nosas vidas, descubrir a carga de ben que nos aporta, gozar xa coa súa experiencia.
Ante iso que nos chega de fóra e que pasa pola nosa cabeza, polo noso corazón podemos ser terra dura da veira do camiño, podemos ser terra pedrosa, podemos ser silveiral, podemos ser terra boa, acolledora, fértil. Un mundo de posibilidades diante de nós. Unha preciosa aventura diaria.
Oración
Polas veces que son terra dura,impermeable aos reclamos de vida que me rodean,perdón, Deus do pobo.Polas veces que son terra pedrosa,e coma un neno salto da ledicia á escapada,fuxindo das fidelidades necesarias,perdón, Deus da comunidade.Polas veces que son un silveiral,encerellado en afáns diversos,que acaban sempre en visións curtas, coidadoras do propio,perdón, Deus da xente débil.Polas veces que son terra boa,ben traballada e regada, chea de lenturapara a nacenza e crecemento de froitos bos,dos que todo o mundo poida gozar,grazas, meu Deus, por tanto ben e tanto regalo.
Acción
Podemos reparar nalgunhas sementes boas que nestes últimos días foron sementadas por alguén na nosa vida. Podemos pensar que nós tamén somos xente de semente. ¿Botamos algunha semente boa na nosa comunidade, no noso pobo? Se non o fixemos, aínda o podemos facer.
29 de xullo: Sábado da 16ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 24, 3-8. Salmo: 49, 1-2. 5-6. 14-15
Ano 2: 1º lectura: Xer 7, 1-11. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a. 11
Evanxeo: Mt 13, 24-30
Nunha ocasión Xesús contoulles outra parábola:
—Parécese o reino dos ceos a unha persoa que sementou boa semente na súa leira. Pero, mentres toda a xente durmía, un inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando a planta medrou e empezou a espigar, apareceu o xoio tamén. Os criados do dono fóronlle dicir: “Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?” El contestoulles: “Isto é obra dun inimigo”. Os criados preguntáronlle: “¿Queres que o vaiamos arrincar?” El respondeulles: “Non, non sexa que, ao collerdes o xoio, arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: “Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña hucha”.
Meditación
Calquera persoa o sabe de sobra. Hai mal e ben. Hai quen sementa o ben e hai quen sementa o mal. Hai quen goza co ben, hai quen parece gozar co mal. Persoas e grupos sociais, institucións públicas e privadas. Hai mal e ben polo mundo adiante e haino dentro de nós tamén. O mal anda moitas veces camuflado co ben, nas nosas mesmas intencións, nos nosos feitos. Cómpre ser humildes, cómpre estar alerta. Cómpre saber descubrir o mal que se agocha e se manifesta ao noso redor, pero tamén en nós mesmas. Sinalalo, non disimulalo. Entendelo como parte da nosa condición fráxil. Intentalo superar segundo os casos con paciencia, con resistencia, con intelixencia, con organización, con agarimo polas persoas que o producimos. E Deus dirá. A última palabra tena el, que aposta con forza pola bondade en todo, que coñece o íntimo das persoas, que garante un porvir novo, restituído, pleno de ben. Un soño no que nos invita participar. Con humildade, con ousadía. Ao estilo de Xesús.
Oración
Que non peche os ollos, meu Deus,que non peche os ollos nin tampouco o corazónante o mal que medra en mine que medra ao meu redor, no meu pobo.Mal que sempre se converteen vidas desnortadas, airadas,en vidas abusadas, empobrecidas,en vidas diminuídas, deshumanizadas.Que non me envolva o que máis dá, a indiferenza,que non me queime a impaciencia,que atine coa palabra axeitada,coa colaboración precisa,co tempero necesario,para ser un bo instrumento teuao servizo do benna miña propia vida persoal e familiar,en todo canto faga ou axude a facer.Necesito de ti, meu Deus,para ser un fiel colaborador de todo o teu ben.
Acción
Seguro que, abrindo os ollos, vemos o mal en nós, ao noso redor. Mal que pode ter diferentes autores, diferentes consecuencias. ¿Cal é a nosa reacción ante ese mal? ¿Murmurar, queixarnos, angustiarnos, desesperarnos? ¿Poderiamos facer algo distinto para acompañar a quen o sofre, e cambiar a quen o produce?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.