03 agosto, 2023

Tempo Ordinario: 18ª semana

  


6 de agosto: festa da Transfiguración do noso Señor

1ª lectura: Dan 7, 9-10. 13-14. Salmo 96, 1-2. 5-6. 9.
2ª lectura: 2Pe 1, 16-19.

Evanxeo: Mt 17, 1-9

Nunha ocasión colleu Xesús a Pedro, a Santiago ea Xoán seu irmán, e subiu con eles sos a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el.

Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús: Farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.

E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
—Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.

Ao escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús achegándose, tocounos e díxolles:
—Erguédevos, non teñades medo!

E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
—Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.

Meditación

Coincidindo co seu bautizo cando estaba con Xoán Bautista, Xesús tivo unha fondísima experiencia de sentirse fillo benquerido de Deus e irmán universal, ata o punto de entender a súa vida como un servizo a toda esa xente irmá. Esa maneira de vivir a vida tróuxolle moitas satisfaccións e non poucos traballos tamén. Necesitaba volver a aquel encontro con Deus, a aquela fonte de vida que o mantiña vivo e con empuxe. Facíao con frecuencia. Neste caso faino na compaña de tres dos seus amigos íntimos. Xesús revive a antiga experiencia do bautismo, e o rostro castigado pola tensión da vida recupera frescura e esplendor. Daba gusto velo. Contaxiaba paz, ilusión. Os discípulos séntense envoltos nesa atmosfera positiva: “que ben estamos aquí”. Aquilo era un soño! Aquilo era a gloria, ou un adianto dela! Comparten o convencemento de que Xesús era fillo benquerido de Deus, e séntense animados a facerlle caso, aínda que as propostas de Xesús lles soasen a duras e arriscadas. Foi unha xornada espléndida que os animou a todos a seguir co empeño solidario a fondo que traían entre mans.

Todas, todos nós necesitamos destes momentos intensos que nos axuden a recuperar a ilusión pola vida, a ilusión pola vida de parella, polo coidado e educación da crianza, polo traballo, pola participación comunitaria, pola responsabilidade política etc. Todas, todos necesitamos tempos de sosego, de silencio, nos que escoitar voces fondas que nos avivezan os amores primeiros, que nos recorden o mellor de nós mesmos, que nos aproximen ás nosas fontes vitais, que nos aproximen ao Deus que nos ama tamén como fillas e fillos únicos, que nos acheguen a esa conciencia fonda de sermos irmáns, irmás, e que nos animen a vivir como tales. Todos e cada un, cada unha de nós somos fillas e fillos únicos de Deus; todos, todas facemos a súa grande familia.

Oración
Que ben estamos aquí!
Gozando da túa presenza, Xesús,
véndote humildemente glorioso,
sabéndote amado a fondo por Deus,
adiviñándote decidido a levar ata o final a túa tarefa!
Que ben estamos aquí!
Sentíndonos enrolados contigo,
admirando a túa valentía,
agradecendo a túa consideración connosco!
Que ben estamos aquí!
fortalecéndonos contigo para os nosos compromisos,
descubríndonos collidas da man por ti,
para a tarefa solidaria á que nos temos apuntado!
Que ben estamos aquí!
Pero hai que saír á rúa,
seguir tecendo solidariedades,
a gusto ou a desgusto de quen manda,
ata a irmandade total!
Que ben estamos aquí, Xesús!
Acción

¿Hai momentos nos que pasamos por dúbidas e tensións respecto ao que consideramos correcto facer por sermos persoas cristiás? ¿Qué facemos neses casos? ¿Buscamos fortalecernos acudindo ás nosas fontes, á nosa Fonte?


7 de agosto: Luns da 18ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Núm 11, 4b-15. Salmo: 80, 12-13. 14-15. 16-17
Ano 2: 1ª lectura: Xer, 28, 1-17. Salmo: 118, 29. 43. 79. 80. 95. 102

Evanxeo: Mt 14, 22-36

Unha vez, cando a xente quedara farta co pan multiplicado, Xesús mandou aos seus discípulos que embarcasen axiña e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el só e alí colleuno a anoitecida. E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar. E os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse e dicían: “é unha pantasma”, e, cheos de medo, empezaron a berrar. Deseguida faloulles Xesús, dicindo:
—Tranquilos, non teñades medo, que son eu!

Respondeulle Pedro:
—Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti camiñando pola auga.

El díxolle:
—Ven!

Baixou Pedro da barca e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar.
—Señor, sálvame!

Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
—Home de pouca fe, ¿por qué dubidas?

E, ao subiren eles á barca, quedou o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el, dicindo:
—Realmente ti es Fillo de Deus.

Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret. Ao recoñecelo, a xente do lugar mandou aviso a toda a comarca. Leváronlle toda a xente enferma, rogáronlle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E todas as persoas que o tocaron, curaron.

Meditación

A Xesús compracíalle estar coa xente; a parte de aprenderlle cousas boas para a vida, a parte de mobilizar na xente as súas capacidades de fe para o cambio, a parte de prestarse a servir, a curar, … a parte dixo, tamén saudar, preguntar polas cousas da vida, pola familia, polo traballo, interesarse, despedirse, quedándose cos nomes e coas vidas que había detrás de cada nome. Que sorte termos un Xesús así! Porque tamén a nós nos tocou en sorte este Xesús para as nosas vidas fráxiles. Gozalo, logo; gozalo e, no posible, imitalo tamén.

E logo os medos de todas as noites, na barquiña da vida, cando os ventos e as augas arrean por todos os lados. ¿Quen de nós non ten medos? ¿A quen de nós non se nos encolle o ánimo, o corazón, ata parecernos que nos imos afundir co problema do fillo, coa incapacidade de atopar traballo, con tanto consumo que non enlouquece, con esa relación de parella que non acaba de ir, con eses políticos que parecen esquecer a sorte da xente débil, con ese desasosego persoal que non me deixa en paz nin de día nin de noite? Envexamos a quen camiña airoso no medio dos bandazos da vida; gustaríanos imitalo, pero fáltanos nervio, paixón, confianza, fe. Xesús tamén está aí. Que sorte telo aí tamén.

Oración
Ti estás, Xesús, ti estás,
aínda que eu non che faga caso;
aínda que eu non me pare contigo,
para falarche dos meus gozos, das miñas sombras,
dos meus medos.
Que refinado é o medo, Xesús,
que refinado e como me roe por dentro!
Aparento comer o mundo,
e moitas veces así o fago coa palabra sempre fácil,
pero que axiña recúo
cando lle hai que dar cara ás cousas,
careándome comigo mesmo
e coas persoas que están detrás delas!
Cómpreme fe, Xesús,
fe en min, na xente,
na comunidade, no pobo,
fe en Deus, fe en ti.
“¿Por qué dubidas?”
Ai, Señor,
que onda ti se fortaleza a miña fe!
Acción

¿Temos experiencia de deber afrontar algo persoal, familiar ou comunitario, e, por medo, deixalo pasar, xustificando os medos con calquera escusa? ¿Estamos aínda a tempo de retomar algunha desas situacións?


8 de agosto: Martes da 18ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Núm 12, 1-13. Salmo: 50, 3-4. 5-6a. 6bc-7. 12-13
Ano 2: 1ª lectura: Xer 30, 1-2. 13-15. 18-22. Salmo: 101. 16-18. 19-21. 29 e 22-23

Evanxeo: Mt 15, 1-2. 10-14

Unha vez achegouse a Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e preguntáronlle:
—¿Por qué os teus discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as mans antes de comer?

E Xesús, convocando o xentío, díxolles:

Escoitade e procurade entender: Non é o que entra pola boca o que mancha o ser humano; o que sae pola boca, iso si que mancha ao ser humano.

E os discípulos achegáronselle para dicirlle:
—¿Ti sabes que os fariseos se escandalizaron ao escoitaren a túa palabra?

El contestoulles:
—Toda planta que non plantase meu Pai celestial arrincarase de raíz. Deixádeos, son cegos e guías de cegos; e, se un cego guía a outro cego, ámbolos dous caerán na cova.

Meditación

Foron moitas os momentos nos que as prácticas relixiosas e sociais de Xesús chocaron coas dos líderes relixiosos do seu tempo. Non estaba en xogo lavarse as mans antes de comer por hixiene; os letrados e fariseos non se anoxaban por cuestión da hixiene. Anoxábanse porque entendían que cumprir con ese rito era o que sen máis garantía o encontro e amizade do Deus vivo. E Xesús, vendo iso, vendo que se quedaban en normas superficiais para valorar o achegamento ou non a Deus, protesta e anuncia que o achegamento a Deus, a fidelidade a el, mídese por criterios máis serios, que teñen que ver coa bondade ou a maldade que saen do corazón da xente e que se traducen en feitos bos ou en feitos malos. Non entender algo tan simple é ser cegos, e mal van as cousas se un cego guía a outro cego.

Con todo e seren cousas tan evidentes, non podemos quedarnos con que nós xa non temos ese problema, que a nós non nos pasan esas cousas. A tentación de querer intimar con Deus a partir do cumprimento de certas normas, ritos, prácticas relixiosas externas é unha tentación que parece que vai con todos os seres humanos, de onte e de hoxe. Tentación na que podemos caer, se non estamos alerta.

Oración
Pódome enganarme e min mesmo, meu Deus querido,
pero a ti non te engano.
Podo enganar a xente
coa miña aparencia de cumplidor/a,
pero a ti non te engano.
Podo multiplicar ritos e ritos,
intentando meterte no meu peto
e terte sempre ao meu dispor,
pero ti non de deixas.
Pódome encher de aparencias,
pero a ti non che vale,
porque tes ollos limpos, penetrantes
que esculcan os corazóns, as intencións.
Que a túa luz, Deus querido, me ilumine,
me quite as cegueiras
e me poña no camiño da verdade e da transparencia.
Acción

Pode ser que esteamos baseando a nosa fidelidade relixiosa cristiá no cumprimento baleiro dalgúns ritos, dalgúns sacramentos incluso, pero que no noso corazón, o noso interior, esteamos almacenando ruindades. Revisámonos nisto.


9 de agosto: Festa de Santa Tareixa Benedicta da Cruz (Edith Stein) co-patroa de Europa

1ª lectura: Os 2, 16b. 17b. 21-22. Salmo: 44, 10. 11-12. 16

Evanxeo: Mt 25, 1-13

Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran parvas e cinco, asisadas. As parvas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as parvas dixéronlles ás asisadas: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as asisadas: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.

Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.

Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

Meditación

Edith Stein (santa Tareixa Benedicta da Cruz) foi declarada co-patroa de Europa polo papa Xoán Paulo II no ano 1999 xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Bríxida. Edith Stein (1891-1942) foi unha persoa extraordinaria: muller xudía, filósofa, mística, converteuse ao cristianismo despois dun proceso intenso de recuperación da fe que abandonara na primeira mocidade. Fíxose carmelita e da cela do Carmelo Echt en Holanda, a onde fuxira como refuxiada desde Carmelo de Colonia, foi arrebatada polas SS nazis para ser gaseada no campo de exterminio de Auschwitz. Sucedeu o 9 de agosto do 1942.

Compartimos un pequeno texto testemuñal dos tempos nos que Edith Stein se reencontra coa experiencia relixiosa:
“Hai un estado de descanso en Deus, de suspensión total de toda actividade intelectual, no que non se fan plans de ningún tipo, non se sacan conclusións, senón que se abandona todo o porvir á vontade de Deus, entrégase totalmente ao destino. A este estado accedín en parte, despois de que un acontecemento que supera as miñas forzas consumiu por completo as miñas enerxías vitais e me privou de toda actividade. Este descansar en Deus é, con respecto á negación da actividade por carecer de enerxía vital, algo totalmente novo e singular. Aquilo era calma morta. No seu canto, aparece agora o sentimento de estar protexida… e na medida que me entrego a ese sentimento, comeza a encherme cada vez máis unha nova vida… Esta corrente vivificadora aparece como emanación dunha actividade que non é miña.”
Desde logo Edith Stein foi unha das mociñas asisadas que sempre estivo esperta e abastecida para o encontro co Deus da vida.

Oración
Quixera ter
o corpo, a alma sempre en vilo
cara a ti, meu Deus,
coma Edith Stein.
Quixera abrir
todo o meu ser, sen reserva algunha,
á túa presenza viva,
ao teu envolvente amor,
coma Edith Stein.
Quixera dobregarme
ante todo gozo e dor
con intelixencia e paixón
coma Edith Stein.
Quixera andar
co rostro erguido, co corazón aceso
ante a dor, ante a morte inxusta
coma Edith Stein.
Quixera encher
os enormes ocos da miña existencia
cun montón de nomes fráxiles,
co teu propio nome, meu Deus,
coma Edith Stein.
Pero son o que son, meu Deus,
son o que son
ante ti.
Acción

Igual non nos resulta difícil ler algunha pequena biografía de Edith Stein. Hai unha moi breve na colección SINERGIA de Inés Riego. Seguro que nos axudará a coller toda a vida con máis corpo nestes tempos brandos nos que nos toca vivir.


10 de agosto: Festa de San Lourenzo

1ª lectura: 2 Cor 9, 6-10. Salmo: 111, 1-2. 5-6. 7-8. 9

Evanxeo: Xn 12, 24-26

Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:

—Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará froito abondoso. Quen se ama a si mesmo pérdese; mais quen se aborrece a si mesmo neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estea eu, estará tamén a persoa que me sirva; e o Pai honrará a quen me sirva.

Meditación

¿Cómo se vai aborrecer unha persoa a si mesmo? ¿Non dicimos que é san e bo ter unha boa autoestima? Non o nega Xesús. Xesús fálanos do erro enorme de poñernos nós, a nosa vida, a nosa realización, o noso coidado como centro de todo, ao redor do cal teña que virar toda a nosa existencia e a de quen viva ao redor noso. A proposta de Xesús para a vida é sempre un construírnos, un mirar por nós, pero desde o servizo, desde o desfacerse, desde o baleirarse no coidado e atención á demais xente; só así, curiosamente, unha vida se vai sentindo chea, ben construída, feliz. Esta foi a súa experiencia que nos ofrece como camiño de vida.

Lourenzo, diácono da igrexa de Roma no século III, compartiu ese sentir de Xesús. Era o encargado de atender as necesidades da xente pobre, enferma, marxinal: realizouse felizmente como persoa atendendo a esas persoas, que eran os verdadeiros tesouros da Igrexa, como lle contestou a quen lle esixía eses tesouros. Matárono por iso, queimándoo vivo nunha grella. Morreu servindo, facéndose gran que cae en terra para dar froito.

Oración
Xesús,
contigo, con Lourenzo,
quero ser gran de trigo,
caído en terra, desfeito,
para dar froito.
Contigo, Xesús,
con Lourenzo,
quero aprender esa exquisita lección de vida
que fala de esquecerse,
de poñerse en segunda fila,
de facerse servidora de quen de min precise,
e así, misteriosamente,
ir enchendo a miña vida
de nomes e de vidas,
que dan a felicidade.
Cada día,
no pequeno e no grande,
contigo, Xesús, con Lourenzo,
servidor, servidora.
Acción

É ben difícil de librarnos da ansia de poñernos en primeira fila. Podiamos pensar nalgunha cousa concreta na que podemos esquecernos algo de nós atendendo a outras persoas. A base de cousas así poderemos ir cambiando.


11 de agosto: Venres da 18ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dt 4, 32-40. Salmo: 76, 12-13. 14-15. 16 e 21
Ano 2: 1ª lectura: Na 2, 1. 3; 3, 1-3. 6-7. Salmo: Dt 32, 35cd-36ab. 39abcd. 41

Evanxeo: Mt 16, 24-28

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa, pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿qué pode dar un home ou muller para recobrar a súa vida? Porque o Fillo do home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme a súa conduta. Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen veren antes o Fillo do home vir no seu reino.

Meditación

Unha vez máis temos que dicir que as palabras de Xesús nunca son palabras ameazantes, aínda que teñan certa aparencia diso. A vida é o máis fermoso que temos. Vivir a vida é a empresa maior de todo ser humano. Xesús veu para que teñamos vida e que a nosa vida sexa redonda, completa. Xesús, experto en vida e na maneira de vivila ben, alértanos da trampa na que podemos caer: querendo vivir a vida, perdela; e, curiosamente, perdéndoa, podela atopar de verdade. E el ofrécesenos como guía e forza nesta aventura simple e marabillosa de vivir a vida; atopa a vida quen a vive con instinto comunitario, quen pensa e actúa en común, quen fai da solidariedade e do servizo a forma diaria de vivir. O clima social que estamos vivindo como consecuencia do Covid-19 confírmanos que este é o camiño para cada persoa, para o conxunto da sociedade. As persoas cristiás estamos chamadas a ser testemuñas desta maneira de poñer a salvo a vida.

Oración
Grazas pola vida, meu Deus querido.
Con Xesús, grazas pola vida.
Que marabillosamente boa é a vida!
Que marabillosamente bo é
vivir a vida,
gozar a vida,
compartir a vida,
dar a vida,
celebrar a vida,
hora a hora,
día a día!
Collémosche a man, Xesús,
para facer o camiño contigo,
atinar coas maneiras,
sortear obstáculos
e chegar á meta da vida
coa vida íntegra nas mans.
Acción

Vivimos hoxe a vida con consciencia, con agradecemento. Cada pequeno detalle, gozoso ou custoso. Especialmente cando temos que dar vida para ter vida. Celebrámolo logo á noite.


12 de agosto: Sábado da 18ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dt 6, 4-13. Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
Ano 2: 1ª lectura: Hab 1, 12—2,4. Salmo: 9, 8-9. 10-11. 12-13

Evanxeo: Mt 17, 14-20

Nunha ocasión achegouse a Xesús un home que de xeonllos lle suplicou:
—Señor, ten compaixón de meu fillo, porque é lunático e sofre moito; xa ten caído no lume e na auga. Presentéillelo aos teus discípulos e non o deron curado.

Respondeu Xesús:
—Xeración incrédula e perversa! ¿Ata cando vos terei que soportar? Traédemo aquí!

Entón Xesús increpou o demoño e saíu del. E dende aquela hora ficou curado o rapaz. Entón achegáronselle os discípulos e preguntáronlle en privado:
—¿Por qué non o demos botado nós?

El respondeulles:
—Pola vosa pouca fe. E asegúrovos que, se tivésedes fe sequera coma un gran de mostaza, diriádeslle a este monte: “fai de aquí para alá”, e o monte había ir; e nada sería imposible para vós.

Meditación

Xesús tiña xenio e cabreábase. Doíalle moito, cabreábase sobre todo cando vía que a xente non se abría coa fe ao don de Deus, e non convertía o poderío enorme da fe confiada nunha forza de vida a favor de quen vida necesitase. Neste caso aquel pai anónimo, cun fillo lunático, tamén anónimo, pero presa dunha enorme desgraza. Botoulles en cara aos seus discípulos a súa pouca fe. E ¿qué nos diría a nós? Seguro que merecemos cando menos unha corrección semellante. Que pouca fe tedes! E chama a atención a transcendencia que para Xesús tiña o feito de ter fe: nada sería imposible para vós! Como que hai por aí unhas enerxías espirituais potentes, enraizadas no mesmo Espírito de Deus, que nos permitirían acadar unha chea enorme de cousas ás que sen fe nunca chegariamos. E non é maxia. É simplemente a forza de Deus na nosa vida.

Oración
Cantas cousas deixamos de emprender
por non ter fe!
Cantas outras se nos van diluíndo nas mans
por non ter fe!
Cantos proxectos de solidariedade morren
por non ter fe.
Cantos procesos persoais quedan en nada
por non ter fe.
Canta renovación das nosas comunidades está á espera
por non ter fe!
Canta inxustiza come o mundo
por non ter fe!
Cantos soños de Deus para a nosa vida están parados
por non ter fe!
Fe nas nosas capacidades,
fe no noso instinto humanitario persoal e colectivo,
fe en Deus que o inseriu nas nosas entrañas!
Acción

¿Temos ante nós algunha cousa que nos gustaría facer ou acadar, e ante o cal nos encollemos? ¿Fáltanos fe, confianza, disposición, vontade? Traballemos, logo, a fe. Co compartir o tema, coa oración, coa reflexión, coa práctica da mesma.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.