10 agosto, 2023

Tempo Ordinario: 19ª semana



13 de agosto: Domingo 19 do tempo ordinario

1ª lectura: 1Re 19, 9a. 11-13a. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14.
2ª lectura:Rom 9, 1-5.

Evanxeo: Mt 14, 22-33

Despois de que a multitude comera a fartar, de seguida mandou Xesús aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda do mar, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.

E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar. Cando os discípulos o viron camiñar polo mar, dicían asustados:
—É unha pantasma.

E, cheos de medo, empezaron a berrar.

Deseguida faloulles Xesús dicindo:
—“Tranquilo, que son eu. Non teñades medo.”.

Respondeulle Pedro:
—“Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.”

El díxolle:
—“Ven.”

Baixou Pedro da barca e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo e, cando empezou a afundirse, púxose a berrar:

—“Señor, sálvame!”

Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
—“Home de pouca fe, por que dubidaches?

Ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el dicindo:
—“Realmente ti es Fillo de Deus.”

Meditación

Coñezo e trato a unha persoa que está pasando por un moi mal momento. Sufriu un ictus xa hai meses e estase debatendo entre a esperanza de ver que o seu corpo poida retomar as funcións vitais básicas con algo de normalidade e a amargura de comprobar o pouco que cada día avanza a pesar dos seus moitos esforzos. É persoa crente. Non culpou de ningunha maneira a Deus da desgraza padecida, máis ben considérao un aliado da súa loita por recuperarse. Coñezo persoas novas, ben formadas, que levan anos agardando a hora feliz en que alguén dos moitos que recibiron os seus curriculums as poida chamar para algún traballiño. Están amargadas, desesperadas. E, coa crise ou sen a crise, a lista de homes e mulleres en situacións semellantes é enorme, todos a coñecemos ben, todas podiamos poñer enriba da mesa dos recordos nomes e nomes próximos e arredados. E que dicir de persoas e aínda pobos enteiros, coma o palestino, ou certas comunidades cristiás centroafricanas, que día a día se debaten ante a simple posibilidade de chegar a mañá, de vivir simplemente?

Quizabes ningún, ningunha de nós nos movamos en situacións tan extremas. Ou si, porque as razóns para andar en esperanza ou en desesperanza son múltiples: cousas da vida, cousas dos amores, cousas da parella, cousas dos fillos e fillas, cousas dos estudos, do traballo, da enfermidade, da morte; cousas da política, da relixión, cousas da parroquia, do cura, da comunidade cristiá; cousas de ter onde e de que vivir, de ter onde traballar; cousas de sentirte querida, integrada, valorada,... O evanxeo de hoxe proclama unha palabra e unha presenza de Xesús, de Deus, especialmente destinada a esas persoas que están, que estamos, na corda frouxa da esperanza-desesperanza, do medo e da anguria, da vida e da morte. Se estamos envoltos/as nalgunha situación de desespero, Deus, Xesús, ofrécese para estar ao noso lado para nos dar respiro, como só Deus sabe facelo. Se nos sentimos ben, vivos, serenas/os, con esperanza, Deus, Xesús, invítanos a sumarnos a el na tarefa preciosa de achegarnos a quen ande anubrado para lle axudar a erguer os ánimos, recuperar a fe, o alento e poder buscar e vivir a vida con esperanza, con ilusión. Aceptamos esta dobre proposta de Xesús? Aceptamos e agradecemos as persoas que están ou queren estar ao noso lado para agasallarnos co seu afecto e atencións?

O evanxeo de hoxe preséntasenos a Xesús coma o novo Moisés que mete no seu pobo forzas de vida e de liberdade; ten unha enorme intensidade desde o primeiro momento en que Xesús despide a xente e se retira a orar no monte, ata o momento final no que, despois de liberar a Pedro de fundirse nas augas, os discípulos se prostran ante el e proclaman: “Realmente ti es fillo de Deus”. Este evanxeo máis ca un relato histórico é unha parábola vital, na que estamos incluídos todos e cada un, cada unha de nós. É moi instrutivo ver como Xesús se manifesta como Fillo de Deus, como Xesús realiza esa condición súa de ser fillo de Deus. Empeza por atender a xente, que era multitude: fálalle, mobiliza as cousas para que teñen alimento, párase con ela, despídea..., a xente, o pobo, sempre nas ansias de Xesús. Logo retírase a orar, só, con Deus, no apartado, no monte. De que falaría Xesús con Deus? Como lle abriría o seu corazón? Como lle presentaría a tarefa que levaba a cabo cada día, o seu especial interese pola xente máis apesarada pola vida? Como se enchería de Deus e do seu vigor para volver coas pilas cargadas a tope outra vez alí onde a xente goza, sufre e loita? Non nos dá algo de envexa?

O certo é que Xesús baixa do monte despois da oración e se enfronta á tempestade. As augas, o mar bravo, os ventos son un símbolo dos traballos da vida que, uns máis ca outros/as, todos padecemos, como dixemos máis arriba. Pois aí volve Xesús. Con moita forza, con moito vigor, cheo de fe, de paixón pola xente; cheo de esperanza e desexando compartir todo canto é e canto ten con quen o precise. Xesús coa súa presenza, coa súa palabra, coa súa maneira de vivir incita á esperanza, sobre todo a aquelas persoas que están máis ao borde do precipicio. E nesa capacidade enorme que el tiña de sustentar o que case estaba afogando, o pequeno, o que non conta, o oprimido polo mal e por quen manexa os seus fíos, nesa capacidade móstrase fillo de Deus. Nesa capacidade enorme súa de calmar, serenar, situar as persoas en zonas de paz, de dignidade e de xustiza, é onde el é e se manifesta fillo de Deus, coma nunca ninguén o fixo nin o fará. Temos experimentado así algunha vez a Xesús no medio de nós, na nosa vida, na nosa comunidade, na nosa experiencia persoal? Ou simplemente confesarmos que Xesús é fillo de Deus como de memoria, de carretilla, sen ter pasado polo doce pracer de o sentir recollendo e amparando as nosas vidas, e devolvéndonos a capacidade de crer, de amar, de esperar?

Se queremos andar polos camiños de Xesús, se queremos ser homes e mulleres empeñadas no seu seguimento, Xesús amósanos o camiño. Para unha persoa cristiá crer, proclamar que Xesús é o fillo de Deus, quedaría en nada se non nos dispoñemos a seguir os seus pasos, por outra banda tan sinxelos: andar no medio do pobo, ser pobo co pobo para poder vibrar cos seus medos, ilusións, fracasos, esperanzas; afacernos a intimar con Deus, en comunidade, en soidade, para enchernos del, do seu vigor, do seu Espírito; volver onda o pobo, dándolle preferencia ás persoas que o estean pasando máis peor, para simplemente dar gratuitamente o que gratuitamente nos foi dado: ese anaquiño de fe, de esperanza, de amor, de loita, de rebeldía, de paz, que nos permita gozar da vida e da dita de compartila.

A Eucaristía introdúcenos a fondo na vida, no corazón, na experiencia de Xesús, no seu Corpo e no seu Sangue que a representan sacramentalmente. Con el ben ao noso lado, todo é posible, todo pode cambiar.

Preces

TRANQUILOS, TRANQUILAS, QUE SON EU,
NON TEÑADES MEDO.

Que as persoas enfermas, fundidas, deprimidas sintan a túa presenza, a túa paz, a túa forza, que as axude a saír das súas amarguras. Oremos.

Que todos, todas nós gocemos da túa presenza alentadora e saibamos aportar paz e alento ás persoas que o precisan e están ao redor noso. Oremos.

Que o pobo palestino que está ao límite da súa existencia, e calquera pobo ou persoa que se atope en situacións similares poida liberarse dos seus opresores e gozar dunha vida tranquila, en paz. Oremos.

Que na Igrexa, onde hai tamén moitas turbulencias, nos sintamos alentados por ti para construír e gozar de comunidades cristiás fraternas, ilusionadas polo teu estilo de vida. Oremos.

Que o mundo rural galego, tan desalentado por tantos motivos, encontre en nós persoas de apoio e de defensa. Oremos.

Oración
Quero aprender de ti, Xesús,
o xeito de rezar.
só,
só ou acompañado;
no monte,
no monte, na casa ou na rúa.
O caso é que ti me aprendas,
para romper dunha vez por todas
con este meu andar roldando a túa porta,
a porta do teu Deus,
sen ousar entrar a corpo enteiro,
coma un amigo entra por fin na casa dun amigo.

Quero sentirme acompañado/a por ti
nas miñas soidades,
nas miñas frustracións, nos meus pecados,
nos meus medos, nos meus espantos,
nas miña abundancias tamén,
nas horas gordas de ledicia e esperanza.

Quero sentirme acompañado por ti,
gozosamente, agradecidamente,
e aprender así a estar coa xente,
coas súas soidades, cos seus medos,
cos seus gozos e sombras,
estendendo sempre a man,
implicando o corazón,
todo o que son, todo o que teño,
para que floreza a paz e a dignidade,
e Deus se faga ben vivo e real no medio de nós.

Quero sentirme acompañado por ti.
Saberei deixarme eu acompañar?
Terei fe
para poñerme nos teus brazos,
e abrir os meus a quen deles precise?
Terei fe abonda?

Daquela,
xa sabes, Señor,
éncheme dela,
para poder servir, para poder loitar,
para poder amar,
para poder vivir.
Acción

Hoxe, estes días, podemos facer con Xesús a experiencia de dedicar un tempo especial para facer oración. E despois, tamén como Xesús, dedicar un tempo especial para achegarnos a algunha persoa que o estea pasando mal por calquera razón. A ver se, sen ningún tipo de chulería, somos capaces de levar ánimos e esperanzas.


14 de agosto: Luns da 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dt 10, 12-22. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20
Ano 2: 1ª lectura: Ez 1, 2-5. 24-28c. Salmo: 148, 1-2. 11-12ab. 12c-14a. 14bcd

Evanxeo: Mt 17, 22-27

Nunha ocasión, andando por Galilea Xesús cos seus discípulos, díxolles Xesús:
—Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán, pero ao terceiro día resucitará.

Eles ficaron moi tristes.

Cando chegaron a Cafarnaúm, achegáronse a Pedro os cobradores da contribución do templo e preguntáronlle:
—¿O voso mestre non paga a contribución?

El respondeulles:
—Si que a paga.

E, cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle:
—¿Qué che parece, Simón? Os reis da terra, ¿a quen cobran as taxas e contribucións, aos fillos ou á xente allea?

Ao responder Pedro que á xente allea, Xesús concluíu:
—Polo tanto, os fillos están exentos. Sen embargo, para non ser ocasión de escándalo, vai ao mar, bota o anzol, pilla o primeiro peixe que pique e ábrelle a boca; alí atoparás unha moeda. Cóllea e entrégaa por min e máis por ti.

Meditación

Con maneiras propias, en parte, dos evanxeos apócrifos, tan dados á fabulación, o evanxelista posiblemente aborda un problema co que se atoparon as primeiras comunidades cristiás que aínda non romperan coas prácticas relixiosas do xudaísmo: ¿deberían pagar ou non o tributo destinado ao coidado do templo? Por seren fillos de Deus e non xente allea, entendían que non tiñan por que pagar; pero pagarían por non montar un escándalo.

Nós hoxe, por sermos fillos e fillas de Deus, e nunca xente allea a el, por considerar a toda a cidadanía xente irmá, sexan ou non sexan crentes, entendemos que debemos pagar os distintos impostos que na nosa sociedade democratizada se estipulen, porque é unha maneira de facer algo de reparto de bens e de que a xente máis pobre poida gozar dos servizos básicos para unha vida digna. E indignámonos contra as formas de goberno que toleran que a xente máis poderosa evada pagar impostos, que se toleren paraísos fiscais, etc. Sentirnos fillos e fillas de Deus, sentirnos irmáns e irmás dálle unha forza a maiores a esa obriga democrática de socializar algo polo menos os nosos bens.

Oración
Así nos fala Xesús:
Deixemos, irmáns, irmás,
que o evanxeo se cole en todos os nosos comportamentos.
Sexamos responsables e xust@s
á hora de gañar o noso diñeiro.
Sexamos persoas honradas e solidarias
á hora de pagar os nosos impostos.
Non nos neguemos nin trampeemos,
paguemos,
e esixamos que todo o mundo pague,
máis, loxicamente, canto máis rico cada un sexa.
Está en xogo
a vida digna de moita xente,
Está en xogo
o cerne mesmo da nosa experiencia relixiosa,
pois tal como nos solidaricemos co irmán ou irmá pobre,
así de feito nos solidarizamos con Deus,
así o respectamos e servimos.
Acción

Podemos revisar como nos comportamos con iso de pagar impostos, de pagar ou non en negro, de darlle ou non importancia aos comportamentos cidadáns e de políticos que se corrompen evadindo impostos. ¿Somos legais en todo? ¿Loitamos por sistemas máis xustos de pagar impostos?


15 de agosto: Solemnidade da Asunción de Santa María

1ª lectura: Ap 11, 19a; 12, 1-6a. 19ab. Salmo: 44, 10. 11-12. 16
2ª lectura: 1 Cor 15, 20-27a

Evanxeo: Lc 1, 39-56

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E, en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois, ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, a criatura brincou de alegría no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Entón María exclamou:
—A miña alma proclama a grandeza do Señor, e o meu espírito alégrase en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña. Velaí, dende agora todas as xeracións me van felicitar. O Poderoso fixo en min marabillas! O seu nome é santo, a súa misericordia chega xeración tras xeración a toda a xente que o respecta.

Manifesta o poder do seu brazo desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do seu trono os poderosos e fai subir a xente humilde; enche de bens os famentos e despide baleiros os ricos.

Ampara a Israel, o seu servidor, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera a nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.

María permaneceu con ela tres meses e logo volveu para a súa casa.

Meditación

Hoxe celebramos a asunción, o empoderamento dunha muller, dunha muller de aldea, dunha muller humilde, que non pertencía para nada ao mundo do poder e que mesmo era vítima dese mundo. A grandeza de María é a grandeza de quen na súa pouca cousa se fía absolutamente de Deus e deixa que a súa vida sexa unha vida totalmente plena de Deus, dos regalos de Deus, das grazas de Deus. E de María naceron marabillas, a primeira delas a marabilla do seu fillo Xesús, que tanto, tanto lle agradecemos.

Aparece María visitando a súa parente Sabela e compartindo con Sabela a súa experiencia de persoa crente e dada a Deus. As dúas mulleres enténdense á perfección, porque as dúas andaban na mesma onda do Espírito. E xorde a ledicia, a felicitación, o canto. E descobren e honran a Deus que repara no humilde, que se sitúa na vida, na historia, do lado da xente pequena, que aborrece os poderes que esmagan a xente, e que aposta por facer digna e gloriosa a vida das persoas e dos pobos ignorados. Deus lembrándose sempre da súa misericordia! Deus cun corazón sen medida, que acolle a israelitas e non israelitas nunha mundial aperta fraterna!

María é o signo e mostra de toda esta marabilla. María, con Sabela, invítannos a entrar neste soño, a vivilo e a gozalo.

Oración
Bendicímoste, María,
por seres muller de aldea,
entre dores e pobrezas!
Bendicímoste, María,
muller a Deus sempre aberta,
na túa graza e fraqueza!
Bendicímoste, María,
por acolleres o Espírito,
autor da túas belezas!
Bendicímoste, María,
por concibir e criar
o fillo por excelencia!
Bendicímoste, María,
pola cantiga de gloria
a Deus na xente pequena!
Bendicímoste, María,
pola caricia de Deus
honrando a túa beleza!
Bendicímoste, María,
Santa María do pobo,
orgullo da nosa Terra.
Bendicímoste, María,
por compartires connosco
tanta graza e tanta festa!
Acción

Seguro que teremos oportunidade de participar hoxe dalgunha festa popular na honra de Santa María. Fagámolo co espírito de María: agradecendo e compartindo a graza que levamos dentro, participando nos gozos humildes, alentándonos a situarnos na vida do lado do pequeno, como Deus mesmo fai.


16 de agosto: Mércores da 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dt 34, 1-12. Salmo: 65, 1-3a. 5 e 8. 16-17
Ano 2: 1ª lectura: Ez 9, 1-7; 10, 18-22. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Mt 18, 15-20

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se teu irmán peca contra ti,vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti coma un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.

Meditación

Na vida, dentro e fóra da comunidade cristiá, atopámonos con persoas (entre as que nós tamén nos contamos) que fan cousas mal feitas, danándose a si mesmas e danando tamén a persoas que están ao seu redor. Temos o costume de reaccionar ante iso queixándonos, murmurando por detrás, criticando; pero poucas veces temos a ousadía cristiá de achegarnos a esa persoa e con toda mansedume dicirlle o que nos chocan e por que nos chocan algúns dos seus comportamentos. É dicir, poucas veces cumprimos co deber mutuo da corrección. Quizais porque nós mesmos, cando alguén nos corrixe, reaccionamos de malas maneiras. Se faltar, pecar é máis ou menos humano, tamén debería selo corrixir e aceptar a corrección. Para que isto funcione é imprescindible quererlle moito ás persoas concretas ás que queremos corrixir, e sentirnos moi queridos por quen nos corrixa.

Oración
Grazas, meu Deus,
pola comunidade familiar,
pola comunidade cristiá da que formo parte.
Grazas pola xente que, porque me quere,
me corrixe
e me permite medrar como persoa de ben.
Grazas
polas veces que me move o amor
para dicirlle a alguén
palabras de corrección e alento.
Grazas por forma parte dunha comunidade viva,
onde todos, todas, nos facemos cargo de todos,
con ganas de gañarnos mutuamente para o ben.
Grazas.
Acción

Seguro que estamos ante o caso de persoas ás que nos gustaría poderlle dicir algo, para corrixir, para alentar. Podemos buscar a maneira de facelo con moita humildade e mansedume, con moito agarimo. E así facilitar que outras persoas tamén nos poida corrixir a nós.


17 de agosto: Xoves da 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xos 3, 10a. 11. 13-17. Salmo: 113A, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Ez 12, 1-12. Salmo: 77, 56-57. 58-59. 61-62

Evanxeo: Mt 18, 21—19,1

Unha vez Pedro achegouse a Xesús e preguntoulle:
—Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?

Respondeulle Xesús:
—Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

Por iso o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. E, como non atiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el coa muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:
—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo!

O señor tivo compaixón daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
—Paga o que me debes.

Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:
—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
—Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo, ¿non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecera de ti?

E, todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

Así tamén fará convosco meu Pai celestial se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.

Cando Xesús terminou estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán.

Meditación

Levamos metido moi dentro un espírito xusticeiro: quen as fai débeas pagar e ben pagadas. Vémolo con frecuencia, cando nos enfrontamos con algunha persoa que fai algunha barbaridade. E aí nos quedamos normalmente. Sen pensar que somos grupo, que somos familia, que somos comunidade. O cal quere dicir que nos debemos uns a outros entre nós, homes e mulleres fráxiles case sempre. Debémonos para a culpa, porque é moi raro que unha persoa actúe con maldade, sen que esa maldade non dependa algo polo menos da influencia da comunidade. E debémonos tamén para o perdón, porque, se me sinto premida a perdoar o próximo, tamén o próximo se sente premido a perdoarme a min.

Non se trata de deixar de exercer a xustiza, senón de entender que, por riba da xustiza, acompañándoa coma un irmán maior, está o perdón, que é o que acaba poñendo as cousas definitivamente no seu sitio: no sitio da irmandade corresponsable, que sabe que o amor pecha máis e mellor as feridas do que a simple xustiza. Deus parece que é así, e a iso nos invita coa palabra e cos feitos de Xesús. Desde logo, non perdoar, sabéndonos perdoad@s, é o colmo da insolencia.

Oración
Bótolle unha ollada á miña vida,
ante ti, meu Deus, que todo o coñeces amorosamente,
e canto teño de que me arrepentir!
Como para non vivir
envolt@ en ansias de perdóns!
Como para non ter sempre a man
a graza do perdón a quen del precise!
Como para non entender as maiores animaladas
que calquera ser humano é capaz de facer!
Como para non andar pola vida con temor e tremor,
apegándome ao ben curador con toda humildade!
Como para non achegarme a ti, meu Deus,
fonte limpa de toda graza e misericordia!
Acción

¿Témoslle negado o perdón a algunha persoa nalgunha ocasión? ¿Poderíamos retomar o caso con esa persoa dunha maneira diferente? ¿Deixámonos levar polo espírito de condena contra algunha persoa ante casos que vemos na TV ou na prensa? ¿Poderiamos abrandar algo o noso corazón ao estilo de Deus?

NO ANIVERSARIO DO TEU FUSILAMENTO

(A Alexandre Bóveda, político e cristián manifesto, fusilado na Caeira, Pontevedra, o 17 de agosto do 1936)

Foi fusilado Alexandre
nun 17 traidor.

Alí onde balas selaron
drama amargo de exclusión.

Querían facer calar
o entusiasmo da paixón.

Terra e xente, pobo, Deus
Galicia no corazón.

E o corazón cara ao mundo,
ronsel de liberación.

Novo calvario, novo Cristo,
en bágoas de redención.

Onde a inocencia padece,
padece e salva o Señor.

Lumieira para ver
as cousas desde outra cor.

Vítima que amosa vítimas,
que inzan ao noso redor.

A historia co rito acedo
de quen abusa e trae dor.

Que mata e converte o sangue
en grans de sementador.

Na Caeira de Alexandre
alentos dun soñador.

18 de agosto: Venres da 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xos 24, 1-13. Salmo: 135, 1-3. 16-18. 21-22 e 24
Ano 2: 1ª! Lectura: Ez 16, 1-15. 60.63. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

Evanxeo: Mt 19, 3-12

Unha vez achegáronse a Xesús uns fariseos e preguntáronlle para poñelo a proba:
—¿Estalle permitido a un home repudiar a muller por un motivo calquera?

El respondeu:
—¿Seica non sabedes que o Creador dende o principio fixo o ser humano home e muller, e dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase á súa muller e serán os dous unha soa carne?” De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto o que Deus xuntou que non o separe a xente.

Preguntáronlle:
—¿E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiar a muller?

Xesús respondeu:
—Debido á dureza do voso corazón permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ao principio non era así. Asegúrovos que quen repudia a súa muller (agás no caso de que estean malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.

Entón dixéronlle os discípulos:
—Pois, se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.

El contestoulles:
—Non todo o mundo entende isto, senón aquelas persoas ás que se lles concedeu. Hai homes castrados que naceron así do ventre da súa nai; hainos, porque os fixeron os homes; e hainos, porque eles mesmos se fixeron tales polo reino dos ceos. Quen poida entender, que entenda.

Meditación

A pregunta que se lle fai a Xesús verte machismo por todos os lados. Trátase de se o home podería repudiar a muller por calquera motivo, que podía ser mesmo por non cociñar ben, por roncar de noite etc. Cando Xesús afirma a igualdade radical entre o home e a muller, e que a unión de ambos se configura en seren os dous unha soa carne indivisible, daquela os mesmos discípulos non dubidan en afirmar que, sendo así as cousas, casar non é choio ningún, dado que un non se pode relacionar coa propia muller desde o dominio interesado. Xesús está defendendo abertamente os dereitos da muller ante as pretensións totalitarias do home respecto dela.

Niso temos avanzado, pero non o necesario, como o demostran tantos casos desgraciados que imos coñecendo. A nós hoxe cústanos moito establecer unións firmes, de por vida; consentimos tanto coa propia fraxilidade, que se nos fai difícil manter unións estables, co conseguinte sufrimento para a propia parella e para a crianza habida. Deus non é indiferente á nosa fraqueza, pero ¿é para nós bo vivir sempre baixo a escusa da nosa fraqueza?

O celibato pode ter moitas caras e cores. Xesús foi un célibe contra corrente, para vincularse fondamente a Deus e ao soño dunha humanidade reconciliada. Moitos e moitas teñen seguido os seus pasos. Fermosas as súas vidas, fermosas tamén as de quen casa e ensaia os soños de Xesús na convivencia familiar diaria!

Oración
Bendita a bendita sexualidade!
Bendito quen nos creou como seres sexuados!
Bendito o pracer do sexo!
Bendita a fecundidade do sexo!
Benditos os home e mulleres que o viven!
Bendito o sexo consentido, respectuoso, amoroso!
Bendito o sexo non absolutista, integrado!
Bendito o sexo humilde, que non se cre rei e señor!
Bendito o sexo fráxil, mendicante!
Bendito o sexo que leva a unións consistentes!
Bendito o sexo recollido, reconducido en liberdade!
Bendito o sexo das persoas célibes, á espera de plenitudes propias e alleas.
Bendito Deus, presente en nós
cando facemos o amor e cando del libremente nos privamos!
Acción

¿Qué trato estamos tendo coas mulleres coas que convivimos, coas mulleres que, por calquera razón, van cruzando na nosa vida? ¿Temos comportamentos machistas con elas da forma que sexa? ¿Toleramos eses comportamentos, se somos mulleres? Seguro que homes e mulleres poderemos mellorar neste campo?


19 de agosto: Sábado do 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xos 24, 14-29. Salmo: 15, 12a e 5. 7-8. 11
Ano 2: 1ª lectura: Ez 18, 1-10. 13b. 30-32. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19

Evanxeo: Mt 19, 13-15

Nunha ocasión leváronlle a Xesús unhas criaturas para que lles impuxese as mans e rezase por elas. Pero os discípulos rifábanlles. Mais Xesús díxolles:
—Deixade que as criaturas se acheguen a min, non llelo privedes, porque delas é o reino dos ceos.

E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.

Meditación

O xesto de Xesús chamaba moito a atención, porque daquela as criaturas non eran nada consideradas, non contaban. Xesús repara niso, e opta, coma sempre, por valorar o que non é valorado, por poñer no centro o que a demais xente nos empeñamos en deixar de lado. Esa era e é a lei básica do seu proxecto de convivencia humana no nome de Deus: da xente cativa, con calquera clase de cativeza, é o reino dos ceos.

Hoxe, entre nós, temos nenos e nenas normalmente supermimadas, superabastecidas de todo tipo de trangalladas, o cal non quere dicir que por iso estean sempre ben queridas e atendidas na súa formación como persoas. E polo mundo adiante, en cambio, hai millóns de nenas e nenos sufrindo todo tipo de carencias, sometidos a todo tipo de explotación (sexo, guerras, órganos, migracións,…). Poñer as criaturas no centro segue sendo hoxe unha elemental e esixente tarefa, que vai máis aló dunha caricia ou dun chucho obrigado.

Oración
Impoñerlles as mans:
acariñar as criaturas.
Impoñerlles as mans:
respectalas na súa identidade e diferenza.
Impoñerlles as mans:
protexelas na súa inocencia.
Impoñerlles as mans:
coidar o seu corpo e o seu espírito.
Impoñerlles as mans:
implicándonos no seu presente, no seu futuro.
Impoñerlles as mans:
transmitirlles o mellor que levamos dentro.
Impoñerlles as mans:
abríndoas ao comunitario.
Impoñerlles as mans:
lembrando nelas as nosas fraxilidades.
Impoñerlles as mans:
compartindo con elas a grande aperta de Deus..
Acción

¿Cómo nos estamos relacionando cos nenos e nenas da nosa familia, da nosa comunidade? ¿Qué facemos pensando neses millóns de nenas e nenos que viven en situacións tan inhumanas? Como persoas e como comunidade cristiá igual podiamos mellorar a nosa maneira de interesarnos por eles e de tratalos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.