23 agosto, 2023

Tempo Ordinario: 21ª semana



27 de agosto: Domingo 21 do tempo ordinario

1ª lectura: Is 22, 19-23. Salmo: 137, 1-2a.2bc-3, 6 e 8bc
2ª lectura: Rom 11, 33-36

Evanxeo Mt 16, 13-20

Unha vez chegou Xesús ´comarca de Cesarea de Filipo e facíalles esta pregunta aos seus discípulos:
—“Quen di a xente que é o Fillo do Home?”

Eles responderon:
—“Uns din que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.”

El insistiu:
—“E vós, quen dicides que son eu?”

Respondeu Simón Pedro:
—“Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo.”

E Xesús contestoulle:
—“Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos. E eu dígoche: Ti es Pedro e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino dos Ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra ficará desatado nos ceos.”

E mandoulles aos discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.

Meditación

Se collésemos hoxe un micro e nos fósemos á rúa para preguntarlle á xente que pensa de Xesús, que nos contestaría? Moi posiblemente as súas respostas demostrasen un descoñecemento enorme da vida e da persoa de Xesús. Catro datos anecdóticos da súa existencia (o portal de Belén, que facía milagres, a morte na cruz...), pero seguramente –oxalá nos equivocásemos— moi pouco ou nada do máis importante da súa figura, do seu ideario persoal e social, do seu significado para as comunidades cristiás, para a sociedade en xeral. Ante moitísima xente a figura de Xesús quedou e segue quedando eclipsada pola figura da Igrexa e das persoas que máis ou menos a representamos. Se somos xente decente, coherente, humana, solidaria, recibiremos mil chufas; se, en cambio, somos xente enganosa, de moito rezo pero pouca humanidade, pouco sensible aos problemas diarios das persoas que nos rodean, recibiremos o máis grande dos desprezos. Que pena que Xesús, e todo o de Xesús, sexa tan pouco coñecido! E algo será polo desinterese da xente, pero moito éo tamén polo pouco e mal que o transmitimos, coa palabra e coa vida, as persoas que nos dicimos cristiás e que dicimos empeñar as nosas vidas no seguimento de Xesús.

É importante para nós saber que pensa a xente de Xesús, porque iso nos pode dicir moito do que nós mesmos vivimos e transmitimos, do que nós contaxiamos de Xesús. Pero é moito máis importante ver que é o que pensamos, vivimos nós de Xesús. E, para iso, podemos acoller como feita a cada un, cada unha de nós, a pregunta que Xesús lles fixo ás persoas que o seguían: Quen dicides vós que son eu? Ou, se queremos, como a Xesús as respostas teóricas, baleiras de vida, non lle interesarían nada, podemos converter a pregunta en algo máis directo e persoal aínda: Quen son eu para ti? Falaremos de Xesús segundo o que realmente Xesús sexa para nós. Así que parémonos un pouco e acollamos a pregunta de Xesús: Quen son eu para ti? Quen estou sendo agora mesmo para ti? Que presenza teño na túa vida?

Seguro que hai persoas significativas na túa vida, seguro: o teu home ou muller, os teus fillos ou fillas, aquel amigo, aquela amiga, a persoa da que empezas a estar namorada,... Que lugar ocupo eu, Xesús, na túa vida ao lado desoutras presenzas importantes para ti? Calquera desas persoas mencionadas seguro que che aportan algo: compaña, paz, acollida, alento, enerxía, refuxio, valoración, esperanza, sentido, ... Que che aporto eu? Serías capaz de concretalo nalgunha palabra, nalgún sentimento, en algo? Se che custa moito facelo, igual é que significo pouco ou nada para ti, igual é que todo isto da fe cristiá que estás vivindo, á hora da verdade, é algo baleiro, cheo de certos ritos, prácticas e obrigas relixiosas, e máis nada. Pero non te asustes. Se as cousas son así, pois son así. Pode ser o punto de partida para que te propoñas coñecer algo máis de Xesús, por fóra e por dentro, do que foi a súa vida, e do que pode significar para ti.

Pedro respondeu a pregunta con esta afirmación: “Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”. Un Deus vivo é o que representa e testemuña Xesús. Un Deus vivo é alguén que vive comigo, alguén co que eu vivo, alguén que está na miña vida, que conta na miña vida, que significa algo na miña vida. A Deus non lle importa a relixión baleira, espida da súa presenza. Impórtalle a relixión que consista en axudarnos a descubrir e a gozar a súa presenza viva e enredarnos nela, para sermos nós tamén presenza viva na vida das persoas que nos rodean, da sociedade da que formamos parte. Deus non quere ser un hóspede inútil nas nosas existencias. E menos aínda un personaxe arredado, amigo de inspeccionar e sancionar. Deus non quere ser un “augafestas”. Deus quere andar metido no medio e medio das nosas vidas, ofrecendo a diario o seu Espírito, ofrecendo a diario a ensinanza e a vida de Xesús, para que sexamos capaces de facernos ben como persoas, como comunidade, como sociedade. Deus, Xesús, o seu Espírito, é algo vivo dentro de nós?

Xesús contéstalle a Pedro que sobre esa pedra vai edificar el a súa comunidade cristiá, a súa proposta alternativa. Esa pedra é Pedro transmitindo ese convencemento de ver en Xesús un representante cualificado, o Fillo, dese Deus vivo. Como dicíndonos: a comunidade cristiá, a Igrexa, só ten futuro se se constrúe sobre a experiencia do Deus vivo, que Xesús nos amosa coa súa forma de vida alternativa. Só así a Igrexa e nós nela poderemos axudar a facerlle fronte a todo o que é apagamento, rebaixamento, tristura, fraxilidade, morte no seu humano, en cada un de nós, na xente que nos rodea.

A celebración eucarística de hoxe podemos vivila coma un rito relixioso máis, baleiro, que non deixe pegada na nosa vida, ou podémola vivir coma un encontro vivo con Deus, con Xesús, co seu Espírito, en comunidade; coma algo que nos dea vida, que se vai gravando en nós e nos vai facendo ao estilo de Xesús.

Preces

TI ES O MESÍAS, O FILLO DE DEUS VIVO

Que te descubramos, Xesús, que teñamos encontros vivos contigo, para poderte vivir e falar de ti con convencemento. Oremos.

Que deixemos a un lado todo tipo de rutinas relixiosas, que non levan a nada, e nos empeñemos en vivir con verdade aquilo no que dicimos crer. Oremos.

Que as persoas que nos dicimos cristiás andemos sempre enredadas en cousas de unión, de ánimos, de organización, de perdón, de loita, para que a vida vaia adiante e en nós recoñeza a xente o Deus vivo que nos sostén. Oremos.

Que nos dispoñamos a coñecerte mellor, a seguirte mellor, para renovar a fondo as parroquias, as comunidades cristiás das que formamos parte. Oremos.

Que a xente que andamos de descanso, festas e vacacións nestes tempos de verán gocemos coa vida e nos fortalezamos e animemos para compartila con quen sofre por calquera circunstancia. Oremos.

Oración
Quen son eu para ti?
O que vas e volves á miña vida,
considerado sempre coa miña debilidade.
O que me amosas o rostro de Deus
dunha maneira sempre nova e sorprendente.
O que me transmites unha grande paixón por Deus,
unha desmedida paixón pola xente.
O que me narras a Deus dunha maneira desconcertante:
pode servilo quen non o nomea,
pode blasfemalo quen se chufa de servilo.
O que me miras con ollos novos,
limpos, comprensivos, fondos.
O que me ensinas a ollar como ti ollas,
e a ver un irmán/á en cada veciño ou veciña.
O que penas cos meus fracasos como persoa,
e gozas coas miñas máis ínfimas medras.
O que me lanzas á participación comunitaria,
e nela me sostés co teu Espírito.
O que me perdoas sempre, con esixencia curadora,
e me invitas a perdoar coa mesma esixencia.
O que me falas de Deus coa inocencia e paixón dun namorado,
e desde dentro me invitas a achegarme á soleira de Deus.
O que me transmites a experiencia dun Deus próximo,
metido na vida, na xente, na historia, na natureza, en min mesmo.
O que me pos en garda ante ilusións relixiosas,
e me confrontas a diario coa vida da xente pobre.
O que me alertas do ídolos do diñeiro, do poder,
do ídolo do propio eu que todo o contamina.
O que me empuxas a amarme e perdoarme,
a verme coma tesouro precioso en cunca de barro.
O que me ofreces no mesmo paquete paz e rebeldía,
vixilancia extrema e tranquilidade absoluta.
O que me sacodes cando adormezo e me fago indiferente
a calquera desprezo, abuso, trampa ou inxustiza.
O que cada día me invitas a verte e tratarte
na Luz, no Prudencio, no Amandino, na Marisa, ...
O que me invitas a soñar a Deus coma un mar de vida
no que deixarme ir na vida e na morte con confianza.
O que me invitas a respectar e agradecer,
a calar e adorar, antes de falar.
O que me ofreces por riba de todo alegría e festa,
festín de festa e gozo comunitario.
Acción

Para que a nosa vida cristiá, para que o noso testemuño de Xesús non sexa baleiro, no nome de Xesús podemos achegarnos hoxe a algunha persoa ou situación envolta en debilidade, para coñecela ben e ofrecerlle algo do que lle ofrecería o mesmo Xesús.


28 de agosto: Luns da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 1, 1-5. 8b-10. Salmo 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tes 1, 1-5. 11b-12. Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 4-5

Evanxeo: Mt 23, 13-22

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades á xente o reino dos ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar a quen o intenta. Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito, e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición o dobre ca vós! Ai de vós, guías cegos, que dicides: “Se alguén xura polo templo, non pasa nada; pero, se xura polo ouro do templo, fica obrigado”. Parvos e cegos! ¿Qué é máis importante, o ouro ou o templo que consagra o ouro? E tamén: “Se alguén xura polo altar, non pasa nada; pero, se xura pola ofrenda que está enriba do altar, fica obrigado”. Cegos! ¿Qué é máis importante, a ofrenda ou o altar que consagra a ofrenda? Quen xura polo altar, xura por el e máis por todo o que hai enriba del; e quen xura polo templo, xura por el e máis por Aquel que o habita; e quen xura polo ceo, xura polo trono de Deus e máis por Aquel que está sentado nel.

Meditación

Posiblemente nos soen a cousas raras estas criticas ao comportamento dos letrados e fariseos: xurar por tal, xurar por cal, qué era o máis importante, qué era o menos. Podémolo resumir dicindo que, ao que se ve, era xente que se enredaba cegamente en moitas cousas sen importancia da doutrina, e esquecía o fundamental, que era o respecto profundo por Deus e o respecto profundo pola xente que o fai presente entre nós.

Dous mil anos despois podemos seguir nós coas mesmas andrómenas; debatemos ás veces sobre detalles da vida relixiosa, do culto, da doutrina: se o mal, o demo, anda por aí como tal demo, ou non; se é necesario confesar os pecados a un cura, coma sempre, ou non; se debemos recibir a comuñón na lingua ou na man, se o cura debe andar vestido normal ou con “tirita” etc. Cantas veces facemos da vida cristiá un xogo de debates absurdos, que non levan a nada. E deixamos de lado o que todos ben sabemos que é fundamental: andar con confianza, humildade, xustiza e rectitude diante de Deus, e mirar polo ben da xente como miramos polo noso mesmo ben.

Oración
Veño onda ti, Xesús,
para que me limpes a ollada,
para que me laves a intención e o corazón.
Quero atinar co que é realmente bo
para min, para a miña xente,
para toda a comunidade, para todo o pobo.
Quero investir o meu tempo, a miña ansia
no que realmente me faga persoa sa,
me axude a axudar a quen me rodea,
e me leve a honrar dignamente a Deus.
Veño onda ti, Xesús,
con confianza, con humildade,
co desexo firme de andar con bo pé polos teus camiños.
Sei que ti nunca me decepcionas.
Grazas, Xesús.
Acción

Podemos mirar se nas cousas da relixión, da vida cristiá, non nos estaremos enredamos en discusións que non levan a nada. Facémonos conscientes diso, para darlle importancia ao que realmente a ten.


29 de agosto: Martes da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 2, 1-8. Salmo: 138, 1-3. 4-6

Evanxeo: Mc 6, 17-29

Sucedeu que Herodes mandara prender a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara. Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.

Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que quedase desacougado.

Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos ministros, oficiais e xente importante de Galilea. Resulta que a filla de Herodías entrou e bailou moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente convidada. Entón o rei díxolle á rapaza:
—Pídeme o que queiras, que cho hei dar.

E xurou:
—Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.

Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:
—¿Qué lle pedirei?

Ela díxolle:
—Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.

E, volvendo onda o rei, díxolle:
—Quero que me deas de contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.

O rei púxose moi triste, pero, polo xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar. E de seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi, decapitouno e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.

Meditación

Xoán Bautista foi un personaxe que deixou un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras comunidades cristiás. Por iso aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos durante o ano. Un home íntegro, un buscador apaixonado da verdade de Deus para a xente, unha persoa que renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía por dereito familiar, para embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no seu tempo a vida relixiosa se estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen verdade. Un home que se enfrontou abertamente co poder relixioso e político do momento polos seus descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu a vida. O seu testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias da súa morte: nun ambiente de excesos, rodeado de persoas triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o rancor, desde o quedar ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen pretendía axudarlles a ser xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo para quen nos nosos tempos apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan branda na que vivimos.

Oración
Grazas, meu Deus,
polas persoas mártires
de onte e máis de hoxe,
de todos os tempos da historia da Igrexa.
Grazas tamén polas persoas mártires
doutras relixións ou de ningunha relixión.
Grazas por quen defende o humano, o xusto,
e afronta con valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas pola palabra desas persoas mártires,
pola súa vida, pola súa morte,
polo seu sangue inxustamente vertido,
aínda que valentemente ofrecido.
Grazas, meu Deus, infinitas grazas!
Que ao seu carón, co seu exemplo,
nos encoraxemos nós
para vivir con máis fidelidade e fondura
a nosa humanidade, a nosa fe.
Acción
Seguro que en máis dunha ocasión temos cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que a nosa conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da nosa experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.


30 de agosto: Mércores da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 2, 9-13. Salmo: 138, 7-8. 9-10. 11-12ab
Ano 2: 1ª lectura 2 Tes 3, 6-10. 16-18. Salmo 127, 1-2. 4-5

Evanxeo: Mt 23, 27-32

Unha vez falou así Xesús:
—¡Ai de vós letrados e fariseos hipócritas, que vos parecedes aos sepulcros encalados, que por fóra parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza! Tamén vós por fóra parecedes homes xustos, pero por dentro estades cheos de hipocrisía e inxustiza.

¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que construídes sepulcros aos profetas e adornades os monumentos dos xustos, e dicides: “Se vivísemos no tempo de nosos pais, nós non seriamos cómplices deles na asasinato dos profetas!”. De xeito que contra vós mesmos testemuñades que sodes os fillos dos que asasinaron ós profetas. ¡Acabade tamén vós de encher a medida de vosos pais!.

Meditación

Palabras moi gordas as que o evanxelista Mateu pon na boca de Xesús criticando o comportamento hipócrita de letrados e fariseos. Palabras que debemos acoller como tamén dirixidas a nós, porque ¿quen está libre dese afán tolo de aparentar e aparentar, simulando honradez, solidariedade, interese pola sorte da comunidade, pola sorte da xente máis desfavorecida, e logo quedamos no seo da manta? ¡Cantas veces entramos no intento absurdo de branquear por fóra a nosa vida, buscando recoñecemento e valoración, agochando sabe Deus qué no noso interior! Énchesenos a boca de palabras e palabras, que nós tal, que nós cal, que mira eses, que mira esoutros…, e por aquí e por alí moitas veces acabamos facendo o mesmo que criticamos. Xesús invítanos a actuar sempre con sinceridade, con humildade, ollando con verdade para o noso interior, para o noso propio corazón, e desde esa verdade poder falar e actuar. Deus axúdanos a poñer verdade no noso propio corazón, na nosa propia vida.

Oración
Que me deixe traballar por ti, meu Deus!
Límpame de aparencias e simulacións,
do afán tolo de recibir recoñecementos,
do intento absurdo de fuxir da miña propia verdade.
Que da túa man
acceda ao meu ser verdadeiro,
e desde o meu ser verdadeiro
fale,
actúe,
me relacione sempre
coa xente,
contigo, meu Deus.
Con humildade,
con agradecemento.
Porque son lama,
nada máis que lama,
ti quéresme valer, meu Deus.
Grazas.
Acción

E moi probable que nalgunhas cousas actuemos desde a simulación e o engano. Pensemos na última ocasión en que fixemos algo así. O cambio posible empeza por tomar conciencia dos momentos nos que nos deixamos levar pola hipocrisía.


31 de agosto: Xoves da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 3, 7-13. Salmo: 89, 3-4. 12-13. 14 e 17
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 1, 1-9. Salmo: 144, 2-3. 4-5. 6-7

Evanxeo: Mt 24, 42-51

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben, se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do home.

¿Quen é o criado fiel e prudente, a quen o Señor encargou o coidado de dar de comer á servidume no seu debido tempo? ¡Ditoso o criado aquel a quen o seu amo, cando chegue, o atope cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a súa facenda. Pero, se aquel mal empregado di para si: “O meu amo aínda non vén para agora”, e empeza a bourar nos seus compañeiros, comendo e bebendo cos borrachos, o día menos pensado e á hora máis imprevista chégalle o amo e bótao fóra, cos hipócritas; alí será o pranto e máis o triscar dos dentes.

Meditación

Estas palabras do noso Señor poderíannos levar a poñer toda a nosa atención na morte, como momento no que chega o noso Señor, e a vivir ese momento con temor, non vaia ser que os nosos malos feitos acaben merecendo castigo. E así, mesmo poderíamos acabar vivindo a vida atemorizados. O peor que lle pode pasar a unha persoa cristiá é acabar téndolle medo a Deus. Deus nunca é para meter medo. E Xesús tampouco. E as súas palabras nunca, nunca son para meternos medo. Si, para invitarnos á vixilancia. A vida é complexa. As persoas tamén o somos. E pódenos pasar que, con máis ou menos consciencia, con máis ou menos responsabilidade pola nosa parte, consintamos en ir facendo cousas que nos danen a nós, que danen a outras persoas; e así, no canto de nos construír coma persoas felices, nos construamos coma persoas amargas, que por riba lle amargamos a vida a outra xente. E isto, claro, sería unha desfeita. Deus, Xesús, que quere sempre o mellor para nós, só busca axudarnos a que iso non nos pase, a que poidamos gozar vivindo a vida con coherencia e axudando coa mesma coherencia a que a xente do noso redor tamén goce da mesma maneira. A morte e todo o que lle siga está sempre nas mans dun Deus misericordioso e clemente.

Oración
Sen medos, sen angustias,
con paz, con confianza,
quero vivir cada día, meu Deus querido,
ao amparo da túa presenza alentadora.
E así, con coidado e agarimo
ir facendo todo o que me pase polas mans,
desexando facerme persoa de ben,
para o propio proveito,
para proveito de quen me rodea,
para gloria túa, meu Deus querido,
que me soñas honesta, xusta e fraterna,
que me soñas feliz.
Felicidade que ti, porque es espléndido,
alongarás eternamente ao teu carón,
no teu seo.
Grazas. Grazas. Sempre grazas.
Acción

¿Somos persoas abandonadas nalgunha das nosas responsabilidades persoais, familiares, laborais, sociais? Cambiemos, non desde o medo a Deus, senón desde o aprecio por nós mesmos/as e por aprecio quen nos rodea.


1 de setembro: Venres da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 1-8. Salmo: 96, 1 e 2b. 5-6. 10. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: 1Cor 1, 17-25. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 19ab e 11

Evanxeo: Mt 25 1-13

Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran aloucadas e cinco, previsoras. As aloucadas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as previsoras, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as aloucadas dixéronlles ás previsoras: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as previsoras: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.

Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.

Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

Meditación

Outra parábola sobre a necesidade da vixilancia na vida. Ser persoas en alerta, preparadas, porque día a día, hora a hora, Deus vai pasando pola nosa porta e, se non estamos dispostas a saírlle ao encontro, perdemos as oportunidades que o paso de Deus nos ofrece. E son acollementos e respostas que outras persoas non poden dar por nós, aínda que outras persoas si que poden alertarnos para que vivamos con serenidade, en paz, en silencio, e por iso mesmo con capacidade de percibir e responder.

Deus fáisenos presente nos momentos relixiosos (unha Eucaristía, un tempo de oración, un silencio para acoller…), pero tamén se nos fai presente en moitos outros momentos da vida: calquera persoa que se achega a nós, calquera persoa fráxil, desamparada; calquera acción humana que crea irmandade; calquera acción de abuso que xa dicimos que clama ao ceo; calquera momento da creación animada ou inanimada, que leva o rastro de Deus etc. Para quen anda coa alma en vilo cara ao ben, cara a fermosura, cara á verdade, a vida está chea de encontros humildes e poderosos co Deus da vida.

Oración
Quéresme, meu Deus,
persoa viva e asentada a un tempo.
Persoa de palabras e de silencios,
persoa de festas e de acougos,
persoa de acollementos e de ofrecementos,
persoa de comunidade e de soidade,
persoa de durmidas e de vixilancias.
Quéresme, meu Deus,
persoa amiga da riqueza da vida,
hábil para sacarlle á vida todo o seu zume,
hábil para no zume da vida
descubrirte a ti e gozar a túa presenza.
Quéresme, meu Deus,
totalmente humana
e así, só así, totalmente túa.
Acción

Estamos acabando o tempo de vacacións. Pero, con vacacións ou sen elas, ¿que tempo nos concedemos para mirar polo que pasa pola nosa vida, por como acollemos as persoas, as circunstancias que a vida nos vai poñendo diante? ¿Somos das aloucadas ou das previsoras? ¿En que poderiamos avanzar por aquí?


2 de setembro: Sábado da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 9-11. Salmo: 97, 1. 7-8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 1, 26-31. Salmo: 32, 12-13. 18-19. 20-21

Evanxeo: Mt 25, 14-30

Nunha ocasión díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—Unha persoa, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e criadas e deixoulles o coidado da súa facenda. E deulles a cadaquén segundo a súa capacidade: cinco, dous, un talento. Despois marchou.

A persoa que recibira cinco talentos foi deseguida negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito a que recibira dous gañou outros dous. Pero a que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do amo.

Ao cabo de moito tempo chegou o señor daquela servidume pedíndolles conta. Chegou a persoa que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco, dicindo: “Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei”. Díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”. Chegou a persoa que recibira dous talentos e dixo: “Señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei”. E díxolle o señor: “Ben, criada fiel e cumpridora; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”.

Chegou tamén a persoa que recibira un talento e díxolle: “Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu”. Pero o señor respondeulle: “Mal criado, lacazán! Con que sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois puxeras os meus cartos no banco e así, cando eu volvese, podería coller os cartos e máis os intereses. Quitádelle o talento a dádello a quen ten dez. Porque a quen ten háselle dar abondo; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”.

Meditación

Na liña dos Evanxeos destes días, o de hoxe fálanos de non deixar durmir dentro de nós aquelas calidades que cada quen ten, e que estaría ben que puxésemos ao servizo da construción da irmandade dentro e fóra da comunidade cristiá. Non todo o mundo é igual. Non todas as persoas temos calidades para o mesmo, nin temos esas calidades na mesma abundancia. Pero todas e todos temos valía, e o importante é que esa valía que temos a poñamos en xogo, vencendo medos persoais, vencendo resistencias que poden xurdir de nós, ou tamén das persoas e do medio que nos rodee.

Temos unhas comunidades cristiás moi clericalizadas, moi gobernadas para todo por uns clérigos varóns que o gobernan todo, e nós adaptámonos a iso por comodidade, por covardía. Temos unha sociedade civil tamén moi controlada por uns líderes, que fan e desfán sen teren en conta a cidadanía. Na Igrexa urxe que o laicado –tanto homes coma mulleres— non agachemos as nosas habilidades, os nosos saberes, os nosos poderes, que as poñamos ao servizo dunha comunidade cristiá viva, namorada do noso Deus e das tarefa de irmandade que Deus nos puxo nas mans. Quen pon en xogo a súa capacidade de servir, curiosamente acaba fortalecéndose como persoa servidora, feliz; quen se aforra para o servizo achícase, empobrécese, anúlase como persoa.

Oración
Non,
ti nunca ameazas, Xesús.
O teu foi sempre
gañar por atracción, non por medo.
Grazas!
Ti advirtes, corrixes, alertas, potencias
coma un irmán maior
que nos coñeces a fondo,
que coñeces os nosos medos e covardías,
a nosa tendencia primeira a quedarnos no seo da manta.
Grazas!
Ti, Xesús,
quérenos ver felices
participando, colaborando,
construíndo en común
a casa común da comunidade,
da parroquia, do pobo, da natureza, do mundo.
Grazas!
Con Díaz Castro disnos:
“O universo sería máis pequeno sen ti”.
Acción

¿Sentimos que temos algunha calidade que, ben por preguiza ou nugalla nosa, ben porque alguén nos dá para atrás, non estamos poñendo ao servizo da comunidade eclesial ou civil? Seguro que podemos dar un paso ao fronte para contribuír con esa calidade á fermosura da comunidade.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.