13 setembro, 2023

Tempo Ordinario: 24ª semana



17 de setembro: Domingo 24 do tempo ordinario.

1ª lectura: Eclo 27, 33—28, 9. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 9-10. 11-12
2ª lectura: Rom 14, 7-9.

Evanxeo: Mt 18, 21-35

Unha vez achegouse Pedro a Xesús e preguntoulle:
—“Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?

Respondeulle Xesús:
—“Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

Por iso o Rino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:
—“Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!”

O Señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda. Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
—“Paga o que me debes.”

Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:
—“Ten paciencia comigo,que cho hei pagar todo.”

Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
—“Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?”

E todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.”

Meditación

O pedaciño de Evanxeo que hoxe lemos forma parte do capítulo 18 do Evanxeo de Mateu, todo el dedicado a cousas que teñen que ver co funcionamento da comunidade cristiá. Para as persoas crentes a comunidade cristiá é como a matriz na que aprendemos a comportarnos dunha maneira determinada; esa aprendizaxe nos vai axudar logo para tratar a toda a xente con sensibilidade e gusto cristián. En concreto o Evanxeo de hoxe fálanos da importancia do perdón, e das condicións que o deben acompañar para que sexa un perdón efectivo.

As primeiras comunidades cristiás aprenderan de Xesús, e así o querían practicar, que a primeira característica do perdón por parte de quen o dá debería ser que o perdón non ten medida. Non se perdoa só unha, dúas, sete veces, senón setenta veces sete, cousa que na maneira de falar que tiñan os xudeus quería dicir sempre, sen límite ningún. A todos nos custa aceptar esta condición inspirada na mesma práctica de Xesús. Parécenos que o moito perdón pode levar a que a xente faga o que lle dea a gana. Xa dixemos que aquí non se entra a falar das condicións do perdón por parte de quen o recibe, para que non se converta nun xogo sen sentido. Perdoar sempre, sen límites, quere dicir que pola nosa parte, pola parte de Deus a quen queremos imitar algo nisto, nunca hai unha desesperanza total respecto ao cambio posible en calquera persoa. Deus sempre nos quere deixar unha porta aberta, para entrar por ela na nosa zona de verdade, de dignidade, de reconciliación, de paz. E, se o fai Deus, quen somos nós para querer pretender outra cousa?

Quen dá o perdón, logo, débeo dar sen límite ningún. E que pasa con quen o recibe? Disto fala a segunda parte do Evanxeo de hoxe. As primeiras comunidades cristiás, seguidoras tamén nisto do que viran en Xesús mesmo, entendían que quen recibía o perdón debería tamén el entrar nesa roda tan humana e tan santa do perdón. Sería ridículo, como ben o deixa ver a parábola que conta Xesús, que un recibise o perdón e que logo non estivese disposto a perdoar a quen ten ao redor de si. E, se un non entra deste xeito na roda do perdón, bótase fóra dela, e daquela o perdón perde nel a súa forza de renovación, acaba sendo unha chafallada que non vale para nada, que non lle abre ningunha porta nova, que o deixa onde estaba ou aínda peor.

Sería normal que a persoa que foi perdoada tivese máis claro iso de perdoar. O Evanxeo deixa moi claro, adrede, a diferenza entre o moito que se nos perdoa a nós, o moito que Deus nos perdoa, e as pequenas cousas ou ofensas que nos temos que perdoar uns aos outros. Cústanos aceptar isto. Tendemos a considerarnos puros, intocables, sen ter que recoñecer ningún error noso, e moi dispostos a sinalar co dedo aos demais, a condenar, a esixir castigos, a non perdoar. Así é ben difícil descubrir a forza, a maxia case do perdón, para reconstruír vidas, para refacer comunidades, para restaurar convivencias na familia, na sociedade.

O Evanxeo de hoxe conclúe invitándonos a perdoarnos de corazón. Que quere dicir “de corazón”? Quere dicir a fondo, non dunha forma barata e rápida, pero reservándose o rexeite interior, reservándose o convencemento de que este non vai cambiar, de que non sei por que lle estou perdoando. Perdoar de corazón quere dicir perdoar porque eu no meu interior, no meu íntimo, na miña conciencia máis secreta, ben sei tamén que moitas veces estou apegado ao mal e me deixo levar por el, aínda que quizais ninguén chegue a saber o que penso, o que sinto ou o que fago. Perdoar de corazón é introducirse con paz e enerxía a un tempo nesa onda de solidariedade, de irmandade, onde todos nos sabemos parte necesaria dos demais, chamados a acompañarnos nos camiños de saída das nosas ruindades, o mesmo que nos acompañamos normalmente nos camiños que nos levan a elas. Perdoar de corazón quere dicir perdoar ao estilo de Deus, que é quen asenta e habita nos espazos máis limpos e verdadeiros do noso corazón, do noso íntimo.

En cada Eucaristía bañámonos no perdón ilimitado de Deus. De cada Eucaristía deberíamos saír vigorizados para construír algo novo entre nós. O perdón está ao servizo desa novidade liberadora, ao servizo da cal estaría ben que sempre nos atopasen as persoas que comparten casa, pobo ou cidade connosco.

Preces

COMPADEZÁMONOS COMO DEUS SE COMPADECE DE NÓS

Que as nosas comunidades cristiás sexan escolas de perdón, onde aprendamos a dálo e recibilo con transparencia, con coherencia, ao estilo de Xesús. Oremos.

Que sexamos persoas de reconciliación alí onde vivimos, amigas de dar sempre oportunidades novas a quen fracasa na vida e quere cambiar. Oremos.

Que non xoguemos co perdón nin para encubrir o noso pasotismo ou o dos demais, nin para tapar ningunha clase de inxustiza ou abuso. Oremos.

Que aprendamos a mirar a xente, sexa cal sexa o seu mal, o seu pecado, cos ollos de solidariedade, como unha nai olla sempre aos seus fillos, como Deus nos olla a nós. Oremos.

Que nos saibamos ver como o que todos e todas somos: pecadores, pecadoras, queridas e perdoadas. Oremos

Oración
Perdón, Señor, perdón.

Pola miña vida rota,
de tantas maneiras,
por tantos lados.

Por necesitar perdón, curación,
e non demandalo,
e non acollelo
e non celebralo.

Por vivir o perdón lixeiramente,
sen forza nin efectos,
tanto no dálo coma no recibilo.

Por non envolver toda a miña vida
no manto da humildade sincera
xa que en tanto preciso ser persoa perdoada.

Por vivir o perdón
sen entrar na fonte fonda que o mobiliza,
e facer do perdón unha comedia.

Por pretender tantas veces
ser obxecto de perdóns sen eu perdoar,
manténdome sen misericordia con quen precisa dela.

Por medir, contabilizar os perdóns,
ignorando que infinitas veces
houben de ser perdoada por ti.

Por non ter descuberto aínda
o precioso regalo do teu perdón,
vivindo a secas de misericordia,
envolto na despreocupación ou na amargura do pecado.

Perdón, Señor, perdón.
Acción

Algunha vez lle temos pedido perdón a algunha persoas? Algunha vez nos ten perdoado algunha persoa? Como vivimos ese momento? Marcounos para ser máis fáciles para perdoar nós tamén?


18 de setembro: Luns da 24ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 2, 1-8. Salmo: 27, 2. 7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 11, 17-26. 33. Salmo 39, 7-8a. 8b-9. 10. 17

Evanxeo: Lc 7,1-10

Nunha ocasión, cando Xesús acabou de lle falar á xente, entrou en Cafarnaum. Había alí un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte. Ao oír falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose curar o criado. Eles presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:
—Merece que lle fagas isto, pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu unha sinagoga.

Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa, o centurión mandou unhas persoas amigas a lle dicir:
—Señor, non te molestes, pois non son merecente de que entres baixo o meu teito; por iso coidei que non era digno de ir eu ao teu encontro. Abonda cunha palabra túa e o meu criado quedará curado. Pois eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “vai”, e vai; ao outro: “ven”, e vén; e ao meu criado: “fai isto”, e faino.

Oíndo isto, Xesús ficou abraiado e, virándose cara á xente que o seguía, díxolle:
—Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.

E, ao volveren á casa, as persoas mandadas atoparon san o criado.

Meditación

Podemos considerar a figura do centurión. O centurión era un oficial do exército romano que ocupaba Palestina. Este centurión parecía un home ben especial: tiña un criado que estimaba moito; preocúpase pola súa saúde e búscalle un remedio. Aínda que seguro que non era ben visto polos xudeus por formar parte do exército ocupador, el amaba o pobo xudeu; e, aínda que seguramente practicaría calquera relixión do imperio, construíralles unha sinagoga. Ao que se ve, era un home humano, colaborador, aberto. O seu corazón estaba aberto, a súa mente tamén. Oe falar de Xesús e aló vai contactar con aquela fonte de vida e de ben. Era un home de confianzas humanas, de confianzas espirituais. Á súa maneira cre en Xesús, e con que fe! Ata o punto de que o mesmo Xesús queda sorprendido de atopar tanta fe nun oficial do exército ocupador.

Ben é que esteamos alerta coas nosas actitudes relixiosas. Pode haber xente aparentemente moi crente, pero que no fondo é moi cerrada, cun corazón e cunha mente pechada, á defensiva, mesmo agresiva. Para esta xente crer é unha arma de ataque máis ca un espazo de encontro, de respecto, de convivencia con quen cre e con quen non cre, ou con quen cre con sensibilidades diferentes. E pode haber xente con fe relixiosa diferente á nosa, ou mesmo sen fe relixiosa, que se cadra, está máis aberta ao de Deus do que nos podemos imaxinar.

Oración
Bendito centurión,
chufado por ti, Xesús.
Bendito centurión,
que non se deixa condicionar polo ambiente negativo.
Bendito centurión,
aberto ao distinto, ao novo, ao descoñecido.
Bendito centurión,
atento ao que pasa, distinguindo e valorando.
Bendito centurión,
que se deixa cativar pola túa presenza, Xesús.
Bendito centurión,
que acode a ti, á túa forza de ben.
Bendito centurión,
exemplo de fe simple e fonda, razoada.
Bendito centurión,
que nos regalou unha humildísima confesión de fe:
“non son merecente de que entres baixo o meu teito”,
“abonda cunha palabra túa para que cure”.
Bendito ti, Xesús,
que tal fe promoves e sostés.
Acción

¿Somos ou non somos mulleres e homes de fe? ¿Somos homes e mulleres dadas xa a unha fe que lle poderiamos chamar humana, ou somos xente de entrada desconfiada de todo, ante todo, sen crer nas posibilidades da vida? Seguro que poderiamos medrar algo na nosa fe.


19 de setembro: Martes da 24ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 3, 1-13. Salmo: 100, 1-2ab. 2cd-3ab. 5. 6
Ano 2: 1ª lectura:1 Cor, 12, 12-14. 27-31a. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5

Evanxeo: Lc 7, 11-17

Un día foi Xesús a unha vila chamada Naín, co grupo que o acompañaba máis de cerca e con outra moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; esta ía acompañada por moita xente da vila. Ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
—Non chores.

E achegándose, tocou o cadaleito –os que o levaban pararon— e dixo:
—Rapaz, falo contigo, érguete!

O morto incorporouse e empezou a falar, e Xesús entregoullo á súa nai. Toda a xente quedou impresionada e loaba a Deus dicindo:
—Un grande profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.

E a noticia do feito correu por toda aquela comarca e pola Xudea enteira.

Meditación

Noutros casos é a xente en aperto a que acode a Xesús, a que berra, a que pide. Aquí non. A desgraza está alí, ben representada nesa muller viúva, cando a viuvez era xa en si mesma unha desgraza grande, enterrando o seu fillo único aínda ben novo. A xente doída acompañaba a muller. Xesús ve o cadro e actúa. El dá o primeiro paso. Soamente o evanxelista Lucas narra este suceso, que se suma ás moitas intervencións de Xesús a favor da xente vulnerable. Podemos discutir o que hai de milagre ou non; non dubidamos da paixón de Xesús pola debilidade e a súa vontade firme e eficaz de actuar sempre levando alivio e abrindo camiños e esperanzas. Como persoas, como comunidades cristiás, ¿somos das que dan o primeiro paso, das que non agardan na súa casa a que as noticias cheguen, se chegan? Como di o Papa Francisco, ¿primereamos?

Oración
Andar os camiños,
coma ti, Xesús.
Ter os ollos sempre abertos,
coma ti, Xesús.
Levar o corazón sempre na man,
coma ti, Xesús.
Doerse a fondo das dores alleas,
coma ti, Xesús.
Achegarse e tocar os sinais da dor,
coma ti, Xesús.
Ter palabras de consolo e de alento,
coma ti, Xesús.
Facer o posible e o imposible por remediar a situación,
coma ti, Xesús.
Agradecer e celebrar os progresos da xente, do pobo,
coma ti, Xesús.
Gozar do teu ben.
Espallar o teu ben!
Quen mo dera, Xesús, quen mo dera!
Acción

É ben que non nos pechemos na casa, coa TV, co que sexa. É mellor saír, bater coa xente, visitar veciños e veciñas. E facelo cos ollos e co corazón aberto. Ao estilo de Xesús. Seguro que algo novo nacerá en nós, de nós. Probemos, a ver.


20 de setembro: Mércores da 24ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 3, 14-16. Salmo: 110, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 12, 31—13-13. Salmo: 32, 2-3. 4-5. 12 e 22

Evanxeo: Lc 7, 31-35

Unha vez dixo Xesús:
—¿Con quen compararei a xente desta xeración? ¿A quen se asemella? Semellan esas criaturiñas que, sentadas nos rueiros, berran entre si, dicindo: “Tocamos a frauta e non bailastes, entoamos lamentos e non chorastes”. Porque aparece Xoán Bautista, que non come pan nin bebe viño, e dicides: “Ten o demo no corpo”. E aparece o Fillo do Home, que come e bebe, e dicides: “Mira que larpeiro, que bebedor e que amigo dos cobradores de impostos e da xente pecadora”. Con todo, a xente filla da sabedoría si que lle deu creto.

Meditación

Cando non se quere, non se quere. Pasa coa fe en Xesús e con calquera outra cousa. Pasa sobre todo con todo aquilo que nos revolve algo, que nos cuestiona algo, que nos empuxa a saír das nosas comodidades e rutinas. É incrible a capacidade que temos de poñer obxeccións, de amorear dificultades, reais ou inventadas, con tal de poder seguir no meu, no que eu penso, no que eu fago. Pódennos entrar por aquí e por alí, que tanto dá.

Iso foi o que Xesús observou en moita xente contemporánea súa. ¿E que facemos nós e a xente contemporánea nosa? ¿Qué facemos coa proposta de Xesús, chamándonos a un recoñecemento de Deus como Pai maternal, próximo e implicado a fondo no ben da nosa vida? ¿Qué facemos coa proposta de irmandade real, de solicitude cara todo aquilo que é débil –persoas ou realidades sociais ou natureza—? ¿Qué facemos co seu criterio de entender a vida como servizo? ¿Qué facemos coa súa práctica exemplar de gozar comendo e bebendo, cando sexa o caso, e de alternar con xente de mal nome e conduta? ¿Qué facemos coa súa manía de andar sempre envolto con persoas débiles, marxinais?

Oración
Como lle pasa a tantísima xente, Xesús,
as escusas amoréanse no meu interior
para recuar ante as túas propostas,
ou para darlles creto a medias,
ou para aprobalas coa palabra,
pero seguir máis ou menos instalado no meu.
Pídoche perdón.
Pídolle perdón
a toda a xente ante a que me confeso cristián,
para defraudala logo cos meus feitos.
Gustaríame formar grupo
cos fillos e fillas da Sabedoría que che dan creto,
que se fían de ti con verdade,
e medran día a día no teu seguimento.
¿Cando, meu Deus, tirarei as barreiras
que che impiden entrar e agasallarme
co que ti queiras?
Acción

¿Cómo reaccionamos ante calquera proposta que nos chegue de fóra, sexa da comunidade cristiá, sexa do mundo civil, invitándonos a participar, a enredarnos en cousas de humanidade, de mellora social, de crecemento persoal? ¿Sopesámolas con boa disposición ou de entrada botamos man de escusas ou desculpas?


21 de setembro: Festa de San Mateu

1ª lectura: Ef 4, 1-7. 11-13. Salmo: 18, 2-3. 4-5

Evanxeo: Mt 9, 9-13

Un día, ao pasar viu Xesús un home chamado Mateu, sentado ao mostrador dos impostos, e díxolle:
—Sígueme.

El ergueuse e seguiuno.

E resulta que, estando á mesa na casa de Mateu, viñeron moitos recadadores e outra xente pecadora e puxéronse tamén á mesa con Xesús e coas persoas que o acompañaban de cerca. Cando tal viron os fariseos, dixéronlles ás persoas que andaban canda Xesús:

¿Cómo é que o voso Mestre está a comer con recadadores e xente pecadora?

El oíunos e dixo:
—Non son as persoas sas senón as enfermas as que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin para chamar pola xente xusta, senón pola pecadora.

Meditación

Xesús era escandaloso. Gaña a confianza, a admiración e a amizade de Mateu, un “publicano”, que así chamaban aos recadadores de impostos, xente moi mal vista por seren axentes do sistema político que os asoballaba. E iso ata o punto de convidalo a formar parte do seu grupo. Xesús tiña un don especial para intuír fonduras de ben nas persoas, que a demais xente non daba visto. Xesús era fondamente acolledor. Xesús era provocador. Acepta o convite de Mateu, ao que asisten recadadores de impostos e outra xente pecadora. Incrible! Comer con alguén, daquela moito máis ca hoxe, era un sinal de amizade, de compenetración, de comuñón. Xesús móvese polo principio de misericordia, que o levaba a arrimarse a xente que andase en debilidade de calquera clase: de saúde, de diñeiro, de moral. Xesús era un reparador de vidas feridas. Iso valía máis que os rituais relixiosos, que as normas sagradas de pureza e de exclusión.

Se andamos en calquera debilidade, podemos contar con ese apego especial de Deus a través de Xesús. Se nos encontramos ou convivimos con xente envolta en calquera debilidade, temos en Xesús un mestre para aprender a situarnos ante a debilidade cos criterios mesmos de Deus.

Oración
Sentemos á mesma mesa,
no nome de Xesús,
compartamos pan, soños e esperanzas
sen rituais predefinidos,
sen exclusión de ningún tipo;
conversemos abertamente para mellor coñecernos,
para dicirnos o que nos enche o corazón,
para comprendernos mellor,
para querermos mellor,
para servirnos mellor.
Pousemos os xuízos e prexuízos,
admiremos o don de Deus
agochado quizais en aparencias esquivas.
E fagamos disto
a lei maior da nosa vida.
No nome de Xesús.
Acción

¿Funcionamos con prexuízos, arredándonos das persoas que temos fichadas como persoas malas por calquera razón? Co exemplo de Xesús, ¿non poderiamos empezar a tratalas doutra maneira?


22 de setembro: Venres da 24ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 6, 2c-12. Salmo: 48, 6-7. 8-10. 17-18. 19-20
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 12-20. Salmo: 16, 1. 6-7. 8b e 15

Evanxeo: Lc 8, 1-3

Xesús púxose a camiñar por vilas e aldeas, predicando e anunciando a boa nova do reino de Deus. Ían canda el os Doce e máis algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Magdalena, curada de sete demos; Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes; Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.

Meditación

Lucas refírese á gran camiñada de Xesús, que o levaría de Galilea a Xerusalén, para confrontar alí cos líderes relixiosos do seu tempo, cos que mantiña serias diferenzas. Unha viaxe chea de riscos, que remataría na súa morte en cruz. E van canda el os Doce e con eles un grupo significativo de mulleres, algunhas das cales citadas expresamente polo seu nome e, seguro, tamén polo significado que tiveron no grupo: María a Magdalena, Xoana, Susana. Todo o mundo está de acordo en admirar esta incorporación de mulleres no fato misioneiro, en tempos nos que estaban absolutamente anuladas na visibilidade social e relixiosa. ¡Que non faría hoxe Xesús, cando a cultura reclama unha absoluta igualdade, dentro do ser de cada persoa ou grupo social! ¡Canta da liberdade de Xesús nos fai falla á Igrexa predominantemente masculina para vivir de preto o Evanxeo!

Oración
Grazas polas mulleres,
na súa historia amarga, sufrida,
fóra e dentro da Igrexa.
Grazas polo testemuño da súa fe,
do seu seguimento de Xesús,
a pesar de todo.
Grazas polas súas voces reivindicativas,
clamando polo seu recoñecemento
dentro e fóra das nosas comunidades.
Grazas polos seus soños
e seren o que están chamadas a ser,
como revolución no mundo e na Igrexa.
Grazas a ti, Xesús,
por abrires a porta a tanta normalidade.
Acción

Se somos homes, reparamos como estamos tratando as mulleres dentro e fóra da comunidade cristiá. Se somos mulleres, reparamos se nos encollemos ou non ante prácticas eclesiais que intentan rebaixarnos e agocharnos. Nos dous casos, pensamos en como dar pasos no espírito do Evanxeo.


23 de setembro: Sábado da 24ª semana do Tempo Ordinario.

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 6, 13-16. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 35-37. 42-49. Salmo: 55, 10. 11-12. 13-14

Evanxeo: Lc 8, 4-15

Unha vez, xuntouse onda Xesús moita xente chegada de moitas vilas e el propúxolles esta parábola:
—Saíu un labrego a sementar. E ao botar a semente, parte dela foi caendo polo beira do camiño; a xente pisouna e os paxaros comérona. Outra caeu en terreo pedregoso, pero, aínda que xermolou, secou por non ter lentura. Outra caeu entre silvas, pero ao medrar o silveiral, afogouna. Outra caeu en boa terra, xermolou e deu o cento por un.

A continuación exclamou:
—Quen teña oídos para oír, que escoite.

Entón a xente que o acompañaba de cerca preguntoulle que significaba aquela parábola. El respondeu:
—A vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino de Deus, pero aos outros unicamente en parábolas, de xeito que vendo non vexan e escoitando non entendan.

A parábola significa isto: a semente é a palabra de Deus. As do camiños son as persoas que, tan pronto como oen a palabra, vén o Satán e arrapáñallela do seu corazón, non vaia ser que crean e se salven. As do terreo pedregoso son aquelas persoas que, cando oen a palabra, acóllena con alegría, pero, como non teñen raíz, cren por certo tempo, máis, cando vén a tentación, abandonan. As das silvas son as persoas que escoitan a palabra, pero por mor das preocupacións, riquezas e praceres da vida, afogan e non chegan a madurecer. As da terra boa, son aquelas que con bo e xeneroso corazón escoitan a palabra, retéñena e producen froito coa súa perseveranza.

Meditación

O que a parábola nos vai aclarando con precisión é que todas as persoas recibimos a diario moitas achegas boas, que nos veñen de Deus como palabra súa, frecuentemente a través da normalidade da vida. Agora ben, non chega con que esa semente caia en nós, para que prenda en nós e se converta en nós nun froito madurecido. Cómpre atendela, coidala, traballala, deixar que colla fondura e lentura en nós, pelexar por ela, dedicarlle tempo, perseveranza. Sábeo moi ben a xente do campo: non chega con botar a semente na terra. Canto hai que esforzarse e suar para poder recoller froitos dela! Pois co ben de Deus en nós pasa outro tanto.

Ao mellor, por exemplo, gustaríame ser un bo home para a miña muller, ou unha boa muller para o meu home; ese desexo bo é xa unha palabra de Deus dentro de min. Pero a este desexo teño logo que lle ir dando corpo; ver como lle falo á miña parella, como colaboro con ela na casa, como me preocupo por como lle vai no traballo, como a respecto no seu xeito particular de ser, como a perdoo cando erra, como comparto con ela momentos felices etc, etc. Facer todo isto supón atención, esforzo, sacrificio, perseveranza. Pero é así como o desexo bo inicial se converte nun froito gustoso dunha convivencia feliz. E como este hai mil exemplos máis na vida.

Oración
Que a túa palabra, falada con mil linguas,
se faga en min semente produtiva.
Que atope en min terra branda, traballada,
e non a beira dura dun camiño,
onde un paxaro calquera a lavará no peteiro.
Que a túa palabra, dita de mil xeitos,
atope en min terra con lentura
onde enraizar e medrar
a proba de tentacións e contratempos.
Que a túa palabra, abundante e gratuíta,
non morra en min
tristemente afogada
no medio de afáns, riquezas e praceres.
Que a túa palabra, fonte de toda abundancia,
atope en min terra boa, preparada, regada,
con coidado traballada,
e me faga abundante en froitos,
onde o próximo poida vir, coller e fartarse.
Acción

Podemos reparar a ver se en algo nos está pasando o que anuncia a parábola: que a palabra de Deus, que case sempre ten rostros moi humanos, estea chegando a nós e polo que sexa non lle deixemos frutificar en nós. Nese caso, podémolo corrixir. E se vemos que lle estamos prestando atención e facendo todo o posible para que dea froitos en nós, daquela podémolo agradecer e gozarnos con iso.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.