22 setembro, 2023

Tempo Ordinario: 25ª semana



24 de setembro: Domingo 25 do tempo ordinario.

1ª lectura: Is 55, 6-9. Salmo: 144, 2-3. 8-9. 17-18.
2ª lectura: Flp 1, 20c-24. 27a.

Evanxeo: Mt 20, 1-16a

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
—“O Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá ceo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:
—Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto.”

Eles foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
—“Pero que facedes aquí, todo o día sen traballar?”

Eles responderon:
—“É que ninguén nos contratou.”

El díxolles:
—“Ide vós tamén á miña viña.”

Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ao administrador:
—“Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empezando polos últimos e acabas polos primeiros.”

Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, lmu8rmuraban contra o propietario:
—“Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca a nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.”

Pero el replicoulle a un deles:
—“Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non axustamos un denario? Pois colle o teu e vaite. E logo, se quero darlle ao último igual ca a ti, non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?”

Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros.

Meditación

De entre o que está a pasar entre nós con isto da crise, unha das cousas que máis nos molesta é ver como a desigualdade se está a facer cada vez máis notoria na nosa sociedade. Cada vez hai máis xente que vive peor, moito peor, pero ao mesmo tempo cada vez hai máis xente tamén que vive mellor, moito mellor. Dous exemplos: os soldos de certos directivos de empresas que, comparativamente, cada vez se distancian máis dos soldos dos obreiros normais desa mesma empresa; os beneficios bancarios, que, con crise e todo, se disparan nuns tantos por centos que nos parecen de escándalo. É certo, digan o que digan os gobernos que temos, non somos un estado xusto; a igualdade de oportunidades, recursos e servizos —que sería o propio dun estado de dereito— son moi diferentes para unhas persoas do que para outras; somos unha sociedade perigosamente rota. E isto non o toleramos. Para superar unha situación de crise que afecta a todo o país, o normal seria que esta crise descargase sobre todos os cidadáns, pero maiormente sobre aquelas persoas que máis recursos teñen para poder afrontala; e curiosamente está pasando xustamente ao revés; estariamos incluso dispostas a rebaixar o noso nivel de vida, a calidade dos servizos que se nos deben, sempre e cando iso afectase por un igual a todos e todas; pero o que non soportamos é que sexan os débiles as persoas sobre as que máis recaia a dureza do momento presente. E por iso estamos indignadas/os, e por iso a nosa sociedade está á busca de prácticas políticas que se desenvolvan en conformidade co que simplemente o sentido común demanda. Non é isto acaso o que sentimos a maioría da cidadanía á vista do que está sucedendo?

O Evanxeo de hoxe anda ás voltas con estas cuestións da xustiza e da igualdade de recursos, de salarios, de oportunidades en calquera dos niveis que compoñen a vida humana. É un relato que soamente nos conta o evanxelista Mateu, e moi agradecidas/os lle debemos estar, porque é unha verdadeira xoia, que nos permite entrar dunha maneira sinxela no corazón dos soños de Xesús, nese xeito de ser propio del que desborda todos os nosos pensamentos e criterios máis sensatos. Na súa experiencia espiritual, na súa mística propia, ía descubrindo como era o ser, o corazón de Deus, a súa actitude con todos os homes e mulleres do mundo: xusto, pero, máis que xusto, espléndido, desmedido, igualador, sen mirar demasiado os merecementos de cada quen. Aínda que Xesús era fillo dunha tradición relixiosa que así o confesaba, non cría que Deus fose ese "creador e señor de todas as cousas, premiador da xente boa e castigador da mala", como afirmaban os nosos catecismos. Xesús entendeu que en Deus a misericordia estaba por riba da xustiza, e que aos méritos distintos de cada persoa respondía Deus cunha vontade firme de ofrecer a toda a xente as mesmas oportunidades, os mesmos amores, as mesmas consideracións, sentindo especial debilidade e benevolencia con aquelas persoas máis fráxiles ás que máis lles custaba responder na vida, estar á altura do que delas se esperaba con máis ou menos lóxica. Estamos vivindo así a Deus na nosa persoal experiencia relixiosa? Estamos fomentando esta experiencia relixiosa dentro das nosas comunidades? É isto o que pode captar quen se achega a nós, ás nosas celebracións, ás nosas vidas?

Descubrindo así a Deus, vivíndoo así, Xesús non pode menos que converter esa vivencia súa nunha guía para as relacións entre as persoas que andaban en comunidade ao seu redor. Vía e desexaba o seu grupo coma un grupo alternativo, que rompese cos esquemas cos que se rexía a sociedade na que vivía; naquela sociedade, coma en parte tamén na nosa, reinaba a lei da competitividade, a lei de cada quen que se amañe como poida: as persoas que poden menos terán que se contentar con menos ou con nada, e as que poden máis pois serán as que triúnfen na vida; as máis espelidas, as máis vivas, as máis arteiras, as máis tramposas, as máis traballadoras, as que recibiron mellor formación, as que tiveron familias máis integradas onde un se pode capacitar mellor para a vida, as que foron a colexios de primeira, as que mellor renderon nos estudos, as que mellor defenden o seu traballo,... esas recibirán premio polos seus méritos ou pola súa raposería, e o resto a contentarse con ser cidadáns/ás de segunda, de terceira, ou simplemente excluídos. Consentimos ou mesmo favorecemos desde a nosa condición de persoas e de comunidades cristiás esta maneira de entender a vida, as relacións humanas, as oportunidades, a consideración coas persoas, os seus mesmos salarios e medios de vida? Arrimámonos a persoas, a grupos, a sensibilidades políticas que soñen con outra maneira de ver as cousas, na que os débiles teñan situación de privilexio? En que cousas concretas se pode traducir isto dentro da parroquia, comunidade, barrio,vila ou cidade na que vivimos?

Pode haber quen diga que isto invita á vagancia en todos os eidos da vida, nos materiais e nos espirituais. Sinal de que non entendemos a fondo o que Xesús nos quería transmitir. A parábola do evanxeo de hoxe valora o traballo a todos os niveis e urxe ao mesmo. Pero non hai cousa que máis mobilice, que máis comprometa, que o aprecio ás persoas e a consideración coas súas debilidades. Podemos considerar a Xesús un vago e un malfeitor, un desinteresado das cousas de Deus e das cousas da xente, da comunidade, do pobo? Cara a onde correría o mundo, se no canto de privilexiar os fortes, mimaramos os débiles en todos os aspectos? Que mundo seríamos, se a obsesión de todos/as fose que os últimos fosen sempre os primeiros, ou coma os primeiros?

Na celebración eucarística gustamos o amor sen medida de Deus en Xesús, na comunidade, para o que Deus non pon condicións nin esixe méritos especiais. Deus invítanos a fartarnos del e a vivir en consecuencia, con nós mesmos/as, coas demais persoas.

Preces

QUE TAMÉN ENTRE NÓS, XESÚS, AS ÚLTIMAS SEXAN AS PRIMEIRAS

Que nunca nos angustiemos polas nosas debilidades e pecados, que nos sintamos especialmente amadas/os por Deus precisamente por sermos débiles e pecadoras/es. Oremos.

Que entre todas e todos fagamos da comunidade cristiá un espazo de acollida, atención e potenciación da xente máis débil e marxinada. Oremos.

Que traballemos activamente por un salario base digno, pola igualdade salarial entre mulleres e homes, e pola moderación regulada dos salarios dos directivos Oremos.

Que clamemos contra os que nestes tempos están secundando guerras e persecucións inxustas, nas que sempre acaban padecendo máis as persoas máis débiles. Oremos.

Que traballemos pola unidade e a integración de todos os pobos, respectando as diferenzas e favorecendo sempre os máis débiles. Oremos.

Oración
Por que te empeñas en ser tan cumpridor, tan cumpridora?
Por que queres facelo todo perfecto,
para recibir o aplauso da demais xente,
para recibir o aplauso de Deus?
Por que dubidas de que Deus non te queira,
se non es abondo honrado/a,
de que Deus che rebaixe o apego e a paga,
se non es dos da primeira hora?

Por que compites,
por que buscas ser o primeiro, a primeira,
por que gozas diferenciándote,
ollando de esguello
as persoas débiles, fráxiles, pecadoras,
como se ti foses dono e señor das túas bondades,
e non humilde servidor dos bens que outros pousaron en ti,
no nome de Deus?

Con canta frecuencia esqueces
que, na idea e na práctica de Deus,
os últimos/as serán os primeiros/as,
as máis pecadoras serán as máis amadas,
os máis fráxiles serán os máis coidados,
as máis ignoradas serán as máis valoradas!

Cando pensas abrir o teu corazón sen reservas
ás propostas escandalosas de Deus?
Tes medo, verdade?, de que isto acabe nunha desfeita,
de que a indolencia se apodere das comunidades,
de que a vagancia se converta en lei
e de que todos, todas, sen excepción sexan igualmente tratadas,
sen distinción de méritos e valores!

Que pouco coñeces a Deus,
que pouco te gozas e recreas nel,
que pouco sabes das razóns do seu vigor,
que pouco entendes da súa tenacidade e eficacia!
Canta mundanidade espiritual
—como gusta de dicir o Papa Francisco—
debaixo dos teus afáns de cumprimento!

Lémbrao ben:
os últimos serán os primeiros,
as últimas serán as primeiras!
Acción

Hoxe ben podiamos visitar a unha desas persoas que socialmente, e mesmo relixiosamente, consideramos perdedoras. Visitala, falar con ela, escoitala, transmitirlle o noso respecto, o noso afecto, o noso apoio. E todo o que logo o Espírito nos poida suxerir.


25 de setembro: Luns da 25ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Esd 1, 1-6. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5.
Ano 2: 1ª lectura: Pr 8, 27-34. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5

Evanxeo: Lc 8, 16-18

Unha vez díxolle Xesús á xente:
—Ninguén acende un candil para cubrilo cunha ola ou para o meter debaixo da cama, senón que o pon nun candeeiro para alumar así as persoas que entren. Porque non hai cousa oculta que non chegue a saberse, nin segredo que non chegue a descubrirse e facerse público. Así que atendede a como escoitades, porque a quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que cre ter.

Meditación

“A quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que ten”. Palabras de Xesús que hai que entender ben. Non fala aquí de que, distribuíndo os bens, as riquezas, se lle teña que dar máis a quen xa ten, e quitarlle a quen non ten o pouco que poida ter. Sabemos de sobra que Xesús apostaba xustamente polo contrario, polo compartir, dándolle preferencia á xente máis débil sempre.

Esa frase, logo, quere dicir que, se temos unha actitude acolledora cara a palabra de Xesús –e tamén cara a calquera palabra humana que nos poida iluminar—, daquela a nosa vida medrará en toda clase de ben, ampliarase para acoller a quen nos rodea, iluminarase para descubrir as nosas zonas escuras, farase feliz e resplandecente, para nós e para as persoas que nos poidan rodear na vida. Deus é luz, transparencia, inocencia, verdade. Deus ilumina e aclara o noso corazón. Deus dános a encomenda de sermos tamén nós luz; luz humilde, agradecida, pero luz. Quen non está aberto á luz, a calquera luz, perderase na escuridade.

Oración
Que gusto dá a luz, meu Deus,
que gusto dá a luz!
Que gusto dá
andar coa vida iluminada, ao descuberto,
sen agachar nada ante ti, meu Deus
—imposible!—,
sen agachar nada ante ninguén!
Que gusto dá
vivir na inocencia, na transparencia,
na humildade,
exhibindo á luz do día,
as propias luces, as propias escuridades!
Que gusto dá
vivir na transparencia
ante ti, meu Deus,
ante toda a xente que nos rodee!
Que gusto dá, meu Deus,
recibir e agradecer a túa luz
e facernos luz para compartila!
Grazas!
Acción

Ás veces relacionámonos na vida desde os chismes, os segredos, as murmuracións polas costas, a falla de claridade, que non o saiba fulano etc. Normalmente este funcionamento enturba as relacións, agocha as verdades e non axuda a ninguén. ¿Estamos envolt@s en algo disto? ¿Poderiamos relacionarnos máis desde a transparencia, calando, iso si, cando o respecto nolo esixa?


26 de setembro: Martes da 25ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Esd 6, 7-8. 12b. 14-20. Salmo: 121, 1-2. 3-4a. 4b-5
Ano 2: 1ª lectura: Pr 21, 1-6. 10-13. Salmo 118, 1. 27. 30. 34. 35. 44

Evanxeo: Lc 8, 19-21

Unha vez viñeron onda Xesús a súa nai e máis os seus irmáns, pero debido á moita xente non se podían achegar a el. Entón avisárono:
—A túa nai e máis os teus irmáns están fóra e quérente ver.

El respondeulles:
—A miña nai e máis os meus irmáns sono as persoas que escoitan a palabra de Deus e a levan á práctica.

Meditación

Xesús non renega da familia, pero entende que a familia non o é todo, non é o máis importante. A súa postura vital era escandalosa para aqueles tempos, nos que a familia tiña unha forza especial na traxectoria dunha persoa. Hoxe somos xente máis autónoma, pero aínda así a familia segue a ser algo ben importante dentro do noso desenvolvemento persoal e social.

Xesús, sen desentenderse da familia, móvese empuxado por razóns distintas dos lazos familiares da carne e do sangue. El descubriu unha nova familia maior formada por un Pai ou Nai, que é a fonte xenerosa de todo canto somos e temos; ante el toda a realidade creada (natureza, minerais, vexetais, animais, seres humanos) formamos unha ampla e intensa fraternidade, que se desenvolve ben cando está atenta a esa palabra fonda que resoa en todos os seres e nos leva a respectarnos, a amarnos, a servirnos, con humildade, sen prepotencias, buscando sempre o ben común. Escoitar e practicar esa palabra vai creando uns lazos moito máis fortes que os da simple carne e sangue.

Oración
Quero sentirme irmán, irmá
da terra, da auga e do vento,
a quen tanto, tanto lles debo.
Quero sentirme irmá, irmán
de todos, todos os animais,
sexan ou non animais domésticos.
Quero sentirme irmán, irmá
de todos os home e mulleres do mundo,
sexa cal sexa o seu sangue, o seu credo.
Quero sentirme irmá, irmán
da xente máis débil e empobrecida
que me fan ser irmá(n) moi de certo.
Quero sentirme irmán, irmá
ao abeiro da Fonte e Alento da vida,
irmá(n) no presente, no eterno.
Acción

A familia é un tesouro. Pero éo sobre todo cando nos capacita para saír, para voar, para sermos nós, para abrirnos a familias maiores. ¿Cómo estamos vivindo a nosa realidade familiar? ¿Vémonos en algo como persoas sometidas pola familia? ¿Vemos que o meu mesmo servizo á familia me está ancheando o amor, o corazón, a capacidade de saír de min mesma(o), e ser así máis universal?


27 de setembro: Mércores da 25 semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Es 9, 5-9. Salmo: Tob 13, 2. 3-4a. 4bcd. 5. 8
Ano 2: 1ª lectura: Pr 30, 5-9. Salmo: 118, 29. 72. 89. 101. 104. 163

Evanxeo: Lc 9, 1-6

Un día Xesús convocou os Doce e deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas. Logo mandounos a predicar o reino de Deus e a curar a xente enferma, avisándoos:
—Non levede nada para o camiño, nin caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por persoa. Quedade na casa onde entredes ata que marchedes. Cando non vos acollan, ao saír daquela vila sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. Eles botáronse ao camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e curando en todas partes.

Meditación

Xesús tamén conta connosco. Igual que aos Doce no seu tempo, tamén hoxe nos envía a nós, homes e mulleres do noso tempo. A tarefa de Xesús non é só nin principalmente cousa de clérigos. É cousa de toda a comunidade cristiá. E todos e todas nós somos comunidade cristiá. A Igrexa, a comunidade cristiá concreta á que pertenzo, non é un supermercado de cousas do espírito, ao que acudo cando algo me fai falla e punto. Non somos persoas usuarias dun servizo que outras persoas nos dan. Somos a comunidade de Xesús, somos o grupo de Xesús que, por graza de Deus e da vida, descubrimos o regalo de Deus que é Xesús e todo o de Xesús, e gústanos vivilo, gustalo e compartilo con outra xente.

Xesús indícanos as formas de facer a tarefa que nos encomenda: disposición para saír, andar e compartir; humildade e pobreza: déusenos gratis, dámolo gratis; renunciar a facer ningún negocio ou carreira coas cousas da fe; compartir falando e, sobre todo, arrimándose á xente e valerlle en todo o que poidamos, nas cousas do corpo, nas cousas do espírito. O resto xa é cousa de Deus.

Oración
Xa o sei, Xesús, xa o sei,
non podo anunciar con convencemento
o que non vivo con paixón.
Non podo transmitir como Boa Nova
o que a min non me aleda o corazón.
Non podo falar de ti afervoadamente
se non tremo ao pronunciar o teu nome.
Non podo anunciar a presenza dun Deus
ao que non lle abro de par en par as miñas portas.
Non podo andar en humildade e pobreza,
mentres alá no fondo o egoísmo me siga marcando os pasos.
Non podo apaixonarme pola xente en debilidade,
mentres non os sinta realmente coma persoas irmás.
Que queres que che diga, amigo Xesús,
pero gustaríame que contases comigo.
Grazas.
Acción

¿Estamos participando dalgunha maneira na “misión” que Xesús lles encomendou aos Doce e que tamén nos encomenda a nós? ¿Podemos sinalar algunha cousa concreta na que nos vemos servindo a causa de Deus con algún servizo á xente? ¿Poderíamos mellorar algo nisto?


28 de setembro: Xoves da 25 semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ax 1, 1-8. Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Ano 2: 1ª lectura: Ecl 1, 2-11. Salmo: 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17

Evanxeo: Lc 9, 7-9

Sucedeu que o tetrarca Herodes soubo de todo o que pasaba con Xesús e estaba perplexo, pois había algunhas persoas que dicían:
—Resucitou Xoán de entre os mortos.

E outras persoas:
—Apareceu Elías.

E outras:
—Resucitou un dos antigos profetas.

Pero Herodes dicía:
—A Xoán mandeino eu decapitar, ¿quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?

E buscaba a maneira de ver a Xesús.

Meditación

Posiblemente sexamos moitas as persoas ás que Xesús nos deixa perplexas: atráenos, revólvenos, inquiétanos, namóranos, escandalízanos, sedúcenos, desbórdanos… Algo diso lle pasaba a Herodes. Que podemos facer? Fuxir dunha personalidade tan atractiva e tan misteriosa a un tempo? Dispornos a facer un camiño de aproximación á súa persoa, ao seu estilo de vida, dado que tanta xente ten habido que así o fixo e alucinaron coa súa amizade e co aire novo que foi collendo a súa vida? Pois parece que Herodes, con todo e ser como era, tiña ganas de facer esta experiencia. Quedámonos nas ganas coma el ou daremos algún paso? Hai xente, hai comunidades cristiás enredadas sinceramente con Xesús, que nos poden botar unha man, que nos poden acompañar nese camiño, que nos poden contar o que Xesús lles aportou, que nos poden achegar á súa porta para ter un encontro con el. Por que non probar, a ver?

Oración
Buscar a maneira de verte, Xesús.
Buscar,
non quedar parada, agardando sen máis
a que a casualidade me leve a ti.
Buscar,
remexer, revolver, tocar aquí e acolá,
todos os puntos e lugares
onde quen me precedeu na busca me di que te amosas.
Buscar,
esculcarte nos teus Evanxeos,
na miña vida, nas cousas da vida,
na vida da xente máis empobrecida,
uníndome á comunidade da xente buscadora.
Buscar,
calar, escoitar,
abrir os ollos do corazón para verte
e deixarme asombrar pola túa presenza humilde
(así me din que te amosas).
E que sexa o que Deus queira, Xesús,
que sexa o que Deus queira.
Acción

¿Estamos facendo algo por avanzar no coñecemento de Xesús? ¿Ou resignámonos a vivir na perplexidade cara a el, vivindo con rutina do que outra xente nos dixo, sen ousar experimentar en por nós o encontro con Xesús? ¿Cómo poderiamos dar algún paso neste camiño?


29 de setembro: festa dos santos arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael

1ª lectura: Dan 7, 9-10. 13-14. Salmo: 137, 1-2a. 2b-3. 4-5. 7c-8

Evanxeo: Xn 1, 47-51

Unha vez viu Xesús a Natanael, que se achegaba, e dixo del:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.

Preguntoulle Natanael:
—¿E de que me coñeces?

Contestoulle Xesús:
—Antes de que Felipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.

Respondeulle Natanael:
—Rabí (mestre), ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.

Díxolle entón Xesús:
—¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.

E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do home.

Meditación

Case sempre pasa así. Accedemos a Xesús, porque alguén nos falou del, ben coa súa palabra, ben sobre todo co seu xeito de vivir. A maneira de vivir atrae e engancha máis do que a mesma palabra. Achegándonos a Xesús, entrando na roda dos seus seguidores e seguidoras, recibimos del a promesa de que se nos agrandará a ollada e o corazón, as esperanzas e as ilusións para algo novo, nunca visto, que desborda as nosas expectativas. Xesús nunca decepciona. “Vin o ceo aberto”, dicimos, cando nos atopamos con algo case inesperado, que ten a capacidade de aclarar escuridades, de desbloquear situacións persoais ou comunitarias, sociais, que semellaban sen saída. Os anxos simbolizan esa claridade e esa forza que nos chega de Deus en horas e con maneiras insospeitadas. Os anxos son coma dicir a compaña benévola, alentadora que Deus permanentemente os garante.

Oración
Miguel, e quen coma Deus?
Potente, marabilloso,
abnegado servidor,
do noso ben moi celoso.
Gabriel, forza de Deus
que nos fai recias e fortes,
para a paz, para a xustiza
incuestionable soporte.
Rafael, o Deus que cura
todas as nosas feridas,
e nos unxe con tenrura
para alegrarnos a vida.
Acción

¿Falámoslle de Xesús algunha vez a algunha persoa que nos parece que o descoñece? ¿Compartimos con alguén a nosa fe relixiosa, os nosos convencementos cristiás? ¿E si hoxe probáramos a facelo?


30 de setembro: Sábado da 25ª semana do Tempo Ordinario.

Ano 1: 1ª lectura: Zac 2, 5-9. 14-15a. Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13
Ano 2: 1ª lectura: Ecl 11, 9—12, 8. Salmo: 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17

Evanxeo: Lc 9, 43b-45

Nunha ocasión, cando todo o mundo o admiraba polas cousas que facía, díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Que vos quede isto ben gravado: ao Fillo do home hano entregar nas mans dos homes.

Pero eles non entendían o que lles quería dicir; non o daban descifrado, e non ousaron pedir que llelo aclarase.

Meditación

Lin hai poucos días esta frase saída da pluma de Luís Trigo Chao, un militante galego socialista dos anos 20-30 do século pasado, que tivo moito éxito social e que logo tería que fuxir ao monte e sería asasinado no ano 1947: “As revolucións non se fan con auga de colonias, senón entregando o sangue dos mellores fillos do pobo”. Xesús no seu momento diría algo semellante: “Tomade e comede, este é o meu corpo. Tomade e bebede, este é o meu sangue entregado por vós e polo mundo enteiro”. Salvando as grandes diferenzas –pero recoñecendo tamén as enormes similitudes—, un e outro, Luís e Xesús, advírtennos do mesmo: quen traballe por cambios substanciais na propia persoa e na sociedade, que conte con horas de conflito, de enfrontamento, de sufrimento, de morte incluso; e iso por moito que haxa momentos de éxito, gloria e recoñecemento, que os haberá.

Oración
Nas horas crúas da noite, Xesús,
un chisco da túa luz.
Nas horas do enfrontamento,
algo do teu alento.
Nas horas da turbación,
a túa confirmación.
Cando cheguen os desprezos,
a graza do teu aprezo.
E, se a cousa acaba en morte,
que a túa paz nos conforte.
Acción

Case instintivamente fuximos do conflito, e, cando as cousas se complican un pouco en calquera acción comunitaria na que participamos, con frecuencia renunciamos a seguir. ¿Estanos pasando algo así nalgún campo? Podiamos dar algún paso seguindo o talante de Xesús, o noso Mestre?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.