05 outubro, 2023

Tempo Ordinario: 27ª semana



8 de outubro: Domingo 27 do tempo ordinario.

1ª lectura: Is 5, 1-7. Salmo: 79, 9 e 12. 13-14. 15-16. 19-20.
2ª lectura: Flp 4, 6-9.

Evanxeo: Mt 21, 33-43.

Unha vez díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—“Escoitade outra parábola: dunha había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns vendimadores e marchou para lonxe.

Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos vendimadores para cobrar as rendas. Pero os vendimadores agardáronos e a un zorregáronlle, a outro mat´arono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.

Por último mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: “O meu fillo hano respectar.” Pero os vendimadores, ao veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro; veña, matémolo e a herdanza será nosa.” E agarrárono, botárono fóra da viña e matárono.

Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos vendimadores aqueles?”

Respondéronlle:
—“A eses malvados faraos morrer de mala morte e arrendaralles a viña a outros vendimadores, que lle paguen as rendas no seu tempo.”

Díxolles entón Xesús:
—“Seica non lestes nunca na Escritura:
“A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal;
esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!?”
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus e daráselle a un pobo que produza bos froitos.”
Meditación

É importante comparar algo a “canción da viña”, que lemos na lectura do profeta Isaías (Is 5,1-7), coa reformulación da mesma que Xesús fai na parábola que lemos no evanxeo de hoxe. Na “canción da viña” de Isaías o problema é que a viña, a pesar dos excelentes coidados do seu dono, no canto de producir boas uvas, produce uvas agraces. Non está de máis que reparemos niso; tamén nós podemos corresponder aos coidados de Deus e de moita xente que no seu nome mira por nós con uvas agraces, é dicir, palabras, comportamentos amargos que amargan a existencia, a nosa mesma existencia e a existencia das persoas que conviven connosco na familia, na comunidade, na sociedade. Estamos chamadas a ser uvas boas, froito gustoso, co que poida gozar quen nos trata, co que poidan gozar sobre todo as pobres, os pobres de Deus, que é a quen Deus quere que tratemos con especialísima consideración. Estamos sendo uva boa para a gran familia de Deus, ou uva agraz na casa, na comunidade, na sociedade?

Xesús, cando reformula a “canción da viña” de Isaías na súa parábola, non se queixa de que a viña non produza bos froitos, máis ben constata que si os produce; Xesús quéixase de que haxa alguén que se queira apropiar dos bos froitos da viña como se fosen cousa del, propiedade del, sen admitir que, calquera que sexa o seu labor no coidado da viña, non é máis ca un simple mandado, pois a propiedade é de Deus, só de Deus. Bótalle así en cara aos xefes relixiosos e autoridades do pobo que se estean apropiando do pobo de Deus, como se eles fosen os donos do pobo e non simplemente administradores, servidores do pobo no nome de Deus. As palabras de Xesús van dirixidas, logo, especialmente ás persoas que están ao fronte das nosas comunidades, e, a través delas, ás comunidades mesmas. Que tipo de comunidades cristiás estamos construíndo? Quen ten o servizo de presidilas, que papel fai? Estanse convertendo en señores que impoñen a súa vontade, como se fose a de Deus, que non favorecen a autonomía e responsabilidade dos membros da comunidade, que non fomentan os camiños persoais de relación con Deus, as capacidades de cada quen para facer unhas comunidades máis ricas, máis fermosas, máis auténticas? Fan e desfán na comunidade cristiá sen contar coa xente, sexa para rexer os cartos ou os bens da comunidade, sexa para dar orientacións sobre a vida cristiá, sobre a sexualidade, por exemplo, sobre a constitución da familia, sobre a participación cidadá? Como son os nosos pastores? Respectan a comunidades coma comunidade de Deus, propiedade de Deus, ou enseñóranse dela, para medraren a conta da comunidade?

Pero, de rebote, estas preguntas que lles podemos facer, no nome de Xesús, a quen preside as nosas comunidades, tamén nos afectan a todas as persoas que formamos a comunidade cristiá. Que facemos nós para que os nosos líderes respondan ao que Xesús quere deles? Valoramos a nosa autonomía, valoramos as calidades que cada un, cada unha de nós temos, para poñelas ao servizo da comunidade? Ou deixámonos levar, deixamos que outros decidan, desentendémonos da responsabilidade que temos sobre a marcha das nosas comunidades e parroquias? Moitas veces queixámonos das arbitrariedades dos bispos e dos curas, pero non estamos nós contribuíndo a elas co noso pasar de todo no que se refire á vida da comunidade? Cando actuaremos dando a entender que a comunidade é cousa nosa, que estamos dispostos/as a implicarnos nela, a pedir, a esixir que se nos teña en conta, que sexamos tratadas coma persoas adultas? Cando apostaremos por ter unha experiencia espiritual propia, adulta, ben formada, que nos capacite para entender das cousas da comunidades e participar nela con humildade, si, pero tamén con decisión e valentía?

Este evanxeo, logo, oriéntanos sobre o ser ou non ser das nosas comunidades cristiás, sobre o feito de enseñorarnos da comunidade ou de permitir que outros o fagan. Dicía hai pouco o noso Papa Francisco: “A Igrexa ten respostas para a infancia do home, pero non para a súa idade adulta”. E iso é así porque hai quen nos trata coma nenos e nenas en moitísimas cousas, aínda que sexamos completamente adultos/as; pero tamén é así porque gústanos vivir coma nenos en cousas nas que estaría moi ben que funcionásemos coma adultos. Cando unha comunidade cristiá está infantilizada, perde calidade, perde atractivo, non chama, bota para atrás. A fermosura dunha comunidade na que Deus é o señor e na que os pastores son servidores, convértese pouco a pouco nunha comunidade na que os pastores, a clerecía, fanse amos, e na que Deus se vai facendo ausente da experiencia real dos membros desa comunidade, perde o seu señorío, a súa presenza viva, animadora. Non é este, acaso, un dos grandes problemas das nosas comunidades?

A celebración eucarística é a celebración da comunidade, presidida por Cristo, enriquecida cos valores e achegas de cantos nela participamos, para vivir en todo en adultez.

Preces

VEÑA O TEU REINO, SEÑOR!

Que todas, todos contribuamos a facer parroquias e comunidades vivas, aportando o que somos e valemos, para que a vide do pobo de Deus dea froitos saborosos para alegría de todos. Oremos.

Que os nosos curas e bispos animen as comunidades cristiás, a Igrexa, coma servidores e non coma amos, escoitando en todo ao pobo de Deus e gozando co crecemento e madurez das persoas que o compoñemos. Oremos.

Que o Sínodo sobre a familia que hoxe mesmo empeza en Roma se desenvolva con fidelidade ao Espírito de Xesús en todo, sabendo mesturar ben a misericordia coa esixencia na vida cristiá. Oremos.

Que as persoas máis débiles de entre nós sexan sempre as máis consideradas tanto nas comunidades cristiás coma na sociedade civil, e que atopen en nós alento e apoio, defensa e afecto. Oremos.

Que gocemos sabéndonos persoas amadas e atendidas por Deus, que conta connosco para espallar pola parroquia, polo Concello as súa bendicións, a súa paz, a súa xustiza.

Oración
Ai, Señor,
ese desmedido afán de ter,
do que nos chufamos os humanos,
esa tola ansia por posuír
cousas, ideas, persoas…!

Este corpo é meu,
e fago con el o que eu quero!
Esta muller é a miña,
e podo dispoñer dela cando quero,
do seu corpo,
das súas decisións,
e mesmo da súa vida, se me prace!

Este é o meu grupo,
a miña comunidade;
estes son os meus cartos,
a miña casa,
a miña finca;
estas son as miñas ideas,
a miña teoloxía…,
dicimos tantas veces
con aires de suficiencia, de propiedade, de dominio,
querendo ignorar
que somos simplemente debedores de todo canto somos,
que nada é meu,
nada é noso,
como non sexa esa sede insaciable, enfermiza,
de afogarnos nas cousas,
escapando de sermos nós mesmos,
libremente.

Ai, Señor,
deica cando este apego absurdo,
este fuxir espavorecido de bicos e apertas?
Cando descubriremos o pracer
de fuxir de todo acto de posesión,
para atopar con humildade o que somos,
para bater coa verdade que nos explica,
para abrazarme na comunidade que nos acubilla,
para ver por todas partes irmáns e irmás
e non inimigos cos que combater
nin rivais cos que competir.

Ai, Señor,
cando serei de verdade home, muller,
no teu seo,
no seo da creación,
no seo baleiro da xente que me rodea?

Cando serei unha muller nova,
un home novo?
Acción

Estamos tendo algunha responsabilidade na comunidade cristiá, na parroquia da que formamos parte? Se a estamos tendo, que razóns, que circunstancias nos foron levando a iso? Se non o estamos, por qué? Vexo necesario falar isto coa persoa responsable da parroquia? E, se nos xuntamos varios, para lle dar máis peso ao que alí falemos?


9 de outubro: Luns da 27ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1ª: 1ª lectura: Xon 1, 1—2, 1. 11. Salmo: Xn 2, 2. 3. 4. 5. 8
Ano 2ª: 1ª lectura: Gál 1, 6-12. Salmo: 110, 1-2. 7-8. 9 e 10c

Evanxeo: Lc 10, 25-37

Unha vez ergueuse un letrado e preguntoulle a Xesús para o poñer a proba:
—Mestre, ¿qué teño que facer para herdar a vida eterna?

El respondeu:
—¿Qué pon a Lei? ¿Qué les?

Contestou:
—Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo como a ti mesmo.

E díxolle Xesús:
—Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.

Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
—E ¿quen é o meu próximo?

Xesús contestoulle:
—Unha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó e asaltárono un bandidos, que, despois de o roubaren e mallaren nel, deixárono medio morto. Cadrou de baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo e pasou de largo. Pero unha persoa de Samaría, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ao outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro e díxolle: “Coida del e, cando volva, xa che pagarei o que gastes de máis”.
—¿Quen desas tres persoas che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?

El respondeu:
—A que practicou a misericordia con el.

Díxolle Xesús:
—Pois ti vai e fai outro tanto.

Meditación

É ben raro que só o evanxelista Lucas nos conte esta parábola, co fermosa que é e co ben que nos mostra a orixinalidade de Xesús, a súa maneira particular de entender a vida relixiosa, a fidelidade a Deus, como se pode amar e servir a Deus, como se pode acceder á vida xa mentres vivimos e mesmo despois da morte. Xesús non era absolutamente orixinal, porque na tradición profética do Antigo Testamento xa lemos mensaxes semellantes. O que chama aquí a atención é a diferenza de comportamentos entre os dous clérigos (sacerdote e levita) e a persoa de Samaría, porque a xente de Samaría tiñan fama de xente desalmada, xa que se arredaran das prácticas relixiosas xudías no templo de Xerusalén. E curiosamente foi aquela persoa samaritana e non os clérigos a que de verdade honrou a Deus.

Todo o debuxa Xesús á perfección para que nos quede ben claro que, por riba de calquera práctica relixiosa, o cerne do culto e amor a Deus xógase na vida, na maneira como tratamos á xente ferida, coa que imos batendo na vida. Hai pouco o Papa Francisco felicitaba as ONGs que se dedican a recoller persoas que naufragan no Mediterráneo, dicíndolles que eran a xente samaritana de hoxe. Pero, sen ter que ir ao Mediterráneo, todo o mundo podemos vivir o noso amor a Deus atendendo moita xente vulnerable que vive ao noso redor.

Oración
Oio a Deus que me di:
Non me preguntes como quererme,
como servirme, como reverenciarme,
como darme o mellor culto;
sábelo de sobra.
Sae aos camiños da vida,
non poñas escusas, por moi sagradas que che parezan,
para evitar bater coa xente marxinada,
con grupos marxinados,
con pobos e continentes marxinados,
achégate, déixate conmover,
le,
coñece,
toca,
ama,
coida,
inviste tempo, cartos, ansias, memorias,
e a vida xermolará en ti na mellor primavera.
E logo vén ao templo e falemos,
e abracémonos.
A pregaria do templo será eco dos feitos da rúa.
Os feitos da rúa porán verdade nos rezos do templo.
Acción

Se somos xente preocupada por mellor amar a Deus, podemos preguntarnos se na nosa vida concreta estamos pasando de largo ante algunha situación de xente ferida; podemos preguntarnos como sos ou co apoio doutras persoas podemos dar apoio a quen padece, persoas, grupos sociais, países enteiros. A caridade ás veces demanda reclamar xustiza, dereitos; demanda tamén movida social, política.


10 de outubro: Martes da 27 semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xon 3, 1-10. Salmo: 129, 1-2. 3-4ab. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Gál 1, 13-24. Salmo: 138, 1-3. 13-14ab. 14c-15

Evanxeo: Lc 10, 38-42

Un día entrou Xesús nunha aldea e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que, sentada aos pés de Xesús, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa, e, achegándose, dixo:
—Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min soa servindo? Dille que me bote unha man.

Pero o Señor respondeulle:
—Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas; pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

Meditación

Todo o mundo lle dariamos a razón a Marta, que ademais fora a que invitara e acollera a Xesús na súa casa. ¿Qué nos pasaría, sen a xente que se preocupa polas mil cousas miúdas, pero imprescindibles, das que se compón a vida, o benestar diario? Polo tanto Xesús non nos invita a pasar deses servizos miúdos que fan agradable a vida.

Xesús invítanos a non contentarnos con iso. Podémonos ver, acollernos, obsequiarnos con cousas, mesmo dicirnos palabras durante horas enteiras, sen nos comunicar a un nivel fondo: nin falamos do que na vida nos doe ou nos aleda, nin nos facemos capaces de escoitar o que a outras persoas lles doe ou lle dá ledicia na vida. Xesús invítamos, logo, a unha relación de corazón a corazón. Relacionarnos así coa xente vainos habilitando para relacionarnos con Deus, que lle gusta andar agachado alí onde as persoas vibran, onde sofren e festexan.

Oración
Sentar,
acougar,
pararme ao lado da xente,
pararme no paso da vida,
pararme onda ti, meu Deus.
Sentar,
acougar,
escoitar,
afiar os oídos do corpo e do corazón,
os oídos do espírito,
para percibir a vida
na súa presenza ou na súa ausencia,
para acoller os gozos da vida,
as queixas e dores da vida.
Sentar,
acougar,
escoitar,
enchouparme da vida,
enchouparme de ti, meu Deus,
e logo vivir,
vivir a tope,
vivir ao ritmo da vida,
vivir ao ritmo de Deus.
Coma ti, Xesús.
Acción

Podemos facer o esforzo por parar hoxe un momento, 15, 20 minutos, escoitando as voces que resoan no noso interior, escoitando a vida que xorde en nós. Ou, se alguén nos visita, podemos esforzarnos por escoitalo a fondo, con atención ao que di, ao que hai no fondo do que di. Facéndoo, escoitamos a vida, escoitamos a Deus.


11 de outubro: Mércores da 27ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Son 4, 1-11. Salmo: 85, 3-4. 5-6. 9-10
Ano 2: 1ª lectura: Gál 2, 1-2. 7-14. Salmo: 116, 1. 2

Evanxeo: Lc 11, 1-4

Dunha vez, cando Xesús estaba orando en certo lugar, unha das persoas que andaban canda el pediulle:
—Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ás persoas que o acompañaban.

Respondeulles Xesús:
—Cando recedes, dicide:

Pai, santificado sexa o teu nome, veña o teu reino, dános cada día o noso pan, perdoa os nosos pecados, porque tamén perdoamos nós a quen nos debe algo; e non nos deixes caer na tentación.

Meditación

Que fermoso debía ser ver rezar a Xesús! Véndoo daban ganas de rezar, de rezar coma el. O que sabemos sobre a oración de Xesús é que lle gustaba rezar, que pasaba tempos só ante o Pai/Nai do ceo, que as súas oracións eran máis ca nada como exclamacións cheas de vida e de sentimento. Que saibamos, Xesús non escribiu oracións, como fai quen isto está escribindo. A única oración que nos deixou foi esta do Noso Pai, ben sinxela e directa por outra banda:

Primeiro que Deus sexa santificado entre nós, coa nosa vida honrada, irmandada; que a súa santidade, feita de xustiza sen límites para defender a xente vulnerable, e feita de misericordia sen recortes, luza entre nós. Logo ter pan, o pan que cada día necesitamos para vivir; non máis, non menos; e que o teña todo o mundo; logo o perdón de Deus para curarnos dos nosos pecados, como unha escola onde aprender a perdoarnos entre nós; perdoar, perdoar sempre, o mal que nos fan; facer da dignidade de quen nos rodea a grande ilusión da nosa vida; baleirarnos para enchernos da irmandade, para enchernos de Deus. E por último sermos fortes cando o mal, agochado de calquera maneira, pretenda meterse na nosa vida.

Oración
Grazas, Xesús,
porque nos ensinas a rezar,
con poucas palabras, con moito sentimento,
desde a verdade da vida,
desde a verdade de Deus.
Grazas, Xesús,
por levarnos sempre cara ao sinxelo,
cara ao elemental,
cara ao realmente necesario:
a santidade de Deus nas nosas vidas,
o pan compartido,
o perdón indo e vindo sen reparos,
e o afán cauteloso de que sexa o ben,
só o ben,
o que oriente e encha as nosas vidas.
E con estas ansias no corazón
empezar e rematar as nosas xornadas,
no teu nome,
no nome do Deus da vida que sempre nos acompaña.
Amén.
Acción

¿Rezamos algo diariamente? ¿Poderiamos rezar algo en familia ao comezo, ao final do día? Que fermoso sería un Noso Pai diario en familia en calquera momento do día. Rezar ben axúdanos a vivir ben, con ánimo, felices. Fagamos a proba unha tempada.


12 de outubro: Festa da nosa Señora do Pilar

1ª lectura: 1 Cor 15, 3-4. Salmo: 26, 1. 3. 4-5

Evanxeo: Lc 11, 27-28

Nunha ocasión, cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo berrando:
—¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!

Pero Xesús replicoulle:
—Ditosas máis ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.

Meditación

Quizais nunca Santiago veu a España, nin a Zaragoza, nin ao mesmo Santiago de Compostela. Quizais nunca, polo tanto, se atopou Santiago coa nosa Señora sobre dun piar en Zaragoza. Pero na vida moitas veces vivimos de historias, de lendas, que van configurando a nosa maneira de ser, de pensar, de crer. O importante, neste noso caso, é ver se esa lenda da nosa Señora do Pilar nos orienta ben cara a unha vida cristiá apegada ao Evanxeo de Xesús. E o Evanxeo de Xesús de hoxe fálanos da admiración que Xesús causaba na xente, ata o punto que unha muller exclamou o que nós tamén adoitamos dicir en situacións similares: “Bendita a nai que te pariu”. A nosa Señora, en calquera das súas advocacións, participa algo desta admiración por Xesús, pero sempre é Xesús o centro.

Por outra banda, Xesús mesmo nos advirte que esa relación familiar, de carne e sangue, tan íntima como pode ser a da mesma maternidade e a da crianza, non é tampouco o máis importante. O importante é escoitar, gardar e cumprir a palabra de Deus que nos pode chegar de maneiras moi diversas na vida. Nisto Santa María é un bo exemplo para nós: escoitou, acolleu e cumpriu. Asentándonos niso, a nosa vida cristiá estará asentada nun bo piar.

Oración
Santa María, señora do Pilar,
que a morea enorme
de flores aos teus pés
nós leve a admirar
a túa humilde sinxeleza,
a túa capacidade de escoitar
as múltiples voces de Deus na vida,
a túa capacidade de gardar a palabra,
de deixar que colla corpo en ti
e de convertela nunha vida aberta a Deus e á xente.

Santa María, señora do Pilar,
que a morea multicolor
de flores aos teus pés
nos leve a admirar a Xesús,
na súa habilidade desmedida
de acoller a toda clase de xente marxinal,
coa súa particular historia desfeita,
coa súa dignidade maltratada.

Santa María, señora do Pilar,
lévanos onda Xesús,
para formar con el unha familia nova, universal,
na que a xente débil sexa sempre o centro
da nosa fe, das nosas ansias comunitarias.
Acción

É normal que teñamos un fondo respecto e agarimo por Santa María, a nai de Xesús. Se participamos nalgunha celebración na súa memoria, por respecto a ela precisamente fagámolo con sentido, non coma unha feira relixiosa onde todo se compra e se vende.


13 de outubro: Venres da 27ª semana do Tempo Ordinario.

Ano 1: 1ª lectura: Xl 1, 13-15; 2, 1-2. Salmo: 9, 2-3. 6 e 16. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: Gál 3, 7-14. Salmo: 110, 1-2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Lc 11, 15-26

Unha vez, despois de que Xesús botase un demo, algunha persoas presentes dixeron:;
—Este bota fóra dos demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.

Outras persoas, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban, díxolles:
—Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. Pois ben, se Satanás está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul. Pero, se eu boto os demos co poder de Belcebul, ¿co poder de quen os botan os vosos fillos? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. Pero, se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. pero se chega un máis forte e o vence, quitándolle as armas nas que confía, repartirá o botín. Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo, derrama.

Cando o espírito malo sae dunha persoa, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa, di: "Volverei á miña casa de onde saín;" e, ao chegar, atopa a casa varrida e ordenada. Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando todos, establécense alí, e resulta que o final daquel home acaba peor que o principio.

Meditación

Demos para arriba e demos para abaixo. Non fai falla imaxinar personaxes horrendos para decatarse de que o mal anda entre nós, na nosa sociedade, nos nosos pobos, na nosa propia persoa, no noso corazón. É algo que incluso repetimos con insistencia: que mal anda o mundo. Quizais o dicimos menos referido a nós, no sentido de ver que tamén nós, se non nos coidamos, podemos ser axentes de mal, de malicia.

No evanxeo tampouco non se dubidaba diso. A pregunta era quen e como se lle podía facer fronte ao mal, con que forzas. Xesús amósasenos coma unha persoa en conflito permanente con todo o que podería roubarlle a paz, a dignidade, o benestar físico e espiritual a calquera persoa. E con enerxías para facelo. Os evanxeos son un indicador claro de como facelo, desde que bases, con que métodos. Se lemos, meditamos, interiorizamos o que día a día nos evanxeos imos vendo, acabaremos sendo tamén nós, coas nosas limitacións, persoas empoderadas contra o mal.

Oración
O poder de Deus,
a forza de Deus:
iso era, Xesús, o que a ti te facía forte,
e esa é a fortaleza que ti queres compartir connosco.
Grazas.
Así,
só así,
poderei ser forte contra o mal,
arrincándoo do meu corazón,
das miñas palabras,
dos meus feitos.
Só así
poderei ser
coma unha man túa
no esforzo común
por reparar este mundo,
por facelo limpo e luminoso.
Éncheme, Xesús, co poder de Deus.
Acción

Estamos hoxe especialmente atentos/as a calquera mal, que, na forma que sexa, rolde as portas da nosa vida. E miramos de lle dar cara coa forza que de Deus nos vén, co apoio de xente amiga coa que podemos compartir esas situacións.


14 de outubro: Sábado da 27ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xl 4, 12-21. Salmo: 96, 1-2. 5-6. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: Gál 3, 22-29. Salmo: 104, 2-3. 4-5. 6-7

Evanxeo: Lc 11, 27-28

Nunha ocasión, cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo berrando:
—¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!

Pero Xesús replicoulle:
—Ditosas máis ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.

Meditación

Reparamos na admiración que Xesús provocou naquela muller do pobo, que acabou proclamando ditosa á nai que o concibira e que o parira. A admiración en si é unha das grandes actitudes humanas que nos pode levar da man a unha vivencia relixiosa auténtica. Admirar é estar aberto ao fermoso, ao sorprendente, ao marabilloso que nos rodea, sexa isto algo grande ou algo pequeno; pero tamén é estar aberto ao feo, á desgraza, á desfeita da natureza, á desfeita de tanta xente fráxil (pobre e rica) que hai polo mundo. Admirar é estar aberto a ese mundo interior noso, que nunca comprendemos abondo, misterioso, que nos introduce no mundo do misterio, no mundo do descoñecido que nos desborda. Admirar vólvese case imprescindible para crer, para vincularse a Xesús, para vincularse a Deus. Admirar leva a agradecer, a adorar, a amar, a implicar a propia vida, á dispoñibilidade. E para admirar necesitamos poder contemplar as cousas, as vidas, as persoas, a propia persoa; necesitamos espazos e tempos de silencio na vida.

O evanxeo de hoxe invítanos a admirar a Xesús, a Deus nel; invítanos a que, como persoas seguidoras del, coa nosa vida cristiá provoquemos tamén a admiración por el. Que, véndonos a nos, a xente poida dicir: que marabilloso debe ser o Deus que os sostén, para viviren eles coa humanidade coa que viven.

Oración
Que grande te nos mostras, meu Deus,
no cosmos, na natureza saída das túas mans!
Que singular e creativo te apareces
en cada home ou muller, orixinal, irrepetible!
Que misteriosamente próximo te presentas
no teu fillo Xesús, un de tantos, un excepcionalmente teu!
Que íntimo e familiar te me ofreces,
acompañándome coma un amigo fiel que me comprende!
Que grande es no Espírito co que nos agasallas,
para afirmarnos en ti, para sustentarnos na dor!
Que sinxelo e marabilloso te nos fas
en quen aprendeu de ti a honra de convivir coa xente pequena!
Que marxinal e esixente te nos mostras
na metade dos seres humanos que escasamente son!
Meu Deus, admírote e adórote,
agradézote e entrégome a ti.
Acción

Podemos ser e manifestarnos como persoas relixiosas en moitas circunstancias da nosa vida, fóra da igrexa e do que na igrexa celebramos, porque Deus está en todo. ¿Descubrímolo así na vida? ¿Poderíamos estar máis atentos dalgunha maneira a esta súa presenza na vida?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.