27 setembro, 2023

Tempo Ordinario: 26ª semana


 

1 de outubro: Domingo 26 do tempo ordinario.

1ª lectura: Ez 18, 25-58. Salmo: 24, 4bc-5. 6-7. 8-9.
2ª lectura Flp 2, 1-11.

Evanxeo: Mt 21, 28-32.

Unha vez díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—“Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro e díxolle: “Meu fillo, vai traballar hoxe na vida.” el respondeu: “Non quero”; pero despois, arrepentido, foi.

Foi onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: “Vou, señor”, pero non foi.

Quen dos dous fixo a vontade do pai?!”

Respondéronlle:
—“O primeiro.”

Entón díxolles Xesús:

“Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pedro vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.”

Meditación

Estamos no comezo dun novo curso ou etapa laboral. Quizabes é un bo momento para escoitar o evanxeo de hoxe. Seguramente nos estamos propoñendo algunhas actividades para o curso que empeza, en beneficio propio ou en beneficio da comunidade. Non estaría ben pararnos e preguntarnos se Deus non nos estará pedindo colaboración tamén? En que cousas, en que servizos, con que persoas? Fixémonos ben no Evanxeo de hoxe.

O relato é moi sinxelo, moi simple. Como lles pasou ás persoas que por primeira vez escoitaban esta pequeniña parábola, tampouco nós non temos dificultade ningunha en responder á pregunta final de Xesús: quen dos dous fillos fixo a vontade do Pai. Pero é tan simple a cousa, é tan doado responder á pregunta de Xesús, que nos podemos quedar na satisfacción da resolución teórica do caso, como quen queda contento por resolver unha adiviña que alguén lle propón. E así non nos deixamos afectar pola palabra de Xesús, e entrariamos a formar parte do grupo daqueles sacerdotes e anciáns do pobo, que en teoría seguro que o sabían todo, seguro que predicaban unha e mil veces palabras máis ou menos atinadas sobre Deus e a relixión, e, sen embargo, non cumprían a vontade do Pai. Queremos quedarnos aquí, sen que realmente escoitar este evanxeo de Xesús nos valla para nada, ou queremos deixarnos afectar polo evanxeo de Xesús, deixar que toque as nosas vidas, que as cuestione, que as acenda?

O risco dunha relixión establecida é ese: pensar que co cumprimento dunhas determinadas prácticas que se nos propoñen xa cumprimos coa vontade de Deus. Así podo pensar que participando na eucaristía dos domingo (presidíndoa, se son crego, ou participando simplemente nela, se non o son), xa fago a vontade de Deus. Podo pensar tamén que practicando algúns sacramentos de cando en vez, indo a tal ou cal funeral de xente familiar ou veciña, xa fago a vontade de Deus. Podo pensar que practicando algunhas obras de misericordia (dar algunha esmola, visitar a algún enfermo, colaborar coma voluntario nalgunha institución...), xa fago a vontade de Deus. E poida que esas cousas, claro que si, teñan algo que ver coa vontade de Deus. Pero tamén é moi posible que con catro cousiñas así, seguramente boas, nos quedemos satisfeitos e pensemos que xa cumprimos con Deus. E non se trata, non, de que teñamos que poñer máis cargas ao noso lombo, senón de que entremos con máis amplitude e gozo en todo o que Deus quere levar a cabo en nós e, a través de nós, na comunidade, no pobo do que formamos parte. Non se trata de "tacañear" ou ser espléndido con Deus, senón de tacañear ou ser espléndido con nós mesmos, construíndonos ao nivel dos soños de Deus para cada un, cada unha de nós, para ás nosas comunidades, para as nosas aldeas e pobos, para a nosa Galicia. Deus non se quere quedar curto con nós, por que o habemos querer nós?

Chegados aquí, igual nos preguntamos: que é logo a vontade do Pai? Que é a vontade do Pai para min en concreto? En xeral podemos dicir que a vontade do Pai é que sexamos irmáns e irmás, e que coma tal vivamos na familia, na veciñanza, na comunidade cristiá; e que intentemos construír a nosa sociedade con sentimentos e prácticas de irmandade. Algo moi simple, ao que de palabra seguro que nos apuntamos todos, todas, pero realmente somos aplicados despois niso? Ser e vivir coma irmán, coma irmá pode resultar duro nalgúns momentos, pero é a maior satisfacción que unha persoa pode atopar no mundo. Deus o que quere é que vivamos satisfeitos/as, felices, por iso nos propón vivir así. Despois, que é a vontade de Deus para min hoxe, no momento concreto da miña vida? Que me está Deus ofrecendo e pedindo a min en concreto para vivir iso de ser irmán ou irmá? Cada un/unha teno que pensar, cada un ten que rezar, cada unha no trato con Deus ten que ir vendo qué é o que Deus lle está pedindo, porque cada un/ha temos a nosa vida, as nosas circunstancias particulares. A comunidade cristiá pódenos axudar, deberíanos axudar a acertar co camiño particular de irmandade que Deus nos ofrece para andar.

O evanxeo de hoxe tamén nos fala de andar polo camiño da xustiza, que é o que Deus quere de nós. Ser persoas xustas, honradas, transparentes, en todo o que fagamos, con nós mesmas e coa demais xente. Ser persoas xustas que metemos xustiza, honradez, en todos os lugares da sociedade onde participamos. E canta necesidade ten a sociedade de hoxe de xustiza, de honradez, de legalidade! Que podemos facer nós por aí? Na antigüidade seica a xente dicía, cando vía os cristiáns/as: mirade como se queren! Que fermoso sería que hoxe, calquera, vendo a unha persoa cristiá, puidese dicir: mirade, onde hai un cristián ou cristiá, hai unha persoa xusta, honrada, legal a tope, pódeste fiar. Valería iso máis ca mil predicacións.

Por último, o evanxeo déixanos un aviso: no tempo de Xesús había unha relixión establecida, pero os seus dirixentes non cumprían a vontade de Deus. Crían que eles representaban a vontade de Deus, pero Deus faláballes nun home alleo á institución relixiosa que incluso a criticaba duramente: Xoán Baustista. Xesús invítanos a estar atentos a voces alleas á institución relixiosa, voces de persoas ou grupos marxinais, que, por sufriren o peso e o abuso do sistema, fálannos de xustiza e de irmandade con máis verdade.

Na Eucaristía xuntámonos como familia na casa do Pai, ao redor do noso irmán maior, Xesús. Escoitamos a Xesús, compartimos as nosas fidelidades ou infidelidades, alimentámonos para andar con alegría na procura da vontade do Pai en todo. Que ben!

Preces

FÁGASE EN NÓS A TÚA VONTADE, PAI

Que saibamos escoitar o clamor de xustiza e de honradez que sae da xente máis pisada pola situación presente en Galicia e no mundo enteiro. Oremos.

Que non nos quedemos ao quente, na comodidade; que saiamos da casa e das igrexas, que participemos no que consideremos bo para que a xente máis débil poida ter unha vida digna. Oremos.

Que lle dediquemos tempo á oración, ao trato con Deus, sos ou en grupo, para atinar mellor co que Deus quere e nos pide. Oremos.

Que Deus nos conceda descubrir o gozo de colaborar con el, de implicar con gusto as nosas vidas, o noso tempo, os nosos cartos, os nosos afectos, en tarefas solidarias. Oremos.

Que saibamos escoitar as miles e miles de voces que nestes días están protestando polo mundo enteiro contra o estrago ao que estamos sometendo a natureza, e nos sumemos ás súas protestas e propostas. Oremos.

Que saibamos escoitar os berros de silencio e morte das persoas africanas que morren afogadas querendo pasar para o norte. Oremos.

Oración
A viña á que me mandas é a casa, Señor,
a miña casa,
unha por unha todas as persoas que vivimos nela,
a miña familia, a miña comunidade.

A viña á que me mandas é a parroquia, Señor,
a miña parroquia, o meu barrio,
a miña comunidade humana e espiritual,
unha por unha todas as veciñas e veciños que a compoñen.

A viña á que me mandas, Señor,
con máis ansia e preocupación,
é a xente máis pobre e marxinal,
con calquera clase de pobreza e marxinación,
con calquera ferida no corpo ou na alma.

A encomenda que me fas, Señor,
é a do teu Evanxeo,
nin máis nin menos,
aberto á medida de Deus coma ti,
para acoller nel calquera aspiración humana xusta,
calquera mostra e sinal de humanidade.

Saberei dicirche de verdade que si?
Saberei vencer os meus receos e comodidades
e poñerme en camiño?
Ou, coma tantas veces xa,
pasarei de largo, sen facer caso,
enredado nas miñas vaidades,
asentado nas miñas falsas seguridades
de que non teño voces novas que escoitar,
camiños novos que andar?

Comeza o curso,
chámasme,
proposme cousas novas,
ofrécesme a túa compaña firme, fiel,
quero escoitarte e seguirte, Xesús,
non quero decepcionarte,
porque ti nunca me decepcionas.
Conta comigo.
No que poida, saiba e valla,
conta comigo.
Acción

Podemos coller un papel e escribir nel esas cousas coas que nos parece estar cumprindo coa vontade de Deus. Logo podemos deixar o papel a un lado e escoitar honestamente a voz do noso interior: realmente facemos ou non facemos o que Deus nos pide, o que de Deus resoa no noso corazón?


2 de outubro: Memoria dos Santos Anxos Custodios

Ano 1: 1ª lectura: Zac 8, 1-8. Salmo 101, 16-18. 19-21. 29 e 22-23.
Ano 2: Xob 1, 6-22. Salmo 16, 1. 2-3. 6-7.

Evanxeo: Mt 18, 1-5.10

Nunha ocasión achegáronse a Xesús as persoas que o seguían máis de cerca para lle preguntar:
—¿Quen é o máis importante no reino dos ceos?

El chamou por unha criaturiña, púxoa no medio do grupo e dixo:
—Asegúrovos que se non cambiades e non vos facedes coma esta criaturiña, non entraredes no reino dos ceos. Quen se faga pequena coma esta criaturiña será a persoa máis importante no reino dos ceos. E quen acolla unha criaturiña coma esta no me nome, acólleme a min.

Coidado con desprezar a unha destas criaturiñas! Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.

Meditación

Unha vez máis a alerta de Xesús contra o afán mundano de buscar ser importantes a base de poder, de forza, de dominio, de cartos. Outra vez a chamada de Xesús para que entendamos que ser importante é poñerse no centro coa xente máis fráxil e fundirse con ela nunha aperta vital, nunha disposición a servir, coa suma humildade, coa suma intelixencia que a xente máis vulnerable se merece.

Así unhas persoas convertémonos para outras neses anxos custodios, a través dos cales Deus mira con sumo respecto e consideración polos seus fillos e fillas. As persoas máis vulnerables son algo absolutamente sagrado para Deus, son os especiais anxos custodios de toda a humanidade; de aí que todo o que teña que ver coa súa vida, co seu trato, coa súa dignidade está especialmente presente aos ollos de Deus, ten suma importancia para el. E deberíaa ter tamén para nós, para toda persoa que cre en Deus.

Oración
Grazas, meu Deus,
por todas as persoas que ao longo da miña vida
foron sendo para min santos anxos custodios.
Amosáronme moi realmente
a túa presenza, compaña e protección,
grazas!
Grazas, meu Deus,
por esa incomprensible forza de ben,
por esa inaudita chamada á irmandade, á xustiza, á unión,
que misteriosamente se fai persistente en min
e empuxa a miña vida,
a pesar das miñas preguizas, covardías e egoísmos.
Ti estás certamente aí protexendo,
grazas!
Grazas polas criaturas máis fráxiles,
verdadeiros anxos custodios da comunidade cristiá,
que nos amosan o teu rostro
e o camiño de luz que leva ao teu encontro.
Grazas!
Acción

¿Poderiamos sinalar algunhas persoas que foron ou son coma anxos custodios para nós? Agradezámosllo dalgunha maneira. ¿Estamos nós sendo coma anxos custodios para outras persoas vulnerables? Celebrémolo tamén, para fortalecernos nesa tarefa.


3 de outubro: Martes da 26ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Zac 8,20-23. Salmo: 86, 1-3. 4-5. 6-7.
Ano 2: 1ª lectura: Xob 3, 1-3. 11-17. 20-23. Salmo: 87, 2-3. 4-5. 6. 7-8

Evanxeo: Lc 9, 51-56

Daquela, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante.

Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
—Señor, ¿queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?

Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.

Meditación

Cousas miúdas como as que a calquera de nós nos poden pasar cada día. Pero cousas miúdas a través das cales se nos ofrece poder vivir ao estilo de Xesús ou ao estilo de Deus sabe quen. Xesús emprende unha viaxe cara a Xerusalén, onde ben sabía o que lle agardaba: o conflito aberto coas autoridades relixiosas; outras persoas ante iso posiblemente recuaríamos polo que puidese pasar. Xesús non. Decide en firme ir. Un trazo máis da admirable e humilde valentía que sempre distinguiu a Xesús.

Van a unha aldea, onde non os acollen ben por seren xudeus e non samaritanos, pois non se levaban ben. Hai que asumir ese conflito menor, esa desconsideración, integrala dentro da propia condición humana. Dous dos discípulos falan de pedir que os parta un raio. Por iso se lles ha chamar “fillos do trono”, porque permitían que a violencia guiase a súa conduta e acelerase os procesos. Xesús non está de acoro. Rífalles. E simplemente van para outra aldea. Ditosos nós que podemos gozar sempre da compaña alentadora, clarificadora de Xesús.

Oración
Si, Xesús,
Ti diario ao meu lado,
diario ao noso lado.
Compartindo
os teus íntimos convencementos,
as túas firmes decisións.
Sempre ao carón noso
invitándonos a encaixar
a lentitude dos procesos persoais
e grupais,
sen violentalos con remedios absurdos.
É a semente miudiña
que precisa tempos e atencións,
sacrificios,
ata a hora dos froitos.
Bendito sexas, Xesús.
Acción

¿Estámonos vendo ante a necesidade de ter que tomar algunha decisión necesaria e encollémonos por medo? Estamos afrontando algunha dificultade con algunha persoa ou grupo, e sáenos a violencia como remedio? Contemplémonos á luz de Xesús.


4 de outubro: Memoria de San Francisco de Asís.

Ano 1: 1ª lectura: Neh 2, 1-8. Salmo 136, 1-2. 3. 4-5. 6

Evanxeo: Lc 9,57-62

Unha vez, indo de camiño, d´xollel un a Xesús:
—“Seguireite, vaias onde vaias.”

Respondeulle Xesús:
—“As raposas teñen tobeiras e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.”

Díxolle a outro:
—“Sígueme.”

Pero el contestoulle:
—“Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.”

Respondeulle:
—“Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino De Deus.

Outro díxolle tamén:
—“Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.”

Contestoulle:
—“Quen despois de por a man no arado, mirar para atrás, non é apto para o Reino de Deus.”

Meditación

Hoxe andamos ás voltas tamén coa evanxelización. Estamos necesitados de volver ás propostas de Xesús, aínda que teñamos que adaptalas aos nosos tempos. Francisco de Asís (1182-1226), laico, a quen recordamos hoxe, foi un gran evanxelizador. Ante unha Igrexa que optara polo poder, ante unhas comunidades de monxes arredadas do pobo, con grandes dominios, grandes mosteiros e grandes bibliotecas, optou pola pobreza, por vivir en vivendas pobres a carón da xente, compartindo as súas carencias, coa paz como lema e recurso, nunha fondísima irmandade con todo, coa natureza, cos animais, coa xente, incluso coa xente inimiga. O noso Papa escolleu para si o nome de Francisco, recordando a este santo, pensando que a súa maneira de vivir e ofrecer o Evanxeo era moi necesaria no noso tempo tan precisado da frescura e do vigor do Evanxeo.

Oración
Con Francisco, meu Deus,
quero andar en camiños de irmandade.
Quero a irmandade que de ti nace, meu Deus,
como fonte e sustento de todos os meus pasos.
Por ser irmán, irmá,
aspiro a chegar a ser pobre,
pobre por dentro e por fóra,
pobre feliz,
porque canto máis un posúe máis protexe a posesión
e crea distancias coa xente.
Por ser irmán, irmá,
quérome persoa de paz,
persoa amiga, próxima, familiar,
persoa que traballa a paz a forza de paz e de xustiza.
Por ser irmá, irmán, meu Deus,
quérome envolta coa xente nas súas festas e amarguras,
levando o teu alento, o teu consolo,
regalándoo, como ti a min mo regalaches.
Por ser irmán, irmá,
quérome admirador das túas criaturas todas
e coidadora da casa común
onde todo o mundo vive en gran familia.
Que acolla o teu Espírito, meu Deus,
como Francisco o soubo acoller.
Acción

Na nosa sociedade hai moitas desigualdades e tensións, moita falla de irmandade. Seguro que algo poderemos facer para que o estilo de Francisco, que tanto nos cómpre, se vaia instalando entre nós, no propio corazón, na familia, na parroquia, na sociedade.


5 de outubro: Témporas de agradecemento e de apertura aos dons de Deus.

1ª lectura: Dt 8, 17-18. Salmo 1 cro 29, 10-12. 2ª lectura: 2 Cor 5, 17-21

Evanxeo: Mt 7,7-11

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Porque quen pide recibe, quen busca atopa e a quen peta abriráselle.

¿Ou hai alguén entre vós que, se o seu fillo ou filla lle pide pan, lle dá unha pedra? ¿Ou se lle pide un peixe lle dá unha cobra? Pois se vós, que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza, canto máis voso Pai celestial lla dará á xente que llas pida!

Meditación

Iso das “témporas” pódenos soar hoxe a cousas raras. Na Igrexa do pasado tivo bastante importancia. Nunha sociedade eminentemente rural era unha festa poder celebrar ao final do verán o traballo feito e as colleitas que garantían fartura para todo o ano. Nunha sociedade eminentemente relixiosa vivíase e celebrábase iso ollando con agradecemento para Deus, de quen se consideraba que viñan todos os bens.

Hoxe somos menos directamente rurais, menos crentes e cústanos entender que dependan de Deus as cousas que imos producindo, no campo ou na cidade, co noso esforzo persoal e colectivo. ¿Qué pinta, logo, Deus nas nosas vidas? As persoas crentes seguímolo vendo como a fonte de todo canto ben podemos gozar. Vémolo tamén como a enerxía que nos empuxa a organizar o noso traballo para poder vivir do producido.Vémolo como quen nos empuxa a ver o mundo como unha casa común e os homes e mulleres que o habitan como unha gran fraternidade, para que ninguén lle negue a ninguén o seu dereito a traballar e a vivir do seu traballo.

Orar nas Témporas e sempre significa abrirnos con agradecemento e atención a este Deus que nos quere felices traballando e compartindo os bens da terra.

Oración
Que ben que poida medrar ao teu carón, Xesús,
guiada e empuxada por ti,
en ser persoa permanentemente aberta.
Aberta a ti, á xente, á vida,
ao teu Deus e noso Deus.
Que ben aprender ao teu lado, Xesús,
levada polo teu espírito,
a pedir, a buscar, a petar,
sabéndome carente, necesitada en tantas cousas,
pero confiada nas mans xenerosas que mas ofrecen.
As mans ben concretas de moitas persoas,
as mans casuais da vida,
as mans sorprendentes de Deus
que guía e sostén todas as nosas mans.
Que ben, Xesús, poder gozar contigo, en comunidade,
neste outono de froitos e bendicións,
coa esperanza de que a ninguén lle falte pan e irmáns con quen comelo.
Grazas por tanto ben!
Acción

Cando hoxe xantemos ou cenemos, podemos facer un breve recoñecemento á xente rural que produciu os nosos alimentos, e ao Deus da vida que está detrás de todo canto existe.


6 de outubro: Venres da 26ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Bar 1, 15-22. Salmo: 78, 1-2. 3-5. 8. 9
Ano 2: 1ª lectura: Xob 38, 1. 12-21; 40, 3-5. Salmo: 138, 1-3. 7-8. 9-10. 13-14ab

Evanxeo: Lc 10, 13-16

Nunha ocasión dixo Xesús:
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai ben tempo que farían penitencia, cubertos de saco e de cinsa. Pero o día do xuízo será moito máis doado de levar para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensar que vas chegar ata o ceo? ¡Afundiraste no abismo!

Quen vos escoita a vós, escóitame a min, e quen vos rexeita a vós, rexéitame a min; pero o que me rexeita a min, rexeita a quen me mandou.

Meditación

Palabras de crítica amarga contra as cidades de Corozaín, Betsaida e Cafarnaúm, onde Xesús se amosara como profeta de palabra viva e de feitos contundentes a prol do pobo, da xente máis envolta en debilidade social ou moral. Palabras hoxe para nós, para alertarnos, porque tamén nós podemos estar diario ao pé de Xesús, escoitando as súas palabras, participando nos sacramentos que o fan presente no medio de nós, e, non obstante, facer de xeito que pouco se nos note que o escoitamos de veras e que o seguimos de corazón. Este pode ser incluso o gran drama das comunidades cristiás dos nosos tempos.

Oxalá que as nosas palabras e as nosas actuacións coma crentes remitan sen ambigüidades a Xesús, como Xesús remitía sen ambigüidade ningunha ao Deus da vida no que tiña a súa fonte!

Oración
Que non me peche nunca
á túa crítica, Xesús.
Que non negue as evidencias,
que falan da miña inconsistencia cristiá.
Se oio, non escoito;
se escoito, non asinto;
se asinto, non actúo
e non deixo que o meu vivir
fale ás claras de ti
dos soños de Deus
dos que ti fuches sementador.
Grazas pola túa corrección.
Axúdame a cambiar.
Acción

Igual non nos resulta difícil ver en nós algún tipo de comportamento que estea claramente en contra do que Xesús ensinaba ou facía. ¿Será ten difícil cambialo? Xesús está sempre disposto a botarnos unha man.


7 de outubro: Sábado da 26ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Bar 4, 5-12. 27-19. Salmo: 68, 33-35. 36-27
Ano 2: 1ª lectura: Xob 42, 1-3. 5-6. 12-16. Salmo: 118, 66. 71. 75. 91. 125. 130

Evanxeo: Lc 10, 17-24

Daquela os setenta e dous volveron moi contentos, dicindo:
—Señor, mesmo os demos tamén se nos someten no teu nome.

El replicou:
—Eu vin a Satán caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e máis alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan; alegrádevos máis ben de que os vosos nomes estean escritos no ceo.

E naquel momento exclamou cheo de gozo do Espírito Santo:
—Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles agachaches estas cousas aos sabios e prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.

Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo a non ser o Pai, nin coñece ninguén o Pai a non ser o Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.

E, volvéndose aos discípulos, díxolles a parte:
—Benia os ollos que ven o que vós vedes. Porque é ben certo que moitos profetas e reis desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.

Meditación

Satán para arriba, Satán para abaixo; pisar cobras e alacráns sen sufrir dano ningún; euforia dos discípulos… Debaixo deste xeito de falar propio dunha cultura daqueles tempos, amósasenos un convencemento moi firme: en Xesús hai unha forza de ben que non hai quen a tombe. Forza para a liberación persoal, para xerar espírito de servizo, para non se apoucar ante calquera clase de poder, forza para a resistencia, ou a resiliencia, como dicimos hoxe; forza para o amor, para verse e amarse a si mesmo coma fillo de Deus, forza para dar a vida antes ca deixar de seguir a chamada de Deus que bulía a diario no seu corazón e que o empuxaba a amar a xente co mesmo amor co que se amaba a si mesmo.

E Xesús ofrécenos participar deste poder. Pero non para que empecemos a chufarnos dos nosos éxitos, senón nada máis e nada menos para que percibamos que andamos humildemente na onda de Deus, que os nosos nomes gratuitamente están escritos no corazón de Deus. Todo isto aprendeunos o fillo do Pai e todo isto llo amosa a quen queira deixarse ensinar por Deus.

Oración
Benia os nosos ollos, si, Xesús,
por poder ver o que tanta xente de fe
durante séculos agardou con esperanza!
Benia os nosos oídos, Xesús,
porque aos nosos oídos chegou a túa palabra,
para nos falar ás claras de Deus!
Benia os nosos corazóns, Xesús,
porque poden vibrar
coa túa mesma paixón por Deus e pola xente toda,
sen distingo ningún!
Benia todas e todos nós, Xesús,
que, se nos deixamos querer,
podemos acceder ao teu humildísimo poder,
que no servizo se fai e manifesta!
Grazas porque todo isto nolo dás
a prezo de simplicidade agradecida!
Grazas, Xesús!
Acción

¿Andámonos chuleando de sermos crentes? ¿Desprezamos dalgunha maneira as persoas que non teñen fe, ou que a teñen á súa maneira? ¿Somos da “xente humilde” que tanto a Xesús lle compracía? Parámonos a ver. E, se tal, cambiamos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.