01 novembro, 2023

Tempo Ordinario: 31ª semana



5 de novembro: Domingo 31 do tempo ordinario.

1ª lectura: Mal 1, 14b—2, 2b. 8-10. Salmo 130, 1. 2. 3.
2ª lectura: 1 Tes 2, 7b-9. 13

Evanxeo: Mt 23, 1-12.

Unha vez díxolles Xesús aos discípulos e mais á xente:
—“Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e mais os fariseos. Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta porque falan pero non cumpren. Atan fardos pesados e cánganos no lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para os mover.

Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando as filacterias e as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; que lles fagan reverencias nas rúas e que lle chamen mestre.

Vós non vos fagades chamar mestre, pois un só é o voso Mestre, e todos vós sodes irmáns. E a ninguén na terra chamedes pai, porque un só é o voso Pai, o celestial. Nin tampouco vos fagades chamar guieiro, porque un só é o voso Guieiro, Cristo.

O máis importante entre vós ha de ser servidor voso. Porque quen se enaltece, será humillado, e quen se humilla, será enaltecido.”

Meditación

O Evanxeo de hoxe recolle unha crítica moi dura contra a institución relixiosa xudía, tal como a coñeceron Xesús e as primeiras comunidades cristiás. Esta crítica puido saír da boca das primeiras comunidades cristiás aló polos anos 70-80 do século primeiro, pero en calquera caso está feita desde os criterios e valores que Xesús transmitiu coa súa vida e coa súa palabra tamén. A nós, como persoas e comunidades cristiás do século XXI, non nos importa darlle voltas a esa crítica á institución relixiosa xudía; se lemos este Evanxeo nas nosas celebracións, é como algo dirixido ás nosas comunidades cristiás, ás persoas que as lideran, ás persoas que formamos parte delas e consentimos determinadas formas de facer comunidade cristiá que poden responder, ou non, ao espírito de Xesús. Baixo a forma dunha crítica á institución relixiosa xudía dísenos como sería ben que fose a institución relixiosa cristiá, as comunidades cristiás, as parroquias das que formamos parte. Son palabras, logo, moi directamente dirixidas a todos e cada un, cada unha de nós. Dispoñamos o corazón para acollelas con espírito bo, con vontade de adaptarnos ao que Xesús quere de nós.

O Evanxeo subliña sobre todo tres aspectos, e péchao todo cunha conclusión que recolle a actitude fundamental coa que formar comunidade cristiá. A primeira corrección que fai Xesús ten que ver con iso de falar e non cumprir; de atar cargas pesadas ao lombo dos demais, sen mover un dedo para axudar. É algo que poden facer os curas e bispos, e é algo que podemos facer todas as persoas cristiás en xeral. Ser moi esixentes cos demais, ser moi críticos cos seus fallos, e nós quedarnos na retagarda, lonxe de quen falla, peca e non cumpre, sen achegarnos ás súas vidas, sen albiscar sequera as dificultades desa persoa, as cousas que viviu, a educación que lle deron, ou, simplemente, a fraxilidade da súa persoa, do seu espírito, que o leva a ser como é. Pensemos en calquera persoa alcohólica, drogodependente; pensemos tamén, en xeral, en calquera delincuente, en calquera fracasad@ nas súa afectividade, na súa vida de parella. É moi doado tirar a pedra. Xesús dicía que o que estea sen pecado que tire a primeira pedra. Como nos situamos na nosa comunidade cristiá ante as persoas débiles, pecadoras? Sinalamos co dedo ou arrimamos o lombo?

A segunda corrección de Xesús ten que ver coas aparencias, co feito de darse bombo, de figurar, se ocupar primeiros postos, de ser aplaudido, saudado, reverenciado. É algo que nos gusta a todos, a todas. É un comportamento especialmente perigoso en quen preside unha comunidade cristiá, porque pode arrastrar a unha comunidade cristiá a fidelidades que non son do caso. A base de figurar, con vestidos, con aneis, con pompa, con títulos, con seguidores, podemos pouco a pouco desprazar a Deus das nosas vidas e da vida das nosas comunidades. O importante vai sendo o coidado da propia imaxe, do propio éxito, por moito que se pinte de éxito pastoral se cadra. Xa non se seguiría ao Deus de quen quero ser humilde testemuña, senón á persoa que disimuladamente foi suplantando a súa presenza e importancia. Deixamos que na nosa comunidade entre este virus destrutivo? Consentimos que os nosos líderes relixiosos se comporten desta maneira?

A terceira corrección de Xesús é aínda moito máis radical, porque afecta ao miolo mesmo da nosa condición cristiá. Non vos fagades chamar "mestre", di Xesús. Nin mestre, nin pai, nin guieiro. Porque estes títulos dentro dunha comunidade cristiá soamente lle corresponden a Deus e ao seu Cristo, Xesús de Nazaré. Está claro que na Igrexa Católica non tomamos nada en serio esta recomendación de Xesús. Fartámonos de chamar pai, mestre, doutor, santo pai, pontífice, e temos xustificación para todo. Para Xesús o título básico que mellor reflicte o que é, o que debe ser unha comunidade cristiá, é o de irmán, irmá. E punto. Todos irmáns, irmás, todos discípulos, discípulas, todos e todas aprendices do único mestre. Está claro que non cremos na radicalidade de Xesús neste aspecto, como tampouco en moitos outros. Atopamos unha chea de razóns para permitirnos fuxir desa condición esencial nosa: irmáns, irmás. Poderíamos aventurarnos a vivir e construír as nosas comunidades cristiás desde esta clave? Non se trata de negar que nas nosas comunidades poida haber persoas que desempeñen certos papeis especiais. Trátase de afirmar que os deberían cumprir desde a condición de irmáns, de irmás.

Conclúe Xesús as súas correccións con este dito que o resume todo: a persoa máis importante entre vós ha de ser servidora vosa. E quen serve, se serve de verdade, como Xesús vivía e facía, non se pon nunca por riba de ninguén en nada, senón, en todo caso, por baixo, para facer máis evidente o seu servizo.

Estamos en tempos nos que parece que se quere revisar un pouco a vitalidade das comunidades cristiás, da parroquias. Xesús ofrécenos cousas ben importantes a ter en conta. En cada celebración do domingo facemos memoria do noso gran Servidor, Xesús, que entregou a vida pola comunidade humana; arrexuntámonos en comunidade de irmáns e irmás, comemos na mesma mesa do pan e do viño santos de Xesús, do seu Espírito, e así capacitámonos para vivir dentro da comunidade cristiá e fóra dela sendo fieis ás palabras e ao espírito do noso único mestre.

Preces

QUE TI SEXAS, XESÚS,
O NOSO ÚNICO MESTRE

Que saibamos arrimar o lombo a quen na comunidade ou fóra dela pasa por situacións difíciles. Oremos.

Que fuxamos do bombo e das aparencias, que compartamos a nosa abundancia con quen precisa de cousas elementais. Oremos.

Que nos afanemos por ser bos aprendices de Xesús, e compartamos cos demais o espírito bo que Xesús nos vaia transmitindo. Oremos.

Que descubramos o gran mérito, a gran alegría de sermos e de tratarnos coma irmáns, coma irmás en todo, e fagamos da irmandade a forza da nosa vida cristiá. Oremos.

Que dentro e fóra da comunidade cristiá cumpramos coa nosa vocación de xente que busca servir, nada máis que servir. Oremos.

Oración
Xesús, irmán maior,
que ao teu lado poidamos descubrir
a revolución da irmandade,
a alegría da irmandade,
a tarefa da irmandade.

Irmáns, irmás
de todo o que a diario entra en contacto con nosoutras.

Irmáns, irmás
da natureza e dos seres que a compoñen,
para querelos, coidalos, gozalos
e compartilos.

Irmáns, irmás
dos animaliños todos
para coidalos e respectalos en todo
para nunca maltratalos
por moita que sexa a arte coa que o fagamos.

Irmáns, irmás
da xente estranxeira e refuxiada
que solicita unha miguiña de compaixón e axuda,
un fogar e unha esperanza para a vida.

Irmáns, irmás
das persoas que nos poden anoxar
polos seus vicios e defectos,
polas barbaridades que cometeron,
polas condenas que están cumprindo.

Irmáns, irmás
dos meus veciños e veciñas todas
que coñezo ben nas súas grazas e malicias,
como tamén elas me coñecen a min
no que teño de bo, no que teño de malo.

Irmáns, irmás
sempre,
por riba de todo,
con todas as consecuencias,
como condición primeira para sermos
seguidores, seguidoras de Xesús
en comunidade cristiá.

Xesús, irmán maior,
lévanos da man
á terra da irmandade.
Acción

Querendo comportarme como irmán ou irmá dentro da comunidade, na parroquia, que se me ocorre que podería facer hoxe mesmo? Achegarme a alguén que vexa que o está pasando mal para acompañala? Falar con calma e respecto ao responsable da comunidade parroquial, se vexo que actúa con moito señorío e non coma irmán? Deixar a un lado aires arrogantes, como poñéndome por riba, e dispoñerme a ser máis persoa servidora?


6 de novembro: Luns da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 11, 29-36. Salmo: 68, 30-31. 33-34. 36-37
Ano 2: 1ª lectura: Flp 2, 1-4. Salmo: 130, 1. 2. 3

Evanxeo: Lc 14, 12-14

Nunha ocasión díxolle Xesús a un xefe dos fariseos que o invitara a comer:
—Ti, cando deas un xantar ou unha cea, non invites a xente amiga, irmáns, irmás, parentes ou veciños ricos; non sexa que esas persoas te recompensen convidándote tamén a ti. Cando deas un banquete, convida a xente pobre, eivada, coxa, cega; e será ditoso, porque non te poden recompensar; pera xa se che recompensará na resurrección dos xustos.

Meditación

En case todas as cousas da vida vivimos dando porque esperamos que nos dean: amamos porque esperamos ser amadas, traballamos porque esperamos ser pagadas, coopero con alguén porque espero que cooperen comigo cando me faga falla, pago impostos porque me van dar servizos públicos, e así moitas cousas. E bo é que polo menos funcionemos así; non lle falta certa lóxica a este tipo de comportamentos. Pero o certo é que isto de dar só cando espero que me dean, no fondo non deixa de agochar un importante egoísmo, unha especie de egoísmo colectivo.

Xesús, sempre tan provocativo, invítanos a ir máis alá desta lóxica, e ponnos ante o reto de dar cando non contamos que nos dean, de servir a quen non poderá facelo connosco, de facer calquera favor a quen non nolo poderá devolver. Xesús, sempre con tanta sabedoría espiritual, humana, prométenos que niso hai unha grande felicidade; facéndoo así, achegámonos, algo polo menos, a ese Deus todo gratuíto, co que bateremos cara a cara cando resucitemos no seu seo. A recompensa será ver e gozar desa aproximación vital ao Deus fonte de todo ben.

Oración
Que difícil é, Xesús,
saírmos da lóxica tan racional
de dar esperando que me dean!
Que difícil é, Xesús,
apostar por vivir gratuitamente
poñendo en segundo plano o interese persoal!
Que difícil é, Xesús,
aproximarnos así ao ser de Deus,
que fai saír o seu sol sobre persoas xustas e inxustas!
Pero entendo, Xesús,
que non é imposible,
porque “somos da raza de Deus” (Feit 17,28),
e polas nosas veas circula
esa chamada fonda a vivir dando e recibindo gratis.
Que difícil é, Xesús,
pero non imposible,
que para Deus nada hai imposible.
Acción

Podemos dispoñernos a facer algo de forma totalmente gratuíta, sen esperar que se nos devolva en nada o favor. Probemos a vivir algo ao estilo de Xesús.


7 de novembro: Martes da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 12, 5-16a. Salmo. 130, 1. 2. 3.
Ano 2: 1ª lectura: Flp 2, 5-11. Salmo: 21, 26b-27. 28-30a. 31-32

Evanxeo: Lc 14, 15-24

En certo momento, unha das persoas convidadas a un xantar díxolle a Xesús:
—Feliz quen coma no banquete do reino de Deus.

Xesús contestoulle:
—Unha vez unha persoa deu unha grande cea e convidou a moita xente. Así que chegou a hora, mandou un criado para que avisase as persoas convidadas, dicíndolles: “Vide xa, que está todo preparado”. Pero todo o mundo empezou a escusarse. Unha das persoas invitadas dixo: “Merquei unha leira e teño que a ir ver; por favor, descúlpame”. Outra dixo: “Merquei cinco xugadas de bois e teño que probalas; descúlpame, por favor”. Outra dixo: “Acabo de casar e non podo ir”.

Volveu o criado e contoulle todo isto ao amo. Entón o dono da casa, moi molesto, mandoulle ao seu criado: “Pois vai correndo ás prazas e rúas da vila e tráeme para acá a xente pobre, impedida, coxa e cega.

O criado díxolle: “Xa está feito o que mandaches e aínda hai sitio”. Entón o amo mandoulle: “Vai polos camiños e corredoiras e insístelle á xente para entrar, ata que se encha a miña casa; e asegúrovos que ningunha das persoas convidadas probará a miña cea”.

Meditación

Dúas cousas chaman moito a atención neste relato. Por unha parte está a persistencia da persoa que invita a unha gran cea; está empeñada en que a xente veña, coma, festexe, goce, teña unha experiencia fonda de encontro, de abundancia, de vida, de festa. A invitación empeza, polo que se ve, por xente ben situada en cartos e amores; logo esténdese a xente marxinal que vive e anda polos núcleos de poboación; e ao final a urxente invitación chega a xente totalmente marxinal, que nin sequera ten o acomodo de vivir ou malvivir nunha aldea, e anda polos camiños, como xente refuxiada ou emigrante. A invitación persistente vaise estendendo cara ao máis baixo, cara ao máis fráxil, cara ao máis irrelevante. Así fai Deus. Como se o mesmo Deus fose aprendendo que é no máis marxinal onde máis caso se lle fai ao seu ofrecemento de vida e de fartura.

E a segunda cousa que chama a atención é o desinterese da xente por esa invitación de quen ofrece o banquete. Todo son escusas, todo son supostas ou reais compromisos que poden xustificar a ausencia. Canto custa encher a mesa do reino de Deus! O problema non é que non nos chegue a invitación; o problema é que, cando nos chega, sempre atopamos razóns para esquivala.

No banquete do reino de Deus os manxares son múltiples e saborosos. Todo o que sabe a humanidade forma parte dos manxares do reino de Deus.

Oración
Grazas por invitarme, meu Deus,
ao banquete da vida,
ao banquete da solidariedade,
ao banquete da irmandade real e compartida.
Grazas por ser un Deus de portas abertas,
sempre, sen límites nin distincións,
para que ninguén nunca quede excluído.
Grazas por facer de nós
colaboradoras túas
para realizar na historia de cada día
o teu grande banquete da irmandade.
Grazas por nos urxir a saír polos camiños da vida
e buscar a xente máis precisada
da abundancia fraterna que ti nos prometes.
Que as nosas resistencias, meu Deus,
non afoguen os teus soños de irmandade.
Acción

Seguro que hoxe mesmo dalgunha maneira nos vai chegar de parte de Deus algunha invitación a participar na mesa da irmandade de Deus. A ver se estamos en vela, para poder acudir e non escusarnos.


8 de novembro: Mércores da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 13, 8-10. Salmo: 111, 1-2. 4-5. 9
Ano 2: 1ª lectura: Flp 2, 12-18. Salmo: 26, 1. 4. 13-14

Evanxeo: Lc 14, 25-33

Nunha ocasión volveuse Xesús cara á moita xente que o acompañaba e díxolle:
—Se alguén vén onda min e non é persoa disposta a deixar en segundo lugar o seu pai e a súa nai, a muller, o home e máis os fillos ou fillas, os irmáns e as irmás, e incluso a súa propia vida, non pode ser discípulo ou discípula miña. Quen non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo ou discípula miña.

Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga risa del, dicindo: “Este empezou a construír e non deu rematado”.

Ou ¿qué rei, que sae á guerra contra outro, non senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.

Pois así, quen de vós non renuncie a todo o que ten, non pode ser discípulo ou discípula miña.

Meditación

Non se trata de desprezar a familia ou a propia persoa. Ambas, familia e persoa, son realidades que forman parte da nosa existencia, querida así por Deus. Trátase de ver cal é o nervio que unifica e potencia a nosa vida de cada día. Trátase de ver onde se asenta a nosa vida, onde atopa sentido e luz. Xesús dinos que, se queremos ser persoas que gocemos da súa compaña, do seu alento, daquela é necesario estar dispostas a dicir que non a certas esixencias familiares que non vaian co de Xesús; igual que é necesario estar dispostas a romper coas propias apetencias, con aqueles afáns persoais que nos distancien do seguimento de Xesús. Isto pódenos parecer duro, pero non deixa de ser unha condición de madurez que noutros campos da vida tamén o consideramos necesario. É a cruz coa que é necesario cargar cando queremos ser coherentes coas nosas opcións. A molicie, a brandura, non vale para facer persoas consistentes, nin seguidoras ou seguidores de Xesús consistentes.

Oración
Quero madurar ao teu lado, Xesús.
Quero vincularme fondamente a ti
desde a atracción, desde o encanto,
non desde a simple obriga de coherencia.
Quero que o teu Espírito entre a fondo en min
me traballe por dentro e por fóra
e me faga capaz das maiores fidelidades
coa maior normalidade e humildade.
Quero madurar ao teu lado, Xesús,
ao lado tamén das tarefas domésticas,
do trato familiar coidadoso,
dos servizos á comunidade veciñal, ao pobo,
da participación social, política.
Grazas polo teu acompañamento permanente.
Acción

Encontrámonos nalgún aperto, nalgunha disxuntiva, entre vivir como persoas cristiás na vida e manter algunhas opcións persoais a nivel familiar, social, político? ¿Podemos dar algún paso á luz deste evanxeo de Xesús? Seguro que si.


9 de novembro: Festa da dedicación da basílica de Letrán

1ª lectura: Ez 47, 1-2. 8-9. 12. Salmo: 45, 2-3. 5-6. 8-9

Evanxeo: Xn 2, 13-22

Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os vendedores de bois, ovellas e pombas, e máis os cambiadores de cartos, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordeis, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; e aos cambiadores guindoulles os cartos e arreboloulles as mesas; e aos que vendían pombas díxolles:
—Arredade isto de aquí, non convertades nun negocio a casa do meu Pai.

Os seus discípulos lembráronse de que estaban escrito: O celo da túa casa devórame. Pola súa parte os xudeus preguntáronlle:
—¿Qué sinal nos amosas para faceres estes feitos?

Respondeulles Xesús:
—Derrubade este templo e erguereino en tres días.

Replicáronlle os xudeus:
—Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?

Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, os seus discípulos lembraron o que dixera e creron na Escritura e na palabra que dixera Xesús.

Meditación

A basílica de Letrán, dedicada ao Salvador e a san Xoán Bautista e san Xoán evanxelista, data do ano 324, pero foi refeita en diferentes momentos da historia. É a catedral do bispo de Roma, é dicir, do mesmo Papa, e por iso está considerada como nai e cabeza de todas as igrexas do mundo. Festexar a súa existencia quere dicir sobre todo sentirnos parte dunha Igrexa universal, que no Papa ten a alguén que potencia a súa unidade e a súa diversidade ao mesmo tempo. O verdadeiro centro da comunidade cristiá universal nin o é o Papa, nin menos aínda unha construción, por moi fermosa que esta sexa; o verdadeiro centro da Igrexa éo Xesús, o Cristo, o seu corpo morto de amor e resucitado, fielmente representado nos corpos rotos de tanta xente vulnerable como hai polo mundo adiante. Pesa sobre a Igrexa de Letrán, e sobre calquera das nosas catedrais e igrexas pequenas, a severa advertencia de Xesús: “Non convertades nun negocio a casa do meu Pai”. Convertédea non nun negocio, senón nun espazo de ocio, de gratuidade, de gozo, de acollida, onde calquera debilidade atope no posible remedio e conforto.

Oración
Perdón, meu Deus,
polas veces que construímos templos
sobre a suor e o sangue dun pobo enfraquecido.
Perdón, tamén
polo boato de tantas grandes cerimonias
exentas de tenrura cara á xente aflixida.
Perdón, meu Deus,
por ter negociado tantas veces coa piedade da xente,
vendéndolle o que ti gratuitamente donas.
Perdón, meu Deus,
por termos templos e non frecuentalos,
para honrar comunitariamente o teu santo nome.
Perdón por mirar, se miramos, polos templos de pedra
e despreocuparnos da vida da comunidade
reunida ao redor do corpo morto e resucitado de Xesús.
Acción

¿Cómo vivimos a nosa pertenza á Igrexa? ¿Participamos nas celebracións dominicais para vivir en comunidade cristiá? ¿En algo entramos niso de negociar coas cousas da fe, con cura ou sen cura polo medio, intentando mercar con cartos os agarimos de Deus? Seguro que haberá cousas nas que podemos mellorar.


10 de novembro: Venres da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 15, 14-21. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: Flp 3, 17—4,1. Salmo: 121, 1-2. 3-4a. 4b-5

Evanxeo: Lc 16, 1-8

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: “¿Qué é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido”.

O administrador púxose a cavilar: “¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa”.

Vaise e chama por cada un dos debedores do seu amo, e pregúntalle ao primeiro: “¿Ti canto lle debes ao meu amo?” El respondeulle: “Débolle cen bocois de aceite”. El díxolle: “Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta”. Despois preguntoulle ao segundo: “¿Ti canto debes?” Respondeulle: “Debo cen ferrados de trigo”. Díxolle el: “Pois colle o teu recibo e escribe oitenta”.

O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia coa que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.

Meditación

Na Igrexa –tamén na sociedade civil— estamos en tempos de certa desfeita; as cousas non van ben, como tampouco lle ía ben a facenda do home rico da parábola de Xesús. Oímos dicir por un lado e outro: se as cousas non van ben, e queres ter resultados distintos, debes empezar a facer cousas distintas. É dicir, debes poñer intelixencia, astucia, mañas –sempre lexítimas— para que as cousas funcionen e poidas chegar ao que aspiras, que no noso casa é ter unhas comunidades cristiás vivas ao servizo dunha sociedade xusta e irmandada en todo. Sentar, cavilar, ensaiar, revisar, todo con astucia da boa. E, seguramente, antes, no medio e despois de todo iso, simplificar o corazón e a vida, baleirarnos de mil historias, e deixar que o Espírito de Deus nos colla por fóra e por dentro, como facía Xesús, para sermos de verdade fillos e fillas da luz.

Oración
Cantas veces non sabemos que facer, meu Deus!
Témoste a ti como inmensa riqueza nas mans,
e non sabemos que facer contigo,
nin co teu Espírito
que tan ben guiou os pasos de Xesús de Nazaré.
O Pan volveuse balorento nas nosas mesas.
As nosas palabras volvéronse acedas.
E a cantas persoas lles feden a pasado e canso
as nosas comunidades!
Será posible botar viño novo en pelellos vellos?
Ou mendar un vestido vello cun mendo novo?
Será posible darlle paso á astucia, á ousadía no teu nome?
Nas túas mans nos poñemos, meu Deus.
Ti pódelo todo.
Acción

Se nos paramos a pensar, seguro que atoparemos algún aspecto da nosa vida persoal, comunitaria, social, que nos está pedindo astucia, iniciativa, creatividade, para reparalo, para avivecelo. Probemos niso a ser fillos e fillas da luz.


11 de novembro: Sábado da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 16, 3-9. 16. 22-27. Salmo: 144, 2-3. 4-5. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: Flp 4, 10-19. Salmo: 111, 1-2. 5-6. 8a e 9

Evanxeo: Lc 16, 9-15

Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Facede amigos coas riquezas inxustas, para que, cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco tamén, tamén no moito será fiel; e quen é inxusto no pouco, tamén no moito será inxusto. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? E, se no alleo non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar o voso? Ningún criado ou criada pode servir a dous señores, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro, ou ben atende a un e menospreza a outro. Non podedes servir a Deus e máis o diñeiro.

Os fariseos, que tan amigos son dos cartos, escoitaban estas cousas e burlábanse del. Xesús díxolles:
—Vós aparentades moi perfectos diante da xente, pero Deus coñécevos por dentro, e Deus anoxa o que aos ollos da xente é admirable.

Meditación

Xesús non critica para nada o diñeiro honrado como medio de vida digna. O pan de cada día, polo que el clamaba, demanda ter diñeiro co que adquirilo. E quen di pan, di todo o necesario para unha vida digna. Pero o diñeiro, convertido en riqueza, normalmente é algo ao que se serve; e servir quere dicir que a nosa vida, as nosas enerxías, os nosos afáns estean basicamente orientados a conseguir esas riquezas.

Xesús ben ve que o diñeiro crea imaxe social, normalmente moi honorable. A Deus non lle vai iso da imaxe social, mesmo lle dá noxo, por dicilo dalgunha maneira; é unha pura aparencia, moitas veces fabricada con corrupción, como ben sabemos. Ademais Xesús pensa que manexar o diñeiro é coma manexar un ben menor, un ben alleo, necesario para o elemental, pero que propiamente non forma parte da nosa valía humana, que se expresa en cousas moito máis valiosas, como pode ser a humanidade, o respecto, a consideración co débil, o non abusar en nada, a honradez, … Quen non xestiona ben ese ben menor, que é o diñeiro, malamente vai xestionar ben a súa vida humana.

Posiblemente estas ideas e sentimentos de Xesús nos deixen un pouco descolocados/as. En poucas cousas somos tan pouco consecuentes coa nosa condición cristiá coma neste tema dos cartos. É para que o pensemos.

Oración
Benditos os cartos, Xesús,
que lle aportan vida digna á xente empobrecida.
Malditos, en cambio, os cartos
conseguidos con calquera clase de inxustiza.
Benditos os cartos, Xesús,
que empregamos para crear irmandade.
Malditos, en cambio, os cartos
que valen para establecer diferenzas indignas.
Benditos os cartos limpos, Xesús,
gañados co esforzo e coa intelixencia.
Malditos, en cambio, os cartos
acumulados a base de corrupción e abusos.
Benditos os cartos, Xesús,
acollidos e gozados con agradecemento.
Malditos, en cambio, os cartos
que ensoberbecen á conta da amargura da xente débil.
Acción

¿Cómo nos situamos ante o diñeiro? ¿Adoptamos ante el as precaucións que Xesús nos indica? Ben seguro que todas, todos sen excepción temos moito que rascar neste tema. Rascar e mellorar.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.