07 marzo, 2024

Tempo de Coresma: 4ª semana



10 de marzo:Domingo 4º de Coresma

1ª lectura: 2 Cro 36, 14-16. 19-23. Salmo: 136, 1-2. 3. 4-5. 6
2ª lectura: Ef 2, 4-10

Evanxeo: Xn 3,14-21

Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
—Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creo no Fillo unixénito de Deus.

Nisto consiste o xuízo, en que, vindo a luz ao mundo, os seres humanos escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras pois esta´n feitas como Deus quere.

Meditación

O Evanxeo de hoxe forma parte dunha conversa entre Xesús e un fariseo, maxistrado xudeu, chamado Nicodemo. O evanxelista Xoán concibe e presenta o seu evanxeo, en boa medida, coma unhas recreacións de longos “discursos” de Xesús ante determinadas circunstancias, ou de conversas de Xesús con determinadas persoas. Recreacións que poden ter orixe en palabras concretas de Xesús, pero que tamén se deben moito á propia reflexión do evanxelista. No fondo o que sempre pretende o evanxelista é dilucidar para si e para os seus lectores ou lectoras o significado profundo da persoa, da vida e da morte de Xesús.

As persoas cristiás actuais temos aceptada e dalgunha maneira normalizada a morte de Xesús, con razoamentos máis ou menos sólidos, posiblemente moito pola rutina de ter nacido e sermos criados en lugares e con persoas que exhibían a cruz con piedade ou banalidade. Hoxe a morte de Xesús non nos escandaliza. En cambio ás primeiras comunidades cristiás si que as conturbou a morte de Xesús, e tiveron que facer unha reflexión fonda, no Espírito, sobre o sentido desa morte. Posiblemente teñamos que recuperar esta vivencia de escándalo da morte de Xesús. E, con ela, a vontade de encontrarlle sentido en Deus, no Espírito, apropiándonos do mellor da reflexión do mesmo Xesús e das primeiras comunidades, poñéndonos en alerta ante interpretacións que nos fan mal e dispoñéndonos a entrar con Xesús na mesma dinámica de morte-vida que nos deixou como parte substancial dunha existencia cristiá seguidora de Xesús.

Para o evanxelista, o que máis vale para interpretar a morte de Xesús en cruz é o amor. A cruz é un froito do amor, amor radical no que está implicado Deus Pai, e amor ata o extremo no que está implicado Xesús mesmo. Amor e vontade de salvación: que nada nin ninguén se perda. Esa é a disposición básica e permanente e universal de Deus, de Xesús. É ben positivo e animador sabernos a todos e cada un de nós, homes e mulleres de onte e de hoxe, envoltos nesta onda positiva de benquerencia por parte de Deus. E sermos agradecidos/as. E deixarnos envolver por esa onda de amor á que Xesús nos convoca.

O amor non foi unha palabra estéril na existencia de Xesús. Non foi un sentimentalismo. Xesús non foi persoa de amor ao marxe do que acontecía cada día na vida da xente, do pobo do que formaba parte. Precisamente a cruz foi o froito e consecuencia dun amor implicado na turbulencia eclesial e social do seu tempo. Xesús situouse, por amor, con amor, do lado da xente excluída polos poderes relixiosos do seu tempo; exclusión relixiosa que implicaba case sempre tamén exclusión social. Denunciou a perversión dunha relixión que no nome de Deus perdía a xente, co afán de recuperar a vivencia dun Deus que non quere que ninguén se perda, e menos a xente excluída, débil, pecadora. Nunha misteriosa, cálida e fonda compenetración entre Deus e Xesús, Xesús acepta a morte non por gusto, senón como expresión dunha fidelidade a Deus e ás persoas concretas ás que quería servir ata o final. Fóra deste marco de fidelidades, tampouco Deus determina para nada a morte de Xesús, coma requisito da súa xustiza para poder perdoar á xente.

Por iso a morte de Xesús acaba sendo tamén un elemento conflictivo nas nosas vidas cristiás. Porque nos incita e nos capacita, no Espírito, a que a día de hoxe tomemos posicións tamén contra calquera que no nome de Deus, no nome do Mercado, no nome das propias comenencias ou de comenencias grupais de calquera tipo, produza exclusión, vidas apagadas, fame, bágoas, desalentos, afogamentos, etc.; o contrario, en todo caso, desa “vida eterna” para a xente toda pola que Xesús tanto loitou: vida sólida, consistente, feliz, experimentada no presente e aberta ao imprevisible de Deus.

Podemos asomarnos e entrar nos espazos vivos de Xesús, espazos de luz, de verdade, de solidariedade, e ir gozando a súa promesa; ou podemos asomarnos e recuar, negándonos a experimentar o gozo da irmandade real, histórica, no nome e ao amparo de Xesús morto en cruz. Que pena!

Preces

CREMOS EN TI, XESÚS, FILLO UNIXÉNITO DE DEUS

Que o teu Espírito alente diariamente as nosas vidas. Oremos.

Que nos deixemos envolver agradecidos/as por esa onda de amor na que Deus Pai/Nai nos quere envolver polo ben noso e polo ben de toda a humanidade. Oremos.

Que traballemos cada día, con pequenos detalles, por unha vida digna e plena, feliz, para nós, para a xente máis débil que nos rodea. Oremos.

Que teñamos fortaleza para enfrontarnos ás persoas ou grupos sociais e políticos, que no momento presente afogan a vida dos fillos e fillas de Deus. Oremos.

Que saibamos ser fieis, constantes; que saibamos soportar o sufrimento, a morte incluso, por defender a vida digna das persoas, a vida da natureza, do mundo todo. Oremos.

Oración
Sinto, Xesús,
que me queres aprender a coidar a vida.
Sinto que necesito de ti para esa labor diaria.
Sinto que me queres obreiro/a desa sinxela tarefa.
Grazas.
Aquí estou,
conta comigo.

Así,
coidador, coidadora da vida
ante as herbiñas e plantas todas,
ante os animais que me rodean,
ante as persoas da casa,
ante a xente veciña,
ante aquelas, sobre todo, que por casualidade ou tarefa,
a vida me vai poñendo diante.
Contigo, Xesús,
aquí estou, conta comigo.

Quéresme coidador/a, Xesús,
e quéresme tamén coidado/a.
Todo o teu,
todo o de Deus
é estar ao meu servizo,
para que nada en min se perda,
nada do máis fermoso que son e teño,
que os máis pais me pasaron
e que a vida me foi aportando.
Quéresme san e feliz, Xesús,
vivo e vigoroso,
serenado e soñador.

Sinto que me queres coidador/a de ollos abertos.
Tenro e coidadoso dos pequenos detalles,
coas persoas máis pequenas tamén,
e atento a iso que chaman as estruturas,
as montaxes sociais e políticas,
onde tanto se xoga a paz, o benestar da xente,
para que non nos estraguen a vida
lobos con pel de ovella.
Conta comigo, Xesús.

Contigo, Xesús, sinxelo e lúcido,
humilde e apaixonado,
silencioso/a e protestón/ona,
resistente e fiel,
alegre e libre.

Non sei se poderei, Xesús,
agora son eu o que quero contar contigo,
Xesús, meu Xesús,
miña forza, meu pan, miña luz,
meu todo, Xesús.
Acción

Coidar a vida. Coidar a saúde. Coidar a mente. Coidar a espiritualidade. Coidar a comunidade. Deixarse coidar por outras persoas. Coidar a xente máis débil do teu arredor. Agradecer a vida. Compartila. De que estamos máis necesitados/as de todo isto?


11 de marzo: Luns da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Is 65, 17-21
Salmo: 29, 2 e 4. 5-6. 11-12a e 13b

Evanxeo: Xn 4, 43-54

Saíu Xesús de Samaría para Galilea; Xesús mesmo tiña dito que ningún profeta era honrado na súa patria. Cando chegou a Galilea, os galileos acollérono ben, pois viran todo o que Xesús fixera en Xerusalén durante a festa, xa que tamén eles foran á festa. E Xesús volveu de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.

Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo. Oíu que Xesús viña de Xudea cara a Galilea, foino esperar e rogáballe que baixase a curar o seu fillo, que estaba á morte.

Díxolle entón Xesús:
—Se non vedes sinais e prodixios, non credes.

O funcionario insistiu:
—Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.

Xesús contestoulle:
—Vaite, o teu fillo vive!

O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise. E, cando xa el baixaba, saíronlle ao encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben. Entón preguntoulles a que hora empezara a notar a melloría.

Eles respondéronlle:
—Onte, a iso da unha baixoulle a febre.

Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús “o teu fillo vive”, e creu el e máis toda a súa familia.

Este segundo signo fíxoo Xesús cando volvía de Xudea para Galilea.

Meditación

Xesús ofrécenos a seguridade de sermos persoas fondamente queridas. Xesús axúdanos a ver que as persoas, cada persoa, temos un valor único, que ninguén pode atropelar. Xesús axúdanos a descubrir as enormes posibilidades que cada persoa levamos no noso interior, posibilidades que nos fan moi fortes ante calquera atranco na vida. Xesús axúdanos a descubrir que estamos chamados á unión, á comunidade, e que a comunidade nos aporta grande felicidade. Xesús ofrécenos un estilo de vida libre, solidario, agradecido, irmandado, humilde, valente, alegre, resistente, confiado. Xesús axúdanos a afrontar os límites, calquera límite, que ten a vida e a encararnos con eses límites con esperanza, sen angustias, porque a pesar de todo seguimos sendo persoas queridas, ás que sempre nos agarda un espazo de luz, un corazón amante, un porvir pacificado. Pareceranos todo isto pouco milagre?

Oración
Xesús,
o meu fillo morre,
a miña comunidade cristiá esmorece,
a miña parroquia achícase,
o mundo rural vai a menos,
os pobos desángranse polas feridas das guerras,
as pobrezas aumentan e aséntanse entre nós,
a conciencia social debilítase,
os políticos ceden ante o capital, …
Xesús,
que podes facer ti?
Que podo facer eu?
Que podemos facer nós,
todas e todos nós?
Acción

Se nos atopamos ante un problema calquera, persoal ou comunitario, podémonos preguntar que podo, que podemos facer para abordalo e axudar a resolvelo ou, cando menos, alivialo algo.


12 de marzo: Martes da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Ez 47, 1-9. 12
Salmo: 45, 2-3. 5-6. 8-9

Evanxeo: Xn 5, 1-3.5-16

Celebrábase unha festa dos xudeus. E Xesús subiu a Xerusalén. Hai en Xerusalén, onda a Porta das Ovellas, unha piscina chamada en hebreo Bezsazá, que ten cinco pórticos. Neles había unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos Estaba tamén alí un home que levaba trinta e oito anos enfermo. Xesús, ao velo deitado e sabendo que levaba xa moitos tempo, preguntoulle:
—Ti queres quedar san?

Respondeulle o enfermo:
—Señor eu non teño a ninguén que me bote na piscina cando se remexe a auga; e, para cando eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.

Xesús díxolle:
—Érguete, colle a túa padiola e anda.

No intre púxose bo aquel home, colleu a súa padiola e botou a andar. Pero aquel día era sábado. Entón dicíanlle os xudeus ao que quedara curado:
—É sábado, non tes dereito a levar o leito.

Mais el respondeulles:
—O que me curou díxome el mesmo: “Colle a túa padiola e anda.”

Eles preguntáronlle:
—Quen é o home que che dixo “colle e anda”?

Pero o curado non o sabía, pois Xesús escapara do xentío que había naquel sitio. Máis tarde atopouno Xesús no templo e díxolle:
—Mira que estás san; non volvas pecar, para que non che veña algo peor.

Foise o home e contoulles aos xudeus que fora Xesús quen o curara. Por este motivo os xudeus perseguían a Xesús, por facer estas cousas en sábado.

Meditación

É ben exemplar este relato. Primeiro porque sitúa a Xesús enredado coa xente que ten problemas na vida, neste caso uns problemas de saúde que facían especialmente débil e marxinal a aquel enfermo. Xesús era moi amigo de andar os camiños, de atoparse con xente envolta en toda clase de debilidades, e a esa xente dáballe o que el sabía e podía dar: proximidade, confianza, alentos, sanidade; nunca buscando a súa gloria, senón o benestar da xente, a súa incorporación digna á vida social.

É exemplar tamén este relato, porque pon de manifesto o enfrontamento entre a relixión oficial e o talante de Xesús. A relixión oficial tende a poñer por diante as súas normas, as súas doutrinas, caia quen caia. Xesús pon por diante o ser humano necesitado, cousa que molesta á relixión oficial, por raro que pareza. Por iso a relixión oficial foi a por Xesús. Por iso o matou. Pero, por iso mesmo, a súa morte foi e segue a ser fonte de vida.

Oración
Grazas, Xesús,
porque iluminas ben o camiño da nosa fe.
Grazas,
porque nos dis con claridade onde está o importante.
Grazas, Xesús,
porque os teus ditos e feitos nos chaman ao cambio.
Grazas,
porque nos axudas a poñer o débil no centro da nosa experiencia relixiosa,
para aí atoparnos contigo,
para aí atoparnos con Deus.
Grazas.
Acción

Podemos revisar onde poñemos os acentos da nosa vida crente. Podemos mirar que lugar ocupa a xente necesitada, pobre, marxinal nas nosas ansias e horarios de cada día.


13 de marzo: Mércores da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Is 49, 8-15
Salmo: 144, 8-9. 13cd-14. 17-18

Evanxeo: Xn 5, 17-30

Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
—O meu Pai segue a traballar e eu tamén traballo.

Por iso os xudeus tiñan máis interese en matalo, porque non só violaba o sábado, senón que dicía que Deus era seu Pai, facéndose a si mesmo igual a Deus.

Xesús dirixiuse a eles e díxolles:
—Con toda verdade volo aseguro: o Fillo non pode facer en por si nada, só o que lle ve facer a seu Pai. O que este fai, faino tamén o Fillo; pois o Pai ama o Fillo e amósalle todas as cousas que el fai, e amosaralle obras meirandes ca estas, para que vos pasmedes. Pois, así como o Pai resucita os mortos e lles dá vida, así tamén o Fillo dá vida aos que el quere. Pois nin sequera o Pai xulga a ninguén, senón que delegou no Fillo todo o poder de xulgar, para que todos honren o Fillo como honran o Pai. O que non honra o Fillo non honra o Pai, que o mandou. Dígovos a verdade, quen escoita a miña palabra e cre no que me mandou, ten vida eterna e non comparecerá a xuízo, senón que pasará da morte á vida.

Con toda verdade volo aseguro: chega a hora ou, mellor dito, xa é esta a hora na que os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus e os que a escoiten vivirán. Pois, así como o Pai ten vida en si mesmo, así tamén lle deu ao Fillo ter vida en si mesmo; e deulle tamén poder para xulgar, pois é o Fillo do Home. Non vos pasme isto, porque chega o momento en que todos os que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; e os que fixeron o ben sairán a unha resurrección de vida; os que obraron o mal a unha resurrección de xuízo. Eu nada podo facer pola miña conta; conforme oio, xulgo; e o meu xuízo é xusto, porque non procuro a miña vontade, senón a vontade de quen me mandou.

Meditación

As primeiras comunidades cristiás fóronse decatando, case desde o primeiro momento, da vinculación profunda que existía entre Xesús e Deus; para describila dalgunha maneira, gustoulles a asociación íntima entre un pai e un fillo. Todo o que Xesús foi capaz de dicir, de falar, toda a súa enorme rebeldía, toda a súa humildísima forma de servir, toda a súa tenrura coa xente máis deteriorada na vida, toda a súa protesta contra os poderes que privan a xente de dignidade, todo o seu enfrontamento contra a maldade, contra o pecado, todo, todo, era o que el aprendeu do Pai, nos seus tempos e días de silencio, de escoita, de intimidade, de convivencia.

Quen coma Xesús! Si, pero esa intimidade co Pai é agora un camiño aberto, polo que podemos avanzar. Temos camiño e temos guieiro. Temos ruta e temos forza para andala, o Espírito que Xesús mesmo nos ofrece gratis.

Oración
Quen coma ti, Xesús,
quen coma ti!
Dócil aprendiz do Pai,
ousado seguidor das súas suxestións,
bravo na defensa dos últimos,
humilde para todo servizo,
esquecido sempre de ti mesmo,
con tal que a vida medre
nas mans da xente que carece dela.
Así onte e hoxe, Xesús,
porque segues traballando
e invítasnos ao mesmo.
Quen coma ti, Xesús,
quen coma ti!
Acción

Estando ao lado de Xesús, grande traballador, podémonos preguntar cal está sendo a nosa implicación na vida da comunidade cristiá, na marcha do pobo, do Concello, da sociedade da que formamos parte? Somos xente traballadora, ou xente preguiceira? Deberiamos implicarnos algo máis? En que?


14 de marzo: Xoves da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Ex 32, 7-14
Salmo: 105, 19-20. 21-22. 23

Evanxeo: Xn 5, 31-47

Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
—Se eu fose testemuña en causa propia, o meu testemuño non tería validez. Pero é outro o que testemuña a favor de min e eu sei que é válido o testemuño que dá de min.

Vós mandastes xente a preguntarlle a Xoán e el deu testemuño da verdade. Non é que eu apele ao testemuño dos homes, pero lémbrovos isto pola vosa salvación. Xoán era o facho que ardía e alumaba, e vós quixestes gozar un instante da súa luz. Mais eu teño un testemuño máis importante ca o de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou de levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do Pai. E o Pai, que me mandou, dá testemuño a favor de min. Pero vós nin oístes nunca a súa voz, nin vistes o seu rostro, e tampouco conservades a súa palabra en vós, porque non credes naquel que El mandou. Estudades as Escrituras, coidando que nelas tedes vida eterna; pois esas son as que testemuñan a favor meu e vós non queredes vir a min e así ter vida.

Non é que eu espere gloria dos homes; pero ben me decato de que vós non tedes dentro o amor de Deus. Eu veño no nome do meu Pai e non me recibides; se outro vén no seu propio nome, a ese recibirédelo. Como ides poder crer vós, que vos dades honra uns a outros e non procurades a gloria que vén do único Deus? Non coidedes que vos hei acusar ao Pai; quen vos acusa é Moisés, ese no que vós tedes a esperanza. Pois se vós crerades a Moisés, habiades crer tamén en min, xa que de min escribiu el. Mais se non fiades nos seus escritos, como ides crer nas miñas palabras?

Meditación

Son moi duros os reproches contra os xudeus que o evanxelista Xoán pon na boca de Xesús, nun momento en que había un grande enfrontamento entre os xudeus a as primeiras comunidades cristiás: non o acollen, non reparan nas obras que fai, nunca oen a voz do Pai, non cren nel, buscan a gloria mundana, non está neles o amor de Deus, non lle fan caso ao mesmo Moisés … Seguro que tamén entre os xudeus habería de todo.

A nós o que nos importa é ver ata que punto nós acollemos ou non a persoa e o estilo de vida de Xesús, e por que o facemos. Convéncenos o seu estilo de vida tan limpo de calquera comenencia e tan dado ao servizo no nome de Deus? Convéncenos o exemplo que ao longo da historia nos foron dando persoas que se fiaron a fondo de Xesús? Convéncenos Xesús porque imos experimentando algo de Deus, e Xesús sábenos a Deus? Convéncenos Xesús porque vemos que realmente nos dá paz, alentos, vida? Convéncenos Xesús porque vemos que, ao seu lado e ao lado de quen facemos comunidade con el, facémonos persoas máis vivas, honradas e solidarias?

Oración
Veño onda ti, Xesús,
cheo de contradicións:
digo que te creo, que te quero, que te sigo,
pero logo, ao longo do día e dos feitos,
a miña fe en ti é cativa,
o meu amor por ti sabe a pouco,
a miña vontade de seguirte atráncase con frecuencia.
A de cousas que o teu evanxelista Xoán
me podería botar en cara!
Pero, aínda así, aquí estou,
co meu pecado nas mans
dicíndoche unha vez máis:
creo en ti,
quérote,
quero seguirte.
Acción

Coñecémonos máis ou menos ben. Daqueles comportamentos nosos que máis chocan co estilo de vida de Xesús podemos escoller un para ver de cambialo.


15 de marzo: Venres da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Sab 2m 1a, 12.22
Salmo: 33, 17-18. 19-20. 21 e 23

Evanxeo: Xn 7, 1-2.10.25-30

Nunha ocasión recorría Xesús a Galilea, pois non quería andar pola Xudea, porque os xudeus queríano matar. Estaba a chegar a festa dos xudeus chamada das Tendas. Cando os seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non manifestamente, senón en secreto. Algúns dos habitantes de Xerusalén comentaban:
—Non é a este a quen intentaban matar? Pois mira como fala á vista de todo o mundo e máis non lle din nada. Será que de verdade as autoridades chegaron a recoñecer que el é o Mesías? O caso é que este sabemos de onde é, mentres que o Mesías, cando veña, ninguén saberá de onde é.

Entón Xesús berrou, mentres ensinaba no templo:
—A min coñecédesme e sabedes de onde son. Pero eu non vos vin pola miña conta; a min mandoume o Verdadeiro, a quen vós non coñecedes. Eu coñézoo, que de onda el son e foi El quen me mandou.

Daquela trataban de prendelo, pero ninguén lle botou man; aínda non chegara a súa hora.

Meditación

Nas nosas vidas hai moitas cousas que non damos comprendido, misteriosas. Nacemos da nosa nai, do noso pai, pero cal é a fonte do noso ser? Cal é o fondo que nos sostén e anima día a día durante a nosa vida? A onde imos parar cando o noso corpo se esgota e a morte pon o punto final á nosa existencia terrea? Que vai ser deste noso ser tan particular, pois non houbo nin haberá no mundo outro ser coma min?

Xesús percibiu con claridade que a súa fonte estaba en Deus. E que viña de Deus coa tarefa de que a xente toda descubrísemos e vivísemos esa vinculación fonda con Deus, que lle dá sentido, verdade e enteireza a toda a nosa vida. Irmáns e irmás todas nesta gran familia humana que se realiza en cada casa, en cada parroquia, en cada pobo. Iso era o máis importante, o único importante de toda relixión.

Oración
Quero aprender de ti, Xesús,
a vivir ben asentad@ en Deus.
Quero aprender de ti,
a facer da fe unha escola de escoita,
de rebeldía e de obediencia.
Quero aprender de ti, Xesús,
a ser eu mesm@,
na miña particular grandeza
na miña singular indixencia,
sempre ao calor de tod@s,
sempre en débeda con tod@s.
Por iso aquí estou, Xesús, onda ti,
apréndeme.
Acción

Pásanos ás veces que nos rebelamos contra quen nos di cousas que nos descolocan, tanto no campo da fe, coma noutros campos da vida. E tendemos a querer quitar do medio a esas persoas innovadoras. Sería ben que mirásemos se con algunha persoa nos está pasando iso. Podemos cambiar. Faranos ben.


16 de marzo: Sábado da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Xer 11, 18-20
Salmo: 7, 2-3. 9bc-10. 11-12

Evanxeo: Xn 7, 40-53

Nunha ocasión algúns de entre a xente que oíran as palabras de Xesús dicían: “Este é verdadeiramente o Profeta.” Outros dicían: “Este é o Cristo.” Outros, en cambio, dicían: “pero é que o Cristo vai vir de Galilea? Non di a Escritura que o Cristo ha vir da descendencia de David, e de Belén, a vila de onde era David?”

E houbo división no pobo por causa del. Algúns queríano prender, pero ninguén lle puxo enriba as mans. Foron entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles preguntáronlles:
—Por que non o trouxestes?

Respondéronlle os gardas:
—Nunca ninguén falou así coma este home.

Respondéronlles os fariseos:
—Seica vos engaiolou tamén a vós? Vistes que algún dos maxistrados ou dos fariseos crese nel? Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.

Un deles, Nicodemo, o que fora primeiro onda el dixo:
—Desde cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investigar o que fixo?

Respondéronlle:
—Tamén ti es de Galilea? Pois estuda e verás como de Galilea non sae profeta ningún.

Meditación

Pasa con frecuencia que queremos contentar a todo o mundo, e por iso non nos definimos, e por iso andamos con branduras e acomodacións. Pretendemos ser fieis ao estilo de vida de Xesús, pero ao mesmo tempo queremos funcionar cos criterios do mundo. Xesús non era así; falaba con firmeza, situábase con forza do lado da xente máis débil, amosaba claramente que iso era o que o mesmo Deus acendía no seu corazón. E facíao sen medo a crear conflito, como realmente o creaba. Pero iso era o que á posta quería: que a xente pensase e se fose definindo.

Que ben nos viría que, como persoas e como comunidades cristiás, seguísemos este talante de Xesús! Canto ben nos fariamos a nós mesmos e á demais xente se fósemos claros e contundentes nas nosas opcións, sen desprezar a ninguén, pero sen agochar para nada o don do Evanxeo que Deus nos puxo nas mans para facelo chegar aos nosos contemporáneos o máis limpo posible!

Oración
Nunca ninguén falou coma ti, Xesús!
Coa mesma paixón por Deus.
Coa mesma paixón por cada home ou muller
cos que te fuches cruzando pola vida.
Coa mesma paixón por min.
Nunca ninguén soubo xuntar coma ti
palabras e feitos
nunha idéntica fidelidade.
Grazas, Xesús,
á sombra do teu ser quero acollerme.
Acción

Podemos mirar se nalgún aspecto da nosa vida relixiosa ou civil non somos claros, non falamos conforme ao que pensamos, simulamos para non significarnos, para non provocar rexeites. Tamén aquí seguro que poderemos poñer máis verdade na nosa vida.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.