14 marzo, 2024

Tempo de Coresma: 5ª semana



17 de marzo: Domingo 5º de Coresma

1ª lectura: Xer 31, 31-34. Salmo: 50, 3-4. 12-13. 14-15
2ª lectura: Heb 5, 7-9

Evanxeo: Xn 12,2 0-33

Sucedeu un día que algúns dos gregos que subían a adorar no día da Festa achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
—Señor, queremos ver a Xesús.

Foi Filipe e díxollo a André; André e máis Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:
—Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga, e alí onde estou eu estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve hao honrar o Pai.

Agora o meu espírito está turbado. ¿E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu nome.

Chegou entón unha voz do ceo:
—Xa o glorifiquei e glorificareino aínda de novo.

Ao oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: “Faloulle un anxo.” Xesús interveu dicindo:
—Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.

Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.

Meditación

Seguimos estando ante as primeiras comunidades cristiás que seguen afectadas pola morte de Xesús, o xusto condenado inxustamente, e intentan buscarlle un sentido a ese acontecemento. A morte inxusta de Xesús prolóngase no tempo nos miles e millóns de mortes inocentes inxustamente provocadas pola xente que detecta o poder social ou relixioso, ou por quen pensa que a violencia segue a ser camiño para resolver conflitos e inxustizas, ou por quen ve e contempla todo isto e consente e cala. Non é doado liberarse da tentación de matar, de aniquilar ou de menosprezar o contrario, o diferente; non é doado vivir de forma rotunda na non violencia, no pacifismo activo, como fixo Xesús. Non é doado entender a morte de quen é vitima da violencia persoal ou institucional. Se transiximos tranquilamente con que a diario haxa centos de miles de mortos de fame ou de enfermidades curables, non temos o Espírito de Xesús, e a violencia feita ou consentida ten espazos fondos no noso corazón, na nosa vida.

Para entender a morte de Xesús, as primeiras comunidades cristiás remitíronse sempre a determinadas palabras de Xesús, que recollen tanto os tres evanxeos sinópticos (Mateu, Marcos e Lucas) coma Xoán. Que estean nos catro evanxelistas proba que son palabras fondas, densas, que se espallaron polas primeiras comunidades dando explicación moi seria da vida e da morte de Xesús. Cando o Fillo do Home, o Ser Humano, atopa a súa glorificación? Cando se salva, cando se constrúe a fondo unha persoa? Xesús teno moi claro e propono tamén con moita claridade ás persoas que queiran ser seguidoras del: non hai éxito en quen medra, engorda, se ama sen máis, e se constrúe ao marxe do amor, do servizo, da consideración cara ás persoas que o rodean. En cambio, pode haber éxito, haino e garantido en quen se entende coma gran de trigo que morre para dar froito; hai éxito en quen mesmo aborrece a “súa” vida, como algo particular, privilexiado, central, e entende que ser persoa a fondo soamente se é cando un vive coma membro dunha totalidade (familia, comunidade, sociedade...) á que se debe por agradecemento e por coherencia, coma quen é servido/a pola comunidade e coma quen á comunidade serve. Esta é a proposta que Xesús nos fai. Proposta de vida, de morte, de glorificación. Descentrados/as, para servir e gozar no comunitario, no total, no único, no Un. Non é doado vivir así, nunca. As persoas e as comunidades, as Igrexas, fuximos disto coma do lume. A proposta de Xesús segue sendo un reto para nós todos/as nos tempos de hoxe.

O evanxelista Xoán non nos fala da oración de Xesús en Xetsemaní, pero no evanxeo de hoxe tráenos palabras e sentimentos de Xesús que enganchan totalmente coa oración de Xetsemaní narrada polos sinópticos: Espírito turbado, medo, ganas de librarse do sufrimento, vontade firme de ser fiel a Deus, á xente, á xente débil maiormente. O plan de vida como servizo que Xesús presentaba antes, leva consigo frecuentemente unha experiencia de dor, de medo, de ganas de fuxir; o corpo e a alma séntense entre a espada e a parede; a espada do amor e do servizo, e a parede do pobo, de Deus. Hai aquí grande fondura, grande misterio: no máis fondo da dor prende e xermola a máis limpa alegría. E isto tócanos vivilo día a día en mil e unha ocasións. Xesús foi mestre nesta experiencia vital: sen querer o sufrimento, gustando verse libre del, aceptouno convencido cando o sufrimento se lle presentou coma consecuencia dunha fidelidade coa que quixo envolver a súa vida. E ofrécesenos para acompañarnos por estes camiños.

A voz do ceo, un trono ou un anxo, son formas simbólicas de falar, para nos confirmar que esta maneira de vivir, de morrer, de ser glorificado responde ao proxecto de Deus que é todo amor, paixón, entrega. Xesús viviu, morreu, glorificouse ao xeito de Deus, coma Deus. O seu camiño é un camiño limpo e fondo de humanización, que se nos ofrece tamén para estes tempos convulsos que estamos vivindo. Tócanos a cada un, a cada unha, mirar como cada día somos, podemos ser, granciño de trigo que morre para que o froito medre abondoso na casa, na comunidade, no mundo.

Preces

QUEREMOS VER A XESÚS

Queremos deixarnos coller pola maneira orixinal, fonda que Xesús tiña de ver e de vivir a vida. Por iso oramos.

Queremos ser grans de trigo que cae na terra da comunidade e morre para chegar a dar froito abondoso. Por iso oramos.

Coma persoas, coma comunidade, coma Igrexa, queremos estar no medio da nosa sociedade coma quen serve e atopa en servir o sentido e o gozo de vivir. Por iso oramos.

Queremos sentirnos consolados/as e confortados/as nas horas de sufrimento e de medo, cando nos sentimos tentados/as de deixalo todo, de fuxir, de atender só ao noso. Por iso oramos.

Queremos ter forza, humor e amor para acompañar a quen peor o estea pasando nestes tempos de paro, de angustia, de desesperanza, de enganos, de perda de dereitos. Por iso oramos.

Queremos berrar con quen saia de folga: non ao abuso e á acumulación do capital, si ao pan e ao traballo digno para todas e todos. Por iso oramos.

Oración
Señor Xesús,
que sexa sabio, sabia, para a vida
coma ti o fuches.

Que me descubra na miña identidade fonda,
centrada, centrado no corazón de Deus,
no corazón da comunidade,
coma ti, Xesús.

Que saiba servir sen amargura,
porque me sae de dentro,
desa fonte inesgotable de amor comunitario
que ten en Deus a súa orixe e alimento diario.

Que saiba morrer a min mesmo cada día,
nas cousas pequenas e humildes de cada día,
nos servizos sinxelos ás persoas sinxelas que me acompañan,
sabendo, sentindo, vivindo, gozando
que é así como me fago feliz.

Que saiba servir nestas horas escuras da sociedade,
cando o débil se debe pregar ás esixencias do forte coma nunca;
que saiba nesta hora servir con intelixencia e paixón,
dando a cara, unindo vontades,
reflexionando, rezando,
defendendo dereitos, socializando a amor e os servizos.

Que acerte, Xesús, a seguirte no servizo,
a honrar o Pai-Nai co meu servizo,
a construír comunidade ao teu carón.

E nas horas turbas da vida,
cando a carga me pese abondo
e estea tentada/do de pousar e abandonar,
que te sinta ao meu lado termando pacientemente da miña debilidade.
Acción
Que facemos nos momentos de dúbidas, de turbación, de inseguridade, de fracaso? Rezamos máis? Compartimos máis eses momentos con xente da que espero escoita e axuda? Busco serenarme e ollar a vida con perspectiva máis ampla? Lembro situacións similares ás que lle atopei sentido e saída?


18 de marzo: Luns da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Dn 13, 41c-62 (breve)
Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

Evanxeo: Xn 8,12-20

Nunha ocasión Xesús faloulles aos fariseos dicindo:
—Eu son a luz do mundo: quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.

Dixéronlle entón os fariseos:
—Ti fas de testemuña en causa propia: o teu testemuño non vale.

Xesús replicoulles:
—Aínda que eu faga de testemuña en causa propia, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei de onde vin e onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin onde vou. Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén. E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só o xulgar, senón eu e máis quen me mandou. E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas testemuñas é válido. Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que me mandou.

Entón eles preguntáronlle:
—Onde está teu Pai?

Xesús respondeulles:
—Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai.

Estas cousas díxoas el cando ensinaba no templo, no adro do tesouro; e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.

Meditación

Nas nosas vidas, na vida de toda persoa sempre hai algo íntimo, fondo, dalgunha maneira inexplicable, que ás veces nin nós mesmos coñecemos de todo. Para as persoas crentes ese algo fondo tan de cada persoa conecta coa presenza de Deus en nós, ou mellor aínda, conecta coa nosa presenza en Deus. Somos, estamos, vivimos en Deus, soportadas por el, acompañadas por el. Xesús tamén vivía isto, el, si, dun xeito moi vivo e total, ata o punto de se sentir fillo íntimo de Deus.

Esta condición nosa, ben vivida e coidada, ben traballada, capacítanos para nos ir sentindo coa forza, coa luz de Deus iluminando a nosa existencia. Capacítanos tamén para sermos algo de luz para quen nos rodea. Nós que estamos sendo iluminadas e fortalecidas por Deus, debémonos a quen nos acompaña na vida para transmitir algo de luz e fortaleza. Debémonos maiormente para a xente máis empobrecida. E iso sen ningunha pretensión de arrogancia, só faltaría, senón obedecendo a ese humilde convencemento interior de que o que nos é dado énos dado para que o compartamos. Sabendo, iso si, que aquí, nisto, canto máis se comparte máis se aumenta na nosa propia existencia.

Oración
Grazas, Deus, Pai, Nai nosa,
porque todo o enches e ennobreces;
porque nos permites asentar no teu corazón,
para enchernos de luz e de esperanza.
Grazas pola presenza de Xesús en ti,
pola vosa inexplicable intimidade.
Grazas porque non estades en ningún ceo estraño,
porque fixestes entre nós, en nós, a vosa tenda.
Grazas porque escolledes a xente máis fráxil
para convocarnos desde esa xente á dita de compartir
e atopar así o sentido e verdade das nosas vidas.
Grazas.
Acción

Que é o que nos move aló no fondo das nosas vidas? Que explica o que somos e facemos? Sentímonos atraídos por Deus, por Xesús, pola xente empobrecida? Chámanos o servizo ou algunha forma de poder? Ás portas case da Semana Santa podemos dedicar un tempo e matinar algo nas nosas vidas.


19 de marzo: Solemnidade de San Xosé

1ª lectura: 2 Samo 7, 4-5a. 12-14a. 16. Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29.
2ª lectura: Rom 4, 13. 16-18. 22

Evanxeo 1, 16.18-21.24a

Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:

—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.

Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor.

Meditación

A figura de Xosé é unha figura entrañable. Home silencioso e silenciado. Compartiu con María a paternidade/maternidade de Xesús; colaborou na educación de Xesús coma cidadán e coma persoa crente; transmitiulle ao seu fillo as habilidades na carpintería e traballos similares; horas e horas de acompañamento, de conversas sobre do divino e do humano, acollendo seguramente expectativas e ilusións do seu Fillo e ofrecéndolle as súas. Quen puidese traer ao presente o mundo marabilloso e/ou complexo que puido existir entre ambos. Pero todo quedou no silencio. Home, ao que parece, dado a calar e remoer as cousas; home dado a pensalas e repensalas ao abrigo de Deus; as citas co anxo non deixan de ser unha evocación literaria das súas citas co mesmo Deus en tempos de pregaria silenciosa, confiada –parece—, pero tamén ás veces cun aquel de amargura, que a fe máis fonda non era quen de varrer da propia experiencia. E, envolvéndoo todo, como principio e fin das vacilacións, dos silencios, das ansiedade, envolvéndoo todo a decisión firme de facer sempre o que lle mandara o anxo do Señor, é dicir, o mesmo Deus.

Oración
Espléndido Xosé
na túa condición de home de aldea
buscando vida con María
ao amparo de Deus,
intentando adiviñar a súa vontade
a través das circunstancias da vida,
que ás veces parecían revirarse!
Espléndido Xosé
na túa busca do querer de Deus,
na túa obediencia silenciosa e fecunda,
na túa disposición absoluta
a facer o que o Espírito che indicaba facer!
Lévanos da man
ao encontro da vontade Deus,
coa humilde disposición
de quen cre e colabora
silenciosamente.
Acción
¿Qué facemos cando na vida familiar ou comunitaria xorden dificultades, ou cando non sabemos ben que é o que Deus quere de nós ante algunha circunstancia concreta? ¿Dámoslle tempo ao silencio, a pensar, a dispoñernos a seguir o que o Espírito nos vaia amosando? ¿Buscamos sos ou na compaña doutras persoas os camiños do Espírito de Deus, para podelos seguir?


20 de marzo: Mércores da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Dan 3, 14-20. 91-92. 95
Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56

Evanxeo: Xn 8, 31-42

Nunha ocasión dicíalles Xesús aos xudeus que creran nel:
—Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus, e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres.

Eles respondéronlle:
—Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; como, logo, dis ti “seredes libres”?

Respondeulles Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo. E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade. Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós. Eu falo do que vin onda o Pai, e vós facedes o que oístes de voso pai.

Eles respondéronlle:
—O noso pai é Abraham.

Xesús replicoulles:
—Se fósedes fillos de Abraham, fariades as obras de Abraham, mais agora procurades matarme, a min, que vos dixen a verdade que oín de Deus; iso non o fixo Abraham. Vós facedes as obras do voso pai.

Dixéronlle:
—Nós non nacemos da prostitución, temos un pai, Deus.

Contestoulles Xesús:
—Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min aporque eu veño e procedo de Deus. Pois non vin por min mesmo, senón que el me enviou.

Meditación

Conta o evanxelista algo que pasou entre Xesús e algúns xudeus que creran nel. Nós tamén cremos en Xesús e por iso podemos tomar o que aquí se conta como dito para nós. Unha cousa é crer simplemente, quedándose niso: son bautizado, figuro como persoa cristiá, confésome cristiá, e mesmo cumpro con certas prácticas relixiosas. Para Xesús iso é quedarse no primeiro paso, pouco nos aproveita.

Xesús fainos unha proposta moito máis densa e proveitosa: permanecer na palabra de Xesús, ser de verdade discípulos/as del, coñecer a verdade e permitir así que a verdade nos faga libres. Isto é desenvolver na nosa vida todo un proceso interior e exterior de marabillosas consecuencias para a nosa vida. Permanecer na súa palabra, é dicir, ser constante na aposta por Xesús, ou, dito con outras palabras, ser de verdade discípulas/os del; isto permitirá coñecer, experimentar a verdade, a verdade de Xesús, a nosa propia verdade nel, cousa que nos fará persoas libres a fondo, sen trampas nin enredos. Oxalá!

Oración
Oxalá!,
oxalá, Xesús,
permanecese na túa palabra,
na túa maneira de falar,
na túa maneira de vivir,
na súa paixón polo débil,
sen recuar ante nada!
Oxalá me fixese de verdade discípulo/a túa,
sen dar por sabida ningunha lección!
Oxalá coñecese a fondo
a túa verdade en min,
a miña verdade en ti
sen simular zonas escuras dentro de min!
Oxalá empezase a camiñar
polo camiño amplo da liberdade
que ti vivías e transmitías, Xesús,
sen disimular nunca as miñas escravitudes!
Oxalá!
Acción

Podemos ollar un pouco para a nosa vida cristiá. Témola viva ou témola adurmiñada? Contentámonos con mínimos ou dámonos a oportunidade de experimentar a verdade de Deus nas nosas vidas? En que máis cousas andamos así pola tona, nas aparencias nada máis?


21 de marzo: Xoves da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Xén 17, 3-9
Salmo: 104, 4-5. 6-7. 8-9

Evanxeo: Xn 8, 51-59

Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
—Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra non morrerá endexamais.

Entón dixéronlle os xudeus:
—Agora si que vemos que tes o demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis: quen fai caso da miña palabra non morrerá endexamais. Seica es ti máis ca o noso pai Abraham que morreu? E os profetas tamén morreron. Por quen te queres facer pasar?

Xesús respondeu:
—Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale; pero quen me dá gloria é meu Pai, de quen vós dicides que é o voso Deus. Pero non o coñecedes, mentres que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu coñézoo e axústome á súa palabra. Voso pai Abraham encheuse de ledicia na esperanza de ver o meu día; viuno e alegrouse.

Dixéronlle entón os xudeus:
—Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?

Xesús contestoulles:
—Con toda verdade volo aseguro: antes que Abaham chegase a existir, “Eu son”.

Entón colleron p0edras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do templo.

Meditación

O evanxeo de hoxe alértanos do difícil que ás veces resulta dialogar. Cada un está no seu mundo, nas súas ideas, nas súas aspiracións, nas súas valoracións; non escoitamos en verdadeiro silencio interior procurando entender que é o que me di esa persoa que teño diante, cal é o seu mundo, cales son os seus valores, as súas emocións; non nos escoitamos en verdadeiro silencio a nós mesmas, procurando entender que son unha persoa quizais dominada por prexuízos, por ideas, por sentimentos, por intereses que me bloquean e me impiden abrirme á riqueza e variedade da vida, e desa maneira abrirme tamén ao cambio, ao crecemento persoal.

O facemos coa xente é normal que o fagamos tamén con Deus. Con san Xoán podemos dicir: se non escoito e acollo a xente, a quen vexo, non vou acoller o Deus que non vexo.

Oración
Meu Deus,
ao teu lado quero aprender
a calar,
a escoitar,
a acoller,
a valorar,
a agradecer,
a amar,
a comprometerme
ante todo o que a vida me ofrece
na natureza, nos animais, nas persoas,
no que pasa fóra e dentro de min,
en todo,
en ti.
Grazas.
Acción

Se repasamos algúns dos nosos encontros coa xente, igual vemos situacións algo semellantes á que se conta no evanxeo. Por que nos resulta difícil entendernos? Que hai en min que o impide?


22 de marzo: Venres da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Xer 20, 10-13
Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 5-6. 7

Evanxeo: Xn 10, 31-42

Nunha ocasión os xudeus volveron coller pedras para acantazar a Xesús. Xesús replicoulles:
—Moitas obras boas fixen diante de vós de parte do meu Pai. Por cal delas me acantazades?

Respondéronlle os xudeus:
—Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home, faste Deus.

Xesús replicoulles:
—Non está escrito na vosa Lei “Eu dixen: sodes deuses?” Se lles chamou deuses a aqueles sobre os que veu a palabra de Deus –e non pode fallar a Escritura—, por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ao mundo, por dicir que son Fillo de Deus? Se non fago as obras do meu Pai, seguide sen crerme. Pero se as fago, aínda que non creades en min, crede nas obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.

Unha vez máis trataban entón de o prender, pero Xesús liscóuselles das mans. E foi de novo á outra banda do Xordán, ao sitio onde estivera Xoán bautizando ao comezo e permaneceu alí. E acudiron moitos onda el e dicían: “Xoán non fixo ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade.” E moitos comezaron a crer nel alí.

Meditación

Xesús crea conflito. Hai xente que ve as súas obras e cre nel, e hai xente que nin vendo as súas obras lle dá fe. Tamén hoxe, entre nós mesmos, existe esta división. Hai xente, entre a que nos contamos, que cre en Xesús, como unha manifestación, unha revelación de Deus neste mundo polas súas obras. Pero hai tamén moita xente, moita, que non cre en Xesús; igual mesmo admiran os seus feitos, a súa chamada fonda á irmandade, á dignidade de todos, especialmente da xente máis maltratada, pero non cren en Xesús como Fillo de Deus, e menos na Igrexa.

É posible remediar este conflito? Desde logo non a base de insultos, desprezos ou pedradas. Quen seguimos a Xesús temos a responsabilidade grande de non agravar ou deformar ese conflito con doutrinas torpes ou con prácticas relixiosas decadentes; se hai conflito, que sexa porque procuramos seguir o estilo de vida de Xesús, na súa maneira de sentir e vivir a Deus, na súa maneira de respectar e defender a dignidade radical de toda persoa.

Oración
Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me alenta
a respectar a todas as persoas,
crean ou non crean en ti,
sigan ou non as pisadas de Xesús.
Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me anima
a adherirme a Xesús,
en quen creo como un home
totalmente un contigo.
Que a miña fe non te traizoe,
meu Deus.
Que a miña maneira de vivir
axude a outras persoas a achegarse a ti.
Acción

Queixámonos de que a xente non cre, pero que facemos as persoas, as comunidades cristiás para facer crible a nosa vida, o noso testemuño cristián? Vemos que podiamos cambiar en algo?


23 de marzo: Sábado da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Ez 37, 21-28
Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13

Evanxeo: Xn 11, 45-57

Daquela, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixera, creron nel. Pero algúns deles foron onda os fariseos e contáronlles o que fixera Xesús. Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Consello e dicían:
—Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. Se o deixamos así, todos crerán nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e máis a nosa nación.

Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano,díxolles:
—Non entendedes nada. Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira?

Iso non o dixo por súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús había morrer pola nación; e non só pola nación, senón tamén para reunir os fillos de Deus que estaban dispersos. Por iso aquel día decidiron matalo.

En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a rexión próxima ao deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus discípulos. Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. Andaban entón buscando a Xesús e, cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: “Que vos parece? Non virá á festa?” Pero os sumos sacerdotes e os fariseos tiñan dada orde de que, se alguén sabía onde estaba, que o comunicase para lle botaren man.

Meditación

A morte de Xesús foi unha morte inxusta, e, como tal, nin foi querida por Deus nin polo mesmo Xesús. O plan de quitalo de en medio obedecía ao medo a que o pensamento e a práctica de Xesús collese corpo entre a xente, e iso cuestionase o funcionamento das autoridades relixiosas do seu tempo e das prácticas relixiosas que promovían. Ante Xesús podían recapacitar e cambiar, ou obcecarse e acabar con el. Preferiron isto último. Pero curiosamente a morte coa que pretendían anular a súa influencia converteuse nunha fonte de vida e de esperanza para cantas persoas quixesen ser seguidoras del, e aínda para o mundo enteiro.

Tamén nós podemos acoller a palabra e a vida de Xesús ou resistirnos a elas. Podemos acollelo de corazón, deixando que revolva e alente as nosas vidas, ou persistir na nosa cegueira, pechándolle as portas a quen vén para enriquecernos coa súa paz, coa súa forza.

Oración
En busca e captura, Xesús,
así estiveches ti,
como calquera malfeitor común,
sen ter feito máis ca ben.
En busca e captura
quen nos buscou apaixonadamente
para a maior liberdade.
En busca e captura
para lle dar morte
a quen era a fonte da vida.
En busca e captura, Xesús,
como tantos e tantas irmás túas
de sangue africana
que percorren os nosos pobos e cidades.
En busca e captura
agochándote
na máxima dor,
no máximo servizo.
Acompáñote, Xesús.
Acción
Igual nalgunha ocasión temos a oportunidade de poñernos do lado dalgún inocente fronte ao poder, fronte a quen abusa del. Podemos facelo por el, por Xesús que nel repite a súa historia.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.