18 abril, 2024

Tempo de Pascua: 4ª semana



21 de abril: Domingo 4 de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 8-12. Salmo: 117, 1 e 8-9. 21-23. 26 e 28 e 29
2ª lectura: 1 Xn 3, 1-2

Evanxeo: Xn 10,11-18

Unha vez díxolles Xesús aos fariseos:
—Eu son o bo pastor. O bo pastor dá a súa vida polas ovellas. O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas, porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan.

Eu son o bo pastor; coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas téñoas que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.

Por iso ámame o Pai, porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita, non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.

Meditación

O Evanxeo de hoxe recolle parte dunha reflexión do evanxelista Xoán sobre a identidade de Xesús, que ocupa a metade do capítulo 10 do seu Evanxeo. Esa identidade coméntaa Xoán a partir da imaxe do pastor, imaxe á que se recorría xa no Antigo Testamento cando se quería falar de Deus mesmo, ou dos seus representantes máis considerados. No apartado deste domingo a reflexión versa sobre a realidade e o sentido da morte de Xesús, cousa que conmocionou moito aos primeiros seguidores e seguidoras de Xesús; para entendela e asumila tiveron que pararse, pensar, orar, meditar en vivencias próximas aparecidas xa no Antigo Testamento, e, sobre todo, tiveron que deixarse envolver pola realidade mesma de Xesús, que desbordaba todos os anuncios e promesas.

Xoán xoga coa imaxe do pastor amo e do pastor asalariado, contrapoñendo figuras e funcións, intereses e apaixonamentos. Ao pastor amo as ovellas interésanlle; ao asalariado interésalle o salario. Como ao pastor amo lle interesan as ovellas, por iso mesmo é capaz de dar a vida por elas, se fixer falla. E iso é o que fixo Xesús. Interesoulle a tope o pobo pobre, desnortado, deprimido, asoballado por poderes políticos e relixiosos, asoballado tamén pola propia inconsistencia e pecado, e levou as cousas ata o extremo, ata o fondo, ata a morte. A súa tarefa esténdea sobre todos e cada un, cada unha de nós. É ben gratificante e animador saberse obxecto da paixón de Xesús.

Xoán esténdese noutra condición típica do pastor apaixonado: é coñecedor das súas ovellas, establece con elas unha relación de coñecemento e intimidade, comparable coa que poden ter entre si os dous membros dunha parella. Xesús ofrécenos esta intimidade e invítanos a ela; intimidade que non é senón un reflexo da intimidade mesma que el ten establecida con Deus Pai/Nai.

Xesús non fixo de todo isto un xogo espiritualista, como moitas veces adoitamos facer nós; sabémolo ben polo estilo de vida que el levou, polos compromisos concretos coas persoas nos que el sempre se embarcaba. O seu era coñecer a xente, entendela, acompañala, entregarse a ela, ofrecerlle todo o que era e tiña, así, día a día, persoa a persoa, ata o acabamento final, que foi o estoupido desmedido de amor en Deus e pola xente. A morte de Xesús convértese así na referencia dos nosos servizos, dos nosos amores: gratificados/as por ela, obsequiados/as con ela, urxidos/as por ela, comprometidos/as nela.

Xesús abre a tenda do seu amor, da súa vida en tempos e espazos ilimitados; nada, ninguén queda ao marxe das súas ansias: o soño eterno dunha humanidade reconciliada, vinculada á experiencia diaria do amor e do servizo, desde o minúsculo detalle agachado no recanto máis retirado dunha vivenda, ata a acción máis solemne e pública coa que queiramos proclamar a prioridade dos máis débiles no ensarillado social.

O de Xesús foi así: andar coa vida nas mans e no corazón, dando libremente, con esa liberdade fonda, fondísima, que só é capaz de criarse ao abeiro do amor, da paixón polos demais, polas demais, enredada en Deus día a día, hora a hora.

Imaxinámonos a Xesús deste xeito vivindo os tempos de hoxe, duros, complexos, angustiosos para moitos/moitas, abertos por iso mesmo á sorpresa, ao inaudito de Deus? O Evanxeo de hoxe invítanos a asolagarnos na persoa, no estilo de Xesús, a enchouparnos del, e a recrear no Espírito a súa presenza nesta hora, coa humildade de quen se sabe aprendiz, coa ousadía de quen se descubre amado e acompañado diariamente por un mestre sabio e experimentado en loitas curtidas.

Preces

GRAZAS, XESÚS, BO PASTOR

Porque nos ensinas a mirar polas persoas, sobre todo polas que están en perigo de sufrir calquera tipo de abuso ou atropelo. Rezamos.

Porque coa túa vida nos ensinaches a amar con verdade, sen trampas, sen falsas aparencias. Rezamos.

Porque nos chamas a intimar contigo, con Deus, e a intimar coa xente que nos rodea, sen contentarnos con relacións baleiras e inútiles. Rezamos.

Porque fuches libre para amar, para servir, para protestar, para plantarte diante dos poderosos políticos e eclesiásticos. Rezamos.

Porque o teu corazón non ten barreiras, e queres a toda a xente unida en Deus na dignidade dunha vida recoñecida e auténtica. Rezamos.

Oración
Que marabilloso resulta, Xesús,
vivir ao abeiro da túa persoa,
da túa vida,
dos teus plans e proxectos,
dos teus soños!
Que marabilloso es, Xesús!

Que alentador descubrirte
coñecendo e amando de verdade a xente,
a toda a xente,
aínda que preferentemente a máis débil da túa contorna!
Sempre a xente débil a meniña dos teus ollos!

Que consolador, polo tanto,
ver que me coñeces e que me estimas,
que non reparas nas miñas maldades
para vincularte comigo,
para acompañarme na densa tarefa cotiá
de ser home ou muller,
de ser irmán ou irmá!
Grazas pola amizade íntima que me ofreces!

Que animador erguerse cada mañá,
e verte ao noso lado
axudándonos a abrir os ollos
e descubrir os novos lobos modernos
que rapinan e dispersan as ovellas;
os mercados e os seus levadores
que esquilman o pobo,
que o debilitan e someten,
que o converten en mantenza dos seus intereses!

Que esixente tamén, Xesús,
pretender acompañarte paso a paso,
sen facer do amor un enredo baleiro,
sen facer do servizo unha palabra lixeira!
Grazas polas persoas concretas que me impiden perderme en vaguidades
polas organizacións que me abren ao social e comunitario!

Que fonda e grande e limpa
a túa liberdade, Xesús!
Empeñada día a día
en gañar tamén a miña!
Acción
Hoxe celebramos o día da Xornada Mundial de Oración e Colecta polas Vocacións Nativas. Un día orientado a fomentar as vocacións sacerdotais en países de misión. Pero agora somos nós, os de aquí, os que carecemos de vocacións sacerdotais. Que facer? Como implicarnos os leigos e leigas na vida das comunidades cristiás? Se non queremos ser curas, que papel cremos que podemos desempeñar na parroquia, para que a parroquia teña vida? Sería bo traballar isto en grupo.


22 de abril: Luns da 4ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 11, 1-18
Salmo: 41, 2-3; 42, 3. 4

Evanxeo: Xn 10,1-10

Naquel tempo dixo Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.

Díxolles Xesús esta comparanza, mais eles non coñeceron qué era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
—Con toda verdade volo aseguro; eu son a porta das ovellas. Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase; entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.

Meditación

A comparanza de Xesús como pastor e as persoas como ovellas dá moito xogo. Claro que debemos absternos de pensar que, por comparársenos coas ovellas, teñamos que ser persoas abobadas, aparvadas; nada diso. Sermos dóciles a Deus non quere dicir ser persoas aparvadas, nin paradas, nin faltas de creatividade, de iniciativa, de forza para a vida, para dar a cara, para defender dereitos propios e alleos. Nada diso. O exemplo témolo en Xesús mesmo, a persoa máis fiel a Deus que houbo e haberá no mundo, e, por iso mesmo, a máis valente e ousada.

A comparanza do pastor insiste hoxe no tema da porta. Neste caso Xesús é a porta. As persoas que lideran a comunidade en calquera dos seus niveis e responsabilidades deberían pasar pola porta, é dicir, pasar por Xesús, imitar o seu estilo servidor, pastorear dando a vida pola xente, non aproveitándose da vida da xente para o propio engorde. Xesús nunca actuou para vivir el a conta da comunidade, senón ao revés para que a comunidade vivise a conta del. Só un pastor así acaba facendo da comunidade un pobo vivo, ilusionado, esperanzado. Canto precisamos pastores así nestes tempos de tanta fraxilidade!

Oración
Grazas, Deus noso,
polas persoas que animan a nosa fe,
que aguantan do noso amor,
que sosteñen a nosa esperanza.
Grazas polas persoas que, como Xesús,
dan a súa vida, o seu xenio,
o seu tempo, os seus afectos,
a súa creatividade, os seus coñecementos
para que outros e outras teñamos
o gozo de vivir en comunidade,
de medrar como crentes, como cidadás.
Grazas, Deus noso,
polas persoas que nos axudan
a orar e a loitar,
a resistir e a festexar,
a implicarnos na vida
e a fiarnos completamente de ti.
Grazas, Deus noso.
Acción

Podemos achegarnos hoxe a algunha das persoas que para nós teñen sido persoas que termaron de nós en calquera campo da nosa vida. Expresámoslle o noso agradecemento da maneira que mellor vexamos.


23 de abril: Martes da 4ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 11, 19-26
Salmo: 86, 1-3. 4-5. 6-7.

Evanxeo: Xn 10, 22-30

Naquel tempo celebrábase en Xerusalén a festa da Dedicación. Era inverno. Xesús paseaba polo templo no Pórtico de Salomón. Rodeárono entón os xudeus e preguntáronlle:
—Ata que día nos terás en suspenso? Se es ti o Cristo, dínolo abertamente.

Xesús respondeulles:
—Xa volo dixen e mais non credes; as obras que eu fago no nome do meu Pai son o meu aval. Pero vós non credes, porque non sodes das miñas ovellas. As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme. Eu doulles vida eterna e non se perderán para sempre; ninguén mas quitará da man. Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e máis eu somos un.

Meditación

Xesús atopou moita oposición, sobre todo curiosamente entre a xente máis relixiosa do seu tempo; non reparaban nas obras de Xesús, obras de vida, de recuperación das persoas a todos os xeitos, e quedábanse nos seus debates teóricos sobre de onde viña ou non viña Xesús, quen era ou quen non era Xesús. Era unha maneira tramposa de se pechar ao que Xesús lles propuña sobre como entender o trato con Deus, sobre como levar o trato con Deus a unha maneira nova de vivir e convivir coa xente.

Tamén nos tempos de hoxe nos pode pasar algo semellante. Claro que nos nosos tempos no mundo relixioso non sempre temos diante a persoas íntegras, servidoras a tope, coherentes coma Xesús. Pero cantas veces nos enredamos en debates teóricos sobre se a vida cristiá debera ser tal ou debera ser cal, e deixamos de lado a práctica solidaria con toda persoa que sofre. Para Xesús a práctica solidaria era o corazón da súa existencia, era o cerne da súa identidade persoal e de misión.

Oración
Meu Pai e máis eu somos un.
Eu e a xente somos un.
Vivo para o Pai,
vivo para o pobo.
Soño co Pai,
soño co pobo.
Comprázome no Pai,
comprázome no pobo.
Sirvo o Pai,
sirvo o pobo,
sobre todo a quen no pobo
máis precisa de defensa e atencións,
de alentos e perdóns.
Nesta unidade vivo cada día,
a esta unidade cotiá e eterna invito
a quen queira andar canda min os meus camiños.
Meu Pai e máis ti e máis eu somos un.
Meu Pai e máis o pobo e máis eu somos un.
Acción
¿Somos desas persoas que se lían en debates sobre calquera tema relixioso, social ou político, e logo non arriman moito o lombo para ningunha causa xusta? Se o somos, ¿como podemos cambiar algo?


25 de abril: Mércores 4ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 12, 24—13, 5a
Salmo: 66, 2-3. 5. 6 e 8

Evanxeo: Xn 12, 44-50

Nunha ocasión falou Xesús así berrando:
—Quen cre en min realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; e quen me ve a min ve a quen me mandou. Eu son a luz que veu ao mundo, para que quen crea en min non permaneza nas tebras.

Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda eu non o xulgo, pois non vin para xulgar o mundo, senón para o salvar. Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten que o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día. Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei falar. E eu sei que a súa encomenda é vida eterna. Por iso as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai.

Meditación

En Xesús a súa vida nunca se apartou do que pensaba e falaba: se falaba de amar a Deus ata o extremo, amábao ata o extremo; se falaba de perdoar mil veces, mil veces perdoaba; se falaba de poñer as persoas por riba das leis relixiosas, tal foi o que fixo ata poñer en perigo a súa mesma vida; se falaba da urxencia de respectar e coidar das persoas máis depauperadas, a esas persoas dedicou especialmente a súa vida toda.

Sabemos que nós, os seguidores e seguidoras de Xesús de hoxe, somos xente de moitas palabras, pero non de moita palabra. Dicimos e non facemos. Aparentamos moitas veces andar apegados a Xesús, pero a nosa vida desmínteo. ¡Canto temos por aprender para a nosa vida cristiá deste Xesús ao que diariamente diriximos a nosa ollada e o noso corazón!

Oración
Que a túa luz, Xesús,
ilumine as nosas tebras.
Que a túa palabra asente en nós
e se converta en vida.
Que avancemos humildemente na tarefa
de amosarte coa nosa maneira de vivir,
o mesmo que ti coa túa maneira de vivir
nos amosaches o rostro humano de Deus.
Acción

¿Cómo andamos coas nosas palabras e cos nosos feitos? ¿Lembramos ter dito algo, ter apostado de palabra por algo e logo na práctica ternos desentendido do falado? Sempre podemos cambiar.


25 de abril: Festa de San Marcos evanxelista

1ª lectura: 1 Pe 5, 5b-14. Salmo: 88, 2-3. 6-7. 16-17

Evanxeo: Mc 16, 15-20

Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice salvarase; quen non crea condenarase. Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas, collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.

O Señor, despois de lles falar así, elevouse ao ceo e sentou á dereita de Deus. Eles saíron a predicar por todas partes, contando coa colaboración do Señor, que confirmaba a súa palabra cos sinais que os acompañaban.

Meditación

É de moito agradecer que, xa desde o primeiro momento despois da morte gloriosa de Xesús, houbese homes e mulleres que se sentiron fondamente tocados polo que foi a vida do mestre; lembraban a Xesús con moito agarimo, admiración e agradecemento, compartían o que de Xesús viran ou oíran, e incluso algúns foron poñendo por escrito os seus ditos, os seus feitos e outras cousas que eles consideraban que eran unha aplicación correcta do espírito de Xesús ás novas situacións nas que tiñan que vivir. San Marcos foi unha destas persoas, que fixo do Evanxeo a súa vida.

O evanxeo de hoxe invítanos a todos e todas nós a facer outro tanto; en Xesús, en todo o de Xesús, hai cousas boas para todas as criaturas; invítasenos a ser testemuñas disto, coa nosa palabra e cos nosos feitos: sermos servidoras, servidores da vida, segundo cada etapa da historia nolo vaia pedindo. Paga a pena saber entender os sinais cos que Deus, Xesús, acompañará a nosa tarefa: seremos fortes contra calquera mal, por agudo que sexa; teremos palabras novas que saian das rutinas para expresar a novidade de Xesús en cada momento; seremos capaces de manexarnos positivamente con calquera dificultade, e non haberá cousa que nos impida levar vida e animación, se así o queremos; onde haxa apagamento, saberemos poñer ilusión, esperanza. E todo isto non por nós, senón pola forza do Espírito de Xesús que sempre nos acompaña.

Oración
Facer da túa vida a miña vida, Xesús.
Sermos un, unha,
contigo,
con Deus,
coa xente toda,
coa creación toda.
Acoller, agradecer, gozar, defender, compartir a vida
de todas as criaturas,
especialmente das máis fráxiles,
que precisan dos meus coidados;
especialmente das máis próximas,
que as circunstancias foron poñendo ao meu carón.
Que ben que ti confirmes e acompañes a miña tarefa, Xesús!
Acción

¿En que cousas concretas, con que persoas concretas nos sentimos chamados/as a levar palabra e vida ao xeito de Xesús, a levar a Boa Nova de Xesús, e non o estamos facendo, ou o estamos facendo frouxamente? Co recordo de San Marcos podémonos animar a mellorar a nosa tarefa.


26 de abril: Festa de San Isidoro de Sevilla

1ª lectura: 1 Cor 2, 1-10. Salmo 118, 99-100. 101-102. 103-104

Evanxeo: Mt 5, 13-16

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai está nos ceos.

Meditación

Onte viámonos empuxados a agradecer a vida e o traballo das primeiras persoas que deron testemuño de Xesús coa súa palabra e cos seus feitos; hoxe na figura de san Isidoro, arcebispo santo e sabio do s. VI-VII, somos invitadas tamén a agradecer a presenza desas persoas, homes e mulleres, que ao longo da historia creron a fondo en Deus, en Xesús, animaron as comunidades cristiás e souberon falar de Deus con paixón e acerto e enriqueceron a cultura. Esas persoas que foron sal e luz no seu mundo e aínda no noso.

Este agradecemento por persoas xa ben antigas deberíanos levar a agradecer tamén outras persoas semellantes que nos nosos tempos teñen a mesma paixón de vivir a fondo a súa condicións de cristiás, de poñer vida nas comunidades cristiás, na Igrexa, e que, ao tempo, se converten nunha referencia tanto para a xente que cre como para a que non cre. Grazas a Deus hai moitas persoas así; algunhas teñen moito nome, como o Papa Francisco; outras non son tan coñecidas, pero están aí termando de moitas iniciativas evanxelizadoras, culturais, solidarias. Son tamén sal e luz para o noso mundo.

Pero Xesús, cando dicía o que o Evanxeo de hoxe nos conta, pensaba en calquera home ou muller cristiá; pensaba en ti e en min. Hai moitas maneiras sinxelas de sermos sal, de sermos luz na familia, na parroquia, no concello no que vivimos.

Oración
Non te avergonces de ser cristiá/án –dicho Xesús.
Vive con humildade e orgullo a túa condición.
Es persoa cristiá por graza de Deus,
non por invención nin méritos propios.
Pero sé valente e coherente.
Non agaches o don de Deus
debaixo da túa frouxidade ou timidez,
da túa covardía ou dos teus medos.
Levas un tesouro nas mans, no corazón:
a memoria quente da miña vida servidora.
Se te botan para atrás os teus propios erros e pecados,
ou os da comunidade e Igrexa da que formas parte,
deixa que o sal de Deus se faga máis sal en ti,
deixa que a luz de Deus alumee os recantos todos da túa vida.
Para todo hai perdón e novidade.
Pero non deixes de ser sal e luz.
Polo teu ben,
polo ben da comunidade, do pobo ao que pertences.
Non deixes de ser sal e luz.
Eu estou contigo.
Acción

Miremos a aquelas persoas que no noso entorno están sendo sal e luz, na parroquia, na comunidade cristiá, no pobo; poden ser ou non ser persoas crentes. Acheguémonos a elas nalgún momento. Agradezámoslles o que están facendo, o que nos están aportando. E de paso miremos tamén se nós non poderiamos ser algo máis sal e luz.


27 de abril: Sábado da 4ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 13, 44-52
Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd.4

Evanxeo: Xn 14, 7-14

Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.

Felipe díxolle:
—Señor, móstranos o Pai e abóndanos.

Xesús respondeulle:
—Pero, Felipe, levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min viu o Pai. ¿Cómo dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro, quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; e o que pidades no meu nome heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.

Meditación

É normal que, como a Felipe, nos guste ir á fonte das cousas: a fonte da inocencia, a fonte da honradez, a fonte da xustiza, a fonte da irmandade, a fonte da felicidade, a fonte do amor, a fonte do servizo, a fonte da xenerosidade, a fonte da fortaleza, a fonte do perdón, a fonte dos soños, a fonte da vida, a fonte de todo, a túa fonte, a miña fonte. É normal que non paremos ata que, como sedent@s, batamos coa fonte de todas estas augas, batamos con Deus, batamos co Pai/Nai da que todo ben procede.

As primeiras comunidades cristiás viron a Xesús como alguén fondamente identificado con esa fonte, co Pai, de xeito que quen o mira a el, mira o Pai/Nai; quen contempla o seu estilo de vida, está contemplando ao tempo aquilo que ao Pai/Nai lle comprace. Crer en Xesús, contemplar a Xesús con ollada admirada e agradecida, leva a facer feitos ao estilo del nos tempos de hoxe.

Oración
No teu nome, Xesús,
presentámonos diante de Deus
coa nosa vida esmoleira nas mans.
No teu nome
agardamos de Deus
os alentos que nos faltan
para ser algo coma ti
nos tempos turbulentos que vivimos.
No teu nome, Xesús,
abrimos ante o noso Deus
a saca de paz e da xustiza
para renovarnos con elas no teu nome,
para compartilas audazmente tamén no teu nome.
No teu nome, Xesús,
todo no teu nome.
Acción

Levas tanto tempo comigo e ¿aínda non me coñeces? Xesús tamén nos podería dicir a nós iso mesmo. Podémonos propoñer ler algún libro sobre Xesús que alguén nos aconselle por estar adaptado a nós; ou incluso podemos apuntarnos a algún grupo que queira coñecer algo máis a Xesús, para podelo seguir mellor.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.