25 abril, 2024

Tempo de Pascua: 5ª semana



28 de abril: Domingo 5 de Pascua

1ª lectura: Feit 9, 26-31. Salmo: 21, 26b-27. 20 e 30. 31-32
2ª lectura: 1 Xn 3, 18-24

Evanxeo: Xn 15,1-8

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A vara que en min non leva froito, arríncaa; e a que leva froito límpaa, para que leve aínda máis froito. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.

Así como a vara non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós, as varas. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma as varas arrincadas fóra, que secan; apáñanas, bótanas no lume e arden.

Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, que le levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.

Meditación

O Evanxeo que hoxe lemos forma parte da longa conversa habida entre Xesús e as persoas que o acompañaban despois da cea de despedida polos días da Pascua. Estamos ante unha fonda reflexión espiritual, mística, que o evanxelista Xoán pon en boca de Xesús intencionadamente. Que pretendía facer Xoán? Que pretendía expresar a comunidade da que Xoán formaba parte? Fondamente afectados, afectadas, pola persoa e o estilo de vida de Xesús, os seus seguidores e seguidoras preguntáronse cal era, cal podía e debía ser a relación que os membros da comunidade cristiá mantiñan con Xesús. Unha pregunta vital, non teórica, que sería bo que se fixese calquera comunidade cristiá, tamén a nosa hoxe, calquera cristián ou cristiá. Que lugar ocupa Xesús na nosa vida? Que papel xoga na nosa existencia diaria?

Para responder a esta pregunta, o Xesús de Xoán bota man dunha imaxe que, aínda que algo modificada, enlaza cun antigo tema da espiritualidade do pobo de Israel: a viña, a cepa, o viñateiro, os froitos. Xoán compón o seu relato como adoita facer sempre: partindo dunha imaxe primeira, vai abrindo aspectos derivados, que permiten afondar, neste caso, nas posibilidades, na eficacia da nosa relación con Xesús.

Permanecer en Xesús, que Xesús permaneza en nós, é o punto de partida imprescindible para o que se pretende: dar froito de vida e de xustiza que cualifique as nosas vidas e que glorifique a Deus. Como se realiza iso de permanecermos en Xesús e no seu estilo de vida, como se realiza iso de que Xesús mesmo, a súa palabra, o seu estilo de vida, permaneza en nós? Non é tan complicado responder, abonda con observar o estilo de vida de Xesús, e ver se o noso estilo de vida ten aproximacións e continuidade co que el dicía e vivía. Ser unha prolongación de Xesús no nosos tempo, no Espírito, é a clave dun bo seguimento, e é a garantía de que toda a forza de boa nova de Xesús prende en nós, e, a través noso, nas cousas e nas persoas que nos rodean. Estámolo sendo?

A vitalidade, os froitos, a eficacia no ben e na xustiza, a forza de fraternidade real nas relacións entre persoas e nas estruturas da sociedade, todo isto non depende de nós; de todo isto nós non somos a fonte e a garantía. A fonte, a garantía tena o Pai, tena Xesús; a nós tócanos engancharnos a Xesús, para que a corrente de vida, de rebeldía, de loita, de paz, de ledicia que deita del, se espalle pola nosa vida e ao noso arredor, iluminándoo todo, sosténdoo todo, recuperándoo todo, renovándoo todo. Sabemos apoiarnos, confiarnos, descansarnos en quen o sustenta todo con tenrura e paixón? Sabémoslle deixar facer nas nosas vidas, na vida das nosas comunidades?

As primeiras comunidades cristiás entenderon deseguida que todo isto non era doado, que os fallos dos seus membros eran frecuentes, e que, polo tanto, era necesaria unha labor de revisión, de rectificación, de purificación. Era necesario andar en humildade da boa, para que a vinculación con Xesús fose recia, forte, contundente, e se garantise así que o seu estoupido de vida e de liberdade nos contaxiase a todas, a todos.

Non podemos soñar cunha vinculación limpa e forte con Xesús, con Deus, se no noso día a día non establecemos vinculacións limpas e fortes coas persoas que a diario acompañan a nosa existencia. E, sobre todo, non podemos soñar cunha vinculación limpa e forte con Xesús, con Deus, se no noso día a día non establecemos vinculacións limpas e fortes, comprometidas en corpo e alma, en euros e intencións, coas persoas pobres, cos grupos sociais que, por exemplo, se están vendo dramaticamente zarandeados pola crise que estamos vivindo. Permanecer, fidelidades, entronques sólidos..., algo marabilloso, que dá sentido e valor a unha existencia. Andamos nós nestas cousas? A elas nos convoca o Xesús do evanxeo de hoxe.

Preces

QUE PERMANEZAMOS EN TI, XESÚS,
PARA LEVARMOS FROITOS ABONDOSOS.

Apegadiños/as a ti sempre, Xesús, coma a vara á cepa da que recibe vida. Oremos.

Deixando cuestionar o noso estilo de vida polo estilo de vida que ti tiñas e que vemos nos Evanxeos. Oremos.

Acolléndote, agradecéndote, amándote, servíndote nos máis débiles da comunidade, da sociedade, que é nos que máis claro te nos presentas. Oremos.

Establecendo lazos sólidos coas persoas, superando relacións de banalidade, vinculándonos, interesándonos polas persoas que se cruzan na nosa vida. Oremos.

Para sermos froito bo, gozo e proveito para as persoas da casa, da parroquia, da comunidade. Oremos.

Para que a nosa comunidade, o noso pobo medre algo con nós en vida e liberdade, como medrou con Xesús. Oremos.

Oración
Grazas, Pai,
porque nos queres sólidos e consistentes,
por amor.

Grazas,
porque nos queres cheos de froitos de vida e de ben,
por amor.

Grazas, Pai,
porque nos ofreces a persoa e a vida de Xesús,
por amor.

Grazas
pola corrente de vida e de liberdade que el nos garante,
por amor.

Grazas, Pai,
polas correccións que nos cheguen de calquera lado,
por amor.

Grazas
por todo o que nos fai medrar e consolidarnos,
por amor.

Grazas, Pai,
pola comunidade, pola parroquia, polos máis débiles,
por amor.

Grazas,
porque día a día a xente débil evita que fantasíe contigo,
por amor.

Grazas, Pai,
polas chamadas que me fas desde a vida,
por amor.

Grazas,
porque nos queres solidamente irmandados/as en ti,
polo amor.
Acción

Como andamos con iso de permanecer, con iso das fidelidades? Nas colaboracións, na participación parroquial, na militancia sindical ou política, na familia, nas amizades, nos amores...Seguro que temos claro algún campo no que podemos ser máis fieis, ter máis aguante. E no apego a Xesús?


29 de abril: Festa de Santa Catalina de Siena, doutora e patroa de Europa

1ª lectura: 1 Xn 1,5—2,2. Salmo: 102.

Evanxeo: Mt 11, 25-30.

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lle escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin ninguén coñece o Pai agás o Fillo e a persoa a quen o fillo llo queira revelar.

Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.

Meditación

Catarina de Siena (Siena, 1347 – Roma, 1380) foi unha gran muller mística; isto quere dicir que, no seu caso, desde moi noviña, tivo unha especialísima experiencia de Deus na súa vida, conforme as formas de piedade daquela época. Meteuse monxa dominica e viviu a fondo o anunciado por Xesús no evanxeo de hoxe. Gozou dun coñecemento amoroso de Deus durante anos de soidade e retiro, pero tamén se ofreceu coma Xesús para ser alivio da xente desfavorecida e, sobre todo a partir dos 23 anos, para promover a paz e a concordia dentro e fóra da Igrexa. Paulo VI nomeouna Doutora da Igrexa no 1970, e Xoán Paulo II declarouna Patroa de Europa no 1999.

Invítanos santa Catarina a coidar a nosa experiencia de Deus, e invítanos tamén a ser persoas de reconciliación. Ambas as dúas cousas ben necesarias no momento histórico que nos toca vivir. Tamén nos invita a soñar co marabilloso papel que poderían desempeñar as mulleres na Igrexa, deixándolles desenvolver as súas capacidades todas.

Oración
Para construír unha Europa fraterna,
FORTALÉCENOS, CATARINA.
Para superar vellos tics de prepotencia.
Para respectar aos pobos pequenos do Terceiro Mundo.
Para abrir as nosas portas a quen por necesidade peta nelas.
Para construír Europa desde a preferencia polo pequeno.
Para vivir e morrer coa paz sempre nas mans.
Para investir en pan o que investimos en armas.
Para abrir o noso progreso á forza do Espírito.
Acción

Podemos achegarnos algo á biografía de Santa Catarina, desde calquera santoral ou desde o mesmo google. Seguro que atoparemos aspectos que nos sorprendan e animen.


30 de abril: Martes da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 19-28
Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 21

Evanxeo: Xn 14, 27-31a.

Na conversa de despois da derradeira cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Déixovos a paz, douvos a miña paz; eu non vola dou como a dá o mundo. Non vos angustiedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen voume e logo volvo onda vós. Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.

Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. Xa non falarei moito convosco, pois está a vir o príncipe deste mundo. Sobre min non ten nada, máis é para que saiba o mundo que eu amo o Pai, e que eu fago o que o Pai me mandou.

Comentario

Xesús tivo unha vida moi complexa. Bateu coa incomprensión de moita xente, co rexeitamento de moitas persoas, co odio radical de algúns, que buscaron a maneira de acabar con el; o que o evanxelista Xoán chama “o príncipe deste mundo”, ese misterioso fondo de mal que a todos nos fire, nos reclama e mesmo nos emboba ás veces. E Xesús, con todo, fala de paz, da paz que el dá, que non a dá como vulgarmente a podemos dar nós, pero que é paz substancial, fonda, auténtica, que pode medrar mesmo nos corazóns azoutados por situacións tan complexas como as que Xesús viviu.

¡ Ai, quen puidese ter esa paz! Pois Xesús ofrécenola, compártea connosco, dánola.

Oración
Grazas, Xesús, pola paz que nos ofreces.
Canto a necesito,
para serenar os meus ánimos,
para encarar as complexidades do día a día,
para asumir contrariedades, fracasos e derrotas,
para durmir en paz, na túa paz,
a pesar de todo,
para erguerme de novo ao día seguinte
e volver á tarefa,
pacificado,
confiado,
esperanzado!
Si, Xesús,
dáme a túa paz como ti sabes dála.
Acción
Igual podiamos pensar hoxe nas cousas que normalmente nos quitan a paz, o humor, a forza para o bo da vida. Que bo sería que o falásemos en grupo, que en grupo descubrísemos o xeito de nos facer máis xente de paz ao estilo de Xesús!


1 de maio: Mércores da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 1-6
Salmo: 121, 1-2. 3-4a. 4b-5

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A vara que en min non leva froito arríncaa; e a que leva froito límpaa, para que leva máis froito aínda. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vos.

Así como a vara non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós, as varas. Quen permanece en min e eu nel ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, tírano fóra, como as varas, e seca; apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedido o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.

Meditación

As persoas cristiás somos as varas da cepa, que é Xesús, do viñateiro, que é Deus. Podemos gozarnos e chufarnos de que as cousas sexan así, de que Deus quixese ter esta vinculación tan fonda connosco, que frutifica en nós, que a través de nós pode ofrecer ao mundo tantas cousas boas. Unha gozada e unha responsabilidade. Porque hai varas na cepa que non dan froito, que non valen para nada, que o labrego corta e bota ao lume. Como hai homes e mulleres cristiás que desmerecemos a nosa condición cristiá e a reducimos a nada, a un título de bautizados que non significa case nada para nós. E non é que Deus sexa quen corte a vara e nos arrede del; non, Deus nunca fai iso. Somos nós os que cortamos as veas polas que a “savia” de Deus chega ata nós e quedámonos estériles no mundo, para nós mesmos, para os demais.

Ao lado das varas que o labrego corta e tira están as outras varas que poda, para que dean froito, porque curiosamente a vara longa, que medra e medra, que pode parecer espléndida, se non se lle cortan os voos, tampouco non dará froito; ao máis, uns cangallos de nada que á hora da vendima pouco renden. É esa sabedoría de darse, de baleirarse, de desentenderse de si mesmo, para facerse en Deus abundante para os demais e tamén para unha mesma.

Oración
O que eu quero, Xesús,
ben ti o sabes:
poder pasmarme ante Deus
que en todo está e que o é todo;
poder pasmarme ante a xente débil,
na que Deus me fala e clama;
poder liberarme do ego que me escraviza
e me arreda da comunidade;
poder romper con iso de “fichar” a xente,
que me distancia de millóns de persoas;
poder vivir no silencio, na humildade, na dispoñibilidade
como forma revolucionaria de vida.
Pero ti que sabes o que eu quero
sabes tamén o pobre que son para poder acadalo.
Conto contigo.
Acción

Hoxe podemos reparar nalgún froito bo que estamos dando por permanecer unidas a Xesús, a Deus. Agradecemos esa vinculación entre Deus e nós que nos permite frutificar e animámonos a seguir dando froitos.


Festa de S. Xosé obreiro, o día internacional da xente traballadora

Mt 13, 54-58

Nunha ocasión Xesús volveu para a súa terra, e, de tal xeito ensinaba na sinagoga, que a xente dicía abraiada:
—¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? ¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María a súa nai, e seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? E súas irmás ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto?

Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles:
—A un profeta só o aceptan mal na súa terra e na súa casa.

E non fixo alí moitos milagres pola falta de fe daquela xente.

Meditación

Xesús falaba de forma tan sorprendente, que deixaba a xente abraiada. Noutro lugar dise que Xesús impresionaba falando, porque falaba con autoridade. Unha persoa fala con autoridade cando o fai con convencemento, que se ve que transmite o que vive, que non é un barulleiro baleiro, que a súa vida se corresponde co que fala. Persoas desas igual non hai moitas, pero todo sabemos distinguilas e aprecialas moi ben. Xesús era así. E a xente estrañábase, porque Xesús era un obreiro, un carpinteiro, ben coñecido el e ben coñecida toda a súa parentela na aldea, e parecíalles que iso de falar con competencia era cousa dos estudados.

O de Xesús era vivir e falar con competencia de Deus e da vida, de Deus e da xente, de Deus e das persoas máis fráxiles, de Deus e do mundo do traballo daqueles tempos. Que bo militante obreiro era Xesús! Quen nos dese que houbese así coma el moitos e moitas militantes obreiras nos días de hoxe! Que ben se cada cristián ou cristiá traballadora nos nosos días tivésemos a forza, a conciencia, a honestidade, a liberdade, o desprendemento, o mirar polos outros, que Xesús tiña! Con cantos valores cristiáns –dos de Xesús— poderiamos enriquecer a clase traballadora tamén nos nosos tempos!

Oración
Que non nos falte a ninguén o pan de cada día
—orabas ti, Xesús.
Que a xente toda, sen excepción, sen exclusión,
teña traballo, terra e teito
—suplicaba o Papa Francisco co movemento obreiro internacional.
Que se acabe esa historia mortífera
de que unha inmensa maioría de xente pobre é cada vez máis pobre,
mentres unha minoría rica se enriquece cada día máis
—berran hoxe multitudes de xente excluída.
Que aceptemos o decrecemento, rebaixando afeito a nosa renda,
empezando polos máis ricos,
para que todo o mundo teña pan, sanidade, escola, traballo, dignidade
—di hoxe unha escasa minoría soñadora.
Que todo o mundo nos tratemos en todo coma se fosemos irmáns e irmás,
fillos e fillas da mesma familia,
ao redor da fonte da fraternidade que chamamos Deus
—di a conciencia crente de toda a humanidade.
Que saibamos escoitar esas voces, Xesús,
escoitar e facer.
Acción

Podemos participar nalgunha manifestación obreira deste día. Nalgunha conversa que teñamos podemos compartir os nosos soños cristiáns de fraternidade ao redor dun decrecemento que posibilite vida digna para toda a poboación do mundo.


2 de maio: Xoves da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: 15, 7-21
Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 10

Evanxeo: Xn 15, 9-11

Díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Como me amou o Pai, así vos amei eu; permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós e a vosa alegría sexa plena.

Meditación

Xesús estamos ofrecendo cousas ben substanciais para a vida de calquera persoa; hai uns días falábanos de paz, da súa paz, que pode ser que non coincida co que vulgarmente entendemos por paz. Hoxe fálanos de amor e de alegría; calquera das dúas cousas, amor e alegría, entendidas ao estilo de Xesús. Un amor, que non é brandura sentimental sen máis, senón que se amosa no feito de estar e vivir no amor-servizo de forma permanente, para entrar no posible na medida sen medida que Deus Pai/Nai lle dá sempre ao amor. E a alegría como unha realidade redonda, plena na nosa vida, non coma unha banalidade de paso: que a alegría de Xesús asente en nós.

Oración
Paz, amor, alegría,
que ben podelas vivir
onda ti, contigo, en ti,
Xesús!
Que ben poder encher con elas
cada mañá,
cada mediodía,
cada solpor e noite!
Que ben podelas compartir
con quen delas precise,
como ti as compartes comigo,
connosco.
Grazas, Xesús.
Éncheme da túa paz,
do teu amor,
da túa ledicia.
Acción

Podemos buscar a maneira de levar hoxe algo de paz, de amor e de alegría a calquera persoa que dela precise, e coas formas materiais ou espirituais que nos parezan máis oportunas.


3 de maio: Festa de San Felipe e Santiago, apóstolos

1ª lectura: 1 cor 15, 1-8. Salmo: 18, 2-3. 4-5b

Evanxeo: Xn 14, 6-14

Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.

Felipe díxolle:
—Señor, móstranos o Pai e abóndanos.

Xesús respondeulle:
—Pero, Felipe, levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min viu o Pai. ¿Cómo dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro, quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; e o que pidades no meu nome heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.

Meditación

Co asunto de Deus, coa experiencia de Deus, andaba perdida a xente contemporánea de Xesús, e andamos perdidos tamén moitos homes e mulleres de hoxe. Para moit@s é unha pura trola. Para moit@s, un “algo hai”. Para moito@s, un verdadeiro ídolo. Para moit@s, alguén ao que acudir por comenencias. Para moitos e moitas tamén, alguén a quen temer por medo a desgrazas presentes ou eternas. Para moit@s, un sustento, unha fonte de vida, o comezo e a fin de todo, alguén que nos acompaña secretamente, pero eficazmente tamén, nos vaivéns todos da vida: unha forza de solidariedade no amor, que nos conduce cara á total reconciliación e unidade, tantas veces rota entre nós por maldades e abusos que nos facemos.

Xesús ofrécesenos como camiño certo cara a Deus, con quen el trataba coma cun Pai ou Nai, e por iso así o chamaba, como alguén próximo, familiar, íntimo; como alguén con quen paga a pena vincular toda a vida. As palabras de Xesús, as súas obras sobre todo, o seu xeito de tratar con Deus e de tratar coa xente son para quen cremos nel a maneira correcta de achegarnos con verdade a Deus. E respectamos, por suposto, a quen faga esa busca de Deus por outros camiños.

Oración
Polo teu camiño quero andar, Xesús,
para achegarme a Deus con verdade,
para andar entre a xente con verdade tamén,
para entenderme e vivirme a min mesmo na verdade.
Na túa verdade quero camiñar, Xesús,
para atinar nos camiños da vida,
para integrarme en toda a creación fraternalmente
para xerar contigo gozos e esperanzas.
Da túa vida quero vivir, Xesús,
para poder gozar a miña existencia,
para poder compartila xenerosamente,
para deixar que Deus sexa en min, con toda humildade.
Grazas, Xesús,
por seres camiño, verdade e vida.
Acción

Canto tempo levamos nós tamén enredad@s nas cousas de Xesús e tamén escasamente o coñecemos. Xesús era máis de vivir cara a Deus, cara á xente débil, ca non de botar discursos. Con que insistencias vivimos nós a cousa relixiosa?


4 de maio: Sábado da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 16, 1-10
Salmo: 99, 2. 3. 5

Evanxeo: Xn 15, 18-21

Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se o mundo vos aborrece, sabede que me aborreceu a min antes que a vós. Se fosedes do mundo, o mundo amaríavos como cousa propia; pero, como eu vos escollín do mundo, por iso o mundo aborrécevos. Lembrádevos da palabra que vos dixen: non hai servo maior có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa. Todo isto hánvolo facer por causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou.

Meditación

As persoas cristiás estamos no mundo, somos do mundo; o mundo está formado por un número inmenso de criaturas, entre as que se atopan os homes e mulleres todos do mundo. A eles nos debemos as comunidades cristiás. O mundo é a nosa casa común; co mundo todo únennos lazos fondos de codependencia, de irmandade. É unha mágoa que entremos en conflito co mundo. O noso é simplemente vivir ao estilo de Xesús, e compartir humildemente cos nosos contemporáneos ese estilo de vida, porque nos parece un tesouro que pode axudar moito a levar unhas vidas dignas, sas, solidarias, felices. Que nos ridiculizan por iso? Ben, que lle imos facer. Que mesmo chegan a desprezarnos, a perseguirnos, a matarnos? Vale, alá eles.

Pero tamén está ben que nos preguntemos o porqué ás veces de tanta rabia, de tanto problema connosco. Pode ser que a inocencia moleste, que a verdade moleste, que os berros de solidariedade molesten. Foi o que lle pasou a Xesús. Pero tamén pode ser que nos arrimemos ao poder, que defendamos privilexios, que nos guste impoñer o noso. O amor, o servizo, a solidariedade coa xente máis débil é a gran chave que pode abrir todas as portas. Aí é onde mellor poderemos entendernos e convivir.

Oración
Señor, Señor,
polo teu amor…
que saibamos amar o mundo
e todo o que o embelece e compón.
Que saibamos ollarnos
con ollos de fraternidade sempre.
Que nos movamos sempre
por razóns de servizo e de xustiza.
Que aprendamos de ti a soportar incomprensións
como parte non pequena da nosa fidelidade.
Que nunca vaiamos de vítimas,
senón de humildes servidores no teu nome.
Acción

Podemos mirar se como persoas ou comunidade cristiá estamos tendo algún tipo de conflito co “mundo”. Por que é? ¿Por sermos fieis a Xesús, ou por outras historias? Podemos mirar tamén se non nos estaremos acomodando demais ao funcionamento do “mundo”, sen dar a cara pola verdade, pola xustiza, pola solidariedade. Todo pode ser.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.