16 maio, 2024

Tempo Ordinario: 7ª semana


 
 
19 de maio: Domingo de Pentecoste

1ª lectura: Feit 2, 1-11. Salmo: 103, 1ab 2 24ac. 29bc-30. 31 e 34.
2ª lectura: 1 Cor 12, 3b-7. 12-13

Evanxeo: Xn 20, 19-23

Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
—Paz convosco.

Dito isto, mostroulles as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
—Paz convosco. Como o Pai me mando a min, tamén eu vos mando a vós.

E dito isto alentou sobre eles e díxolles:
—Recibide o Espírito Santo; a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

Meditación

Este Evanxeo reproduce a primeira parte do Evanxeo do 2º domingo de Pascua. Sitúanos, polo tanto, unha vez máis, ante os catro elementos que constituíron o núcleo da sólida experiencia pascual das primeiras comunidades: 1) certeza firme dunha presenza de Xesús resucitado no medio da comunidade, madurada esa certeza a partir de experiencias persoais e grupais, froito da propia busca e disposición coroada polo regalo precioso de Deus; 2) experiencia fonda, fondísima, de paz e de alegría, fronte a calquera tipo de presión, de ameaza, interna ou externa; 3) conciencia de ter recibido unha misión, unha tarefa: a de estender a obra de Xesús, o seu Evanxeo, a súa aposta concreta polo Reinado de Deus, asumindo o estilo de vida de Xesús; 4) saberse envoltos no Espírito de Xesús, recibido gratuitamente, unha extensión viva de Xesús sobre as súas vidas, sobre o seu actuar, sobre as súas capacidades de reconciliar a fondo as persoas, de reintegralas na comunidade humana, na comunidade de Deus.

Coma membros dunha comunidade cristiá, como comunidade cristiá no seu conxunto, estaría ben que nos preguntásemos ata que punto estes aspectos foron desenvolvéndose nas nosas persoas, nas nosas comunidades durante este tempo da Pascua; para ver se vivimos soamente ao amparo das palabras, ou se realmente o que confesamos de palabra se vai incorporando pouco a pouca ás nosas vidas.

Pentecoste quere dicir cincuenta, cincuenta días pasados desde a noite/día da celebración da Pascua. Loxicamente dos catro aspectos subliñados na festividade de hoxe, Pentecoste, fixámonos especialmente no aspecto da concesión do Espírito Santo sobre as nosas vidas de persoas crentes. Rememoramos o acontecido naquel grupo de homes e mulleres amedrentadas que se foron sentindo arrebatadas por unha especie de euforia espiritual inexplicable. Euforia que era contaxio, que pasaba de uns a outros, de unhas a outras, de maneira misteriosa e viva, real e ben notoria. Euforia espiritual que non era senón o sentimento fondo e poderoso de saberse na onda de Xesús, descubrindo e revivindo o sentido da existencia de Xesús, dado de todo a Deus e á xente, sobre todo á máis débil e marxinal, e descubrindo tamén o sentido da propia existencia vinculándoa en corpo e alma á de Xesús, e, a través de Xesús, ao Deus maior e próximo do que Xesús fora testemuña viva.

Así nacía a comunidade cristiá, así nacía a Igrexa. Hai comunidade cristiá, hai Igrexa, cando somos capaces de reeditar no presente ese mesmo poderío do Espírito. É o vigor do Espírito o que fai e sostén a comunidade cristiá e non as leis, as normas, as regras que nos damos ou impoñemos, aínda que algunhas destas sexan nalgunha medida tamén necesarias.

O Espírito énos dado, segundo afirma o Evanxeo, entre outras cousas coma unha capacitación maior para poñer reconciliación fonda no propio corazón, no corazón de cada persoa e no corazón da comunidade cristiá e aínda da sociedade. Os cristiáns e cristiás somos xente reconciliada ao servizo da reconciliación. Non leamos isto coma unha simple atribución aos sacerdotes do poder de perdoar pecados. Isto foi unha derivación posterior que a Igrexa fixo. Pero o importante é ese poderío que cada un, cada unha de nós ten para crear vivencias e estruturas de paz no propio corazón, no das demais persoas e no do conxunto da sociedade.

A nosa sociedade en crise é basicamente unha sociedade non reconciliada. Diariamente coñecemos e padecemos as tensións derivadas diso. Soñar cunha reconciliación no Espírito para a nosa sociedade convulsa pide achegarnos con realismo a aspectos moi simples e necesarios para a vida de cada día (pan, escola, menciñas, traballo, democracia real, ...) , pero, polo menos para as persoas que nos sentimos cristiás, iso non será nunca posible se non nos deixamos coller, sorprender e arrastrar por esa forza de ben e de bendición, de renovación e de protesta que sempre ofrece o Espírito de Xesús.

Preces

RECIBIDE O ESPÍRITO SANTO

Que o teu Espírito, Xesús, nos encha de paz e de alegría. Oremos.

Que nos faga fortes, valentes, para desenvolvernos coma ti no medio da complexidade do momento que vivimos. Oremos.

Que nos sintamos acompañados polo teu Espírito na hora de solidarizarnos coa xente que o está pasando mal nesta hora. Oremos.

Que o teu Espírito nos faga vivir en paz con Deus en nós, e nos faga xente de paz e de xustiza onde queira que vivamos e traballemos. Oremos.

Que recoñezamos e agradezamos o teu Espírito de vida presente nas nosas terras, nos nosos ríos, no noso aire, e nos faga firmes defensores da vida, da natureza, dos alimentos sans para todo o mundo .Oremos.

Que o teu Espírito nos empuxe a votar con liberdade nestas eleccións de hoxe, e a facelo apoiando ao partido que, ao noso ver, máis defende os dereitos da xente máis débil, e máis traballa por unha sociedade onde todos e todas teñamos as mesmas oportunidades e servizos. Oremos.

Oración
O teu Espírito, Xesús,
canto precisamos o teu Espírito!
Coma o pan de cada día,
coma o aire que respiramos,
coma a auga que bebemos,
canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de ánimo e esperanza, Xesús,
nestas horas mouras,
cando hai moitas cousas que nos invitan á desilusión,
a deixarnos caer nos brazos do desalento,
e deixar que as cousas pasen e sexan,
aínda que pasen e sexan contra nós
contra os máis débiles da sociedade.
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de indignación e de loita,
para protestar contra todo o que anula o ser humano
e o fai escravo das cavilacións dos poderosos,
para crear redes de información solidaria.
para construír vínculos de condolencia real,
para votar cos ollos postos na xente e nos pobos máis fráxiles.
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de misericordia entrañable,
que nos amoleza os corazóns
e nos abra as carteiras,
para que ninguén se sinta só ou soa,
esmagada/o polas súas penas e cavilacións.
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de perdón,
dado e recibido,
para que o mal non estenda sobre nós as súas redes,
para sermos libres a fondo,
para nacer coma criatura nova
para un mundo novo, para unha Igrexa tamén nova.
Canto precisamos o teu Espírito!

O teu Espírito, Xesús,
o Espírito de Deus,
que nos axude a sentirnos en Deus en todo momento,
amados/as por El, perdoadas/os por El,
recuperados/as por El,
na súa intimidade, na súa aperta, no seu colo,
na aperta e colo da comunidade.
Canto precisamos o teu Espírito, Xesús!
Acción

Boa ocasión esta para nos lembrar do día no que recibimos o sacramento da Confirmación. Para nos lembrar del e renovar a nosa promesa, a nosa disposición a deixarnos coller polo Espírito de Deus que Xesús nos ofreceu con toda a súa maneira de vivir. E bo día para ver tamén en que cousas andamos no Espírito de Xesús e agradecelas, e en que cousas andamos frouxos nese mesmo Espírito, e espelirnos un pouco.


20 de maio: Santa María, nai da Igrexa

1ª lectura: Xén 3, 9-15.20. Salmo 86.

Evanxeo: Xn 19, 25-34

Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo!

Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí túa nai!

E, desde aquela hora, o discípulo acolleuna con el.

Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
—Teño sede!

Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo:
—Está cumprido!

E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.

Entón os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado –pois era grande aquel día de sábado—, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen. Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza, e no instante saíu sangue e auga.

Meditación

Xesús dixera, referíndose a si mesmo en primeiro lugar, que o fillo do home non tiña onde reclinar a cabeza. Sería así, seguro, durante moitos momentos da súa vida, pero especialmente na hora da súa morte. Unha fría cruz de madeira, símbolo do final fatal dos excluídos, serviulle de cabeceira.

Pero non por iso Xesús careceu de vida afectiva, para dar e para recibir agarimos. E alí estaban en corpo e alma as mulleres, a súa mamá María, e a súa benquerida María Magdalena, entre outras. Alí estaban tamén os seus amigos, nunha representación máis simbólica ca real, co nome do “discípulo amado”.

Ese mundo de afectos deberían estar vivos nas comunidades cristiás das que formamos parte. Afectos por María, a mamá de Xesús, mamá tamén nosa dalgunha maneira, no espírito, pero tamén no corpo. Afectos por Xesús, para que en nós teña onde repousar a cabeza e o corazón, dalgunha maneira tamén, no espírito, pero tamén no corpo, que nós sen corpo non sabemos ser, non podemos ser.E, por suposto, afectos entre nós, no corpo tamén e no espírito. E afectos sobre todo para a mellor imaxe de Xesús crucificado, que o son as persoas de calquera maneira empobrecidas.

E así, unidos por fondos vínculos de afecto participar nas sedes de Xesús, axudar a calmar esas sedes, saber beber con el o viño acedo da paixón, para, chegada a hora, podermos dicir tamén con el: “Está cumprido”.

Oración
Sangue e auga: ti, Xesús.
Auga e sangue: ti, Xesús.
Auga que fecunda,
que da vida,
e que a dá en abundancia
(pois para iso viñeras).
Auga que a verte xenerosamente
quen dicía que tiña sede.
Só os sedentos son quen de calmar sedes!
Simple sabedoría espiritual simple:
no baleiro está a plenitude.

Sangue e auga: ti, Xesús,
que a auga é fecunda
só cando a cobre o amor apaixonado,
que é vermello tal que o sangue,
fermoso como as papoulas.

Así es ti de fermoso, Xesús,
no máximo acabamento, a máxima fermosura.
Grazas.

Ao pé da cruz,
coa mamá María,
coa amadora María Magdalena,
estamos tamén nós,
discípulas amantes, discípulas amadas.
Acción

Un bo día hoxe para recordar, visitar, acompañas as nosas mamás. Para agradecerlles a súa maternidade que nos fixo, os seus agarimos, os seus bicos, as súas correccións, as súas ansias infinitas por nós. E corresponder con dilixencia. Que amor só con amor se paga.


21 de maio: Martes da 7ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo 2, 1-13. Salmo: 36, 3-4. 18-19. 27-28. 39-40
Ano 2: 1ª! Lectura: Sant 4, 1-10. Salmo: 54, 7-8. 9-10a. 10b-11a. 23

Evanxeo: Mc 9, 30-37.

Naquel tempo Xesús e os seus discípulos marcharon de onde estaban e foron atravesando a Galilea sen deterse, porque non quería que o soubese ninguén, xa que ía instruíndo os discípulos. Dicíalles:
—O Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.

Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.

Chegaron a Cafarnaúm e, cando estaban na casa, preguntoulles:
—¿De que viñades discutindo polo camiño?

Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou, chamou polos doce e díxolles:
—O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.

E, collendo un neno, púxoo no medio deles e, abrazándoo, dixo:
—Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.

Meditación

Xesús tiña unha maneira de entender a vida moi orixinal e chocante. Era orixinal e chocante para os homes e mulleres que o rodeaban daquela, e segue a ser orixinal e chocante para todos e todas nós, que normalmente rexémonos por outra maneira de entender a vida. Para Xesús o gozo de vivir estaba en desfacerse pola comunidade, sobre todo pola xente máis débil da comunidade; a súa ilusión era rebaixarse, baleirarse, para encontrarse a fondo consigo mesmo e para que o seu corazón, a súa vida toda se puidese ir enchendo co Espírito de Deus e puidese ir ofrecendo espazo de fraternidade para toda a xente.

Para os seus discípulos, como seguramente para a maioría de nós, o importante era ter poder, ter mando, ser o primeiro, figurar, recibir, encherse aínda que fose á conta, claro, das carencias doutros. Canto nos custa iso de ser o derradeiro e servidor, servidora, de todos! Canto nos custa asumir como forma de vida a inocencia, a sinxeleza, a fraxilidade dun neno ou nena!

Oración
Señor Xesús,
gústame ser persoa respectada, recoñecida, valorada,
ter nome e presenza no medio da comunidade,
no medio do pobo.
Ti apréndesme a vivir isto con paz e equilibrio.
Grazas.
Señor Xesús,
gústanme tamén as chufas, os primeiros postos, o figurar,
empoleirarse sobre a demais xente.
Ti apréndesme a gozar servindo, baleirándome.
Grazas.
Señor Xesús,
gústame ser eu mesma, en verdade e liberdade,
ben integrada na familia, na comunidade, no pobo
polos lazos do ben mirar uns polos outros.
Ti apréndesme a ser persoa servidora e comunitaria en todo.
Grazas.
Acción

Podemos reparar en cómo nos desenvolvemos no medio da familia, da comunidade, do pobo. ¿Cómenos iso de poder, de mandar, de aproveitarnos da demais xente, de figurar? ¿Atopamos gusto servindo a comunidade, con desinterese?


22 de maio: Mércores da 7ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo 4, 12-22. Salmo: 118, 165. 168. 171. 172. 174. 175
Ano 2: 1ª lectura: Sant 4, 13-17. Salmo: 48, 2-3. 6-7. 8-10. 11

Evanxeo: Mc 9, 38-40

Nunha ocasión díxolle Xoán a Xesús:
—Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar, porque non é dos nosos.

Xesús contestoulle:
—Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós está connosco. Ademais todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tendo por seguro que non quedará sen recompensa.

Meditación

Parece que o problema estaba en facer as cousas de ben ou non facelas no nome de Xesús. Como se os discípulos fosen os donos desa patente, o cal quere dicir seren donos da patente do Espírito, da forza de ben que hai en Deus. Loxicamente Xesús non ara con eses bois. Quen fai o ben no nome de Xesús está dicindo ben de Xesús. O texto valora facer as cousas do nome de Xesús; o texto valora tamén un vasiño de auga que se dea en consideración de Xesús. Pero de ningún modo sacraliza ese nome. Máis aló das palabras, dos nomes, están os feitos. Os feitos son os que honran ou deshonran e non as titulacións. Persoas cristiás, dicíndonos tales, podemos facer, e temos feito moitas parvadas, moitas inxustizas, tamén moitas cousas boas e xustizas; e persoas non cristiás, honrando ou non o nome de Xesús de palabra, téñeno honrado con feitos de respecto, verdade e solidariedade. Todo isto é especialmente importante nos nosos tempos, nos que tanto temos que convivir con persoas de distinta relixión e mesmo con persoas non crentes.

Oración
Bendito o teu nome, Xesús;
bendita a túa persoa,
bendita a túa palabra,
benditos os teus feitos.
Bendito ti, fonte de bendición
para todos e todas nós,
para toda a humanidade,
creamos ou non en ti,
sexamos ou non seguidoras túas.
Bendito na túa liberdade,
na túa entrega servidora
que non agarda recoñecementos.
Bendito en todas as persoas,
que, co teu nome por diante ou sen el,
se fan unhas contigo no agarimo á xente,
e te honran cos seus feitos.
Bendito o teu nome, Xesús.
Acción

Podemos revisar como nos comportamos con persoas que sexan de diferente relixión, de diferente patria, de diferente partido político, de diferentes ideas. ¿Liberámonos da nosa ideoloxía para respectalas na súa diversidade? ¿Valorámolas polos seus feitos de vida e non por outras historias?


23 de maio: Xesús Cristo sumo e eterno sacerdote

1ª lectura: Xen 22, 9-18. Salmo: 39, 7-8a. 8b-9. 10-11ab. 17

Evanxeo: Lc 22, 14-20

Cando chegou a hora, Xesús púxose á mesa cos seus discípulos. Díxolles:
—Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no reino de Deus.

E collendo unha copa, deu grazas e dixo:
—Tomade e repartídea entre vós, pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o reino de Deus.

E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
—Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.

E despois de cear fixo o mesmo coa copa, dicindo:
—Esta copa é a Nova Alianza sellada co meu sangue, que se verte por vós.

Meditación

Nunca Xesús se deu a si mesmo o título de sacerdote; nunca as persoas que o seguían de cerca nin os seus contemporáneos o tiveron por tal. Foi algo que posteriormente lle atribuíron por aquilo de ser o gran reconciliador das persoas consigo mesmas, entre si, con toda a creación e con Deus. Pero ese oficio así chamado sacerdotal non o exerceu en igrexas con determinados ritos, senón na vida, tratando coa xente, poñéndose do lado da súa dignidade total de parte de Deus. Unicamente ao final da súa existencia selou a súa traxectoria vital repleta de solidariedade con aquel xesto profético de partir e entregar o pan e o viño como sinais da súa vida convertida en servizo desde o nacemento ata a morte.

Benditos todas e todos nós, que recibimos os efectos positivos da vida de Xesús feita servizo. Benditos todas e todos nós, chamados a seguir os pasos de Xesús, honrando a Deus no altar da vida como o honraba Xesús. Benditos todos e todas nós, invitadas por Xesús a participar no seu rito eucarístico, facendo das nosas vidas pan santo e viño de bendición para gloria de Deus e o ben de quen nos rodea.

Oración
Grazas, Xesús,
por toda a túa vida
feita pan e viño
para mantenza nosa,
para ledicia nosa,
para liberación nosa.
Grazas, Xesús,
polo teu empeño incesante
por envolvernos sedutoramente
nas redes do servizo,
e facernos así
verdadeiramente libres,
verdadeiramente felices.
Grazas, Xesús,
por ti,
que te nos dás sen reservas
cada vez que comungamos contigo no corpo da pobreza,
ou no teu corpo empobrecido por nós.
Grazas.
Acción

Hoxe podemos reparar en que cousas estamos nós practicando con Xesús ese sacerdocio da vida, que el tanto nos aprendeu. ¿Con que palabras ou feitos fomos hoxe persoas de reconciliación?


24 de maio: Venres da 7ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo, 6, 5-17. Salmo: 118, 12. 16. 18. 27. 34. 35
Ano 2: 1ª lectura: Sant 5, 9-12. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8-9. 11-12

Evanxeo: Mc 10,1-12

Nunha ocasión foise Xesús para as terras de Xudea na outra banda do Xordán. A xente amoreábase de novo no seu camiño e, como sempre, púxose a ensinar. Achegáronselle algúns fariseos preguntándolle, para probalo, se lle está permitido ao home repudiar a muller. El replicoulles:
—¿Qué foi o que mandou Moisés?

Respondéronlle:
—Moisés permitiu despedir a muller, dándolle certificado de divorcio.

Díxolles Xesús:
—Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación fíxoos home e muller. Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu que non o separe o home.

Xa na casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
—O que repudia a muller e casa con outra comete adulterio contra a primeira. E, se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.

Meditación

Xa no tempo de Xesús había un debate entre a xente relixiosa sobre a legalidade do divorcio. Naquel tempo era desde unha actitude descaradamente machista, pois era o home o que podía largar a muller, e case que por calquera cousa. Hoxe seguimos tamén con ese debate, aínda que desde unhas claves menos machistas.

Xesús remítenos ao fundamental, a esa identificación fonda que se dá entre dúas persoas que se queren e que deciden facer vida xuntas. Todos, todas coñecemos moitas parellas felizmente unidas de por vida; tamén coñecemos situacións nas que o divorcio parece a opción menos mala; a mala sería unha convivencia amargada, sen amor. Xa o dicía o mesmo Xesús: “Tendo en conta a dureza (ou a fraxilidade) do voso corazón…”. Non estamos en tempos moi dados a grandes e longas fidelidades. Para quen pensa casar ou vive xa en parella, máis que debater sobre se divorcio si, divorcio non, igual pagaría a pena gastar esforzos en posibilitar e gustar o gozo diario da convivencia. A vida de parella, cos seus esforzos para sacarlle todo o proveito, empeza, non remata, cando un estabiliza a relación. As familias cristiás poderíamos ofrecer un campo de esperanza neste senso.

Oración
Que regalo máis grande nos deches, meu Deus,
facéndonos home e muller,
para complementarnos a fondo entre nós
ata sermos unha soa carne, un só espírito,
á túa sombra, á túa imaxe e semellanza,
en ti!
Que regalo máis grande, meu Deus,
poder amarnos e medrar no amor,
poder respectarnos e medrar na singularidade,
poder ser muller e home a fondo,
sen dominios nin sometementos,
sen agresións de ningún tipo,
desde a máis fonda e limpa liberdade,
no máis grande e impresionante pracer!
Que regalo máis grande, meu Deus,
que marabilla, que tesouro,
iso si, levado sempre en vaixelas de barro,
coa necesidade de mimalo, coidalo, limpalo
cada noite, cada día
con todos as precaucións que a mesma vida nos suxire,
que ti nos inspiras!
Pero, que regalo máis grande, meu Deus!
Grazas!
Acción

O Papa Francisco escribiu un libriño moi fermoso titulado “A ledicia do amor”. Para fortalecernos nas nosas vidas de parella, igual podiamos lelo, empezando, se cadra, polos capítulos 2 e 4. Se o lemos muller e home xuntos, mellor; se o lemos con outras parellas, mellor aínda. Pero que o ler nos valla para ver como nos vai na vida de parella, que fortalezas temos, que debilidades temos, e poder avanzar.


25 de maio: Sábado da 7ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo 17, 1-13. Salmo: 102, 13-14. 15-16. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: Sant 5, 13-20. Salmo: 140, 1-2. 3 e 8

Evanxeo: Mc 10, 13-16

Nunha ocasión leváronlle a Xesús unhas criaturas para que as tocase. Pero os discípulos rifábanlles. Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo:
—Deixade que as criaturiñas se acheguen a min; non llelo impidades, porque delas é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba como unha criatura o reino de Deus non entrará nel.

E abrazounas e bendiciunas e impúxolles as mans.

Meditación

A escena é todo un símbolo dos gustos, das preferencias de Deus, de Xesús. Este símbolo ten varios actores: os nenos ou nenas que andaban por alí e que algunhas persoas lle presentaron a Xesús para que os acollese, acariñase, bendicise. Aos discípulos moléstalles aquilo; a Xesús encántalle, porque ve nos nenos e nenas e en quen é coma elas, e en quen os acolle a clave do seu proxecto de vida e de sociedade.

Os nenos e nenas, naquela cultura máis aínda que na nosa, eran xente que non contaba, que non tiña peso na sociedade, xente fráxil, sempre exposta a calquera abuso ou marxinación. No ser do neno ou nena había unha conciencia espontánea, fonda, de non ter dereito a nada, de ter que estar calado, a un lado; todo o que lle chegaba chegáballe gratis. Xesús intuía, por unha parte, que así somos todos nós en realidade ante Deus. Non podemos reivindicar dereitos ante el; todo o seu cara a nós é absolutamente gratuíto. Nós en por nós non somos fonte de nada. Pero, por outra banda e por iso mesmo, Deus si que reivindica a nosa dignidade, acolle a nosa fraxilidade, ponnos en plan de igualdade absoluta, e apréndenos a que así tratemos a toda a xente que na sociedade estea en condicións similares ás que os nenos e nenas vivían daquela. Deus acolle e ennobrece a nosa fraxilidade, sexa a que sexa.

Oración
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
que se achega con mans agarimosas a todos/as nós.
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
que nos agarima e nos consola nas nosas fraxilidades,
sexan estas as que sexan.
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
que nunca nos marxina, nunca nos deixa de lado,
sempre nos rodea co seu respecto e consideración,
sexamos como sexamos.
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
que nos incita a un trato preferente cos máis débiles de entre nós,
sexa cal sexa a súa debilidade.
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
porque nos saca da nada e nos colma de dignidade,
sen intereses, sen xogar connosco,
por puro apaixonamento, porque nos quere.
Acción

Hoxe dise moito que malcriamos os nenos e nenas. Podemos revisar, á luz de Xesús, como nos estamos relacionando cos nenos e nenas que nos rodeen: ¿que nos suxiren os nenos e nenas, que nos aprenden, que trato cos nenos e nenas é adecuado, que trato non?




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.