30 maio, 2024

Tempo Ordinario: 9ª semana



2 de xuño: Solemnidade do santísmo Corpo e do Sangue de Cristo

1ª lectura: Ex 24, 3-8. Salmo: 115, 12-13. 15 e 16bc. 17-18
2ª lectura: Heb 9, 11-15

Evanxeo: Mc 14, 12-16. 22-26

No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:
—¿Onde queres que vaiamos preparar, para comeres a Cea Pascual?

El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
—Ide á cidade e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo e onde entre dicídelle ao dono da casa: “O Mestre di: ¿Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?”. El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.

Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua. Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendición, partiuno e déullelo, dicindo:
—Tomade, isto é o meu corpo.

Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo e todos beberon del. E díxolles:
—Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: Xa non vou beber o produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.

Despois de cantaren os Salmos, saíron para o monte das Oliveiras.

Meditación

Esta festa do Corpo e do Sangue de Xesús non deixa de ser unha reprodución ou repetición da festa do Xoves Santo, na que conmemoramos a derradeira cea ou cea de despedida de Xesús cos seus discípulos e discípulas, ao abeiro da cea pascual que naquel mesmo día ou ao día seguinte celebraba o pobo xudeu. Esta festa empezou a celebrarse na Igrexa no século XIII, espallouse xenerosamente por moitos países, e en España tivo e ten aínda unha importancia considerable. O acento característico da festa do Corpo e do Sangue de Xesús consiste en resaltar a presenza real de Xesús Cristo no pan e no viño da celebración eucarística, e en fomentar a devoción e adoración a esta presenza.

Recoñecer, adorar e agradecer a presenza de Xesús entregado no símbolo sacramental do pan e no viño é unha cousa ben fermosa e proveitosa. Aínda que moitas das formas ostentosas de celebrar esta festa no interior dos templos ou polas rúas das cidades quizabes non respondan moito ao sentido inicial que Xesús mesmo lle quixo dar a aquela comuñón no seu corpo e no seu sangue no marco dunha cea densa de festa, en memoria de liberdades xa ganadas con traballos e de liberdades aínda por conquistar a prezo de loita, sufrimento e morte. A prezo de don e de regalo tamén.

Xesús mesmo, co signo profético de partir e entregar o pan e tamén o viño, ceando cos seus discípulos e discípulas, soñando co cumprimento do reinado de Deus, implícanos e convócanos a todos, a todas, cara á súa realización cotiá, histórica, e embárcanos nunha fe confiada na poderosa forza de Deus, no Espírito, para que entendamos que ese soño é un soño con sentido, realizable, aínda que a súa realización, tamén para nós, pase por horas de tensión e sufrimentos, de bágoas e desalentos, como a el mesmo lle pasaba naquela mesma hora en que o pan e o viño se lle ían das mans, cheos da súa presenza apaixonada, cara o corpo e as vidas dos seus seguidores e seguidoras.

Qué ben que en cada Eucaristía que celebramos poidamos encontrarnos coma familia, coma comunidade, ao redor do Pan e do Viño de Xesús, ao redor do seu Corpo e do seu Sangue, ao redor do que foi a súa existencia histórica concreta, do seu estilo de vida e de convivencia, ao redor da vida, da vitalidade, da enerxía que a el o fixo poderosamente humilde para empeñarse con Deus e coa xente ata o máis fondo, sen reservarse nada, a forza de tanto amor, de tanta paixón! Que ben poder participar do calor da súa compaña, do vigor da súa enerxía, e saír da celebración con humildade e viveza dispostos, dispostas, ao gozo e á loita da vida, sen medos, sen chulerías, sabéndonos persoas de lama e po, sostidas por un amor maior que nunca nos fallará!

Xesús mandoulles a algúns dos seus discípulos que preparasen aquela primeira Eucaristía, aquela primeira celebración do amor apaixonado no seu nome. Era tan importante o que alí ía acontecer, que cumpría preparación, boa disposición dos espazos, das cousas, dos corazóns, das vidas. Xesús pídenos tamén hoxe que preparemos a celebración eucarística sempre e cando a celebremos, para non facer dela un rito máis, baleiro, espido de vida e de paixón, que deixe as nosas vidas no mesmo plano de indiferenza no que quizabes estamos vivindo. Cando Xesús nos pedía que fixésemos iso de partir e compartir o pan e o viño en memoria del, pedíanos algo máis ca ir á Misa todos ou algúns domingos; pedíanos que comprendésemos a fondo o sentido da súa entrega, que a agradecésemos e que entrásemos, ao ritmo da nosa propia debilidade recuperada por el, nesa mesma maneira de entender a vida, a realización, o éxito da mesma.

E a cantos ou cantas o Espírito nos empuxa cara á adoración agradecida do Corpo e do Sangue do Señor, ese mesmo Espírito, sen privarnos de tal devoción, quérenos recordar que son o corpo e o sangue da xente pobre, pecadora, marxinal, ninguneada, máis que aquel anaquiño de pan branco sen levedar, por moito que estea consagrado, os que mellor nos ofrecen a figura viva de Xesús, e os que con máis garantía de verdade e de acerto nos encamiñan pola senda liberadora do servizo. Que a Eucaristía, o Corpo e o Sangue de Xesús entregados, non é senón unha forma densa, vital, comunitaria, de dicir e de vivir que ao final o que importa é servir, o servizo que sanda e que libera.

Preces

TOMADE, ISTO É O MEU CORPO

Grazas, Xesús, polo moito que nos amaches, polo moito que nos serviches. Que as túas palabras nos enchan de agradecemento. Oremos.

Grazas, Xesús, por todas as persoas que se sentiron confortadas e renovadas ao teu paso. Os teus feitos énchennos de alento e de esperanza. Oremos.

Grazas, Xesús, polas comunidades coas que tantas veces celebramos a túa memoria. Que coma ti sexamos xente de comunidade en todo. Oremos.

Grazas, Xesús, por seguires sempre connosco, na brancura inocente do pan consagrado e nas corpos abusados dos teus irmáns e irmás máis desprotexidas. Que saibamos adorarte no corpo da xente pobre. Oremos.

Grazas, Xesús, por todo o que sabe a unión, a comunidade, a encontro, a facernos uns, unhas, coas penas e alegrías dos outros ou outras. Que sexamos, coma ti, algo máis entregados/as cada día. Oremos.

Grazas, Xesús, pola túa creatividade para facernos ver o corazón de Deus e o teu propio corazón, sen trampas nin enganos. Que sexamos, coma ti, algo máis apaixonados/as cada día. Oremos.

Oración
Polo teu pan, polo teu viño,
grazas, Xesús.

Polo teu corpo, polo teu sangue,
grazas, Xesús.

Pola túa vida xenerosa, entregada,
grazas, Xesús.

Pola túa firmeza e persistencia,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller a tope por Deus,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller a tope pola xente máis débil,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller por cada un, cada unha de nós,
grazas, Xesús.

Por ofrecernos con limpeza o rostro de Deus,
grazas, Xesús.

Por ensinarnos a adoralo e coidalo en todo canto é débil,
grazas, Xesús.

Polo meu corpo, por todos os corpos,
grazas, Xesús.

Polo noso sangue, polo nosa alento, pola nosa vida,
grazas, Xesús.

Polos animais, polas plantas, pola materia toda,
grazas, Xesús.

Porque todo zumega Deus,
grazas, Xesús.

Porque ti, no teu corpo, no teu sangue,
en todo canto dixeches e fixeches,
zumegaches Deus,
grazas, Xesús.
Acción
Seguro que participaremos na Eucaristía, seguro que participaremos tamén nalgunha procesión ou momento de adoración ao Pan Santo no que Xesús simbolizou a súa paixón total por todos/as nosoutras. Moi ben. Non esquezamos contemplalo, adoralo, servilo no seu sacramento maior que é a vida fráxil da xente máis desamparada.


3 de xuño: luns da 9ª semana do tempo ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Tob 1, 3; 2, 1b-8. Salmo: 111, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: 2 Pe 1, 2-7. Salmo: 90, 1-2. 14-15ab. 15c-16

Evanxeo: Mc 12, 1-12

Nunha ocasión Xesús comezou a falarlles en parábolas:
—Un home plantou unha viña, rodeouna cun valado, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe. No seu tempo mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña aos viñateiros. Pero eles botáronse enriba del, zorregáronlle duro e despedírono coas mans baleiras. Vaise el e mándalles outro criado, pero tamén mallaron nel e aldraxárono. Mandoulles outro e matárono; e a outros moitos bouraron neles e matáronos. Pero aínda lle quedaba un a quen mandar, o seu fillo benquerido; e mandóullelo de último, dicindo para si: “El é fillo meu e hano respectar.” Pero os viñateiros comentaron: “Oi! Este é o herdeiro: veña, matámolo e a herdanza será para nós.” E agarrárono, matárono e botárono fóra da viña. ¿Qué fará o dono do viña? Volverá, acabará con eses viñateiros e daralles a viña a outros. ¿Ou seica non lestes aquilo da Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal;
Esa colocouna o Señor: ¡que regalía para nós!?

Decatándose de que a parábola ía por eles, quixérono prender, pero, por medo á xente, deixárono e fóronse.

Meditación

A parábola é unha crítica de Xesús ao comportamento das autoridades relixiosas xudías daquel momento: tiñan encomendado o coidado material e espiritual do pobo, pero non eran donos absolutos do pobo, como para mangonear no pobo e aproveitarse del; eran simples servidores do benestar completo do pobo. Como non o facían así, Deus pousaba esa responsabilidade servidora na “pedra do esquinal”, que era Xesús de Nazaré.

As palabras de Xesús, a crítica de Xesús podémola entender como dirixida hoxe a todas as persoas que na Igrexa ou na sociedade civil teñen autoridade e mando: a súa misión é servir a comunidade, o pobo, non señorear a conta da comunidade ou do pobo. E servir para que o conxunto da comunidade ou do pobo estea ben atendido, que os bens materiais e espirituais se repartan con criterios de igualdade e xustiza, e todos, todas poidamos vivir en paz e harmonía. Cando non se fai así, as institucións relixiosas e civís perden sentido, e cousas novas, persoas novas virán, grupos novos virán –oxalá!— que respecten o querer fondamente solidario de Deus.

Oración
Ti es, Xesús, a pedra firme do esquinal,
que dá consistencia ao edificio da nosa comunidade,
que nos dás consistencia a cada un, cada unha de nós,
que lle dás consistencia a quen a ti queira achegarse.
Estamos orgullosas de ti, Xesús.
estamos agradecidos de ti,
gozamos construíndonos sobre ti.
Grazas, Xesús, por estares aí, sempre aí.
Pero ti ensináchesnos
que máis ca xefes e súbditos,
somos irmás e irmáns;
máis ca ordenadores e ordenadas,
somos colaboradoras todos, todas do común,
sabendo que non hai máis mestre ca un,
máis pai ou nai ca unha:
Deus en todas e todos nós.
Sexa recoñecido e bendito por sempre.
Acción

Non é ben que permitamos que as nosas comunidades funcionen despoticamente, como tampouco o permitimos na sociedade civil. Se vemos algo así, advirtámolo con sensatez e axudemos a corrixilo.


4 de xuño: martes da 9ª semana do tempo ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Tob 2, 9-14. Salmo: 111, 1-2. 7-8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 2 Pe 3, 12-15a. 17-18. Salmo: 89, 2. 3-4. 10. 14 e 16

Evanxeo: Mc 12, 13-17

Nunha ocasión mandáronlle a Xesús algúns fariseos e herodianos, para o pillaren nalgunha pregunta. Ao que chegaron onda el, preguntáronlle:
—Mestre, sabemos que es sincero e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensinas o verdadeiro camiño de Deus. ¿Está permitido pagarlle a contribución ao César ou non? ¿Pagámoslla ou non lla pagamos?

Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles:
—¿E por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa.

Eles leváronllo e el preguntoulles:
—¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?

Contestáronlle:
—É do César.

Xesús replicoulles:
—Pois logo dádelle ao César o do César, e a Deus o de Deus.

E ficaron pasmados.

Meditación

Aínda que eses tales herodianos se achegaban a Xesús con malas intencións, ¡que cousas máis fermosas afirman de Xesús! Que é sincero, que non anda con miramentos, que non se deixa levar polos respectos humanos, que ensina o verdadeiro camiño de Deus. ¡Que marabilloso é o noso Xesús na súa humildade servidora, na súa valentía liberadora! Non queda senón achegarnos a el canto máis poidamos mellor, sabendo que estamos en tan boas mans.

Onte coma hoxe as cousas da relixión poden estar mesturadas coa política, coa organización da vida social, cos dereitos e deberes sociais da xente. Cada un deses dous campos teñen a súa autonomía, pero que cada un deles tamén ten cousas que lle dicir e lle ensinar ao outro. A organización da vida social, que é o propio da política, é algo que lle importa moito a Deus, a Xesús, aos seus seguidores e seguidoras, porque nesa organización xógase moito o benestar da xente, o trato digno, a saúde, a educación, a sanidade. Campos distintos, si, pero chamados a entenderse a compenetrarse.

Oración
Lóote, Xesús, porque eras sincero,
limpo e transparente como a auga máis limpa dos nosos regatos.
Lóote, Xesús, porque non andabas con miramentos,
ao pan, pan e ao viño, viño, porque eras fondamente libre.
Lóote, Xesús, porque non te deixabas levar polos respectos humanos,
non te encollían os poderosos, non te calaban as súas críticas e ameazas.
Lóote, Xesús, porque ensinabas con verdade o camiño de Deus,
porque experimentabas a Deus fondamente inserido en ti, na xente, na vida.
Apréndeme, Xesús, a ser algo coma ti.
Xa sei que iso é o que sempre fas e queres, sen que cho pidamos,
pero apréndeme,
que eu sen ti non dou.
Acción
¿Qué idea temos das cousas da política? ¿Quen entrada lle damos á política na nosa vida crente? Normalmente temos mal concepto da política e fuximos dela. ¿É iso o que debemos facer como persoas cristiás?


5 de xuño: mércores da 9ª semana do tempo ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Tob 3, 1-11a. 16-17a. Salmo: 24, 2-3a. 4-5ab. 6-7bc. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tim 1, 1-3. 6-12. Salmo: 122, 1-2a. 2bcd

Evanxeo: Mc 12, 18-27

Nunha ocasión chegaron onda Xesús uns saduceos, eses que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:
—Mestre, Moisés deixou escrito: se lle morre a alguén o seu irmán, deixando muller sen fillos, case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia ao irmán. Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos; o segundo casou coa viúva e morreu tamén sen deixar fillos; o mesmo lle pasou ao terceiro; e ningún dos sete deixou descendencia. Ao cabo morreu tamén a muller. Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se ela estivo casada cos sete?

Xesús contestoulles:
—¿Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus? Pois, cando resuciten, nin casarán eles nin elas, porque serán como anxos do ceo. E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tedes lido no libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe? Ben, pois El non é Deus de mortos, senón dos vivos. Así que ides moi descamiñados.

Meditación

Non somos fillos e fillas do po para volver ao po, como moitas veces se nos di e dicimos. Somos fillas e fillos do amor, para volver á fonte do amor que é Deus. Deus é amor. Non hai persoa que non leve algo de amor consigo, por débil, incoherente, interesado que este sexa. Por iso a proba de que Deus existe levámola nós en nós mesmas. Cando morremos, ese ser amoroso que somos e que levamos connosco atópase coa fonte de todo amor, que limpa o noso pequeno amor das súas sucidades e nos fai resplandecer en amor, como Deus resplandece. Cando te decatas do tempo perdido, de amores aos que non correspondiches, das oportunidades de medrar en amor contigo e cara aos demais que desaproveitaches, iso doe; iso sería o purgatorio. E todo isto é a resurrección. Isto é o que nos agarda como regalo xeneroso de Deus que é amor, e non sabe máis que facer cousas de amor. Como ben dicía Xesús, as discusións dos saduceos sobre da resurrección era un non entender nin as Escrituras nin o poder de Deus. E o mesmo lle pasa a moitas das nosas afirmacións e dúbidas sobre a resurrección en Deus.

Oración
Confíome a ti, Deus de vida,
na miña vida e na miña morte.
Confíome ao teu poder de amor
para pousar nel a miña vida fráxil, pecadora.
Confíome a ti, Deus de vida,
para soñar cun ceo novo, cunha terra nova,
para toda a xente do mundo,
maiormente para a que máis peor o pasou neste mundo.
Confíome a ti, Deus da vida,
amigo de tornar en vida as nosas torpes apostas pola morte.
Confíome nos teus brazos de nai,
para descansar eternamente no teu seo.
Acción

Podemos vivir en clave de morte ou en clave de resurrección, de vida. ¿Andamos enredados/as coma Deus en cousas de vida, para nós, para a demais xente? ¿En que o estamos facendo? ¿Podemos mellorar nisto?


6 de xuño: xoves da 9ª semana do tempo ordinario 

Ano 1: 1ª lectura: Tob 6, 10-11; 7, 1. 9-17; 8, 4-9a. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tim 2, 8-15. Salmo: 24, 4-5ab. 8-9. 10 e 14

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Nunha ocasión un letrado preguntoulle a Xesús:
—¿Cal é o máis importante de todos os mandamentos?

Xesús respondeulle:
—O primeiro é: Escoita, Israel, o Señor é o noso Deus, o Señor é único, e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas. O segundo é: Amaras o teu próximo coma a ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.

O letrado replicou:
—Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e o próximo coma a un mesmo é máis importante do que todos os sacrificios e holocaustos.

Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
—Non estás lonxe do Reino de Deus.

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

Meditación

Na vida relixiosa enchémonos de doutrinas, de ritos, de mandatos… Por iso é ben que de vez en cando reparemos no que é fundamental e no que non o é tanto, para poñer a nosa paixón no que realmente está ben poñela. Sabémolo perfectamente, incluso de memoria; aquilo de “estes dez mandamentos encérranse en dous: amar a Deus sobre todas as cousas e o próximo como a nós mesmos”. O evanxeo de hoxe recórdanolo.

É ben reparar na formulación do credo israelita que repite Xesús; ver como vai enchendo o amor con todas as circunstancias posibles da propia persoa: corazón, alma, entendemento, forzas todas. É todo o ser na súa fondura, na súa anchura, nas súas facultades todas o que está, o que sería ben que estivese collido por Deus. En Xesús certamente estívoo, e por iso viviu tan a fondo o outro mandamento fundamental, o de amar a demais xente como a nós mesmas. Cando somos quen de xuntar a fondo estes dous mandamentos, estes dous amores, ata facelo un só, daquela a nosa vida cristiá vai por bo camiño, non estamos lonxe do Reino de Deus.

Oración
Grazas, meu Deus,
porque, se me pides amarte,
é porque ti me amas primeiro;
se me pides apaixonarme por ti e por todo o teu,
é porque ti te apaixonas por min e por todo o meu.
Grazas, meu Deus,
porque, se me pides amarte,
é porque ti puxeches en min a semente do amor
e a forza para facelo triunfar na miña vida.
Grazas, meu Deus,
porque se me pides amar a todo o meu próximo,
sen excepcións,
é porque tamén ti nos amas sen excepcións,
xa que nos queres fondamente comunitarias,
fondamente irmáns e irmás,
fondamente familia.
Grazas, meu Deus,
por incluírnos así a todos, a todas,
sen excepcións,
no teu soño de xustiza, de paz e de unidade.
Acción

¡Cantas veces discutimos con apaixonamento sobre tal ou cal aspecto das prácticas relixiosas! Pero ¡que poucas o facemos sobre ata que punto lle queremos a Deus, ata que punto lle queremos á xente! ¿Vémonos así? ¿Qué poderemos facer para cambiar algo as cousas?


7 de xuño: solemnidade do Sagrado Corazón

1ª lectura: Os 11, 1. 3-4. 8c-9. Salmo Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6.
2ª lectura: Ef 3, 8-12. 14-19. Evanxeo: Xn 19, 31-37.

Evanxeo. Xn 19, 31-37

Naquel tempo os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado –pois era grande aquel día de sábado—, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.

Viñeron, logo, os soldados e rompéronlle as pernas ao primeiro e máis ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren onda xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.

Quen o viu dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: “Non lle crebarán óso ningún.” E noutro lugar di: “Han mirar para quen traspasaron.”

Meditación

No sentir común o corazón é o seo dos sentimentos, dos amores, do apaixonamento, das decisións máis vitais e comprometidas. O corazón é o seo da solicitude pola demais xente: ten moi bo corazón –dicimos—, cando falamos dunha persoa moi dada a doerse de quen anda en debilidade.

¡Como de grande, de marabilloso, de ardente, de solidario, de entregado foi o corazón de Xesús! El que sempre andou facendo o ben, que se implicaba coas persoas que atopaba fráxiles, que as acompañaba en procesos de curación, de esperanza, de inclusión social e relixiosa, que perdoaba, que se cabreaba e enfrontaba con quen diminuía a xente con calquera escusa. Ese Xesús, apaixonado e amante ata a fin, é o que morre na cruz en acto de solidariedade extrema. Ese corazón de Xesús, roto pola lanzada, real ou simbólica, é o que segue aberto ofertando amores e solidariedades, garantindo compañías e alentos para facer deste mundo unha casa común, unha familia irmandada. Ese corazón, esa vida toda, é a que hoxe se pon gratuitamente ao noso dispor.

Oración
Douche grazas, Xesús querido,
por seres onte e hoxe,
para todas e todos nós,
unha persoa de bo corazón,
de grande corazón,
de desfeito corazón.
Douche grazas,
porque fuches e segues sendo
solidario e comprometido connosco,
para compartir os nosos gozos.
para acompañarnos nas nosas soidades e desesperos;
para perdoarnos, acompañarnos, alentarnos.
Douche grazas
porque o teu non ir de indiferente,
ante nada, ante ninguén,
e menos ante a xente desamparada;
tampouco ante min:
coñécesme e implícaste comigo a fondo.
Douche grazas
porque es o rostro vivo de Deus,
ante nós,
na cruz do calvario,
e nas infinitas cruces que enchen este mundo.
Douche grazas, Xesús querido.
Acción

Podemos botar unha ollada sobre as nosas vidas. ¿Somos xente solidaria, ou pasamos indiferentes ante persoas que o están pasando mal? A nosa solidariedade e implicación mide en boa medida a verdade da nosa vida de crentes. ¿En que poderiamos avanzar?


8 de xuño: memoria do Inmaculado Corazón de María

1ª lectura: 2Tim 4, 1-8. Sal 70.

Evanxeo: Lc 2, 41-51

Polas festas da Pascua os pais de Xesús ían todos os anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles regresaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para o buscar. E resulta que, ao cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. Ao velo, ficaron moi impresionados, e díxolle súa nai:
—Meu fillo! ¿Cómo te portaches así connosco? Mira que o teu pai e máis eu andamos cheos de angustia na túa procura.

El respondeu:
—¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu pai?

Pero eles non entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaré e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.

Meditación

María soubo de dificultades e bágoas na crianza do seu fillo, de Xesús. Os evanxeos non nos ofrecen moitas noticias, pero son abondas para nos poder decatar de cómo María se sentiu desbordada polo que na casa tiñan: un neno, mozo e home adulto que se deixaba levar polo espírito de Deus en todo; que rompía coa familia cando o cría oportuno, que lles fixo pensar ás veces que mesmo perdera a cabeza. Así ata quedar tamén marabillada polo que dicía e facía aquel seu fillo, Xesús, que ao tempo o era tamén de Deus. Así ata o momento último da súa existencia cando o ven morrer cravado nunha cruz, coa morte propia da xente máis marxinal e desprezada. E María –supoñemos que tamén Xosé— gardaba todas estas cousas no seu corazón de nai, dándolles voltas, intentando comprendelas á luz do Espírito que tamén a ela a animaba. E así foi madurando como muller, como esposa, como nai, ata se converter nun referente para moitas nais, para moitas persoas crentes, á hora de contemplar e comprender a fondura de vida agochada e manifestada en Xesús e en si mesma.

Oración
Bendita, Santa María,
bendito o teu corazón
cheo de grandes ledicias.
Bendita no grande amor
co que, á par que Xosé,
coidaches o Salvador.
Bendita si, abofé:
nas horas mouras de angustia
soubeches manterte en pé.
A túa fe non foi murcha,
callou moi dentro de ti,
colmoute por estar núa.
Todo o pobo te bendí,
que grande o teu corazón!
mestra do non e do si.
Con humilde admiración,
por termos nai tan cumprida
por ser muller de tal tesón,
bendita, Santa María!
Acción
As traballos e sufrimentos de moitas das nosas nais cos seus fillos ou fillas pódennos lembrar un pouco os traballos e sufrimentos de María co seu fillo Xesús. Igual podemos achegarnos a algunha destas mulleres, falar algo con elas, acollelas, admiralas, agradecelas-



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.