06 xuño, 2024

Tempo Ordinario: 10ª semana



9 de xuño: Domingo 10º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xén 3, 9-15. Salmo: 129, 1-2. 3-4ab. 5-6. 7-8
2ª lectura: 2 Cor 4, 13—5,1

Evanxeo: Mc 3, 20-35

Nunha ocasión foi Xesús cos seus discípulos para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente, que nin podían comer. E, cando o souberon os seus parentes, foron buscalo á forza porque a xente dicía que perdera o sentido.

Os letrados que baixaran de Xerusalén dicían:
—Ten dentro a Belcebú; bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños.

El chamou por eles e púxolles estas comparanzas:
—¿Cómo pode Satanás botar a Satanás? Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir. Así que, se Satanás está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.

Ninguén pode entrar na casa dun home forte e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa.

Tede por seguro que todo se lle perdoará á xente, os pecados e cantas blasfemias digan; pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nun se lle perdoará e cargará eternamente co seu pecado.

Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.

Nisto chegan súa nai e máis os seus irmáns e mandárono chamar desde fóra. Era moita a xente que estaba sentada arredor del e fóronlle dicir:
—Aí fóra están túa nai e máis teus irmáns, que te veñen buscar.

El respondeu:
—¿Quen é miña nai e quen son meus irmáns?

E, mirando os que estaban sentados arredor del, dixo:
—Velaí a miña nai e máis os meus irmáns, pois o que cumpra a vontade de Deus ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai.

Meditación

Este relato invítanos a ver como Xesús recibe moita oposición precisamente cando se pon a actuar achegándose a persoas moi maltratadas pola vida e aportándolles remedio, curación e integración social; é dicir, enchéndoas de ben e de dignidade no nome do Deus no que cría fondamente. Facía cousas sinxelas e, ao tempo, espectaculares: saltábase as leis que aferrollaban a xente, achegábase á xente atribulada, que co seu apoio facía cambios de vida, no corpo e no espírito.

As críticas víñanlle de moitos lados. Neste relato vemos como a propia familia está contra el, incluída neste momento a súa mesma mai, María. Tanto é así, que o van buscar á forza, porque pensan que está tolo. E Xesús reponse ante a familia, ante a súa nai e irmáns, e faino apelando a unha nova familia á que di pertencer, que é a formada polas persoas que de verdade están dispostas a cumprir a vontade de Deus nas súas vidas. Os lazos da familia pesaban moitísimo naqueles tempos, moito máis ca nos de hoxe, pero Xesús non recea en romper eses lazos, no caso de que lle impedisen ser fiel á chamada que Deus puxera no seu corazón. Isto invítanos a pensar en como vivimos nós esa fidelidade á familia propia e cómo combinamos esa fidelidade coas chamadas que na vida podemos ter de parte de Deus. Se queremos ser fieis ás propostas que Xesús nos fai, seguro que máis dunha vez chocaremos coas maneiras de pensar e de actuar de xente amiga e familiar, e non é doado neses casos atinar coas palabras e cos comportamentos axeitados. Contemplar ao Xesús deste relato axudaranos nesas situacións.

E Xesús tivo tamén problemas serios cos letrados, que eran persoas moi entendidas nas cousas da relixión daqueles tempos, algo así coma os teólogos de hoxe. O estilo de vida de Xesús desconcertábaos e, no canto de se deixar cuestionar polas prácticas de Xesús, o que facían era culpalo a el, e nada menos que coa acusación de que facía o que facía a favor da xente débil, marxinal, pecadora, non cumpridora, porque el, Xesús, estaba movido por un Espírito malo, polo demo! Sobráballes seguridade na súa maneira de entender a vida relixiosa. Faltáballes humildade, para deixarse cuestionar polo estilo de vida de Xesús, tan achegado sempre á xente máis fráxil. Rexeitaban a gran novidade do Espírito que Xesús viña ofrecer!

Tamén nós podemos actuar como eses letrados, sobrados de seguridades e faltos de humildade. Podémolo facer ante o que outras persoas coa súa palabra, cos seus feitos nos propoñen, nos orientan. E podémolo facer co mesmo Xesús. Tamén a nós nos poden sorprender as maneiras de actuar de Xesús, e, no canto de nos deixar cuestionar por el, rexeitámolo de mil maneiras, coa indiferenza, tratándoo de excesivo, de tolo, de inadaptado aos nosos tempos, aos nosos gustos. Tamén nós podemos rexeitar a gran novidade, a forza de Deus que gratuitamente se nos ofrece en Xesús!

Porque a defensa de Xesús foi simplemente facerlles ver que, se era capaz de axudar á xente, de facerlles ben, era porque nel había unha fortaleza grande, que non viña de demo ningún, senón da bondade, da forza de Deus mesmo. El era o home forte, o home máis forte, capaz de vencer as estratexias do mal, presentes nas persoas e na sociedade e que impedían que a xente vivise con dignidade a súa condición de fillos e fillas de Deus. E esa mesma fortaleza é a que a nós nos ofrece.

Preces

QUE A TÚA FORTALEZA, XESÚS NOS FAGA FORTES

Que nos fortalezamos contigo, Xesús, para escoitarte e acollerte no que nos propós, e lle abramos as portas das nosas vidas e dos nosos corazóns á túa forza de novidade e de transformación. Oremos.

Que nos fortalezamos tamén para achegarnos con decisión ás persoas máis fráxiles que nos rodean, para axudalas a compartir a solidariedade que ti nos ofreces. Oremos.

Que nos fortalezamos para opoñernos ás forzas de abuso, de exclusión, de marxinación que se dan entre nós, nos nosos tempos, e que nos impiden vivir en irmandade digna. Oremos.

Que nos fortalezamos contigo, Xesús, para relacionarnos ben no ámbito da familia, agradecendo o que nos aportamos nela, sen deixarnos dobregar a imposicións que non nos parezan dignas. Oremos.

Que nos fortalezamos para sermos persoas maduras, libres, e saibamos facer oír a nosa voz, humilde e valente, ante as mesmas autoridades relixiosas que rexen as nosas comunidades cristiás. Oremos.

Oración
Ti, o home forte, Xesús,
o home máis forte,
capaz de vencer todas as nosas resistencias,
capaz de acabar en nós
con todas as forza de mal que nos afogan.

Ti o home forte,
o home máis forte,
disposto a acompañarnos
nas mil circunstancias da nosa vida
nas que o ánimo se nos encolle,
nas que nos faltan as forzas,
nas que estamos tentados de dar a volta
e renunciar
a aquelas chamadas de ben
que xorden no noso corazón.

Ti o home forte, Xesús,
o home máis forte,
que nos invitas á humildade acolledora,
pero tamén á valentía rebelde,
de xeito que sempre trunfe en nós
o mellor de nós mesmos/as,
o mellor de cada persoa marxinal,
o mellor do Deus santo e amoroso.

Ti o home forte, Xesús,
o home máis forte,
invitándonos a entrar sen medo
nas redes solidarias
capaces de estruturar a Igrexa,
os pobos, os estados, o mundo,
ao xeito do sal que salga a vida,
ao xeito da luz que a limpa e alumea.

Ti o home forte, Xesús,
o home máis forte,
sempre ao noso lado!
Que ben, que gran sorte!
Acción
Estamos tendo algún tipo de conflito dentro da familia ou cos de fóra pola nosa condición de persoas que queremos vivir como cristiás? Aceptámolos como algo que nos pode pasar, como lle pasou ao mesmo Xesús? Como os estamos resolvendo? Se non temos eses conflitos, será porque somos moi brandos na nosa condición cristiá, e non desentoamos en nada, non sacudimos nada? Bo asunto para falalo en grupo, se podemos.


10 de xuño: Luns da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 1, 1-7. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 17, 1-6. Salmo: 120, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8

Evanxeo: Mt 5, 1-12

Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
—Ditosos os que teñen espírito de pobres,
porque deles é o Reino dos ceos.
Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
Ditosos os non violentos,
porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
Ditosos os misericordiosos,
porque eles acadarán a misericordia.
Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
Ditosos os que traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos ceos.
Ditosos vós, cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos; do mesmo xeito perseguiron os profetas anteriores a vós.
Meditación

As benaventuranzas son unha verdadeira xoia dentro do Evanxeo. Nesta forma só nolas transmite o evanxelista Mateu. E canto llo agradecemos! Xesús, mestre de humanidade, mestre da vida e da felicidade, viviu as benaventuranzas. El foi feliz vivindo así, e transmítenos a experiencia que el viviu. Antes del, e sobre todo despois del, houbo tamén mulleres e homes que se propuxeron vivir desa maneira, e tamén nos din que hai verdadeira felicidade sendo así. E seguro que calquera de nós temos probado algo desta felicidade. Vivir coas benaventuranzas nas mans, no corazón, é andar contracorrente, escandalosamente contracorrente; é a felicidade de quen se baleira, para encherse de fraternidade, para encherse de Deus. Ben se ve que vivir nas benaventuranzas non é ser un apático da vida, e deixar que as miserias, os abusos se perpetúen. Non, ao revés, é asentarnos na aceptación plena de Deus para estar vivas e combativas na vida. Pero con moita paz, con moita esperanza, con moita felicidade. Porque vai connosco a toda hora quen nola garante. Parece un imposible, pero Deus faino posible. Bendito sexa!

Oración
Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos ser felices vivindo co pouco,
persoas libres, desapegadas,
para que ninguén careza do necesario.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos chorar con quen chora,
ser xente pacífica a tope,
ter fame fonda de xustiza,
para que ninguén abuse de ninguén,
e todo o mundo poida vivir con dignidade.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos doernos de quen sofre, implicarnos,
andar co corazón limpo de malicias
e procurarmos a paz a todas as horas,
para que todo o mundo poida vivir gozando,
vendo en cada próximo un irmán ou irmá,
como a Deus lle gusta.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos amar a xustiza e rexeitar as trampas e os abusos
defendela na casa, no pobo, na parroquia,
coas armas do exemplo, da palabra e da organización social,
por máis que suframos burlas e desprezos,
por máis que perdamos cartos e influencias.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos ser felices apegándonos á túa causa,
gozando co adianto e proba das túas promesas.
Queremos, pero somos xente frouxa.
¿De quen, senón do teu Espírito,
nos virá luz e forza
para andar en tanta sabedoría de vida?
Acción

O Papa Francisco escribiu un libriño titulado Gaudete e exultate, que en galego quere dicir: Alegrádevos e brincade de gozo. Fala nel de cómo todas e todos nós estamos chamados e acompañados por Deus para ser persoas boas, santas. No capítulo 3 dese libriño explica as benaventuranzas dunha maneira sinxela e práctica. Sería ben fermoso ler a lo menos estas páxinas, ben sos, ben en grupo, e falar despois do que iso nos pode axudar a ser máis felices nas nosas vidas.


11 de xuño: Martes da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 1, 18-22. Salmo: 118, 129. 130. 131. 132. 133. 135
Ano 2: 1ª lectura: 1Re 17, 7-16. Salmo: 4, 2-3. 4-5. 7-8

Evanxeo: 5, 13-16

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Vós sodes o sal da terra. Pero, se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai que está nos ceos.

Meditación

Xesús ponnos ante un reto contundente: sermos sal e luz no medio do mundo, no medio da sociedade, dos pobos e aldeas onde vivimos as persoas cristiás. O sal: algo que se descompón, que se disolve nos alimentos para que non se estraguen e darlles sabor. A luz: algo que tamén se gasta para que a xente vexa. Sal e luz entendidas en sentido profundo. A sermos iso estamos chamadas todas, todos. E tamén a recibir e agradecer ese sal e esa luz cando outras persoas, crentes ou non crentes, nola ofrecen.

As palabras de Xesús avisan tamén da posibilidade de que o sal se volva insulso –que contrasentido!—, e de que a luz se agoche debaixo do mesado; dese xeito non cumpren a súa función. As comunidades cristiás, as persoas que as compoñemos ¿estamos cumprindo esa función capital de sermos tamén sal e luz? Tamén nos indica Xesús que iso de sermos sal e luz conséguese máis que polas palabras –palabras normalmente non nos faltan—, polas boas obras.

Oración
Que o teu sal, Xesús,
co que ti tanto salgas o mundo,
nos salgue a nós tamén
e nos permita contaxiar vida sa e saborosa.
Que a túa luz, Xesús,
coa que ti tanto alumas o mundo
alume a fondo as nosas vidas,
para sermos nós tamén luz,
unha pequeniña lapa polo menos
alí onde a vida nos leve.
Que teñamos algo da túa fortaleza, Xesús,
para non desalentar na tarefa.
Que na nosa vida humildemente fiel
Deus sexa sempre honrado
e quen nos rodea se vexa confortada e alentada.
Acción
Podemos mirar algo para a nosa vida. Seguro que en algo estamos sendo sal e lume para a xente que nos rodea. Dámoslle grazas a Deus por iso e animámonos a facelo máis. Seguro que vemos que hai persoas ao noso redor que están sendo para nós algo de sal e lume. Dicímosllo, agradecémosllo, para que tamén se animen.


12 de xuño: Mércores da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 3, 4-11. Salmo: 98, 5. 6. 7. 8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 18, 20-29. Salmo: 15, 1-2a. 4. 5 e 8. 11.

Evanxeo: 5, 17-19

Naquel tempo dixo Xesús:
—Non pensedes que vin abolir a Lei e os Profetas; non vin para abolir, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de cumprirse ata a derradeira letra ou til da Lei. E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer aos outros será declarado o máis pequeno no reino dos ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos ceos.

Meditación

As normas relixiosas teñen a finalidade de facilitar o encontro con Deus, co Deus da vida, presente na vida e presente tamén nos espazos e momentos de culto; ademais facilitan que un grupo diverso se coordine, se una á hora de orientarse, formarse, expresarse en momentos comúns da vida e da súa experiencia relixiosa. As normas teñen un perigo grande: converterse de camiño en meta; de facilitadoras do encontro con Deus no mesmo Deus cara ao que queren orientar.

Nese sentido Xesús é o gran facilitador do encontro con Deus, que converte en secundarias todas as demais normas, aínda que algunhas sigamos necesitando. Abonda el para achegarnos a Deus. Pero, como seres humanos que somos, sempre necesitamos apoios, normas, para a nosa convivencia e práctica relixiosa.

Oración
Non es zarapalleiro, Xesús,
non che dá igual que a vida a deixemos correr sen máis,
ou que apostemos firmemente pola súa consistencia.
Es minucioso e mesmo estrito
cando a honra de Deus Pai/Nai está en xogo,
e cando o está a honra e dignidade das súas criaturas máis humildes.
Nada carece de importancia, nada queda ao chou
cando miras connosco polo futuro cristián das nosas comunidades rurais
e artellamos camiños a andar e cousas a facer.
Nada é ínfimo e desprezable
cando se trata de dar ou recibir apoios e tenruras,
perdóns e alentos.
Que o teu Espírito nos acompañe sempre, Xesús,
e nos axude a camiñar da man da liberdade,
da man da responsabilidade.
Acción

En xeral hoxe dámoslle moi pouca importancia ás normas relixiosas. Facemos bastante o que nos peta. Quizais por iso así nos vai. ¿Vemos que nos faría ben recuperar ou establecer algunha norma que nos axudase no noso camiño persoal ou comunitario cara a Deus?


13 de xuño: Xoves da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 3, 15—4, 1. 3-6. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 18, 41-46. Salmo: 64, 10-11. 12-13

Evanxeo: Mt 5, 20-26

Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no reino dos Ceos.

Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás quen mate será reo ante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.

Se ao presentares a túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presentar a túa ofrenda.

Ponte de acordo canto antes con quen preitea contigo mentres ides de camiño, non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.

Meditación

Nas nosas Misas, ao empezar, pedimos perdón. Esta práctica quere responder a este criterio que Xesús nos ofrece no evanxeo de hoxe: ao presentarmos a ofrenda, ao dispoñernos a realizar calquera oración ou acto de culto, sexa o que sexa, hai que mirar primeiro se en algo lle temos faltado a calquera persoa; sendo así, o primeiro é buscar a reconciliación con esa persoa, antes de querer intimar con Deus a través da pregaria. É algo que Xesús tiña moi claro: é imposible acceder a Deus se non é fundamentalmente a través do trato respectuoso, xusto, digno, mesmo fraterno coa xente que nos rodea. Por aí empeza calquera práctica relixiosa cristiá.

Xesús é moi esixente nisto. Non se trata de matar ou non matar; hai moitos pequenos detalles cos que arredamos a xente de nós, cos que lles negamos a súa calidade de irmáns, cos que dalgunha maneira os facemos desaparecer da nosa existencia, e dalgunha maneira os matamos.

Aprender a dar e recibir perdón é unha grande e elemental tarefa cristiá, humana, que temos moi deixada de lado. Por iso quizabes son tan frouxos tamén os nosos actos de culto. Intentamos o imposible: tratar con Deus esquecendo o próximo.

Oración
Xesús,
irmán e mestre,
que che saiba abrir o corazón
ao que ti me aprendes.
Que acerte contigo,
ao teu lado,
a andar os camiños que levan
a intimar de verdade con Deus.
Que descubra e coide
o valor das persoas que me rodean
como lugar onde se xoga principalmente
a posibilidade de tratar contigo.
Que saiba pedir e dar perdón,
para entrar na onda da túa loanza.
Acción
Practiquemos hoxe algo disto que nos di Xesús. Se nalgunha cousa temos ofendido a alguén, antes de rezar ou celebrar nada, vaiamos a reconciliarnos con esa persoa.


14 de xuño: Venres da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 4, 7-15. Salmo: 115, 10-11. 15-16. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 19, 9a. 11-16. Salmo: 26, 7-8a. 8b-9abc. 13-14

Evanxeo: Mt 5, 27-32

Díxolles Xesús aos seus discípulos.
—Tedes oído que se dixo: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.

Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.

Ténsevos dito: Quen repudie a súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que repudia a súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.

Meditación

Coma no caso de onte co de matar ou non matar, tamén aquí Xesús nos invita a ir ao fondo do noso corazón, alí onde nacen e se desenvolven amores e desamores, respectos e abusos, fidelidades e infidelidades; alí onde pode nacer xa o mal, o pecado. Dicíao Xesús noutra ocasión: non son as comidas, que veñen de fóra, as que nos fan persoas impuras; é o que nace dentro do noso corazón o que pode determinar se a nosa vida se vai desenvolver de maneira fondamente humana ou non. Mirar, logo, coidar o noso mundo interior, o que nace no noso corazón.

Non se trata de nos ir mutilando, cando algún membro do noso corpo nos leva a facer o mal. Calquera membro en si sempre é ben inocente. É unha maneira de falar de Xesús para nos advertir da seriedade que pode ter, para o desenvolvemento da nosa vida, que nos deixemos levar por determinados instintos, ideas, plans, que de entrada mesmo nos poden dar gusto e pracer.

O repudio da muller polo home, non o do home pola muller, era cousa moi corrente naquela sociedade. Xesús defende a muller nesta condición de debilidade, de desigualdade, e aposta por un amor permanente. Canto nos custa hoxe esta aposta, nunha cultura branda e frouxa para os compromisos! Xesús tamén quere acompañarnos nesta frouxidade dos nosos tempos.

Oración
Que mundo tan intenso vai dentro de nós, meu Deus!
Cantas inseguridades, cantos medos, cantas paixóns cegas!
Cantos desexos de afecto e recoñecemento!
Cantas frustracións!
Que marabillosas/os e que fráxiles somos!
Que difícil se nos fai entendernos a nós mesmos/as,
e, máis aínda, entender aos demais,
pois non podemos sentir o palpitar interno do seu corazón!
Canta necesidade temos de sermos humildes e cautos/as,
honestas/os e transparentes,
ante ti, meu Deus,
ante as persoas coas que compartimos vida e tarefa!
Canto nos cómpre ollarnos a nós e a quen nos rodea
con respecto, agarimo e comprensión,
e así, entre errores e acertos,
ir construíndo as fidelidades da nosa vida!
Canto nos cómpres ao noso lado, meu Deus,
iluminando, clarificando, fortalecendo.
Grazas, meu Deus, porque nunca te esqueces de nós.
Acción
O feminismo está aí, como froito do traballo de moitas mulleres, e, dalgunha maneira tamén, como froito reivindicativo do Espírito de Deus. Podiamos hoxe achegarnos a algunha muller que ande no feminismo, para escoitala; seguro que nos virá ben.


15 de xuño: Sábado da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 5, 14-21. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8-9. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 19, 19-21. Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10

Evanxeo: Mt 5, 33-37

Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:
—Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, que é escano dos seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. Falade, logo, deste xeito: “Si”, cando é si; “Non”, cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.

Meditación

Xúrocho polos meus defuntos, xúrocho por Deus… Aínda hoxe os nosos maiores empregan esta maneira de lle dar creto á palabra dita. Tamén o facían os contemporáneos de Xesús, sen poñer nunca a Deus por testemuña, porque o seu nome, por respecto, non se podía pronunciar. É fermosa esa aclaración de Xesús indicándonos que en calquera cousa, en calquera realidade, en calquera persoa batemos dalgunha maneira coa presenza de Deus, e de aí o sumo respecto e consideración que lle debemos a todo, especialmente, xaora, ás persoas.

Xesús reponse ao costume de xurar por…, apelando á palabra sinxela, honesta, verdadeira en si mesma: si, si; non, non. A palabra como canle da verdade da propia persoa; a persoa dicíndosenos claramente na palabra pronunciada. Ante tanta mentira, manipulación, ante tanta “postverdade”, e novas falsas que están tan de moda na nosa sociedade en xeral, na nosa cultura, e que circulan polos variados medios de comunicación de que dispoñemos, ¡canto nos cómpre a palabra limpa, verdadeira, plena, viva, auténtica!

Oración
Xesús, Xesús, …
enchernos de verdade,
deixar que madure dentro de nós,
tecendo as nosas entrañas,
ocupando todos os recantos do noso ser,
dos nosos pensamentos, dos nosos sentimentos…,
e que logo brote
coa transparencia das augas dos regatos montesíos,
fresca, limpa, humilde, atraínte,
para dicirnos cara a fóra tal como somos e sentimos,
para contaxiar brancuras,
para andar sobre seguro,
para axudar a sandar un mundo enfermo
por simular o que non é,
por ocultar verdades,
por agacharnos debaixo de enfermizas carantoñas,
por negarnos simplemente a dicir:
“si, si; non, non,
como Cristo nos ensina.”
Acción

¿Estamos deixando de dicir algo, a nivel familiar, laboral, social, eclesial, grupo político etc., por gardar as aparencias? ¿Podiamos aventurarnos a practicar o de Xesús: si, si; non, non, sen chulería, coa humildade que dá a simple verdade?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.