20 xuño, 2024

Convivencia Sobrado dos Monxes

 


ORACIÓN DE MAÑÁ: NA ESCOLA DE SAN BIEITO

(Estamos nun mosteiro trapense (O.C.E.O.) que segue a Regra de S. Bieito. Aproximámonos a catro aspectos importantes desa Regra e dos monxes que aquí a seguen para facer este momento de oración.)


Empezamos a oración traendo no corazón o nome, o rostro dalgunha persoa ou persoas especialmente empobrecidas. Xesús ofrécesenos nelas.

1. Cremos que Deus está presente en todas as partes e (…) con moita máis razón o debemos crer, sen dúbida algunha, cando asistimos ao oficio divino. Consideremos, pois, con que reverencia convén estar na presenza da divindade (…) e salmodiemos de tal maneira que o noso pensamento vaia de acordo coa nosa voz. (19,1.7).

Tomamos nós conciencia agora desta presenza de Deus no que somos e vivimos. En corpo e alma, sentímonos así en Deus, con Xesús, no Espírito.

2. Cando alguén chega pola primeira vez para abrazar a vida monástica, non se lle facilite a entrada.(58,1). Encargarase deles un ancián apto para ganar almas, que os velará coa máxima atención. Examinará coidadosamente se busca a Deus verdadeiramente...(58,6.7).

SALMO 42 (versión oracional á luz do Evanxeo)
Como devece a cerva pola auga dos regatos,
así devece por ti, meu Deus, a miña alma.
A miña alma ten sede de Deus, do Deus vivo:
cando poderei ver o rostro de Deus?

A miñas bágoas son día e noite o meu pan,
mentres decote me din:
“Onde está o teu Deus?”

Cando diso me lembro, sinto saudades na alma:
Eu marchaba á fronte do pobo
cara á casa de Deus,
entre voces de xúbilo e loanza
de xentío en festa.
Por que desacougas, alma miña,
e por que andas inqueda?
Espera en Deus,
volvereino loar outra vez:
a miña salvación, o meu Deus.

A miña alma esmorece,
e por iso me lembro de ti,
desde o Xordán, o Hermón e o Misar.
Un abismo chama a outro abismo
con fragor de cachoeira;
as túas cristas e as túas ondas
pasan por riba de min.

Polo día outorga o Señor a súa axuda,
pola noite cántolle ao Deus da miña vida.
Direille: “Miña rocha,
por que te sinto lonxe de min?
Por que teño que andar penando,
como persoa asoballada polo inimigo?”
Québranseme os ósos
polas burlas dos apresores,
que decote me din:
“Onde está o teu Deus?”

Por que desacougas, alma miña,
e por que andas inqueda?
Espera en Deus,
volvereino loar outra vez:
a miña salvación, o meu Deus.
Con que determinación buscamos o rostro de Deus?

3. No rito da profesión o novicio di este verso (3)
Sostenme, Señor,conforme á túa promesa, e vivirei;
non decepciones a miña esperanza”(Sl 118,116). (Regra 58, 21.22)

Sostenme, Señor, conforme á túa promesa e vivirei;
que non te decepcione na esperanza que ti tes posta en min.
Temos “votos” de fidelidade con Deus?
4. ”Os pobres e peregrinos sexan acollidos con particular coidado e solicitude, pois neles recíbese a Cristo máis particularmente; por canto que aos ricos o propio temor que inspiran move a honralos” (53,15).

A noso coidado e solicitude coa xente máis empobrecida....Cristo neles?


Concluímos rezando o NOSO PAI/NAI, EN QUEN SOMOS E VIVIMOS.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.