27 xuño, 2024

Tempo Ordinario: 13ª semana



30 de xuño: Domingo 13º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Sab 1, 13-15; 2, 23-24. Salmo: 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e 13b
2ª lectura: 2 Cor 8, 7. 9. 13-15

Evanxeo: Mc 5, 21-43

Unha vez, pasando de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na veira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que, ao velo, botouse aos seus pés suplicándolle:
—A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre elas as túas mans, para que sande e viva.

E foise con el, seguido de moito xentío que o estrullaba. Había unha muller que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido, dicindo para si:
—Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa.

E, secándolle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal. Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:
—¿Quen me tocou na roupa?

Os discípulos respondéronlle:
—Ti ben ves a xente preméndote, e ¿aínda preguntas por quen te tocou?

Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. Daquela, a muller, amedrentada e tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. El díxolle:
—Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.

Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
—A túa filla acaba de morrer. ¿Para que andar xa molestando o Mestre?

Pero Xesús, ao escoitar o que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
—Non temas, abonda que teñas fe.

E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago. Ao chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, entrou e díxolles:
—¿A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.

E todos facían riso del. Pero, botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e máis os seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:
—“Talitha qumi” (que quere dicir: “rapaza, érguete”)

A rapaciña ergueuse de contado e botouse a andar, que xa tiña doce anos. e aquela xente quedou coa boca aberta.

El insistiulles que non llo contasen a ninguén e mandou que lle desen de comer.

Meditación

Volvemos a unha lectura máis ou menos continuada do evanxeo de Marcos, para con el ir acompañando as nosas vidas no que teñan de ordinario e no que teñan de algo excepcional. De entrada, resulta marabilloso contemplar a este Xesús que cruza mares –lagos— e anda camiños envolto sempre entre a xente; foi, sen dúbida, unha opción “pastoral” del, era o seu estilo, ben distinto, por exemplo, do de Xoán Bautista, que optara por retirarse cos seus a lugares apartados, onde a xente, si quería, podería acudir. Xesús positivamente buscou estar coa xente, mesturado con ela, rozándose con ela, como queda en de manifesto no evanxeo de hoxe. Esa era a maneira de que a alegría e os problemas da xente fosen tamén seu pan de cada día; así, responder a esa alegría e a eses problemas, coa súa fonda forza de vida e de liberdade, converteuse tamén na súa principal tarefa diaria. Agora que tanto falamos e oímos falar de “nova evanxelización”, non estaría de máis volver a esta estratexia evanxelizadora de Xesús, de andar os camiños cada día coa xente do pobo.

Os estudos bíblicos máis serios recoñecen como dato histórico firme que Xesús era un “curandeiro”, tiña un don especial para, en moitos casos, mobilizar as enerxías todas da persoa, para que a propia persoa puidese facer un recorrido da enfermidade á saúde, do desespero á confianza, da marxinación á integración social, da morte á vida. O evanxeo de hoxe móstranos dous exemplos diso. Neste proceso a fe das persoas convértese en algo fundamental, non coma un tabú máxico, senón coma unha apertura e unha entrega da propia persoa necesitada a esas forzas de saúde e de vida que saían das palabras, dos xestos, da presenza de Xesús. Estar collido a fondo polo Espírito de Deus capacitaba a Xesús para o imposible. E todo isto podémolo vivir, experimentar nós hoxe. Aínda que non gocemos coa presenza física de Xesús, si podemos contar coa súa presenza espiritual.

O relato combina dous encontros diferentes: o habido con Xairo, xefe da sinagoga, por mor da enfermidade e morte da súa filla, e o habido cunha muller anónima, que padecía hemorraxias desde había ben anos, e, aínda que gastara todo canto tiña en médicos, cada día ía a peor. Se imos a unha celebración normal en calquera parroquia, é posible que, por razón de brevidade, esta segunda parte do relato non se lea, o cal é unha pena, porque a narración do vivido entre Xesús e a muller que padecía de hemorraxias ten unha fondura e unha intensidade excepcional.

O sangue menstrual era unha impureza naquela cultura relixiosa xudía. Co cal, aínda na normalidade da vida, a muller era obxecto de constante marxinación. Que curioso! O máis vinculado á vida, á nova vida, obxecto de distancias e marxinación! Ben pode ser un símbolo do longo proceso de marxinación da muller, vivido ata o presente nas nosas sociedades e na nosa Igrexa tamén. O feminino cobizado, explotado, abusado, culpabilizado, desprezado, sublimado, posto case sempre en segundo lugar, en base ás argumentacións máis variadas, insostibles e ridículas. E nesas andamos a día de hoxe, con estridentes mortes violentas un día si e outro tamén, e coa calada e persistente teima de manter formas de relación que alongan a dependencia. E Xesús rompendo moldes. Tocado, contaxiado pola marxinación da muller, recupéraa para a convivencia social e relixiosa; intégraa de novo. A fe da muller valeulle para recompoñer a súa vida. De Xesús saíu, sae, forza de curación e acompañamento cara á curación e a dignificación da vida. Un novo criterio, para unha “nova evanxelización”: acompañar o feminino, as mulleres, na súa busca de recoñecemento e de integración social e relixiosa.

Como individuos, como comunidade cristiá, podémonos preguntar cales son as carencias, as debilidades, as penas, os medos, as mortes que nos atan, que nos levan a vivir encollidos/as, tristes, desalentados. O evanxeo de hoxe invítanos a achegarnos con esa carga ao encontro con Xesús, e a facelo con fe; en Xesús, en Deus, no Espírito, hai forzas de vida e de ben que, sen meiguerías, nos poden envolver en procesos persoais e comunitarios que abran camiños de paz e de liberdade, de alegría e de esperanza.

Preces

A TÚA FE SANDOUTE, VAITE EN PAZ

Presentámonos diante de ti, Xesús, cos nosos medos, coas nosas covardías, cos nosos cansazos. Desexando recibir a túa forza, recordamos as túas palabras.

Presentámosche a todas as mulleres ignoradas, desprezadas, violentadas, mortas pola cultura machista que temos. Desexando recibir a túa forza, recordamos as túas palabras. Presentámosche tamén a nosa Igrexa, tan receosa aínda con todo o feminino, coa sexualidade, para que tamén nisto se deixa converter polo teu Espírito. Desexando recibir a túa forza, recordamos as túas palabras.

Presentámosche as rapazas novas que están sendo introducidas violentamente no mundo do comercio sexual e da prostitución, para que poidan vivir con dignidade a súa condición de muller. Desexando recibir a túa forza, recordamos as túas palabras.

Presentámosche a todas as persoas que nos afanamos por estender o teu Evanxeo, para que saibamos andar os camiños da xente, coñecer a súa realidade e atendelas no que da vida lles doe. Desexando recibir a túa forza, recordamos as túas palabras.

Oración
A dor de Xairo,
pola enfermidade e morte da súa filla.
A dor da muller que padecía hemorraxias,
pola súa vida proscrita, marxinada.
Vouche presentar na miña pregaria, Xesús,
as dores que eu sei da miña xente veciña.

As dores de N. e N.,
cando souberon da separación do seu fillo,
e unha mesta nube de inseguridade empezou a cubrir a súa existencia.
As dores de N. accidentado,
co corpo maltreito,
co ánimo encollido,
co receo de saberse ou non querido por ti.
As dores de N., enferma de cancro,
temerosa por si e pola súa familia,
como vai ser,
como vai quedar todo,
quen mirará polo home, polas fillas?
Estás ou non estás ti termando desas vidas?
As dores de N. e N. parados,
frustrados nas súas expectativas,
medrosos cara ao adiante, humillados,
para os que, se cadra, ti non significas nada.
As dores do N. e da N., casados e maiores,
sos case na vida,
angustiados polo día de mañá:
que vai ser de nós,
quen nos valerá?
As dores ocultas, caladas,
e aquel, de aquela a quen ves turba e pechada,
debullando fracasos –quen sabe?—,
contando e amoreando desilusións cada día.

Todas, todos, Señor,
eu con eles e elas,
desexando tocar un manto curador,
como fixera a muller do evanxeo,
desexando sentir unha forza nova recorrendo todo o corpo,
todo o propio ser,
desexando bater con alguén que che diga ao corazón:
fillo, filla, a túa fe sandoute,
vaite en paz,
curado, curada para sempre da túa doenza.
Teremos fe abonda, Xesús,
para achegarnos a ti,
para acoller e deixar que nos reavive a túa forza de vida?
Teremos fe abonda, Xesús,
para entregarnos á humilde tarefa
de buscar contigo e coa comunidade
camiños de vida e de liberdade?
Non estades mortas, mortos —disnos.
O que pasa é que estades a durmir.
Así que, rapaces, rapazas, arriba!
Acción

Aínda é frecuente entre nós que, cando temos algunha enfermidade complexa, acudimos a algún santuario, con máis ou menos fe, solicitando axuda. Se o facemos así, ou o vemos facer así, aparte de esperar algún milagre (!), que se nos ocorre facer para axudar, axudarnos, a vivir esas situacións duras con esperanza cristiá?


1 de xullo: Luns da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 18, 16-33. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8-9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: Am 2, 6-10. 13-16. Salmo: 49, 16bc-17. 18-19. 20-21. 22-23

Evanxeo: Mt 8, 18-22

Unha vez, vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda do lago. E achegouse a el un letrado que lle dixo:
—Mestre, seguireite vaias a onde vaias.

Respondeulle Xesús:
—As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.

Outro dos seus discípulos díxolle:
—Señor, deixa que vaia primeiro enterrar a meu pai.

Xesús respondeulle:
—Ti sígueme e deixa que os mortos enterren os mortos.

Meditación

As respostas de Xesús ás persoas que lle solicitaban podelo acompañar é radical, como o era toda a súa vida; dille ao letrado que para seguilo cómpre entrar nunha liña de pobreza, de baleiro, de despoxo en todos os niveis da persoa: baleiro económico, baleiro afectivo, baleiro de posición social, etc. A proposta era contraria ás aspiracións dun bo letrado: fartura económica, afectiva, recoñecemento social… A proposta é tamén contraria ás aspiracións da maioría de nós.

Cando outro discípulo lle manifesta o desexo de ir enterrar o pai, para despois seguilo, Xesús amósase de novo radical: para poder seguilo, non vale darlle prioridade aos costumes sociais, por moi lóxicos e sagrados que parezan. O que urxe é secundar a chamada de Deus a crear no seu nome e coa súa forza unha nova rede de solidariedade, na que todo, tamén os respectos familiares poidan estar incluídos.

Seguro que quedamos moi cuestionados por estas palabras de Xesús. El viviu a tope conforme ao que dicía. Nós poderemos dar algúns pasos polo menos; e, se son na dirección do indicado por Xesús, posiblemente lle vaiamos collendo sentido e gusto á proposta de Xesús.

Oración
Non quero que me asusten as túas palabras, Xesús:
debaixo delas hai unha proposta de vida completa, feliz.
Pero lévame da man,
para aprender contigo a gustar
o gozo raro de facerme persoa baleirándome,
dándome á xente sen tempos nin medidas.
Lévame da man
para aprender contigo
que o máis importante de todo,
para min, para a miña familia, para o meu pobo,
é o respecto, o coidado, o amor, a xustiza,
por riba de calquera requisito relixioso ou social.
Xesús, quero seguirte,
como aprendiz quero seguirte.
Acción
¿Vivimos dándolle moita importancia e mesmo prioridade a algúns costumes sociais, que en verdade pouco nos fan medrar como persoas cristiás? ¿Podemos despegarnos en algo deses costumes sociais que non levan a nada?


2 de xullo: Martes da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 19, 15-29. Salmo: 25, 2-3. 9-10. 11-12
Ano 2: 2! Lectura: Am 3, 1-8; 4, 11-12. Salmo: 5, 5-6. 7. 8

Evanxeo: Mt 8, 23-27

Unha vez subiu Xesús a unha barca e os seus discípulos seguírono. De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. Os discípulos fórono espertar, exclamando:
—Señor, sálvanos que afogamos!

El díxolles:
--¿Por qué vos acovardades, homes de pouca fe?

E, poñéndose de pé, increpou os ventos e máis o mar e veu unha grande calma. Os homes, abraiados, dicían:
—¿Quen será este que mesmo os ventos e máis o mar lle fan caso?

Meditación

Na vida persoal pasamos ás veces por situacións extremas, que nos desbordan, que nos fan dubidar de nós mesmas, da nosa capacidade de saír adiante; invádenos o medo, que nunca é bo conselleiro. E na vida familiar, ou na vida da comunidade da parroquia, ou na vida social, política, tamén pasan cousas así. É doado poñerlle nomes ás grandes ondas que ameazan a barca e a quen nela estamos. Os sentimentos, as palabras saen de nós solicitando axuda da xente ou do mesmo Deus. E está ben facelo. Na xente e en Deus podemos atopar apoios, tranquilidade, acougo para discernir ben a situación, para ver o que cómpre facer, para nunca nos sentir sos ante o perigo, para adiviñar presenzas fondas que nos pacifican e alentan a fondo, que nos garanten que nunca a vida está abocada ao fracaso, nin sequera coa mesma morte polo medio. Sen milagres raros, podemos vivir asentadas nesta fe, nesta calma, nesta esperanza.

Oración
Señor, Señor,
que afogamos!
Que non temos respiro na vida:
o paro, a crianza, o fracaso amoroso,
a miña adición,
o avó e avoa que non dámos atendido!
A parroquia que non vai,
a sociedade escindida,
unha parte grande do mundo afogada
por culpa de políticas deshumanizadas!
O corazón, o máis íntimo de nós
que anda á intemperie,
sen saber onde apoiarse
para poder vivir
en paz, en liberdade!
Señor, Señor,
que afogamos!
Acción

Podemos identificar algún dos medos que nos están afogando a vida. Podemos compartilo con outras persoas, con Deus mesmo tamén na oración. Seguro que colleremos forzas para manexar mellor eses medos.


3 de xullo: festa de Santo Tomé apóstolo

1ª lectura: Ef 2, 19-22. Salmo: 116, 1. 2

Evanxeo: Xn 20, 24-29

Tomé, un dos doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
—Vimos o Señor.

Pero el contestoulles:
—Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
—Paz convosco

Despois díxolle a Tomé:
—Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

Tomé respondeulle:
—Meu Señor e meu Deus!

Xesús díxolle:
—Tes fe porque me viches? Benia as persoas que creron sen me veren!

Meditación

Somos moitas as persoas ás que nos custa crer moitas cousas do noso credo, en concreto iso de que Xesús resucitase, iso de que tamén nós resucitaremos para participar en Deus dunha existencia perdoada e feliz. Ninguén volveu de aló para nolo contar, dicimos ás veces. Tamén nos custa crer que Xesús crucificado, morto e resucitado poida estar ben representado pola xente máis fráxil deste mundo, a máis empobrecida, a máis machucada polo mal, pola dor, polo abuso. Cústanos crer que tocando a esta xente tocamos a Cristo, que servindo a esta xente servimos a Cristo, que coidando desta xente coidamos de Cristo e practicamos a mellor vida relixiosa. Temos fe frouxa. Dubidamos. Gustaríanos tocar para crer.

Pero a vida humana é así. Moitas cousas das máis fermosas da vida humana están sempre no aire, no campo da fe. Vivímolas na incerteza, na inseguridade. Aí está a súa fraxilidade e a súa maior fermosura: O amor da parella coa que convivo, as amizades que sosteñen a miña vida, as compañeiras de traballo que me facilitan o meu, mesmo os animais domésticos que utilizo para o traballo, para a produción ou para o lecer. Crer é substancialmente humano. A fe relixiosa é substancialmente humana tamén.

Oración
Meu Señor e meu Deus!
Meu Pai en quen confiar,
miña Nai en quen acougar!
Meu Amigo con quen compartir,
miña Irmá na que me apoiar!
Meu Compañeiro no que me recrear,
miña Mestra coa que madurar!
Miña Confidente que me comprende,
meu Guieiro que me encamiña!
Miña Criada que me atende en todo,
Meu Gardián que coida de min!
Meu Respecto que sempre me desborda,
Meu Agarimo que sempre me acubilla!
Meu Señor e meu Deus!
Acción

Podemos achegarnos a algunhas persoas maltratadas pola vida ou polos abusos doutros. Tocamos as súas feridas. Practicamos a fe de que nesas chagas están as chagas do mesmo Cristo. E facemos o que a nosa fe nos pida facer.


4 de xullo: Xoves da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 22, 1-19. Salmo: 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: Am 7, 10-17. Salmo: 18, 8. 9. 10. 11

Evanxeo: Mt 9, 1-8

Naquel tempo subiu Xesús a unha barca, cruzou para a outra banda do lago e chegou á súa vila. Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
—Ánimo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.

Entón algúns letrados dixeron para si:
—Este home blasfema.

Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles:
—¿Qué cavilades nos vosos adentros? ¿Qué é máis fácil dicir: “perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “érguete e anda?” Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito—: “érguete, colle a padiola e vai para a casa”.

E erguéndose foise para a súa casa. Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder á xente.

Meditación

O corpo e o espírito. A sanidade física e a espiritual. O coidado dunha e o coidado da outra. Xesús, tan dado a curar todo canto vía e podía, resalta neste caso a importancia de que unha persoa estea a fondo reconciliada consigo mesma, coa xente veciña, con Deus, a través do perdón demandado e recibido. Por moito que pareza outra cousa, é máis doado ás veces acadar a saúde física ca non a espiritual. Entre nós –isto non pasa en moitas partes do mundo, por desgraza—, con bastante boa atención médica universal, podemos dicir que a saúde física está máis ou menos buscada e atendida. Non así a espiritual, no sentido tan amplo que esta palabra pode ter. ¿Non son os antidepresivos as menciñas máis consumidas entre nós? Unha boa experiencia relixiosa é sen dúbida un elemento importante de estabilización das persoas, porque accede a niveis fondos das persoas, onde con frecuencia se cocen moitos dos nosos benestares e frustracións. Accede ao noso ser máis verdadeiro. Pero, ¿vivimos e axudamos a vivir unha experiencia relixiosa sa, liberadora?

Oración
Que poder máis grande tiñas, Xesús!
Que poder máis grande recibías de Deus!
Sandar os corpos e máis os espíritos,
asentar corazóns,
recompoñer e vigorizar vidas,
enchéndoas coa seguridade do perdón,
das mans dun Deus que nos quere sen medida.
Grazas, Xesús,
porque dese ben teu recibimos todas, todos nós.
Grazas ademais, Xesús,
porque compartes connosco os teus poderes,
e nos fas capaces de dar alentos,
de estender perdóns,
de acompañar vidas,
de sementar esperanzas alá por onde imos.
Grazas, Xesús, grazas.
Acción

Podemos visitar hoxe algunha persoa enferma e compartir con ela ánimos, alentos, fe.


5 de xullo: Venres da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 23, 1-4. 19; 24, 1-8. 62-67. Salmo: 105, 1-2. 3-4a. 4b-5
Ano 2: 1ª lectura: Am 8, 4-6. 9-12. Salmo: 118, 2. 10. 20. 30. 40. 131

Evanxeo: Mt 9, 9-13

Unha vez, ao pasar Xesús por un lugar, viu un home chamado Mateu, sentado ao mostrador da contribución, e díxolle:
—Sígueme.

El ergueuse e seguiuno.

E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e máis os seus discípulos. Cando tal viron os fariseos, dixéronlle aos discípulos del:
—¿Cómo é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?

Xesús oíuno e dixo:
—Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de “misericordia quero e non sacrificios”. Porque non vin chamar pola xente xusta, senón pola pecadora.

Meditación

Mala xente os recadadores de impostos naqueles tempos, porque eran os representantes do poder romano que espremían a xente máis necesitada sobre todo. Neles concentrábase moita rabia e moito odio por parte do pobo. E vas ti, Xesús, e escolles a un deles para o teu grupo, e déixaste invitar e fas xantar como de festa cun grupo deles ao que se ameceron outras persoas de semellante catadura. Que libre e orixinal eras, Xesús! Como sabías ollar e ler e entender o que podía pasar polo fondo das persoas! Como sabías romper con rutinas e cousas que parecían sagradas e abrir portas para que todo tipo de xente puidese entrar na sociedade nova que ti soñabas; entrar tamén na nova relación con Deus que ti ofrecías. Contra o que era hábito e doutrina no teu tempo, xusto a xente máis arredada de Deus foi a túa preferida. Dá case gusto ser persoa pecadora, para sentirte ao pé dun exercendo misericordia.

Oración
Misericordia quero e non sacrificios.
Achegamento á xente débil e non xuízos.
Comprensión cordial e non condenas.
Acompañamentos humildes e non críticas de lonxe.
Mestura coa xente pecadora e non grupiños selectos.
Crítica agarimosa e non burlas e desprezos.
Constancia na presenza e non abandonos á primeira.
Pregaria doída e non apelacións doutrinais.
Amor, amor, amor e non relixión baleira.
Acción
¿Hai entre nós algunha persoa máis ou menos perdida, coa que nos esteamos comportando desde a distancia, desde a crítica sen misericordia? ¿En que podiamos facer algo cristiá a nosa relación con esas persoas?


6 de xullo: Sábado da 13ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 27, 1-5. 15-29. Salmo: 134, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Am 9, 11-15. Salmo: 84, 9. 11-12. 13-14

Evanxeo: Mt 9, 14-17

Naquel tempo achegáronse a Xesús os discípulos de Xoán alegando:
—Nós e máis os fariseos gardamos moito o xaxún. ¿Por qué non o gardan os teus discípulos?

Respondeulles Xesús:
—¿Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres teñen con eles o esposo? Xa chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.

Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco se lle ocorre a ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos para que ambos os dous se conserven.

Meditación

Na cultura relixiosa dos tempos de Xesús dábanlle moita importancia ao tema do xaxún; cando se facía na verdade, expresaba arrepentimento por cousas mal feitas e desexos de andar en maior fidelidade con Deus e coa xente. Claro que moitas veces acababa sendo un rito baleiro, que non conmovía nada. Hoxe, en ambientes de abundancia, gústanos vivir o xaxún como unha maneira de adelgazar, de desapegarnos do material, de poder compartir con quen careza de bens para vivir.

Pero Xesús non entra no debate sobre o si ou o non do xaxún. Vai máis ao fondo. A súa proposta de vida crente, de relación con Deus e de relación entre a xente, é algo novo que non encaixaba na montaxe relixiosa dominante; era o pano novo que racharía máis o vestido vello, era o viño novo que estragaría o pelello vello. ¿Onde estaba a novidade de Xesús? Na fonda conciencia común de sermos fillos e fillas de Deus en verdade, con acceso directo ao corazón de Deus; e a conciencia de sermos familia por querenza de Deus, de sermos sociedade de iguais, na que a xente fráxil é a máis considerada. ¿Vivimos hoxe as persoas e comunidades cristiás nesta novidade de Xesús? ¿Ou somos tamén o vestido vello, o pelello vello, nos que non é posible acoller a novidade de Xesús?

Oración
Que nunca nos chufemos, Xesús,
de andar fielmente polos teus camiños.
Que nunca sinalemos aos demais
como os errados e arredados de ti.
Que sexamos suficientemente humildes
como para ver que todos temos as mans sucias
e o corazón encollido.
Que nos renovemos á luz da túa vida,
para que as nosas comunidades falen de ti con verdade
e sirvan o pobo como ti o servías.
Purifícanos o corazón e a vida, Xesús,
para que a túa fermosa novidade nos seduza,
e renove a fondo as nosas vidas.
Acción

Todos formamos parte dunha comunidade, dunha parroquia. ¿Somos comunidades e parroquias que vivimos e transmitimos a frescura de Xesús, si, non? ¿En que poderiamos mellorar?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.