24 outubro, 2024

Tempo Ordinario: 30ª semana



27 de outubro: Domingo 30º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 31, 7-9. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
2ª lectura: Heb 5, 1-6

Evanxeo: Mc 10, 46-52

Nunha ocasión, ao saír Xesús de Iericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a berrar e a dicir:
—Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!

Xesús detívose e dixo:
—Chamade por el.

Chaman entón polo cego e dinlle:
—Veña, érguete, que te chama!

El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
—¿Qué queres que che faga?

O cego respondeulle:
—Mestre, que volva ver.

Xesús díxolle:
--Vai, a túa fe salvoute.

E no intre comezou a ver e seguíao polo camiño.
Meditación

Estamos ante un relato que, máis alá da súa historicidade ou non historicidade, se nos ofrece coma unha parábola en acción do que pode dar de si un encontro vital de cada un de nós con Xesús. É algo que podemos realizar cada un de nós con Xesús. É algo que a comunidade cristiá da que formamos parte pode realizar tamén, e estaría ben que así o fixésemos.

Bar-Timeo, o fillo de Timeo, representa perfectamente a realidade de cada ser humano, de cada un, cada unha de nós, de cada comunidade cristiá: cego pobre de pedir a carón do camiño. Non é malo, ao revés, saberse, sentirse, vivirse coma cego pobre de pedir a carón do camiño. Coa man sempre estesa, co corazón sempre aberto, coa mente sempre dispoñible para acoller, cambiar e medrar. Cos ollos ansiosos de ver a luz, de descubrir tantas marabillas que nos rodean, sen nós caer na conta. E iso aínda que nos chufemos moito e pretendamos andar de sobrados pola vida. Pobre de quen é rico! Pobre de quen vai de sobrado/a! Pobre de quen o entende todo, o sabe todo, o coñece todo!

Despois, claro –tamén é certo—, hai entre nós pobres elementais, aos que a vida e os sistemas sociais que construímos as persoas lles restan o máis elemental para vivir: o anaco de pan co que manterse, o posto de traballo co que levar pan e dignidade ao corpo e ao espírito de cada un e da familia da que un forma parte. Esta pobreza non é boa. É froito de sistemas inxustos ou de configuracións persoais carentes tamén de recursos primarios.

Xesús –que curioso!— sempre en contacto con estas pobrezas, sempre pasando por onde esas pobrezas se dan. E así é que, aínda que alguén pretende acalar os berros do pobre cego de pedir, chegan aos seus oídos. E empeza unha relación viva, unha pregaria en acción, a historia dun encontro que ten un recorrido de aparencia sinxela, pero que acaba sendo fondo, estremecedor. Ben que nos poñamos na vida de cego de pedir, ben que asumamos o papel de seguidores ou seguidoras de Xesús para imitalo en algo, é de capital importancia este cruce de camiños, estes encontros. Nunca se dan, case nunca, desde os

despachos, desde os salóns, nin sequera desde as mesmas igrexas. Danse normalmente na rúa, na praza pública, na manifestación, no encontro de pais, no lugar menos imaxinable. Importancia de andar cos ollos, cos oídos, co corazón ben aberto.

O cego pobre de pedir, expresión de todas as pobrezas habidas e por haber, solidario con elas, achégase a Xesús, con ilusión, axilmente; os brincos do corpo expresan a ilusión vital que o envolve, a súa esperanza forte, a súa fe. Vai aberto absolutamente a Xesús, e a todo o que pode estar representado por Xesús: o mellor, o máis san, o máis xusto que na vida uns e outros e outras nos podemos ir ofrecendo e dando.

Xesús é o ser totalmente dispoñible, para o cego de pedir, para todos e todas nós: que queres que che faga? Xesús é o símbolo tamén dunha actitude realmente solidaria ante os cegos de pedir de a carón do camiño da vida: que podo eu, que podemos nós, que pode a miña comunidade facer por ti? Que podemos facer nós, a nosa comunidade cristiá nesta circunstancias de crise nas que estamos e polas que tantos veciños/as nosas o están pasando tan mal? Que podemos facer nós por persoas e pobos do sur, que de sempre andaron na crise que agora un chisco nos toca a nós? Que podemos facer nós pola xente refuxiada ou simplemente inmigrante que peta á nosa porta?

O mellor resultado que se pode dar do noso encontro de cegos de pedir con Xesús é, desde logo, que se nos abran os ollos, que a vida colla outras cores para nós, que nos decatemos do precioso mundo da solidariedade que Xesús representa, e que con el nos embarquemos na aventura preciosa de facer que a vida sexa risoña para tantas persoas que con amargura seguen quedando a carón do camiño. E de ser xente necesitada de curación e curada e, por iso mesmo, agradecidos/as, pasar a ser persoas entregadas á causa da fraternidade real. Pode haber felicidade maior, alegría máis grande? A este pracer nos invita Xesús.

Preces

SEÑOR, MEU SEÑOR,
QUE VOLVA VER!

Que poida ver as miñas pobrezas con humildade, sen afogarme nelas. Oremos.

Que teña os ollos ben abertos e limpos para ver as situacións de marxinación de moita xente que o está pasando mal, para axudar. Oremos.

Que vexa e entenda a fondo o que está pasando na hora presente, para non me deixar enganar e para poder arrimar o lombo en boa dirección. Oremos.

Que saiba pedir sen vergoña; que saiba dar sen miramentos. Oremos.

Que as persoas que están reunidas en Sínodo co Papa de Roma para fortalecer as familias cristiás, vexan a fraxilidade de moitas delas e as sirvan con misericordia entrañable. Oremos.

Oración
(Esta pregaria pódese cantar coa melodía da coñecida canción
“Onda ti, noso Pai, á tardiña”).
Esmoleiro ao carón do camiño,
coa pobreza na palma das mans,
cara a ti, meu Xesús, o meu berro,
cara a ti, meu Señor, meu irmán.

O baleiro da miña persoa
é máis fondo ca o fondo do mar;
só ti tes, meu Xesús, para enchelo
luz e ben, ilusión, forza e paz.

Nestas mans que eu estendo confiado/a
as dos pobres do mundo están,
as que choran tristuras, miserias,
as que buscan tenrura e pan.

Cara a ti me levanto lixeiro,
que o amor novas forzas me dá,
cara a ti que nos meus compañeiros
me regalas consolo e fogar.

Cómo medra a fe no meu peito
e coa fe a ilusión de loitar
canda ti, meu Xesús, o camiño
que nos leva a total irmandá(de)!

Acción

Na liña do que estamos procurando ver estes últimos domingo, podemos hoxe pararnos a decatarnos de cales son as nosas pobrezas, as nosas carencias, as nosas fraxilidades, como persoa e como comunidade cristiá. Que facemos con iso? Encubrímolo, aceptámolo, compartímolo, buscamos maneiras de superalo? Se facemos isto en grupo, que ben estaría!


28 de outubro: Festa dos santos Simón e Xudas, apóstolos

1ª lectura: Ef 2, 19-22. Salmo: 18, 2-3. 4-5

Evanxeo: Lc 6, 12-19

Por aqueles días Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou os seus discípulos e escolleu doce entre eles, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e seu irmán Andre; Santiago, Xoán, Filipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.

Baixou con eles e detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados, e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.

Meditación

A elección dun apóstolo sempre nos remite á nosa propia elección. Se estamos no de Xesús, atraídos/as pola súa figura histórica, pola súa palabra, polos seus feitos de vida, pola súa maneira de entender a persoa e as relacións entre as persoas,…, se estamos niso, é porque dalgunha maneira, misteriosa e real, fomos afectados/as e nos deixamos afectar pola súa elección. Xesús escolle de entre a xente e para o servizo da xente. Nunca nos escolle para arredarnos da xente, do pobo, coma un grupo selecto, privilexiado, colocado aló arriba; e menos aínda nos escolle para que acabemos tendo a xente ao noso servizo. Xesús escolle para facernos máis radicalmente da xente, para debernos á xente en todo, para facer da nosa vida un constante empeño por compartir con quen o necesite a forza de curación que de Xesús recibimos.

Oración
Grazas, Xesús,
por ter batido contigo,
por ter experimentado, algo polo menos,
a fortaleza da túa palabra,
a consistencia do teu xeito de vivir.
Grazas, Xesús,
por terme así escollido,
pola vía da máis completa normalidade,
para testemuñarte
coas miñas palabras,
coa miña maneira de vivir.
Que quen me vexa
descubra en min
polo menos unha liviá memoria
do teu paso humilde e vigoroso,
servidor,
polas entrañas deste mundo.

Acción
Seguro que na nosa historia persoal hai algunha persoa que axudou a espertar en nós o interese por Xesús e a súa causa. Podemos falar con ela e agradecerllo.


29 de outubro: Martes da 30ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 18-25. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
Ano 2: 1ª lectura: Efg 5, 21-33. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5

Evanxeo: Lc 13, 18-21

Nunha ocasión dicíalle Xesús á xente:
—¿A que se parece o reino de Deus, con que volo compararía eu? É semellante a un gran de mostaza que un home sementa na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaron nas súas pólas.

E seguiu dicindo:
—¿Con que compararía eu o reino de Deus? É semellante ao fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.

Meditación

O reino de Deus, o proxecto de Deus, o soño de Deus para este mundo noso: sermos unha terra de redes, de vínculos, de relacións, de compenetracións, de interdependencias, de fraternidade, de xustiza, de respecto preferente sempre polo máis fráxil entre a xente, entre a natureza, en todo. Sermos así terra de Deus!

Xesús amósanos como se constrúe ese tipo de cousas. El opta non polo barullo, senón polo silencio. Non pola presenza de medios aparatosos, senón pola pequenez. Non por obras de lucimento, senón polas cousas humildes. Non polas grandes palabras, senón polas pequenas e cotiás fidelidades. Non polos grandes empeños humanos, senón pola fe confiada en Deus. Canto disto nos fai falla nestes tempos nos que nas nosas comunidades sentímonos a necesidade de retomar o reinado de Deus, o seu soño para nós, para toda a humanidade!

Oración
Que ben, meu Deus, que ben!
O teu Espírito en min, en nós,
coma un graociño de mostaza,
sementado nas nosas vidas, na nosa comunidade,
que medra e medra, sen case saber nós como,
ata se converter nunha árbore vigorosa,
onde aniña quen queira pousar os seus pés
para acougar
e gustar o gozo dunha vida xusta, pacificada!
Que ben!
O teu Espírito convertido en fermento
que unha muller coloca no noso seo,
no seo da comunidade feito fariña
—grao moído no muíño simple da vida—,
para convertela en pan saboroso
a disposición de calquera famento que pete á porta,
e ser simplemente pan comido,
sen máis,
sen méritos nin glorias.
Que ben, meu Deus, que ben!

Acción

Podemos facernos conscientes de que cada día coa nosa palabra, cos nosos feitos, se son xustos e fraternos, estamos construíndo iso que Xesús chamaba o reino de Deus, o soño de Deus. E, se en algo non son xustos nin fraternos, daquela podemos cambiar para que en nós se cumpra de verdade o soño de Deus.


30 de outubro: ércores da 30ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 26-30. Salmo: 12. 4-5. 6
Ano 2: 1ª lectura: Ef 6, 1-9. Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 13cd-14

Evanxeo: Lc 13, 22-30

Xesús atravesaba por vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén. Un preguntoulle:
—Señor, ¿e logo son poucas as persoas que se salvan?

El respondeu:
—Esforzádevos por entrar pola porta estreita, porque vos aseguro que moita xente intentará entrar e non poderá. Cando o dono da casa se erga e peche a porta, quedaredes fóra e petaredes na porta dicindo: “Señor, ábrenos”; pero el responderá: “Non sei quen sodes”. Entón empezaredes a dicir: “Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas prazas!” El repetirá: “Non sei quen sodes. Arredade de min todas as persoas que practicades a inxustiza!”.

Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes; cando vexades que Abraham, Isaac, Xacobe e todos os profetas están no reino de Deus e que a vós vos botan fóra. E chegarán de oriente e occidente, do norte e do sur e sentarán na mesa do reino de Deus. Si, hai persoas que son últimas e serán primeiras, e hainas primeiras que serán últimas.

Meditación

Pero ¿qué é salvarse? Para unha persoa cristiá é algo así como desenvolver a propia vida respondendo a esas chamadas fondas que Deus mesmo insire no noso corazón; sermos como persoas aquilo que cada quen está chamado a ser. Algo que xa se realiza neste mundo, aínda que despois da morte acade a súa plenitude. A vontade de Deus é sempre unha vontade de salvación, que nada nin ninguén torce. Nós si que podemos frustrar a propia construción como persoas, a propia felicidade. É a nós a quen nos interesa entrar pola porta estreita, a porta da responsabilidade sobre a propia vida, aproveitando o tempo presente para madurar como persoas para unha felicidade eterna en Deus. É a cousa non é cuestión de pertencer ou non a tal raza, a tal credo relixioso, a tal Igrexa. Iso pouco importa. O que importa é deixar que a propia vida sexa unha vida xusta na xustiza de Deus, que prefire, en todo caso, a misericordia ao xuízo. Deus é sempre un Deus de salvación, de vida, para quen se abra á vida nos seus comportamentos de cada día.

Oración
Sen tristuras, sen medos, sen angustias,
apréndesme a coidar a propia vida
e as vidas dos teus pobres a min encomendadas.
Con ledicia, con humor, con esperanza,
apréndesme a entrar pola porta estreita
que me introduce na terra da irmandade.
Máis que as máis santas palabras,
será a túa xustiza, acollida como don, como tarefa,
a que me abra as portas da vida para sempre.
Sen torpes pretensións, sen chulerías,
o humilde camiñar polas vías da inocencia
levarame ao berce de todas as unións.
E o mal que se me vaia das mans, da boca, do corazón,
serás ti quen o confundas nas lapas do teu amor.
Grazas, meu Deus, grazas por tanto ben!

Acción
Posiblemente iso de salvarse, non salvarse, sexa unha linguaxe que hoxe pouco nos di. Pero, ¿preocúpanos desenvolver a nosa vida na honradez, na legalidade, mirando pola xente débil, buscando o ben común, respectando o diferente, sen nos poñer por riba de ninguén? ¿Ocupan estas cousas a nosa atención real? Seguro que tamén por aquí podemos dar pasos.


31 de outubro: Xoves da 30ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 31b-39. Salmo: 108, 21-22. 26-27. 30-31
Ano 2: 1ª lectura: Ef 6, 10-20. Salmo: 143, 1. 2. 9-10

Evanxeo: Lc 13, 31-35

Nunha ocasión chegaron onda Xesús uns fariseos para o avisar:
—Veña, vaite de aquí, que Herodes te quere matar.

El respondeulles:
—Ídelle dicir a ese raposo: eu hoxe e mañá seguirei curando e botando fóra os demos e no terceiro día xa acabo. Pero hoxe, mañá e pasado mañá cómpre que siga camiñando, pois non é ben que un profeta morra fóra de Xerusalén.

Xerusalén, Xerusalén, que asasinas os profetas e acantazas os que mandan onda ti! Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as ás e non quixeches! Pois mirade, a vosa casa fica baleira e asegúrovos que non me volveredes ver ata que exclamedes: Benia o que vén no nome do Señor!

Meditación

Xesús era unha persoa con determinación. Sabía o que quería. Tiña claro cal era a súa tarefa diaria: andar cabo da xente ferida pola vida, no corpo e no espírito, aportando o que el tiña abundantemente: alento, espírito de vida. Non o freaba o medo, non o paraban personaxes déspotas, extravagantes, coma Herodes, nin a sospeita de que en Xerusalén, onde estaban os poderes relixiosos e civís do país, as cousas se lle complicasen seriamente. Doíalle que a inmensa carga de luz e de afecto que vertía sobre o su pobo non fose recibida con ilusión, coma unha bendición de Deus. Pero non recuaba. Os tempos de Deus non son os tempos da xente. No medio das tebras é onde a luz amosa mellor o seu valor e o seu encanto. No medio deste drama cotián, que se estende ata os nosos días, que papel xogamos nós?

Oración
Perdón, Xesús,
por sucumbir tantas veces ao medo.
Perdón
pola falla de determinación:
vexo claro cara a onde ir,
pero freo o paso ou torzo o camiño.
Perdón, Xesús,
por recear aconchegarme a ti,
por rexeitar o agarimo do teu Espírito.
Perdón
por pechar as portas
a tanta xenerosidade, a tanta esplendidez.

Acción

Podemos concretar algunha cousa, algunha situación, na que por medo, por falta de decisión, por non dar a cara ante algunha persoa, deixamos de dicir ou de facer algo que considerabamos xusto. E dámonos aviso para non reincidir nese tipo de comportamentos.


1 de novembro: Solemnidade de todos os Santos e Santas

1ª lectura: Ap 7, 2-4. 9-14. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6. 2ª lectura: 1 Xn 3, 1-3

Evanxeo: Mt 5, 1-12a

Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle as persoas que acompañaban máis de preto e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
—Ditosas as persoas totalmente pobres,
porque delas é o Reino dos ceos.
Ditosos as que choran,
porque elas serán consoladas.
Ditosos as non violentas,
porque elas herdarán a terra.
Ditosos as persoas que pasan fame e sede de xustiza,
porque elas ficarán fartas.
Ditosas as misericordiosas,
porque elas acadarán a misericordia.
Ditosos as de corazón limpo,
porque elas verán a Deus.
Ditosos as que traballan pola paz,
porque elas serán chamados fillas de Deus.
Ditosos as persoas perseguidas por causa da xustiza,
porque desas tales é o Reino dos ceos.
Ditosos vós, cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos.
Meditación

Sentamos aos pés de Xesús como o fixeron no seu momento as persoas que o acompañaban. Abrimos ben os ollos do corpo e do espírito para escoitar, acoller e facer nosas as palabras e as propostas de Xesús. Procuramos non lle buscar rebaixas ao que Xesús comparte connosco. Aceptámolo todo tal como soa, aceptando a nosa dificultade para entendelo, para embarcar nesa ilusión as nosas vidas. Deixamos que cada unha desas nove propostas de felicidade se vaian pousando lentamente sobre o noso corpo, sobre o noso espírito, sobre a nosa vida toda, e nos enchoupen da fonda e insospeitada novidade da boa nova de Xesús. No posible fuxamos da simulación. Frecuentemente lemos estas palabras de Xesús –tamén moitas outras—, dicimos aceptalas como palabras de vida para nós, pero logo, na práctica, a nosa busca de felicidade vai por outros camiños, porque no fondo desconfiamos de que esa proposta de Xesús sexa algo que valla, que funcione. Fagamos a proba. Experimentémolo. Con humildade, fiándonos de Xesús, dispoñámonos a esa aventura; poñamos nela todo o noso interese. Quizais empecemos a gustar cousas que nunca imaxinamos gustar. E a pouco prezo. Case coma un regalo que nos chega das mans de quen ben nos coñece e de quen moito nos aprecia. Por iso nos dá o mellor que ten para axudar a sermos xente feliz.

Oración
Xesús, meu irmán e mestre,
quero ser feliz, ben o sabes,
aínda que cos anos me vaia resignando
e vaia aceptando vivir en paz coas carencias.
Pero aínda así, meu irmán e mestre,
que non se durman en min
os soños dunha felicidade compartida;
que asenten en min amplamente
as ansias de felicidade de toda a xente infeliz do mundo.
Xesús, meu irmán e mestre,
só ti podes agrandar o espazo dos meus soños,
só ti coas cousas do teu Deus, co noso Deus,
podes colmalos ata o infinito.
Felices as persoas que de ti podemos aprender
insospeitadas maneiras de sermos persoas felices!

Acción
Podemos ler hoxe algo do libriño do Papa Francisco titulado “Alegrádevos e brincade do gozo”, que fala da chamada á santidade no mundo actual; o capítulo 3º, por exemplo, que entre outras cousas vai comentando as benaventuranzas.


2 de novembro: Conmemoración de todos os fieis defuntos

1ª lectura: Lam 3, 17-26. Salmo: 129.

Evanxeo: Xn 14, 1-6

Nun momento da Última Cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Non vos angustiedes; crede en Deus e crede tamén en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; se así non for, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu, ben sabedes o camiño.

Dille Tomé:
—Señor, se non sabemos onde vas, ¿cómo imos saber o camiño?

Xesús respondeulle:
—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.

Meditación

Xesús fálanos de moradas, de moitas moradas, de lugares que nos prepara, para alí estar con el, para alí chegar onda o Pai indo polo camiño que é el mesmo. Ben se ve que non se trata de lugares físicos; non hai un lugar físico ao que lle chamemos ceo, nin neste mundo, non en ningún outro lugar do cosmos. Tratase dun lugar espiritual. Trátase de estar en Deus simplemente, fóra do tempo e do espazo. Non sabemos o que iso pode ser. Sabemos que é cousa boa, porque Deus é a fonte de todo ser, de toda vida, de toda paz, de toda unión, de toda boa experiencia comunitaria.

Cando morremos, ese é o noso destino. Invítanos Xesús a agardalo sen angustia; hai moitas moradas; todos, todas collemos en Deus; a pesar das nosas ruindades, todos, todas temos lugar no corazón de Deus; todas, todos temos un algo de amor, que é en nós a semente de Deus, semente de eternidade. Xesús, camiño, verdade e vida, lévanos da man cara a ese encontro definitivo con Deus, con todos os homes e mulleres do mundo, con toda a creación reconciliada. Deus sexa bendito por esta esperanza tan grande asentada nos nosos corazóns.

Oración
Grazas, Deus noso,
polos homes e mulleres defuntas
das nosas casas, das nosas parroquias, das nosas aldeas e cidades.
Grazas polas súas vidas en tantas cousas tan sufridas,
en tantas cousas tan exemplares tamén.
Grazas polo que fixeron, polo que amaron, polo que serviron,
polos bens materiais, culturais, espirituais
que nos deixaron en herdanza.
Grazas, Deus noso,
polo respecto e agarimo que tiveron por ti,
e polo agarimo que ti tes por todas elas,
garantía do seu descanso eterno no teu seo,
porque ti, Deus noso,
es todo amor, todo perdón, e todo reconciliación.
Grazas, Deus noso,
que a memoria dos nosos defuntos
nos sosteña na nosa vida cristiá de cada día.
Acción

Seguro que neste día visitaremos o lugar onde repousan os nosos defuntos, para recordalos, para agradecelos, para gozar sabéndoos nas mans de Deus. Podemos fixarnos en tal ou cal aspecto deles máis orixinal e fermoso, para agradecelo especialmente e, no posible, imitalo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.