3 de novembro: Domingo 31º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Dt 6, 2-6. Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
2ª lectura: Heb 7, 23-28
Evanxeo: Mc 12, 28b-34
Nunha ocasión acercouse a Xesús un letrado e preguntoulle:
—¿Cal é o primeiro de todos os mandamentos?
Respondeu Xesús:
—O primeiro é: “Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza.” O segundo é este: “Amarás o teu prróximo coma a ti mesmo”. Non hai mandamento máis importante ca estes.
O letrado replicou:
—Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que Deus é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con toda a forza, e amar o próximo coma a un mesmo, é máis importante do que todos os holocaustos e sacrificios.
Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
—Non estás lonxe do reino de Deus.
Meditación
Nun momento de discusión de Xesús con persoas que se tiñan por moi entendidas en cousas de relixión, un letrado achégase a Xesús para lle preguntar algo que para os xudeus tiña a súa importancia, porque, no seu afán por convertelo todo en normas e preceptos, chegaran a facer un compendio de 613 que deberían cumprir para satisfacer a Deus. Nós non chegamos a tanto, pero temos que recoñecer que moitas veces discutimos, debatemos, de palabra ou por escrito, sobre mil cousas que teñen que ver tamén con ritos, normas, formas, credos, palabras,... Por iso, non está de máis que tamén aprendamos con Xesús a pousar os ollos e o corazón no esencial. Que é o esencial da nosa fe, da nosa condición de persoas cristiás? Que é aquilo que nos distingue coma tales?
En realidade, os xudeus tíñamo claro, e incluso claramente escrito no mandamento principal, que lembraban cada día na oración da mañá: “Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”. Ante a pregunta do letrado, Xesús non fai senón remitilo ao que de todos era ben sabido; iso si, se lle preguntan polo primeiro dos mandamentos, ao responder, sen que lle pregunten, contesta tamén advertindo sobre da igual importancia do que Xesús chama o segundo: “Amarás o próximo coma a ti mesmo”. Xesús non entende un sen o outro.
Está claro qué é o importante, o máis importante para Xesús. Está claro que é o importante, o máis importante para aqueles que pretendemos andar no seu seguimento. É importante subliñar a radicalidade coa que Xesús anuncia cada un deses dous mandamentos principais. A Deus é necesario amalo “con todo o corazón, con toda a alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”; é coma dicir, amalo con todas as posibilidades e recursos, físicos, psíquicos, sociais, do teu ser. Non é bo para a limpeza dese amor que nada quede excluído. Nada queda excluído cando o amor é potente, como nos pasa cando estamos namorados dunha persoa. E ao próximo é necesario amalo “coma a ti mesmo”, entendendo, en principio, cando non estamos danados por algún deterioro psíquico ou social, que o amor a un mesmo é ese algo case instintivo ao redor do cal se desenvolve con naturalidade a nosa actividade vital.
Certo que, aínda que as cousas parecen moi claras e moi sinxelas, os homes e mulleres de todos os tempos temos as nosas dificultades para entrar con pé dereito polo carreiro dos amores, do amor. Amar é unha arte, que precisa aprendizaxe e exercicio diario, para poder chegar a converterse no motor feliz da nosa vida. Xesús é experto e mestre nesa arte, moito máis ca en doutrinas de ningunha clase. O Evanxeo non é senón unha mostra viva de como Xesús entendía iso de amar, tanto a Deus coma a xente, nun mesmo é único movemento.
Como vivimos hoxe este mandamento básico do amor, como persoas e como comunidade cristiá? Que poderiamos facer para reforzarnos no amor a Deus, á xente, aos veciños/as? Que trampas hai que nos poden estar empuxando cara a ilusións, nas que dicimos amar a Deus, e sabe Deus a quen amamos, nas que dicimos estar amando á xente, e sabe Deus a quen amamos? Un criterio moi bo, aconsellado por Xesús, é, como vimos, que non desaparellemos nunca o amor do próximo do amor a Deus. E como se ama ao próximo sabémolo ben. Sabémolo ben especialmente en tempos de crise, de carencias, de desesperanzas. Outro criterio pode ser o de conxugar sempre un amor de compartir inmediato (tenrura, pan, apertas, esmolas, acompañamento...) cun amor responsable, estrutural, que axuda a situar a outra persoa ante a súa propia responsabilidade e que mira tamén polo cambio de sistemas sociais, políticos, económicos que con frecuencia son os causantes das necesidades que as persoas teñen.
Preces
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR,
PARA SER GRANDES NO AMOR.
Para amar a Deus con paixón e limpeza, como ti o fixeches. Oremos.
Para amar as persoas que nos rodean con desinterese e devoción. Oremos.
Para mellor servir a quen precisa de nós, sen esperar nada a cambio. Oremos.
Para amar loitando por cambiar as estruturas sociais inxustas, das que depende moito benestar da xente. Oremos.
Para nos sentir fondamente amados/as por ti, e así amar non por obriga, senón desde a experiencia de que o amor é o máis grande, o que de verdade nos dá respiro na vida. Oremos.
Oración
Sempre ao teu lado, Xesús,sempre ao teu lado,sempre aprendendo,sempre ti reconducíndonos ao esencial,onde se xogaa verdade de Deus en nós,a nosa verdade en Deus.Grazas!Por riba de leis e de normas,por riba de credos e de dogmas,está o amor;dísnolo con voz convencida,coa firmeza de quen ten experimentadoa humilde e fermosa grazade amar a fondo porque a fondo foi amado.Grazas!O camiño está trazado con limpeza,non hai lugar a dúbidas e enganos:amar, só amar, amar a presas,poñendo en xogo todo o mellor do ser humano.E andar co corazón na man a cada hora,deixando que o amor libere as nosas vidas:amar a Deus con formas espelidas,compartindo agudamente as dores de quen chora.Co nome de Deus fresco e san na boca,co nome sagrado de veciños e veciñascubrindo o amor co manto da xustiza,gardándonos a vida de ilusións ocas.Sempre ao teu lado, Xesús,sempre ao teu lado,sempre aprendendoGrazas!
Acción
A práctica relixiosa que temos lévanos de verdade a ser persoas agradables, respectuosas, colaboradores, servidoras do próximo? Podemos observalo en cousas concretas, tanto a nivel persoal como comunitario? Se non é así, está claro que o noso suposto amor por Deus é frouxo. Podo hoxe completar a miña participación na Eucaristía do domingo mirando algo por alguén que precise de axudas.
4 de novembro: Luns da 31ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 11, 29-36. Salmo: 68, 30-31. 33-34. 36-37
Ano 2: 1ª lectura: Flp 2, 1-4. Salmo: 130, 1. 2. 3
Evanxeo: Lc 14, 12-14
Nunha ocasión díxolle Xesús a un xefe dos fariseos que o invitara a comer:
—Ti, cando deas un xantar ou unha cea, non invites a xente amiga, irmáns, irmás, parentes ou veciños ricos; non sexa que esas persoas te recompensen convidándote tamén a ti. Cando deas un banquete, convida a xente pobre, eivada, coxa, cega; e será ditoso, porque non te poden recompensar; pera xa se che recompensará na resurrección dos xustos.
Meditación
En case todas as cousas da vida vivimos dando porque esperamos que nos dean: amamos porque esperamos ser amadas, traballamos porque esperamos ser pagadas, coopero con alguén porque espero que cooperen comigo cando me faga falla, pago impostos porque me van dar servizos públicos, e así moitas cousas. E bo é que polo menos funcionemos así; non lle falta certa lóxica a este tipo de comportamentos. Pero o certo é que isto de dar só cando espero que me dean, no fondo non deixa de agochar un importante egoísmo, unha especie de egoísmo colectivo.
Xesús, sempre tan provocativo, invítanos a ir máis alá desta lóxica, e ponnos ante o reto de dar cando non contamos que nos dean, de servir a quen non poderá facelo connosco, de facer calquera favor a quen non nolo poderá devolver. Xesús, sempre con tanta sabedoría espiritual, humana, prométenos que niso hai unha grande felicidade; facéndoo así, achegámonos, algo polo menos, a ese Deus todo gratuíto, co que bateremos cara a cara cando resucitemos no seu seo. A recompensa será ver e gozar desa aproximación vital ao Deus fonte de todo ben.
Oración
Que difícil é, Xesús,saírmos da lóxica tan racionalde dar esperando que me dean!Que difícil é, Xesús,apostar por vivir gratuitamentepoñendo en segundo plano o interese persoal!Que difícil é, Xesús,aproximarnos así ao ser de Deus,que fai saír o seu sol sobre persoas xustas e inxustas!Pero entendo, Xesús,que non é imposible,porque “somos da raza de Deus” (Feit 17,28),e polas nosas veas circulaesa chamada fonda a vivir dando e recibindo gratis.Que difícil é, Xesús,pero non imposible,que para Deus nada hai imposible.
Acción
Podemos dispoñernos a facer algo de forma totalmente gratuíta, sen esperar que se nos devolva en nada o favor. Probemos a vivir algo ao estilo de Xesús.
5 de novembro: Martes da 31ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 12, 5-16a. Salmo. 130, 1. 2. 3.
Ano 2: 1ª lectura: Flp 2, 5-11. Salmo: 21, 26b-27. 28-30a. 31-32
Evanxeo: Lc 14, 15-24
En certo momento, unha das persoas convidadas a un xantar díxolle a Xesús:
—Feliz quen coma no banquete do reino de Deus.
Xesús contestoulle:
—Unha vez unha persoa deu unha grande cea e convidou a moita xente. Así que chegou a hora, mandou un criado para que avisase as persoas convidadas, dicíndolles: “Vide xa, que está todo preparado”. Pero todo o mundo empezou a escusarse. Unha das persoas invitadas dixo: “Merquei unha leira e teño que a ir ver; por favor, descúlpame”. Outra dixo: “Merquei cinco xugadas de bois e teño que probalas; descúlpame, por favor”. Outra dixo: “Acabo de casar e non podo ir”.
Volveu o criado e contoulle todo isto ao amo. Entón o dono da casa, moi molesto, mandoulle ao seu criado: “Pois vai correndo ás prazas e rúas da vila e tráeme para acá a xente pobre, impedida, coxa e cega.
O criado díxolle: “Xa está feito o que mandaches e aínda hai sitio”. Entón o amo mandoulle: “Vai polos camiños e corredoiras e insístelle á xente para entrar, ata que se encha a miña casa; e asegúrovos que ningunha das persoas convidadas probará a miña cea”.
Meditación
Dúas cousas chaman moito a atención neste relato. Por unha parte está a persistencia da persoa que invita a unha gran cea; está empeñada en que a xente veña, coma, festexe, goce, teña unha experiencia fonda de encontro, de abundancia, de vida, de festa. A invitación empeza, polo que se ve, por xente ben situada en cartos e amores; logo esténdese a xente marxinal que vive e anda polos núcleos de poboación; e ao final a urxente invitación chega a xente totalmente marxinal, que nin sequera ten o acomodo de vivir ou malvivir nunha aldea, e anda polos camiños, como xente refuxiada ou emigrante. A invitación persistente vaise estendendo cara ao máis baixo, cara ao máis fráxil, cara ao máis irrelevante. Así fai Deus. Como se o mesmo Deus fose aprendendo que é no máis marxinal onde máis caso se lle fai ao seu ofrecemento de vida e de fartura.
E a segunda cousa que chama a atención é o desinterese da xente por esa invitación de quen ofrece o banquete. Todo son escusas, todo son supostas ou reais compromisos que poden xustificar a ausencia. Canto custa encher a mesa do reino de Deus! O problema non é que non nos chegue a invitación; o problema é que, cando nos chega, sempre atopamos razóns para esquivala.
No banquete do reino de Deus os manxares son múltiples e saborosos. Todo o que sabe a humanidade forma parte dos manxares do reino de Deus.
Oración
Grazas por invitarme, meu Deus,ao banquete da vida,ao banquete da solidariedade,ao banquete da irmandade real e compartida.Grazas por ser un Deus de portas abertas,sempre, sen límites nin distincións,para que ninguén nunca quede excluído.Grazas por facer de nóscolaboradoras túaspara realizar na historia de cada díao teu grande banquete da irmandade.Grazas por nos urxir a saír polos camiños da vidae buscar a xente máis precisadada abundancia fraterna que ti nos prometes.Que as nosas resistencias, meu Deus,non afoguen os teus soños de irmandade.
Acción
Seguro que hoxe mesmo dalgunha maneira nos vai chegar de parte de Deus algunha invitación a participar na mesa da irmandade de Deus. A ver se estamos en vela, para poder acudir e non escusarnos.
6 de novembro: Mércores da 31ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 13, 8-10. Salmo: 111, 1-2. 4-5. 9
Ano 2: 1ª lectura: Flp 2, 12-18. Salmo: 26, 1. 4. 13-14
Evanxeo: Lc 14, 25-33
Nunha ocasión volveuse Xesús cara á moita xente que o acompañaba e díxolle:
—Se alguén vén onda min e non é persoa disposta a deixar en segundo lugar o seu pai e a súa nai, a muller, o home e máis os fillos ou fillas, os irmáns e as irmás, e incluso a súa propia vida, non pode ser discípulo ou discípula miña. Quen non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo ou discípula miña.
Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga risa del, dicindo: “Este empezou a construír e non deu rematado”.
Ou ¿qué rei, que sae á guerra contra outro, non senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.
Pois así, quen de vós non renuncie a todo o que ten, non pode ser discípulo ou discípula miña.
Meditación
Non se trata de desprezar a familia ou a propia persoa. Ambas, familia e persoa, son realidades que forman parte da nosa existencia, querida así por Deus. Trátase de ver cal é o nervio que unifica e potencia a nosa vida de cada día. Trátase de ver onde se asenta a nosa vida, onde atopa sentido e luz. Xesús dinos que, se queremos ser persoas que gocemos da súa compaña, do seu alento, daquela é necesario estar dispostas a dicir que non a certas esixencias familiares que non vaian co de Xesús; igual que é necesario estar dispostas a romper coas propias apetencias, con aqueles afáns persoais que nos distancien do seguimento de Xesús. Isto pódenos parecer duro, pero non deixa de ser unha condición de madurez que noutros campos da vida tamén o consideramos necesario. É a cruz coa que é necesario cargar cando queremos ser coherentes coas nosas opcións. A molicie, a brandura, non vale para facer persoas consistentes, nin seguidoras ou seguidores de Xesús consistentes.
Oración
Quero madurar ao teu lado, Xesús.Quero vincularme fondamente a tidesde a atracción, desde o encanto,non desde a simple obriga de coherencia.Quero que o teu Espírito entre a fondo en minme traballe por dentro e por fórae me faga capaz das maiores fidelidadescoa maior normalidade e humildade.Quero madurar ao teu lado, Xesús,ao lado tamén das tarefas domésticas,do trato familiar coidadoso,dos servizos á comunidade veciñal, ao pobo,da participación social, política.Grazas polo teu acompañamento permanente.
Acción
Encontrámonos nalgún aperto, nalgunha disxuntiva, entre vivir como persoas cristiás na vida e manter algunhas opcións persoais a nivel familiar, social, político? ¿Podemos dar algún paso á luz deste evanxeo de Xesús? Seguro que si.
7 de novembro: Xoves da 31ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 14, 7-12. Salmo: 26, 1. 4. 13-14
Ano 2: 1ª lectura: Flp 3, 3-8a. Salmo: 104, 2-3. 4-5. 6-7
Evanxeo: Lc 15, 1-10
Naquel tempo os publicanos e a xente pecadora achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e mestres da Lei murmuraban, dicindo:
—Este acolle a xente pecadora e come con ela.
Entón Xesús contoulles esta parábola:
—¿Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa, con ela ao lombo; e, chamando pola xente amiga e veciña, dilles: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera”. Pois eu tamén vos aseguro que haberá máis alegría no ceo por unha persoa pecadora que se converta que por noventa e nove xustas que non precisen conversión.
E ¿qué muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E, cando a atopa, chama pola xente amiga e veciña para lles dicir: “Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida”. Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos de Deus por unha soa persoa pecadora que se converta.
Meditación
Parábolas exclusivas de Lucas que nos sitúan no centro da experiencia relixiosa cristiá. Así é o Deus de Xesús, así é Xesús mesmo: o pastor que sae tras da perdida, busca ata atopala, e cando a atopa goza e comparte os seus gozos; a muller que acende a luz, varre, remexe na procura da moeda perdida, ata que a atopa, gózase por iso e comparte coa veciñanza a súa ledicia. Así é Deus, así é Xesús. E dentro desa realidade estamos metidas todas e todos nós. E estámolo sendo obxecto desa busca apaixonada de Deus. En algo somos sempre persoas perdidas, obxecto de busca, motivo de gozo, motivo de festa. E estámolo tamén recibindo a invitación de Deus, de Xesús, a sermos nós tamén pastor e muller que se erguen e saen, que dispoñen todos os medios necesarios para atopar o perdido, e poder logo festexar comunitariamente pola recuperación da xente. E todo isto sen ningún aire de superioridade paternalista; simplemente desde un sentido fondo de irmandade. En comunidade facémonos, recuperámonos, gozámonos, construímonos ao gusto de Deus, que así nos quere.
Oración
Grazas, meu Deus,porque andas tras mincon ollada tenra e respectuosa.Grazas porque che intereso,porque ocupo un lugar no teu corazóne velas e desvelas por mor miña.Grazas porque te apenas cos meus fracasose te aledas cos meus éxitosmedidos coa vara da fraternidade.Grazas porque me fas motivo de festapara toda a comunidade,motivo de festa e de esperanza.Grazas porque me invitas a andar contigopolos camiños da solicitude solidaria,sen aires de chulería, humildemente.Grazas, meu Deus, grazas.
Acción
É algo arriscado, pero igual podiamos pensar nalgunha persoa a quen vexamos algo perdida, algo desalentada, algo equivocada, e, con todo o respecto e agarimo do mundo, achegarnos a ela, falar, ver de entendela, ver como axudala. Paga a pena.
8 de novembro: Venres da 31ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 15, 14-21. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: Flp 3, 17—4,1. Salmo: 121, 1-2. 3-4a. 4b-5
Evanxeo: Lc 16, 1-8
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: “¿Qué é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido”.
O administrador púxose a cavilar: “¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa”.
Vaise e chama por cada un dos debedores do seu amo, e pregúntalle ao primeiro: “¿Ti canto lle debes ao meu amo?” El respondeulle: “Débolle cen bocois de aceite”. El díxolle: “Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta”. Despois preguntoulle ao segundo: “¿Ti canto debes?” Respondeulle: “Debo cen ferrados de trigo”. Díxolle el: “Pois colle o teu recibo e escribe oitenta”.
O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia coa que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
Meditación
Na Igrexa –tamén na sociedade civil— estamos en tempos de certa desfeita; as cousas non van ben, como tampouco lle ía ben a facenda do home rico da parábola de Xesús. Oímos dicir por un lado e outro: se as cousas non van ben, e queres ter resultados distintos, debes empezar a facer cousas distintas. É dicir, debes poñer intelixencia, astucia, mañas –sempre lexítimas— para que as cousas funcionen e poidas chegar ao que aspiras, que no noso casa é ter unhas comunidades cristiás vivas ao servizo dunha sociedade xusta e irmandada en todo. Sentar, cavilar, ensaiar, revisar, todo con astucia da boa. E, seguramente, antes, no medio e despois de todo iso, simplificar o corazón e a vida, baleirarnos de mil historias, e deixar que o Espírito de Deus nos colla por fóra e por dentro, como facía Xesús, para sermos de verdade fillos e fillas da luz.
Oración
Cantas veces non sabemos que facer, meu Deus!Témoste a ti como inmensa riqueza nas mans,e non sabemos que facer contigo,nin co teu Espíritoque tan ben guiou os pasos de Xesús de Nazaré.O Pan volveuse balorento nas nosas mesas.As nosas palabras volvéronse acedas.E a cantas persoas lles feden a pasado e cansoas nosas comunidades!Será posible botar viño novo en pelellos vellos?Ou mendar un vestido vello cun mendo novo?Será posible darlle paso á astucia, á ousadía no teu nome?Nas túas mans nos poñemos, meu Deus.Ti pódelo todo.
Acción
Se nos paramos a pensar, seguro que atoparemos algún aspecto da nosa vida persoal, comunitaria, social, que nos está pedindo astucia, iniciativa, creatividade, para reparalo, para avivecelo. Probemos niso a ser fillos e fillas da luz.
9 de novembro: Festa da dedicación da basílica de Letrán
1ª lectura: Ez 47, 1-2. 8-9. 12. Salmo: 45, 2-3. 5-6. 8-9
Evanxeo: Xn 2, 13-22
Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os vendedores de bois, ovellas e pombas, e máis os cambiadores de cartos, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordeis, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; e aos cambiadores guindoulles os cartos e arreboloulles as mesas; e aos que vendían pombas díxolles:
—Arredade isto de aquí, non convertades nun negocio a casa do meu Pai.
Os seus discípulos lembráronse de que estaban escrito: O celo da túa casa devórame. Pola súa parte os xudeus preguntáronlle:
—¿Qué sinal nos amosas para faceres estes feitos?
Respondeulles Xesús:
—Derrubade este templo e erguereino en tres días.
Replicáronlle os xudeus:
—Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?
Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, os seus discípulos lembraron o que dixera e creron na Escritura e na palabra que dixera Xesús.
Meditación
A basílica de Letrán, dedicada ao Salvador e a san Xoán Bautista e san Xoán evanxelista, data do ano 324, pero foi refeita en diferentes momentos da historia. É a catedral do bispo de Roma, é dicir, do mesmo Papa, e por iso está considerada como nai e cabeza de todas as igrexas do mundo. Festexar a súa existencia quere dicir sobre todo sentirnos parte dunha Igrexa universal, que no Papa ten a alguén que potencia a súa unidade e a súa diversidade ao mesmo tempo. O verdadeiro centro da comunidade cristiá universal nin o é o Papa, nin menos aínda unha construción, por moi fermosa que esta sexa; o verdadeiro centro da Igrexa éo Xesús, o Cristo, o seu corpo morto de amor e resucitado, fielmente representado nos corpos rotos de tanta xente vulnerable como hai polo mundo adiante. Pesa sobre a Igrexa de Letrán, e sobre calquera das nosas catedrais e igrexas pequenas, a severa advertencia de Xesús: “Non convertades nun negocio a casa do meu Pai”. Convertédea non nun negocio, senón nun espazo de ocio, de gratuidade, de gozo, de acollida, onde calquera debilidade atope no posible remedio e conforto.
Oración
Perdón, meu Deus,polas veces que construímos templossobre a suor e o sangue dun pobo enfraquecido.Perdón, taménpolo boato de tantas grandes cerimoniasexentas de tenrura cara á xente aflixida.Perdón, meu Deus,por ter negociado tantas veces coa piedade da xente,vendéndolle o que ti gratuitamente donas.Perdón, meu Deus,por termos templos e non frecuentalos,para honrar comunitariamente o teu santo nome.Perdón por mirar, se miramos, polos templos de pedrae despreocuparnos da vida da comunidadereunida ao redor do corpo morto e resucitado de Xesús.
Acción
¿Cómo vivimos a nosa pertenza á Igrexa? ¿Participamos nas celebracións dominicais para vivir en comunidade cristiá? ¿En algo entramos niso de negociar coas cousas da fe, con cura ou sen cura polo medio, intentando mercar con cartos os agarimos de Deus? Seguro que haberá cousas nas que podemos mellorar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.