12 abril, 2019

Xoves Santo

Deixarse lavar os pés

"Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
   - Señor, vasme lavar os pés ti a min?
Xesús respondeulle:
   - O que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
   - Ti non me lavaras os pés a min endexamais". (Xn 15,6-8a).
  • Deixarte lavar os pés por Xesús, pola xente, é deixarte aloumiñar e querer por Deus, pola xente.
  • Deixarte lavar os pés é deixarte coidar por Deus, pola xente.
  • Deixarte lavar os pés é ter conciencia da túa sucidade, do teu pecado, da túa debilidade.
  • Deixarte lavar os pés é aceptar agradecido/a as críticas e correccións dos demais.
  • Deixarte lavar os pés é querer medrar no ben, na bondade, na liberdade.
  • Deixarte lavar os pés é aceptar que todos/as precisamos de todos/as.
  • Deixarte lavar os pés é participar na alegría da xente pobre e débil.
  • Deixarte lavar os pés é gozar sentíndote digna/o da atención dos demais.
  • Deixarte lavar os pés é entender que o mellor da vida é o servizo.
  • Deixarte lavar os pés é tomar conciencia, con humildade, da propia dignidade.
  • Deixarte lavar os pés é ver o moito que vales aos ollos de Deus e da xente.
  • Deixarte lavar os pés é admitir a irmandade como sistema de vida.
  • Deixarte lavar os pés é dar e recibir confianza.
  • Deixarte lavar os pés é admitir que somos familia, comunidade.
  • Deixarte lavar os pés é vivir en constante agradecemento.
  • Deixarte lavar os pés é algo revolucionario.
  • Deixarte lavar os pés é o primeiro mandamento dunha relación sá con Deus.
  • Deixarte lavar os pés é máis difícil que lavarlle os pés á demais xente.

"Xesús respondeulle:
   - Se non te lavo, non terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
   - Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza" (Xn 13, 8b-9).

Xoves Santo

Lavar os pés

"Logo, se eu o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros" (Xn 13,14).

  • Lavar os pés é amar o veciño, a veciña.
  • Lavar os pés é acoller e respectar, coa palabra, cos feitos.
  • Lavar os pés é pensar nos demais con ideas de ben.
  • Lavar os pés é comprender e perdoar.
  • Lavar os pés é facer nosas as penas e bágoas da xente que nos rodea.
  • Lavar os pés é servir, axudar, colaborar.
  • Lavar os pés é dar do que é dun para que medre o que é común.
  • Lavar os pés é visitar o obsequiar o veciño, a veciña.
  • Lavar os pés é xuntarse, unirse, organizarse, asociarse, para solucionar mellor os problemas do pobo.
  • Lavar os pés é falar, compartir as ideas, a vida, os traballos, as ilusións.
  • Lavar os pés é dar da propia alegría para que medre a alegría de todos e todas.
  • Lavar os pés é renunciar á propia comodidade para aliviar o cansazo alleo.
  • Lavar os pés é coñecer e recordar os nomes da xente e envolver no amor os seus pasos todos.
  • Lavar os pés é gravar a vida do irmán ou irmá no propio corazón.
  • Lavar os pés é dicirlle a quen nos acompaña: quérote, quérote ata a fin.
  • Lavar os pés é inclinarse humilde e reverente ante a súa sucidade e, sen máis, simplemente, lavarlle os pés.

"Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós" (Xn 13, 15).


11 abril, 2019

Semana Santa




SEMANA SANTA


             Desde as orixes do cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.
            Desde o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o misterio da súa resurrección.
            Non é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.
            A vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á xente.
            Quizais estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns. 

02 abril, 2019

Tempo de Coresma: 5ª semana




  
7 de abril: domingo 5º de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 1-11 
Nunha ocasión Xesús retirouse para o monte das Oliveiras. Pero á alborada presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; Xesús sentou e empezou a ensinar. Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio, puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
            —Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Na lei de Moisés mándasenos apedrar as adúlteras. ¿Ti que dis?
Preguntábanllo a mala fe, para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
            —Quen de entre vós non teña pecado que lle tire a primeira pedra.
E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou Xesús só coa muller, que seguía no medio de pé. Ergueuse entón Xesús e preguntoulle:
            —Muller, ¿onde van os que te acusaban? ¿Ninguén te condenou?
Ela respondeu:
            —Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:  
            —Tampouco eu non te condeno; vaite e dende agora non peques máis.