16 agosto, 2023

Tempo Ordinario: 20ª semana



20 de agosto: Domingo 20 do tempo ordinario

1ª lectura: Is 56, 1. 6-7. Salmo. 66, 2-3. 5. 6 e 8.
2ª lectura: Rom 11, 13-15. 29-32.

Evanxeo: Mt 15, 21-28

Nunha ocasión Xesús foi para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:
—“Compadécete de min,Señor, Fillo de David; a miña filla está atormentada por un demo.”

Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogáballe;
—“Despídea, que vén berrando detrás de nós.”

El contestoulles:
—“Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.”

Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:
—“Señor, váleme!”

El respondeulle:
—“Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.”

Pero ela contestou:
—“Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.”

Entón respondeulle Xesús:
—“Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!”

E a súa filla ficou sa naquela hora.

10 agosto, 2023

Tempo Ordinario: 19ª semana



13 de agosto: Domingo 19 do tempo ordinario

1ª lectura: 1Re 19, 9a. 11-13a. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14.
2ª lectura:Rom 9, 1-5.

Evanxeo: Mt 14, 22-33

Despois de que a multitude comera a fartar, de seguida mandou Xesús aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda do mar, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.

E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar. Cando os discípulos o viron camiñar polo mar, dicían asustados:
—É unha pantasma.

E, cheos de medo, empezaron a berrar.

Deseguida faloulles Xesús dicindo:
—“Tranquilo, que son eu. Non teñades medo.”.

Respondeulle Pedro:
—“Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.”

El díxolle:
—“Ven.”

Baixou Pedro da barca e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo e, cando empezou a afundirse, púxose a berrar:

—“Señor, sálvame!”

Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
—“Home de pouca fe, por que dubidaches?

Ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el dicindo:
—“Realmente ti es Fillo de Deus.”

03 agosto, 2023

Tempo Ordinario: 18ª semana

  


6 de agosto: festa da Transfiguración do noso Señor

1ª lectura: Dan 7, 9-10. 13-14. Salmo 96, 1-2. 5-6. 9.
2ª lectura: 2Pe 1, 16-19.

Evanxeo: Mt 17, 1-9

Nunha ocasión colleu Xesús a Pedro, a Santiago ea Xoán seu irmán, e subiu con eles sos a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el.

Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús: Farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.

E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
—Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.

Ao escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús achegándose, tocounos e díxolles:
—Erguédevos, non teñades medo!

E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
—Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.

27 xullo, 2023

Tempo Ordinario: 17ª semana



30 de xullo: Domingo 17 do tempo ordinario.

1ª lectura: 1Re 3, 5. 7-12. Salmo: 118, 57 e 72. 76-77. 127-128. 129-130.
2ª lectura: Rom 8, 28-30.

Evanxeo: Mt 13, 44-52 (ou lectura breve: Mt 13,44-46)

Unha vez díxolle Xesús á multitude:
—“O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; a persoa que o atopou vólveo agachar e, chea de alegría, vai e vende canto ten e merca aquela leira.

Tamén se parece o Reino dos Ceos a un negociante que anda á procura de perlas finas; en atopando unha de gran valor, foi e vendeu canto tiña e mercouna.”