27 decembro, 2016

1 de xaneiro: solemnidade de Santa María


Evanxeo: Lc 2, 16-21

Comentario:

Na celebración de hoxe, 1 de xaneiro, xúntanse varias cousas moi importantes: hoxe empeza un ano novo, o 2014, cousa que sempre nos conmove dunha maneira algo especial; hoxe é a Xornada Mundial da Paz, entendida non só coma vivencia persoal sinxela e fonda, senón tamén como ausencia de conflitos armados, nos que con tanta frecuencia morre moita xente e da máis débil e inocente da sociedade. E, a maiores, a liturxia segue axudándonos a entrar na fondura do misterio de vida que celebramos no Nadal, e para iso proponnos que reparemos especialmente en María de Nazaré, mamá de Xesús, da que tantas cousas sinxelas e auténticas podemos agradecer, celebrar e aprender.

23 decembro, 2016

Cousas do Nadal (II)

CREO EN TI, NENO DE BELÉN


Creo en ti, Xesús,
neno de Belén,
nacido de Xosé e de María,
como un de tantos,
traído e levado
desde o primeiro momento
polo Espírito de Deus,
e por iso mesmo,
fillo benquerido de Deus:
marea viva de solidariedade universal.

Creo en ti, Xesús,
neno de Belén,
que intentas xurdir
desde as miñas entrañas,
desde as entrañas por igual
de todos os homes e mulleres do mundo,
na medida cativa das nosas permisividades,
na medida sen medida dos teus desexos:
nenos no neno,
deuses en Deus
nun camiño de unidade
áspero e gozoso a un tempo.

Cousas do Nadal (I)

UN NENO NACEU NA ALDEA


Naceu un neno na aldea,
ai, que contento!,
é unha festa ver nacer
nenas e nenos.


Belén de Begonte
É labrega a súa nai,
dinlle María,
fiel a Deus e fiel á xente,
día tras día.

Labrego é o seu pai,
dinlle Xosé,
honrado cal non hai outro,
home de fe.

E cando naceu o neno,
naceu a luz,
naceu a paz, a alegría,
naceu Xesús.

Pois tal nome lle puxeran
os seus papás,
contaxiando cos seus soños
a aquel rapaz.

do 17 de decembro de 2016 ao 18 de febreiro de 2017


Lecturas:

  • TORRES QUEIRUGA, A., Recuperar a creación. Por unha relixión humanizadora. SEPT, 1996,
-- Deus crea por amor (Cap. II, páxs. 69-91)
-- Moral e teonomía (Cap. IV, páxs. 163-200)
  • LOUIS EVELY, Tú me haces ser. Sal Terrae.1990.