28 marzo, 2017

2 de abril: Domingo 5º de Coresma (A)


Evanxeo: Xn 11, 1-45

Comentario:

Antes de nada, empecemos reparando na humanidade de Xesús que se deixa ver neste relato evanxélico: había un home, Lázaro, a quen Xesús quería moito; tamén lles quería moito ás súas irmás, Marta e María; ía visitalos, comía con eles tres, conversaba con elas; cando soubo da morte de Lázaro sentiuno moito, saloucaba, chorou por el, ... Un Xesús normalmente humano, que vivía e sentía as cousas da vida como nós as podemos sentir, e seguro que con moita máis fondura. Este é Xesús, o noso Xesús, o teu Xesús, o meu Xesús, que, na fe, quere establecer con todos e cada un, cada unha, de nós unha relación íntima, unha relación de amigo, para desde aí abrirnos o seu corazón e compartir connosco toda a vida que levaba dentro de si, que era moita. Nunca valoraremos abondo os feitos de trato e consideración coa xente, de convivencia cálida cos veciños e veciñas, con amigos e amigas. Neses intercambios normais da vida de cada día está fluíndo entre nós a graza e a bendición de Deus.

21 marzo, 2017

26 de marzo: Domingo 4º de Coresma (A)


Evanxeo: Xn 9,1-41

Comentario:

Estamos ante un texto no que o evanxelista Xoán presenta unha catequese sobre Xesús coma luz das nosas vidas. É un evanxeo longo, pero precioso; paga a pena que busquemos tempo para lelo con calma, deixándonos enchoupar pola forza, pola vida que del deita. Incluso, podendo, estaría moi ben facer unha lectura dialogada, mesmo dramatizada, do mesmo; gañaría aínda máis en viveza e expresividade.

15 marzo, 2017

19 de marzo: Domingo 3º de Coresma (A)

Evanxeo: Xn 4, 5-42

Comentario:

Lemos hoxe o evanxeo chamado da Samaritana, porque narra un encontro de Xesús cunha muller de Samaria a carón dun pozo a onde Xesús, canso e sedento, se achegara para beber algo. Tradicionalmente foi un relato moi apreciado polas comunidades cristiás. Durante a Coresma, por exemplo, os catecúmenos (homes e mulleres adultas que se preparaban para o bautismo na noite de Pascua) ían recibindo catequeses sobre a presenza e significado de Xesús para as súas vidas. Neste Ciclo A, no que estamos, recupérase algo esa tradición, e durante estes tres domingos antes do domingo de Ramos, lemos os textos do evanxelista Xoán, que servían de base para esas catequeses: o evanxeo da Samaritana (Xesús coma auga que mata a sede das nosas vidas), o evanxeo do cego de nacemento (Xesús coma luz que alumea as nosas vidas) e o evanxeo de Lázaro (Xesús coma vida que nos colma de vida). Todos tres son relatos figurados, non exactamente históricos, construídos coma catequeses para explicar o significado que para as nosas vidas ten, pode ter, atoparnos con Xesús e deixarnos afectar e conmover por el.

07 marzo, 2017

12 de marzo: Domingo 2º de Coresma (A)


Evanxeo: Mt 17,1-9


Comentario:

Na Coresma estamos invitados/as a facer un camiño de acompañamento a Xesús nas súas opcións, nas súas experiencias de vida, no seu estilo de vida, que o foron levando cara a unha situación de conflito coas autoridades relixiosas e civís do seu tempo; e este conflito acabou na morte violenta de Xesús por parte desas autoridades: era evidente que Xesús molestaba para quen quería montar o seu poder sobre o abuso da xente, desinteresándose do respecto polas persoas, deixando de lado aos máis débiles, pobres e pecadores/as da sociedade. Xesús mantívose fiel, ata a morte; amou ata o extremo, non recuou, por fidelidade a Deus e por fidelidade ao pobo a quen Deus tanto amaba. E Deus sentiuse compracido nesta fidelidade de Xesús, aínda que non lle fixese ningunha graza a morte do seu Fillo, como non lle fai ningunha graza a morte, o encollemento, o desprezo de ningún dos seus fillos e fillas que somos nós.