mércores, 27 de xuño de 2012

1 de xullo: Domingo XIII do Tempo Ordinario (B)

Evanxeo: Mc 5, 21-43
 
Comentario:
 
     Volvemos a unha lectura máis ou menos continuada do evanxeo de Marcos, para con el ir acompañando as nosas vidas no que teñan de ordinario e no que teñan de algo excepcional. De entrada, resulta marabilloso contemplar a este Xesús que cruza mares –lagos— e anda camiños envolto sempre entre a xente; foi, sen dúbida, unha opción “pastoral” del, era o seu estilo, ben distinto, por exemplo, do de Xoán Bautista, que optara por retirarse cos seus a lugares apartados, onde a xente, si quería, podería acudir. Xesús positivamente buscou estar coa xente, mesturado con ela, rozándose con ela, como queda ben de manifesto no evanxeo de hoxe. Esa era a maneira de que a alegría e os problemas da xente fosen tamén o seu pan de cada día; así, responder a esa alegría e a eses problemas, coa súa fonda forza de vida e de liberdade, converteuse tamén na súa principal tarefa diaria. Agora que tanto falamos e oímos falar de “nova evanxelización”, non estaría de máis volver a esta estratexia evanxelizadora de Xesús, de andar os camiños cada día coa xente do pobo.

luns, 25 de xuño de 2012


Crónica do encontro en Sobrado.
Manolo Regal

     Como vén sendo habitual, tamén este ano 2012 rematamos o curso da Escola de Espiritualidade cunha xuntanza sosegada no Mosteiro de Sobrado, lugar onde naceu a Escola xa hai unha boa presa de anos. Por suposto que a escolla do lugar é sempre intencionada: un espazo sereno, tranquilo, a posibilidade de tempos lentos de oración, de reflexión, de conversa, a participación na oración da comunidade monástica, etc., convértese en algo especialmente buscado e querido por cantos alí cada ano nos xuntamos.

mércores, 20 de xuño de 2012

24 de xuño: Festividade de San Xoán Bautista


Evanxeo: Lc 1, 57-80

Comentario:

     O domingo pasado retomaramos o “tempo ordinario” na liturxia, e con el a lectura continuada do evanxeo de Marcos. Neste domingo dáselle preferencia á festividade de Xoán Bautista sobre o domingo ordinario. Xoán Bautista foi un personaxe que, xa desde os primeirísimos tempos do cristianismo, recibiu toda a consideración por parte da Igrexa. O seu parentesco con Xesús, o seu estilo de vida austero, disidente, provocativo, profético, a súa tarefa de anuncio dos novos tempos de Deus, o feito de ser “pai espiritual” de Xesús durante unha etapa importante da vida deste, deixou uns trazos poderosos na conciencia cristiá que os mesmos evanxeos reflicten, aínda que tamén os reconducen en función dos seus intereses teolóxicos. O feito de que entre nós moitas parroquias teñan por patrón a Xoán Bautista fálanos tamén deste tradicional recoñecemento e admiración polo santo que hoxe veneramos.

martes, 19 de xuño de 2012


Pasos para un Novo Éxodo
Santiago González Avión

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
- O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos e crede na Boa Nova. Mc 1, 14-15

Os anos das vacas gordas

A volta de dous anos, o faraón tivo un soño. Soñou que se atopaba á beira do Nilo.
Da beira do río subían sete vacas ben feitas e cebadas, e púñanse a pacer xuncos. Ex. 41, 1-2

Podíamos seguir polo camiño que levábamos?

Leo textualmente no informe de WWF - Adena, no seu Informe Planeta Vivo 2012, que veño de recibir no meu correo electrónico:

xoves, 14 de xuño de 2012

17 de xuño: Domingo XI do Tempo Ordinario (B)


Evanxeo: Mc 4, 26-34

Comentario:


     Despois do tempo especial da Coresma e da Pascua, e despois tamén das festas da Trindade e do Corpo e Sangue de Cristo, volvemos ao que na linguaxe litúrxica se chama “tempo ordinario”. É o tempo normal, poboado polas circunstancias normais que compoñen a nosa vida, cos imprevistos que sempre nos poden chegar, no que imos sustentando a nosa existencia, a nosa vida, o noso compromiso, no recordo de Xesús. Ese recordo chéganos entre outras cousas pola lectura continuada dun Evanxeo, neste caso do Evanxeo de Marcos; invítasenos a lelo, meditalo, traballalo pacientemente, comunitariamente se podemos, para sacarlle toda a forza de vida que no Evanxeo sen dúbida se nos ofrece. Así, vida diaria e Evanxeo seguido, poden sosternos pacientes e valentes para a vida. Non está de máis máxime tendo en conta os tempos que corren.

martes, 5 de xuño de 2012

10 de xuño: Festa do Corpo e do Sangue de Cristo


Evanxeo: Mc 14, 12-16. 22-26

Comentario:

     Esta festa do Corpo e do Sangue de Xesús non deixa de ser unha reprodución ou repetición da festa do Xoves Santo, na que conmemoramos a derradeira cea ou cea de despedida de Xesús cos seus discípulos e discípulas, ao abeiro da cea pascual que naquel mesmo día ou ao día seguinte celebraba o pobo xudeu. Esta festa empezou a celebrarse na Igrexa no século XIII, espallouse xenerosamente por moitos países, e en España tivo e ten aínda unha importancia considerable. O acento característico da festa do Corpo e do Sangue de Xesús consiste en resaltar a presenza real de Xesús Cristo no pan e no viño da celebración eucarística, e en fomentar a devoción e adoración a esta presenza.