mércores, 30 de marzo de 2016

3 de abril: Domingo 2º de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 20,19-31

Comentario:

Os evanxeos, os textos bíblicos en xeral, das semanas que seguen á Pascua, axúdannos a ir remoendo, pouquiño a pouco, a densidade humana, espiritual que se realiza na resurrección de Xesús, para el mesmo e para os discípulos e discípulas que o seguían daquela e que o seguimos agora.

mércores, 23 de marzo de 2016

Domingo de Pascua

DE PASCUA CON MARÍA MADALENA

(sobre Xn 20, 11-18)

Muller, porque choras?,
díxolle o anxo á Madalena
que entraba e saía sen deixar de chorar.

27 de marzo: Domingo de Pascua


Evanxeo: Vixilia Pascual: Lc 24, 1-12. 
                    Día de Pascua: Xn 20, 1-9.

Comentario:

Ningún evanxelista narra a resurrección de Xesús en si, como narraron outros acontecementos vividos por Xesús. Ninguén o viu, para o poder narrar. O que si nos transmiten os catro evanxelistas son circunstancias ao redor da resurrección, experiencias sobre da mesma, conviccións, modos de acceso a esa experiencia, consecuencias dunha fe na resurrección de Xesús, que é o que realmente lles interesaba transmitir. Todo rodeado dunha linguaxe simbólica, moi suxestiva, que apunta ao fundamental: a experiencia de encontro con Xesús resucitado como factor de relanzamento dunha vida de seguimento no que el dixera e vivira.

Pregón Pascual 2016


Amigos e amigas, compañeiros e compañeiras,
cando é noite, noite pecha,
como locen as veliñas,
como aledan,
como brincan no ar con inocencia,
como fenden a negrura que as rodea!
Así Cristo entre nós, irmás queridas,
así Cristo entre nós, irmáns queridos,
luz e lume,
calor, vigor e fortaleza.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA
CRISTO ÉA NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA FESTA.

martes, 22 de marzo de 2016

25 de marzo: Venres Santo



CELEBRACIÓN DA PAIXÓN E MORTE DO NOSO SEÑOR XESUS CRISTO

(Empezamos presentando as catro partes das que se compón a celebración de hoxe, despois da introdución: Liturxia da Palabra, Pregaria universal, Adoración da Santa Cruz e Comuñón.)

0.-Introdución

Recollémonos en comunidade, diante de Deus, diante de Xesús morto na cruz. A morte sempre é algo digno de moito respecto, de agarimo, de agradecemento; a morte de Xesús tamén o é, e dunha maneira moi excepcional: Xesús, o fillo de Deus, sempre buscando servir e agradar a Deus, sempre buscando servir e agradar á xente máis débil, máis marxinada, máis pecadora…, Houbo xente que quixo acabar con el e coas súas ideas, e co seu estilo de vida tan de irmán. Matárono, e hai nisto un misterio grande de maldade que nos envolve a todos e todas, pero sabemos que Deus recolleuno na súa vida para sempre, e hai aquí tamén un misterio grande de vida e de salvación que a todos e todas nos alcanza..

luns, 21 de marzo de 2016

Xoves Santo

Lavar os pés

"Logo, se eu o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros" (Xn 13,14).

Xoves Santo

Deixarse lavar os pés

"Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
   - Señor, vasme lavar os pés ti a min?
Xesús respondeulle:
   - O que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
   - Ti non me lavaras os pés a min endexamais". (Xn 15,6-8a).

Xoves Santo


Oración da noite, acompañando a Xesús

Signos:
Os da Última Cea: un mantel, un pan, unha xerra das de viño, unha toalla, unha almofía (palangana), un mandil.

Breve explicación do que imos facer:
Coméntanse os signos, que nos recordan a Última Cea e os signos que Xesús fixo nela. Queremos acompañar a Xesús, como un amigo/a acompaña a un amigo/a cando o ve pasando por unha situación tensa. Acompañar, para deixarnos arrastrar por el nas súas opcións de vida, no seu estilo de vida, na súa decisión firme de chegar ata a morte, se fixese falla, antes de renunciar a ser persoa de amor e de servizo. Entrar no mundo de sentimentos de Xesús, asociarnos a el, deixarlle a el que conmova a nosa existencia toda. Imos facer iso parándonos en cinco momentos especiais que Xesús viviu con especial intensidade, antes, durante e despois da Última Cea.

24 de marzo: Xoves Santo


Evanxeo: Xn 13, 1-15

Comentario:

Todas, todos gozamos moito cando vemos unha persoa que se distingue pola súa capacidade de servizo á xente, sen buscar as súas comenencias. Recentemente puidemos ver a película de Vicente Ferrer, o xesuíta, logo casado, que na India levou a cabo unha inxente labor de promoción humana desde unha actitude de servizo, e a todos nos gustou moito a traxectoria desa persoa. Hai pouco case España enteira se enchía de agradecementos por Adolfo Suárez, pola súa capacidade para poñer harmonía, entendemento entre os políticos e porque non buscou o enriquecemento aproveitándose do seu cargo, como si fixeron antes e despois del moitos outros. E, sen pensar xa en xente tan destacada, canto nos sorprende e nos alegra tamén ver que na nosa parroquia, na nosa comunidade cristiá, na nosa vila, tal ou cal persoa se significa pola súa disposición a colaborar, a servir, a gastar tempo, preocupación, cartos, en ben de algo comunitario. Seguro que todos, todas, saberiamos dicir o nome dalgunhas destas persoas que tanto nos compracen e animan. Con eles, con elas ao noso lado, parece que a vida se nos fai máis doce, as dificultades achícanse e o futuro colle outra cor.

venres, 18 de marzo de 2016

20 de marzo: Domingo de Ramos (C)


Evanxeos: Lc 19,28-40 e Lc 22,14—23,56

Comentario:

Lemos hoxe dous anacos do evanxeo de Lucas; o primeiro, Lc 19,28-40, abrindo a Procesión de ramos, e o segundo, Lc 22,14—23,56, dentro da Eucaristía, para narrar a Paixón do noso Señor. O feito da entrada triunfal de Xesús en Nazaré, montado nun burriño, é un xesto simbólico, profético, nos que abundaban os profetas de Israel, e dos que Xesús mesmo, respondendo ao nervio profético que o caracterizaba, deu repetidas mostras: o xesto profético de tirar as mesas dos vendedores no adro do templo, o xesto do lavado dos pés aos discípulos, o xesto mesmo de partir o pan e de pasar o viño na cea de despedida, e outros que podemos espigar ao longo da súa actividade de anunciador da Boa Nova de Deus. O xesto simbólico de hoxe consiste nunha entrada triunfal en Xerusalén, ao estilo das entradas dos xerais triunfadores que naquela época se daban, pero montado nun burriño (o burro pasa a ser o símbolo principal), en paz, sen facer alarde de armas e poder, e co pobo humilde aclamando. É un xesto profético do anti-poder, do pacifismo e Xesús, dun liderado que se monta na humildade, no servizo entre o pobo, como ía montado sobre o corpo humilde dun burriño. Así é Xesús, así debería ser a súa Igrexa e as comunidades cristiás que a compoñemos. Así foron algúns dos xestos primeiros do Papa Francisco. En todo isto si que hai salvación de Deus. Oxalá a saibamos vivir e transmitir á nosa sociedade.

martes, 8 de marzo de 2016

13 de marzo: Domingo 5º de Coresma (C)


Evanxeo: Xn 8,1-11

Comentario:

Estamos de novo a voltas co perdón. Pero cunha diferenza significativa. O domingo pasado partiamos dun comportamento de Xesús –comer con publicanos e pecadores— cuestionado pola xente da teoloxía e da espiritualidade do seu tempo; botando man dunha parábola preciosa, a parábola do Pai pródigo en acollida e perdón, Xesús explicaba, xustificaba o seu comportamento. Hoxe o evanxelista Xoán sitúanos en vivo ante unha situación dramática, na que está en xogo a vida dunha persoa, unha muller por certo; chama a atención que, debendo ser condenadas á lapidación as dúas persoas que interveñen no adulterio, segundo ordena no libro do Levítico 10,10, aquí se traia unicamente á muller para a súa execución. Un máis dos miles de detalles patriarcais machistas que configuraban a cultura ambiental, da que os autores bíblicos formaban parte.

domingo, 6 de marzo de 2016

do 14 de febreiro ao 9 de abril de 2016


Lecturas:
  • TORRES QUEIRUGA, A., O matrimonio como sacramento. (do material entregado pola Escola de Espiritualidade)


Preguntas para motivar e orientar a lectura:
  1. Que frases ou ideas recordamos da Biblia acerca do matrimonio?
  2. Como explicaríamos para que é o matrimonio?
  3. O matrimonio civil é verdadeiro matrimonio?
  4. Que supón a celebración sacramental do matrimonio? Que vantaxes, que desvantaxes lle ves?
  5. Cando hai crise, que debe pesar máis: a falta de amor, a fidelidade á parella e/ou o ben dos fillos?
  6. Como vemos o que hoxe está a pasar co "matrimonio"?

Terceiro encontro do curso 2015 / 2016


Rezamos cos catro elementos: corpo, palabra, silencio, signo.

Signos: unha ola de barro: "Levamos este tesouro en cuncas de barro" (2Cor 4,7). Escoba.

1.- Encontro comigo mesmo, cos demais, con Deus a través do meu propio e precioso corpo.

Canto:
COMO CHE CANTAREI, MEU DEUS, / COMO CHE CANTAREI?
COMO CHE CANTAREI, MEU DEUS? / TAN POUCA COUSA EU SON!

mércores, 2 de marzo de 2016

6 de marzo: Domingo 4º de Coresma (C)


Evanxeo: Lc 15, 1-3. 11-32

Comentario:

Estamos unha vez máis ante a parábola coñecida tradicionalmente como a “parábola do fillo pródigo”, un título nada apropiado, porque a parábola –verémolo— non debería estar centrada no fillo menor, fose cal fose o seu comportamento, senón no fillo maior, pola súa actitude pechada ante o perdón que o pai ofrece esplendidamente e, sobre todo, debería estar centrada no mesmo pai, que non se mide o máis mínimo á hora de acoller, perdoar e festexar pola volta do fillo extraviado. De xeito que a parábola máis ben debería chamarse a “parábola do pai pródigo”, porque efectivamente se prodigou ata o extremo na acollida do fillo errante.